A Axencia Galega de Emerxencias e o Instituto Tecnolóxico Galego (ITG) colaborarán para o desenvolvemento e innovación dos recursos e sistemas para a xestión das emerxencias. Este foi un dos primeiros avances dunha reunión celebrada nas instalacións do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia entre o xerente da AXEGA, Marcos Araújo e a directora da Área de Sensórica e Comunicacións do ITG, Analía López, e o responsable técnico deste departamento, Marco González, na que se sentaron as bases dun novo marco de cooperación para a posta en marcha de proxectos e produtos que contribúan a aumentar as posibilidades de éxito en situacións extremas.
Durante o encontro, Marcos Araújo recordou que a AXEGA foi a primeira entidade a nivel nacional que comezou a usar os drons en servizos de emerxencias, polo que esta experiencia pode ser de moita axuda para o estudo e desenvolvemento de novos sistemas de aplicación na xestión das emerxencias. Deste xeito, comprometeuse a pór aos servizo dos arquitectos e enxeñeiros do Instituto a tecnoloxía e o material necesario para facer as probas e ensaios que certifiquen a funcionalidade dos futuros produtos e proxectos.
Do mesmo xeito, a directora da Área de Sensórica e Comunicacións destacou o traballo realizado no seo do ITG para o desenvolvemento da intelixencia artificial e software aplicable á xestión operativa de drons, de forma que existen importantes sinerxías entre ambos os dous organismos que cómpre aproveitar en beneficio da innovación tecnolóxica nas emerxencias.
A Xunta de Galicia vén de recibir o recoñecemento da Rede Europea de Servizos Sociais (European Social Network-ESN) polo ‘Proxecto Mandela’, promovido pola Consellería de Política Social e que está dirixido a facilitar a integración social e laboral das persoas que están a piques de cumprir o seu período de reclusión. Así, esta rede internacional vén de destacar esta iniciativa, que se desenvolve no cárcere de Teixeiro, como unha ‘boa práctica’ en materia de políticas activas de inclusión.
Ademais, a Rede Europea de Servizos Sociais valorou especialmente o éxito desta proposta como un exemplo de actuación conxunta entre administracións, e coa participación tamén da sociedade civil. De feito, xunto coa Dirección Xeral de Inclusión Social e o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, están implicados o Ministerio do Interior e a Fundación La Caixa. Ao respecto, hay que salientar que esta última entidade enriqueceu o proxecto cunha acción de voluntariado de persoas maiores do Centro Sociocomunitario de Vilalba, que apoia ás persoas reclusas que están máis próximas a saír da cadea na aprendizaxe e adquisición de competencias no campo da informática, internet e o uso de aplicacións.
O ‘Proxecto Mandela’ fai que Galicia sexa pioneira e un referente para o resto de comunidades autónomas á hora de traballar para facilitar o tránsito cara á liberdade da poboación reclusa. Desde a súa posta en marcha no ano 2008, ao redor dun millar de reclusos acolléronse a este programa que dirixe un equipo de inclusión social da Xunta composto por tres profesionais, con dedicación completa e exclusiva. Este persoal ocúpase de deseñar os itinerarios de inserción e da organización dos obradoiros que se desenvolven, os cales están encamiñados á adquisición e mantemento de competencias persoais dos reclusos participantes, así como á aprendizaxe de habilidades e destrezas básicas dirixidas ao emprego.
Así mesmo, cada interno ten o seu programa individualizado de tratamento e o seu itinerario de inserción sociolaboral. Todos os participantes no programa están en idade laboral e, pola súa traxectoria e duración da condena, poden optar a un terceiro grao nun prazo medio de tempo. Unha vez que os internos acadan a liberdade realízase un seguimento do seu proceso de inserción social e laboral, en coordinación cos servizos sociais municipais.
Coincidindo co recoñecemento como boa práctica europea, o ‘Proxecto Mandela’ será un dos exemplos de intervención social que se analizará nun seminario sobre activación inclusiva que terá lugar na cidade de Viena os vindeiros días 5 e 6 de novembro. Este simposio, que conta co apoio da Presidencia austríaca da Unión Europea, estudará como os servizos sociais están axudando a encontrar e reter empregos ás persoas en situación ou con maior risco de exclusión.
Neste sentido, este encontro busca contrastar a evidencia de que a integración dos diferentes servizos públicos que lles brindan apoio ás persoas máis vulnerables ten que ser unha prioridade para mellorar os resultados das intervencións que se realicen coas mesmas.
A Rede Europea de Servizos Sociais é unha plataforma de máis de 125 entidades membros en 33 países que comprende asociacións; departamentos da área de benestar de gobernos rexionais, condados e municipios; axencias reguladoras e de financiamento; universidades e outras organizacións de investigación e desenvolvemento. Esta Rede conta co apoio do Programa da Unión Europea para o Emprego e a Innovación Social 2014-2020.
A tecnoloxía ponse á nosa disposición para ofrecernos recursos para manternos activos e coidar da nosa saúde. Entre as múltiples opcións que existen podemos utilizar os nosos dispositivos móbiles diariamente para adestrar a nosa memoria.
Descobre neste curso aplicacións interesantes para manter o teu cerebro en forma.
Contidos
Aprende a manter activa a túa memoria
A sexta edición do Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay vén de abrir o prazo de inscrición de contribucións: series en liña xa consolidadas ou proxectos de series dixitais. A nova entrega do certame, que como lembraremos desenvolverase os días 3, 4, 5 e 6 de abril de 2019, repartirá máis de 5.000 euros en premios. As creadoras e creadores poden enviar as súas achegas desde hoxe mesmo e até o 18 de febreiro a través da web www.carballointerplay.com, de maneira cen por cen de balde.
Segundo informa a organización, as webseries participantes deberán ser producidas entre os anos 2017 e 2019 e ter un mínimo de 3 capítulos emitidos no momento da súa inscrición. Amais, poden ser de calquera duración, temática, xénero, de imaxe real ou de animación, estatais ou internacionais.
Entre as series recibidas, un xurado composto por profesionais do sector audiovisual e da cultura premiará a mellor webserie, a mellor webserie internacional e a mellor webserie en versión orixinal en galego con 800 euros e trofeo, para cada categoría. As eleccións do xurado novo e do público obterán 400 euros e trofeo, cada unha. Tamén haberá un premio ao mellor guión e un premio á mellor dirección, dotados con 200 euros e trofeo. Finalmente, entregaranse trofeos á mellor actriz e ao mellor actor.
Ademas, o Carballo Interplay ofrecerá (por terceiro ano consecutivo) un premio de 1.500 euros para o mellor proxecto de webserie en galego. O galardón resolverase cun pitching en directo durante o festival e a dotación económica deberá destinarse á produción dos primeiros capítulos da webserie premiada, que se proxectarán na sétima edición do festival.
A organización do CIP (o Concello de Carballo e as cineastas Sonia Méndez e Sandra Lesta a través de Interplay Produccións) lembra que o CIP é a día de hoxe un referente en contidos dixitais, recibindo cada ano, na súa sección oficial, máis de 140 webseries de todo o mundo.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e o operador R poñen en marcha a aceleradora de contidos dixitais Startups R_DICo Challenge, no marco do plan Dico Mindset impulsado polo departamento autonómico. O obxectivo é rendibilizar a medio prazo as solucións que xurdan da aceleradora de contidos e axudalas a atopar unha saída áxil e eficaz no mercado dos contidos dixitais dentro ou mesmo de fóra da Comunidade.
A aceleradora foi presentada hoxe na Coruña pola directora da Amtega, Mar Pereira, e o director xeral de R Alfredo Ramos. A responsable autonómica destacou a importancia desta “iniciativa enmarcada no Plan DiCo Mindset da Xunta, co que queremos contribuír a configurar un sector de contidos dixitais galego máis potente, maduro e competitivo”.
O director xeral de R salientou que a idea é “canalizar o talento e os proxectos innovadores, fomentar o emprendemento e que o sector poida aproveitar todo ese potencial para mellorar os seus produtos e servizos”.
Retos e selección dos proxectos
O programa comezará co lanzamento de 5 retos tecnolóxicos -un deles en colaboración coa Televisión de Galicia-, que nos próximos días se poderán consultar na web da aceleradora (www.startupsR.com). Un comité de avaliación seleccionará, nunha primeira fase, 20 candidatos do total de participantes que se presenten, e nunha segunda fase elixiranse os 5 proxectos definitivos.
Os retos formularanse en torno a temáticas como o gaming, publicidade e marketing, novos contidos e experiencias, formación innovadora, realidade virtual e aumentada, modelos de negocio, Internet das Cousas (IoT) e Intelixencia Artificial (IA), contidos sociais, apps Android, seguridade e propiedade, contidos enriquecidos, distribución, audiovisual, etc.
Os seleccionados recibirán sesións formativas durante varios meses e terán, ademais, á súa disposición, cadanseu mentor e a axuda económica da Amtega para afrontaros gastos cotiáns durante o desenvolvemento dos proxectos.
Ademais, os 5 retos seleccionados no programa poderán utilizar o espazo Startups R que se habilitará na Cidade da Cultura e terán acceso á infraestrutura e modelo de negocio de R, recibirán a formación e o acompañamento permanente dos mentores e titores e beneficiaranse do uso das instalacións e a visibilidade derivada de camiñar a carón do operador galego durante este tempo. Ao final, e tras a mutua aprendizaxe, os elixidos terán en R un potencial primeiro cliente e un trampolín para outras saídas comerciais ao mercado. Máis información en www.startupsR.com.
Axenda Dixital 2020
Ao remate desta primeira edición do programa, no mes de xuño-xullo de 2019 desenvolverase unha xornada-demo para analizar o resultado destes meses de traballo e a materialización dos proxectos.
O programa Start Ups R_DiCo Challenge enmárcase de xeito global nos compromisos adquiridos pola Amtega na contorna da Axenda Dixital 2020 para desenvolver proxectos tractores que fomenten a modernización e a innovación tecnolóxica (acordos Dico Mindset). Esta colaboración entre a administración autonómica e máis o operador galego forma parte, así mesmo, do Pacto Dixital asinado en 2013 entre a Xunta e R, xunto con outras 12 empresas do sector TIC para potenciar o desenvolvemento dixital da comunidade.
Alfonso Sánchez Izquierdo, director xeral da Corporación de Radio e Televisión de Galicia, presentou ante a Comisión de Control da CRTVG do Parlamento galego a estratexia dos medios públicos para os vindeiros anos. Esa estratexia vén marcada por sete grandes retos que condicionarán o sector audiovisual europeo e por un plan de dinamización do sector en Galicia. Ademais, remarcou o rotundo compromiso da CRTVG coa dixitalización e a innovación como vías de desenvolvemento e sustentabilidade ante os cambios normativos e os modelos de consumo e de contidos que impoñen xa as novas plataformas de comunicación global que imperan no mercado, os coñecidos como GAFAN (Google, Amazon, Facebook, Apple e Netflix).
Nunha comparecencia a petición propia, Sánchez Izquierdo sinalou que unha vez acometida a dixitalización dos seus sistemas de produción, a CRTVG afronta unha etapa marcada polos novos retos tecnolóxicos, económicos e de consumo, e pola entrada en vigor antes do remate deste ano da revisión da Directiva europea de Servizos de Medios Audiovisuais de 2010, que obrigará a mudar a lexislación española e galega ao respecto. Sánchez Izquierdo sostivo que «a radiotelevisión pública segue sendo necesaria na sociedade de Internet e é preciso seguir mantendo canles para o debate e a riqueza da pluralidade e diversidade cultural, lingüística, social e democrática das sociedades europeas», pero alertou dos retos da sociedade de Internet, «que esixen máis e mellores servizos nun momento en que os recursos económicos son inferiores, entre outras razóns porque a publicidade está migrando para as redes e plataformas de Internet, nas que resulta indispensable posicionarse». Por esa razón, as radiotelevisións públicas europeas precisan «consolidar modelos e marcos de financiamento sostibles, estables e plurianuais para poder enfrontarse aos novos retos de planificación da transformación tecnolóxica e á innovación que requiren as novas formas de consumo audiovisual».
Respecto do sector audiovisual galego, o director xeral salientou que a produción de ficción promovida pola CRTVG desde hai 20 anos «creou escola e axudou a impulsar a imaxe de marca de Galicia, destacando que “no 2008 o 58% da programación que se emitía na TVG estaba feita en Galicia e no 2017 o 97% do que se emitiu na TVG está feito en Galicia», o que expresa o peso real da aposta da CRTVG na última década.
Neste senso, Sánchez Izquierdo anunciou que a CRTVG investirá na produción de novos formatos cun plan de 100 proxectos de contidos audiovisuais para as novas canles de radio e televisión para difundir a través de Internet, dirixido a creadores novos, sen restar capacidade de produción e emisión nas canles tradicionais. Os obxectivos do plan son promover o talento creativo en Galicia; incrementar a produción de contidos para esas novas canles en Internet; e acadar que eses novos creadores se formen para dar o salto fóra de Galicia. Izquierdo puntualizou que «o plan desenvolverase ao mesmo tempo que se renovan os contidos tradicionais da radio e a televisión que se difunden para Galicia e para as comunidades de galegos que viven noutras partes de Europa e América, vencellados de forma destacable coa nosa terra a través da CRTVG».
Sinalou que, unha vez acometida a dixitalización dos seus sistemas de produción, a CRTVG afronta unha etapa marcada polos novos retos tecnolóxicos, económicos e de consumo, e pola entrada en vigor antes do remate deste ano da revisión da Directiva europea de Servizos de Medios Audiovisuais de 2010, que obrigará a mudar a lexislación española e galega ao respecto. Neste eido, xorden proxectos coma este, «se hai anos a renovación da televisión de Galicia xirou arredor da creación propia de series de ficción na nosa lingua e a partir do noso singular imaxinario, agora o reto é -sen abandonar as liñas e as tendencias dos programas consolidados- crear contidos para as redes e plataformas dixitais, para a chamada televisión na nube, para achegarse a novos públicos locais e globais que non consumen radio e televisión convencional porque xa teñen outros costumes e formas de acceso á comunicación».
O plan de actuación aprobado para os próximos dous anos traza os retos para manter un sector audiovisual propio, independente e internacionalizado en Galicia, xa que como sinalou o director xeral «o que non podemos asumir nunca é a desaparición dos medios de comunicación públicos porque deben seguir sendo os garantes máximos da atención a todos os estratos dunha sociedade coma a nosa e porque son os únicos que poden salvagardar a presenza da cultura, da lingua, da información de proximidade».
Sánchez Izquierdo lembrou a responsabilidade social corporativa (RSC) da CRTVG cos seus principios fundacionais, coa promoción e difusión da lingua, coa participación social, a transparencia e a rendición de contas, e tamén co reto da formación, alfabetización e educación para cidadanía dixital, como insta a Comisión Europea.
Neste eido, anunciou que se poñerá en marcha o próximo ano un proxecto de formación para a cidadanía dixital para explicar aos públicos novos a significación da responsabilidade do acceso, uso e consumo da comunicación na sociedade de Internet. Os medios públicos galegos xa se anticiparon ás recomendacións europeas, desenvolvendo no 2018 o seu territorio de Comunicación arredor da dixitalización de Galicia e dedicando, o pasado mes de febreiro, a súa primeira campaña de RSC, A Internet Segura, aos cativos e pais, para conciencialos do novo escenario dixital.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) incrementa o seu orzamento para 2019 en 8,84 millóns de euros e disporá de 111.455.773 euros, dos que máis do 67% está destinado a investimento. Así o explicou a directora da Amtega, Mar Pereira, durante a súa comparecencia na Comisión de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento de Galicia para detallar as contas do seu departamento para o vindeiro ano
En total, a Axencia pública destinará 74,8 millóns de euros a investimentos para completar a dixitalización da administración e da Xustiza, reforzando a dispoñibilidade e seguridade dos servizos dixitais; impulsar a innovación tecnolóxica nos servizos sociais e na educación; establecer novos mecanismos para a conservación e difusión do patrimonio cultural; modernizar sectores clave como o turismo, os sectores primarios e a mobilidade; mellorar a conectividade, con especial foco no rural e apoiar a xeración de talento dixital e o crecemento do sector TIC.
En 2019 avanzarase na dixitalización dos servizos da Administración e de Xustiza cun investimento de 14 millóns de euros a través do Plan de Goberno e Administración Dixitais e do Plan Senda 2020. Para dar resposta aos retos da transformación dixital da Administración pública e garantir a custodia da información dos cidadáns e a dispoñibilidade dos servizos dixitais duplícase o orzamento en seguridade (chegando aos 3,8 millóns de euros). Vinculado ao anterior reforzaranse as infraestruturas coa ampliación da capacidade de almacenamento do Centro de Proceso de Datos Integral do Gaiás.
O desenvolvemento da educación dixital disporá de 7,4 millóns de euros para 2019. Entre as actuacións previstas está a extensión da educación dixital no marco do Proxecto Abalar dotando ao alumnado e profesorado de novos dispositivos; proporcionando novos contidos educativos dixitais, e un Servizo de Soporte Premium de atención 24x7.
No ámbito dos servizos sociais, prevese unha dotación de 3,7 millóns de euros, parte dos cales se destinarán ao Plan Trabe para consolidar a Historia Única Social Electrónica (HSUE), que xa conta con máis de 600.000 historias dixitais, e á que xa se adheriron preto de 250 Concellos e á extensión do Sistema Integral de Xestión de Centros de Servizos sociais a 23 centros de persoas maiores e con discapacidade.
En 2019 duplícase o investimento en banda larga cun orzamento de 8.024.905 € de fondos FEADER, para estender redes de 100Mbps en máis de 400 núcleos de zonas rurais e desenvolve unha nova actuación para facilitar a conexión das empresas illadas a estas redes.
Ademais, a Xunta aposta por converter a Galicia en rexión preferente no extensión da tecnoloxía 5G. Nos vindeiros días formalizarase a creación do Nodo Rexional 5G, integrado por Telefónica, Vodafone, Orange e coordinado polo operador público Retegal para lanzar en 2019 diferentes probas de concepto baseadas nesta tecnoloxía en ámbitos prioritarios para Galicia.
En 2019 desenvolverase a plataforma que permitirá unha xestión dixital do agro a través de medios tecnolóxicos innovadores (drons, sensores, sistemas de intelixencia de negocio...) para os controis sobre o terreo, ou a evolución dos cultivos nas parcelas. É unha das iniciativas de Programa Primare-agro, dotado con 2,2 millóns de euros no 2019, e para o que se apostou pola Compra Pública Innovadora. No sector da pesca este programa posibilitará a dixitalización de 35 lonxas.
O vindeiro ano poranse en marcha as principais medidas do Plan eMobility como a oficina virtual da mobilidade que permitirá a xestión integral e telemática da relación co sector do transporte, o portal e a app bus.gal, que prestará servizos á cidadanía como a xestión do transporte á demanda, o acceso ás rutas en tempo real e o pago a través do móbil.
A iniciativa Memoria Dixital de Galicia con 2,5 millóns de euros en 2019 avanzará na aplicación das TIC para universalizar e conservar o patrimonio cultural galego incrementando os 310.000 obxectos dixitais recollidos en Galiciana, poñendo en marcha o sistema de inventariado, xestión e xeorreferenciación do catálogo de patrimonio cultural e bens de interese cultural e incorporando 80 novas bibliotecas ao catálogo colectivo único.
O Plan Smart Turismo conta con 1,2 millóns de euros para, entre outras medias, consolidar a xestión electrónica integral da inspección turística, e o avance en técnicas de Big Data aplicadas ao sector, dotar de medios tecnolóxicos as 8 oficinas de turismo dependentes da Xunta de Galicia para ó achegamento ao peregrino.
A Amtega destinará máis de 1 millón de para as actividades do Plan de Inclusión Dixital a través da Rede CeMIT, que no vindeiro ano impartirá preto de 35.000 horas de formación gratuíta, coa previsión de incrementar en 8.000 os seus usuarios ata acadar os 88.000.
O Centro Demostrador TIC impulsará os servizos destinados a promover a dixitalización das pemes galegas, 90 actividades nas que está previsto que participen máis de 1.000 asistentes
En colaboración con empresas do sector tecnolóxico desenvolverase a primeira edición do Plan de Promoción do Talento Dixital de Galicia 2018 – 2020 para reducir a fenda crecente entre a demanda e a dispoñibilidade de talento dixital, cun orzamento de 1,2 millóns de euros.
No marco do programa de impulso aos contidos dixitais DICO Mindset (dotado con máis de 1 millón de euros para 2019), realizarase unha nova edición do evento DICOSummit, para contribuír ao posicionamento de Galicia como punto de referencia do sector e lánzase a contratación da plataforma de contidos dixitais interactivos en colaboración coa CRTVG dentro do proceso de compra pública innovadora en marcha.
Durante o 2019 continuaranse apostando pola colaboración co sector tecnolóxico para acompañar as iniciativas de emprendemento dixital, cunha nova edición dos programas de Telefónica e Vodafone e coa posta en marcha da primeira edición dunha aceleradora no ámbito dos contidos dixitais en colaboración con R Cable.
O Campus de Pontevedra vén de levar a cabo a súa nova campaña (a oitava) de recollida de refugallos eléctricos e electrónicos, a Semana de Recollida de RAEE. Segundo informou a Uvigo, a iniciativa saldouse cunha ducia ordenadores de sobremesa e portátiles, dez teléfonos móbiles, 13 impresoras, dous televisores e unha manchea de compoñentes informáticos. En total reuníronse 152 aparellos, entre electrodomésticos e compoñentes informáticos, nos puntos de recepción emprazados do 22 ao 26 de outubro nas diferentes facultades e escolas, na Escola Infantil, no Pavillón Universitario e na Casa das Campás.
Inserida no plan de acción do proxecto Green Campus, a iniciativa que a Vicerreitoría promove coa colaboración da Oficina de Medio Ambiente (OMA) da Universidade ten como fin sensibilizar á comunidade universitaria sobre o problema que representa unha incorrecta xestión do dito material informático e electrónico, amais de promover un correcto tratamento dos mesmos e das baterías que os alentan. Destes máis de 150 aparellos e dispositivos recollidos, 63 foron depositados no punto instalado na entrada da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, o centro que rexistrou unha maior actividade nesta oitava Semana de Recollida de RAEE. No plan de acción do proxecto Green Campus para este curso figura a celebración de dúas edicións máis desta iniciativa, que en 2019 volverá desenvolverase en febreiro e seguramente en maio.
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou na rolda de prensa do Consello que a cuarta edición do Conecta peme mobilizará máis de 47 millóns de euros en 54 proxectos de innovación empresarial.
Máis polo miúdo, Feijóo explicou que para a selección dos proxectos primouse o novidoso das tecnoloxías xeradas e a súa capacidade para poñer no mercado novos produtos e solucións que supoñan un avance significativo ou un alto impacto económico.
Así mesmo, nesta convocatoria destinarase un 8% máis de orzamento que na anterior, chegando aos 27 millóns de euros en axudas para beneficiar a un total de 169 empresas –o 93% pemes–, e a 24 centros tecnolóxicos e organismos de investigación, co obxectivo de xerar 72 empregos cualificados.
Cómpre salientar que dos 54 proxectos, 38 están vinculados ao desenvolvemento experimental; 9 a potenciar a Industria 4.0 a través de proxectos de innovación en materia de organización e proxectos e 7 terán como obxectivo a investigación industrial. E, por sectores, preto do 30% centraranse na área da nanotecnoloxía e materiais e tecnoloxías da produción; cerca do 28% no eido da enerxía e do medio ambiente e o 15% en torno á saúde e o benestar.
Ao longo da súa intervención, o presidente da Xunta precisou varias novidades, ademais do incremento do orzamento como a simplificación de trámites, a especial valoración da contratación de persoal e o potencial en canto a viabilidade e rendibilidade dos proxectos, así como o fomento dunha maior concorrencia para evitar a concentración de axudas nunha mesma empresa.
Conecta Peme pretende estimular a innovación das pemes galegas
Dirixido a proxectos que contan cun orzamento de entre 500.000 euros e 1,5 millóns de euros, Feijóo aseverou que esta iniciativa pretende estimular a innovación das pemes galegas e fomentar a cooperación entre os diferentes axentes, xa que cada proxecto conta coa participación de entre tres e seis empresas e pode incluír unha grande empresa.
Desde a súa posta en marcha, no ano 2013, este programa está a mobilizar 150 millóns de euros en 187 proxectos de cooperación, nos que están a participar 433 empresas (95% pemes) e 81 centros tecnolóxicos e de investigación, e coa creación de 530 empregos.
Este programa compleméntase con Interconnecta que, desde 2011, tamén está a favorecer o desenvolvemento de 172 proxectos entre grandes consorcios de empresas e centros de coñecemento, coa participación de 565 empresas galegas.
O 97,5% dos fogares galegos con nenos e nenas en idade escolar (3 a 16 anos) ten contratado banda larga, aumentando un 3,9% respecto ao ano anterior e superando en 17,6 puntos aos fogares onde non residen estudantes. A contratación deste servizo aumenta nos fogares onde residen estudantes maiores de 16 anos, acadando o 98,9% e amosando a incidencia de Internet no período escolar e universitario.
Así se recolle no estudo “A Mocidade e as TIC. Edición 2018” que publica hoxe o Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Incremento de actividade dixital nos máis novos
A convivencia con nenos en idade escolar (3 a 16 anos) e estudantes maiores de 16 anos, aumenta o uso de ordenadores e móbiles nos fogares e tamén a navegación por Internet. O uso de dispositivos electrónicos (ordenador, smartphone,...) acada xa ao 98,5% dos mozos e mozas de 16 a 34 anos, confirmando que convivir con nenos/as en idade escolar obrigatoria é un factor potenciador do uso das TIC nos fogares galegos, xa que supera en 23,9 puntos porcentuais aos datos que rexistran as persoas maiores de 35 anos.
A contratación practicamente universal de Internet nos fogares onde residen nenos e nenas tradúcese nun aumento tamén significativo do seu uso, de xeito que un 98,3% de mozos e mozas de 16 a 34 anos navegou por Internet nos últimos 3 meses, fronte ao 77,2% dos maiores que navegaron por Internet nese período (35 a 74 anos).
En relación á frecuencia do uso de Internet, o 92,7% dos mozos e mozas de 16 a 34 anos navega diariamente, fronte ao 78,8% de internautas de máis idade (35 a 74), o que amosa unha diferenza xeracional de 13,9 puntos porcentuais neste indicador.
Respecto aos hábitos dos internautas, aumentan as compras de bens ou servizos a través de Internet nos 3 últimos meses entre os máis novos. Máis da metade dos mozos entre 16 e 34 anos (52,9%) compraron a través Internet. Esta porcentaxe redúcese á metade (25,2%), no caso dos de idades entre os 35 e os 74 anos. No último ano, as compras a través de Internet aumentaron 4,9 puntos entre a poboación de 16 a 34 anos, superando o ritmo de crecemento que se rexistra no tramo de idade de 35 a 74 anos (2,7 puntos de aumento)
Constatárase a diferenza de coñecementos en TIC entre mozos e maiores tamén na análise dos trámites realizados coas administracións públicas, onde os internautas máis novos (16 a 34 anos) relacionáronse en maior medida coas administracións públicas a través de Internet, especialmente no referente á procura de información (83,8%) ou ao envío de formularios cubertos (79,3%). As diferenzas cos trámites feitos por internautas de 35 a 74 anos rondan os 23,3 puntos no caso da procura de información e 18,8 puntos no envío de formularios.
Os obstáculos no uso das TIC varían segundo a convivencia con nenos
As motivacións para non contratar aínda Internet nos fogares con nenos e nenas en idade escolar, continúan sendo os custos de equipamento e conexión. Pola contra, nos fogares que non teñen menores en idade escolar (3 a 16 anos), a razón principal para non dispoñer de Internet é a percepción de que non lles resulta útil nin interesante.
Poden consultarse os datos deste informe na seguinte ligazón: www.osimga.gal