main content

main content
30/10/201813:10
Cartel do evento.
Santiago de Compostela

A Rede de Centros Singulares de Investigación da USC abre as súas portas á cidadanía

  • Será no transcurso da segunda edición das xornadas ‘Ciencia singular’ o vindeiro 10 de novembro

 

Por segundo ano, a xornada de divulgación ‘Ciencia singular’ achegará á cidadanía a posibilidade de coñecer in situ a investigación de excelencia que realizan a Rede de centros singulares de investigación da USC (RCSI-USC). Deste xeito, o vindeiro sábado 10 de novembro, o CiQUS (Química Biolóxica e Materiais Moleculares), CiMUS Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas) e CiTIUS (Tecnoloxías da Información) abrirán as súas portas a todas as persoas interesadas co obxectivo de reivindicar o papel destes espazos de referencia científica e dar testemuño da calidade dos resultados de investigación da rede así como valor engadido que está a achegar á mellora da calidade da vida da sociedade actual. 

A participación nesta xornada é completamente gratuíta previa inscrición a través doformulario web disposto pola organización. Ao longo da segunda edición de ‘Ciencia singular’ as persoas que acudan participarán en distintas actividades como charlas de divulgación, obradoiros científicos ou experimentos infantís, así como encontros con especialistas ou demostracións de tecnoloxías desenvolvidas nos centros. 

TIC 
No caso do CiTIUS, neste centro o persoal investigador traballa no desenvolvemento de novas tecnoloxías informáticas en áreas como a intelixencia artificial, a supercomputación, a robótica ou a nanosensórica. Todas elas contan con múltiples aplicacións no ámbito da informática, pero tamén en eidos como a industria manufactureira, a seguridade, a sanidade ou o transporte, sempre co obxectivo final de mellorar a calidade de vida. 

Química 
O compromiso diario do CIQUS en campos como a saúde (química biolóxica e médica)  ou a industria (materiais funcionais ou catálise) permitiu que en só oito anos o centro se consolidara como referente de investigación multidisciplinar na fronteira entre a química, a biomedicina e a ciencia de materiais. 

Saúde 
Polo que respecta ao CiMUS, nos seus laboratorios abórdase a previsión, comprensión e o tratamento de enfermidades crónica en áreas como o cancro, a endocrinoloxía, o trastorno cardiovascular, a neurociencia, a xenética e xenómica funcional, as terapias experimentais ou a bioestatística. Xunto co Hospital Clínico Universitario de Santiago, o centro está integrado no IDIS, instituto de investigación Sanitaria acreditado polo Ministerio de Sanidade. 

30/10/201813:10
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou onte en Santiago na xornada de APD Modelo de éxito en Galicia.
Santiago de Compostela

A Xunta investirá 40 millóns de euros en 2019 para seguir impulsando a dixitalización do tecido empresarial galego

  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou onte en Santiago na xornada de APD ‘Modelo de éxito en Galicia’, onde destacou que a diferenciación é o que está a marcar o crecemento da economía galega
  • Sinalou que o Orzamento da Consellería para o próximo ano aposta por unha industria máis competitiva e verde e pola transferencia do coñecemento unidos ao emprego de calidade

 

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou onte en Santiago na xornada de APD Modelo de éxito en Galicia, onde salientou que en Galicia o crecemento vén marcado pola diferenciación e a aposta pola innovación dos principais sectores económicos como son a automoción, o téxtil, o naval, a eólica mariña, o agroalimentario, o aeroespacial e a biotecnoloxía.

Así, Conde indicou que seguindo esta aposta do tecido produtivo galego polo valor diferencial, que é o que está marcando o crecemento da economía galega, o Orzamento da Consellería de Economía, Emprego e Industria aposta en 2019 por medidas para seguir avanzando na dixitalización da empresa, por facer unha industria máis competitiva e verde e pola transferencia do coñecemento, todo elo unido a un emprego de calidade. Destacou que son presupostos que se elaboran “pensando na próxima década”.

Para acompañar ao tecido empresarial no salto dixital, o titular de Economía sinalou que a Xunta incrementará nun 40%, ata os 40 millóns de euros, o investimento para impulsar a dixitalización das empresas e destinará 145 millóns para facer especial fincapé na formación, flexible, dual e adaptada ás necesidades das empresas para acadar un emprego cualificado e de calidade.

Apuntou, ademais, que a Administración autonómica defende un ecosistema de innovación conectado coa industria para incidir na transferencia do coñecemento e que, por iso, a Axencia Galega de Innovación contará cun 21% máis de fondos, case 100 millóns de euros, para reforzar os programas de captación e retención de talento e para seguir impulsando fórmulas de innovación colaborativa. Indicou, ao respecto, que a intención é que o ecosistema de innovación se converta nun campo de emprendemento a través das aceleradoras e de proxectos pioneiros como o Polo aeroespacial de Galicia.

Para acadar unha economía verde continuarase co impulso das enerxías renovables e da eficiencia enerxética para o que se incrementan nun 26,6% as partidas do Instituto Enerxético de Galicia (Inega). Así mesmo, poranse en marcha dúas instalacións de carga de GNL para consolidar o uso deste combustible no transporte terrestre, ao tempo que se impulsará a innovación da industria forestal para conseguir un aproveitamento máis produtivo. Do que se trata é que as contas da Consellería de Economía, Emprego e Industria se traduzan en máis emprego de calidade e nunha industria máis competitiva.


Implantación empresarial

O titular de Economía referiuse tamén á Lei de implantación empresarial coa que se está conseguindo que Galicia sexa un foco de interese para novos investimentos. No que vai de ano, a Comunidade galega conta con 3105 novas empresas e firmas xa consolidadas como PSA, Benteler, Televés ou Albo están a redobrar a súa aposta por Galicia. Para continuar con esta liña, a partir de 2019 darase preferencia e as máximas facilidades na tramitación de aqueles proxectos que sexan considerados como novas Iniciativas Empresariais Prioritarias.

Conde, para rematar, sinalou que o Orzamento da Consellería para 2019 e o impulso da Lei de implantación empresarial apostan polo modelo de diferenciación estratéxica de Galicia que está a funcionar: máis de 2400 empresas galegas, un 8,3% máis que hai tres anos, exportan xa de xeito regular. “Galicia fixo da diferenciación a súa estratexia para que a industria se sitúe entre as máis competitivas”, concluíu.

30/10/201813:10
Cartel do curso.
Ames

Todo o que quixemos saber sobre as tecnoloxías para camiñar, ao detalle en Ames

O outono convida a botarse ao monte e camiñar, non só pola beleza que adquire o medio natural, senón tamén (unha razón de peso) para entrarmos en calor. Seguindo este fío, a asociación Rutas a Pé e o Concello de Ames prepararon dous obradoiros aplicados á práctica do sendeirismo: un sobre orientación (os días 10 e 11 de novembro) e outro sobre manexo do GPS (os 12 e 13 de xaneiro). Os cursos desenvolveranse no Centro de Formación e Emprego de Aldea Nova, en horario de 09:30 a 19:00 horas. 

A primeira das accións, achegará contidos sobre a preparación de rutas, a orientación por medios naturais, a navegación básica e a introdución no uso de instrumentos como o compás, o mapa e o altímetro. A idea é que os participantes obteñan nocións de declinación magnética, acimut e rumbos, amais de coñecementos que lles permitirán ler e interpretar de maneira correcta un mapa ou empregar o compás e o sistema de GPS.

A finalidade do obradoiro específico sobre Global Position System é adestrar aos asistentes no seu manexo básico, nas súas utilidades, nos aparellos que permiten tirarlle proveito para preparar itinerarios, e na solución dos problemas que poden xurdir do seu uso. A idea é que estes coñecementos permitan ao grupo participante realizar percorridos con GPS e mesmo servir de porta de acceso segura á realización de outras actividades de maior dificultade. Nun plano máis concreto, achegaranse coñecementos sobre configuración, uso de planos 1:25000, track e waypoint como toma de referencia, sobre descarga de datos no ordenador e sobre programas como o Base Camp, o Ozi Explorer, ou Google Maps, entre outras ferramentas relevantes na Rede. Tamén se fará fincapé en como planificar rutas a través do computador e, por último, farase unha comprobación sobre o terreo de todo o aprendido.

30/10/201813:10
Logo ShowLeap.
Madrid

Showleap Technologies e a Fundación CNSE colaborarán no fomento da formación e o emprego das persoas xordas

  • Showleap está a traballar na creación do primeiro tradutor de lingua de signos a voz en tempo real.
  • Este proxecto axudará a derrubar as barreiras comunicativas que atopan as persoas xordas no seu día a día.

 

Showleap Technologies e a Fundación CNSE para a Supresión das Barreiras de Comunicación subscribiron un convenio polo que ambas as entidades colaborarán no fomento da formación e o emprego entre as persoas xordas, con especial atención á mocidade xorda, un dos colectivos máis castigados polo desemprego.

Showleap está a traballar na creación do primeiro tradutor de lingua de signos a voz en tempo real, un sistema pioneiro a nivel mundial, cuxos últimos avances presentáronse na pasada edición do South Summit celebrado en Madrid a principios de outubro.

A empresa madrileña conseguiu que o tradutor funcione con recoñecemento de imaxe en tempo real, o que favorece a autonomía das persoas xordas e evita que teñan que poñerse ningún dispositivo nos seus brazos ou mans.

Así mesmo, este proxecto axudará a derrubar as barreiras comunicativas que atopan as persoas xordas no seu día a día, e contribuirá a visibilizar a lingua de signos como ferramenta que facilita a comunicación coa contorna, un dos obxectivos que definen o labor da Fundación CNSE.

Con este mesmo obxectivo, o de romper barreiras comunicativas e empoderar e visibilizar a este colectivo, Showleap Technologies doará o 1 % dos beneficios derivados da comercialización do seu tradutor de lingua de signos á Fundación CNSE, para que os destine a proxectos de formación e fomento do emprego.

30/10/201807:10
Cartel do evento.
A Coruña

Coruña Bloggers volverá no marco da Mobile Week Coruña

A celebración da Mobile Week Coruña entre os días 21 e 28 de novembro, que contará con máis de 90 actividades na súa programación, suporá tamén o regreso dos encontros Coruña Bloggers, propio dos últimos mércores de cada mes, que de xeito excepcional celebrarán un par de sesións os días 26 e 27 de novembro (luns e martes respectivamente) ás 19:00 horas na Fundación Barrié.

Como é habitual, a xeito de entrada para estas citas os participantes poderán acudir con como mínimo 1 quilo de alimentos non perecedoiros que doaranse á Cociña Económica e, tras o encontro formal continuarase cunha sesión de networking nun local de hostalaría próximo. Desta volta, a inscrición ás actividades terá lugar a través da propia plataforma da Mobile Week Coruña.

O luns 26 intervirá como relatora principal Marga Gª Quijada, profesional dos recursos humanos e blogueira, quen impartirá unha charla sobre 7 beneficios de ter un blog (a miña experiencia persoal); completando a sesión Antonio Sangiao, quen iniciará un relatorio sobre como escribir de forma efectiva para Internet.

O martes 27 será Pilar Muíños, experta en protocolo e blogueira que abrirá a sesión cunha charla titulada Do persoal ao profesional. A evolución dunha blogueira afeccionada; continuando logo Antonio Sangiao coa segunda parte do seu relatorio sobre escritura efectiva para a Internet.

Cómpre advertir que a inscrición a dada unha das sesións deberá realizarse por separado.

30/10/201807:10
Cartel de Coren nun edificio.
Santiago de Compostela

Coren lanza o cuarto desafío de Galicia Open Future 4.0

Galicia Open Future segue adiante, achegando novas palestras ao noso talento, coa nova fórmula de convidar ás nosas novas empresas innovadoras a resolver retos concretos da industria galega máis consolidada. Se recentemente falamos dos desafíos achegados por FINSA e o Novo Grupo Pescanova (resoltos finalmente por Conexiona e Deicom, respectivamente), agora é a quenda de Coren, que lanzou o terceiro desafío para a cuarta edición (Edición Retos 4.0) da plataforma de crowdworking que Telefónica impulsa na Cidade da Cultura

A proposta de innovación é novamente un convite para emprendedores, startups, PEME e organismos de investigación. A solución que busca a compañía galega do sector agroalimentario (Como poden as novas tecnoloxías axudar a optimizar o proceso de cebo do porco?) enmárcase na dixitalización e optimización dos seus procesos na área porcina.

En concreto, Coren pretende desenvolver a captura de datos e identificación do porco, así como facer máis eficiente o seu proceso de pesado. O obxectivo pormenorizado desta convocatoria é buscar solucións innovadoras que melloren a identificación e pesado dos animais, mediante un método que permita rexistrar datos de interese sobre cada un deles de maneira áxil e unívoca. A consecución destes obxectivos permitirá a Coren “obter información de valor para os seus procesos de traballo, logrando mellorar accións como a marcaxe dos animais e a estimación sobre cando alcanzará o peso óptimo”. O prazo de presentación das candidaturas arrincou o 24 de outubro de 2018 ás 9:00 horas e finaliza o 21 de novembro ás 18 horas.

Tras recibir as propostas seleccionarase a un gañador, que poderá desenvolver un piloto da súa solución coa empresa, e até tres finalistas. A firma vencedora terá unha axuda da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN), dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria, de 20.000 euros para a posta en marcha do proxecto piloto. Ademais, tanto o gañador como o tres finalistas poderán acceder a un programa de aceleración dentro do ecosistema Open Future de Telefónica, e recibirán ademais un patrocinio de 10.000 euros, achegado por GAIN, como recoñecemento ao seu esforzo innovador. Transcorrido o tempo de aceleración, seleccionarase ao mellor do tres finalistas, que recibirá unha axuda adicional de 10.000 euros achegada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA). Á parte das achegas económicas directas, a empresa gañadora poderá acceder a un préstamo participativo, até un máximo de 100.000 euros concedido por XesGalicia. No caso dos finalistas poderán acceder a un préstamo participativo de até 50.000 euros, tamén concedido por XesGalicia.

29/10/201816:10
Firma do convenio.
Santiago de Compostela

A Xunta estende as actividades da Mobile Week a área metropolitana da Coruña e á capital de Galicia

  • A Amtega formalizou hoxe a súa colaboración coa sinatura dun convenio que achegará 30.000 euros á iniciativa
  • Galicia é a Comunidade elixida pola Mobile World Capital Barcelona para o primeiro evento que celebra fóra de Cataluña
  • Entre 21 e o 28 de novembro a MWC fusionará arte, ciencia e tecnoloxía para poñer á cidadanía no centro da revolución dixital

 

A Xunta de Galicia formalizou esta mañá a súa participación na Mobile Week Coruña (MWC) coa sinatura dun convenio de colaboración entre a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e o Club Financiero Atlántico, que posibilitará a achega de 30.000 euros a esta iniciativa.

Ademais, a Amtega colabora coa MWC ampliando o a súa área de influencia cunha vintena de actividades na propia cidade herculina e nos Concellos de Abegondo, Betanzos, Sada e Santiago de Compostela.

 

Da Coruña ao Gaiás

A Axencia pública autonómica contribúe así coa vocación da Mobile Week de irradiar a toda Galicia a necesidade de reflexionar sobre o impacto da evolución tecnolóxica na sociedade. Entre o 21 e o 28 de novembro as aulas CeMIT de Abegondo, Betanzos, Sada e A Coruña acollerán cursos e obradoiros de alfabetización dixital, formación específica sobre o uso dos servizos dixitais, programación Scratch, busca de traballo en internet e charlas divulgativas sobre os novos perfís dixitais.

A programación está dispoñible na web da MWC https://www.mobileweekcoruna.com/es/eventos/, na que tamén están as actividades previstas na Cidade da Cultura. O polo tecnolóxico do Gaiás súmase á Mobile con dúas xornadas sobre Ciberseguridade o 21 de novembro, una dirixida ás pemes e outra á cidadanía.

As actividades complétase con visitas ao Centro de Proceso de Datos Integral da Xunta, o Corazón Dixital de Galicia para o que os interesados se poden inscribir a través do mail cemit@xunta.gal.

 

Actividades e expertos

Entre o 21 e 28 de novembro, Mobile Week Coruña ofrecerá unha programación transversal e gratuíta en máis de 20 espazos ao longo dos 10 distritos da cidade da Coruña, a súa área metropolitana e a Cidade da Cultura, de Santiago de Compostela. Relatorios, charlas, mesas redondas, demostracións, exposicións de arte, talleres e xornadas infantís, entre outras, darán lugar a abordar os retos, os límites e as oportunidades de transformación dixital.

A iniciativa divide o seu programa en catro eixos de actividade: mWeek TALKS, un ágora de debate para reflexionar sobre como a revolución dixital inflúe na vida das persoas; mWeek LAB, demostracións e talleres de cultura, tecnoloxía, robótica e ciencia; mWeek KIDS, actividades para toda a familia e, por último, mWeek GALLERY, un programa cultural paralelo organizado en colaboración con institucións e entidades do territorio que derivará en visitas guiadas e exposicións artísticas.

Para fomentar a reflexión ao redor da transformación dixital e potenciar o papel do Eixo Atlántico como axente crave da dixitalización do territorio, Mobile Week Coruña contará con relatores expertos en innovación, como Silvia Leal, profesionais do ámbito dixital, Adolfo Fernández (Google), e representantes do ámbito universitario como Carmen Fernández Morante, decana da Facultade de Educación da Universidade de Santiago.

29/10/201812:10
Representación dunha rede de persoas nunha lousa.
Vigo

O proxecto TIC para pór freo ao terrorismo nas cidades europeas conta con tecnoloxía galega

Poden as tecnoloxías intelixentes, baseadas no seguimento e na análise pormenorizada da información masiva, converter as nosas cidades en lugares mellores para vivir, máis pacíficos, solidarios e amigables? A resposta, se temos en conta as metodoloxías, os obxectivos e os primeiros resultados do proxecto PRACTICIES, no que hai colaboración galega, é a todas luces positiva. Trátase, máis en detalle, dunha iniciativa europea destinada a crear unha rede de cidades que poidan identificar procesos de radicalización como medida de prevención. PRACTICIES, financiado pola Unión Europea, conta dende a súa orixe co apoio do Centro Tecnolóxico Gradiant, con sede en Vigo.

O proxecto ten a súa orixe nos recentes atentados terroristas perpetrados en diversas cidades europeas, e representa un exemplo perfecto de como a tecnoloxía pode converterse nun elemento para mellorar a calidade de vida das persoas e, máis polo miúdo, a súa seguridade. A misión do centro tecnolóxico galego ao abeiro de PRACTICIES (acrónimo de Partnership Against Violent Radicalization in the Cities) é a de desenvolver e achegar un feixe de tecnoloxías completas que axuden a identificar indicios de radicalización nos medios sociais, como Twitter, Facebook ou foros de conversa, para que outros expertos en seguridade determinen que facer e como actuar.

Un dos piares do proxecto é a súa metodoloxía de colaboración e traballo en equipo, tal e como se apunta no propio nome da iniciativa dende o primeiro dos seus termos: partnership, ou, o que é o mesmo, alianza. Do que se trata, basicamente, é de pór en contacto a diferentes axentes para que traballen ao redor dun obxectivo común (os obxectivos de seguridade de PRACTICIES), neste caso convocando institucións nacionais, rexionais e locais responsables de aplicar políticas dirixidas a previr a radicalización, así como investigadores, familias, asociacións, representantes da sociedade civil ou organizacións tecnolóxicas especializadas, como é o caso de Gradiant.

29/10/201811:10
Imaxe dunha persoa utilizando un exoesqueleto.
Santiago de Compostela

O futuro da tecnoloxía ortopédica para persoas con discapacidade

A ortopedia é un sector no que tradicionalmente a tecnoloxía estaba nun segundo plano. Con todo, nos últimos anos a introdución de novas tecnoloxías permitiu lograr uns avances sen precedentes que durante estes días puidéronse coñecer na feira ORTO Medical Care 2018 en Madrid.

Ata hai pouco tempo, a ortopedia centrábase en buscar apoios para persoas con discapacidade, con todo, a introdución da tecnoloxía permite que estes dispositivos sexan cada vez máis avanzados e supoñan unha maior axuda para os usuarios.

Igual que ocorre coa maioría dos dispositivos tecnolóxicos, os da ortopedia están a volverse cada vez máis intelixentes permitindo unha maior adaptación ás necesidades dos usuarios e con características que son cada vez máis avanzadas.

Un exemplo claro son os desenvolvementos de exoesqueletos que axudan a persoas cunha discapacidade física a recuperar parte do movemento.

Tamén as impresoras 3D supuxeron unha revolución neste campo xa que abarataron e facilitaron o acceso ás próteses e os dispositivos ortopédicos.

Todos estes avances estiveron presentes nesta feira que recibiu a visita de preto de 10.000 profesionais.

29/10/201811:10
Logo C-Voucher.
Santiago de Compostela

A Xunta participa no proxecto europeo C-VoUCHER que distribuirá 4,2 M€ a pemes interesadas na economía circular

  • É a primeira iniciativa europea que achegará ata 60.000 euros a pemes que incorporen modelos de negocio de economía circular para converter as cadeas de valor liñais en circulares
  • Durante un programa personalizado de nove meses, seis empresas traballarán con deseñadores e mentores de negocios para crear novas solucións circulares baseadas na metodoloxía “design thinking” e en tecnoloxías avanzadas
  • A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través daAxencia Galega de Innovación (Gain), participa neste proxecto como socio, xunto a outras doce entidades de seis países europeos

 

A Xunta participa en C-VoUCHER, unha iniciativa pioneira a nivel europeo en adoptar a economía circular para transformar cadeas de valor liñais en modelos circulares sostibles, con financiamento comunitario. 
A economía circular trata de buscar solucións que permitan a redución ou reutilización de residuos resultantes do procesado, fabricación e/ou distribución de calquera tipo de produtos.

O proxecto, no que participa a Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación, como socia distribuirá 4,2 millóns de euros a pemes a través de catro convocatorias. A primeira está dirixida a empresas interesadas en participar nun programa circular (un programa de aceleración en economía circular) que ofrece ás pemes seleccionadas ata 60.000 euros para que creen e deseñen solucións (produtos ou servizos novos e circulares) empregando metodoloxías de design thinking e implementando novas tecnoloxías.

O proxecto continúa coa busca de máis pemes innovadoras para que participen en convocatorias posteriores como a de pemes adoptantes (Adopter SME), na que as seleccionadas obterán ata 15.000 euros para definir estratexias detalladas (plans de viabilidade). Estas estratexias permitiranlles implementar as solucións circulares desenvoltas durante o programa de aceleración nos seus procesos, e serán creadas con deseñadores asignados especificamente para cada proxecto durante tres meses.

En total, 66 pemes europeas se beneficiarán das convocatorias de C-VoUCHER (dúas convocatorias do programa circular e dúas de pemes adoptantes). Durante a primeira convocatoria do programa circular, seleccionaranse 12 pemes que serán convidadas a un evento, o Prototype-athon, que terá lugar en xaneiro de 2019. Tras o evento, as seis pemes que máis destaquen participarán no programa circular de nove meses.

Este programa ofrece varios servizos para os beneficiarios: deseñadores profesionais escollidos especialmente para cada proxecto, expertos mentores de negocios, financiamento para implementar novas tecnoloxías e futuras oportunidades de financiamento tanto público como privado.

Ademais, estimularase ás pemes a crear solucións circulares innovadoras mediante o emprego de tecnoloxías dixitais, híbridas e enxeñarías nas seguintes industrias: agroalimentaria, manufactureira, martítima, textil e sanitaria.

O proxecto tamén repartirá un total de 6M€ de financiamento complementario para as pemes seleccionadas proporcionado por investidores privados e públicos. Tamén se creará un Kit de deseño circular para rexións, co obxectivo de implementar a metodoloxía desenvolta noutras rexións da Unión Europea.

As pemes innovadoras interesadas en deseñar solucións circulares poden participar na convocatoria do Programa Circular de C-VoUCHER ata o 30 de novembro de 2018.

 

Socios de C-VoUCHER

O consorcio de C-VoUCHER está formado por 13 socios de seis países europeos (Polonia, Francia, España, Dinamarca, Rumanía e Suecia): FundingBox Accelerator, BLUMORPHO, NEUCA S.A., Foreningen MADE, Lifestyle and Design Cluster, Danmarks Tkniske Universitet, FundingBox Communities, Agencia Rozwoju Mazowsza Spolka Akcyjna, Agentia de Dezvoltare Regionala Nord-Vest, SYSTEM@TIC PARIS REGION, Tillväxtverket, Trekantomarådet Denmark e Axencia Galega de Innovación.

Gain participa nesta actividade no marco da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3), xa que contribúe a acadar unha das prioridades identificadas no ámbito da Estratexia como é potenciar a competitividade do sector industrial galego a través da optimización de procesos produtivos e a eco-innovación para a mellora da eficiencia e do comportamento medioambiental na industria.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS