main content

main content
20/11/201807:11
Cartel do evento.
A Coruña

Comeza a conta atrás para a gran semana tecnolóxica galega: a Mobile Week Coruña

Esta semana, a partir de mañá, comeza na Coruña e na súa área metropolitana a aprimeira edición da que será, seguramente, a semana galega máis tecnolóxica do ano: a Mobile Week Coruña, organizada pola Fundación Mobile World Capital Barcelona, responsable, tamén, da organización do Mobile World Congress. O evento, un espazo de arte, ciencia e tecnoloxía, vén cun relevante programa de actividades transversais, para todos os públicos, que se desenvolverán en máis de 20 espazos distintos, a repartir entre o termo municipal coruñés, a Área Metropolitana e Compostela, na Cidade da Cultura. En termos concretos, desenvolveranse preto dun cento de accións TIC. Amais, impulsando a semana co seu patrocinio ou apoio atópanse máis de 60 empresas e institucións


Os comezos da semana
A Mobile Week Coruña comezará a facer ruído entre tres espazos concretos: o mércores ás 9.15 horas na Cidade da Cultura de Santiago con conferencias e debate sobre ciberseguridade, ás 10.00 horas no MUNCYT da Coruña coa apertura da exposición Campus Vigo, Investigar na Universidade, e a partir das 10.00 horas no Club Financeiro Atlántico coas exposicións Colectivo Papermoon 2.0, Neuronal Landscape, Arte Matemático Dixital 3D, Environment Dress 2.0, A máquina do amor e Sen-tence Peza de visuais xenerativos. De xeito paralelo, a aula CeMIT de Abegondo abrirá fogo a partir das 10.30 do mércores 21 cun obradoiro práctico sobre alfabetización dixital. Máis tarde, a partir das 11.30 horas, o IES Díaz Pardo de Sada súmase ás celebracións co obradoiro E eu que pode ser de maior?


Patrocinadores
O patrocinador principal de Mobile Week Coruña é ABANCA, que amais implícase de cheo na programación. De feito, o seu conselleiro delegado, Francisco Botas, será un dos encargados de pechar o acto de clausura o día 28. Amais, a sede da fundación da entidade, Afundación, acollerá o día 22 a conferencia Tecnoloxías da Información: a construción dun espazo de aprendizaxe, do catedrático da Universidade de Sevilla, Julio Cabero, unha actividade que precederá (tamén no salón de actos de Afundación) aos seis mWeekTalks previstos durante a Mobile Week Coruña. O director xeral de IT da entidade financeira galega, José Manuel Valiño, tamén participará na mesa de debate A revolución dixital no traballo, e, por outra banda, a Escola de Negocios Afundación (IESIDE) acollerá o día 26, na súa sede da Ronda de Nelle, catro conferencias TIC sobre persoas, tecnoloxías, clientes e management.

Tamén son patrocinadores da semana Estrella Galicia e Accenture Dixital. A marca cervexeira tomará parte na programación da man de Juan José Delgado, responsable do ámbito dixital da empresa e co-impulsor de The Hop, programa de emprendemento colaborativo de Estrella Galicia. 

Pola súa banda, Accenture achegará un obradoiro sobre como construír modelos de Intelixencia Artificial para móbiles e IoT (Internet das Cousas). Ademais, o seu director xeral para España, Portugal e Israel, José Luís Sancho, será un dos seis relatores na mesa de debate Revolución dixital no traballo.

Entre as empresas máis implicadas tamén se atopan Gadis, Intasa e R, todas elas patrocinadoras do evento. A operadora de cable, ademais, participará na programación con obradoiros de robótica para os máis novos e unha charla para pais e avós sobre o uso de internet que fan a mocidade. PALEXCO, Cega, Lexus, Auren, Plam e Lifesice son empresas que tamén colaboran para que a Mobile Week Coruña supere as 100 actividades ao longo de sete días. Ademais, o evento conta co apoio e patrocinio do Concello da Coruña, a Xunta de Galicia, a través de AMTEGA, e a Deputación da Coruña. Todas elas tamén participan con eventos na programación da Mobile. Outras institucións como a Universidade da Coruña, o CESGA ou o Club Financeiro Atlántico tamén se sumaron á iniciativa. Boa parte do peso da organización do evento, con todo, recae na Mobile Word Capital Barcelona, cuxo director executivo (CEO), Carlos Grau, salientou na presentación da cita que A Coruña “está dentro da liga das cidades do futuro”, poñendo o o foco “na oportunidade que supón o seu porto como laboratorio activo de retos de futuro”.

Como dixemos, tamén está mergullada no desenvolvemento da semana a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, AMTEGA, que este mes de novembro formalizou un convenio de colaboración co Club Financeiro Atlántico, aproveitando este acto para mostrar os detalles da súa participación e, tamén, achegar información relevante sobre o programa. Segundo fixo saber a axencia que dirixe Mar Pereira, a través do dito acordo fornecerase á Mobile Week Coruña con 30.000 euros. Ademais, ampliarase a súa área de influencia cunha vintena de actividades na propia cidade herculina e nos Concellos de Abegondo, Betanzos, Sada e Santiago de Compostela.

O apoio da AMTEGA á Mobile Week ten un obxectivo de base, segundo indicou na formalización do acordo Mar Pereira: “Irradiar a toda Galicia a necesidade de reflexionar sobre o impacto da evolución tecnolóxica na sociedade”. Pereira tamén lembrou o tipo de actividades que inclúe o programa: cursos e obradoiros de alfabetización dixital, formación específica sobre o uso dos servizos dixitais, programación Scratch, busca de traballo en Internet e charlas divulgativas sobre os novos perfís dixitais, entre outras xeira de traballo e obradoiros. A programación está dispoñible na web da MWC (www.mobileweekcoruna.com), na que tamén están as actividades previstas na Cidade da Cultura. O polo tecnolóxico do Gaiás súmase á Mobile con dúas xornadas sobre Ciberseguridade o 21 de novembro, una dirixida ás PEME e outra á cidadanía.

As actividades complétase con visitas ao Centro de Proceso de Datos Integral da Xunta, o “Corazón Dixital de Galicia”, para o que os interesados se poden inscribir a través de correo electrónico. A iniciativa divide o seu programa en catro eixos de actividade: mWeek TALKS, un ágora de debate para reflexionar sobre como a revolución dixital inflúe na vida das persoas, mWeek LAB, demostracións e talleres de cultura, tecnoloxía, robótica e ciencia, mWeek KIDS, actividades para toda a familia e, por último, mWeek GALLERY, un programa cultural paralelo organizado en colaboración con institucións e entidades do territorio que derivará en visitas guiadas e exposicións artísticas. Para fomentar a reflexión ao redor da transformación dixital e potenciar o papel do Eixo Atlántico como axente chave da dixitalización do territorio, a Mobile Week Coruña contará con relatores expertos en innovación, como Silvia Leal, profesionais do ámbito dixital, Adolfo Fernández (Google), e representantes do ámbito universitario como Carmen Fernández Morante, decana da Facultade de Educación da Universidade de Santiago.

 

Volven os Coruña Bloggers 
A celebración da Mobile Week Coruña suporá tamén o regreso dos encontros Coruña Bloggers, propio dos últimos mércores de cada mes, que de xeito excepcional celebrarán un par de sesións os días 26 e 27 de novembro (luns e martes respectivamente) ás 19:00 horas na Fundación Barrié. Como é habitual, para acudir a estas citas os participantes deberán achegar como mínimo 1 quilo de alimentos non perecedoiros que se doarán á Cociña Económica e, tras o encontro formal continuarase cunha sesión de networking nun local de hostalaría próximo. Desta volta, a inscrición ás actividades terá lugar a través da propia plataforma da Mobile Week Coruña.


O CPEIG participará con xornadas e obradoiros
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vén de informar da súa presenza activa na programación da Mobile Week Coruña. Na cita o CPEIG ofrecerá dúas xornadas do programa Navega con rumbo, destinado a alumnado, docentes e familias

Celebraranse o venres, 24 de outubro, ás 11:00 horas e ás 17:00 horas en ExpoCoruña. Por outra banda, o Colexio organizará ao abeiro de Mobile Week Coruña un obradoiro sobre o pilotaxe de drons para nenos e nenas, o venres 24 de novembro, ás 16:00 horas en ExpoCoruña. E finalmente, o presidente do CPEIG, Fernando Suárez, e a experta en seguridade en Internet e membro da xunta directiva do CPEIG, Pilar Vila Abendaño, participarán na mesa de debate sobre Ética e tecnoloxía, o venres, 24 de novembro, no Paraninfo da Universidade da Coruña. Máis datos en www.cpeig.gal.


O CITIC contribúe con actividades creativas para nenas e nenos
O Centro de Investigación TIC (CITIC), con sede no Campus de Elviña, contribuirá á Mobile Week Coruña con actividades creativas e interactivas de robótica para nenas e nenos. Segundo lembra o CITIC, o evento MWeekCoruña será unha boa oportunidade para albiscar as tendencias futuras do desenvolvemento dixital en todas as súas vertentes, e tamén para incrementar a colaboración multidisciplinar entre profesionais de toda índole (artistas, científicos, filósofos, enxeñeiros e profesionais da industria) arredor das tecnoloxías e da ciencia. As accións do CITIC celebraranse o 22 de novembro (ao abeiro de mWeek Kids, no CEIP Eusebio da Garda da Coruña), o 23 (no marco da mWeek Kids no CEIP Escolapios da Coruña), o 24 (conxuntamente coa operadora R, na sede do CITIC, realizaranse os obradoiros Crea R) e o 26 (ao abeiro de mWeek Labs, con obradoiros de Intelixencia Artificial para Móbiles e IoT, xunto con Accenture na sede do CITIC).

19/11/201819:11
Entrega dos VI Premios Emprende Gaiás-Sixto Seco.
Santiago de Compostela

Os VI Premios Emprende Gaiás Sixto Seco distinguen a proxectos que reinventan produtos tradicionais e dan voz ás mulleres

  • Gaita Galega MIDI, Boina Galega e a plataforma Minervas Voice son os vencedores dos galardóns impulsados pola Fundación Cidade da Cultura, co patrocinio de Afundación, a Obra Social de ABANCA, e a colaboración do Igape
  • Os premios repartiron nesta edición 6.000 euros para apoiar o nacemento de iniciativas emprendedoras no eido das industrias culturais e creativas
  • Os gañadores terán ademais acceso gratuíto por un ano ao coworking do Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura e a un programa de asesoramento personalizado
  • A entrega dos premios contou coa participación da escritora e divulgadora Elsa Punset, referencia internacional no campo da intelixencia emocional

 

A Cidade da Cultura entregou esta tarde os VI Premios Emprende Gaiás-Sixto Seco ás mellores ideas emprendedoras do ano no sector das industrias culturais e creativas. Nesta edición, o xurado decidiu premiar unha iniciativa para dar visibilidade á loita pola igualdade de xénero e dous proxectos que actualizan, a través do deseño e da tecnoloxía, elementos tradicionais da cultura galega. Os galardóns, que impulsa a Xunta de Galicia a través da Fundación Cidade da Cultura, contan co patrocinio de Afundación, a Obra Social de ABANCA, e a colaboración do Igape.

Os VI Premios Emprende Gaiás-Sixto Seco entregáronse esta tarde no Museo Centro Gaiás, nun acto que contou coa participación do director xeral de Políticas Culturais da Xunta, Anxo Lorenzo, da directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, do director xerente de AFundación, Pedro Otero e do xerente de Igape Nova, Guillermo Viña. Ademais, a escritura e divulgadora Elsa Punset, referencia internacional no eido da intelixencia emocional, puxo o broche final á gala cunha charla inspiradora sobre como estimular a creatividade.

Produto galego moderno

A artesá Sandra Vilas é a promotora de Boina Galega, idea que resultou vencedora na modalidade de proxectos relacionados co deseño, a xestión cultural e a creación artística e plástica. A súa intención é poñer no mercado a primeira “boina galega do século XXI”, reinterpretando os modelos tradicionais con materiais de alta calidade e modernizando a produción, xa que na actualidade non hai empresas dedicadas á súa fabricación. Ademais de promover a recuperación dun produto culturalmente simbólico para Galicia, Sandra Vilas quere proxectar a súa boina galega no mundo cun modelo de negocio que inclúe clientes a nivel internacional.

Na outra modalidade a concurso, a de proxectos en internet e desenvolvemento de aplicacións informáticas no sector cultural, o xurado decidiu outorgar dous premios en igualdade a Gaita Galega MIDI e a Minervas Voice.

O primeiro é unha idea do músico e enxeñeiro informático lugués Alejo Pacín Jul, que quere fabricar a primeira gaita electrónica, baseada en software e hardware libre, que ofreza unha simulación, o máis fiel posible, do son da gaita galega. A día de hoxe non existe ningún produto que cumpra as esixencias dos usuarios, asegura Alejo Pacín, pero el aspira a conseguilo coa colaboración de Luis Latas Vilanova, artesán gaiteiro, e Pepe Vaamonde Manteiga, gaiteiro profesional de recoñecido prestixio.

Por outro lado, Minervas Voice é unha plataforma web de contidos que reunirá información, investigación, documentación e producións audiovisuais que promovan a igualdade de xénero e a exemplaridade daquelas mulleres consideradas inspiradoras ao longo da historia. O proxecto contempla tamén a realización de experiencias de realidade aumentada para introducir ao usuario na historia das mulleres. Detrás de Minervas Voice están María Ignacia Cevallos, produtora audiovisual con ampla experiencia e fundadora de Zenit Televisión, e todo un equipo de profesionais con formación en innovación e xestión empresarial, publicidade, enxeñería informática e finanzas.

 

Apoio económico e acompañamento experto

A través dos Premios Emprende Gaiás-Sixto Seco, a Fundación Cidade da Cultura e a Xunta de Galicia apostan por apoiar os emprendedores e emprendedoras galegos desde que dan os seus primeiros pasos. Un apoio que se materializa non só na achega económica dos galardóns, senón tamén no acompañamento e asesoramento de expertos que poñen o seu coñecemento e experiencia ao servizo dos novos emprendedores.

Cada proxecto galardoado recibirá un premio en metálico –3.000 euros para cada modalidade, que se repartirá por igual no caso dos dous vencedores da categoría tecnolóxica– e a posibilidade de incorporarse de maneira gratuíta e durante un ano ao coworking do Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura.

Os emprendedores e emprendedoras disporán no coworking do Gaiás dun espazo de traballo para lanzar os seus proxectos, beneficiándose dun ambiente de traballo innovador e cooperativo e dun programa de titoría personalizado que lles servirá de guía para transformar as súas ideas en empresas sostibles e competitivas.

Os Premios Emprende Gaiás-Sixto Seco favoreceron, desde a súa primeira edición no ano 2013, a posta en marcha de catorce proxectos que apostan por innovar no ámbito da cultura, moitos dos cales seguen a día de hoxe como empresas consolidadas. Os galardóns, que homenaxean do médico e intelectual galego Agustín Sixto Seco, confírmanse como unha das principais liñas de programación da Cidade da Cultura destinadas a favorecer o emprendemento e a creación de emprego en Galicia.

19/11/201810:11
Sinatura do convenio.
Santiago de Compostela

A Xunta e a Fegamp colaboran na extensión da Administración electrónica aos concellos a través do catálogo de servizos dixitais

  • Ambas entidades veñen de asinar un convenio que reforza a política de colaboración que manteñen neste ámbito desde 2010
  • Facilitará ás entidades locais a adaptación aos requirimentos das leis 39 e 40, posibilitando o acceso aos sistemas de notificación electrónica, interoperabilidade ou de contratación e licitación, entre outros
  • Esta colaboración enmárcase na aposta da Xunta pola interoperabilidade e a reutilización das plataformas e recursos dixitais entre os tres niveis administrativos
  • O anteproxecto de Lei de Administración dixital de Galicia, en tramitación, prevé a creación dunha Comisión de coordinación interadministracións para facilitar a prestación conxunta de servizos dixitais

 

A Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias colaboran na extensión da Administración dixital aos concellos poñendo á súa disposición o catálogo de servizos dixitais da Xunta. Así se recolle nun convenio asinado recentemente entre o vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, Alfredo García, e a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira.

A sinatura deste acordo dá continuidade á colaboración que estas entidades veñen mantendo desde o ano 2010 para facilitar a dixitalización dos municipios, poñendo á súa disposición un catálogo de servizos dixitais que se ten ido ampliando nestes anos. Os concellos interesados en empregar as solucións da Xunta asinan un acordo de adhesión a través da Fegamp para poder empregalas. O catálogo de servizos dixitais está dispoñible no portal Eido Local, no que se actualizan as novas incorporacións e se ofrece información detallada de cada un deles.

 

Servizos

O catálogo ofrece un amplo abano de servizo dixitais que abarcan desde os servizos máis básico como as comunicacións ou rexistros a aqueles que esixen as leis 30 e 40/2015 para garantir unha Administración integramente dixital como poden ser a interoperabilidade, a través da Plataforma Pasaxe!, as notificacións electrónicas a través de notifica.gal ou relativos á contratación como a Plataforma de Contratos Públicos de Galicia, os Sistemas de Licitación Electrónica e de Facturación.

 

Integración progresiva

O catálogo de servizos dixitais da Xunta está a facilitar a dixitalización progresiva das entidades locais. No último ano duplicouse o número de concellos que accede á plataforma de Contratos de Galicia e un 78% os concellos do espazo de transparencia. O uso das notificacións electrónicas, a través do sistema notifica.gal da Xunta creceu un 34% entre outubro de 2017 e outubro de 2018.

O Catálogo de Servizos Dixitais é unha das iniciativas do Plan de Administración de Goberno Dixital 2020 dentro da aposta da Xunta pola interoperabilidade e a reutilización das plataformas e recursos dixitais, entre os tres niveis administrativos. Para facilitar a prestación conxunta de servizos dixitais, o anteproxecto de lei de Administración dixital de Galicia, en tramitación, prevé a creación dunha Comisión de coordinación interadministracións.

 

Grao de implantación da dixitalización

O último informe sobre “Administración electrónica nos concellos galegos”, do Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito Amtega sinala que o 79,3% dos concellos galegos que dispoñen dun sitio web contan con sede electrónica, o que supón un incremento do 49,9% nos últimos dous anos.

Tres de cada catro concellos con sede electrónica contan con rexistro electrónico, mentres que o procedemento que conta cunha menor implantación na sede electrónica dos concellos é o de “Pago electrónico: tributos, multas, etc.”.

O “Rexistro de documentos” e a “Solicitude e obtención de certificados” son os procedementos máis tramitados pola cidadanía dentro dos niveis máis avanzados de interacción. Ademais, o 27,7% de concellos galegos contan cun catálogo de procedementos dispoñible a través de Internet, sendo especialmente significativo entre os concellos con máis de 50.000 habitantes (57,1%).

19/11/201808:11
O equipo de AMTEGA responsable da liberación do arquetipo corporativo.
Santiago de Compostela

A Amtega publica como software libre o seu arquetipo corporativo para o desenvolvemento de servizos web

  • A súa liberación permitirá o seu uso por parte de particulares, empresas e ou administracións promovendo a estandarización e a reutilización
  • Esta publicación enmárcase no Plan de Acción en materia de Software Libre da Xunta de Galicia

 

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) publica como software libre o seu arquetipo corporativo para o desenvolvemento de servizos web. O código fonte liberado baixo unha licenza de software libre pode atoparse xa no repositorio de Software Libra da Xunta de Galicia (https://forxa.mancomun.org/projects/archam-web/).

Con esta nova liberación búscase poñer a disposición dos desenvolvedores, tanto particulares, empresas ou outras administracións o esqueleto común que se emprega na Amtega para o desenvolvemento de servizos web, favorecendo a reutilización e fomentando a estandarización dos mesmos. Así mesmo, permitirá tamén que o traballo de liberación das novas solucións que se desenvolvan tomando como base este arquetipo sexa moito máis áxil e sinxelo.

Este arquetipo é o segundo que se libera por parte da Amtega, que xa ten liberado o ano pasado o arquetipo para o desenvolvemento de aplicacións web Java. O código fonte liberado non só inclúe o esqueleto para o desenvolvemento de novos servizos web, senón que tamén se liberan novas versións de compoñentes transversais que se empregan dentro da Amtega e que poden ser reutilizados en moitos casos de uso.

 

Arquetipo de para o desenvolvemento de servizos web

O Arquetipo pódese entender como un esqueleto base común para a creación de servizos web, que inclúe xa unha base a partir da cal se poden desenvolver funcionalidades máis específicas.

Este arquetipo xurde como un obxectivo interno de homoxeneizar e estandarizar todos os servizos web que se desenvolven internamente, cumprindo tamén cos estándares Java da Amtega, o que facilita tamén o traballo aos provedores tecnolóxicos, e fomentar tamén na comunidade o desenvolvemento e reutilización de compoñentes transversais.

Esta liberación enmárcase no Plan de Acción en materia de Software Libre da Xunta de Galicia e contou coa participación da Oficina de Software Libre da Amtega quen elaborou un informe técnico que garante a viabilidade xurídica da liberación e as condicións nas que se pode realizar. O Arquetipo publícase cunha licenza libre ASLv2 (Apache Software License version 2) e tamén baixo a EUPL (European Union Public License).

 

20/11/2018De 17:00 a 18:30 h
1 mes 1 profesión dixital
Online

Compras seguras por Internet

Coñeces os beneficios de comprar en Internet? E as páxinas máis seguras para facelo?

As vantaxes de comprar a través de Internet son innegables como evitar desprazamentos, comprar comodamente desde casa a calquera hora e comparar prezos de tendas de todo o mundo. Pero poida que aínda non te decidiras a facelo por medo ou desconfianza. Neste curso mostrarémosche as principais cuestións a ter en conta para facer as túas compras de forma segura.

Contidos:

  • Características que teñen que ter as páxinas de compra seguras.
  • Principais portais de compra online e comparadores de prezos.
  • Condicións de devolución e de garantía nas compras online.
  • Métodos de pago seguros á hora de comprar por Internet.

 

Coñece as claves para facer as túas compras de forma segura!

19/11/201807:11
Varios nenos sentados miran un teléfono móbil.
Santiago de Compostela

Aprender a usar a tecnoloxía para poder ensinar aos que máis o necesitan

Un paso fundamental para promover o uso da tecnoloxía entre as persoas vulnerables, como moitas persoas con discapacidade, é a formación daqueles que traballan en organizacións sen ánimo de lucro, para que poidan trasladar eses coñecementos a quen máis o necesitan.

Por esta razón, a Unión Europea, dentro do seu programa Erasmus+, está a preparar un proxecto para desenvolver as competencias dixitais nas Ong, como un medio para expandir o coñecemento e a formación na tecnoloxía e que poida chegar ás persoas que máis o necesitan.

Así, o obxectivo deste programa, chamado Dlngo polas súas siglas en inglés, é formar en novas tecnoloxías ás persoas que traballan en entidades sen ánimo de lucro, co fin de que poidan ensinar a persoas vulnerables conceptos e habilidades informáticas básicas que lles permitan desenvolver novas oportunidades sociais, laborais e económicas.

París acolleu a primeira reunión dos membros do consorcio do proxecto Dlngo, entre os que se inclúe pola parte española Ilunion Tecnoloxía e Accesibilidade.

19/11/201807:11
XX Conferencia de Plenipotenciarios da UIT celebrada en Dubái .
Dubái

España volve ser elixida para o Consello da Unión Internacional de Telecomunicacións

  • O Consello da Unión Internacional das Telecomunicacións (UIT) volverá ter representación española durante o período 2019-2023, tras ser reelixida a candidatura de España na XX Conferencia de Plenipotenciarios da UIT celebrada en Dubái.

España forma parte do Consello de forma ininterrompida desde a creación da UIT en 1865 e, xunto con Italia, foron os países máis votados no Grupo de Europa Occidental. Ata agora, a representación española ocupou postos de responsabilidade na Unión, como a Vicepresidencia da Comisión de Redacción, a Vicepresidencia da Comisión de Estudo sobre Cidades Intelixentes ou a Vicepresidencia do Grupo Asesor de Desenvolvemento das Telecomunicacións.

España participará no Consello durante o próximos catro anos, xunto a Francia, Alemaña, Grecia, Hungría, Italia, Suíza e Turquía representando a Europa occidental. Tamén forman parte do Consello as rexións de Europa oriental e Asia setentrional, América, África, Asia e Australasia.

 

Xunta do Regulamento de Radiocomunicacións

O encontro en Dubái tamén foi o marco no que se desenvolveron as eleccións para formar a Xunta do Regulamento de Radiocomunicacións (RRB). Trátase dunha área importante, xa que a Oficina de Radiocomunicacións da UIT encárgase de xestionar a escala mundial os recursos do espectro de frecuencias radioeléctricas e as órbitas de satélite.

Por mor da inexorable proliferación das aplicacións de comunicacións inalámbricas en todo o mundo, existe unha forte competitividade para utilizar o espectro de radiofrecuencias que soportan esas aplicacións. De aí a súa cada vez maior importancia.

A Xunta conta con representación das cinco rexións nas que se divide a UIT e, neste caso, representando a Europa occidental, resultou elixidos Yvon Henri, de Francia, e Lilian Jeanty, de Países Baixos.

19/11/201807:11
Smartphone coa app de Welever.
Madrid

Coñece o movemento que empodera a empresas e individuos coa tecnoloxía

Tras os seus exitosos lanzamentos en México e Estados Unidos, Welever, a compañía española que empodera ás persoas coas ferramentas para implementar o cambio social e xerar un impacto nos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS), presentouse en Iberia. Welever é un movemento de innovación colaborativa que conecta individuos e entidades coa tecnoloxía para cambiar o mundo; pon ás persoas en contacto cos diferentes axentes sociais, creando unha rede de interconexións, favorecendo a interacción entre todos e multiplicando así o seu impacto. O resultado é unha comunidade global de persoas e organizacións comprometidas, que poñen a súa vontade e o seu tempo ao servizo da sociedade e que colaboran para levar a cabo acciónes solidarias para mellorar o mundo.

Jose Almansa, CEO e Fundador de Welever afirmou que "este movemento xa é unha realidade e estámolo vendo a través dos nosos clientes en Estados Unidos, México, Brasil, España, Portugal, Suecia e Inglaterra. Welever xa iniciou o seu camiño de transformación e todos podemos formar parte dela."

O revolucionario de Welever está no "bottom-up": As persoas poden propoñer e activar iniciativas sociais ás organizacións, impulsando así a intelixencia colectiva da base e xerando cambios desde abaixo, para que os resultados ascendan cara a aqueles que dirixen e non ao revés.

 

A solución para crear, xestionar e analizar plans de acción social

O movemento Welever descansa sobre unha plataforma dixital (web app) para a xestión, reporting e medición do impacto social, aliñado cos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable de Nacións Unidas.

A plataforma permite a empresas, concellos, universidades e Ong definir un plan de voluntariado, implicar ás persoas, medir e reportar o impacto en base aos ODS e xerar informes automaticamente que demostran o impacto social realizado e a contribución na consecución dos ODS, creando reportes de impacto social adaptados á Directiva Europea 2014/95/EU sobre divulgación de información non financeira.

Doutra banda, as persoas, a través da participación e creación de iniciativas poderán desenvolver un CV Social.

 

Un evento con destacados asistentes

O evento tivo lugar na Real Fábrica de Tapices e contou coa presenza de máis de 200 asistentes e con relatores de referencia do ámbito político, educativo e empresarial de España e Portugal, que debateron ao redor dos ODS e á súa responsabilidade para alcanzalos a través da involucración dos seus empregados, estudantes e cidadáns en xeral.

Jose Almansa, fundador e CEO de Welever, presentou o movemento e deu inicio a unha xornada que contou con grandes relatorios distribuídos en tres paneis distintos; a nivel político, Begoña Villacís, Presidenta de Cidadáns Madrid, Luís Cueto, Tte. Alcalde do Concello de Madrid, Juan Espadas, Alcalde de Sevilla, Gema Igual, Alcaldesa de Santander e Ricardo Rio, Alcalde do Concello de Braga, debateron sobre a activación cidadá e o papel das Administracións Públicas.

No ámbito da empresa, Maria Jesús Serrano, Deputada no Congreso, Antonio Catalán, Presidente AC Hoteis, Gualter Crisostomo, Manager Corporate Governance e Sustentabilidade en CEIIA, e May López, CEO de Bewego, discutiron a innovación social aliñada aos ODS como alicerce das corporacións de cara ao 2030, moderados por Jose Carlos Díez.

Do sector académico, Jose Vicente Saz, Reitor da Universidade de Alcalá, Jose Carlos Díez, Economista, e Vasco Moreira Rato, Profesor e Membro do Grupo Executivo de Sustentabilidade do ISCTE-IUL, falaron sobre a importancia das institucións educativas para cambiar o ADN das futuras xeracións. A clausura da xornada estivo a cargo de Federico Buyolo, Director Xeral Axenda 2030.

16/11/201819:11
O titular do Goberno galego presidiu este mediodía a presentación do Campus Innova e visitou o Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñería.
A Coruña

Feijóo refírese ao Campus Innova e ao CITEEC como a proba de que a Galicia do século XXI se anticipa e faino grazas a unhas universidades innovadoras a través dos campus especializados

  • Asevera que o Campus Innova aspirará a poñer o seu selo de innovación nas tecnoloxías da información e a comunicación, na edificación e a enxeñaría civil, e nas TIC aplicadas ás humanidades e contidos dixitais
  • Precisa que os traballos desenvolvidos no campus e no centro de innovación repercutirán en capítulos tan diversos como a sanidade, as smart cities, a agricultura, as infraestruturas, a cultura, a educación ou o turismo
  • Remarca que os campus galegos se conciben como un modelo de colaboración que implica á Universidade, ás institucións públicas e privadas, ás empresas, aos produtores e ás asociacións profesionais
  • Incide tamén no novo xeito de responder aos desafíos da Universidade do século XXI: internacionalización, competitividade, fomento da I+D+i, diversificación das fontes de financiamento e mellora da empregabilidade
  • Asegura que o Campus Innova é o punto de chegada dun proceso que no seu inicio ten unha idea motriz e matriz: a unidade de esforzos

 

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, referiuse hoxe ao Campus Innova e ao Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñería Civil (CITEEC), como a proba de que a Galicia do século XXI se anticipa e faino grazas a unhas universidades innovadoras a través dos seus campus especializados.

Durante o acto de presentación, Feijóo aseverou que o Campus Innova aspirará a poñer o seu selo de innovación nas tecnoloxías da información e a comunicación, na edificación e a enxeñaría civil, e nas TIC aplicadas ás humanidades e contidos dixitais e precisou que o seu plan estratéxico se realizou entre a Xunta e a Universidade.

“Innovatic, Innovatech, Innova Humanitas. Tras estas tres áreas que abarca este campus, atópanse aplicacións que afectan directamente á vida da xente”, dixo, precisando que os traballos desenvolvidos nel repercutirán en capítulos tan diversos como a sanidade, as smart cities, a agricultura, as infraestruturas, a cultura, a educación ou o turismo. E todos os centros vencellados ao campus terán a misión de situarse no futuro para deseñalo e convertelo nun aliado da xente: o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións, o Centro de Innovación en Edificación e Enxeñería Civil, a Escola Técnica Superior de Arquitectura, a Escola Técnica Superior de Enxeñería de Camiños, Canais e Portos, a Facultade de Filoloxía e a Facultade de Economía e Empresas.

Nesta mesma liña, salientou que o CITEEC, considerado un dos centros máis avanzados de España, promove a investigación básica, fai investigación aplicada e realiza traballos de consultaría a empresas e institucións.

Logo de lembrar que a estratexia de especialización da Universidade da Coruña iníciase hai algo máis de dous anos, co Campus Industrial de Ferrol, o presidente da Xunta resaltou que o pasado mes de xuño daba os primeiros pasos, tamén, o Campus da sustentabilidade da Coruña, integrado por 30 grupos de investigación e 14 facultades, escolas e centros científicos, nos que se inclúe o Centro de Investigacións en Tecnoloxías da Informacións e as Comunicacións (CITIC). “E, non debemos esquecer tampouco que o Campus Terra, en Lugo, e o Campus da Auga, en Ourense, iniciaron no 2013 un camiño no cal Galicia é pioneira; e o papel destacado que teñen os Campus de Excelencia Internacional: o Campus Vida, en Santiago, e o Campus do Mar en Vigo”, engadiu.

O responsable autonómico remarcou os campus galegos se conciben como un modelo de colaboración que implica á Universidade, ás institucións públicas e privadas, ás empresas, aos produtores e ás asociacións profesionais. “Estamos diante dunha aposta estratéxica que persigue dotar a cada campus dunha identidade vencellada ao seu contorno; potenciar a súa conexión coas demandas da sociedade e a economía; e acadar unha indiscutible reputación internacional”, explicou, incidindo no novo xeito de responder aos desafíos da Universidade do século XXI: internacionalización, competitividade, fomento da I+D+i, diversificación das fontes de financiamento e mellora da empregabilidade.

Feijóo asegurou que o Campus Innova é o punto de chegada dun proceso que no seu inicio ten unha idea motriz e matriz: a unidade de esforzos. E concluíu sostendo que todo isto é posible, entre outros factores, pola estabilidade que proporciona o Plan galego de financiamento universitario 2016-2020 que, dotado con preto de 2.500 millóns de euros, ademais de garantir a suficiencia financeira, establece novos criterios de transparencia, prima a eficiencia e impulsa financiamento vencellado a obxectivos.

16/11/201818:11
Presentación do Campus Innova.
A Coruña

A UDC pon en marcha o Campus Innova para as áreas TIC e tecnoloxías innovadoras

O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, presentou hoxe o Campus Innova, a última das tres especialidades universitarias que permitirán «cumprir as complexas responsabilidades que asumimos coa sociedade nunha economía baseada no coñecemento», segundo avanzou Abalde no acto de presentación do último dos tres campus especializados, logo da posta en marcha do Campus Industrial e o Campus Sustentabilidade.

O acto de presentación do Campus Innova foi presidido polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, e contou tamén coa participación do alcalde da cidade, Xulio Ferreiro, e a coordinadora do Campus Innova, Susana Ladra. A especialización da universidade vai na liña da singularización que reclama a Unión Europea e que se reflicte na Lei do Sistema Universitario Galego. A contribución das universidades á innovación é ademais unha das directrices prioritarias determinadas na Axenda Renovada para a Educación Superior. Durante o acto de presentación o presidente da Xunta aseverou que o Campus Innova aspirará a poñer o seu selo de innovación nas tecnoloxías da información e a comunicación, na edificación e a enxeñaría civil, e nas TIC aplicadas ás humanidades e contidos dixitais, e precisou que o seu plan estratéxico se realizou entre a Xunta e a Universidade.

Feijoo asegurou que o Campus Innova é o punto de chegada dun proceso que no seu inicio ten unha idea motriz e matriz: a unidade de esforzos. E concluíu sostendo que todo isto é posible, entre outros factores, pola estabilidade que proporciona o Plan galego de financiamento universitario 2016-2020 que, dotado con preto de 2.500 millóns de euros, ademais de garantir a suficiencia financeira, establece novos criterios de transparencia, prima a eficiencia e impulsa financiamento vencellado a obxectivos.

 

Cidade da Tecnoloxía Dixital

A Universidade da Coruña, a través do Campus Innova, quere ser, desvelou o reitor, axente activo dese ecosistema innovador baseado no talento e no coñecemento no mundo tecnolóxico e dixital. «Un ecosistema innovador baixo a cultura da colaboración e a cooperación competitiva sen dúbida aumentará a capacidade de multiplicación do sector dixital e tecnolóxico galego e, por ende, dos demais sectores cos que colabora. Un entorno que potencie o emprendemento a través do apoio ás start–ups e spin offs de base universitaria favorecendo a retención do talento xerado nos nosos centros universitarios e atraer talento internacional. Un ecosistema onde Universidade, centros tecnolóxicos especializados e empresas xeren sinerxías que convertan A Coruña, e a súa área metropolitana, nun polo de innovación dixital e tecnolóxico con visión internacional. Unha auténtica Cidade da Tecnoloxía Dixital onde a revolución tecnolóxica na que estamos non sexa unha ameaza senón un elemento de cohesión da sociedade», manifestou o reitor.

A Universidade da Coruña está a impulsar decididamente un modelo universitario no que a especialización lle permita un posicionamento máis reforzado no contexto nacional e internacional. Logo da posta en marcha do Campus Industrial de Ferrol en 2016, e da primeira das especialidades do campus coruñés, o Campus Sustentabilidade, este mesmo ano, conclúe agora o proceso de especialización da Universidade da Coruña co Campus Innova. A coordinadora do Campus Innova, Susana Ladra, destacou na súa intervención que «desde o Campus Innova avanzarase no coñecemento científico e tecnolóxico co obxectivo de impulsar a innovación e incrementar así, a competitividade e o benestar da nosa sociedade». Así mesmo, salientou a excelencia das escolas, facultades e centros de investigación da Universidade da Coruña que se integran neste Campus. 

O principal obxectivo do Campus Innova é consolidar a Universidade como un polo de excelencia rexional, nacional e internacional na innovación dixital, tecnolóxica e humanística que forman as tres áreas vinculadas a este campus: Innova TIC, centrada nas Tecnoloxías da Información e das Comunicacións nomeadamente a ciberseguridade, a intelixencia artificial, a análise e xestión de datos, especialmente en contornas Big Data, e a bioinformática; Innova TECH, referente a tecnoloxías innovadoras en ámbitos como a enxeñaría civil, a edificación, a aeronáutica ou a bioloxía avanzada; e Innova HUMANITAS, que ten como obxectivos a innovación e desenvolvemento de servizos, contidos e infraestruturas dixitais para a educación, o turismo e o lecer, así como a conservación, recuperación e difusión do patrimonio histórico e cultural. Ao remate da presentación do Campus Innova, o presidente da Xunta de Galicia, o alcalde e as autoridades académicas se trasladaron ao Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC), no Campus de Elviña. Este centro de investigación foi ampliado recentemente, o que lle permitiu duplicar o número de laboratorios de investigación, que pasou de cinco a dez. Ademais, a Xunta de Galicia acaba de concederlle unha agrupación estratéxica de investigación en Enxeñería Civil e Edificación.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS