Unha das mellores formas de manter os nosos equipos informáticos protexidos é a prevención e o coñecer que pode facer que estean en risco.
Ademais de protexer os nosos dispositivos, tamén é fundamental que coñezamos medidas de protección para a nosa saúde e que será un dos puntos clave a tratar neste curso.
Contidos:
Aprende máis sobre seguridade tecnolóxica!
A Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), centro dependente da Consellería do Medio Rural, desenvolverá o proxecto piloto “AppFitoVit”, que consiste no desenvolvemento dunha aplicación para telefonía móbil que dará servizo de información fitosanitaria para o viñedo a tempo real. Esta acción está inserida dentro das liñas estratéxicas de investigación da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) e está financiada nun 75% con fondos Feader ao abeiro da convocatoria de accións de cooperación.
Este proxecto piloto presentouse esta mañá durante a xornada técnica “Financiamento e logros na innovación do sector vitivinícola galego”, que se celebrou no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Monforte de Lemos e á que acudiu o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), Manuel Rodríguez. Neste evento colaboraron o Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, Agacal e a Fundación Juana de Vega.
Esta iniciativa dá resposta a unha vella demanda do sector vitivinícola galego de contar cun sistema de avisos climatolóxicos e fitosanitarios homologable para toda Galicia. A súa consecución permitirá contar cunha ferramenta fundamental para predicir episodios adversos relacionados con enfermidades do viñedo, con especial atención ás provocadas por fungos como o mildiu e, así, evitar posibles perdas económicas derivadas de tales fenómenos.
Para o seu desenvolvemento, a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia conta cos servizos dunha empresa especializada no deseño de plataformas dixitais para a agricultura e viticultura de precisión, así como coa colaboración de 33 entidades entre as que se atopan os cinco consellos reguladores vitivinícolas de Galicia.
A aplicación AppFitoVit desenvolverase en tres fases. Na primeira, que se prevé rematar no ano 2019, establecerase unha rede interna entre os técnicos correspondentes ás entidades colaboradoras co obxecto de deseñar e validar a estrutura da aplicación móbil. Nunha segunda fase comprobarase a validez dos datos climatolóxicos, edafolóxicos e fenolóxicos manexados e comezará a emisión de boletíns de avisos fitosanitarios territorializados de forma interna. Na derradeira fase do proxecto, e unha vez validado o funcionamento da aplicación, pasará a ser pública e aberta ao sector totalmente de balde.
O primeiro MOOC (Massive Open Online Courses) lanzado pola Universidade da Coruña, en colaboración coa Universidade de Cádiz, “Música para o S.XXI: achegas do sotfware libre á educación musical“, está entre os dez finalistas ao premio Innovación Educativa MiríadaX 2018. O MOOC foi seleccionado entre un total de 89 candidaturas de 44 universidades de 8 países diferentes.
Miríadax é unha plataforma de MOOC's iberoamericana que aposta por impulsar o coñecemento en aberto no ámbito rexional da Educación Superior. Neste senso, o concurso busca impulsar o acceso universal e de calidade á educación universitaria en español e portugués fomentando a difusión do coñecemento en aberto no Espazo Iberoamericano de Educación Superior a través da notoriedade dos seus mellores MOOC.
O premio está dirixido a docentes ou equipos docentes de calquera universidade ou institución iberoamericana con iniciativas que promoven a aprendizaxe dixital e a inclusión social.
Entre outros indicadores, o concurso valora o deseño atractivo e a adaptación dos contidos co fin de que sexan accesibles para persoas con discapacidade visual ou auditiva, a orixinalidade e capacidade da proposta para transmitir con rigor, extensión e claridade os contidos, a capacidade de dinamización da comunidade creada nos foros de discusión de cada curso ou o número de participantes que finalizan o curso, así como a súa valoración.
Nunha primeira fase analízanse as enquisas de opinión do alumnado, a taxa de finalización acadada, o deseño e a dinamización titorial. Ademais faise unha revisión por pares realizada por docentes que impartiron cursos MOOC. Na segunda fase, un comité editorial analiza e avalía a documentación da primeira fase e escolle aos 10 finalistas que optarán ao galardón.
O proceso de deseño, gravación e edición do curso MOOC da Universidade da Coruña “Música para o S. XXI: achegas do sotfware libre á educación musical” foi coordinado desde a Unidade de Teleformación do CUFIE. Ademais, para este primeiro curso MOOC, contouse coa colaboración do servizo técnico de audiovisuais da Facultade de Ciencias da Comunicación, así como co alumnado bolseiro desta mesma facultade.
Unha ferramenta baseada en intelixencia artificial creada para fomentar a nova empregabilidade e dirixida a todas as persoas que queiran reciclarse para atopar oportunidades laborais en empregos dixitais. Así é a plataforma Conecta Emprego que presentou a Fundación Telefónica.
Servíndose de intelixencia artificial, a plataforma define en tempo real os vinte e tres perfís dixitais máis demandados, mostra as vacantes por provincia, asesora a través dun orientador profesional virtual a aqueles que buscan emprego e ofrece formación online e presencial para adquirir as habilidades e coñecementos necesarios para acceder a estes postos. A plataforma conta con datos de InfoJobs.
Cada vez hai máis empresas do sector tecnolóxico que demandan profesionais en empregos emerxentes, aqueles que apenas existían a comezos da década. Son empregos vinculados á innovación, á tecnoloxía ou á transformación dixital que adoitan ter un baixo nivel de competencia.
Entre eles, segundo datos do Informe Anual de InfoJobs 2017, destaca o de analista de datos, un emprego do cal en 2008 apenas había 200 ofertas e do que en 2017 houbo case 1.500 vacantes. Entre estes postos destacan tamén "data scientist" e outros en auxe, como especialista en robótica, ciberseguridade, Agile/Scrum ou user experience.
En primeiro lugar, a plataforma Conecta Emprego detecta en tempo real os vinte e tres perfís dixitais con maior demanda de emprego en España e mostra un vídeo sobre cada un deles para coñecer o seu uso e as súas aplicacións na sociedade. Entre os máis demandados, atópanse o de desenvolvedor Java (máis de 5.000), "back end", "frontend", "fullstack" e "bases de datos".
En segundo lugar, a web ofrece un mapa interactivo de España que mostra ao usuario os perfís dixitais máis demandados por provincia. Neste momento, Madrid é a provincia con máis oferta laboral nestes perfís con 20.045 postos, o primeiro dos cales é desenvolvedor Java con 4.718. Séguelle Barcelona con 8.391 vacantes dixitais, a maioría de desenvolvedor back end, e Valencia con 1.286 e Sevilla con 1.222 de desenvolvedor Java.
A plataforma ofrece un orientador profesional virtual que facilita recomendacións personalizadas de formación en competencias para que o usuario elixa. Solicita información de ofertas de emprego, detecta cales son as máis repetidas e, polo tanto, as máis demandadas; identifica cales son os coñecementos técnicos máis comúns nas ofertas sobre cada unha desas profesións e indica que cursos, tanto gratuítos como de pago, son necesarios para formarse nestes coñecementos.
Así, o orientador, a través da intelixencia artificial, vai aprendendo da interacción cos usuarios, dos cales solicita información para ir mellorando as súas respostas e ofrecer a formación adecuada ás necesidades de cada un. Segundo informa a Fundación Telefónica, o orientador atópase na actualidade en fase de desenvolvemento e a súa eficacia irá aumentando coa participación de cada usuario.
O campamento Tecnolóxico Interxeneracional "Yes I Camp" é unha iniciativa seleccionada pola Fundación Cotec dentro do programa de Innovación aberta 2017, e desenvolvida pola Concellería de emprego do concello de Ourense a través do Centro de Coñecemento e Innovación La Molinera.
O obxectivo é canalizar o coñecemento e o "saber facer" das persoas maiores de 55 anos coa enerxía e o coñecemento da Xeración "Z" (menores de 18 anos), a través da Tecnoloxía.
A canle elixida foi un campamento e o Demo Camp do día 30 Novembro é o día no que os participantes expoñerán as súas experiencias, conclusións e recibirán o feed back.
Todo un Reto para seguir Democratizando a Transformación Dixital.
Rógase confirmación de asistencia en lamolinera@ourense.gal ou no teléfono 988 374 523.
O Concello de Oleiros vai introducir á veciñanza no emprego de novos dispositivos tecnolóxicos, poñendo o foco na poboación maior do termo municipal e nas importantes posibilidades de desenvolvemento persoal e envellecemento saudable que as novas tecnoloxías poñen en xogo. Estamos a falar dos cursos de Manexo de tabletas e móbiles para as persoas maiores de 60 anos empadroadas no concello de Oleiros, que este venres abren o seu prazo de inscrición.
Estas actividades formativas insírense ao abeiro da programación de alfabetización dixital que organiza o Concello e que teñen como obxectivo achegar as novas tecnoloxías ás persoas maiores. Serán, máis en detalle, dous obradoiros cunha duración de 16 horas, en 8 sesións de 2 horas cada unha, de luns a xoves pola tarde na aula de informática do Centro Municipal de Formación, nos Regos. As inscricións poderán realizarse a través da web municipal www.oleiros.org, na sede electrónica, no apartado cidadáns e empresas, en trámites online, a partir das 10:00 horas do venres 30 de novembro e até as 14:00 horas do luns 3 de decembro. Tamén é posible nas oficinas de Servizos Sociais do Concello de Oleiros.
No momento da inscrición os interesados poderán escoller a opción de horario, ben de 16:00 a 18:00 horas ou de 18:00 a 20:00 horas. O prezo público para esta actividade é de 14,22 euros.
A Deputación de Lugo vén de subir un novo chanzo na súa estratexia a prol do emprego, e faino ofrecendo dúas ducias de postos de traballo a mozas e mozos acabados de cursar títulos de FP e graos impartidos na provincia. A encargada de presentar esta iniciativa foi a deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, que sinalou que se trata de 23 contratos en prácticas que persoas sen experiencia laboral previa traballen no seo da entidade provincial durante un máximo de dous anos. Por certo que unha parte relevante destes empregos ten relación directa coas novas tecnoloxías e cos procesos de dixitalización abordados pola Deputación nestes últimos anos.
A deputada engadiu que se trata dunha iniciativa para un tempo e un espazo concreto e que, polo tanto, os perfís foron deseñados en base á oferta formativa lucense: “Tivemos en conta polo tanto as especialidades dos nosos centros de ensinanza superior, ademais das necesidades de cada un dos servizos da Deputación”. Sonsoles López tamén fixo saber que a nova programación de emprego do Goberno provincial, chamada Primeira Oportunidade,ten o obxectivo de frear o que se coñece como “fuga de talento”, facilitando aos cidadáns que adquiran experiencia laboral no seu ámbito profesional e que inicien a súa traxectoria profesional na nosa provincia e non fóra.
Os requisitos para participar neste proceso de selección pública son, no caso de ter máis de 30 anos, ter rematados os estudos de FP ou Grao sobre os perfís que se ofertan nos últimos 5 anos (non antes de 2013) e non ter experiencia laboral sobre esta profesión. Os menores de 30 anos só terán que acreditar non ter experiencia laboral sobre o emprego ao que optan. Até o 3 de decembro, as persoas interesadas poden inscribirse nos procesos de selección pública para os seguintes perfís laborais/empregos:
A maiores, tamén se abrirá a solicitude para estes perfís/empregos:
A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, participou esta mañá no Pazo de Congresos e Exposicións de Santiago de Compostela na inauguración dunha xornada formativa dirixida a alumnado, profesorado e persoal investigador universitario colaborador no desenvolvemento do impulso do Bacharelato de excelencia en Ciencias e Tecnoloxía (STEMBach). Esta modalidade impártese por primeira vez neste curso como iniciativa pioneira ao abeiro da Estratexia Galega para a Educación Dixital (EDUdixital) 2020.
A titular do departamento de Educación da Xunta de Galicia sinalou este Bacharelato como “unha oportunidade, tamén, para chegar ao mundo universitario cun coñecemento previo de primeira man que vos facilite a incorporación e adaptación ás ensinanzas superiores”. Neste sentido lembrou que o STEMbach completa a formación do alumnado en aspectos máis amplos, como o desenvolvemento dunha mentalidade científica, rigorosa, ordenada e crítica, clave para avanzar nunha sociedade máis xusta, participativa e libre; o fomento da creatividade, a mellora das destrezas comunicativas e a mellora da capacidade expresiva, oral e escrita.
Durante a súa intervención Carmen Pomar quixo agradecer ao profesorado e colaboradores universitarios a súa implicación neste novo proxecto, así como felicitar os estudantes “por subirvos a esta nave como pioneiras e pioneiros do STEMBach”.
Tras a apertura, a xornada seguiu co relatorio de Deborah García Bello (química e divulgadora coruñesa, autora do blogue Dimetilsulfuro) sobre a importancia de facer ciencia como sociedade. A continuación o grupo dividirase en dúas partes e, mentres o profesorado e investigadores presentan cadanseu proxecto, ao alumnado asistirá a unha charla de Rocío Pérez Montes, redactora de Maldita Ciencia, a división científica de Maldito Bulo, web de referencia en España en contraste de fake news e único grupo español membro do comité europeo de expertos de loita contra a desinformación e as novas falsas. O obxectivo desta sesión é concienciar os rapaces da importancia de filtrar a información, recorrer sempre ás fontes e de ser cidadáns activos neste sentido.
A xornada rematará cun relatorio de Marta Macho Stadler, matemática e autora do blogue Mujeres con Ciencia, que afondará na importancia do empoderamento das mulleres no eido das ciencias.
Un total de 200 alumnos de quince centros
Neste primeiro ano de aplicación, 200 alumnos e alumnas de 15 centros educativos cursan o STEMBach en Galicia. O vindeiro curso todos eles deberán desenvolver un proxecto de investigación individual ou colectivo similar ao traballo de fin de grao, codirixido por un docente pertencente a un departamento universitario ou a unha entidade de investigación do Sistema Universitario de Galicia (SUG). O traballo deberá ser defendido ante un tribunal, do que tamén formará parte unha persoa da entidade de investigación ou departamento universitario colaborador no proxecto, diferente de quen codirixiu.
Ademais, este alumnado está a cursar unha materia extracurricular semanal, de dúas ou tres horas, de afondamento relacionada co ámbito de materias STEM e cunha orientación ao traballo na mellora das competencias comunicativas e dixitais. O Bacharelato complétase con actividades de formación, como conferencias, obradoiros ou proxectos, organizadas polo centro en colaboración con universidades, entidades ou organismos investigadores, ou con persoas investigadoras de recoñecida competencia.
Ao final da etapa, tras a avaliación positiva tanto da materia de afondamento STEM extracurricular como da defensa do proxecto de investigación, o alumnado recibirá unha certificación acreditativa da dirección do centro de que realizou os estudos correspondentes a este programa.
O obxectivo deste Bacharelato é promover a vocación cara á investigación científica e tecnolóxica, cunha metodoloxía que facilite a incorporación e adaptación á ensinanza universitaria e tendo en conta a perspectiva de xénero. Ademais, favorécese unha mentalidade científica, rigorosa, ordenada e crítica, así como o desenvolvemento da creatividade, do sentido da iniciativa ou do emprendemento e da resolución de problemas.
Xornada de Robótica
A maiores do encontro de hoxe, a Consellería celebrará mañá tamén no Pazo de Congresos e Exposicións de Santiago de Compostela unha xornada dirixida a profesorado de centros que participen no programa de Introdución da Robótica en Primaria, no de Clubes de Ciencia ou no de Espazos Maker. A sesión contará tamén coa participación de Marta Macho, así como cunha mesa redonda sobre Diversidade e STEM, na que afondará no emprego dos devanditos programas e da robótica en xeral para potenciar o talento en todo o alumnado, teña altas capacidades ou outras necesidade específicas de atención educativa.
Para iso contarase cun exemplo de boas prácticas como o do Centro de Educación Especial O Pino (Ourense), que gañou este ano un premio de proxecto de formación do profesorado en centros (PFPP) polo seu emprego da robótica na educación especial; ou con persoas que funcionaron como monitores da SemanaSTEM, que acolle a alumnado tanto con necesidades especiais como con altas capacidades, entre outros.
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda invitou a varios centros penitenciarios e entidades sociais a participar nos talleres formativos para a preparación da reutilización de aparellos eléctricos e electrónicos. A primeira actividade ten lugar hoxe nas instalacións do CRD Medelo de Silleda, onde 14 usuarios dos centro recibirán información sobre a axeitada xestión deste tipo de residuos.
Así, ata decembro, celebraranse un total de 9 talleres en cinco entidades sociais dedicadas á persoas con discapacidades e catro centros penitenciarios, onde se celebrarán estas actividades baixo a denominación Os residuos como oportunidade RAAE.
O inicio do taller no CRD Medelo terá continuidade co taller no centro Aspanane (29/11/2018), o da Asociación de discapacitados activos A Xanela (30/11/2018), no CRD Mos (10/12/2018) e en Aspronaga (11/12/2018). Asemade, no mes de decembro, celebraranse os talleres nos centros penitenciarios de Monterroso, Teixeiro, Pereiro e A Lama.
Estas accións teñen unha clara vertente ambiental, para a redución de residuos, nas que se explicará a importancia da prevención, a correcta xestión dos residuos unha vez xerados, así como o impacto ambiental asociado, tanto na produción deste aparellos, como cando pasan a ser residuos (RAEE). A outra vertente é a socio-laboral, xa que a formación que reciben pode servir como orientación básica cara a unha saída profesional para ambos colectivos como grupos cunha maior dificultade de inserción laboral.
Os participantes recibirán unha serie de sesións orientativas nas que se incidirán na formación en materia de xestión e preparación para a reutilización destes residuos xerados a raíz dos aparellos eléctricos e electrónicos.
Actualmente, en Galicia xéranse un total de 54.000 toneladas ao ano deste tipo de residuos, o que supón unha media de 20 quilos de residuos por persoa. Gran parte dos mesmos, poderían regresar ao ciclo produtivo aplicando un programa de preparación para a reutilización que contemple a súa comprobación, limpeza e reparación, de xeito que se permita a reutilización destes elementos sen ningunha outra transformación previa. Na actualidade, o sector de xestión de residuos representa un 27% do total catalogado coma Emprego Verde. Estímase que unhas 1.000 toneladas de RAEE xeren uns 200 postos de traballo na procura da súa preparación para a reutilización.
Por último, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, no marco de actividades previstas no Plan de Residuos Industriais de Galicia (PRIGA), está a elaborar un programa formativo específico destinado aos axentes implicados na xestión de residuos de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE) e outras figuras. Esta iniciativa busca xerar conciencia sobre a necesidade de preparar para reutilizar todos aqueles compoñentes de aparellos eléctricos e electrónicos desbotados que poidan ter unha nova vida, reducindo así a cantidade de residuos industriais xerados na Comunidade galega e posibilitando a apertura de novas oportunidades laborais.
O Concello de Lugo, a través da Concellería de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, que dirixe Ana Prieto, e a Asociación de Mulleres Empresarias organizaron conxuntamente a Mesa Talento en Feminino, unha xornada para visibilizar e fomentar o talento das mulleres que terá lugar este venres, día 30, a partir das 10.30 horas, no CEI Nodus.
Participarán como relatoras tres emprendedoras de éxito: Mónica Pérez, fundadora de Triesfera, unha empresa de deseño e impresión en 3D que saíu do plan de apoio ao emprendemento Inicia Coworking do Concello; Noemí Bellas, fundadora de Libolis, a primeira escola de emprendemento para nenos e nenas de Galicia; e Maruxa García, xerente e cofundadora de Tastelab, a primeira empresa de tecnoloxía de análise sensorial de España, spin off do Campus Terra.
A asistencia á Mesa Talento en Feminino é gratuíta. Conta con 30 prazas e as persoas interesadas en inscribirse poden facelo chamando ao número de teléfono 982 226 991 ou enviando un correo electrónico a empresariaslugo@gmail.com
A Concelleira de Economía, que presentou a xornada xunto á presidenta de Mulleres Empresarias, Beatriz Varela, integrantes deste colectivo e unha das relatoras, Mónica Pérez, destacou o “espírito innovador e emprendedor“ da asociación, que “empatiza co desta Concellería, o CEI Nodus e o Goberno”, por iso “sempre organizamos, apoiamos ou colaboramos en todas aquelas iniciativas, actividade e ideas que vaian en prol do emprendemento, en especial do feminino. Neste caso, a suma de muller, talento e tecnoloxía é igual a éxito”.
“Hai moitas mulleres con talento que historicamente foron ocultadas pola sociedade”, subliñou Prieto, poñendo como exemplo á actriz de cine e inventora Hedy Lamarr, “coautora nada máis e nada menos que da tecnoloxía na que se basea o wifi moderno”. Mesas como esta contribúen a visibilizar e tamén son “unha homenaxe a todas aquelas mulleres innovadoras, talentosas que contribuíron e contribúen a que avance a sociedade”.
A Concelleira de Economía subliñou que a día de hoxe o Concello ten en marcha programas de emprego e de emprendemento por importe de máis de 2M€, que melloran as posibilidades de inserción laboral duns 300 lucenses. Xunto ao Inicia Coworking, desenvolve o programa Empregalia, o plan Mellora Lugo, dous obradoiros de emprego, e conta tamén co viveiro de empresas a pé de rúa que creou no barrio da Tinería, ademais do CEI Nodus, cun 100% de ocupación na actualidade. Lembrou que está pendente de resolución a candidatura do plan EmPodérate, dirixido a colectivos en risco de exclusión social (mulleres, mozos, parados de longa duración e minorías étnicas), con 2M€ de investimento e 300 beneficiarios.