main content

main content
21/11/201812:11
Cartel do evento.
A Coruña

As empresas galegas mostrarán os seus casos de éxito TIC no Ecommerce Tour A Coruña

A Coruña ferve estes días de acontecementos tecnolóxico-dixitais que centran a atención mundial de profesionais, desenvolvedores e empresas na nosa terra. Así, á Mobile Week Coruña e as súas moitas actividades únese este xoves, en PALEXCO, a parada galega da xira Ecommerce Tour 2018, unha xornada para, en palabras dos organizadores, “dar a coñecer tendencias sobre comercio electrónico, loxística, transformación dixital, mercadotecnia dixital e comercio en liña”. 

Segundo avanza dende Ecommerce News, impulsora da xira, participarán máis de 200 profesionais mostrando os novos vieiros da actividade económica, produtiva, cultural e comunicativa. Amais, porase o foco en achegar recursos para facilitar a obrigada transformación tecnolóxica das nosas empresas. 

Haberá relatorios, mesas redondas e casos de éxito das diferentes empresas e institucións que lideran a transformación dixital e o comercio electrónico en Galicia, exemplos de éxito de empresarias e empresarios innovadoras/es da nosa terra como Minevera.com (startup que aposta por levar tuppersa domicilio ou oficinas), Fresco y del MarZapaterías KrackMariskito.comO PercebeiroTote Bebes,Brico4Pro ou Dromosport, aos que cómpre engadir contribucións estatais tan relevantes comoElectrocosto.com ou Vinopremier (que recentemente abriu sede de seu na Coruña). 

A axenda do evento tamén ten previsto analizar estratexias de optimización loxística para comercio electrónico a través de DHL Parcel e Correos Express; consellos para optimizar as vendas a través de mercadotecnia automática grazas a Emred; como sacar o máximo proveito ás redes de afiliación; pagos a través de canles de atención ao cliente como Whastapp ou Messenger grazas a Comercia Global Payments, e “moito máis”. 

O evento desenvolverase este 22 de novembro de 2018 de 10h a 14h en PALEXCO (Peirao de Transatlánticos, s/n, 15003 A Coruña, A Coruña).

21/11/201812:11
Varios mozos traballan nunha oficina.
Madrid

Empresas de tecnoloxía que lideran a inserción de persoas con discapacidade

Os premios Intrama buscan recoñecer o esforzo que fan moitas empresas pola integración e a diversidade, tanto en materia de discapacidade como de xénero, co obxectivo de lograr sociedades empresariais máis igualitarias.

Nesta edición entre as empresas premiadas atópanse algunhas tecnolóxicas como Zardoya Otis ou Ilunion, xunto a compañías doutros sectores como Coca Cola, CaixaBank, Accenture, Correos, Lilly, Metlife, MSD e Pfizer.

No caso de Zardoya Otis, o fabricante de ascensores e escaleiras mecánicas foi recoñecido polo seu programa "Todos somos todos", no que se inclúen nove iniciativas para poñer en práctica o seu compromiso coa diversidade de xénero, coas persoas con discapacidade e coas persoas en risco de exclusión social.

Cabe destacar o premio a Ilunión, xa que a compañía do Grupo Social ONCE recibiu o primeiro premio como claro referente da integración das persoas con discapacidade na empresa.

Ademais destas empresas, tamén resultaron galardoadas a presidenta de Sodexo, Carina Cabezas, co Premio Muller Inspira; e a directora de Diversidade, Talento e Desenvolvemento de Vodafone, Rebeca Navarro, co Premio Professional Diversity.

Estes premios concédeos a consultora de recursos humanos Intrama, que está especializada en formación, consultoría e organización de eventos sobre diversidade e xénero.

22/11/2018De 10:30 a 12:00 h
1 mes 1 profesión dixital
Online

Navegación segura por Internet. Aplicacións útiles

A Tecnoloxía ofrécenos multitude de beneficios, pero tamén debemos ser conscientes de que o seu uso entraña perigos que é necesario coñecer.

Para manexar os nosos dispositivos e facelo de forma segura neste curso veranse múltiples conceptos que che axudarán a conseguilo.


Contidos:

  • Principais riscos que poden afectar os teus equipos informáticos: virus, malware, descargas ilegais, etc.
  • Formas máis utilizadas polos delincuentes informáticos para infectar equipos e acceder á túa información.
  • Métodos de protección: antivirus e moito máis.
  • Exemplos de estafas actuais en Internet e como evitalas.

Coñece como protexer os teus equipos!

21/11/201807:11
O titular do Goberno galego visitou as instalacións do Centro de Supercomputación de Galicia-CESGA con motivo do seu XXV aniversario.
Santiago de Compostela

Feijóo remarca o traballo da Xunta por situar os centros tecnolóxicos galegos como ponte entre a investigación, a Universidade e a industria

  • Salienta que, desde 2013, se destinaron 12 millóns de euros para impulsar a actividade dos 9 centros tecnolóxicos da Comunidade
  • Resalta que hoxe, logo de cinco edicións convocadas, son 39 as unidades mixtas que se constituíron na industria galega, apoiadas por 28 multinacionais líderes e cunha mobilización de capital de 114 millóns de euros
  • Asegura que na segunda década deste século o CESGA desempeñará un papel indispensable, xa que a supercomputación, a informática de altas prestacións, é a gran ferramenta desta era dixital
  • Resalta que nestes 25 anos o Centro de Supercomputación de Galicia leva participado en máis de 200 proxectos de I+D+i que mobilizaron máis de 550 millóns
  • Avanza que en 2019 se iniciarán os traballos para a licitación dun novo ordenador, co obxectivo de que o CESGA siga estando na elite dos centros de supercomputación
  • Destaca o compromiso dos 300 profesionais que hoxe forman parte deste centro

 

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, remarcou hoxe o traballo da Xunta por situar os centros tecnolóxicos galegos como ponte entre a investigación, a Universidade e a industria, subliñando que, con este fin, desde 2013, se destinaron 12 millóns de euros para impulsar a actividade dos 9 centros tecnolóxicos da Comunidade.

Durante o acto de conmemoración do 25 aniversario do Centro Tecnolóxico de Supercomputación de Galicia (CESGA), Feijóo incidiu na importancia de que as empresas aposten por innovar e de que os centros tecnolóxicos ‘estean aí’, para actuar como interface entre a investigación e a empresa. “A industria galega xa entende que os centros tecnolóxicos e as empresas son dous aliados que se necesitan entre si, para seguir avanzando en modelos de fabricación e de produción máis innovadores e competitivos”, explicou, resaltando que hoxe, logo de cinco edicións convocadas, son 39 as Unidades Mixtas que se constituíron na industria galega, apoiadas por 28 multinacionais líderes e cunha mobilización de capital de 114 millóns de euros.

Nesta liña, aseverou que o CESGA leva 25 anos exercendo coma esa ponte; 25 anos apoiando a industria e os organismos de investigación galegos nos desafíos tecnolóxicos que afrontan. “No CESGA temos a proba palpable de que en Galicia a ciencia, a tecnoloxía e a innovación, é dicir, todos os axentes do ecosistema galego de I+D+i, traballan na mesma dirección”, aseverou, avogando por consolidar este esforzo conxunto e conseguir que se traduza nun sistema máis competitivo e con maior capacidade de innovación.

Sobre este punto, salientou que na segunda década deste século o Centro Tecnolóxico de Supercomputación de Galicia desempeñará un papel indispensable, xa que a supercomputación, a informática de altas prestacións, é a gran ferramenta desta era dixital. Non en van, está detrás da industria conectada, da Industria 4.0, e de todos os avances que comporta –como a robótica, a intelixencia artificial ou a impresión 3D-; da predición meteorolóxica; da previsión diaria do estado do mar; ou da secuenciación xenética. Todas elas, áreas de traballo nas cales o CESGA colabora con MeteoGalicia, con Portos do Estado, co Programa Europeo de Observación Terrestre Copernicus, coa Fundación Pública Galega da Medicina Xenómica, ou co Instituto Nacional de Investigación e Tecnoloxía Agraria e Alimentaria (INIA).

Con este fin, avanzou que en 2019 se iniciarán os traballos para a licitación dun novo ordenador “que adquiriremos entre o CSIC e a Xunta para que estea en funcionamento en 2020, co obxectivo de que o CESGA siga estando na elite dos centros de supercomputación”.

Así mesmo, lembrou que se en 1993, internet empezaba a abrirse paso timidamente en España e xa era posible enviar os primeiros mensaxes de texto (SMS), agora, un cuarto de século despois, Galicia quere ser territorio preferente para pilotar as primeiras solucións baseadas en tecnoloxías 5G; máis do 97% dos fogares galegos con nenos e estudantes dispoñen de internet; e o CESGA conta cunha plataforma, o Finis Terrae II, que multiplica por 4.000 a memoria RAM dun ordenador medio.

Feijóo resaltou que nestes 25 anos o CESGA leva participado en máis de 200 proxectos de I+D+i que mobilizaron máis de 550 millóns de euros; presta o seu servizo de procesamento e almacenamento de datos a máis de 700 usuarios, entre empresas, grupos de investigación ou particulares; colabora actualmente con 48 departamentos de investigación das tres universidades galegas, con 33 departamentos de investigación do CSIC e presta servizo á práctica totalidade dos centros tecnolóxicos de Galicia; e só o pasado ano participou en 57 proxectos con 80 empresas galegas, por un importe total de 3 millóns de euros.

O titular da Xunta concluíu destacando o compromiso dos 300 profesionais que hoxe forman parte deste centro e garantiu o compromiso de seguir traballando para que siga consolidándose como soporte da I+D+i que en Galicia desenvolven as universidades, os centros tecnolóxicos, os departamentos de investigación do CSIC ou as empresas.

Pola súa banda, a presidenta do CSIC, Rosa Menéndez López incidiu en que “a Xunta e o CSIC fixeron unha aposta de futuro. Mantivémola e confirmámola no novo plan de ICT, cuxo mapa se ratificou recentemente, e no que o CESGA participa ademais na Rede Española de Supercomputación”.

21/11/201807:11
Dúas mulleres traballando diante dunha pantalla.
Santiago de Compostela

A comisión de persoal da Xunta aproba o texto do anteproxecto da LEDIXGA co voto favorable de todas as organizacións sindicais

  • CIG, CCOO, CSIF e UXT amosaron a súa conformidade co articulado sometido a votación
  • O obxectivo da norma é acadar un marco normativo único para consolidar unha administración integramente dixital, máis accesible e proactiva
  • Contempla a transformación das Oficinas de rexistro en Oficinas de atención á cidadanía, que prestarán asesoramento na xestión online
  • Créase a figura do funcionario habilitado, que poderá realizar trámites telemáticos en nome doutra persoa
  • Por primeira vez formúlase a creación dun marco galego de competencias dixitais para a cidadanía e un plan de capacitación dixital do empregado público


O Anteproxecto de Lei de Administración Dixital de Galicia (LEDIXGA) continúa a súa tramitación tras ser aprobado na comisión de persoal da Xunta de Galicia co voto favorable de todas as organizacións sindicais. A CIG, CCOO, CSIF e UXT amosaron a súa conformidade co articulado sometido a votación.

A LEDIXGA busca acadar un marco normativo único para consolidar unha administración integramente dixital, máis accesible e proactiva baseada en tres principios; só unha vez, evitando reclamar datos que xa obran en poder da Administración; a proactividade, empregar a información que a Administración ten do cidadán para prestar servizos personalizados e adiantarse ás súas necesidades e a automatización dos procesos para conseguir unha xestión máis eficiente.

O anteproxecto de Lei estrutúrase en oito títulos e 127 artigos que adaptan as obrigas das leis estatais 39 e 40/2015 á realidade do sector público autonómico para regular os aspectos fundamentais que permitan universalizar o uso e o acceso da cidadanía aos servizos públicos dixitais, así como os instrumentos de funcionamento interno para a xestión dixital da Administración.
 

Oficinas de atención á cidadanía e funcionario habilitado

Entre as principais novidades da Lei está a transformación das actuais oficinas de Rexistro nunha Rede de oficinas de atención á cidadanía nas que se prestará asistencia aos cidadáns na xestións online coa Administración, tanto na presentación de escritos, solicitudes e documentación como na tramitación da identificación dixital ou na formalización de apoderamentos de representación.

Nesta liña, o anteproxecto de Lei tamén establece a posta en marcha da figura do funcionario habilitado, que posibilitará que unha persoa autorizada ou un funcionario poda realizar trámites telemáticos en nome doutra persoa. Con tal fin, a norma establece a creación do Rexistro electrónico xeral de apoderamentos.
 

Capacitación dixital

A norma define, por primeira vez, a creación dun marco galego de competencias dixitais, tomando como referencia o marco común da Comisión Europea nesta materia, para que os cidadáns poidan acreditar os seus coñecementos dixitais e mellorar as súas competencias profesionais. Ademais, promoverase a inclusión dixital con actuacións de formación en función do nivel (alfabetización, capacitación e innovación dixital), na que a Rede de Aulas CeMIT constituirá un instrumento de apoio importante.

Así mesmo, a lei contempla a definición dun Plan de capacitación dixital do empregado público dirixido a todas as persoas que traballan nas administracións públicas galegas e que permitirá acadar o certificado galego de competencias dixitais.

 

Posto de traballo dixital

Senta as bases para o desenvolvemento do posto de traballo dixital do empregado público, coa dotación de medios para a realización do desempeño no novo contexto dixital, acceso remoto ou teletraballo, mobilidade, que deberá permitir: o uso de escritorios e aplicacións corporativas en calquera dispositivo e lugar; o emprego de terminais ou dispositivos adaptados aos perfís dos empregados públicos; e posibilitar contornas de traballo colaborativas e a creación de redes de usuarios con actividades comúns.

Neste eido xa está en marcha o Plan de xestión e dotación de medios TIC con medidas como a dotación de novo equipamento, a homoxeneización do software e a centralización das ferramentas de xestión dos equipos.
 

Avaliación e seguimento

Para facilitar o seguimento dos avances na dixitalización e o seu impacto tanto no  funcionamento interno como na relación cos cidadáns a norma contempla a creación dun sistema de indicadores da administración dixital. A análise da información que proporcione o sistema, xa en marcha, permitirá introducir melloras na implantación dos servizos.

Ademais, aposta pola potenciación do Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización Tecnolóxica de Galicia como órgano asesor dixital para a extensión da modernización tecnolóxica da Comunidade Autónoma de Galicia.

20/11/201812:11
Cartel do evento.
Santiago de Compostela

A Amtega achega mañá a Mobile Week Coruña ao Gaiás cun encontro sobre ciberseguridade para cidadáns e empresas

  • A Cidade da Cultura acolle a primeira da vintena de iniciativas coas que a Xunta amplía a área de influencia da MWC a Santiago e outras localidades galegas
  • As empresas están convocadas á sesión da mañá, na que se abordarán os retos e as oportunidades aos que se enfrontan as empresas no eido da ciberseguridade
  • A sesión da tarde está dirixida á cidadanía e nela exporanse os riscos dunha sociedade hiperconectada, especialmente para colectivos tan sensibles como os nenos e as nenas

 

A Mobile Week Coruña (MWC), que se inaugura mañá converte a Galicia na Comunidade elixida pola Mobile World Capital Barcelona para acoller o primeiro evento que celebra fóra de Cataluña.

A Xunta de Galicia, a través da Amtega, colabora coa MWC con 17 actividades para estender súa influencia á área metropolitana da Coruña e a Santiago de Compostela. A programación está dispoñible na web da MWC.

A Amtega inaugura a súa participación na Mobile Week Coruña mañá cun evento de referencia en materia de ciberseguridade para empresas e cidadáns na Cidade da Cultura.

A sesión da mañá, “PemeSegura.gal: Xornada de ciberseguridade”, está dirixida a empresas. No mundo actual, todas están expostas a sufrir un ciberataque e, malia que a seguridade total non existe, nesta sesión preténdese dar unhas pautas sobre as medidas que se poden adoptar para facer fronte a este problema.

A xornada contará con dous relatorios a cargo de dous expertos na materia, Luis Hidalgo, de INCIBE (https://www.incibe.es/), e Enrique Serrano (https://www.enriqueite.com/), cofundador de Mundo Hacker. A xornada matutina rematará cunha mesa temática na que especialistas galegos tratarán temas como o novo regulamento de protección de datos, os novos servizos de seguridade, a seguridade en contornos industriais ou os incidentes de seguridade.

Esta actividade está destinada principalmente a xerentes e responsables de empresa e de seguridade e, en xeral, profesionais con interese en abordar o impacto da ciberseguridade na competitividade das organizacións. Para participar nela cómpre inscribirse na web do CDTIC  ou a través da súa aplicación dispoñible para plataformas Android e iOS. A inscrición é de balde e aínda é posible facela, xa que as prazas, polo momento, non están cubertas.

 

A ciberseguridade na túa casa

Nun mundo hiperconectado cómpre actuar con garantías ante as ameazas en Internet, como o sexting, a ciberviolencia de xénero, o ciberbullying ou a fraude dixital. Por este motivo, a sesión da tarde, “Ciberserguridade na túa casa: ciberseguridade para tod@s”, abordará estes riscos da man de recoñecidos especialistas en cada unha das materias.

Así, a asociación Pantallas Amigas; Fernando Villar, formador da Garda Civil; ou Carlos Pérez, CISO de Abanca, compartirán con todas as persoas asistentes as medidas de protección máis apropiadas para salvagardar os nosos pequenos e pequenas e a nosa identidade dixital, ou para facer un uso responsable de internet así como evitar fraudes dixitais, como o hackeo das tarxetas de crédito ou o roubo de información sensible.

A sesión da tarde está dirixida a pais e nais, nenos e nenas, profesionais da educación e cidadanía en xeral. A asistencia é de balde e cómpre inscribirse na web da MWC.

 

17 actividades da Coruña ao Gaiás

A xornada de ciberseguridade é unha das 17 actividades coas que a Axencia pública autonómica contribúe coa vocación da Mobile Week de irradiar a toda Galicia a necesidade de reflexionar sobre o impacto da evolución tecnolóxica na sociedade. Entre o 21 e o 28 de novembro as aulas CeMIT de Abegondo, Betanzos, Sada e A Coruña acollerán cursos e obradoiros de alfabetización dixital, formación específica sobre o uso dos servizos dixitais, programación Scratch, busca de traballo en internet e charlas divulgativas sobre os novos perfís dixitais.

As actividades complétase con visitas ao Centro de Proceso de Datos Integral da Xunta, o Corazón Dixital de Galicia para o que os interesados se poden inscribir a través do mail cemit@xunta.gal.

20/11/201812:11
Día Internacional da Muller Emprendedora.
Madrid

Máis de 6.200 mulleres emprendedoras formáronse en habilidades dixitais grazas a Conecta Emprego

  • O programa de formación dixital e emprendimiento de Fundación Telefónica, "Conecta Emprego", serviu de axuda a 6.220 mulleres que decidiron comezar unha aventura emprendedora.
  • A través de diferentes programas como as Lanzadeiras de Emprego, os diferentes MOOC dispoñibles ou os cursos de Emprendemento Social e Tecnolóxico en FP, máis de medio milleiro de emprendedoras puideron adquirir as competencias necesarias para mellorar a súa empregabilidade.

 

O 19 de novembro conmemórase o Día Internacional da Muller Emprendedora, unha data instaurada por Nacións Unidas en 2014 tras a iniciativa da presentadora de televisión e empresaria estadounidense Wendy Diamond. A súa toma de contacto coa realidade vivida en Honduras con mulleres emprendedoras con poucos recursos levoulle a transmitilo á ONU e desta maneira conseguiu poñer no foco internacional a necesidade de visibilizar ás mulleres emprendedoras de todo o planeta.

Conscientes desta realidade, a Fundación Telefónica a través do programa de formación dixital Conecta Emprego, pon a disposición das mulleres emprendedoras as ferramentas necesarias para formarse nos coñecementos dixitais e habilidades transversais e emprendedoras que require a nova empregabilidade.

As "Lanzadeiras de Emprego", un proxecto conxunto coa Fundación Santa María a Real de José María Pérez "Peridis" que impulsa a inserción laboral e as habilidades de emprego para promover ideas emprendedoras, lograron que un 52% das mulleres participantes conseguiran incorporarse a un posto de traballo ou crear a súa propia empresa.

Respecto aos MOOC, inscribíronse 394 mulleres no que vai de ano. Un programa que nace co obxectivo de desenvolver as competencias dixitais máis demandadas do momento e que permitiu ás participantes conseguir un posto de traballo grazas á formación recibida nun 65% dos casos.

 

España, un país no que destaca a iniciativa das mulleres emprendedoras

Segundo datos do Informe Especial GEM sobre Emprendemento Feminino, España é un dos países nos que máis destaca a iniciativa de mulleres emprendedoras, superando a media europea. Aínda así, estas mulleres emprendedoras (6%) seguen representando unha porcentaxe inferior ao dos homes que xestionan negocios no noso país (8%), aínda que esta diferenza diminuíu un 30% nos últimos 10 anos.

A nivel global o informe reflicte que 128 millóns de mulleres no mundo están a liderar empresas consolidadas e desde 2012 diminuíu un 6% a fenda de xénero.

Aínda queda moito camiño por percorrer para a equidade de xénero no emprendemento e programas como Conecta Emprego fomentan que cada vez máis máis mulleres emprendedoras poidan poñer en marcha os seus soños. Á súa vez, a Academia Wayra, aceleradora de ideas de Telefónica, celebrará a Women's Age Week para conmemorar o poder feminino e a importancia da muller emprendedora.

20/11/201808:11
Inicio da quinta edición do programa
Murcia

DOWN ESPAÑA e a Fundación Vodafone España, apostan pola realidade virtual como ferramenta para mellorar o acceso ao emprego das persoas con síndrome de Down

  • Máis de 1.200 alumnos con discapacidade intelectual de toda España recibirán formación en novas tecnoloxías para facilitar a súa inserción laboral
  • A realidade virtual incorpórase este ano como prato forte ao programa para facilitar a formación en contornas máis reais de emprego
  • DOWN ESPAÑA comprométese a conseguir contratos de traballo en empresas ordinarias para o 30% dos mozos que participen no programa

 

Esta mañá arrincou en Murcia a quinta edición do programa "Yo me prep@ro", un proxecto de DOWN ESPAÑA e a Fundación Vodafone España que incorpora por primeira vez a realidade virtual como ferramenta para mellorar o acceso ao emprego das persoas con síndrome de Down.

"Yo me prep@ro" é o programa máis completo e de maior alcance que hai no noso país para a formación en novas tecnoloxías da información de mozos e adultos con síndrome de Down. O obxectivo que se persegue con esta formación é facilitar a súa inserción laboral en empresas ordinarias e, en definitiva, a súa inclusión social.

No acto participaron Concepción Ruiz, concelleira de Dereitos Sociais e Cooperación ao Desenvolvemento do Concello de Murcia, quen resaltou a importancia deste tipo de programas xa que "a formación é un alicerce fundamental para acceder con garantías ao mercado laboral".  

Pola súa banda, Verónica López, directora xerente do IMAS (Instituto Murciano de Acción Social), felicitou a DOWN ESPAÑA polo seu traballo e asegurou que desde as institucións rexionais "seguiranse apoiando estas iniciativas, tan necesarias para o tecido asociativo".  Neste sentido, Diego González, membro da Xunta Directiva de DOWN ESPAÑA, afirmou que "as novas tecnoloxías son, hoxe en día, ferramenta indispensable para o acceso ao mundo laboral".

Mari Satur Torre, directora xeral da Fundación Vodafone España, destacou que "os nosos esforzos deben estar centrados en mellorar a vida das persoas, especialmente daquelas que teñen máis dificultades. A tecnoloxía será útil só se serve para que os cidadáns poidan participar activamente na sociedade".

Por último, Pedro Martínez, director do programa "Yo me prep@ro", mostrouse "moi orgulloso e satisfeito" do traballo realizado polos alumnos, "que xa demostraron estar capacitados para atopar un posto de traballo".

Todos os invitados ao acto puideron probar diferentes escenarios de realidade virtual a través dunhas lentes coas que recrearon as sensacións que vivirán os alumnos que se incorporan á última edición do programa. E é que, este ano, como novidade,traballarase con escenarios de realidade virtual para facilitar a formación en contornas máis reais de emprego. Algo que sen dúbida facilitará a súa inserción laboral futura. Os mozos coñecerán que é e como se utiliza a realidade virtual, os diferentes tipos que existen e aprenderán a utilizar a realidade virtual inmersiva.

O proxecto alcanzará, nesta quinta edición, o maior número de alumnos con esta discapacidade intelectual nunca implicados nun programa de formación en TIC. Serán 240 persoas con síndrome de Down, quen, no transcurso das 700 horas formativas impartidas no programa, adquirirán coñecementos en aspectos tan importantes como o uso de programas informáticos, a navegación por Internet ou a interacción con diversas aplicacións móbiles.

Os novos participantes sumaranse aos 960 mozos de edicións anteriores que recibirán un reforzo á súa formación, sumando un total de 1202 alumnos que se beneficiarán do programa nesta nova edición.

Como complemento á súa formación, os alumnos terán a oportunidade de realizar prácticas laborais en empresas ordinarias da súa contorna. DOWN ESPAÑA adquiriu o compromiso de lograr a inserción laboral de polo menos 72 dos participantes do proxecto. Sumados aos contratos laborais para alumnos conseguidos nos anos previos, o proxecto "Yo me prep@ro" conseguirá durante os seus cinco anos de execución un total de 367 insercións en empresas ordinarias de todo o país.

Un dos aspectos clave do programa é que nel participarán usuarios dun gran número de comunidades autónomas. Nesta edición a formación impartirase en 19 entidades federadas a DOWN ESPAÑA situadas nas seguintes localidades: Ávila, Castelló, Córdoba, Granada, Xerez, A Rioxa, Málaga, Murcia, Ourense, Palencia, Principado de Asturias, Sabadell, Sevilla, Toledo, Valladolid e Vigo.

20/11/201808:11
Presentación do Inicia Coworking.
Lugo

Lugo fai un chamamento á emprendemento local para a nova edición de Inicia Coworking

O Inicia Coworking de Lugo, impulsado polo Concello e a Escola de Organización Industrial (EOI) no CEI-NODUS co obxectivo de fomentar a innovación (os novos xeitos de facer empresa, de traballar, e tamén os novos produtos e servizos para o noso mercado e o de máis alá), xa ten aberta a inscrición para a cuarta e última edición desta iniciativa. Nela, segundo informou a semana pasada o Goberno local, achégase formación de balde individualizada e acompañamento para a posta en marcha ou afianzamento de novos proxectos de carácter emprendedor e innovador. Poderán incorporarse á nova convocatoria dúas ducias de persoas

Segundo lembra o Concello, trátase dunha iniciativa que ten ás súas costas importantes fitos laborais e empresariais, como demostra o feito de que nas edicións anteriores, o 70% dos 58 emprendedores e emprendedoras que xa participaron no Inicia Coworking teñan a día de hoxe o seu negocio en marcha e facturando. Ademais, o programa ten un importante factor de igualdade e de anti-discriminación, o que vén certificado polo seguinte dato: máis da metade destas empresas foron impulsadas por mulleres. O Concello recordou que as persoas interesadas en sumarse poden facelo, ata o 15 de decembro, a través da páxina web municipal, www.lugo.gal, ou na ligazón www.eoi.es/es/espacios-coworking/lugo-4a-edicion/admision, onde se pode atopar máis información sobre esta iniciativa. Esta fase desenvolverase entre xaneiro e xuño do vindeiro ano no CEI-NODUS.

A concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, encargada de dar a coñecer a nova convocatoria, xunto á mentora do programa Úrsula Pérez, puxo o foco na contribución que fai este plan ao tecido empresarial lucense, “axudando á creación de emprego”. Nesta liña, Prieto subliñou “o compromiso do Goberno co emprego, eido ao que destina 3 millóns de euros nos orzamentos”. Ao fío do devandito, fixo un repaso polos programas e accións laborais que impulsa o Concello, por importe de 2 millóns de euros: o Inicia Coworking, o viveiro de empresas a pé de rúa na Tinería ou os obradoiros Fórum 4.0 e InteracTICvate e Mellora Lugo 2018. O de Lugo é un dos máis de 50 espazos Coworking que a EOI ten en España para emprender, co obxectivo de facilitar o desenvolvemento dos mellores proxectos empresariais presentados. Conta cun orzamento de 800.000€, co-financiados polo Concello e a Escola de Organización Industrial.

20/11/201808:11
Cartel do evento.
Verín

Nativos R chega esta semana a Verín

Pode unha persoa que non naceu na cerna da revolución tecnoloxico-dixital que estamos a vivir ser tan destra coas novas ferramentas coma unha persoa que si que naceu e medrou entre Internet, redes sociais e móbiles intelixentes? A resposta, segundo a operadora R, é a todas luces positiva. E para demostralo (e impulsar as capacidades de xente non familiarizada coas TIC), está a desenvolver pola nosa terra unha xira de actividades chamadas Nativos R. A vindeira cita será en Verín, este 22 de novembro, en horario de 18:00 a 20:00 h, no salón de actos da Casa da Cultura (rúa Irmáns la Salle s/n).

Segundo explica a compañía de telecomunicacións galega, Nativos R encamíñase a acurtar as distancias entre as persoas que naceron e medraron no ambiente dixital, por unha banda, e quen non tivo ocasión de saber para que consisten as TIC, pola outra. A idea é mobilizar os diferentes integrantes do núcleo familiar ou do tecido docente. As charlas, cen por cen de balde, visitarán deseguido a Mobile Week Coruña, Sarria e A Guarda, logo do seu paso pola XGN de Silleda, Cee, O Carballiño e (agora) Verín. Segundo explica a operadora galega con máis detalle, con Nativos R quérese desmitificar ideas asentadas “como que as novas xeracións son competentes no uso das novas tecnoloxías polo mero feito de ter nacido con elas ou que Internet, as redes sociais e os móbiles son prexudiciais en si mesmos”. Tamén se falará da nova terminoloxía neste eido (cyberbulling, sexting, grooming...), de como nos afecta a todas e todos o cambio dixital e dos principais riscos de Internet e de que maneira previlos, entre outros temas.

Para asistir á charla de nativos R en Verín cómpre contar con algún dos convites do operador galego, que se poden recoller dende o pasado día 13 e ata o mesmo 22 de novembro na tenda R da localidade ourensá (rúa Deputación, 25). As charlas nativos R enmárcanse no programa Digitalent 2020 da Xunta (a través da axencia AMTEGA), cuxo obxectivo primeiro é estimular o talento precoz no ámbito das TIC e fomentar vocacións nas profesións científico- tecnolóxicas dende idades temperás, especialmente entre mozos e mozas, ademais de educar no uso das novas tecnoloxías a persoas de todas as idades.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS