main content

main content
15/11/201809:11
Alumnos nunha aula informática.
Vigo

Un centenar de persoas participarán na UVigo nos obradoiros sobre Matlab

Até cen persoas van participar, até o 30 de novembro, nos obradoiros da Universidade de Vigo sobre o programa Matlab e a súa versión R2018b, un software de enxeñaría e científico dispoñible de balde para estudantes, docentes e investigadores da UVigo. Os obradoiros están a ser organizados por Matlab & Simulink, grupo de traballo que se ocupa de organizar eventos de Matlab nos campus vigueses. O obxectivo destes talleres é ensinar o procesamento e análise das imaxes en vivo a través da placa computadora Raspberry Pi.

Co apoio de MathWorks, empresa que desenvolve Matlab, organizáronse catro obradoiros para os días 23, 27, 29 e 30 de novembro. Segundo explica a UVigo, a alta demanda fixo que se cubrisen as prazas en menos de 24 horas dende que se abriu o período de inscrición, polo que a organización ampliou programa e organizou unha quinta sesión, engadindo desta maneira 20 prazas máis. Polo tanto, serán un total de 100 as persoas que poderán participar nunha das cinco sesións do workshop da Raspberry Pi, que mostrará ao alumnado como manexar un dispositivo empregado a escala global para a posta en marcha de solucións industriais de moi variada natureza e utilidades. 

Os obradoiros desenvolveranse nas dúas sedes da Escola de Enxeñería Industrial, cidade e campus, en horarios e días diferentes para “facilitar a asistencia”, explican dende Matlab & Simulink. As actividades realizarase ao longo do mes de novembro en xornadas únicas de catro horas. 

As accións formativas están destinadas a toda a comunidade universitaria viguesa, dende alumnado ata profesorado e teñen carácter gratuíto. Estes workshops enmárcanse dentro do conxunto de actividades que organiza o grupo de traballo da Universidade de Vigo Matlab & Simulink. Ao longo deste primeiro cuadrimestre puxéronse en marcha diferentes eventos coma o curso inicial de Matlab de nivel básico (Matlab Onramap), unha práctica 00 sobre Matlab de cara a preparar ao alumnado de segundo curso da materia de Automática e Control Industrial da Escola de Enxeñería Industrial e un evento coa colaboración de profesorado da propia escola sobre termografía aplicada a Matlab.

15/11/201809:11
Ecommerce Tour.
A Coruña

As empresas que fan bandeira da dixitalización mostrarán os seus éxitos no Ecommerce Tour A Coruña

O recinto de PALEXCO na Coruña vai acoller o 22 de novembro, en horario de mañá, a parada galega da xira Ecommerce Tour. Trátase, segundo apunta a organización (Ecommerce News), dunha xornada para dar a coñecer todo tipo de novidades acerca de comercio electrónico, loxística, transformación dixital, mercadotecnia dixital. A cita será de especial interese para boa parte do tecido comercial coruñés e galego, xa que porá o foco no pequeno e mediano comercio, mostrando claves e pautas que axuden aos establecementos a adaptarse e equipararse no camiño da dixitalización e da competitividade presente e futura. 

Co fin de facilitar o devandito, amosando camiños de éxito en materia de transformación para facilitar a incorporación de empresas novas, daranse a coñecer os principais achados tecnolóxicos de firmas como Minevera.com (startup que aposta por levar tuppers a domicilio ou oficinas), Electrocosto.com,Mariskito.comTote Bebes, Brico4ProDromosport ou Vinopremier (que recentemente abriu sede de seu na Coruña). 

A axenda do evento tamén ten previsto analizar estratexias de optimización loxística para comercio electrónico a través de DHL Parcel e Correos Express; consellos para optimizar as vendas a través de mercadotecnia automática grazas a Emred; como sacar o máximo proveito ás redes de afiliación; pagos a través de canles de atención ao cliente como Whastapp ou Messenger grazas a Comercia Global Payments, e “moito máis”. 

A asistencia é totalmente gratuíta (con rexistro antes do 21 de novembro) e está dirixida a profesionais, retailers, emprendedores e novas firmas innovadoras con estratexias dixitais que poderán facer traballo en rede, coñecer casos de éxito e compartir coñecementos con outras empresas do sector.

15/11/201809:11
Cartel do evento.
A Coruña

A Universidade da Coruña presenta a súa terceira especialización, Campus Innova

O Paraninfo da Reitoría acollerá este venres, 16 de novembro, ás 12:30 horas o acto de presentación do Campus Innova, a terceira especialización da Universidade da Coruña.

O acto, presidido polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e polo reitor da UDC, Julio Abalde, contará coa introdución da coordinadora do Campus Innova, Susana Ladra.

A Universidade da Coruña está a impulsar decididamente un modelo universitario no que a especialización lle permita un posicionamento máis reforzado no contexto nacional e internacional. Logo da posta en marcha do Campus Industrial de Ferrol en 2016, e da primeira das especialidades do campus coruñés, o Campus Sustentabilidade, este mesmo ano, conclúe agora o proceso de especialización da Universidade da Coruña co Campus Innova.

Con esta terceira especialización, a UDC pretende consolidarse como un polo de coñecemento na área das TIC e outras tecnoloxías innovadoras. O Campus Innova está composto por tres áreas de especialización vinculadas á innovación dixital, InnovaTIC; tecolóxica, InnovaTECH; e humanística, InnovaHumanitas.

15/11/201808:11
A investigadora da UDC Lucía Santiago.
Santiago de Compostela

A UDC xunta forzas coa campaña da CRTVG #CorazónDeInvestigadora

A campaña #CorazónDeInvestigadora impulsada pola CRTVG para alentar as vocacións tecnolóxicas e científicas nas nenas, ten un novo e importante apoio: o da Universidade da Coruña, que confirmou hoxe a súa adhesión á iniciativa, por considerar o seu labor de gran relevancia, non só promovendo vocacións STEM nas rapazas, senón tamén por mostrar os perfís e os percorridos de mulleres galegas referentes nestes eidos que rompen barreiras e fan esmorecer estereotipos e prexuízos. A campaña, que se lanza con motivo da Semana da Ciencia e a Paz da ONU conta xa co respaldo das tres universidades galegas. 

A pedra de toque da iniciativa é un anuncio troncal para as televisións onde unha ducia de investigadoras galegas son as protagonistas. Nas redes esas investigadoras contarán a súa historia a través de pequenos vídeos que rematan lanzándolle un reto inspirador ás nenas: “E ti, que queres ser?”. Por parte da UDC participan Luz Paz Agras, doutora arquitecta e máster en Arte, Museoloxía e Crítica Contemporáneas da USC, amais de membro do grupo de think tank Cadelasverdes e do Grupo de Investigación en Composición Arquitectónica e Patrimonio (CIGAP); Marga Novales, doutora enxeñeira en Camiños, Canais e Portos, amais de investigadora de longo percorrido en sistemas ferroviarios de transporte metropolitano, metro lixeiro e mobilidade sustentábel; Susana Ladra, doutora enxeñeira en Informática, amais de coordinadora do Campus Innova da UDC e experta en algoritmos para optimizar as procuras de datos en Internet; e Lucía Santiago, enxeñeira Naval e Oceánica e doutoranda na UDC, a maiores de membro do Grupo Integrado de Enxeñaría e colaboradora de múltiples proxectos de I+D ligados co sector naval, sendo as súas especializades o estudo do comportamento dos buques ou o seguimento da súa estabilidade en tempo real. 

Os vídeos poden verse na ligazón http://ww2.crtvg.es/rsc/ciencia/.

15/11/201808:11
Set de Video-mapping.
Santiago de Compostela

Uns 200 rapaces, de 10 a 17 anos, participarán o domingo nunha xincana tecnolóxica na Cidade da Cultura

  • CPEIG e AMTEGA organizan esta xornada final do programa Tech Kids, destinado a potenciar o talento dixital na mocidade galega
  • Inscrición: http://cemit.xunta.gal/frm_tech_kids ou techkids@cpeig.gal
  • O director do festival de animación Mundo Digitales, Manuel Meijide, e o cofundador da produtora audiovisual Illusorium Studios, Raúl Rocha, ofrecerán unha conferencia sobre a creación dixital na industria do entretemento

 

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) organizan o vindeiro domingo, 18 de novembro, a xornada final do programa “Tech Kids”. O evento celebrarase de 11:00 a 14:30 horas no Hall de Tirantes do Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia en Santiago de Compostela.

A actividade está destinada a estimular o talento precoz no ámbito das tecnoloxías da información e comunicacións, así como fomentar o atractivo vocacional de profesións científico-tecnolóxicas entre a poboación máis nova. En concreto, a organización ten prevista a participación de aproximadamente 200 rapaces e rapazas de entre 10 e 17 anos. Organizarase unha xincana tecnolóxica con tres sets independentes: vídeo mapping interactivo, panel de chroma key e jam musical, ademais de varios talleres de drons. O evento será gravado cun dron e crearase un vídeo promocional que poñerá o broche final a esta xornada educativa e lúdica. Os rapaces recibirán unha bolsa de picnic e terán zona de xogos dispoñible para o seu esparexemento.

No set de vídeo mapping interactivo, os participantes poderán controlar en tempo real distintas figuras xeométricas proxectadas, sen tocar ningún dispositivo e utilizando as tecnoloxías madmapper, leap motion e midifighter. O sistema é un “quebracabezas interactivo” onde os rapaces deberán organizar os cadros de maneira que se mostre correctamente a proxección resultante, co obxecto de compoñer un vídeo nas caras frontais dos cubos mediante movementos aéreos.

No panel de chroma key, os participantes posarán diante dun sistema de subtracción de fondo para aparecer dentro dun escenario proxectado en tempo real. Disporase dunha pantalla de fondo verde para que os rapaces se poidan ver dentro dun escenario, imaxe que será proxectada nunha parede do recinto.

No jam musical, os rapaces poderán tocar música mediante un sistema informático de música en directo, configurado para que ata tres persoas participen simultaneamente. O sistema restrinxirá as escalas musicais dos instrumentos e recolocará a posición das notas.

Os rapaces poderán participar tamén en talleres teórico-prácticos de drons aéreos e terrestres, onde se lles explicará todo o relacionado co uso legal destes aparatos, así como conceptos básicos de electrónica, mecánica e responsabilidade. O obxecto é que os rapaces coñezan este sector e as súas posibilidades laborais. Ofrecerase unha exhibición de voo de drons de diferentes tamaños na que participarán os máis pequenos.

 

As posibilidades laborais da creación dixital na industria do entretemento

Ademais, a xornada contará cunha conferencia sobre “Mundos dixitais” que impartirán o director e fundador do Festival Internacional de Animación, Videoxogos e Infoarquitectura Mundos Digitales, Manuel Meijide, e o confundador da productora audiovisual Illusorium Studios – recoñecido estudio de postprodución nacional especializado en 3D–, Raúl Rocha, ás 12:00 horas.

Manuel Meijide explicará as posibilidades que mozos e mozas, apaixoados polo mundo da creación dixital para a industria do entretemento, teñen hoxe en día neste sector en auxe que demanda multitude de profesionales cualificados.

Pola súa parte, Raúl Rocha, explicará o proceso de creación de personaxes tal como se realiza nun estudio profesional, a través de exemplos prácticos nos que mostrará desde os primeiros deseños a man do personaxe ata como convertilo nun modelo dixital que pode manipularse como se existira en realidade.

 

673 rapaces participaron nas 57 xornadas celebradas este verán nas Aulas CeMIT de Galicia

O CPEIG e Amtega organizaron nos meses de xullo, agosto e setembro unhas xornadas sobre robótica, pilotaxe de drons e creación de personaxes para videoxogos ou películas de animación, enmarcadas no programa “Tech Kids”, destinado a fomentar o interese pola ciencia e a tecnoloxía entre a mocidade galega. Organizáronse 57 xornadas nas Aulas CeMIT de diversos concellos das catro provincias galegas nas que participaron 673 alumnos e alumnas.

15/11/2018De 17:00 a 18:30 h
1 mes 1 profesión dixital
Online

Música e radio no teu móbil. As mellores aplicacións para escoitar a información que che interesa

Gústache a música e coñecer as últimas noticias de actualidade? Pois agora podes facelo de forma sinxela a través do teu teléfono.

Goza da música segundo o teu estado de ánimo e dos beneficios que esta produce no noso organismo.

Contidos:

  • Principais aplicacións móbiles de radio e música a través de Internet.
  • Descarga a túa música favorita buscando por artista ou álbum e crea as túas propias listas de reprodución para escoitar cando desexes.
  • Escoita cadeas de radio e programas no momento que prefiras.
  • Programación do tempo da radio antes de irte a durmir.

Pon música na túa vida!

14/11/201817:11
Fernando Guldrís co premio.
Sofía

A Xunta recibe un premio da Unión Europea polo seu impulso ao emprendemento innovador

  • O director de XesGalicia, Fernando Guldrís, recolleu hoxe en Sofía (Bulgaria) o recoñecemento como 'Best Public Administration for startups' nos StartUp Europe Awards da Comisión Europea e a Fundación Finnova
  • Desde a Administración autonómica achégase un apoio integral aos emprendedores, que inclúe asesoramento especializado, axudas e instrumentos financeiros como os IFIs ou os fondos de capital risco
 

A Xunta de Galicia recibiu hoxe en Sofía (Bulgaria) o premio á mellor administración pública para as empresas emerxentes innovadoras (Best Public Administration for startups) nos StartUp Europe Awards, unha iniciativa de innovación aberta promovida pola Comisión Europea e a Fundación Finnova en colaboración con Startup Europe.

O encargado de recoller o galardón foi o director de XesGalicia, Fernando Guldrís, quen salientou que a Administración autonómica ofrece un apoio integral aos emprendedores, que non só inclúe axudas, senón que tamén se ofrece formación e asesoramento especializado a través de iniciativas como a Rede Galega de Aceleradoras, nas que se colabora cos principais sectores estratéxicos da economía da Comunidade, os novos préstamos directos do programa de Instrumentos Financeiros Innovadores (IFIS) ou o financiamento a través de fondos de capital risco.

No acto, que estivo presidido pola comisaria de Economía e Sociedade Dixital, Mariya Gabriel, premiouse tamén ás mellores startups de Europa en 18 categorías, e estivo enmarcado dentro do StartUp Europe Awards Summit onde se asinou unha declaración conxunta para reforzar o ecosistema tecnolóxico innovador en Europa.

14/11/201816:11
Logo Proxecto Abalar.
Madrid

Galicia expón no salón SIMO a súa iniciativa para consolidar unha educación integramente dixital, da que xa se benefician 18.000 alumnos

  • A Xunta puxo en marcha en 2010 o Proxecto Abalar, que dixitalizou todas as aulas de centros públicos de 5º e 6º de primaria e todos os cursos de educación secundaria obrigatoria
  • Nos últimos dous anos Abalar avanzou un paso máis coa posta en marcha da iniciativa E-Dixgal, na que están integrados este curso 267 centros que empregan o libro dixital
  • Este curso os alumnos que estudan nun contexto integramente dixital dispoñen de novos provedores de contidos, dun Servizo de Soporte Premium presencial e remoto e os seus docentes contarán cun centro de creación de contidos educativos dixitais
  • Ademais, todos os centros educativos públicos de primaria e secundaria dispoñen de acceso a Internet de 100 Mbps
  • Estase a licitar un acordo marco que permitirá adquirir un máximo de 30.000 portátiles nos vindeiros 2 anos para alumnos e profesores dos centros Abalar que empregan o libro dixital

 

A Xunta de Galicia iniciou en 2010 unha aposta pola dixitalización da educación coa posta en marcha do Proxecto Abalar, una iniciativa que implicaba a toda a comunidade educativa: pais, nais, titores legais, docentes, e alumnado. Oito anos despois, 6.000 aulas de 5º e 6º de educación primaria, Educación Secundaria e Bacharelato son dixitais e 18.000 alumnos desenvolven a súa actividade educativa a través dunha plataforma de contidos.

Así o expuxo hoxe o director de Área de Solucións Tecnolóxicas Sectoriais da Amtega, Carlos Vázquez, durante a súa participación no Salón de Tecnoloxía para o Ensino, SIMO. Este encontro anual reúne desde onte e ata mañá a 225 empresas de 22 países, líderes en tecnoloxía e contidos dixitais para o ensino así como a experiencia de profesionais do ensino nun amplo programa de actividades mesas de debate, conferencias, talleres e presentacións de experiencias de vangarda que se están a desenvolver en distintos centros educativos.

Vazquez explicou que Abalar iniciou a súa andaina en 2010 cun enfoque integral, proporcionando aos centros educativos: o equipamento e a conectividade; contidos dixitais; accións de formación e difusión para docentes e familias; canles de participación a través de espazos web e aplicacións para docentes e familias.

No curso 2015-16 Abalar avanzou na súa evolución coa implantación nos primeiros centros da iniciativa de E-Dixgal para estender o libro dixital no ámbito educativo galego e avanzar na consolidación dunha educación integramente dixital.

 

Máis contidos, servizo premium e redes ultrarrápidas

Neste curso 2018-19, un total de 267 centros, un 73% máis que o curso pasado, e preto de 18.000 alumnos empregan o libro dixital e se benefician do paquete de melloras que se comezou a implantar de xeito progresivo o pasado curso: a incorporación dun terceiro provedor de contidos e dun novo provedor da materia de Inglés; a posta en marcha do servizo de creación de contidos educativos dixitais, a entrada en funcionamento do Servizo de Atención, Soporte e Acompañamento Premium para familias, alumnado e profesorado, así como da mellora da conectividade en todos os centros públicos de primaria e secundaria.

Ademais, a Administración autonómica está a licitar un acordo marco que permitirá a adquisición de ata 30.000 equipos portátiles durante os vindeiros 2 anos. Esta fórmula garante a dispoñibilidade de equipos en función das necesidades e a evolución da iniciativa nos centros, e a homoxeneidade do equipamento co que se dotará aos novos centros que se incorporen ao uso do libro dixital no marco do Proxecto Abalar.

A mellora das infraestruturas de telecomunicación é un aspecto clave no estratexia de innovación educativa. O 100% dos centros educativos públicos de primaria e secundaria conta neste novo curso con acceso a internet cun mínimo de 100 Mpbs, grazas a iniciativa “Escolas Conectadas”, desenvolta en colaboración co Estado cun investimento de máis de 17 millóns de euros.

14/11/201815:11
Mobile Week Coruña.
Santiago de Compostela

A Amtega inaugura a súa participación na Mobile Week Coruña cun encontro sobre ciberseguridade para cidadáns e empresas

  • Terá lugar o día 21 de novembro na Cidade da Cultura como unha das preto de 20 iniciativas coas que a Xunta amplía a área de influencia da MWC
  • As empresas están convocadas á sesión da mañá, na que se abordarán os retos e as oportunidades aos que se enfrontan as empresas no eido da ciberseguridade
  • A sesión da tarde está dirixida á cidadanía e nela exporanse os riscos dunha sociedade hiperconectada, especialmente para colectivos tan sensibles como os nenos e as nenas

 

A Mobile Week Coruña (MWC), que se desenvolverá entre os días 21 e 28 de novembro, converte a Galicia na Comunidade elixida pola Mobile World Capital Barcelona para acoller o primeiro evento que celebra fóra de Cataluña.

A Xunta de Galicia, a través da Amtega, colabora coa MWC con 17 actividades para estender súa influencia á área metropolitana da Coruña e a Santiago de Compostela. A programación está dispoñible na web da MWC (https://www.mobileweekcoruna.com/es/eventos/).

 

Ciberseguridade para empresas

A Amtega inaugura a súa participación na Mobile Week Coruña o 21 de novembro cun evento de referencia en materia de ciberseguridade para empresas e cidadáns na Cidade da Cultura.

A sesión da mañá, “#PemeSegura.gal: Xornada de ciberseguridade” (https://cdtic.xunta.gal/pemesegura-ciberseguridade), está dirixida a empresas. No mundo actual, todas están expostas a sufrir un ciberataque e, malia que a seguridade total non existe, nesta sesión preténdese dar unhas pautas sobre as medidas que se poden adoptar para facer fronte a este problema.

A xornada contará con dous relatorios a cargo de dous expertos na materia, Luis Hidalgo, de INCIBE (https://www.incibe.es/), e Enrique Serrano (https://www.enriqueite.com/), cofundador de Mundo Hacker. A xornada matutina rematará cunha mesa temática na que especialistas galegos tratarán temas como o novo regulamento de protección de datos, os novos servizos de seguridade, a seguridade en contornos industriais ou os incidentes de seguridade.

Esta actividade está destinada principalmente a xerentes e responsables de empresa e de seguridade e, en xeral, profesionais con interese en abordar o impacto da ciberseguridade na competitividade das organizacións. Para participar nela cómpre inscribirse na web do CDTIC (https://cdtic.xunta.es/) ou a través da súa aplicación dispoñible para plataformas Android e iOS. A inscrición é de balde e aínda é posible facela, xa que as prazas, polo momento, non están cubertas.

 

A ciberseguridade na túa casa

Nun mundo hiperconectado cómpre actuar con garantías ante as ameazas en Internet, como o sexting, a ciberviolencia de xénero, o ciberbullying ou a fraude dixital. Por este motivo, a sesión da tarde, “Ciberserguridade na túa casa: ciberseguridade para tod@s” (https://www.mobileweekcoruna.com/es/evento/697/conferencias-y-debates-ciberseguridad-en-tu-casa-ciberseguridad-para-tods/), abordará estes riscos da man de recoñecidos especialistas en cada unha das materias.

Así, a asociación Pantallas Amigas (https://www.pantallasamigas.net/); Fernando Villar, formador da Garda Civil; ou Carlos Pérez, CISO de Abanca, compartirán con todas as persoas asistentes as medidas de protección máis apropiadas para salvagardar os nosos pequenos e pequenas e a nosa identidade dixital, ou para facer un uso responsable de internet así como evitar fraudes dixitais, como o hackeo das tarxetas de crédito ou o roubo de información sensible.

A sesión da tarde está dirixida a pais e nais, nenos e nenas, profesionais da educación e cidadanía en xeral. A asistencia é de balde e cómpre inscribirse na web da MWC (https://www.mobileweekcoruna.com/es/evento/697/conferencias-y-debates-ciberseguridad-en-tu-casa-ciberseguridad-para-tods/).

 

17 actividades da Coruña ao Gaiás

A xornada de ciberseguridade é unha das 17 actividades coas que a Axencia pública autonómica contribúe coa vocación da Mobile Week de irradiar a toda Galicia a necesidade de reflexionar sobre o impacto da evolución tecnolóxica na sociedade. Entre o 21 e o 28 de novembro as aulas CeMIT de Abegondo, Betanzos, Sada e A Coruña acollerán cursos e obradoiros de alfabetización dixital, formación específica sobre o uso dos servizos dixitais, programación Scratch, busca de traballo en internet e charlas divulgativas sobre os novos perfís dixitais.

As actividades complétase con visitas ao Centro de Proceso de Datos Integral da Xunta, o Corazón Dixital de Galicia para o que os interesados se poden inscribir a través do mail cemit@xunta.gal.

14/11/201815:11
Presentación da programación da Mobile Week Coruña no Concello da Coruña.
A Coruña

A programación da Mobile Week Coruña presentouse no Concello da Coruña

O edil de Culturas, Deporte e Coñecemento do Concello da Coruña, José Manuel Sande, presentou esta mañá a programación municipal dentro da súa colaboración coa primeira edición da Mobile Week Coruña, «un evento de transcendencia e relevancia de cidade» que se celebra na Coruña e a súa área metropolitana entre o 21 e o 28 de novembro.

«Somos a primeira cidade fóra de Barcelona que é escollida como sede da Mobile Week, unha oportunidade histórica que non vén da nada. Ten que ver co posicionamento da cidade en termos de innovación e de tecnoloxía, con proxectos e contribucións como Coruña Dixital, o proxecto Red.es, a plataforma de participación A Porta Aberta, a propia actividade dos museo científicos sobre divulgación e innovación, cuestións como a aposta pola migración ao software libre ou incluso algúns proxectos de cidade como a EidusCoruña, na que se plantexa esa perspectiva dunha cidade que avance a través de pautas de innovación», manifestou o edil, quen cualificou a programación como un «maremagnum brillante que servirá de espazo de reflexión e de divulgación co obxectivo principal de achegarse a cidadanía e ter un efecto divulgativo e democratizador da innovación tecnolóxica».

O concelleiro de Culturas estivo acompañado na rolda de prensa polo responsable municipal de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, quen agradeceu «á organización e ás persoas que pularon porque a nosa cidade fose elixida sede deste evento», o director executivo da Mobile Week Coruña e membro da directiva do Club Financiero Atlántico, Guillermo Taboada, e a coordinadora de contidos e actividades do evento, María José Malmierca.

A colaboración do Concello coa Mobile Week, ademais dun convenio que concreta a achega económica e a cesión de espazos, concrétase na organización de dous obradoiros) un sobre e-textiles e outro dirixido a público xuvenil denominado cacharreo tecnolóxico) a cargo dos Museos Científicos da cidade e de Bricolabs (realiza actividades vinculadas á zona maker da Domus), e unha mesa redonda arredor dos proxectos TIC que se están a impulsar dende unha perspectiva local e dende as administracións municipais, que organiza a Concellería de Participación e Innovación Democrática.

Esta charla, que terá lugar o día 22 no Ágora ás 16:00 horas, aborda programas municipais relacionados coa innovación tecnolóxica e no ámbito do social. A edil responsable de Participación, Claudia Delso, afondará no proxecto Cidade Aberta: Plataforma de Goberno Aberto, Colaborativo e interoperable, no que están implicados os concellos da Coruña, Santiago, Zaragoza e Madrid e que foi seleccionado dentro da convocatoria de cidades intelixentes de Red.es. A concelleira achegará tamén a experiencia do Co-Lab e a Forxa do Co-Lab, o laboratorio cidadán da Coruña, un espazo aberto para a posta en común de distintas capacidades, visións e coñecementos co obxectivo de deseñar e desenvolver accións para a mellora da contorna. No seu desenvolvemento, contouse tamén cun proxecto de código aberto, transparente e documentado, a forxa, un repositorio transmedia aberto e de libre uso que incorpora toda a documentación producida durante o proceso de construción colectiva do laboratorio. Pola súa banda, o concelleiro de Culturas presentará Coruña Dixital, unha iniciativa municipal para expandir na cidade novas prácticas culturas e creativas xurdidas dende as redes dixitais. Estarán tamén Alberto García por parte de Cartolab da Universidade da Coruña para introducir Emapic, un sistema que facilita a representación de coñecementos, opinións e sentimentos sobre un mapa; unha persoa representantes de GPUL, entidade organizadora dos Hackatiños de Datos Abertos, un grupo de programadores e persoas usuarias de Linux, que defende a democratización do acceso á tecnoloxía mediante a reutilización do código para aprender, incrementar a privacidade e para mellorar o software; e Arantxa Serantes, do Proxecto Cousateca, unha biblioteca aberta a cousas de todo tipo que se desenvolveu no marco do Co-Lab.

Tal e como detallou o edil, o Concello facilita tamén o uso de diversos espazos na cidade (Teatro Colón, auditorio do Ágora, a Domus e o centro cívico da Cidade Vella) que permiten «abrir a programación da iniciativa a todos os públicos e expandila por diferentes barrios da cidade», e colabora tamén de xeito económico a través dun convenio de 30.000 euros do Consorcio de Turismo. O presidente deste ente e tamén edil de Emprego e Economía Social salientou na súa intervención que este evento «posiciona A Coruña na primeira división» da organización de encontros baseados na innovación, unha decisión, dixo, na que seguro influíu a «o tecido de empresas especializadas na produción de novas tecnoloxías que se está a constituír na Coruña e na súa comarca como referencia no noroeste península».

A Mobile Week Coruña, que comeza o vindeiro día 21 cunha inauguración no Teatro Colón na que porá a música a Banda Municipal, é unha iniciativa organizada por Mobile World Capital Barcelona, que fusiona arte, ciencia e tecnoloxía para crear espazos de reflexión sobre a transformación dixital e o seu impacto na sociedade actual. Tras dúas edicións anteriores que tiveron lugar en Barcelona, este ano celébrase na Coruña co obxectivo de trasladar e dar continuidade no Eixo Atlántico o debate sobre as implicacións que, a nivel social, económico e cultural, ten a transformación dixital. 

A responsable de programación, María José Malmierca, destacou a boa acollida do evento na cidade, «que multiplicou por 10 a programación prevista inicialmente grazas ao pulo da comunidade de administracións e empresas, pero tamén polas propostas de persoas individuais». Isto concretouse en máis de 100 actividades -charlas, obradoiros, exposicións e actividades infantís- que xiran, como indicou, arredor de seis eixes temáticos: a Aula do Futuro, que aborda o sistema de coñecemento dos e das máis novas tanto dentro como fóra das institucións escolares; Territorio Galicia Futuro, sobre os retos de transformación dixital e innovación para a cidadanía e as empresas; Revolución Dixital no Traballo, no que se afondará no impacto da dixitalización no mercado laboral; Comunicación e Democracia, un eixe que tratará a interacción entre a cidadanía e as administracións, así como a xestión das cidades; Futuro Dixital, para tod@s? e Ética e Tecnoloxía, dous bloques cunha temática arredor dos valores, o potencial e os desafíos da dixitalización.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS