main content

main content
22/11/201814:11
Cartel de
A Coruña

O CPEIG ofrecerá o sábado no Mobile Week Coruña dúas xornadas sobre navegación segura en internet e un taller de pilotaxe de drons

  • O presidente Fernando Suárez participará nunha mesa de debate sobre “Ética e tecnoloxía”

 

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) participará o sábado, día 24 de novembro, na programación da Mobile Week Coruña, o evento tecnolóxico máis importante do mundo no seu sector que se está a celebrar estes días na cidade da Coruña e na súa contorna.

O CPEIG impartirá dúas xornadas do programa Navega con rumbo, destinado a alumnado, docentes e familias. Celebraranse ás 11:00 horas e ás 17:00 horas no Centro Cívico Ciudad Vieja da Coruña (rúa de Veeduría, 2). Por unha banda, o programa está encamiñado directamente aos escolares para guialos cara unha navegación segura, responsable e útil en internet e, deste xeito, previr que sexan vítimas de condutas como o ciberacoso; e doutra banda, tamén fai partícipes aos pais, nais e profesores das recomendacións precisas e que, a súa vez, actúen como correa de transmisión.

Ademais, o Colexio organizará un taller de pilotaxe de drons para nenos e nenas, o sábado entre as 16:00 e as 18:00 horas en ExpoCoruña (rúa Juana Capdevielle, 2). Iniciaranse a rapaces de entre 8 e 16 anos no mundo dos drons, creando un circuíto de habilidade onde poidan practicar a pilotaxe destas aeronaves. E finalmente, o presidente do CPEIG, Fernando Suárez, e a experta en seguridade en internet e membro da xunta directiva do CPEIG, Pilar Vila Avendaño, participarán na mesa de debate sobre “Ética e tecnoloxía”, o sábado no Paraninfo da Universidade da Coruña (rúa da Maestranza, 9) ás 18:00 horas. Reflexionarase sobre as oportunidades e desafíos que ofrecen as novas tecnoloxías, a intelixencia artificial, o uso de datos persoais, Big Data e os límites que poden formularse neste campo.

A Mobile Week Coruña formula unha programación transversal e gratuíta que contará con máis de 40 actividades, 100 relatores, artistas e talleristas, e desenvolverase en 20 espazos da cidade da Coruña, a súa área metropolitana e Santiago de Compostela ata o 28 de novembro. Todas serán gratuítas e para toda a cidadanía. A Mobile Week Coruña é unha iniciativa que fusiona arte, ciencia e tecnoloxía para crear espazos de reflexión colectiva sobre transformación dixital e o seu impacto na sociedade actual. O futuro cotiá convértese no eixe temático da iniciativa situando o cidadán no centro da revolución tecnolóxica.

22/11/201813:11
Inauguración da Mobile Week.
A Coruña

O Concello da Coruña participa na Mobile Week con obradoiros maker e charlas sobre tecnoloxías abertas

Onte inaugurouse no Teatro Colón o acontecemento tecnolóxico Mobile Week Coruña e entre as moitas cousas que pon de manifesto o evento, púxose o foco na súa capacidade para mostrarnos vieiros de transformación dixital (vieiros necesarios e imprescindibles para acadar o progreso das nosas empresas, institucións e sociedade) e no seu papel reivindicador das potencialidades da Coruña como cidade tecnolóxica e innovadora. Nestas cuestións afondou o presidente da Xunta durante a apertura oficial de actividades (tal e como sinalamos ontee nelas tamén insistiu o alcalde, Xulio Ferreiro, que sinalou que “a escolla da Coruña como primeira cidade fóra de Barcelona que acolle a Mobile Week referenda o traballo do Concello estes últimos anos a prol de avances tecnolóxicos que melloren a vida da veciñanza”.

Nun plano máis concreto, Ferreiro salientou os programas innovadores impulsados polo Goberno local como os cursos de alfabetización dixital, todos os procesos de participación dentro de A Porta Aberta para fomentar a democracia directa, o programa de Orzamentos Participativos ou o convenio coa Universidade InnovaCM 2030, dirixido a impulsar unha estratexia metropolitana para xerar unha economía sustentable. Amais de Ferreiro, participaron no acto o director executivo da Mobile World Capital, Carlos Grau, o presidente do Club Financeiro Atlántico, Mariano Gómez-Ulla, así como o reitor da UDC, Julio Abalde, o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso e o da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo. Amais, tamén acudiron representantes de distintas empresas radicadas en toda área metropolitana. Volvendo á intervención de Ferreiro, fixo un percorrido polas actividades coas que o Concello participa na Mobile Week, que se concreta nun convenio de colaboración económica e na cesión de espazos públicos e, tamén, na organización de dous obradoiros -un sobre e-textiles e outro dirixido a público xuvenil denominado Cacharreo tecnolóxico- a cargo dos Museos Científicos da cidade e de Bricolabs -que realiza actividades vinculadas á zona maker da Domus-, e unha mesa redonda arredor dos proxectos TIC que se están a impulsar dende unha perspectiva local e dende as administracións municipais, que organiza a Concellería de Participación e Innovación Democrática.

Esta charla, que terá lugar hoxe no Ágora ás 16.00 horas, aborda programas municipais relacionados coa innovación tecnolóxica e no ámbito do social. A edil responsable de Participación, Claudia Delso, afondará no proxecto Cidade Aberta: Plataforma de Goberno Aberto, no que están implicados os concellos da Coruña, Santiago, Zaragoza e Madrid e que foi seleccionado dentro da convocatoria de cidades intelixentes de Red.es. A concelleira achegará tamén a experiencia do Co-Lab e a Forxa do Co-Lab, o laboratorio cidadán da Coruña, un espazo aberto para a posta en común de distintas capacidades, visións e coñecementos co obxectivo de deseñar e desenvolver accións para a mellora da contorna. Pola súa banda, o concelleiro de Culturas, José Manuel Sande, presentará nesa mesa Coruña Dixital, unha iniciativa municipal para expandir na cidade novas prácticas culturas e creativas xurdidas dende as redes dixitais. Estarán tamén Alberto García por parte de Cartolab da Universidade da Coruña para introducir Emapic, un sistema que facilita a representación de coñecementos, opinións e sentimentos sobre un mapa; Brais Arias, representante de GPUL, entidade organizadora dos Hackatiños de Datos Abertos, un grupo de programadores e persoas usuarias de Linux, que defende a democratización do acceso á tecnoloxía mediante a reutilización do código para aprender, incrementar a privacidade e para mellorar o software; e Arantxa Serantes, do Proxecto Cousateca, unha biblioteca aberta a cousas de todo tipo que se desenvolveu no marco do Co-Lab.

22/11/201808:11
Mascota da feira impresa en 3D.
Santiago de Compostela

Todo listo para a cuarta edición da Maker Faire Galicia na Cidade da Cultura

A organización da Maker Faire Galicia deu a coñecer esta mañá nunha rolda de prensa os detalles da que será a cuarta edición desta feira de inventores e inventoras, consolidada como unha das máis importantes a nivel europeo e punto de encontro innovador e colaborativo a nivel galego. O director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo, a concelleira de Igualdade, Promoción Económica e Turismo do Concello de Santiago, Marta Lois, e a coordinadora da Maker, Matilde Rodríguez, foron os encargados de explicar polo miúdo a programación do evento, que se celebra na Cidade da Cultura os días 23, 24 e 25 de novembro.

Ademais da tradicional feira expositiva, onde se poderán ver as recentes e innovadoras creacións dos makers participantes, haberá un amplo programa de actividades dirixido a todo tipo de públicos como charlas, obradoiros, parkour ou carreiras de coches DIY. Tamén chaman a atención o exclusivo circuíto de drons que terá lugar no túnel subterráneo do Gaiás ou a Hebocon, un campionato de robots absurdos para familias. Coma todos os anos, as charlas serán un dos pratos fortes do evento, con relatores como o deseñador francés Gael Langevin, de InMoov, creador do primeiro robot humanoide de código aberto, ou David Aguilar, mozo español coñecido por construírse, con tan só 18 anos, unha prótese articulada a partir de pezas LEGO.

Destaca tamén a integración de conferencias independentes dentro do programa oficial do evento, como as coordinadas polo NOS Day, centrada no emprendemento e o mundo das startups, ou o grupo de mulleres tecnolóxicas Galstech, coas que se fomenta a colaboración entre as diferentes comunidades profesionais e tecnolóxicas de Galicia.

Para esta cuarta edición, a Maker Faire Galicia volve contar co patrocinio da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, que acolle tamén o evento no Gaiás, e do Concello de Santiago, a través do programa Compostela Móvese. Tamén colabora co evento a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía – Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.

Xornada profesional
Ademais da feira dos días 24 e 25, a Maker Faire Galicia dedica, por segundo ano consecutivo, unha xornada dirixida exclusivamente ao sector profesional, na que contará con referentes a nivel internacional no ámbito da innovación. A cita terá lugar na mañá do 23 de novembro de 9:00 a 16:00 horas, no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura.

A xornada versará arredor da tecnoloxía, co foco posto no design thinking, a innovación na robóticaou na ciencia, e contará coas experiencias de Gael Langevin; Stiven Kerestegian, xefe de Innovación e Estratexia do CIID (Copenhagen Institute of Interaction Design) ou Zoe Powell, deseñadora téxtil especializada na creación de bioplásticos e membro de Materiom.

Zoe formará parte dunha mesa de debate sobre a importancia da tecnoloxía para redeseñar o mundo, na que tamén participará Gianluca Pugliese, da empresa Wasp, a cal creou unha impresora 3D capaz de imprimir casas por menos de 1.000 euros. No eido científico, Carmen Álvarez, licenciada e doutora en Farmacia pola Universidade de Santiago de Compostela, falará sobre os avances da bioimpresión nunha charla na que estará acompañada por responsables de REGEMAT, empresa española especializada na impresión 3D de tecidos biolóxicos.

Ademais, para esta xornada profesional, a organización seleccionou os 10 proxectos máis innovadores desenvolvidos por makers, na súa maioría de Galicia, que terán a oportunidade de presentar as súas creacións ante un xurado profesional que elixirá os tres mellores. O acto rematará coa entrega de premios e unha comida para participantes e asistentes a cargo de O Fogar do Santiso.

As persoas interesadas en asistir como público a esta xornada poden inscribirse a través do formulario dispoñible na páxina web do evento. Para participar nas actividades da fin de semana pódense adquirir entradas a un prezo de cinco euros para os dous días. Os menores de 14 e maiores de 65 anos poderán acceder de balde.

21/11/201818:11
Inauguración da Mobile Week.
A Coruña

Feijóo avanza que Galicia contará cunha Axenda Dixital Post-2020 que incluirá un polo Gaiás-Dixital e un Comité de intelixencia artificial

  • Afirma que esta ferramenta contextualizará a estratexia europea no ámbito dixital no noso contorno, para aproveitar a posición que a transformación dixital terá no novo marco de financiamento europeo 21-27
  • Asevera que o polo Gaiás-Dixital será o nodo rexional de referencia nas redes transeuropeas e permitirá abrir portas cara á compartición de infraestruturas tecnolóxicas no marco do mercado dixital único que promove a UE
  • Subliña a creación dun comité de expertos en diferentes disciplinas que permitirá unha análise rigorosa que calibre as oportunidades de aplicación e desenvolvemento e as medidas lexislativas nas que cómpre adiantarse

 

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que Galicia empezará a traballar na Axenda Dixital Post-2020, que contará cun polo Gaiás-Dixital e cun Comité de intelixencia artificial. “Estamos a falar dunha ferramenta para contextualizar a estratexia europea no ámbito dixital no noso contorno, para aproveitar a posición que a transformación dixital terá no novo marco de financiamento europeo 21-27 e aproveitar os avances dixitais experimentados na Comunidade”, explicou.

Durante o acto de inauguración da Mobile Week, Feijóo precisou que esta estratexia contará con tres obxectivos: reforzar o papel de liderado do sector público para buscar respostas novas ao desafíos actuais e futuros, empregando todo o potencial da tecnoloxía; impulsar a capacitación de novos perfís especializados adaptados aos cambios no mercado laboral e atraer talento dixital; e aproveitar o potencial das novas tendencias tecnolóxicas fomentando o emprendemento e o crecemento das ideas.

Nesa estratexia, aseverou que o polo Gaiás-Dixital será o nodo rexional de referencia nas redes transeuropeas e permitirá abrir portas cara á compartición de infraestruturas tecnolóxicas no marco do mercado dixital único que promove a Unión Europea.

Así mesmo, e para analizar o potencial que se atopa na intelixencia artificial, capaz de impulsar novos modelos de traballo ou de prestar servizos públicos, subliñou que se creará un comité de expertos en diferentes disciplinas que permitirá unha análise rigorosa que calibre as oportunidades de aplicación e desenvolvemento e as medidas lexislativas nas que cómpre adiantarse.

“Queremos que Galicia teña voz nas tendencias tecnolóxicas de futuro”, dixo, subliñando que o Consello da Xunta aprobou o Plan Galicia 5G e acaba de constituír un nodo rexional de cooperación con tres multinacionais e un operador público 5G.

Ao longo da súa intervención, o responsable do Executivo autonómico subliñou que a Axenda dixital de Galicia permitiu: máis conectividade, a través dunha lei galega que apoia estas infraestruturas e un investimento que en 2020 superará os 250 millóns de euros, o que converte a comunidade na terceira autonomía con mellor cobertura 4G; unha Administración máis dixital, que se consolidará coa aprobación nos próximos meses da Lei de Administración dixital; e unha educación máis dixital, con equipamento dixital en todas as aulas, desde quinto de primaria ata bacharelato.

Nesta liña, referiuse tamén aos avances nos novos modelos de coidados no fogar; á Rede dixital de emerxencias, que integra no mesmo sistema todos os colectivos de emerxencias e seguridade; ou á construción da Memoria Dixital de Galicia.

Feijóo incidiu en que o Goberno galego leva tempo comprometido co sector TIC, que concentra máis de 3.400 empresas e dá traballo a case 22.000 persoas na Comunidade. Sobre este punto, destacou tamén a importancia de eventos como a Mobile Week Coruña e insistiu no interese de Galicia por estar presente nos retos relacionados con esta materia.

21/11/201817:11
Muller usando realidade virtual.
A Coruña

A Universidade da Coruña aporta numerosas actividades ao programa da Mobile Week Coruña

A Universidade da Coruña colabora coa Mobile Week Coruña aportando numerosas actividades ao seu programa dirixidas a todos os públicos. A Mobile Week estará na cidade de A Coruña ata o próximo 28 de novembro convertendo a Galicia na comunidade elixida pola Mobile World Capital Barcelona para acoller o primeiro evento que celebra fóra de Cataluña.

O xoves 22 de novembro, o Campus Innova celebrará o evento “Realidade virtual, aumentada e mixta. Realidades de hoxe” no espazo de intervención cultural NORMAL. O obxectivo do evento, que contará cunha zona expositiva con demostrables e cunha xornada de tarde con workshops e charlas, é analizar casos prácticos de éxito que están a axudar no presente en accións cotiás do día a día e analizar as perspectivas de futuro destas novas realidades. Para iso contará coa colaboración de diversas empresas e entidades entre as que se encontran Kabel, Duacode, Xoia, Isostopy, Mobgen e a Axencia Galega de Innovación (GAIN) a través do CIS Galicia.

Pola súa parte, a Facultade de Informática da UDC acollerá o venres 23 de novembro no seu salón de actos, a mesa de debate “Comunicación e democracia” que contará coa participación, entre outros, dos investigadores Amparo Alonso e Guillermo López Taboada e abordará asuntos de actualidade como as fake news.

Así mesmo, o sábado 24 de novembro esta facultade acollerá o obradoiro “A hora do código. Aprendendo a programar”, unha actividade dirixida a nenos e nenas que achegará a programación de computadores dunha forma natural, simple, intuitiva e divertida.

Tamén na xornada do sábado terá lugar na Fundación Barrié a mesa de debate “Futuro dixital, para tod@s?” na que participará Susana Ladra, profesora da Facultade de Informática da UDC e directora do Campus Innova.

Pola súa parte, o Paraninfo da Reitoría acollerá na tarde do sábado dúas charlas que reflexionarán sobre a ética e a tecnoloxía con participantes como Nieves Rodríguez Brisaboa, directora do grupo de investigación Laboratorio de Bases de Datos (LBD).

Ademais, o Centro de Investigación CITIC organiza e acolle ao longo de toda a semana diversos obradoiros de robótica e intelixencia artificial.

Todas as actividades son de acceso gratuíto aínda que é necesaria a inscrición previa a través da páxina web da Mobile Week Coruña onde poden tamén consultarse todos os detalles do amplo programa.

Máis información: https://www.mobileweekcoruna.com/

21/11/201814:11
Asistentes ao evento.
Ourense

A Xunta destaca a importancia da formación en competencias dixitais para o emprendemento e a mellora da empregabilidade

  • Trátase de coñecer e valorar as novas saídas profesionais que ofrecen as novas tecnoloxías da información

 

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, destacou hoxe, durante un encontro sectorial no Espazo Xove de Ourense, a aposta da Xunta por “reforzar a aprendizaxe dixital da xente nova como valor engadido no ámbito socio-laboral”. Cecilia Vázquez asistiu a este evento, que baixo o título A innovación como base de emprendemento: A Molinera, laboratorio de innovación dixital, reuniu a mozos e mozas con actores empresariais da zona coa finalidade de impulsar a aparición de oportunidades no campo da innovación dixital.

Ao respecto desta actividade que tamén contou coa asistencia da delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, a directora xeral explicou que estivo centrada no papel das ferramentas dixitais e tecnolóxicas para a sociedade actual do coñecemento e os novos profesionais. Trátase de reforzar o achegamento da mocidade á formación en competencias dixitais, “unha xeración que convive cas tecnoloxías da información desde a súa infancia”, apuntou. Nesta liña, engadiu que outro dos obxectivos do encontro é que a mocidade coñeza e valore as novas profesións relacionadas con este ámbito de actividade como posibles saídas profesionais, ademais de ofrecer un espazo para a adquisición de coñecementos que axuden ao desenvolvemento persoal e profesional.

Cecilia Vázquez lembrou que o Espazo Xove de Ourense conta cun Espazo Emprende aberto ao abeiro do programa europeo Lidera. Neste espazo os rapaces e rapazas poden impulsar os seus proxectos e ideas de negocio a través do coworking. Así, nestas instalacións as persoas usuarias dispoñen tanto de medios como de asesoramento personalizado e formación para a posta en marcha das súas propostas. De feito, o vindeiro luns, día 26 de novembro, está programada neste Espazo Emprende unha sesión de coaching.

 

21/11/201814:11
Momento da xornada.
Santiago de Compostela

A Amtega colaborará co INCIBE para formar ás pemes en ciberseguridade

  • A Axencia autonómica e o Instituto Nacional de Ciberseguridade asinarán un convenio proximamente
  • Mar Pereira avanzou esta liña de cooperación na inauguración da Xornada sobre Ciberseguridade coa que a Xunta inicia as actividades da Mobile Week Coruña

 

A Cidade da Cultura acolle hoxe unha Xornada de Ciberseguridade, a primeira actividade coa que a Xunta achega a Santiago as actividades da Mobile Week Coruña. A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, xunto co presidente do Clúster TIC, Antonio Rodríguez, inaugurou o encontro destacando a importancia da formación e a divulgación para xerar unha cultura da ciberseguridade no tecido empresarial, especialmente entre as pemes e os autónomos.

Pereira destacou que esta xornada non é una iniciativa illada senón que se enmarca nas actividades do Centro Demostrador TIC da Amtega para achegar a tecnoloxía ás pemes e que no seu programa de actividades ten previstos máis seminarios, xornadas, e demostracións vinculadas á ciberseguridade cun enfoque práctico e asequible para que pemes e autónomos coñezan as posibles opcións para abordar esta cuestión.

A oferta en ciberseguridade para empresas reforzarase en 2019 cunha nova edición do Programa Reacción TIC, en colaboración co Igape que, entre os novos servizos que ofrecerá estarán os orientados ao ámbito da ciberseguridade nas pemes.

Ademais, a responsable autonómica avanzou que a Amtega asinará un convenio co Instituto Nacional de Ciberseguridade para desenvolver novas liñas de formación e ofrecer novos servizos para as pemes. 

 

Peme segura

A xornada conta durante a mañá con dous relatorios a cargo de dous expertos na materia, Luis Hidalgo, de INCIBE (https://www.incibe.es/), e Enrique Serrano (https://www.enriqueite.com/), cofundador de Mundo Hacker. A xornada matutina rematará cunha mesa temática na que especialistas galegos tratarán temas como o novo regulamento de protección de datos, os novos servizos de seguridade, a seguridade en contornos industriais ou os incidentes de seguridade.

 

A ciberseguridade na túa casa

A sesión da tarde, “Ciberserguridade na túa casa: ciberseguridade para tod@s” abordará temas como o sexting, a ciberviolencia de xénero, o ciberbullyng ou a fraude dixital da man de recoñecidos especialistas en cada unha das materias.

Así, a asociación Pantallas Amigas (https://www.pantallasamigas.net/); Fernando Villar, formador da Garda Civil; ou Carlos Pérez, CISO de Abanca, compartirán con todas as persoas asistentes as medidas de protección máis apropiadas para salvagardar os nosos pequenos e pequenas e a nosa identidade dixital, ou para facer un uso responsable de internet así como evitar fraudes dixitais, como o hackeo das tarxetas de crédito ou o roubo de información sensible.

 

17 actividades da Coruña ao Gaiás

A xornada de ciberseguridade é unha das 17 actividades coas que a Axencia pública autonómica contribúe coa vocación da Mobile Week de irradiar a toda Galicia a necesidade de reflexionar sobre o impacto da evolución tecnolóxica na sociedade. Entre o 21 e o 28 de novembro as aulas CeMIT de Abegondo, Betanzos, Sada e A Coruña acollerán cursos e obradoiros de alfabetización dixital, formación específica sobre o uso dos servizos dixitais, programación Scratch, busca de traballo en internet e charlas divulgativas sobre os novos perfís dixitais.

As actividades complétanse con visitas ao Centro de Proceso de Datos Integral da Xunta, o Corazón Dixital de Galicia para o que os interesados se poden inscribir a través do mail cemit@xunta.gal.

1 mes 1 profesión dixital
Málaga

#CyberCamp18

CyberCamp é o gran evento de ciberseguridade anual organizado polo Instituto Nacional de Ciberseguridade de España (INCIBE) no que, a través dun amplo programa de actividades, preténdese ofrecer contidos de interese para todos os públicos.

Os principais obxectivos son:

  • Identificar traxectorias profesionais e ampliar os coñecementos técnicos. Axudámoste a desenvolverte como un profesional de ciberseguridade!
  • Chegar ás familias e á cidadanía, a través de actividades técnicas, de concienciación e difusión da ciberseguridade para todos. Achegarémoste ao mundo da ciberseguridade!
  • Espertar e impulsar o talento en ciberseguridade mediante competicións técnicas. Aquí poderás promocionar o teu talento!
21/11/201812:11
Médica usando un ordenador.
Ribeira

A Aula CeMIT de Ribeira formará na plataforma É-Saúde e na contratación de telefonía móbil

A Aula CeMIT de Ribeira organiza para as vindeiras semanas dúas novas actividades de balde na súa sede de Cubeliños. En primeiro lugar, os días 26 e 28 de novembro haberá un curso de catro horas titulado Coidando a túa saúde: plataforma É-Saúde do Sergas que proporcionará moitas claves sobre este sitio telemático tales como por exemplo o acceso a través da Chave365, consultas da información persoal de saúde e acceso a túa historia clínica, ver a túa folla de medicación, informes de farmacia, calendario de citas… O curso desenvolverase de 16:00 a 18:00 horas en cadansúa xornada. 

Ademais, o luns 3 de decembro terá lugar unha videoconferencia de balde dende a Escola Galega de Consumo sobre Telefonía móbil: contratación, facturación e reclamacións. Celebrarase de 12:00 a 13:30 horas e aínda hai prazas dispoñibles.

21/11/201812:11
Cartel do evento.
A Coruña

R apoia a Mobile Week Coruña con patrocinio, obradoiros e charlas

Entre os patrocinadores-impulsores principais do evento Mobile Week Coruña, que como indicamos comeza hoxe achegando un cento de actividades, atópase o operador de raizame galega R. Alén do patrocinio en si mesmo, a empresa de telecomunicacións vai colaborar na primeira edición do dito acontecemento con obradoiros de robótica para a rapazada e con charlas para educadoras e educadores sobre o emprego de novas tecnoloxías para a mocidade nada na era dixital. 

Organizado polo Club Financeiro Atlántico, a Mobile Week Coruña conta tamén co apoio do Concello e da Deputación da Coruña e máis da AMTEGA (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia).

Polo que refire aos obradoiros tecnolóxicos Crea R que a empresa porá a disposición dos asistentes á Mobile Week, estes son de balde están concibidos para cativas e cativos de entre 7 e 13 anos que poderán potenciar a súa creatividade e espertar o seu espírito emprendedor. Organizarase unha primeira quenda para nenos de 7 e 8 anos, de 10:30 a 12:30 h. Deseguido, a rapazada de 9 e 10 anos serán quen desfruten desta iniciativa, de 12:30 a 14:30 h. E xa pola tarde, de 17:00 a 19:00 h, rapaces de 11 a 13 anos rematarán esta xornada coa que, sobre todo, se procura que aprendan mentres se divirten. Durante o obradoiro, os cativos van crear un prototipo tecnolóxico utilizando placas e materiais reciclados (cartón, plástico, plastilina, cordas...) para construír as estruturas. A intención de R é a de achegar aos participantes á programación “dun xeito natural e divertido”, mentres xogan cos enxeños que eles mesmos artellan paso a paso: coches para que aceleren, robots para que camiñen ou mesmo marcadores para levar a conta dos puntos dun equipo nun partido. 

Segundo engade R, o obxectivo é que “os nenos potencien a súa creatividade e esperten o seu espírito emprendedor ao tempo que adestran habilidades importantes como o traballo en equipo e a comunicación”. Ademais, engade a operadora, búscase que as nenas e nenos deixen de “ser meros consumidores pasivos de tecnoloxía e botan man dela, desta volta, para crear e aprender”. 

Tanto na cita de Mobile Week Coruña como nas anteriores xeiras de Crea R, a operadora contará coa colaboración da escola Líbolis Pequenos Emprendedores o eu método educativo.

A outra acción coa que a operadora está presente no acontecemento coruñés que comeza hoxe é unha das súas charlas do ciclo Nativos R, tamén de balde. Nativos R é unha iniciativa para acurtar as distancias entre as persoas que naceron e medraron no ambiente dixital, enchoupándose nel, e quen non tivo ocasión de saber para que consisten as novas tecnoloxías. A idea é mobilizar os diferentes integrantes do núcleo familiar ou do tecido docente. 

En palabras da firma de cable, Nativos R diríxese á cidadanía que se ben non naceu na era dixital, convive con persoas (nenas, nenos, adolescentes, mocidade) que si que o fixeron, abrindo interesantes camiños de comunicación e interacción entre uns e outros. Esta acción didáctica de R xa recalou en Cee e máis no Carballiño e este xoves farao en Verín; tralo seu paso pola Mobile visitará Sarria e A Guarda.

R tamén informa de que a día de hoxe xa están esgotadas as entradas tanto para os obradoiros Crea R coma para as charlas Nativos R. Ambas as dúas accións desenvolveranse o sábado 24 de novembro no edificio do Centro de Investigación TIC da Universidade da Coruña, CITIC, entidade que dende hai semanas vén colaborando activamente con R na preparación destas iniciativas para a Mobile Week Coruña. 

As actividades formativas e divulgativas de R enmárcanse no programa Digitalent 2020 da Xunta -a través da AMTEGA- para estimular o talento precoz no ámbito das TIC e fomentar vocacións nas profesións científico-tecnolóxicas especialmente entre mozos e mozas dende idades temperás, amais de educar no uso das novas tecnoloxías a persoas de todas as idades.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS