main content

main content
14/11/2018De 10:30 a 12:00 h
1 mes 1 profesión dixital
Online

Aplicacións móbiles útiles nas túas viaxes. Gastronomía, lecer e cultura no teu móbil

Vas realizar unha viaxe ou escapada en breve? Gustaríache coñecer en tempo real todos os plans que podes realizar preto de ti?

Neste curso coñecerás aplicacións que che axudarán a planificar todo o relacionado coa túa viaxe, desde a reserva de transporte e aloxamento á planificación de actividades a realizar no teu destino.

Contidos:

  • Buscadores de viaxes.
  • Aplicacións de transporte público.
  • Directorios gastronómicos.
  • Aplicacións de lugares culturais e de lecer.

Viaxa onde queiras e deixa que o teu móbil faga de guía!

13/11/201807:11
Logo Codix.
Santiago de Compostela

Un total de 401 persoas examínanse esta semana para obter a certificación galega de competencias dixitais en ofimática da Amtega

  • As probas presenciais celebraranse os días 14, 15 e 16 de novembro nas aulas CeMIT de 41 concellos de toda Galicia
  • Están dirixidas a aquelas persoas que xa posúen os coñecementos necesarios ou que optan pola modalidade autoformativa
  • Este certificado, que emite a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, acredita as competencias nesta materia da persoa titular ante calquera instancia pública ou privada


A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) vén de publicar a listaxe definitiva das 401 persoas matriculadas para a realización das probas de avaliación para a obtención da certificación galega en competencias dixitais en ofimática (CODIX). Esta convocatoria, publicada no Diario Oficial de Galicia do pasado 13 de marzo, está orientada a aquelas persoas que xa posúen os coñecementos necesarios das aplicacións informáticas que compoñen o módulo formativo MF0233_2 «Ofimática» baixo o paquete de LibreOffice

As persoas admitidas poden consultar na web do CeMIT (http://cemit.xunta.gal) a súa data de exame asignada, centro e hora, así como as instrucións para a realización das probas. que se celebrarán o mércores, xoves e venres desta semana -días 14, 15 e 16 de novembro- nas aulas CeMIT dos seguintes 41 concellos: Abegondo, Ames, O Barco, Barreiros, Betanzos, Boiro, Brión, A Cañiza, Carballedo, Celanova, Cerceda, A Coruña, Cuntis, A Estrada, Fisterra, Guitiriz, Lalín, Leiro, Lugo, Marín, Moaña, Narón, Oroso, Ortigueira, Ourense, Padrón, Pontedeume, Pontevedra, O Porriño, Ribadeo, Sada, Santa Comba, Santiago de Compostela, Sarria, Tomiño, Valga, O Vicedo, Vigo, Vilagarcía de Arousa, Vimianzo e Xunqueira de Ambía.
 

Perfil das persoas a examinar

En canto ao perfil das persoas convocadas, a media de idade é de 38 anos; a maioría son mulleres, (298 mulleres e 103 homes); o 55% ten estudos superiores e un 32% Bacharelato ou FP-II; e o 93% dispón de ordenador e acceso a internet no seu fogar. Do total das persoas matriculadas, un 27% son demandantes de emprego.
 

Avaliación

Para obter o CODIX é preciso superar un exame de 50 preguntas tipo test referidas aos contidos do Plan Formativo Ofimático de Galicia, composto polas cinco unidades nas que se estrutura o módulo formativo MF0233_2 «Ofimática» do Repertorio Nacional de certificados de profesionalidade:

  • Sistema operativo, busca da información: internet/intranet e correo electrónico
  • Aplicacións informáticas de bases de datos relacionais. LibreOffice Base
  • Aplicacións informáticas para presentacións: gráficas de información. LibreOffice Impress
  • Aplicacións informáticas de tratamento de textos. LibreOffice Writer.
  • Aplicacións informáticas de follas de cálculo. LibreOffice Calc

Os materiais formativos que compoñen estes cursos foron elaborados seguindo as boas prácticas e poden ser seguidos libremente na súa modalidade de autoformación e abertos todo o ano dentro da plataforma de teleformación da rede CeMIT http://cemit.xunta.es/ema, na que se poden atopar tanto os contidos específicos dos diversos módulos que compeñen o CODIX como diversos casos prácticos e test de exemplo
 

Máis de 1.500 prazas convocadas neste ano 2018

Esta convocatoria forma parte do Plan de Formación da rede CeMIT para este ano 2018, que sumou un total de 1.531 prazas convocadas, e que terá a súa continuación no vindeiro ano con novas convocatorias de dous cursos de teleformación titorizada con exame final e dúas convocatorias de probas presenciais na modalidade autoformativa.

Dende a habilitación da rede CeMIT para a formación e avaliación dos contidos formativos do CODIX en maio de 2014, foron máis de 6.800 as prazas convocadas nas súas diferentes modalidades (1.930 en cursos de teleformación titorizada e 4.923 en probas presenciais de acceso libre) e máis de 2.800 as persoas que obtiveron a certificación emitida por parte da Amtega despois de superar as probas presenciais realizadas nas aulas da rede CeMIT.

A estes datos hai que engadir as mais de 300 actividades e cursos en ofimática en software libre que veñen realizando as diferentes aulas de forma presencial durante o último ano como preparación orientada á presentación para estas probas libres, así como os 2.500 accesos aos contidos específicos do CODIX aloxados na plataforma de teleformación a través de internet (http://cemit.xunta.es/ema) e abertos para ser consultados en calquera momento.

12/11/201810:11
Técnicos do ITG e de Agasint traballando nun dron.
A Coruña

O ITG e AGASINT xuntan forzas para impulsar a industria galega de drons

Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) e a Asociación Galega de Sistemas Intelixentes Non Tripulados (AGASINT) veñen de asinar un convenio de colaboración para impulsar a industria galega en materia de drons e outros aparellos aéreos smart. En termos máis concretos, o acordo estipula que o ITG preste asesoramento en Investigación e Desenvolvemento á dita asociación e aos seus integrantes. Na formalización da alianza participaron o director xeral do ITG, Carlos Calvo, o presidente de AGASINT, Luis Aceituno. 

Máis polo miúdo, o instituto axudará á asociación en aspectos relacionados co regulamento ligado aos UAV, impulsará proxectos colaborativos de I+D entre membros da asociación e prestará apoio para a intervención de AGASINT en foros e redes de cooperación de transferencia tecnolóxica e apoio á innovación.

En palabras de Carlos Calvo, “esta alianza xorde grazas ao compromiso do Instituto Tecnolóxico de Galicia de impulsar a I+D en Galicia a todos os niveis, e, en particular, no que ten que ver co desenvolvemento da investigación no eido dos sistemas ou vehículos intelixentes non tripulados”. Segundo explicou, deste compromiso tamén abrollaron iniciativas de colaboración tan salientables como a Unidade Mixta de Investigación FASTFly (Full Autonomous Systems for UAS) que, impulsada pola Xunta de Galicia, desenvolve o ITG co seu socio SDLE e que “permitirá”, en palabras de Carlos Calvo, “desenvolver tecnoloxía de drons cunha meirande autonomía e con capacidade para operar en escenarios civís complexos”. Trátase, explicou, da única unidade mixta galega especializada neste tipo de vehículos intelixentes e ten a súa sede central na Coruña, nas propias oficinas de ITG.

Aceituno, pola súa banda, sinalou que “co apoio dunha institución como ITG, comprometida co desenvolvemento tecnolóxico de novos sistemas intelixentes non tripulados, e contando coas potencialidades das empresas asociadas a AGASINT, daremos un impulso exponencial nos avances funcionais dos produtos finais conseguindo despregar novos servizos e un aumento na seguridade e fiabilidade”.

12/11/201810:11
Cartel do evento.
Santiago de Compostela

O GDG DevFest Galicia celébrase en Santiago o 17 de novembro

O vindeiro 17 de novembro, sábado, vaise celebra en Compostela o GDG DevFest Galicia, en palabras dos organizadores “un dos maiores eventos tecnolóxicos da nosa terra”. A cita será na Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC, onde teñen o seu centro operacións boa parte dos impulsores do evento (tamén estudantes da dita escola). Segundo nos contan, o GDG DevFest son eventos a grande escala dirixidos por e para a comunidade de usuarios e desenvolvedores de novas tecnoloxías. Celébranse cada ano en todo o mundo, polo que “non hai dous DevFest iguais”, aclaran. Porén, si que teñen en común o seguinte: “Están alimentados pola crenza de que cando os profesionais TIC se xuntan, cousas incribles poden ter lugar”. 

Volvendo ao evento compostelán, está organizado polas diferentes comunidades GDG existentes na nosa xeografía, amais de contar co patrocinio de importantes empresas tecnolóxicas. Segundo nos contan, será “unha intensa xornada de actividades”, cunha duración total aproximada de oito horas e cun programa máis que completo de charlas e obradoiros. Haberá, tamén, xantar para os asistentes.
Igualmente, haberá sorteo dalgúns produtos tecnolóxicos, ao remate da xornada. 

“As charlas serán de alto nivel, impartidas por ​ destacados profesionais do sector”, comentan os impulsores da cita, engadindo que esta contará coa presenza dun desenvolvedor experto de Google en materia de tecnoloxías na nube.
Toda a información sobre o evento pode ser consultada na páxina web do mesmo, onde son explicados outros moitos datos de interese: https://devfest.gdggalicia.com/.

12/11/201810:11
Feedcoo.
Santiago de Compostela

O rural 4.0: xuntos somos máis fortes

Facelo en solitario é difícil e caro; colectivamente sae moito máis rendible. Isto é o que fai Feedcoo, poñer a disposición dos pequenos produtores rurais servizos loxísticos, de compras, asesoramento legal e tamén visibilidade, conectándoos co consumidor final.
 

O primeiro que queren deixar claro é que non son meros intermediarios, que son máis que unha plataforma online na que produtores artesáns póñense en contacto con consumidores esixentes, encaprichados co natural, e viceversa. Feedcoo é unha canle que potencia o rural, que permite ao elaborador impulsar o seu produto, a súa propia marca, e que si, que funciona como escaparate e como mostrador -no portal pódense comprar directamente desde cestas de verduras da horta, mel de pequenos apicultores, sidra e zumes naturais ata vellas anadas de ribeiros ecolóxicos, leite e queixos de vacas que pastan libres, requeixos con personalidade, marmeladas, cervexas ou licores caseiros-, pero tamén e especialmente como nexo de unión, como ferramenta para o sector da alimentación artesanal.

O que en concreto ten de especial esta plataforma é que axuda ao produtor para producir máis e mellor, que a través dela pode acceder a servizos de mellor calidade e a mellor prezo que se os buscase e os contratáse pola súa conta: «Ademais de apoialos coas súas vendas, tamén actuamos sobre os custos que a día de hoxe son ineludibles para un negocio no campo», explica Daniel Sánchez, director executivo.

Feedcoo acaba de vir ao mundo e xa foi fichada por un dos observadores máis potentes do panorama galego: o programa Vodafone Connecting for Good Galicia, que apoia aqueles proxectos nos que intúe potencial suficiente para contribuír á innovación social na comunidade, avanza pola súa terceira edición cos da Ribeira Sacra ben amarrados. O seu emprego da tecnoloxía é a clave. «Os hábitos de consumo cambiaron -reflexiona Sánchez-. Xa non buscamos o máis barato ou o máis caro, buscamos o mellor, e hoxe en día hai moita información, o reto é poder xestionala de forma correcta para levala á persoa que máis a valora». É aquí onde as máquinas, a informática e as matemáticas entran en xogo. E eles saben como utilizalas. «Cando empezamos co tema, a moitos lles facía graza porque dicían que a xente do rural non ía estar preparada para a tecnoloxía -lembra-. Pero nós o que vemos é xustamente o contrario».

O portal tivo un longo período de xestación: Cristina e Daniel, ambos de 37 anos, coñecéronse compartindo momentos ao redor de copas de viño. Vinculados desde críos a este mundo de terra e de viñedos, foron espabilados para darse conta pronto de como comezaba a medrar o interese polos produtos ecolóxicos, polos procesos particulares, de como se incrementaba o valor do artesán. Levan anos proxectando esta canle, recurso para o rural 4.0, dándolle voltas e voltas ao modelo de negocio, contactando con provedores, ideando maneiras de sacarlle partido aquí aos seus coñecementos de big data, á intelixencia artificial, á súa experiencia no mundo do I+D tecnolóxico. Feedcoo é un recentemente nado, pero non está verde: máis de 60 produtores xa forman parte do «movemento».

«A tecnoloxía permite facer realidade cousas que antes non eran posibles cos recursos que xa existen -sinala Sánchez-. Sempre tratamos de ser creativos con todas as nosas solucións, desde crowdfundings para axudar nos investimentos dos produtores con proxectos de alimentación ata a distribución intelixente ou a asociación comercial para venda conxunta entre varios elaboradores». Exemplos máis concretos? «Queremos lanzar unha campaña de financiamento colectivo para subvencionar a reconstrución de obradoiros destruídos polo lume nas Neves a través da venda de produtos da zona e agora mesmo temos en marcha unha iniciativa para a redución de gasto enerxético nos diversos centros de transformación dos produtores -avanza-. Tamén estamos a analizar as necesidades de mobilidade do colectivo, a xestión que se fai dos vehículos de empresa é moi mellorable».

Así, o equipo de Feedcoo, que pretende consolidarse no 2019 cunha decena de colaboradores, ofrece servizos de agregación e xestiónaos para conseguir mellor calidade a un prezo axustado, servizos que van desde asistencia en compras, produción, visibilidade, promoción de marca individual, venda e loxística ata asesoramento legal ou fiscal. «O sector empeza a ser atractivo para moitos mozos que xa decidiron emprender no rural e Feedcoo é o apoio que necesitan para que poidan facer o seu negocio viable no lugar que desexan vivir».

Se, de paso, facilitan aos consumidores o acceso a unha selección de «produtos fantásticos», a un prezo «razoable», para «converter a comida en pracer sabendo o que come», mellor que mellor.

10/11/201813:11
Cartel do evento.
Santiago de Compostela

Esta fin de semana a Ribeira Sacra será o escenario onde comeza DixitalON, programa formativo impulsado por Amtega para a transformación dixital de autónomos e micropemes

  • O Parador de Santo Estevo acolle, desde o venres 9 ata o domingo 11, a autónomos e micropemes de diversos sectores como o pequeno comercio, a construción, servizos sociais, alimentación e bebidas ou enxeñería.
  • As Fragas do Eume acollerá a segunda edición de DixitalON que terá lugar do 23 ao 25 de novembro para a que aínda quedan prazas dispoñibles.
  • DixitalON abandona o formato tradicional de formación para ir a novas dinámicas como o Visual Thinking ou a metodoloxía Lego Serious Play.


A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) arranca este fin de semana na Ribeira Sacra as edicións de DixitalON, programa formativo sobre transformación dixital para autónomos e micropemes.

A transformación dixital é unha carreira de fondo, onde os tempos e obstáculos non son os mesmos para un autónomo, unha micropeme ou unha peme. Consciente desta realidade, a Amtega lanzou este novo formato, especialmente deseñado para autónomos e micropemes, que consiste en actividades de formación durante estadías de fin de semana en contornas privilexiadas de Galicia, como a Ribeira Sacra ou as Fragas do Eume.

O Parador de Santo Estevo acolle ao primeiro grupo de pequenos empresarios de diversos sectores (pequeno comercio, construción, servizos sociais, alimentación e bebidas ou enxeñería) que durante dous días compartirán as súas inquedanzas sobre a dixitalización dos seus negocios e recibirán as nocións clave para asumila do xeito más efectivo e adaptado as súas necesidades particulares.

DixitalON abandona o formato tradicional de formación para ir a novas dinámicas como o Visual Thinking ou a metodoloxía Lego Serious Play para explorar como transformar dixitalmente un negocio baseándose nos procesos clave de cada empresa. Para completar esta experiencia, os asistentes degustarán produtos típicos da zona e realizarán visitas a empresas da zona que están acometendo procesos de dixitalización e comprobar in-situ os resultados.

 

Prazas dispoñibles para DixitalON Fragas do Eume

Aqueles autónomos e micropemes que non puideron sumarse a DixitalON Ribeira Sacra, teñen a oportunidade de facelo na segunda edición de DixitalON, do 23 ao 25 de novembro, nas Fragas do Eume, o parque natural de Galicia considerado un dos máis importantes bosques atlánticos de toda Europa.

Para participar en DixitalON cómpre preinscribirse a través da páxina web do Centro Demostrador (https://cdtic.xunta.gal/dixitalOn-FragasDoEume) ou no correo electrónico cdtic@xunta.gal.

09/11/201814:11
Cables RJ45 enchufados nun switch.
Santiago de Compostela

A Xunta abre unha nova convocatoria de axudas para dotar de banda larga ultrarrápida a empresas e autónomos de zonas illadas

  • Desde mañá e ata o 31 de xaneiro de 2019 poden realizar a súa solicitude empresas e autónomos que non dispoñan de acceso a internet de cando menos 30 Mbps
  • A Xunta destinará 600.000 euros a axudas para subvencionar ata o 100% dos custos das tarefas para a dotación de banda larga ultrarrápida, cun máximo de 20.000 euros por beneficiario
  • É a segunda convocatoria desta liña de axudas enmarcada no Plan de Banda Larga da Xunta, que complementa á actuación lanzada en 2016 para dotar de conexión a internet de ata 350Mbps a 81 polígonos industriais


Dende mañá e ata o 31 de xaneiro empresas e autónomos das zonas illadas do rural poderán solicitar axudas para o acceso a banda larga ultrarrápida.  Esta nova convocatoria, que se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia, é unha das actuacións do Plan de Banda Larga 2020, impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) para a estender de redes de banda larga ultrarrápida na Comunidade.

Nesta nova convocatoria os interesados poderán presentar solicitude de forma individual ou en agrupación de empresas, co obxecto neste segundo caso de facilitar a dotación dos servizos ultrarrápidos ás empresas e autónomos situados en localizacións próximas.

Tras unha primeira liña de subvencións a empresas e autónomos con 500.000 euros en axudas en 2017, a Amtega destina a esta segunda convocatoria outros 600.000 euros máis. As axudas subvencionarán ata o 100% dos custos das tarefas necesarias para dotar de banda larga ultrarrápida á empresa, ata un máximo de 20.000€ por proxecto. Non obstante, os proxectos deberán ter un custo mínimo de 2.000€.

Estas subvencións cofináncianse ao 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR).
 

Prazos e características da convocatoria

Os interesados poderán presentar as súas solicitudes ata o 31 de xaneiro dende o día seguinte á publicación da convocatoria no DOG.

Os principais requisitos e obrigas que deberán cumprir os solicitantes serán non dispoñer actualmente da posibilidade de acceso a redes ultrarrápidas de cando menos 30 megas e manter a alta no servizo contratado inicialmente durante cando menos 1 ano.

Para cada solicitude valorarase a mellora que supón o servizo de banda larga ultrarrápida incluído na proposta, o esforzo inversor previsto e valoraranse tamén as solicitudes recibidas das pequenas empresas.


Outras actuacións para a extensión de redes ultrarrápidas

O Plan de Banda Larga de Galicia 2020, puxo en marcha  en xullo de 2016 unha primeira actuación para conectar en dous anos un total de 81 polígonos industriais das catro provincias galegas a redes de ata 350 Mbps, que non contan con cobertura de redes ultrarrápidas nin previsión de dispoñer deste servizo.

Deste xeito, tralo remate do mes de outubro de 2018 hai un total de 130 polígonos, nos que se concentra case o 93% da superficie empresarial ocupada, que dispoñen de acceso a redes de máis de 100 Mbps.

Ademais, o Plan da Xunta conta con outra actuación que comezou neste ano 2018 para despregar fibra óptica en núcleos de 181 concellos de toda Galicia. Cun investimento público, que subvenciona o 90% dos custos do despregamento, facilitarase o acceso a redes de máis de 100Mbps a 74.400 galegos de núcleos de menos de 300 habitantes. Esta actuación súmase ás que está a desenvolver o Estado na Comunidade, que beneficiarán a máis de 258.000 persoas que viven en núcleos de maior tamaño.
 

Plan de Banda Larga 2020

O Plan de Banda Larga de Galicia 2020 foi aprobado o 1 de outubro de 2015 no Consello da Xunta, e asume os obxectivos establecidos na Axenda Dixital para Europa de garantir unha cobertura de banda larga de cando menos 30Mbps para a totalidade da poboación e impulsar a contratación nos fogares de servizos de banda larga por riba dos 100Mbps.

09/11/201810:11
Cartel da iniciativa.
Madrid

A convocatoria "Lánzate" está aberta ás propostas tecnolóxicas de emprendedores ata o 30 de novembro

Xa está en marcha a segunda convocatoria do programa "Lánzate" que promove a Escola de Organización Industrial (EOI) e Orange polo que novos emprendedores que estean a desenvolver proxectos sobre Internet das Cousas, smart cities, big data e ciberseguridade, entre outras liñas estratéxicas fundamentais para a sociedade dixital, recibirán mentorización de figuras clave no ámbito das TIC.

A convocatoria estará aberta ata o próximo 30 de novembro. O 17 de decembro comunicaranse os 20 proxectos máis prometedores nos ámbitos de negocio nos que se enmarca esta iniciativa. Durante o mes de xaneiro de 2019, seleccionarase aos 6 finalistas cun comité evaluador formado por profesionais do sector TIC, así como responsables e directivos de EOI e Orange, que escoitarán o seu plan de negocio e exporán preguntas sobre o mesmo.

Finalmente, durante febreiro e marzo, desenvolverase o programa de apoio aos proxectos seleccionados, cuxos responsables poderán interactuar cara a cara cos mentores do programa, que os guiarán e asesorarán sobre as oportunidades de crecemento dos seus proxectos, potenciais clientes e alianzas, provedores, investidores, etc.

 

Mentorización especializada

Segundo as entidades responsables deste programa, o valor diferencial de "Lánzate" respecto doutras iniciativas de apoio ao emprendimiento é precisamente o capital relacional que se achegará aos participantes no programa.

Mediante o contacto directo entre emprendedores e asesores, os 6 finalistas do programa poderán optimizar o desenvolvemento dos seus proxectos grazas á experiencia de líderes empresariais como Silvio González, CEO de AtresMedia; Irene Cano, Country Manager Iberia de Facebook; María Valenzuela, Senior Vice President de Sony Pictures Television; José Antonio López, CEO de Ericsson; Rodrigo del Prado, Director Xeral de BQ; Pilar López, CEO de Microsoft Ibérica; Marta Martínez, Presidenta de IBM España; Helena Ferreiro, Presidenta de Hewlett Packard; Almudena Román, Directora Xeral de ING DIRECT; e Laurent Paillassot, CEO de Orange España.

As persoas emprendedoras interesadas en presentar a súa candidatura á convocatoria "Lánzate" pode facelo a través da web do programa.

09/11/201810:11
Premiados de RTVE Emprende.
Madrid

'Mouse4All', premio RTVE Emprende na categoría de Discapacidade

  • A sede de TVE de Torrespaña acolleu a cerimonia de entrega da cuarta edición dos Premios RTVE Emprende.
  • Por primeira vez, e co apoio da Fundación ONCE, incorporouse unha categoría de Discapacidade, cuxo galardón recaeu no proxecto 'Mouse4All'.

 

Estes premios recoñecen ás persoas e empresas que destacaron no seu ámbito profesional pola súa excelencia, achegando valores inherentes ao emprendedor como o traballo, a constancia, o esforzo, a dedicación, a visión de futuro ou o éxito.

As cinco categorías ás que optaron decenas de empresas coas súas aplicacións e produtos foron Latinoamérica, Internacionalización, Comunicación e Redes sociais, Empresa emerxente e Discapacidade.

Nesta última categoria o xurado elixiu á empresa Familiados como finalista. Familiados é unha plataforma de coidados profesionais, onde as familias con dependentes ao seu cargo poden atopar axuda para coidalos en menos dunha hora e desde o móbil.

O proxecto gañador foi 'Mouse4All', un produto de apoio que permite utilizar unha tableta ou teléfono Android sen tocar a pantalla, especialmente indicado para persoas con discapacidade física.

Teresa Rodríguez, directora de Programas Informativos non diarios de TVE entregou o premio a José Ángel Jímenez Vadillo, cofundador do proxecto.

Por outra banda, na categoría de Lationamerica os gañadores foron Helpers Montevideo, unha ONG sen fins de lucro que busca crear unha rede social de voluntarios capacitados para salvar vidas en caso de emerxencia.

María Escario, directora de Comunicación de RTVE entregou o premio a Keren Cohen Maman, directora de Relacións Institucionais de Helpers.

No apartado de Internacionalización, a idea gañadora foi 'MusicList', o maior agregador musical en español, que permite escoitar neste momento máis de 600.000 cancións de forma legal, gratuíta e sen interrupcións publicitarias.

Cristina Ónega, directora da canle 24 Horas entregou o premio a Jordi Pallarés, Fundador de 'MusicList'.

Pola súa banda, na categoría de Comunicación e redes sociais o gañador foi IPAK, unha empresa que se dedica ao desenvolvemento de apps coas ferramentas de desenvolvemento das plataformas máis importantes, iPhone e Android.

Lola Baños, directora de comunicación de Facebook, fixo entrega do premio a Alberto Manuel López Martínez, CEO de IPAK Software. Por último, Zeleros obtivo o galardón na categoría Empresa Emerxente, cun sistema de transporte hyperloop escalable que permite conectar cidades a 1.000 km/h con reducidos custos de infraestrutura e de forma sustentable.

O director de EFE Dixital, Andrés Dulando, foi o encargado de entregar o premio a Juan Vicén Balaguer, cofundador e director de Comunicación de Zeleros.

09/11/201810:11
App NeuroNation.
Santiago de Compostela

Doro enumera as cinco app imprescindibles para os senior

  • Desde a compañía ofrecen unha listaxe daquelas aplicacións que as persoas maiores deberían instalar nos seus smartphone

 

O universo dixital brindounos nos últimos anos inmensas posibilidades: o acceso á información a tempo real, a comunicación instantánea por voz e mesmo por vídeo, a xeolocalización, a posibilidade de realizar compras e pagos desde casa, etcétera. Todo, ou case todo, pódese realizar cun simple clic desde un computador ou un teléfono intelixente.  
 
Maiores e mozos forman parte desta revolución tecnolóxica que cada vez fai o día a día máis sinxelo, aforrando tempo e enerxía e achegando seguridade. Saber usar un smartphone abre ao usuario un amplísimo abanico de posibilidades, pero ás veces non calla nas persoas maiores por algo tan básico como a falta de adaptación dos dispositivos á idade e ás características dos usuarios. 
 
Os teléfonos intelixentes son para todos, e máis agora que o mercado de aplicacións ofrece múltiples ferramentas con diversas estéticas e funcionalidades. Con todo, todas ofrecen ao usuario un contido útil que, no caso dos senior, pode favorecer en gran medida a autonomía, a socialización e a actividade mental e física. Doro, empresa de telefonía senior, recomenda estas cinco app para usuarios maiores:
 
  1. VolumeUp é unha aplicación que potencia o son das notificacións do teléfono, aumenta o volume do altofalante ou dos auriculares durante as chamadas e funciona como un amplificador para escoitar música ou películas. Está pensado para aquelas persoas con dificultades auditivas, aínda que debe medirse o seu emprego porque un volume excesivamente alto pode danar o oído. 
  2. Neuro Nation: Pon en forma o teu cerebro! Esta aplicación ofrece actividades de estimulación mental co fin de mellorar a velocidade de procesamiento cerebral, a memoria e as funcións executivas. Ademais, o usuario pode crear un plan de adestramento personalizado para realizar a diario.
  3. My therapy: "Os medicamentos non axudan se non os toma" e ten razón. Con esta aplicación pode programar recordatorios que lle avisen de cando debe tomar unha medicación e ofrece, ademais, unha visualización doutros parámetros, como a presión arterial para ver o estado xeral de saúde do usuario.
  4. Recordatorio de aniversarios: Esta aplicación para teléfonos permite gardar as datas de aniversarios e aniversarios de amigos e familiares. Por que tirar sempre de memoria? Con esta app nunca se esquecerá unha data importante. É compatible con todos os dispositivos e permite importar contactos da axenda para poder felicitalos no seu día cun sinxelo clic.
  5. Podómetro: A actividade física é esencial para manter un estilo de vida saudable, sobre todo nas persoas maiores. Esa aplicación conta os pasos dados durante o día e os quilómetros percorridos polo usuario. É unha forma sinxela e entretida de incorporar ao día a día hábitos saudables e exercicio físico.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS