main content

main content
06/11/201810:11
Mapcesible.
Madrid

Mapcesible. Fai visible o accesible!

  • A app colabrativa onde calquera persoa pode mapear a accesibilidade en España.

 

Terá ascensor o museo?, contarán con baño adaptado no restaurante?, haberá rampla de acceso á praia? estas e outras moitas preguntas son as que se cuestionan miles de persoas cada día antes de saír de casa. Ante esta realidade nace Mapcesible, a App colaborativa de accesibilidade impulsada pola Fundación Telefónica que conta co apoio de COCEMFE. O 14 de novembro presentámola no Espazo Fundación Telefónica. 

Baixo o lema Fai visible o accesible, Mapcesible nace co obxectivo de ser unha plataforma colaborativa onde calquera persoa, teña ou non mobilidade reducida, poida mapear a accesibilidade dos lugares que visita ou consultar as valoracións para planificar os seus desprazamentos diarios. Deste xeito é posible localizar a golpe de vista os puntos accesibles en España facilitando, grazas á tecnoloxía, o día a día das persoas con mobilidade reducida.

Esta plataforma colaborativa ofrece información de puntos accesibles incluíndo cinemas, teatros, restaurantes, aloxamentos, ou espazos públicos como praias, prazas de parking, ou polideportivos. Ademais dos lugares subidos polos propios usuarios da App, incorporáronse bases de datos de organismos oficiais como o Ministerio de Agricultura e Medio e Concellos, utilizando diferentes tecnoloxías como big data, intelixencia artificial ou xeolocalización para o beneficio da sociedade.

Conscientes de que a accesibilidade é un problema de todos, Voluntarios Telefónica identificou un problema onde a tecnoloxía podía ter un papel clave. Foi a través de Willy e o Centro Lester, onde se estaban realizando talleres de rehabilitación para persoas que perderan mobilidade por diversas enfermidades. Alí mostráronlles a semente da App e rapidamente uniron forzas para xuntos crear algo grande, Mapcesible.

A partir de aí foron máis de 700 os voluntarios Telefónica os que quixeron sumarse ao reto e mapear, durante as súas vacacións e tempo libre, a accesibilidade de diferentes lugares do noso país.

Outra das claves de Mapcesible é que está aberto a toda a sociedade, permitindo así que calquera persoa se converta en voluntario dixital e poida colaborar coa accesibilidade mapeando novos lugares.

Os usuarios terán que rexistrarse co seu email e responder a unha serie de preguntas sinxelas que permitirán mostrar dunha maneira rápida como de accesible é un lugar, valorando así de maneira colaborativa a accesibilidade de calquera lugar de España.

Mapcesible xa está dispoñible en dispositivos móbiles para as dúas grandes plataformas máis estendidas (iOS e Android) e vía web desde calquera dispositivo.

Colabora mapeando a accesibilidade dos lugares que visites por toda España e axuda a miles de persoas con mobilidade reducida. Clic a clic, entre todos podemos facer a súa vida máis fácil.

06/11/201810:11
Cartel do evento.
A Coruña

Estonia debullará na Deputación da Coruña a súa transformación en referente dixital

Esta semana, o 7 de novembro, a Deputación da Coruña vai organizar unha xornada sobre economía dixital. A xuntanza, que se enmarca no ciclo Europa na provincia da Coruña, xirará arredor dos novos xeitos de producir que se asentan e se fan realidade grazas á sociedade conectada e intelixente. Contarase coa presenza de representantes das embaixadas de Estonia e Finlandia, da axencia AMTEGA e da Dirección Xeral de Rede de Comunicación, Contido e Tecnoloxía. O embaixador do devandito país báltico explicará na sede da entidade provincial o proceso que converteu este país na referencia dixital de Europa.

Segundo explicou o presidente da Deputación, Valentín González, “xuntaremos expertos de primeiro nivel que contarán as súas experiencias no desenvolvemento da economía dixital como oportunidade para o desenvolvemento socioeconómico do territorio”. O propio Valentín González será o encargado de inaugurar o encontro, xunto coa directora do centro Europe Direct, Amparo Taboada.

Pola súa banda, o embaixador de Estonia en España, Rasmus Lumi, e a representante da embaixada finlandesa en España, Anabella Polo, explicarán a experiencia de ambos os dous países, considerados líderes europeos en procesos de dixitalización tanto na administración pública como no sector privado.

Pola xornada pasarán tamén, achegando as súas experiencias, Xurxo Remuiñán, policy officer da Dirección Xeral de Redes de Comunicación, Contido e Tecnoloxía, que explicará as ferramentas de financiamento europeo no ámbito da economía dixital, e Carlos Vázquez Mariño, director de Solucións Tecnolóxicas de AMTEGA, que explicará o programa Primare para o aproveitamento da tecnoloxía na transformación do sector primario en Galicia.

O evento rematará cunha mesa redonda sobre boas prácticas no mercado dixital na que particparán representantes de empresas tecnolóxicas, turísticas e do sector primario, compartindo as súas experiencias nestes ámbitos.

A xornada, de balde, está aberta a representantes dos concellos e entidades locais, empresarios, emprendedores e asociacións da provincia da Coruña.

Para inscricións ou información complementaria, pódese contactar co correo electrónico europedirect@dacoruna.gal, ou ben, co número de teléfono 981 080 331.

06/11/201809:11
Edificio do viveiro da Cámara de Santiago.
Santiago de Compostela

O viveiro da Cámara de Santiago, o mellor de España segundo FUNCAS

viveiro de empresas da Cámara de Comercio de Santiago, palestra e acubillo dun relevante número de iniciativas tecnolóxicas, vén de ser recoñecido como o mellor de España segundo os datos recentes da clasificación global da Fundación das Caixas de Aforros (FUNCAS). A incubadora, emprazada no Polígono de Costa Vella de Compostela, acolle na actualidade 42 empresas, vinte das cales son empresas virtuais. 

Segundo informa a Cámara, a devandita clasificación forma parte do informe titulado Os servizos que prestan os viveiros de empresas en España, ranking 2018-2019, traballo asinado por cinco investigadores que se estende ao longo de 78 páxinas.

FUNCAS sinala na investigación que o viveiro da Cámara de Comercio de Santiago posúe unha “calidade superior nos seus servizos”, segundo a categoría Avanzados do ranking global. Ademais, no estudo explícase que a incubadora de Santiago está “orientada fundamentalmente ao sector servizos, pero pode servir tamén como oficina de xestión de proxectos relacionados con outros sectores”. 

Como dixemos, o viveiro compostelán incuba a día de hoxe 42 empresas, cunha taxa de ocupación aproximada do 80%. Desde a súa creación en 2006, pasaron polo viveiro un total de 177 empresas, das cales, 135 continuaron a súa actividade empresarial con éxito fóra del, polo que finalmente a taxa de supervivencia empresarial sitúase nun 76%. 

A dirección da Cámara manifestou hoxe a súa satisfacción polo recoñecemento: “O estudo de FUNCAS salienta que somos un viveiro exemplar na incubación de proxectos empresariais. Fomos os mellores de España en 2015 e agora repetimos, amais de ter sido distinguidos como os mellores de Galicia en 2016. A nosa vocación no fomento do emprendemento e a súa cultura é incuestionable. Os resultados aí están e, por iso, todos os nosos profesionais merecen igualmente ser felicitados”.

Para quen non o saiba, a incubadora do Polígono de Costa Vella creouse en 2006 para “impulsar a creación, medre e afianzamento de empresarios individuais e empresas”. Con financiamento achegado integramente por recursos propios da Cámara de Comercio de Santiago, o viveiro conta unicamente con apoio técnico da Administración local.

A incubadora, amais, forma parte activa da Rede INCYDE, que é a maior rede de viveiros empresariais de Europa. Este tecido conta actualmente con 177 viveiros de empresas en funcionamento.

06/11/201809:11
Cartel do evento.
A Coruña

A Cátedra UDC-everis de Transformación dixital analiza o “blockchain”

A Cátedra UDC-everis de Transformación Dixital, que dirixe a profesora Adriana Dapena, organiza hoxe unha xornada sobre a cadea de bloques, “blockchain” na aula 3.2 da Facultade de Informática ás 15:30 horas.

Participarán Victoria Torres, Digital & Blockchain Leader de everis; Alejandro Castro, Technical Manager de everis, e Antonio Comesaña de Agalbit.

Esta xornada ten o obxectivo de explicar que é “blockchain”, onde e cando se emprega así como analizar cómo se está implantando en Galicia e en España. Previamente, pola mañá, ás 12:30 horas, haberá unha reunión de traballo no Centro de Investigación de Tecnoloxías da Información e da Comunicación (CITIC) dos participantes nesta xornada cos grupos de investigación do CITIC.

06/11/201809:11
Dispositivos conectados.
Santiago de Compostela

ISO elabora a primeira norma internacional para o Internet das Cousas

Organización Internacional de Normalización (ISO) anunciou a publicación do primeiro estándar internacional para o Internet das Cousas. Desta maneira, garántese a seguridade, a confianza e unha base tecnolóxica con medidas e sistemas robustos.

Co estándar ISO/IEC 30141 Internet das Cousas (IoT)- Arquitectura de Referencia, ISO creou un marco común para todos os deseñadores e desenvolvedores das aplicacións de IoT, garantindo o desenvolvemento de diferentes sistemas fiables, protexidos, que preserven a privacidade e que sexan capaces de afrontar interrupcións como consecuencia de catástrofes ou de ciberataques.

Este estándar internacional proporciona unha arquitectura de referencia de IoT estandarizada internacionalmente que utiliza un vocabulario común, deseños reutilizables e as mellores prácticas do sector.

 

Desenvolvemento da norma

Os organismos que participaron para a elaboración do estándar ISO/IEC 30141, foron o comité técnico conxunto da Organización Internacional de Normalización e a Comisión Electrotécnica Internacional: ISO/IEC JTC 1, Tecnoloxía da información; subcomité SC 41: Internet das cousas e tecnoloxías relacionadas.

Así mesmo, o grupo de traballo de ISO/IEC está inmerso na elaboración de futuras normas como a que establecerá o marco de aplicación para a xestión de enerxía da demanda de instalacións industriais ou a de rede de sensores para medidores de gas inalámbricos, entre outras. Actualmente, en España publicouse a Especificiación UNE 0060 Industria 4.0. Sistema de xestión para a dixitalización, cuxo obxectivo é favorecer a dixitalización da industria española, a través dun sistema de xestión eficaz.

05/11/201818:11
Cartel dos premios.
Oviedo

A Fundación Vodafone España entrega en Oviedo os "Premios Vodafone á Innovación"

  • O acto de entrega contou coa presenza de Isaac Pola, conselleiro de Emprego, Industria e Turismo do Principado de Asturias, e do presidente de Vodafone España e da Fundación Vodafone España, Francisco Román
  • Os proxectos premiados nesta edición foron:
  • MJN-SERAS: unha solución que mediante un wearable e unha aplicación móbil recompila datos en tempo real para avaliar o risco e avisar antes de que unha persoa sufra unha crise de epilepsia
  • Showleap: un tradutor de lingua de signos a voz en tempo real que, mediante o uso duns brazaletes, permite a comunicación entre persoas xordas e oíntes
  • Ademais, a Orde Hospitalaria San Juan de Dios foi recoñecida pola súa constante aposta polo uso da tecnoloxía para xerar un maior impacto social

 

A Fundación Vodafone España celebrou esta tarde en Oviedo a cerimonia de entrega dos seus premios anuais á Innovación. Nesta duodécima edición o xurado concedeu tres galardóns, dotados con 15.000 euros cada un, a dous proxectos accesibles que innovan no ámbito das TIC para mellorar a calidade de vida dos colectivos vulnerables e a unha entidade social en recoñecemento á súa traxectoria no uso das TIC.

O acto de entrega contou coa presenza de Isaac Pola, conselleiro de Emprego, Industria e Turismo do Principado de Asturias, e Francisco Román, presidente de Vodafone España e da Fundación Vodafone España.

conselleiro de Emprego, Industria e Turismo do Principado agradeceu á Fundación Vodafone a elección de Asturias como sede do acto de entrega dos Premios. Así mesmo, fixo especial fincapé "no esforzo e compromiso do Goberno do Principado e os axentes sociais no desenvolvemento dun potente ecosistema de innovación, integrador de todos os axentes involucrados e que erixe a innovación como valor principal da competitividade do noso sector empresarial e a nosa rexión". Isaac Pola tamén explicou as liñas xerais do novo Plan de Ciencia, Tecnoloxía e Innovación do Principado e do programa Industria 4.0, que sitúan a Asturias nun posto destacado en materia de transformación dixital.

Para Francisco Román, presidente de Vodafone España e da Fundación Vodafone España, os premiados "son tres claros exemplos de que o futuro pasa pola transformación dixital e a innovación continua. Cremos que apoiar estes proxectos é fundamental para afrontar os retos sociais que nos esperan e para contribuír a desenvolver sociedades máis sustentables, intelixentes e inclusivas". "Todos os nosos esforzos deben estar centrados en mellorar a vida das persoas, especialmente daquelas que teñen máis dificultades. A tecnoloxía non será útil se non serve para que os cidadáns poidan vivir sinxelamente mellor. O meu parabén aos premiados, aos que se lles recoñece o seu esforzo, e tamén o seu éxito, aínda que, sen dúbida, o maior dos seus méritos e o que máis debe reconfortarlos é contribuír a unha sociedade mellor."

No que respecta aos premiados, o xurado decidiu recoñecer na categoría "Premio á Traxectoria no uso das TIC", á Orde Hospitalaria San Juan de Dios, unha organización internacional, sen ánimo de lucro, que presta coidados sanitarios aos máis necesitados. Os seus obxectivos principais son a hospitalidade e a humanización da asistencia. Nos últimos anos incorporou a tecnoloxía dunha maneira transversal para conseguir un cambio profundo nos modelos de atención, así como tamén na cultura organizacional e nas formas de traballo.

Na categoría "Solución social TIC", que recoñece solucións de amplo impacto social e para calquera ámbito, o premio recaeu en MJN-SERAS, unha proposta desenvolvida por MJN Neuroserveis, que mediante un wearable en forma de audífono (personalizado con tecnoloxía 3D) e unha aplicación móbil que contén algoritmos de Intelixencia Artificial, é capaz de medir de maneira continua o risco de sufrir unha crise de epilepsia, rexistrar as crises e almacenar os datos de actividade cerebral da persoa. A aplicación ten como funcionalidade principal un semáforo de risco de crise. Se o semáforo está en verde implica risco baixo de crise, o que se traduce en calidade de vida para a persoa xa que pode programar actividades sen preocuparse de sufrir unha crise. O semáforo en vermello implica risco moi alto de crise polo que se inician os protocolos (programables) de seguridade. Estes protocolos van desde o aviso á persoa ou coidadores, como así tamén a xeolocalización. Ademais, o paciente debe sempre confirmar o seu estado despois dunha crise. De non ser así o sistema inicia o protocolo de urxencia xa que significa que o paciente pode sufrir un accidente despois da crise.

Por último, na categoría "Accesibilidade TIC", que valora proxectos que sexan de aplicabilidade a un ou a varios tipos de discapacidade (sensorial, cognitiva ou física) e que promovan a autonomía persoal e a mellora da calidade de vida, o xurado premiou a Showleap, unha solución que ten como obxectivo axudar na comunicación das persoas xordas ou con discapacidade auditiva permitíndolles comunicarse con calquera persoa oínte ou que non entenda a lingua de signos. Showleap funciona mediante o uso de dous brazaletes que detectan o movemento da persoa cando está signando, e un software "que pode instalarse no móbil, tablet ou portátil do usuario- que traduce en tempo real o que a persoa xorda expresa en lingua de signos e pásao a texto e voz. Ademais, cando a persoa oínte fala á persoa xorda, a aplicación converte estas palabras a texto, para que a persoa xorda poida lelas no seu dispositivo.

Ademais do premio en metálico e dunha escultura conmemorativa, as categorías "Accesibilidade TIC" e "Solución Social TIC" terán presenza no Mobile World Congress de 2019 e a participación nos talleres de formación "Campus CDTI" do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.

O xurado desta XII Edición dos Premios estivo formado por Francisco Marín, director xeral do CDTI (Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial); Carlos Grau, director xeral da Fundación Mobile World Capital Barcelona; Miguel Ángel Valero, director xeral de CEAPAT (Centro de Referencia Estatal de Autonomía Persoal e Axudas Técnicas); Ricardo Gabarró, director de I+D+i do Grupo Eulen; Rodrigo Hilario, director de Estratexia de RENFE; Mar Pereira, directora de AMTEGA (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia); Manuel Muñíz, CEO de MIOTI (Madrid Internet of Things Institute);  David Santamaría, Industry Head Telecom de Google España;  José Manuel Sedes, director de Sustentabilidade de Vodafone España; Branca Echániz, directora de Produtos e Servizos de Vodafone España; Enrique Martín, director de Innovación de Vodafone España; e Mari Satur Torre, directora de Innovación da Fundación Vodafone España.

05/11/201817:11
Estanterías con produtos antigos.
Cariño

A Xunta destaca en Cariño a aposta do comercio de proximidade pola dixitalización para ofrecer novos servizos aos clientes

  • A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, participou hoxe nun networking sobre innovación comercial celebrado na localidade coruñesa en colaboración coa Federación Galega de Comercio
  • A Consellería de Economía, Emprego e Industria mobiliza máis de 4 millóns na modernización de empresas comerciais e artesanais

 

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, destacou hoxe en Cariño (A Coruña) nun networking sobre innovación, renovación e consolidación comercial, celebrado en colaboración coa Federación Galega de Comercio, a aposta que está a realizar o comercio de proximidade pola dixitalización e o uso das tecnoloxías para ofrecer novos servizos aos clientes e chegar a un maior público.

Na xornada, na que se abordou de xeito específico o impacto do novo regulamento europeo de protección de datos no sector, destacando as novidades máis importantes desta normativa, Vázquez Abeal sinalou que a dixitalización é un reto que pode potenciar as fortalezas do pequeno comercio, como son a proximidade, o trato personalizado e a calidade.

Neste contexto, a Xunta está a mobilizar este ano máis de 4 millóns de euros na dixitalización e modernización de empresas comerciais e artesanais para a implantación de solucións que permitan os beneficiarios adaptarse ás novas fórmulas de comercialización e ás tendencias do mercado, así como proxectos de modernización integral de locais.

Así, cuns apoios públicos de 1,5 millóns de euros, beneficiaranse destas axudas un total de 471 comercios e obradoiros artesanais. O investimento subvencionable, segundo o tipo de apoio solicitado, pode ir dos 1000 aos 5000 euros no caso de dixitalización e entre os 15.000 e os 30.000 no caso de actuacións de modernización. A porcentaxe de axuda é en todos os casos do 50%.

Así, comerciantes e artesáns desenvolverán 313 actuacións de implantación ou actualización de páxinas web comerciais e de mellora da imaxe en liña. Así mesmo, poñeranse en marcha 63 iniciativas centradas na loxística dixital ou a implantación de packaging para venda en liña. Doutra banda, activaranse 144 proxectos de ferramentas de xestión, e modernizaranse 112 locais.

Ademais, a través desta mesma orde de axudas, máis de 100 comercios contan co asesoramento dun xestor de redes sociais para desenvolver novas fórmulas de promoción e comercialización en internet, no marco do programa de Social Commerce que se desenvolve en colaboración coa Federación Galega de Comercio. O obxectivo desta iniciativa é potenciar a presenza do comercio galego de proximidade nas redes sociais, impulsando a súa conexión co cliente e creando novas redes de fidelización e imaxe de marca, buscando adaptar o comercio de proximidade ás novas tendencias do mercado.

Estas axudas enmárcanse no Plan Estratéxico de Impulso ao Comercio de Galicia, que ten entre os seus retos o establecemento dun novo modelo de comercio intelixente que sitúe ao cliente no centro da súa estratexia aproveitando todos os recursos á súa disposición.

05/11/201814:11
Presentación do programa.
A Coruña

A UDC formará en TIC a colectivos con diversidades cognitivas

Un escenario de traballo cooperativo para mellorar a empregabilidade e o potencial de inserción de persoas con diversidade cognitiva. Este é o obxectivo do programa Espazo Compartido, que presentaron hoxe as entidades responsables da súa posta en marcha: a Universidade da Coruña, Santander Universidades, o Consello Social da UDC e a Fundación Universia. No acto fixeron saber que as novas tecnoloxías da información serán un piar fundamental da formación fornecida. Amais, abordaranse materias de desenvolvemento persoal, matemáticas, habilidades sociais e laborais, habilidades de comunicación, etc. 

Tecnoloxicamente, achegaranse nos obradoiros previstos coñecementos sobre iniciación ás TIC, ofimática, Internet, robótica, fotografía ou identidade dixital. As clases impártense en diversos centros do Campus de Elviña. Amais das clases propiamente ditas e dos obradoiros, subministrarase prácticas profesionais.

No acto de hoxe tamén se fixo un percorrido polos fitos acadados pola iniciativa no curso pasado, no que houbo vinte solicitudes para quince prazas e no que os participantes valoraron a iniciativa cunha nota de 4,6 (sobre 5). 

O proxecto, amais de todo o devandito, ofrece varios servizos de apoio, como asesoramento e orientación ao alumnado e ás súas familias, titorías académicas e coordinación con profesionais externos. Para atender todas estas necesidades, a Universidade conta cun equipo coordinado polo profesor Sergio Santos del Riego, formado por profesionais da Psicopedagoxía, Terapia Ocupacional, Logopedia e Psicoloxía. 

A Universidade da Coruña puxo en marcha no ano 2013 o proxecto Espazo Compartido por iniciativa da Vicerreitoría do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social e do Consello Social, como unha experiencia piloto destinada “a formar dentro dos campus ás persoas con diversidade cognitiva que non teñen acceso ás aulas universitarias”. 

Segundo informou hoxe a UDC, o proxecto é pioneiro no Sistema Universitario Galego e é un dos primeiros no sistema español dentro das súas características.

05/11/201814:11
Cartel do evento.
Madrid

Almorzos TECSOS: "Blockchain"

Na vida real e no mundo virtual atopamos un problema común, desconfiamos á hora de compartir a nosa información persoal, por elo, adoitamos necesitar unha terceira persoa que verifique quen son realmente ou nos asegure a confidencialidade dos nosos datos. Habitualmente utilizamos o DNI ou un certificado dixital, ou no caso de transaccións económicas, entidades que certifiquen quen son, podendo quedar cos nosos datos ou mesmo comerciar con eles. Perdemos o control das nosas xestións e o rastro dos datos por Internet.

Blockchain, ou "cadea de bloques" en castelán, é un rexistro de información, unha base de datos do que todos os que participan na rede gardan unha copia. A clave desta tecnoloxía é o consenso: se todos temos a mesma información, esa información é verdade. Na actualidade as ONG xa utilizan Blockchain esencialmente para favorecer a confianza dos doantes cun proceso transparente de xestión as súas achegas. Incrementa as posibilidades de incorporar colaboradores, conseguir financiamento e, por tanto, posibilita unha nova forma de xestión das catástrofes humanitarias que conciten un apoio internacional.

Mañá, día 6 de novembro de 10h a 12:30h., terá lugar no espazo de innovación de Vodafone Praza, en Madrid, un dos Almorzos TECSOS centrado esta vez en Blockchain .

Os contidos para tratar serán os seguintes:

  • Introdución aos Almorzos TECSOS (10:00 " 10:15). Gloria Placer, Directora de Innovación e Impacto Social, Fundación Vodafone España.
  • Blockchain Intro (10:15 " 10:45). Beatriz Guerra, Innovation Manager en Vodafone Empresas.
  • Aplicando o Blockchain (10:45 " 11:15) Arantza Martinez, Fundadora e CEO de itwillbe.org.
  • Charla dinámica sobre os contidos (11:45 " 12:30). Miguel Angel Rodríguez, Responsable Estratexia Dixital en Cruz Vermella e Estíbaliz Ochoa, Responsable de proxectos de Innovación.

Poderase seguir o encontro en directo desde a canle de Youtube de Vodafone España.

05/11/201810:11
Cartel da iniciativa.
Madrid

A Fundación ONCE e o CERMI están a levar a cabo un estudo sobre "O acoso e ciberacoso en alumnado con discapacidade"

  • Para compoñer unha valoración estatística da situación actual en España puxeron en marcha un enquisa na que vos convidan a participar ata o 30 de novembro.

 

Fundación ONCE e o CERMI están a levar a cabo un estudo sobre "O acoso e ciberacoso en alumnado con discapacidade" durante o seu ciclo educativo.

Para poder facer un estudo fidedigno e que presente unha apreciación real e de primeira man, convídase a participar online no seguinte cuestionario para realizar unha aproximación estatística da situación.

O cuestionario realizouse para saber a opinión do alumnado e exalumnado con discapacidade, familiares e persoal docente dos centros educativos de toda España.

Para completalo non fan falta máis de 15 minutos. Ao responder a última pregunta hai que pulsar no botón "Gardar" para que a enquisa, sempre anónima, quede gardada correctamente.

Se crees que é importante salvagardar os dereitos das persoas con discapacidade na súa etapa educativa así como en calquera outro ámbito, enche a enquisa e dá a túa opinión, este estudo poderá definir posible situacións de acoso e ciberacoso, e tentar previlas.

A data límite para participar é o día 30 de novembro.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS