main content

main content
14/11/201810:11
Cartel do evento.
O Carballiño

A xira de Nativos R recala esta finde no Carballiño

Este 17 de novembro imos ter no Carballiño unha nova oportunidade para dixitalizarnos da man de R e, tamén, para demostrar ao mundo que calquera pode tirar o máximo proveito das novas tecnoloxías, teña a idade que teña e a formación que teña. Estamos a falar dunha nova actividade do programa Nativos R, dirixido a acurtar as distancias entre as persoas que naceron e medraron no ambiente dixital, por unha banda, e quen non tivo ocasión de saber para que consisten as TIC, pola outra. A idea é mobilizar os diferentes integrantes do núcleo familiar ou do tecido docente. 

En palabras de R, Nativos R diríxese á cidadanía que se ben non naceu na era dixital, convive con persoas (nenas, nenos, adolescentes, mocidade) que si que o fixeron, abrindo interesantes camiños de comunicación e interacción entre uns e outros. As charlas, cen por cen de balde, visitarán deseguido Verín, a Mobile Week Coruña, Sarria e A Guarda. A cita do Carballiño celébrase en horario de 18:00 a 20:00 h, no salón de plenos do consistorio. Segundo explica a operadora galega, con Nativos R quérese desmitificar ideas asentadas “como que as novas xeracións son competentes no uso das novas tecnoloxías polo mero feito de ter nacido con elas ou que Internet, as redes sociais e os móbiles son prexudiciais en si mesmos”. Tamén se falará da nova terminoloxía neste eido (cyberbulling, sexting, grooming...), de como nos afecta a todas e todos o cambio dixital e dos principais riscos de Internet e de que maneira previlos, entre outros temas.

Para asistir á charla de nativos R no Carballiño cómpre contar con algún dos convites do operador galego, que se poden recoller até o día 17 na tenda R, na rúa Tomás María Mosquera, 37, co teléfono 988 234 964. As charlas nativos R enmárcanse no programa Digitalent 2020 da Xunta (a través da axencia AMTEGA), cuxo obxectivo primeiro é estimular o talento precoz no ámbito das TIC e fomentar vocacións nas profesións científico- tecnolóxicas dende idades temperás, especialmente entre mozos e mozas, ademais de educar no uso das novas tecnoloxías a persoas de todas as idades.

14/11/201808:11
Maker Faire Galicia.
Santiago de Compostela

O máis puxante da industria smart darase cita na Maker Faire Galicia

Quen queira converterse en creadora ou creador de tecnoloxías, cos instrumentos do seu propio enxeño, poderá comezar a facelo a partir deste 23 novembro, en Santiago. O motivo? A celebración da cita argalleira Maker Faire Galicia, sen dúbida un dos grandes acontecementos galegos e estatais do ámbito da tecnoloxía cooperativa, participativa, democrática, accesible e sen cancelas. Por se isto fose pouco, o evento será unha boa oportunidade para vermos o que se coce na actualidade no que se coñece como Industria 4.0

Así, algunhas das empresas máis punteiras da nosa terra e do panorama internacional estarán alí para demostrarnos como as novas tecnoloxías poden axudar ao sector produtivo a tocar sempre as notas máis axeitadas: na comunicación co cliente, na produción, na loxística ou na mercadotecnia. Na cita colabora arreo o Concello de Santiago, que hoxe confirmou que a feira incluirá no seu programa unha xornada profesional para mostrar o máis avanzado en cousas como deseño intelixente, a robótica, as tecnoloxías sustentables ou a ciencia. Amais, o Goberno local compostelá informou de que unha das encargadas de abrir o evento será a concelleira de Igualdade, Desenvolvemento e Turismo, Marta Lois, xunto co conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde; a directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, e Matilde Rodríguez, co-organizadora da Maker Faire Galicia. Nun plano máis concreto, con nomes propios e relatorios definidos, as charlas e mesas de debate contarán coa presenza de persoeiros do ámbito Maker como Gael Langevin, creador do primeiro robot humanoide de código aberto; Stiven Kerestegian, xefe de Innovación e Estratexia do CIID (Copenhagen Institute of Interaction Design), ou Zoe Powell, deseñadora téxtil especializada na creación de bioplásticos e membro de Materiom, que formará parte dunha mesa de debate sobre “a importancia da tecnoloxía para redeseñar o mundo”, na que tamén participará Gianluca Pugliese, da empresa Wasp, responsable da creación dunha impresora 3D con capacidade para imprimir casas por menos de 1.000 euros. 

No eido científico, Carmen Álvarez, licenciada e doutora en Farmacia pola Universidade de Santiago de Compostela, falará sobre os avances da bioimpresión nunha charla na que estará acompañada por responsables de REGEMAT, empresa española especializada na impresión 3D de tecidos biolóxicos. Ademais, para esta xornada profesional, a organización seleccionou os 10 proxectos máis innovadores desenvolvidos polos nosos makers, que presentarán cadanseus enxeños perante un xurado profesional que elixirá os tres mellores. O acto rematará coa entrega de premios e unha comida networking para participantes e asistentes a cargo de O Fogar do Santiso.

O Concello de Santiago lembra que os profesionais interesados en asistir como público a esta xornada poderán inscribirse na páxina web do evento, galicia.makerfaire.com, onde teñen habilitado un formulario no cal, tras cubrir os seus datos, poderán conseguir a súa acreditación.

Para esta edición, a Maker Faire Galicia volve contar co patrocinio da Fundación Cidade da Cultura de Galicia e do Concello de Santiago a través do programa Compostela Móvese. Tamén colabora co evento a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía – Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.

14/11/201808:11
Nenos construíndo robots.
Santa Comba

As sesións creativas de Crea R chegan a Santa Comba

A compañía R de cable prosegue con máis formación tecnolóxica entretida (e creativa) para nenas e nenos. Falamos do itinerario de obradoiros de Crea R pola nosa xeografía, unha xira que chegou recentemente á feira de emprendemento Pont Up Store de Pontevedra e a Baiona, para logo enfiar cara a Xuventude Galicia Net (en Silleda), Ribadeo, Tui e (máis recentemente) Caldas. Agora o percorrido (que o ano pasado recalou nunha vintena de localidades das nosas catro provincias) fai unha parada en Santa Comba, este 17 de novembro. A seguinte cita será no marco da Mobile Week da Coruña. Novamente, o obxectivo é “potenciar a creatividade da rapazada e espertar o seu espírito emprendedor”. 

En Santa Comba a actividade celebrarse no Edificio Multiusos Terra de Xallas (rúa Curros Enrquez s/n), onde se desenvolverán 3 obradoiros de robótica para 60 rapazas e rapaces. Haberá unha primeira quenda para nenas e nenos de 7 e 8 anos, de 10:00 a 12:00 h. Deseguido, os cativos de 9 e 10 anos serán quen desfruten desta iniciativa, de 12:00 a 14:00 h. E xa pola tarde, de 16:30 a 18:30 h, rapaces de 11 a 13 anos rematarán a xornada, unha actividade que busca que a rapazada aprenda mentres se divirte, creando tecnoloxía e non limitándose só a seren simples consumidores de contidos e hardware. 

En termos máis concretos, no transcurso do obradoiro os cativos van ter oportunidade dar forma a un prototipo tecnolóxico utilizando placas e materiais reciclados (cartón, plástico, plastilina, cordas...) para construír as estruturas. “Grazas a Crea R”, sinala a operadora, “achegaranse dun xeito natural a conceptos básicos de programación, mentres xogan co prototipo que eles mesmos artellan paso a paso. Construirán coches para que aceleren, robots para que camiñen ou mesmo marcadores para levar a conta dos puntos dun equipo nun partido”.Tanto na cita de Santa Comba coma en todas as demais, a operadora conta coa colaboración da escola Líbolis Pequenos Emprendedores o eu método educativo. 

Cada un dos talleres de robótica está limitado a 20 persoas e as familias que desexen inscribir os seus fillos nesta actividade, completamente gratuíta, só teñen que solicitar unha entrada no distribuidor de R Infozone-Ordenadores (rúa Pontevedra, 26) onde se entregan, dende o pasado 6 de novembro e ata este venres 16. Ademais, a compañía lembra que non se trata dun obradoiro exclusivo para clientes de R; xa que calquera veciña e veciño pode solicitar unha entrada para a sesión. Os obradoiros crea R enmárcanse no programa Digitalent 2020 da Xunta (a través da AMTEGA) para estimular o talento precoz no ámbito das TIC e fomentar vocacións nas profesións científico-tecnolóxicas especialmente entre mozos e mozas dende idades temperás.

13/11/201818:11
Logo de Conecta Peme.
Ourense

Conecta Peme mobilizará na provincia de Ourense máis de 2 M€ en proxectos que impulsan a innovación e nos que participan 7 empresas

  • O obxectivo deste programa é incrementar a I+D+i empresarial en Galicia primando na selección dos proxectos o novidoso das tecnoloxías xeradas e a súa capacidade para poñer no mercado novos produtos e solución
  • A delegada territorial da Xunta, Marisol Díaz Mouteira, indicou que as empresas beneficiadas na provincia participan en proxectos relacionados coa nanotecnoloxía, a enerxía e medio ambiente, a saúde ou as TIC
  • Nesta edición as axudas contaron cun orzamento para toda Galicia que medrou un 8%, ata os 27 M€ en axudas

 

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, destacou esta mañá o investimento de máis dun millón de euros destinado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, para seis proxectos nos que participan 7 empresas da provincia, dentro da cuarta edición do programa Conecta Peme, e que mobilizarán mais de 2 millóns de euros. A resolución destas axudas publicouse onte no DOG (https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2018/20181112/AnuncioG0198-021118-0001_gl.html).

O obxectivo desta iniciativa é incrementar a I+D+i empresarial en Galicia para o que se primou na selección dos proxectos o novidoso das tecnoloxías xeradas e a súa capacidade para poñer no mercado novos produtos e solucións que supoñan un avance significativo ou un alto impacto económico.

Segundo apuntou Díaz Mouteira, na actual convocatoria, mobilizaranse para toda Galicia, máis de 47 M€ en 54 proxectos de innovación empresarial, no que o 93% das empresas beneficiadas son pemes.

Os seis proxectos denominados: Geo4Radón, Alfiller, Topacio, Wired.Bin, SATmotion e NeuroFood, nos que participan as empresas ourensás, xunto con outras da provincia da Coruña e Pontevedra, están vinculados ao desenvolvemento experimental.

Así, a empresa Extraco forma parte de tres proxectos Topacio, Geo4Radón e Alfiller que se dedican ás tecnoloxías de optimización da xestión de infraestruturas para a prevención de incendios forestais; mellora dos sistemas de climatización xeotérmica e análise da influencia dos sondeos na difusión do gas radón; e valorización do filler de recuperación de plantas asfálticas para o desenvolvemento de eco-produtos de base cemento.

A firma ourensá Formato Verde liderará a iniciativa Wired.Bin relacionada co aproveitamento e valorización de residuos centrada no desenvolvemento dun sistema de contenerización e análise predictivo de datos na nube, na que tamén colaborará a empresa Conexiona Telecom, que ademais participa noutras dúas iniciativas: Topacio e Geo4Radón.

Renga Enerxía forma parte dos proxectos Geo4Radón e Alfiller mentres que a empresa San2 Innovación Sostenible participará en Topacio.

Egatel liderará o proxecto SATmotion relacionado coas TIC e coas redes e sistemas móviles. Por último, a empresa Cuevas colaborará na iniciativa NeuroFood que se centrará no desenvolvemento de novos alimentos funcionais e complementos nutricionais orientados ao desenvolvemento neurocognitivo.

Segundo explicou a delegada territorial, Conecta Peme está dirixido a proxectos que contan cun orzamento de entre 500.000 euros e 1,5 millóns, e é unha iniciativa que pretende estimular a innovación das pemes galegas para fortalecer a competitividade do tecido empresarial galego a través da cooperación entre os diferentes axentes, xa que cada proxecto conta coa participación de entre tres e seis empresas e pode incluír unha grande empresa. Ademais, optimízase o acceso ao financiamento ás pemes galegas, favorécese a transferencia de coñecemento ao mercado e foméntase a creación de emprego cualificado.

Desde a súa posta en marcha, no ano 2013, este programa está a mobilizar 150 M€ en 187 proxectos de cooperación nos que están a participar pemes e centros tecnolóxicos e de investigación que están xerando a creación de 530 empregos en toda Galicia.

13/11/201809:11
CTAG.
Santiago de Compostela

A Xunta apoia con máis de 2M€ a actividade dos centros tecnolóxicos galegos

  • O importe total das axudas, concedidas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, viuse incrementado nun 10% para atender as solicitudes dos nove centros tecnolóxicos e de apoio á innovación rexistrados
  • Esta liña de axudas incentiva a transferencia de coñecemento ao tecido empresarial, contribuíndo así á competitividade das empresas galegas
  • Desde 2013, a Xunta ten concedido preto de 12M€ aos centros tecnolóxicos por esta vía, apoiando así o seu funcionamento estable

 

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a resolución das axudas para a consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas nos centros tecnolóxicos de Galicia. O importe total concedido pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, ascende a 2.065.000 euros, un 10% máis do previsto inicialmente.

Destas axudas beneficiaranse os nove centros tecnolóxicos galegos e de apoio á innovación tecnolóxica que figuran no rexistro estatal: Anfaco-Cecopesca, Aimen, Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), Centro Tecnolóxico de Investigación Multisectorial (Cetim), Clúster de Acuicultura de Galicia (CETGA), Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG), Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant), Centro Tecnolóxico de Eficiencia e Sostibilidade Enerxética (EnergyLab) e o Centro Tecnolóxico da Auga (Cetaqua).

O obxectivo é incentivar a transferencia de resultados de investigación, de coñecemento e de capacidades tecnolóxicas dos centros tecnolóxicos ao mercado co fin de acadar un impacto na competitividade das empresas galegas e, así, xerar coñecemento. A distribución das axudas realízase en base a 13 indicadores que valoran a perspectiva financeira, de resultados e de igualdade de xénero de cada centro. Os requisitos de acceso ao financiamento están baseados nestes indicadores de actividade, centrados prioritariamente na capacidade para transferir resultados á empresa e, polo tanto, contribuír de maneira decisiva na competitividade e o crecemento da economía galega.

A través desta liña, a Axencia Galega de Innovación (Gain) leva achegados, entre 2013 e 2018, preto de 12 millóns de euros aos centros tecnolóxicos, contribuíndo así ao seu crecemento. De feito, os resultados publicados neste pasado mes de outubro pola Alianza Tecnolóxica Intersectorial de Galicia (Atiga), que reúne a seis destes nove centros tecnolóxicos, correspondentes ao período 2014-2017, amosan a boa tendencia no camiño cara a excelencia dos centros tecnolóxicos galegos: os seus ingresos totais medraron nun 38%; o emprego neto, moi cualificado e estable, creceu aínda por riba, en case un 40%; os clientes aos que prestaron servizos experimentaron un crecemento medio dun 4% anual; e os proxectos de I+D+i aumentaron nun 45%.

Estas axudas enmárcanse na Estratexia de especialización intelixente (RIS3) de Galicia co obxectivo de captar financiamento, apoiar o talento galego e impulsar a transferencia de resultados da investigación ao mercado. Súmase a outras iniciativas da Consellería de Economía, Emprego e Industria que teñen como destinatarios principais os centros tecnolóxicos e de investigación e innovación, como a nova liña de axudas para a adquisición de infraestruturas de investigación de alta calidade nestes centros, a través da que se están a apoiar 11 infraestruturas en 5 centros tecnolóxicos e permitirán a mobilización de 9,8M €.

13/11/201809:11
Guillermo Taboada.
A Coruña

A Mobile Week Coruña porá o foco en conectar o progreso tecnolóxico-científico coa cidadanía

É a Mobile Week Coruña o acontecemento tecnolóxico máis importante de cantos se teñen realizado en Galicia? Segundo nos conta Guillermo Taboada, director executivo do evento, a resposta á dita pregunta é claramente positiva. Non só polo programa conseguido (centos de relatores e de actividades, amais dunha manchea de emprazamentos diferentes para as conferencias e obradoiros, e unha longa listaxe de entidades convocadas), senón tamén pola fórmula innovadora posta en marcha, unha fórmula na que todos os ingredientes están dispostos buscando o obxectivo común de conectar coa cidadanía. En palabras de Taboada, estamos ante “un novo paradigma urbano-dixital” no noso panorama de eventos.

-Pódese dicir que o feito de acoller a Mobile Week é a constatación definitiva da Coruña como cidade tecnolóxica, dixital, moderna e argalleira (no sentido maker)?
-Sen dúbida, que a Mobile Week se realiza por vez primeira na Coruña, despois de dúas edicións de grande éxito en Barcelona, pono de manifesto. Por outra banda, recibir máis de 300 propostas de contido para o evento, di moito a favor da nosa terra.

-A quen vai dirixido exactamente este gran evento e as actividades que inclúe o seu programa? A quen xa está introducido plenamente na sociedade tecnolóxica e innovadora ou a quen está por introducir?
-É un evento dirixido á cidadanía que tenta levar unha reflexión de como a transformación dixital afecta á súas vidas. A filosofía da Mobile Week consiste en conectar o progreso tecnolóxico e científico coa sociedade, por isto pedimos a todas as institucións, empresas, asociacións e profesionais que nos axuden na difusión para chegar realmente a todas e todos.

-Na presentación da Mobile Week Coruña fíxose fincapé nun dos seus grandes obxectivos: mesturar arte, ciencia e tecnoloxía para “crear espazos de reflexión sobre a transformación dixital e o seu impacto na sociedade actual”. Cre vostede que no que se refire a estes cambios dixitais que nos afectan a todas e todos, o positivo prevalece sobre o negativo? Que facer para que o positivo se impoña e poidamos sacar o máximo proveito das tecnoloxías?
-Crear espazos de reflexión sobre algo tan importante como a transformación dixital é fundamental, xa que da mesma derívase información que pode axudar ás empresas e institucións a mellorar a amigabilidade da tecnoloxía, a formación que precisa e as mensaxes necesarias para que esta se vexa como unha oportunidade. As ferramentas dixitais abren un gran espazo de posibilidades para todos e isto é moi positivo, porque melloran claramente a nosa calidade de vida. Para este fin, é crucial explicar ben á sociedade en que consiste, como se emprega, que lle aporta e como sacarlle o máximo beneficio.
En canto ao que temos que facer para tirar o máximo proveito, está claro, eventos como a Mobile Week Coruña, con máis de 100 actividades e máis de 100 relatores, é un claro exemplo.

-Fálenos do programa de actividades. Cantas están previstas? Cales destacaría, se tivese que destacar algunha?
-Cando no mes de maio as empresas Interim Manager Consulting, Gens Digital Incorporate e o Club Financiero Atlántico de A Coruña comezamos a desenvolver o evento, a darlle forma, adquirimos tres compromisos: dixitalización na xestión, transparencia na información e unha axenda de contidos aberta a todas as sensibilidades do Eixe Atlántico. É este último o que desencadeou que a axenda de actividades fose tan ampla, xa que como indicaba antes, recibimos máis de 300 propostas de contido.
Todas as actividades son de destacar, e os relatores de primeiro nivel, polo tanto o meu consello é asistir ao meirande número delas se o que queremos é levar a cabo unha reflexión axeitada.

-Que oportunidades cre que abre a Mobile Week Coruña para a cidadanía, o sector investigador e o tecido empresarial da Coruña e a súa contorna? E para Galicia?
-A Mobile Week Coruña é o evento máis importante que se ten realizado en Galicia e supón un novo paradigma urbano-dixital que proporciona cousas como as seguintes, entre outras moitas: empoderar á cidadanía xerando un efecto bottom-up, crear unha ponte dixital entre o Eixo Atlántico e o Eixo Mediterráneo, transmitir unha mensaxe de unión A Coruña-Barcelona-O Porto nun momento de febleza europea, axudar a diminuír a fenda dixital, achegar un escaparate internacional para mostrar todo o talento da nosa terra, conseguir a colaboración de tres administracións públicas conformadas por tres partidos políticos diferentes (Concello A Coruña, Deputación A Coruña e Xunta de Galicia a través de AMTEGA) e implicar un equipo de dirección executiva con máis de 20 profesionais seniors e a participación de institucións como a Universidade da Coruña (UDC), o Centro Tecnolóxico de Supercomputación de Galicia (CESGA) e o Círculo Financeiro de Galicia (CFG). Ademais, conseguimos o apoio privado de empresas relevantes como ABANCA (patrocinador principal), Estrella Galicia, Accenture Digital, Gadisa, Intasa e R Cable, entre outras.

-Por que motivo a organización da Mobile World Congress elixiu A Coruña para a celebración desta semana de actividades?
-Cando no mes de maio o meu compañeiro Manuel Gens e eu empezamos as negociacións con Carlos Grau, CEO da Mobile World Capital, o primeiro que nos expuxeron é se A Coruña tería capacidade para a realización deste evento. Iso levounos a realizar un estudo pormenorizado e un plan de viabilidade para convencerlles de que si que era. A Coruña é o lugar onde ten a súa sede o Club Financeiro Atlántico, institución con máis de 25 anos de existencia, que conta con empresas moi relevantes dentro do tecido empresarial galego e que desde 2016, ano no que introduce no seu plan estratéxico a transformación dixital, realizou mancheas de eventos, conferencias e relatorios para explicar este vertixinoso fenómeno. Isto dotou ao Club dun know-how importante para o desenvolvemento deste tipo de eventos.

Asemade, tamén e certo que a cidade salienta por outras moitas cuestións, como por exemplo as que cito a continuación: a súa área metropolitana é das máis importantes en habitantes de Galicia, representa o 45,9% do Valor Engadido Bruto e o 20,5% do PIB de Galicia, dispón dunha rede de museos científicos (inaugurada no ano 1985 coa Casa das Ciencias) que mostra un gran interese en todo o que se refire á divulgación tecnolóxica e científica, conta co único museo do mundo adicado ao ser humano de maneira monográfica (a Domus), ten un museo nacional de ciencia e tecnoloxía, dispón dun ecosistema importante de empresas tecnolóxicas, e, ademais, está a desenvolver Coruña Smart City, o proxecto de Cidade Intelixente para ser máis eficiente, máis sustentable e máis accesible a través das novas tecnoloxías.

18/11/201812:00 h
1 mes 1 profesión dixital
MUNCYT. Rúa Pintor Velázquez, s/n. 28100, Madrid

Coloquio SINC | Fake news e tecnoloxía: as máquinas dirixen as túas opinións?

As fake news, que serviron como ferramenta de manipulación política desde hai séculos, propáganse hoxe a velocidade de vertixe. Segundo publicaba en marzo a revista Scienceas noticias falsas difúndense un 70% máis rápido que a información veraz a través de redes sociais. Como podemos loitar contra os usuarios e robots que multiplican nos nosos timelines informacións fraudulentas ou sesgadas?

Nun coloquio aberto ao público retransmitido en directo a través de Facebook Live, debateremos sobre os procesos cognitivos que nos levan a confiar en mentiras en función das nosas crenzas previas, e aprenderemos a detectar noticias falsas e evitar a súa difusión.

Para iso contaremos con Clara Jiménez Cruz@cjimenezcruz, xornalista fundadora de Maldita.es e membro do Consello Asesor do International Fact-Checking Network; e Helena Matute@HelenaMatute, catedrática de Psicoloxía Experimental na Universidade de Deusto e directora do Laboratorio de Psicoloxía Experimental desta universidade.

O coloquio estará moderado por Pampa García Molina@pampanilla, xornalista de ciencia e coordinadora de SINC.

13/11/201809:11
Iñaki Artaza.
Madrid

'Integrar aos maiores na sociedade mediante a tecnoloxía debe ser unha estratexia xeneralizada'

  • Entrevistamos a Iñaki Artaza, presidente da Fundación Envellecemento e Saúde, con motivo da celebración do Foro Smart Aging 2018, 'un lugar de encontro de iniciativas innovadoras ao redor da silver economy'
 
Pregunta.- A SEGG organiza, os  días 15 e 16 deste mes, o Foro Smart Aging 2018, no que se tratarán asuntos como as cidades intelixentes e inclusivas ou os servizos sociais. A quen se dirixe estas xornadas e cales son os principais obxectivos do encontro? 
 
Resposta.- O Foro Smart Aging 2018 pretende ser un lugar de encontro de iniciativas innovadoras ao redor da silver economy, cuxo eixo principal é a persoa maior, con diferentes necesidades no aspecto social, sanitario e de coidados requiridos. A tecnoloxía e a innovación poden ter un papel clave nestes novos enfoques e ofrecer solucións concretas de cara ao futuro das sociedades europeas tan envellecidas.
Integrar aos adultos maiores na sociedade mediante o uso da tecnoloxía debe ser unha estratexia xeneralizada.
 
P.- A silver economy ou a "economía de prata" é un concepto do que se está falando moito na actualidade, e que cada vez cobra maior importancia debido ao envellecemento da poboación mundial. Neste sentido, que aspectos concretos abordarán no encontro? 
 
R.- Debo dicir que quedou un programa moi atractivo que tenta expor solucións ao futuro da transformación dixital nos sectores da saúde, pero tamén da inclusión social das persoas maiores. Así, analizaranse temas sociais tan de actualidade como as cidades amigables cos maiores ou os hábitats inclusivos e sustentables, pasando pola accesibilidade universal e o turismo accesible ou a intelixencia ambiental. 
 
Por outra banda, tamén se abordará como a tecnoloxía pode axudar no coidado da saúde das persoas maiores, sen esquecernos deses dispositivos ("Internet das Cousas") conectados á rede de forma autónoma que pretenden facer a nosa vida máis sinxela.
 
P.- Desde o punto de vista social ou sanitario, que novas necesidades teñen os maiores de hoxe en día?
 
R.- Envellecer non significa perder a capacidade de adaptarse ao cambio, nin querer vivir no pasado. Os maiores do século XXI no noso país teñen necesidades similares ás do resto de colectivos. Son moitos os que xa len a prensa por Internet ou realizan xestións administrativas, bancarias ou compras conectados á rede. Cada vez son máis os que utilizan as redes sociais: máis dun terzo dos maiores de 65 anos son usuarios de Facebook, por exemplo.
 
P.- O foro centrarase nas iniciativas máis innovadoras, ás que moitas veces van ligadas as TIC. Que papel ten a tecnoloxía en ámbitos como os servizos sociais ou a accesibilidade?
 
R.- As TIC ofrecen grandes oportunidades a todos os colectivos da sociedade, incluíndo ás persoas maiores. Pero é necesario contar cun enfoque centrado na persoa, é dicir, que as persoas maiores estean involucradas no proceso de investigación tecnolóxica, que as súas voces óianse e as súas necesidades cúmpranse.
 
As TIC son a panca clave e necesaria para poder levar a cabo esta transformación a través das solucións de telemedicina e o que se vin denominando eHealth ou sanidade electrónica. Os beneficios da implantación son múltiples e afectan principalmente á prevención e a educación, os resultados clínicos, a xestión, a satisfacción e o aforro económico.
 
P.- Darase un espazo tamén para falar da soidade, unha problemática que, estímase, afecta en España a máis dun millón e medio de maiores. Como poden as novas tecnoloxías combatela?
 
R.- Xa desde Kraut, en 1998, falábase do "paradoxo de Internet", de como unha tecnoloxía eminentemente social poida acabar reducindo a implicación social ou o benestar psicolóxico dos seus usuarios.
 
No caso dos mozos, parece que conectados séntense menos sós e que, se non o están, poida que os amigos se esquezan deles e que sentan incomunicados. 
Con todo, no caso dos maiores que están en situación de soidade, a tecnoloxía pode axudar a relacionalos cos demais, a atopar compañía quizais virtual, pero compañía en definitiva. Estar conectado é, dalgunha maneira, ser ou estar visible. E a visibilidade é unha forma de inclusión.
 
P.- Outro dos temas para tratar nas xornadas é a chamada "Intelixencia Ambiental" ao servizo dos maiores. En que consiste exactamente?
 
R.- A Intelixencia Ambiental (Aml), o Internet das Cousas (IoT), a computación ubicua, o pervasive computing, etcétera, son diferentes enfoques dun mesmo paradigma: a integración da informática na nosa contorna. É dicir, a creación de contornas intelixentes que se adapten ás necesidades, gustos e intereses da xente que vive neles, utilizando a informática para levar a cabo tarefas diarias.
 
P.- A AmI é a mellor forma de acabar coa fenda dixital que separa aos maiores da tecnoloxía?
 
R.- As TIC cambiaron a forma de relacionarse entre as persoas, aínda non están a disposición de toda a poboación, existindo a chamada fenda dixital por razóns económicas e pola escasa formación que posúen algunhas persoas maiores neste ámbito. 
 
Con todo, parece claro que as novas tecnoloxías son un recurso relativamente económico, factible e con enormes posibilidades para mellorar a calidade de vida das persoas maiores, ofrecéndolles un estilo de vida máis independente que promova o envellecemento activo, as relacións persoais e a participación social e laboral.
18/11/2018De 11:00 a 14:30 h
1 mes 1 profesión dixital
Museo Centro Gaiás, Cidade da Cultura, Santiago de Compostela

Xornada Final de Tech Kids

Este domingo celébrase a xornada final dos talleres do programa #TechKids, con actividades e un relatorio sobre as posibilidades da creación dixital, da man do director do festival internacional Mundos Digitales, Manuel Meijide, e o cofundador de Illusorium Studios, Raúl Rocha.

As actividades serán no Hall de Tirantes do Museo Centro Gaiás, de 11:00 a 14:30 horas. O programa inclúe os seguintes talleres, dirixidos a mozos e mozas entre 10 e 17 anos:

  • Vídeo Mapping interactivo: Poderás elaborar un “quebracabezas interactivo” organizando cadrados a través de movementos aéreos compoñendo un vídeo.
  • Chroma Key: Darémosche instrucións para crear e posar nun escenario virtual en tempo real.
  • Jam Musical: Crearás a túa propia música, aínda sen coñecementos previos, cun sistema informático de música en directo.
  • Drons Tech: Verás as posibilidades que ofrecen os drons na actualidade e participarás na demostración.


Tamén se facilitará unha bolsa de pícnic e haberá unha zona de xogos e un relatorio de Mundos Dixitais ás 12:00 horas (Sala Seminario do Museo) para as familias.

As inscricións xestionaranse por rigorosa orde de chegada ata o venres 16 de novembro ás 14:00 horas. Ata o martes 13 de novembro terán prioridade de inscrición os rapaces e rapazas que participaron nas actividades do Programa Tech Kids durante o verán de 2018, e a partir desta data, asignaranse as prazas dispoñibles a todos os rapaces e rapazas interesados.

Durante os meses de xullo, agosto e setembro o programa #TechKids, impulsado polo Colexio Profesional de Enxeñeiros en Informática de Galicia e a Amtega, organizou máis de medio cento de obradoiros para fomentar o talento dixital na mocidade galega nas Aulas CeMIT en concellos das catro provincias. Impartíronse obradoiros de robótica, pilotaxe de drons e creación de personaxes para videoxogos.

13/11/201808:11
Cartel do evento.
San Sadurniño

O Chanfaina Lab, candidato ao premio do público de Culturgal

O Chanfaina Lab, un proxecto audiovisual impulsado desde a aula CeMIT de San Sadurniño, aspira ao premio do público de Culturgal, a feira das industrias culturais, «o principal escaparate da creación do noso país desde hai dez anos», como apuntan desde o Concello.

O Chafaina Lab é un dos candidatos, xunto á Casa de Rosalía e a Rede Cultural da Deputación da Coruña. O prazo de votación está aberto, a través da plataforma Easypromos, ata o día 23, ás 23.59 horas. Na páxina de Culturgal destacan a implicación de creadores e veciños nun festival «ao que non se vai ver películas, senón facelas».

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS