main content

main content
27/11/201809:11
Participantes no encontro.
Lugo

Lugo quere pór freo á ciberviolencia e as adicións dixitais

O Concello de Lugo está a organizar unha serie de programas para previr as drogodependencias e os malos hábitos asociados ás novas ferramentas tecnolóxicas entre a mocidade. Unha destas actividades celebrouse a semana pasada, no Vello Cárcere, e veu con feitura de debate sobre redes sociais e xuventude. Na cita, inaugurada pola concelleira de Cultura, Carmen Basadre, abordouse de cheo a problemática dun uso das TIC sen supervisión e asesoramento e da violencia en calquera das súas manifestacións ligada ás novas tecnoloxías. 

Nesta iniciativa participaron tamén o delegado de participación cidadá da Policía Nacional, Rubén Darío Veiga, e mailo presidente da Audiencia Provincial de Lugo, José Antonio Varela Agrelo, amais de representantes das ANPA de Lugo e do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia. Ademais, a charla contou coas intervencións e testemuños en primeira persoa de vítimas de ciberacoso e os seus familiares. A xornalista e redactora de Onda Cero, Lourdes Abuide, foi a encargada de moderar a mesa.

Esta actividade inseriuse no programa de obradoiros PREVILugo, destinados a levar valores educativos e de prevención de drogodependencias a centros educativos do concello. As xeiras de divulgación versan sobre educación afectivo-sexual, técnicas de estudo, novas tecnoloxías e bullying.

Tamén se ofrecen outras actividades como unha charla e documental, unha xornada sobre saúde na escola, un obradoiro dramatizado sobre o abuso das novas tecnoloxías ou un monográfico sobre a verdade do cannabis.

O programa foi presentado hai uns días pola propia Carmen Basadre, quen puxo o foco nun dos seus principais cometidos: fornecer á cidadanía, dende idades temperás, dunha ferramenta de traballo para fomentar en valores como a igualdade ou a non violencia. A iniciativa, amais de actividades como a desenvolvida no Vello Cárcere da que falamos antes, achega catro sesións diferentes para o alumnado de ESO e Bacharelato, a disposición dos centros participantes: sesións de educación afectivo-sexual, de técnicas de estudo, de acoso (bullying) e de novas tecnoloxías (facendo fincapé nos aparellos tecnolóxicos, nas redes sociais e nos xogos de apostas).

Así mesmo haberá charlas formativas, con material audiovisual e un debate sobre a temática exposta. Todos os centros interesados en solicitar estes obradoiros ou en obter máis información poden facelo na área de xuventude, no teléfono 982 297 269, ou ben na conta de correo da técnico deste servizo, mariajose.pena@concellodelugo.org.

27/11/201809:11
A mesa redonda da dixitalización nunha imaxe de Mundiario.
A Coruña

A Mobile Week Coruña fai un chamamento a perdermos o medo á dixitalización empresarial

As diferentes formas de dixitalizar as nosas iniciativas empresariais, adestrándonos para tirar o máximo proveito das moitas ferramentas que poñen as redes e a informática á nosa disposición, están estes días á vista na Mobile Week Coruña, o evento que enche estes días a cidade galega (e a súa área metropolitana) dun amplo abano de actividades transversais, interxeracionais e capacitadoras. Entre as accións que máis puxeron o foco na transformación tecnolóxica das empresas e dos empregos figurou a cita moderada este venres por Mundiario e na que participaron Eva López Barrio, Edita de Lorenzo, Tomás González Caballero, Juan José Delgado, José Manuel Valiño e José Luis Sancho, contando con José Luis Gómez, editor do dito xornal como moderador. 

Como dixemos, o fío temático foron as novas oportunidades que ofrecen as ferramentas e servizos da revolución dixital e as metodoloxías máis acaídas para subirnos ao carro destas ferramentas e servizos. Tamén se fixo fincapé en como abordar esta transformación e en como acadar o máximo proveito da flexibilidade laboral que pon en xogo a dixitalización das empresas. 

Nun plano máis concreto, recordouse que as novas tecnoloxías poñen de manifesto que hai moitos traballos que, por repetitivos e rutinarios, xa non é preciso que sexan as persoas quen os desenvolva, senón sistemas informáticos e máquinas con sobrada capacidade para levalos a cabo. A idea, sinalouse na mesa redonda, “é que o noso cerebro fique dispoñible para facer outras cousas” máis creativas e satisfactorias persoal e laboralmente. “Humanicémonos, evolucionemos e adaptémonos aos novos tempos”, sinalou Edita de Lorenzo, doutora enxeñeira de Telecomunicacións amais de profesora do departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións da Universidade de Vigo, ademais de vicedecana do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG).

Pola súa banda, Tomás González, director xeral da Asociación Data Economy España, fixo unha proclama para perdermos o medo a romper co analóxico e mergullarnos no dixital: “O primeiro que cómpre facer no plan estratéxico de dixitalización é mentalizar aos profesionais da organización das vantaxes que supoñen para eles e para a empresa os datos, cuxa análise e aproveitamento son un camiño aberto para a eficiencia dos procesos produtivos, a competitividade e unha mellor posición o mercado e nos buscadores”. E engadiu: “Hai que ir máis a traballar esa barreira das persoas: o medo ao cambio e sacarlles da súa zona de confort”. 

Na mesa tamén se tocou o tema da fenda de xénero no ámbito TIC. Eva López, que dirixe o Programa de Creación de Empresas da Universidade de Santiago de Compostela, subministrou un dato preocupante que convida á reflexión: cada ano segue descendendo de maneira exponencial o número de mulleres que se matriculan en Enxeñaría Informática ou escolas de enxeñaría. “Se as mulleres non estamos nas escolas de enxeñaría moito menos imos estar logo nas empresas”, sinalou.

27/11/201809:11
Cartel do evento.
Sarria

As charlas de Nativos R chegan este 28 a Sarria

Até que punto pode, quen non naceu no miolo da revolución dixital, vivir plenamente a revolución dixital? A operadora galega R quere transmitirnos a mensaxe de que as revolucións son para todos os públicos e que, de feito, para selo plenamente, deben chegar a todas as idades e sectores de poboación. Co fin de demostralo (e impulsar as capacidades de xente non familiarizada coas TIC), a empresa de telecomunicacións está a desenvolver pola nosa terra unha xira de actividades chamadas Nativos R. A vindeira cita será en Sarria, este 28 de novembro, en horario de 18:00 a 20:00 h, no salón de actos da Casa da Cultura (rúa Marqués de Ugena s/n).

Segundo explica a compañía de telecomunicacións galega, Nativos R encamíñase a acurtar as distancias entre as persoas que naceron e medraron no ambiente dixital, por unha banda, e quen non tivo ocasión de saber para que consisten as TIC, pola outra. A idea é mobilizar os diferentes integrantes do núcleo familiar ou do tecido docente. 

As charlas, cen por cen de balde, visitarán deseguido A Guarda, logo do seu paso pola XGN de Silleda, Cee, O Carballiño, Verín e, esta pasada finde, a Mobile Week Coruña.

Segundo explica a operadora galega con máis detalle, con Nativos R quérese desmitificar ideas asentadas “como que as novas xeracións son competentes no uso das novas tecnoloxías polo mero feito de ter nacido con elas ou que Internet, as redes sociais e os móbiles son prexudiciais en si mesmos”. Tamén se falará da nova terminoloxía neste eido (cyberbulling, sexting, grooming...), de como nos afecta a todas e todos o cambio dixital e dos principais riscos de Internet e de que maneira previlos, entre outros temas.

Para asistir á charla de nativos R en Sarria cómpre contar con algún dos convites do operador galego, que se poden recoller dende o pasado día 20 e ata o mesmo 28 de novembro na tenda R da localidade luguesa (rúa Calvo Sotelo 64).

As charlas nativos R enmárcanse no programa Digitalent 2020 da Xunta (a través da axencia AMTEGA), cuxo obxectivo primeiro é estimular o talento precoz no ámbito das TIC e fomentar vocacións nas profesións científico- tecnolóxicas dende idades temperás, especialmente entre mozos e mozas, ademais de educar no uso das novas tecnoloxías a persoas de todas as idades.

27/11/201809:11
Presentación do mapa de emprego.
Madrid

Conecta Emprego aposta pola intelixencia artificial para impulsar a formación dixital en España

Sabes cales son os perfís dixitais máis demandados na actualidade en España? En que provincia podes orientar a túa procura de emprego segundo a túa formación? Que habilidades necesitas para as novas profesións? Fundación Telefónica presentou, o luns 26 de novembro, o Mapa da Empregabilidade, unha ferramenta dentro do programa "Conecta Emprego" que orienta ao usuario sobre as mellores opcións de formación dixital en función das súas habilidades e competencias.

  • A Fundación Telefónica creou o Mapa da Empregabilidade, unha ferramenta que mostra a radiografía da empregabilidade dixital en España en tempo real.

 

A plataforma, baseada en intelixencia artificial, mapea os 23 perfís dixitais máis demandados en España, orienta na procura de emprego dixital por provincia, asesora a aqueles que queiran formarse nestas novas profesións e forma, a través de cursos presenciais e online, nas competencias dixitais requiridas para dedicarse a estas profesións do presente, moitas delas aínda por definir.

Actualmente, o 80% dos mozos que está a estudar atopará traballo en algo que non existe. Nos dous últimos anos tan só o 15 % das empresas contratou a profesionais dixitais para levar a cabo unha adecuada transformación, cifra que ascende ao 41 % nas empresas de cincuenta ou máis empregados. Doutra banda, o 47% das grandes empresas aumentará a contratación destes perfís nos próximos dous anos, segundo datos dunha enquisa realizada por InfoJobs. Por este motivo, a Fundación Telefónica, na súa aposta estratéxica por impulsar e fomentar a formación dixital, lanza unha web baseada en IA con datos obtidos maioritariamente de InfoJobs, que ofrece unha radiografía da empregabilidade dixital en España en tempo real: mapadelempleo.fundaciontelefonica.com.

Cada vez hai máis empresas do sector tecnolóxico que demandan profesionais en empregos emerxentes, aqueles que apenas existían a comezos da década. Son empregos vinculados á innovación, a tecnoloxía ou a transformación dixital que adoitan ter un baixo nivel de competencia. Entre eles, segundo datos do Informe Anual de InfoJobs 2017, destaca o de analista de datos, un emprego do cal en 2008 apenas había 200 ofertas e do que en 2017 houbo case 1.500 vacantes. Entre estes postos destacan tamén Data Scientist e outros en auxe, como especialista en robótica, ciberseguridade, Agile/Scrum ou User Experience.

 

Como che axuda a nova ferramenta de #ConectaEmpleo?

  • Detecta, en tempo real, os vinte e tres perfís dixitais con maior demanda de emprego en España e mostra un vídeo sobre cada un deles para coñecer o seu uso e as súas aplicacións na sociedade. Entre os máis demandados, atópanse Desenvolvedor Java (máis de 5.000), Backend, Frontend, FullStack e Bases de Datos.
  • Ofrece un mapa interactivo de España que mostra ao usuario os perfís dixitais máis demandados por provincia. Neste momento, Madrid é a provincia con máis oferta laboral nestes perfís con 20.045 postos, o primeiro dos cales é desenvolvedor Java con 4.718. Séguelle Barcelona con 8.391 vacantes dixitais "a maioría de desenvolvedor Back End" e Valencia con 1.286 e Sevilla con 1.222 de desenvolvedor Java.
  • Infografía interactiva con dobre uso: por unha banda, saber que coñecementos se demandan en cada perfil dixital e, por outro, coñecer a que especialidades profesionais se pode acceder con cada unha destas habilidades. Por exemplo, para ser desenvolvedor BackEnd indícache que php, java, agile, jquery ou css son algúns dos coñecementos que se deberían ter ou adquirir para formarse nesta profesión.
  • Orientador Profesional Virtual: acompaña ao usuario no desenvolvemento profesional, grazas ás súas recomendacións personalizadas de formación en competencias para que este elixa e se converta nun dos profesionais dixitais do momento. O Orientador da Fundación Telefónica solicita información de ofertas de emprego; detecta cales son as máis repetidas e, por tanto, as máis demandadas; identifica cales son os coñecementos técnicos máis comúns nas ofertas sobre cada unha desas profesións, e indica que cursos -máis de 30.000-, tanto gratuítos como de pago, son necesarios para formarse nestes coñecementos. Así, o Orientador, grazas á Intelixencia Artificial, vai aprendendo da interacción cos usuarios, dos cales solicita información para ir mellorando as súas respostas e ofrecer a formación adecuada ás necesidades de cada un. O Orientador atópase na actualidade en fase de desenvolvemento e a súa eficacia irá aumentando coa participación de cada usuario.
  • Esta plataforma complétase coa oferta de cursos presenciais e online gratuítos de Conecta Emprego: ciberseguridade, analítica web, deseño de videoxogos, business intelligence ou growth hacking, entre outros. Desde fai cinco anos, a Fundación Telefónica pon ás persoas no foco da transformación dixital e xa son 1.160.000 as persoas que participaron en Europa e América Latina nos cursos de formación presenciais e MOOC gratuítos enfocados aos perfís tecnolóxicos do futuro.

 

Acordo de colaboración con InfoJobs

Esta plataforma é o resultado dun traballo de 9 meses que non sería posible sen a colaboración de terceiros e de InfoJobs, como colaborador principal que nos permitiu acceder aos seus datos e incorporalos na nosa plataforma para poder crear o mapa da empregabilidade dixital en España. Desde a súa creación en 1998, InfoJobs revolucionou a procura de emprego e talento, ofrecendo un servizo único, eficaz e transparente para a xestión dixital dos procesos de selección, que, nos seus 20 anos de traxectoria, permitiu pechar máis de 10 millóns de contratos no noso país. En 20 anos máis de 550.000 empresas publicaron en InfoJobs preto de 28 millóns de vacantes. Actualmente, 7 de cada 10 ofertas publicadas en internet están en InfoJobs, e o 76% dos profesionais que buscou unha nova oportunidade laboral en 2017 utilizou InfoJobs.

27/11/201808:11
DCApp.
Madrid

DCApp, a primeira app móbil que resolve a falta de información sobre recursos para persoas con dano cerebral adquirido

  • A aplicación DCApp é unha iniciativa de Fundación Gmp, FEDACE e a Fundación Polibea, coa colaboración da consultora dixital MO2O.

 

O Auditorio de Castellana 81, sede do IV Congreso Nacional de Dano Cerebral Adquirido, organizado pola Federación Española de Dano Cerebral (FEDACE), que se celebrou durante os días 22 e 23 de novembro en Madrid, foi o escenario escollido para a presentación de DCApp , a primeira aplicación dixital para Android e iOS deseñada para facilitar os trámites e a procura de recursos existentes para persoas con dano cerebral adquirido, unha vez abandonan a etapa hospitalaria.

A ferramenta DCApp, desenvolvida pola Fundación Gmp, FEDACE e a Fundación Polibea, en colaboración coa consultora dixital MO2O, cobre desta forma unha das grandes necesidades que teñen as persoas despois de sufrir unha lesión cerebral derivada dun accidente cerebrovascular, un traumatismo cranioencefálico, un tumor ou unha infección.

DCApp inclúe, nunha única ferramenta, toda a información necesaria para realizar un test de diagnóstico, coñecer as axudas dispoñibles (Lei de Dependencia, Cheque Servizo...), establecer un mapa de recursos e centros de axuda, ademais de crear un rexistro de todos os trámites e estados actualizados. Todo iso, por suposto, en función dun perfil personalizado e adaptado ás necesidades reais de cada usuario en función da súa idade, sexo, patoloxía...

En definitiva, a aplicación está pensada e desenvolvida co obxectivo de facer realidade o obxectivo de mellorar as condicións de vida das persoas con Dano Cerebral Adquirido, así como dos seus familiares, para unha plena inclusión familiar, escolar, laboral e social. Segundo revela o estudo "Coñecemento do DCA na Sociedade Española", realizado hai apenas un mes pola Fundación Gmp, a empresa de estudos de mercado GfK Spain e a Plataforma Española polo Dano Cerebral Adquirido, na actualidade, un 12% dos fogares españois ten algún membro con esta patoloxía, o que se traduce en que, como mínimo, máis de 650.000 persoas están afectadas no noso país por un DCA. Iso, unido a que o dano cerebral é a primeira causa de discapacidade en España, pon de relevo a importancia de que se desenvolvan ferramentas como esta aplicación. A app xa está dispoñible nas plataformas de distribución dixital Google Play e Apple Store. A súa descarga é completamente gratuíta.

 

Quen é quen detrás de DCApp

A Fundación Gmp é unha institución privada sen ánimo de lucro inscrita no Rexistro de Fundacións do Ministerio de Educación, Política Social e Deportes baixo o nº 28-1541. Ten como obxectivo fundamental mellorar a calidade de vida das persoas con síndrome de Down, dano cerebral e/ou con outros tipos de discapacidade intelectual, para lograr a súa plena integración familiar, escolar, laboral e social e cun especial interese na infancia con discapacidade intelectual.

A Federación Española de Dano Cerebral (FEDACE) representa e dinamiza ao movemento asociativo de persoas con Dano Cerebral Adquirido (DCA) e as súas familias en España. É unha Entidade de ámbito estatal declarada de Utilidade Pública que, desde hai case 25 anos, apoia ás persoas con Dano Cerebral Adquirido e ás súas familias no exercicio dos seus dereitos de cidadanía e na súa plena inclusión na comunidade.

A Fundación Polibea foi creada no ano 2005. Está dedicada á atención de persoas con discapacidade e as súas familias, e reúne máis de 35 anos de coñecemento e experiencia de profesionais na xestión e rehabilitación de persoas con discapacidade.

MO2O é unha consultora que garante a optimización do negocio dixital dos nosos clientes e axúdaos nos seus procesos de transformación. Cun percorrido de máis de 10 anos de experiencia, ofrece solucións integrais e diferenciais que abarcan a conceptualización, a estratexia e a execución de proxectos.

27/11/2018De 10:30 a 12:00 h
1 mes 1 profesión dixital
Online

Mantente en forma cos recursos que atoparás en Internet. Apps de exercicio e saúde

Coa axuda das Novas Tecnoloxías o manter a nosa mente e corpos activos nunca fora tan fácil e divertido.

Seguindo as pautas marcadas nos diferentes recursos que hai en Internet e incorporándoos á túa rutina diaria poderás adestrar de forma diaria e así mellorar a túa saúde en xeral.
 

Contidos:

  • Actividades para adestrar a túa mente de forma divertida.
  • Xogos de axilidade mental para mellorar a memoria.
  • Aplicacións móbiles para controlar a túa actividade física e propor novos obxectivos a superar.
  • Coidado da túa alimentación coa axuda do teu dispositivo móbil.
26/11/201816:11
Robot caseiro diante do cartel da Mobile Week.
A Coruña

R e o CITIC organizaron obradoiros para todos os públicos no marco da Mobile Week

Segue adiante (até pasadomañá) o evento Mobile Week Coruña con todo tipo de accións mobilizadoras e capacitadoras para familiarizar coa vangarda dixital a xentes de todas as idades. Entre os elementos activos da semana atópase o operador de raizame galega R. Alén do patrocinio en si mesmo, a empresa de telecomunicacións cooperou esta finde (na primeira edición do dito acontecemento), con obradoiros de robótica para a rapazada e con charlas para educadoras e educadores sobre o emprego de novas tecnoloxías para a mocidade nada na era dixital. Os talleres esgotaron as entradas dispoñibles.

En detalle, a contribución divulgadora de R á Mobile Week (como lembraremos, organizada polo Club Financeiro Atlántico en colaboración co Concello e da Deputación da Coruña e máis AMTEGA) deu comezo este sábado, cos obradoiros tecnolóxicos Crea R celebrados no Centro de Investigación TIC (CITIC), dúas citas concibidas para cativas e cativos de entre 7 e 13 anos e co obxectivo de estimular a súa creatividade e espertar o seu espírito emprendedor. As actividades tiveron varias quendas: unha primeira, para nenas e nenos de 7 e 8 anos, de 10:30 a 12:30 h, outra para a rapazada de 9 e 10 anos, de 12:30 a 14:30 h, e, xa pola tarde, de 17:00 a 19:00 h, unha máis para rapaces de 11 a 13 anos. Durante o obradoiro, os cativos tiveron ocasión de dar forma a un prototipo tecnolóxico utilizando placas e materiais reciclados (cartón, plástico, plastilina, cordas...) para construír estruturas. 

O sábado, amais do devandito, R implicouse na Mobile Week Coruña cunha nova charla do ciclo Nativos R, tamén de balde. Nativos R é unha iniciativa para acurtar as distancias entre as persoas que naceron e medraron no ambiente dixital, enchoupándose nel, e quen non tivo ocasión de saber para que consisten as novas tecnoloxías. A idea, unha vez máis, foi mobilizar os diferentes integrantes do núcleo familiar ou do tecido docente. 

Como dixemos, ambas as dúas accións desenvolvéronse o sábado 24 de novembro no edificio do Centro de Investigación TIC da Universidade da Coruña, CITIC, entidade que dende hai semanas vén colaborando activamente con R na preparación destas iniciativas para a Mobile Week Coruña. 

As actividades formativas e divulgativas de R enmárcanse no programa Digitalent 2020 da Xunta -a través da AMTEGA- para estimular o talento precoz no ámbito das TIC e fomentar vocacións nas profesións científico-tecnolóxicas especialmente entre mozos e mozas dende idades temperás, amais de educar no uso das novas tecnoloxías a persoas de todas as idades.

26/11/201815:11
Presentación das iniciativas de promoción turística.
Ourense

Alumnos do obradoiro de emprego de Celanova, Bande e Verea aproveitaron a formación en novas tecnoloxías para desenvolver vídeos e aplicacións de promoción turística

  • A delegada territorial, Marisol Díaz Mouteira, participou na presentación das iniciativas dixitais, que xa están nas redes, froito dos nove meses de aprendizaxe e formación do taller ‘Novicrea4.0’
  • Foi unha proposta innovadora e creativa, a través da que os concellos promotores buscaron crear novas oportunidades laborais

 

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, participou hoxe na presentación das iniciativas de promoción turística que elaboraron os alumnos do obradoiro de emprego ‘Novicrea 4.0’ promovido o pasado ano pola agrupación de concellos de Celanova, Bande e Verea e centrado nas novas tecnoloxías da información. O acto contou tamén coa presenza dos alcaldes dos tres municipios promotores do taller.

Tres aplicacións informáticas e outros tres vídeos promocionais dos recursos patrimoniais e turísticos de cada un dos concellos, que xa están colgados nas redes, son o resultado final e visible dos 9 meses de traballo dos alumnos das especialidades de aplicacións web e de audiovisual.

Marisol Díaz afirmou que a iniciativa dos concellos promotores de apostar pola formación e a aprendizaxe nun sector tan de auxe como é o tecnolóxico “foi innovadora e creativa, a través da que os concellos promotores buscaron crear novas oportunidades laborais para as persoas desempregadas que participaron no obradoiro”. Ademais, subliñou a importancia dos obradoiros para incrementar a empregabilidade do alumnado e lograr a súa reinserción laboral, ao tempo que se referiu á ‘Axenda Industria 4.0’ que apunta á necesidade de que o sistema formativo se oriente ás necesidades da industria que cada día aposta máis pola innovación e a dixitalización.

A delegada territorial lembrou que este ano, a Consellería de Economía, Emprego e Industria impulsa na provincia de Ourense un total de 21 obradoiros nos que se invisten 5,6 millóns de euros e que beneficiarán a 402 persoas en situación de desemprego. Dos 21 programas mixtos, 18 son duais e a súa principal novidade consiste en que parte do alumnado ten a posibilidade de contar, unha vez finalizado o período inicial de nove meses, e segundo sexa o caso, cun contrato en prácticas de polo menos tres meses máis nunha empresa emprazada na zona, e cunha actividade vinculada ás materias nas que se están formando. Os 3 obradoiros restantes son específicos para menores de 30 anos, unha iniciativa que forma parte do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil para seguir impulsando o emprego entre a mocidade.

No acto proxectáronse os vídeos e o coordinador do obradoiro, Antonio Piñeiro, explicou o emprego das novas aplicacións que xa están colgadas no google play para que calquera persoa as poida descargar.

26/11/201814:11
Sol Vázquez Abeal xunto a unha membro da Asociación Provincial de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios da Coruña.
A Coruña

A Xunta impulsa unha xornada na Coruña para achegar aos máis novos as pautas para utilizar as TIC de forma segura

  • A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, participou nunha xornada organizada pola Asociación Provincial de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios da Coruña co apoio do Goberno autonómico
  • O encontro contou con expertos universitarios e representantes da Policía Nacional e a Garda Civil

 

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, participou hoxe na Coruña na xornada As TIC, saúde e seguridade, un encontro organizado pola Asociación Provincial de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios da Coruña co apoio da Xunta co obxectivo de promover o uso responsable das tecnoloxías de información e da comunicación entre o estudantado.

No encontro, celebrado no Liceo La Paz, participaron expertos universitarios e profesionais tanto da informática como da saúde, así como representantes da Policía Nacional e da Garda Civil, que achegaron a súa visión sobre a ciberseguridade desde diferentes perspectivas.

A través da Escola Galega de Consumo, a Xunta traballa na mellora da formación en materia do consumo, prestando especial atención aos colectivos máis vulnerables, entre eles aos máis novos, co obxectivo de aumentar o coñecemento e a defensa dos seus dereitos neste eido. Así, desenvólvense iniciativas tanto no ámbito da formación regrada como da non regrada, a través de certames como Consumópolis ou Galicons.net, e proxectos como Lecer Consumo ou Infonadal Consumo, ademais do programa Cores.

26/11/201809:11
Cartel da iniciativa.
Santiago de Compostela

A Xunta celebra talleres formativos para impulsar entre as pemes modelos de xestión competitivos e sustentables

  • A iniciativa da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que terá lugar nas catro provincias galegas entre o 28 e o 29 de novembro, está dirixida ás empresas participantes no programa Responsabilízate
  • Porase en coñecemento dos asistentes as ferramentas máis útiles para desenvolver con éxito negocios baseados na Responsabilidade Social Empresarial (RSE)
  • Levaranse a cabo cinco casos para poñer en práctica os coñecementos adquiridos e ao finalizar a sesión cada participante recibirá un certificado
  • A Xunta está a promover a través de Responsabilízate un modelo produtivo máis eficiente, sustentable e integrador para incrementar a competitividade do tecido produtivo galego

 

A Xunta celebrará os días 28 e 29 de novembro catro talleres formativos nas catro provincias galegas para impulsar entre as pemes modelos de xestión competitivos e sustentables. A iniciativa da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que forma parte da primeira fase de Responsabilízate, tratará de achegar ás pemes participantes neste programa os coñecementos e ferramentas útiles para desenvolver con éxito un modelo de negocio baseado na Responsabilidade Social Empresarial (RSE).

Os talleres desenvolveranse o 28 de novembro na Coruña, na sede da Confederación de Empresarios da Coruña (CEC), e en Lugo, na Fundación CEL; mentres que o 29 terán lugar en Vigo, na Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP), e en Ourense, na Confederación de Empresarios de Ourense (CEO).

Con este programa formativo búscase xerar a sensibilidade e coñecemento sobre a RSE, achegar formación e información actual, práctica e rigorosa en materia de RSE e fomentar a autonomía da peme no desenvolvemento e implantación da RSE. Este programa formativa complétase con formación on line que na actualidade estase a impartir a través dunha plataforma de teleformación. Este tipo de formación combinada permite realizar un seguimento personalizado das pemes para coñecer o seu avance de forma individual e así adaptarse a cada ritmo de aprendizaxe.

Os talleres dividiranse en tres módulos: A responsabilidade social empresarial, a RSE&Competitividade e a RSE&Reputación. Nos talleres prácticos repasarase a parte teórica de cada un dos módulos e levaranse a cabo cinco casos a través dos que se porán en práctica os coñecementos adquiridos. A iniciativa será impartida por unha das titoras do programa Responsabilízate, Sandra Fernández. Ao finalizar a sesión presencial, cada participante recibirá un certificado.

A Consellería de Economia, Emprego e Industria, a través do programa Responsabilízate, está a impulsar entre as pemes galegas un novo modelo produtivo más eficiente, sustentable e integrador para incrementar a súa competitividade.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS