main content

main content
30/10/2018De 17:00 a 18:30 h
1 mes 1 profesión dixital
Online

Administración electrónica. Fai os teus trámites e xestións a través de Internet.

Coñeces que é a Administración Electrónica e os principais trámites que podes realizar online?

Cada vez son máis numerosos os trámites que podemos realizar a través de Internet. Para que poidas facelos con total seguridade, neste curso mostraremos as diferentes opcións que existen para levalos a cabo e así facilitarche estas tarefas.


 Contidos

  • Métodos para realizar trámites online: DNI electrónico, DNI 3.0, certificados dixitais, sistema Cl@ve, etc.
  • Solicitude do método que desexes para facer xestións por Internet.
  • Realización de trámites a través de Internet con e sen certificado dixital: cita médica online, borrador da renda, etc.
  • Consulta de información desde as sedes electrónicas: puntos do carné de conducir, solicitude de informe de vida laboral, etc.

Fai os teus trámites por Internet de forma cómoda e sinxela!

29/10/201810:10
Logo da Feira da Innovación USC-ABANCA.
Santiago de Compostela

Santiago acolle en novembro a primeira Feira de Innovación USC-ABANCA

A Universidade de Santiago de Compostela e ABANCA veñen de unir forzas a prol da cultura emprendedora entre os estudantes universitarios e o achado de novas propostas, solucións ou ferramentas que contribúan ao progreso tecnolóxico da nosa terra. Froito deste compromiso común é a primeira Feira da Innovación USC-ABANCA, que se celebra os vindeiros 27 e 28 de novembro na Cidade da Cultura. 

Segundo explican as dúas entidades, o obxectivo é “achegar unha xornada de portas abertas que mostre á cidadanía a oferta formativa, investigadora e de transferencia de coñecemento de USC e ABANCA”, así como a súa aposta polas ideas novas para converter en realidades de mercado.

Entre as actividades que poderán atopar os visitantes ao longo das dúas xornadas, figuran exhibicións e demostracións con diferentes tecnoloxías empregadas no eido da investigación galego (impresión 3D, drons, robots, lentes 3D...), exemplos de novas empresas xurdidas a partir do labor investigador da Universidade, presentación de patentes, obradoiros de emprendemento, charlas e conferencias divulgativas e “toda unha serie de contidos ligados á comunidade universitaria e de interese para o colectivo de estudantes, docentes, empresas e a sociedade en xeral”, explican. 

A nivel formativo, estarán representadas as cinco grandes áreas de coñecemento que engloban a oferta formativa da USC: Artes e Humanidades, Ciencias Sociais e Xurídicas, Ciencias da Saúde, Ciencias Experimentais e Enxeñaría e Arquitectura.
A nivel de investigación, fornecerase unha xanela ao traballo despregado polos preto de 2.000 profesionais da investigación e a docencia da Universidade, artellados en grupos de traballo “que poñen a innovación ao servizo da sociedade”. Asemade, porase o foco na importancia de transferencia, de tecnoloxía e de capital humano, “unha das pedras angulares da misión da Universidade de Santiago”. 

Polo que respecta á contribución de ABANCA á feira, o seu núcleo estará constituído por obradoiros e relatorios sobre os retos da transformación e dixital e sobre as profesións que collen corpo e que terán gran proxección a curto e medio prazo. Neste senso, a entidade financeira porá o foco nas posibilidades do Campus ABANCA, na oferta formativa do IESIDE e as iniciativas ABANCA Innova e ABANCA Talents.

29/10/201810:10
Logo do congreso.
Pontevedra

A terceira edición do Fórum Ries transforma o concepto de smart cities

A terceira edición do Fórum RIES18, organizado polo Cluster Saúde de Galicia (CSG), reuniu recentemente en Pontevedra a preto de 300 profesionais do sector sociosanitario e da saúde baixo un obxectivo principal: revolucionar o concepto tradicional da smart city e transformalo cara á cidadanía intelixente e non tanto como cidade intelixente. A peonalización, a accesibilidade e como lograr espazos para as persoas de todas as idades foi, así mesmo, outro dos eixos temáticos deste encontro de carácter internacional.
 
Baixo o lema "Cidades intelixentes, saudables e amigables: garantir unha vida sa e promover o benestar en todas as idades", os asistentes debateron sobre a construción dunha comunidade máis saudable, amigable, inclusiva, interxeneracional, viva, humanizada, ecolóxica e global.
 
A cluster manager do CSG, Gisela García, sinalou que Ries18 é un encontro co que "buscamos abordar os retos, oportunidades e avances que se están xerando no ecosistema da saúde. A nivel autonómico, estatal e internacional". O maior reto do foro, explicou, "é analizar o gran impacto que as contornas, espazos e infraestruturas, neste caso das cidades, teñen na mellora da saúde e calidade de vida dos seus habitantes". 
 
Propostas
O Fórum Ries18 incluíu charlas de expertos relacionados coa rede europea de ecosistemas de saúde, á cal pertence o CSG; debates de carácter rexional, nacional e europeo sobre tecnoloxías en materia de saúde; e talleres prácticos ao redor das principais temáticas do encontro: os avances tecnolóxicos na mellora da saúde, mobilidade, tecnoloxía, relacións interxeneracionais, envellecemento activo e outros.
 
Unha das charlas destacadas foi a de Carlos Moreno, investigador da Paris I-Pantheon Sorbonne, que evidenciou a necesidade de cambiar o concepto actual de smart city, unha transformación que pasa, dixo, "por eliminar mobilidades inútiles e innecesarias e potenciar as alternativas que nos permite a tecnoloxía". Para iso, subliñou, é preciso "implicar a todas as administracións, empezando polas municipais ata as estatais".
 
Como a tecnoloxía pode facilitar a vida das persoas, a súa saúde e actividade cotiá, especialmente na vellez, foi outro dos temas principais da mesa "Un ecosistema preparado para a colaboración". Nela expuxéronse, ademais, as últimas innovacións e avances no ámbito social, sanitario, da saúde e a asistencia persoal. Participan DomusviEdesdevTelevés e Obra Social La Caixa con testemuños e resultados dos proxectos destas entidades que se demostraron eficaces na mellora da calidade de vida das persoas.
29/10/201810:10
O dispositivo intelixente Walabot Home.
Santiago de Compostela

O dispositivo intelixente Walabot Home detecta as caídas das persoas na vivenda

Vayyar, especialista en tecnoloxía de imaxes de sensores 3D, anunciou a nova versión de Walabot Home. Este dispositivo intelixente está enfocado a mellorar a seguridade das persoas maiores nos seus fogares.

Walabot Home é un sistema que recoñece cando unha persoa caeuse e realiza unha chamada de emerxencia que avisa aos familiares para que poidan axudala. Este aparello non require unha instalación de cableado complexa, simplemente colócase na parede e o dispositivo realiza un sistema de monitoreo constante dos movementos do usuario na casa, cercionándose de que non sufriu ningunha caída.

Este monitoreo realízase grazas á incorporación da tecnoloxía de ondas de radio de baixa potencia, que permite eliminar o uso de cámaras para garantir a privacidade dos usuarios, sobre todo, en situacións máis sensibles como as caídas no cuarto de baño. As ondas de radio teñen un rango maior de acción, que permite ao dispositivo detectar ás persoas a través de diferentes obxectos como cortinas ou paredes de vidro, e mesmo, funciona en situacións extremas como na escuridade ou co vapor do baño.

 

Sen dispositivos extras

Unha das vantaxes deste sistema intelixente é que as persoas non necesitan levar encima ningún outro dispositivo como os colgantes ou outro elemento de alerta médica. Desta maneira, o usuario dispón dunha maior comodidade á hora de estar en casa. Ademais, se a persoa non se atopa ben, Walabot Home ofrece a posibilidade de chamar ao familiar de emerxencia pulsando un botón.

Doutra banda, Vayyar desenvolveu unha aplicación móbil que pode instalarse en smartphones e tablets para xestionar, configurar e controlar o dispositivo intelixente. A aplicación é compatible cos sistemas operativos Android e iOS e é completamente gratuíta.

29/10/201808:10
Inauguración da primeira xornada TurisTIC.
Pontevedra

TurisTIC reivindica a necesidade de estarmos nos móbiles para que nos coñezan no mundo

Antonte celebrouse no Castelo de Soutomaior un encontro para facer avanzar a innovación arredor do turismo: a primeira xornada TurisTIC da Deputación de Pontevedra, que se desenvolveu baixo o lema Impacto das novas tecnoloxías no sector turístico. A presidenta da entidade provincial, Carmela Silva, e o presidente do Clúster TIC Galicia, Antonio Rodríguez del Corral, inauguraron a sesión ás 9:45 horas, abrindo un programa de actividades (relatorios, mesas, networking) que contou con algunhas das personalidades máis relevantes no eido da aplicación das TIC no turismo, tanto a nivel galego como estatal. Entre estes expertos en innovación atopábase o fundador e director executivo da plataforma turística Minube, Raúl Jiménez, quen falou das novas metodoloxías para atraer visitantes a un destino determinado. 

O relator centrou a súa conferencia na innovación como “o motor do cambio” nesta industria e abordou as vantaxes e atrancos ás que se teñen que enfrontar as empresas turísticas nun mundo dominado polas novas tecnoloxías. “No sector turístico a transformación dixital está a xerar moitas oportunidades”, explicou, antes de facer un percorrido pola empresa que dirixe, fundada en 2007 e a día de hoxe recibindo 67 millóns de visitas cada ano e sendo un referente en servizos turísticos en liña. O conferenciante advertiu que as empresas da industria teñen que atender aos cambios que se están a producir nos procesos de compra. E explicou: “Estase a producir un chimpo radical neste sector porque a xente demanda contidos. Aquí, en Galicia, tendes un enorme potencial para vender o destino doutra maneira que non sexa mediante uns prezos baixos. As fotografías e os vídeos poden contar historias que se convertan no verdadeiro reclamo turístico desta terra”.

Como dixemos, a cita foi inaugurada pola presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o presidente do Clúster TIC Galicia, Antonio Rodríguez del Corral, contando coa colaboración da xornalista Yolanda Vázquez. Na sesión de apertura, a titular do Goberno provincial salientou a importancia do sector turístico da provincia para a economía, con máis de 10.000 empresas dedicadas a esta actividade, e enxalzou o compromiso da Deputación “para liderar a transformación dixital do sector, a través de iniciativas como esta que nos vai permitir aprender xuntas e xuntos sobre instrumentos, proxectos e iniciativas para converter ás Rías Baixas nun destino intelixente”. Segundo fixo saber, é crucial “impulsar actuacións que faciliten que o sector turístico dos concellos pontevedreses poida ter ferramentas para ser unha referencia, porque destinar recursos á tecnoloxía e á innovación non é un gasto, é un investimento fundamental para que o turismo siga crecendo desde a excelencia e a innovación". Como exemplos concretos disto, a presidenta provincial nomeou o caso da musealización do Castelo de Soutomaior, sede da conferencia, “que coa aposta que fixemos polas tecnoloxías multiplicou ata por dez o número de persoas que o visitan”.

Pola súa banda o presidente do Cluster TIC de Galicia, Antonio Rodríguez del Corral, enxalzou o talento do sector que representa, o sector tecnolóxico-dixital galego, onde hai empresas con gran capacitación que “están a axudar no proceso de transformación dixital en todos os sectores económicos”. Rodríguez animou a investir en TIC, e concretamente no comercio electrónico a través do móbil, xa que “se non estás no teléfono dos teus clientes de maneira relevante estas fóra do 60 % do comercio electrónico que se fai hoxe en día”. Na xornada tamén se trataron outras cuestións nas mesas redondas programadas. A primeira, titulada Mellora da experiencia do visitante e fidelización de turistas", estivo protagonizada por tres emprendedores: o fundador de Partee, Víctor Longo; o de Pumpún Dixital, Chiú Longuina; e o de Xoia Software Development, Xoel Vázquez. Na segunda, sobre o Impacto das TIC no sector turístico, participaron o presidente do Clúster TIC de Galicia, Antonio Rodríguez del Corral; a responsable de mercadotecnia e relacións públicas en Tee Travel, Mariña Vázquez; e a directora executiva de Volta Montana, Cristina Collazo.

21/11/2018De 09:00 a 14:00h
1 mes 1 profesión dixital
Edificio CINC, Cidade da Cultura, Santiago de Compostela

Xornada de ciberseguridade: #pemesegura.gal

No ano 2017 o virus WannaCry abriulle os ollos ao mundo: os ciberataques non entenden de tamaño e calquera empresa de calquera sector está exposta ás ciberameazas.
 
A seguridade 100% non existe, pero coñecer a que nos enfrontamos, que medidas de seguridade implantar, como xestionalas adecuadamente, xunto con plans de formación para o persoal e a colaboración con especialistas en tecnoloxía axudan a mitigar as ameazas ás que están expostas as empresas.
29/10/201808:10
Cartel de
A Coruña

O CPEIG participará con xornadas e obradoiros na Mobile Week Coruña

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vén de informar da súa participación activa na programación da Mobile Week Coruña, sen dúbida o evento galego e estatal máis importante de cantos acontecementos tecnolóxico-dixitais se desenvolven esta tempada. Na cita, que se desenvolve entre os días 21 ao 28 de novembro en diferentes emprazamentos da Coruña (e tamén en Santiago), o CPEIG ofrecerá dúas xornadas do programa Navega con rumbo, destinado a alumnado, docentes e familias. 

Celebraranse o venres, 24 de outubro, ás 11:00 horas e ás 17:00 horas en ExpoCoruña. Segundo lembra o CPEIG, o devandito programa de seu está encamiñado directamente aos escolares para guialos cara unha navegación segura, responsable e útil en internet e, deste xeito, “previr que sexan vítimas de condutas como o ciberacoso”. Amais, Navega con rumbobusca facer comunidade coas nais, pais e profesores arredor das recomendacións precisas e que, a súa vez, actúen como correa de transmisión.

Por outra banda, o Colexio organizará ao abeiro de Mobile Week Coruña un obradoiro sobre o pilotaxe de drons para nenos e nenas, o venres 24 de novembro, ás 16:00 horas en ExpoCoruña. E finalmente, o presidente do CPEIG, Fernando Suárez, e a experta en seguridade en Internet e membro da xunta directiva do CPEIG, Pilar Vila Abendaño, participarán na mesa de debate sobre Ética e tecnoloxía, o venres, 24 de novembro, no Paraninfo da Universidade da Coruña.


Máis detalles sobre o evento
A primeira convocatoria de Mobile Week Coruña está organizada pola Fundación Mobile World Capital Barcelona (involucrada na organización do Mobile World Congress). Inclúe distintos actos de carácter transversal, de balde e para todos os públicos, e que se desenvolverán en máis de 20 espazos distintos entre o termo municipal, a Área Metropolitana e a propia Compostela, na Cidade da Cultura. Haberá relatorios, mesas redondas, demostracións, exposicións de arte, obradoiros e xornadas infantís, entre outras accións.

A iniciativa divide o seu programa en catro eixos de actividade: mWeek TALKS (un ágora de debate para reflexionar sobre como a revolución dixital inflúe na vida das persoas), mWeek LAB (demostracións e talleres de cultura, tecnoloxía, robótica e ciencia), mWeek KIDS(actividades para toda a familia) e, por último, mWeek GALLERY (un programa cultural paralelo organizado en colaboración con entidades do territorio que derivará en visitas guiadas e exposicións artísticas).

26/10/201813:10
Momento da conferencia.
Pontevedra

Empresas e investigadores de videoxogos coinciden en Pontevedra no seu importante potencial publicitario

A Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación do Campus de Pontevedra acolle estes días un acontecemento relevante para todas aquelas persoas que traballan e viven ligadas ao ámbito do lecer dixital: ben desenvolvendo produtos, ben preparándose para facelo, ben analizándoos e investigando as súas posibilidades. Estamos a falar da primeira Conferencia Internacional sobre Videoxogos e Publicidade, que abriu as súas portas onte poñendo sobre a mesa unha serie de cifras salientables. Por exemplo: que o sector factura en España máis de 3.000 millóns de euros ou que a comunidade de seareiros destes produtos rolda os 26 millóns só no ámbito estatal. Isto, sinalouse, dá perfecta conta do potencial dos videoxogos como soporte publicitario. 

A conferencia, na que participan como relatores e relatoras preto de 20 expertos e profesionais, desenvólvese entre onte e hoxe na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, organizada polo grupo de investigación Comunicación Persuasiva 2, o grupo de innovación docente ComTecArt e a asociación científica Icono 14. Ademais, está coordinada pola profesora Beatriz Legerén, que sinalou que o evento busca “pór o foco nas características dos videoxogos como soporte publicitario marcado pola interacción co xogador ou xogadora, así como nas posibilidades que estes produtos supoñen desde o punto de vista da mercadotecnia e a publicidade e na súa capacidade de persuasión”.

Na inauguración (onte) participaron a devandita Beatriz Legerén e mailo vicerreitor do Campus de Pontevedra, Jorge Soto. Artelladas en seis mesas de debate e nunha serie de comunicacións, as xornadas abríronse cunha conferencia do catedrático da Universidade Complutense de Madrid, Francisco García. A continuación foi a quenda da investigadora da Universidade de Valladolid, Ana Sebastián, quen salientou que “até hai un tempo os anunciantes eran bastante remisos a apostar por uns produtos que durante moito tempo foron vistos como algo para nenos”. Porén, engadiu, “esta idea cambiou de maneira considerable ao longo dos anos, como amosa o feito de que o 22% dos usuarios e usuarias de videoxogos sexan persoas de entre 45 e 64 anos”.

Amais de Sebastián, a primeira xeira de relatorios e mesas redondas tamén contou coa participación do guionista de videoxogos Jaime Fernández, quen puxo o foco na importancia de desenvolver contidos definidos pola accesibilidade, tendo en conta factores como que preto do 16% da poboación mundial é daltónica, ou da profesional Olaia Ferrando, quen abordou como a propia industria do videoxogo busca tamén visibilidade noutros soportes “para chegar cada vez a máis público”. Este tipo de produtos, sinalou, constitúen “un universo complexo” definido por unha marca, unha música, uns personaxes, “que son tamén armas moi potentes para facer promoción”.

A primeira xornada da conferencia tamén abordou noutra mesa a temática dos eSports, que contou coa presenza do investigador e xornalista especializado neste ámbito Marcos Antón, do investigador da Universidade de Vigo Esteban Canle e da directora da empresa de deportes en liña The Cloud Gaming, Carmen Pumariño. O debate centrouse nun sector que conta en España con 2,6 millóns de seareiras e seareiros, aos que se suman outros 2,9 millóns de espectadores e espectadoras para guindar unha audiencia de 5,5 millóns. “Hoxe en día a gran maioría dos ingresos que move este sector no mundo proveñen da publicidade”, sinalou Pumariño, engadindo que “as marcas estanse a decatar de que é un novo mercado que teñen que explorar”.


O programa de hoxe
Este venres, a conferencia porá o foco na capacidade persuasiva destes produtos de lecer dixital. Farao cun tres novas mesas, nas que participarán as investigadoras María Jesús Abad, da Universidade Rey Juan Carlos; Lucinda Saldanha, da Universidade do Porto; o investigador da Universidade de Aveiro Nelson Zagalo; a deseñadora de interfaces María Fernández e os creadores de escenografías Evelio Sánchez e Rafael Tenorio. A última destas mesas servirá para afondar nesta industria desde unha perspectiva de xénero, coa participación da presidenta da Fundación iS+D, María Jesús Rosado; a presidenta da asociación Women in Games España Gisela Vaquero e da investigadora da USC Silvia López.

26/10/201810:10
Participantes nas xornadas Xuvenciencia para Profesorado.
Lugo

Xuvenciencia para Profesorado continúa este venres no campus de Lugo con talleres experimentais de cinco kits educativos

  • Os docentes de ensino medio inscritos iniciaranse na práctica investigadora da man dos dispositivos Animal CSI, Aqualab, Photonics Explorer, RescueMe e Vitroplan

 

A segunda sesión da quinta edición das Xornadas XuvenCiencia para Profesorado, unha acción enmarcada no proxecto ‘Fago, logo aprendo!’, promovido polo grupo XuvenCiencia do Campus Terra da USC coa colaboración da Federación Española para a Ciencia e Tecnoloxía - Ministerio de Ciencia, Educación e Universidades, permitirá aos docentes de ensino medio inscritos neste programa iniciarse na práctica investigadora e na experimentación da man de cinco kits educativos: Animal CSI, Aqualab, Photonic Explorer, RescueMe e Vitroplan, cos que logo poderán traballar co alumnado nas súas respectivas aulas.

As actividades programadas nesta segunda sesión das V Xornadas Xuvenciencia para Profesorado desenvolveranse esta tarde, en quenda de 17.00 a 21.00 horas, en distintos laboratorios e dependencias do campus de Lugo, os mesmos escenarios nos que poderán avanzar nesta experiencia de contacto coa investigación durante outras dúas sesións xa previstas para os días 18 de xaneiro e 22 de marzo de 2019, e nas que tamén recibirán formación e apoio de docentes e investigadores universitarios.

Esta iniciativa do grupo Xuvenciencia da USC, un equipo coordinado pola Mercedes Novo e no que están implicados outros dez docentes do campus de Lugo da USC, constitúe  a primeira acción de ‘Fago, logo aprendo!’. A través deste proxecto, o grupo Xuvenciencia favorece que o alumnado de secundaria e bacharelato se inicie no método e na práctica investigadora a través de kits de experimentación desenvolvidos por investigadores da USC e baixo a titoría de profesores de ensino medio previamente formados.

 

Kits educativos

Os kits educativos incluídos neste proxecto de XuvenCiencia abranguen temáticas diversas, polo que dan cobertura aos distintos itinerarios formativos que pode cursar o alumnado preuniversitario. Daquela, os participantes poderán coñecer e familiarizarse con este novo material docente e de experimentación presentado en formato de kit, tales como Animal CSI, Aqualab, Photonics Explorer, Vitroplant e RescueMe.

Animal CSI ‘Iniciación ao diagnóstico veterinario’ é unha proposta ideada por profesorado das áreas de Patoloxía Animal e Ciencias Clínicas Veterinarias, a través da que se pretende iniciar á mocidade no estudo da anatomía e a bioloxía celular, ademais de favorecer a adquisición de competencias básicas e científicas mediante a realización de técnicas de investigación en laboratorio de forma autónoma.

El Kit Vitroplant ‘Multiplicación de árbores por cultivo in vitro’, elaborado por profesorado do área de Produción Vexetal da USC,  inclúe actividades educativas para iniciarse no cultivo in vitro de árbores e conta con material, instrución e táboras de recollidas de datos en formato científico acaídas para o desenvolvemento de diversas tarefas.

Photonics Explorer ‘Luz, color e vida’ é unha adaptación do kit Photonics Explorer desenvolvido no proxecto europeo GoPhoton! e que xa foi usado por máis de medio millón de estudantes na UE. Trátase dunha proposta de profesorado da área de Química Física orientada a espertar vocacións no eido das ciencias e das enxeñarías. O kit inclúe compoñentes ópticos, como láseres, lentes, LEDs... e material didáctico modular e adaptable que permiten a realización de diversas actividades.

AquaLab ‘Sensores de medida de humidade no solo’ é un kit desenvolvido por profesorado da área de Enxeñaría Agroforestal que permite aos usuarios facer un balance hídrico dun solo de xeito sinxelo nunha maceta. Inclúe o material preciso para montar o sensor de humidade do solo, proceder á súa calibración e realizar un balance hídrico para estimar a perda de auga por evaporación, o contido de auga do solo por pesada, a auga aplicada e a drenaxe.

Alén dos ámbitos científico-técnicos, o kit RescueMe ‘¡Protagoniza tu historia! Fontes orais e ciencia’ é a un proxecto desenvolvido por docentes das áreas de Historia Contemporánea e Antropoloxía Social e está baseado no rexistro de memoria e na recollida e recuperación de testemuños e vivencias que aporten datos significativos ao coñecemento histórico e cultural. Esta proposta afonda no manexo das TIC como clave fundamental nun proceso de aprendizaxe e de adquisición de experiencia.

26/10/201810:10
Participantes no encontro.
Ferrol

O encontro sobre innovación social e tecnolóxica relaciona a actividade con valores humanos

  • O salón de actos do Campus de Ferrol acolleu onte, durante todo o día, a celebración do Encontro sobre Innovación Social e Innovación Tecnolóxica coordinado polo profesor do Departamento de Humanidades Wenceslao J. González.

 

A cita reuniu a máis dun cento de inscritos, fundamentalmente alumnos e profesores de varias escolas e facultades do campus local e tamén do herculino, o que demostra o interese suscitado pola mesma.

Centro de Investigación
A actividade, impulsada polo Centro de Investigación de Filosofía da Ciencia e a Tecnoloxía creado no campus ferrolán hai un ano, contou coa participación de expertos de varias universidades.

Os valores sociais nas empresas, a innovación no sector cultural, o papel da innovación para un futuro máis humano ou a "innovación aberta" e a experiencia de Telefónica foron os temas abordados no transcurso dun programa que contou co apoio do Campus Industrial.

O encontro tivo entre os seus obxectivos poñer de relevo a relevancia que os valores humanos teñen para a innovación tecnolóxica, "de modo que han de influír nos fins buscados e nos medios utilizados na Tecnoloxía", tal e como destacaba hai uns días o profesor Wenceslao J. González.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS