main content

main content
09/11/201810:11
Logo neuronUp.
Padrón

La Caixa renova a súa colaboración con Ategal para que o seu alumnado participe no proxecto NeuronUP

O presidente das Aulas Senior de Galicia (Ategal), Ángel Fagilde, e a directora de Caixabank en Padrón, María Iglesias, asinaron a renovación, por terceiro ano consecutivo, da subvención para que o alumnado de Ategal participe de novo no proxecto NeuronUp da Obra Social La Caixa.
 
A achega da fundación bancaria servirá para que o alumnado de Ategal poida matricularse, gratuitamente, no curso de adestramento cognitivo, NeuronUP. Tamén para sufragar material, docentes e profesionais de psicoloxía necesarios para este proxecto. Un programa cuxa terceira edición comezou hai uns días en Santiago de Compostela, Padrón, Vigo e como novidade neste ano, tamén en Ourense, segundo explica a vicepresidenta de Ategal e directora da sede de Santiago, Paula Sande, que matiza que, NeuronUP ten unha duración de oito meses que coinciden co novo curso das aulas.
 
Trátase "dunha ferramenta de aprendizaxe desde o punto de vista da prevención. Ategal é absolutamente pioneira no seu uso, pois, aínda que este sistema se vén utilizado desde hai algúns anos en gabinetes técnicos, psicolóxicos e sanitarios como neurorehabilitación "cando o proceso de deterioración cognitiva ou demencia xa está diagnosticado, no noso caso destínase ao alumnado, persoas maiores que non teñen deterioración, é dicir, de forma preventiva", destaca Sande.
 
En concreto, consiste nun adestramento cerebral a través dunha sinxela aplicación informática aplicada de forma intensiva e personalizada, dependendo da actividade e gustos da persoa. É totalmente individualizada e adaptada ás necesidades e características da persoa usuaria, para que lle resulte atractivo e cómodo, cunha serie de exercicios e preguntas relacionadas coa súa actividade profesional e persoal. Por exemplo, engade, "se a persoa vivía no rural, adaptaránselle preguntas relacionadas co devandito ámbito; se se trata dun ex-pescador, cuestións sobre o mar; a unha ex-enfermeira, sobre temas sociosanitarios. Así resútalles máis cómodo, práctico e motivador", asegura a vicepresidenta de Ategal.
 
Nese sentido, todo o material de memoria está dispoñible en formato dixital, tanto en computador de mesa, como portátil, tableta e pantalla táctil, o que resulta de gran valor para intervir, de forma profesional, en procesos de neurorehabilitación e en casos de deterioración cognitiva leve ou funcional. Non en balde, NeuronUP combina o formato presencial para realizar a avaliación inicial, adestramento e seguimento e formato a distancia para as sesións individualizadas. As sesións personalizadas realízanse no domicilio ou nas sedes de Ategal, así cada persoa usuaria é a que elixe o momento idóneo e máis cómodo para iso, reforzado polo feito de que se pode utilizar en galego, castelán ou, como novidade este ano, en portugués.
 
Ademais, a asistencia técnica encárgase de gardar e monitorar os resultados obtidos nos exercicios para a súa avaliación posterior por parte de persoal de psicoloxía. A nivel técnico e profesional, NeuronUP baséase na neuroplasticidade, ou potencial que ten o cerebro de modificarse e adaptarse. E aínda que estes sistemas como NeuronUP teñen, loxicamente, unha capacidade limitada para unha recuperación total, si resultan moi válidos e eficaces para retardar a deterioración cognitiva e o mantemento das capacidades persoais, xa sexa en enfermidade neurodexenerativa ou en canto a un envellecemento normal.
 
O proceso completo de validación e investigación de NeuronUP consta dunha avaliación cognitiva e unha entrevista inicial, polo que se realiza prevención e detección precoz de posibles trastornos neurodexenerativos. A continuación, a cada persoa usuaria ensínaselle a utilizar o computador, tableta e pantalla táctil, é dicir, realízase unha alfabetización dixital e ao final fáiselle entrega dun informe final para comentarlle a súa evolución.
 
Os alumnos de Ategal interesados en realizar adestramento cognitivo con NeuronUP matricúlanse nesta materia, se así o desexan, como unha máis das que ofrece Ategal durante o curso, aínda que, de forma gratuíta.
 
Este é o caso, por exemplo, de 20 maiores da sede de Ategal Padrón que, como explica a directora desta sede, María Cruz Taboada, "comezaron a pasada semana nas aulas do municipio, de luns a venres na aula de informática, supervisados pola técnica de informática do Concello", Institución coa que a entidade ten subscrito un convenio, desde hai case 25 anos para dispoñer de espazos, ferramentas e persoal docente.
09/11/201808:11
Cables RJ45 enchufados nun switch.
Madrid

Un plan do Goberno busca universalizar a banda larga a un mínimo de 30 Mbps

O Boletín Oficial do Estado recolle hoxe a orde pola que se da luz verde ao Plan para proporcionar cobertura que permita o acceso a servizos de banda larga a velocidades de 30 Mbps ou superior, que terán que executar os titulares de concesións na banda dos 800 MHz, ou sexa, Telefónica, Vodafone e Orange.

A publicación no BOE lembra que coa concesión de licenzas para a banda dos 800 MHz incluíanse obrigas que deben cumprir antes do 1 de xaneiro de 2020 para facilitar que cando menos o 90% dos cidadáns de concellos de menos de 5.000 habitantes poidan acceder á Rede a unha velocidade mínima de 30 Mbps. Para iso o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio (agora Ministerio de Economía e Empresa) aprobará un plan no que se terán en conta as ofertas proporcionadas con outras tecnoloxías e outras bandas de frecuencias distintas ás de 800 MHz, identificará as unidades poboacionais onde non sexa posible acceder á Rede a 30 Mbps e establecerá as obrigas de cobertura que deberán proporcionar os operadores antes mencionados. 

Actualmente as infraestruturas de rede que se teñen en conta para chegar á poboación son a fibra óptica (FTTX), as híbridas de fibra e cable coaxial (HFC), o VDSL e certas tecnoloxías radioeléctricas, e considerarase que unha poboación goza de conexións a 30 Mbps cando un dos 3 operadores involucrados no Plan ofreza tal velocidade cunha das tecnoloxías analizadas, superando uns requisitos técnicos mínimos. Para evitar que exista certa discriminación territorial non só se esixirán conexións de 30 Mbps no 90% das poboacións de menos de 5.000 habitantes, senón que tamén se establece a esixencia de que tal cobertura non sexa inferior ao 85% en ningunha comunidade autónoma.

09/11/201808:11
Cartel do evento.
A Coruña

Até 60 empresas e institucións apoian de cheo a Mobile Week Coruña

A cidade da Coruña acollerá entre os días 21 e 28 de novembro a primeira edición da Mobile Week Coruña, organizada pola Fundación Mobile World Capital Barcelona, responsable, tamén, da organización do Mobile World Congress. O evento coruñés, un espazo para “crear espazos de reflexión sobre a transformación dixital e o seu impacto na sociedade actual”, vén cun relevante programa de actividades transversais, para todos os públicos, que se desenvolverán en máis de 20 espazos distintos, a repartir entre o termo municipal coruñés, a Área Metropolitana e a propia Compostela, na Cidade da Cultura. En termos concretos, desenvolveranse preto dun cento de accións TIC. Impulsando a semanaco seu patrocinio ou apoio atópanse máis de 60 empresas e institucións

O patrocinador principal de Mobile Week Coruña é ABANCA, que amais implícase de cheo na programación. De feito, o seu conselleiro delegado, Francisco Botas, será un dos encargados de pechar o acto de clausura o 28 de novembro. Amais, a sede da fundación da entidade bancaria, Afundación, acollerá o 22 de novembro a conferencia Tecnoloxías da Información: a construción dun espazo de aprendizaxe, do catedrático da Universidade de Sevilla, Julio Cabero, unha actividade que precederá (tamén no salón de actos de Afundación) aos seis mWeekTalks previstos durante Mobile Week Coruña.

Tamén son patrocinadores da semana Estrella Galicia e Accenture Dixital. A marca cervexeira participará na programación da man de Juan José Delgado, responsable do ámbito dixital da empresa e co-impulsor de The Hop, programa de emprendemento colaborativo de Estrella Galicia. 

Pola súa banda, Accenture achegará un obradoiro sobre como construír modelos de Intelixencia Artificial para móbiles e IoT (Internet das Cousas). Ademais, o seu director xeral para España, Portugal e Israel, José Luís Sancho, será un do seis relatores na mesa de debate Revolución dixital no traballo.

Entre as empresas máis implicadas tamén se atopan Gadis, Intasa e R, todas elas patrocinadoras do evento. A operadora de cable, ademais, participará na programación con obradoiros de robótica para os máis novos e unha charla para pais e avós sobre o uso de internet que fan a mocidade. PALEXCO, Cega, Lexus, Auren, Plam e Lifesice son empresas que tamén colaboran para que a Mobile Week Coruña supere as 100 actividades ao longo de sete días. Ademais, o evento conta co apoio e patrocinio do Concello da Coruña, a Xunta de Galicia, a través de AMTEGA, e a Deputación da Coruña. Todas elas tamén participan con eventos na programación da Mobile. Outras institucións como a Universidade da Coruña, o CESGA ou o Club Financeiro Atlático tamén se sumaron á iniciativa.

09/11/201808:11
Tres mozas comprobando o funcionamento dunha impresora 3D.
Pontevedra

A comunidade da UVigo convértese en creadora de deseños de impresión 3D

A Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación acolle estes días (até decembro) un curso que pon á comunidade universitaria ao tanto das últimas novidades en impresión 3D, en palabras da organización “un eido de moitas posibilidades, agora que se espallan e se afianzan plataformas de software libre que permiten empregar deseños novos ou adaptar creacións xa existentes, ou mesmo replicar unha impresora, elaborar prototipos ou reparar equipamentos”. Trátase do curso Iniciación á impresión 3D con materiais innovadores, que conta coa presenza (impartindo teoría e, sobre todo, práctica) dos técnicos da UVigo Vicente López Díaz, Txapu, e José Manuel Rodríguez. 

O obradoiro, que dá continuidade a experiencias formativas anteriores, pon o foco en cuestións como a evolución vivida nos últimos anos no eido da impresión tridimensional, “xa que hai un anos basicamente traballabas con dous tipos de filamento e agora existen moitos máis materiais, como filamentos con partículas metálicas ou filamentos imitando a madeira”, salientan os responsables do taller, que ten como primeiro obxectivo “que o alumnado lle vaia perdendo o medo a esta tecnoloxía a través dunha abordaxe fundamentalmente práctica”, que abrangue desde probar como funcionan os distintos materiais ao manexo de plataformas nas que descargar ou modificar deseños xa realizados para impresoras 3D ou a preparación de deseños propios.
 
Este curso de iniciación ao 3D forma parte da oferta de obradoiros impulsada para o primeiro cuadrimestre pola Vicerreitoría do Campus, que recentemente impulsaba tamén, ao abeiro do Campus Crea, cinco novos talleres, de balde e abertos ao conxunto da comunidade universitaria. Tres deles, o Obradoiro práctico de cociña saudable para cerebros ocupados, o Curso de iniciación á robótica educativa e o taller Fab-Lab no campo expandido. Planificar-construír manteñen aberto até hoxe o período de inscrición, existindo tamén prazas vacantes tanto no curso O viño: ciencia, cultura e territorio, que se desenvolverá os días 15, 19 e 22 na Casa das Campás e no Pazo de Mugartegui, como no taller A gamificación como ferramenta de innovación e motivación na aula, que se desenvolverá do 22 ao 30 de novembro na Aula Tecnolóxica da Vicerreitoría.
09/11/201807:11
Edificio atlanTTic.
Vigo

AtlantTIC mostra á sociedade o seu traballo nunha xornada de portas abertas

Este 9 de novembro celébrase en Vigo unha cita de gran relevancia para a nosa comunidade investigadora, docente e empresarial. E, tamén e sobre todo, para a mocidade que estea valorando a posibilidade de percorrer, no futuro, unha carreira vencellada ás novas tecnoloxías e ao científico. Estamos a falar da xornada de portas abertas do centro de investigación AtlantTIC do Campus de Vigo, centrado en Tecnoloxías da Información e a Comunicación (CITIC). Na cita calcúlase que participen máis de 250 persoas. Trátase dun evento de balde con actividades para todos os públicos, incluíndo visitas guiadas a espazos salientables do centro.

A visita intégrase no programa de actividades de divulgación científica e tecnolóxica Ciencia Singular, creado para amosar á sociedade o traballo desenvolvido nos tres centros singulares de investigación da universidade viguesa: AtlantTIC, o Centro de Investigación Mariña (CIM) e o Centro de Investigacións Biomédicas (CINBIO).

O encargado de levar a cabo as actividades será o persoal dos grupos de investigación que conforman o devandito centro TIC. Os residentes en AtlantTIC farán un percorrido pola actividade e os cometidos do centro, mostrando o traballo dos laboratorios e os equipos que estes acubillan. Como dixemos, tamén haberá obradoiros, experimentos e actividades, tocando temas candentes como a impresión 3D, a fabricación de placas de circuíto impreso (PCB), as redes de comunicación 5G, as comunicacións ópticas, as ferramentas de análise forense, as apps educativas para facilitar a expresión oral, a Intelixencia Artificial aplicada á comunicación, a demostración de recoñecemento da fala e de persoas en contidos audiovisuais e os nanosatélites. 

Engadirase ao devandito unha visita guiada ao laboratorio de seguimento de satélites, que conta cun gran número de antenas e un equipamento electrónico que permite participar en todas as etapas que seguen ao lanzamento dunha misión espacial. Amais, haberá outra visita aos laboratorios de acústica, onde as e os visitantes poderán coñecer a cámara semianecoica e distintos equipamentos.

08/11/201813:11
Inauguración do curso Aplicación das TIC á xestión dos aproveitamentos forestais e ás relacións coas administracións.
Pontedeume

A Xunta impulsa en Pontedeume a formación en novas tecnoloxías dos profesionais da industria forestal galega

  • O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, inaugurou hoxe un curso no que se aborda a aplicación das TICs á xestión dos aproveitamentos forestais e ás relacións coas administracións
  • Lembra que a través da Lei de implantación empresarial se facilita a simplificación administrativa, eliminando, con carácter xeral, a autorización das cortas e poñendo en marcha unha plataforma en liña para realizar as xestións
  • No distrito forestal de Ferrol cortáronse o ano pasado preto de un millón de m3, o 97% de particulares
  • A iniciativa que hoxe bota a andar, organizada por Fearmaga, conta co apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria no marco da Estratexia de formación da industria forestal, que impulsa a especialización de máis de 5000 persoas
  • Dentro desta folla de ruta, hoxe publícanse no DOG as axudas para o desenvolvemento de 24 actividades formativas e 23 de divulgación, con apoios por máis de 180.000 euros

 

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, salientou hoxe en Pontedeume na inauguración do curso Aplicación das TIC á xestión dos aproveitamentos forestais e ás relacións coas administracións, que, a través da Lei de implantación empresarial a Xunta favoreceu a creación da xanela única e a eliminación, con carácter xeral, da autorización das cortas e a súa substitución por unha comunicación previa (declaración responsable) para reducir os prazos administrativos.

Esta medida veu acompañada da posta en marcha dunha plataforma de comunicacións e autorizacións de aproveitamentos forestais que facilita a tramitación, un aspecto clave segundo Lema, tendo en conta que a maior parte dos vendedores son propietarios individuais e persoas físicas. Así, no distrito forestal de Ferrol cortáronse o ano pasado 996.000 m3, dos cales o 97% eran de particulares.

Segundo os datos da Consellería do Medio Rural, en menos de catro meses, esta plataforma en liña recibiu 17.130 solicitudes, o que se traduce nuns 155 trámites diarios. Deles, a maioría son declaracións responsables, o trámite máis rápido xa que o solicitante non ten que esperar unha resposta da administración.

O curso que hoxe bota a andar está impulsada pola Federación Empresarial de Aserradores y Rematantes de Madera de Galicia (Fearmaga) co impulso da Xunta, no marco da Estratexia de formación da industria forestal de Galicia, elaborada coa participación das principais asociacións representativas deste ámbito, e que permitirá impulsar a especialización de máis de 5000 profesionais cunha oferta formativa á medida. búscase dar resposta ás necesidades das empresas e facilitar a adaptación dos traballadores á incorporación da última tecnoloxía.

Dentro desta Estratexia, hoxe publícanse no DOG as axudas para o desenvolvemento de 24 actividades formativas e 23 de divulgación, con axudas por máis de 180.000 euros e das que se benefician sete entidades, entre as que se atopa Fearmaga. Ademais, Xera incorporará dous simuladores portátiles de procesadora e autocargador forestal para a formación dos profesionais do sector forestal de Galicia.

08/11/201809:11
Unha nena utiliza un teléfono móbil dentro dun coche.
Madrid

Unha app que axuda a adestrar a nenos e maiores con discapacidade auditiva

O adestramento para mellorar a discriminación auditiva é unha parte moi importante para mellorar a calidade de vida de persoas cunha discapacidade auditiva, xa que lles axuda na súa comunicación.

Ese labor, que normalmente requiría de terapias con especialistas, agora pódese realizar dunha forma divertida, gratuíta e en calquera lugar grazas á aplicación Mínimo, desenvolvida por Fundación Vodafone España, Entha, a Fundación Dálles a Palabra e Aptent.

A app está deseñada tanto para nenos como para adultos e persoas maiores, de feito, está pensada para o seu uso como unha ferramenta para logopedas, audioprotesistas e outros profesionais da audición e a fala.

O funcionamento da aplicación é sinxelo. Ao usuario apareceranlle imaxes de palabras que son parellas mínimas, é dicir, que só difiren nun fonema, como 'folla' e 'hora', 'man' e 'mono', ou 'misa' e mesa'.

O usuario escoitará as dúas palabras e, a continuación, só una delas de forma aleatoria. Nese momento, deberá pulsar sobre a imaxe da palabra que escoitou.

Con este sinxelo exercicio, os usuarios, moitos deles nenos, lograrán mellorar a súa capacidade de discriminación auditiva, mellorando a súa habilidade comunicativa e supoñendo, ao fin e ao cabo, unha clara mellora na súa calidade de vida.

A aplicación Mínimo está dispoñible de forma gratuíta tanto en Google Play para dispositivos Android, como na App Store para terminais de Apple.

1 mes 1 profesión dixital
Cidade da Cultura, Monte Gaiás s/n, Santiago de Compostela

I Feira de Innovación USC-ABANCA

A Universidade de Santiago de Compostela e ABANCA unen as súas forzas para organizar a I Feira da Innovación USC-ABANCA, que terá lugar os vindeiros 27 e 28 de novembro na Cidade da Cultura.

O evento servirá para amosar o compromiso das dúas entidades no desenvolvemento do país, nunha xornada de portas abertas que achega á cidadanía a oferta formativa, investigadora e de transferencia de coñecemento de USC e ABANCA, así como a súa aposta decidida por difundir a cultura emprendedora entre os estudantes universitarios.

Entre as actividades que poderán atopar os visitantes ao longo das dúas xornadas, figuran as exhibicións de diferentes tecnoloxías empregadas no eido da investigación (impresión 3D, drons, robots, lentes 3D...), exemplos de spin-offs xurdidas a partir da labor investigadora da Universidade, presentación de patentes, obradoiros de emprendemento, charlas e conferencias divulgativas e toda unha serie de contidos ligados á comunidade universitaria e de interese para o colectivo de estudantes, docentes, empresas e a sociedade en xeral.

Na programación da feira intégrase tamén o III Campus Abanca, con obradoiros e relatorios sobre os retos da transformación dixital, a industria 4.0 e as profesións do futuro.

08/11/201808:11
Logo SmartPeme Pontevedra.
Pontevedra

A Deputación de Pontevedra ofrece en novembro 38 actividades de formación dixital

SmartPEME, o programa de capacitación tecnolóxica para PEME, profesionais e autónomos da Deputación de Pontevedra, regresa este mes de novembro con novas actividades dirixidas a facilitar a dixitalización e a competitividade. En total, estamos a falar de 38 accións formativas a desenvolver nas oficinas de SmartPEME en Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas, Vigo, A Estrada e Barro. As inscricións nos devanditos obradoiros pódense facer no número de teléfono 886 20 20 20, o correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou a páxina web www.smartpeme.depo.es

Todas estas citas teñen o nexo común de facilitar “a adaptación das empresas e proxectos emprendedores da provincia ao novo escenario dixital no que desenvolver as súas actividades e aproveitar as ferramentas existentes co obxectivo de aumentar a súa competitividade”.

As oficinas de Vigo, Ponteareas e Porriño acollerán en conxunto 21 cursos; a sede da Deputación en Pontevedra outras sete; o Centro ExpoSalnés de Cambados tamén sete; e o viveiro de empresas Lalín 2000 tres máis.


Vigo
As quendas para o mes de novembro na oficina de Vigo comezaron este martes con Mellora a túa presenza online promocionando o teu blog. A seguinte acción será Desenvolve a túa propia estratexia de email marketing, o xoves 8. O curso Mellora o impacto da túa web grazas a Google Analyticschegará a Vigo o martes 13 ás 18:00 horas. O xoves desa mesma semana, ás 19:00 horas, impartirase Como utilizar Instagram para promover a túa empresa. O 20 de novembro, ás 17 horas, será a quenda de Facebook para promocionar o teu negocio turístico. O 22, ás 19 horas, celebrarase a acción Crea as túas fotografías para a campaña de Nadal. E, para rematar, Vende os teus produtos en Facebook e Instagram celebrarase o 27 de novembro, tamén ás 19 horas. A oficina SmartPEME de Vigo, na sede da Deputación da cidade, atópase na Rúa Oporto, nº 3.


Pontevedra
As quendas son as seguintes: Facebook para promocionar o teu negocio turístico. O xoves, 8 de novembro ás 18 horas, será a quenda de Crea e explota un CRM para a túa empresa desde cero. O curso Consideracións á hora de crear o teu modelo de negocio impartirase o xoves 15. O martes 20, á mesma hora, terá lugar Vende os teus produtos en Facebook en Instagram. Esa mesma semana, o 22 tamén á mesma hora, vaise impartir o obradoiro Desenvolve a túa propia estratexia de email marketing. O curso Aprende a usar correctamente Facebook para empresas chega o 27 de novembro, tamén ás 19:00 horas. Por último, o xoves 29, impartirase Crea as túas fotografías para a campaña de Nadal, á mesma hora. A oficina SmartPEME de Pontevedra, no edificio administrativo da Deputación, atópase na Gran Vía de Montero Ríos.


Ponteareas
A oficina de Ponteareas acollerá os seguintes obradoiros: Aprende a usar correctamente Facebook para empresas, este martes ás 19:00 horas. O 8 de novembro, ás 19 horas, desenvolverase Vende os teus produtos en Facebook e Instagram. O martes da seguinte semana, ás 17 horas, esta vez na sede da Asociación de Empresarios de Mos (AEMOS), impartirase Linkedin: a túa rede de networking. A seguinte será Mellora a túa páxina web e posicionaa en buscadores, o martes 20 ás 18 horas. A quenda de Plan de marketing en liña para empresas turísticas será o xoves 22 de novembro, ás 17 horas. Por outra banda, o martes 27 ás 19 horas, terá lugar o obradoiro Crea as túas fotografías para a campaña de Nadal. E, xa por último, o xoves 29 ás 19:00 horas, Consideracións á hora de crear o teu modelo de negocio será a acción que impartirá o persoal do programa. A oficina SmartPEME de Ponteareas, no Centro de Desenvolvemento Local, atópase en Lomba do Cruceiro, nº 5.


O Porriño
A oficina do Porriño acollerá os seguintes obradoiros: Desenvolve a túa propia estratexia de email marketing. Plan de marketing en liña para empresas turísticas o xoves, 8 de novembro, ás 17 horas. O martes 13, ás 18 horas, impartirase Crea e explota un CRM para a túa empresa desde cero. A acción Crea as túas fotografías para a campaña de Nadal será o xoves desa mesma semana, ás 19:00 horas. O 20 de novembro, á mesma hora, será a quenda de Aprende a promocionar a túa empresa con Pinterest. O 27, tamén ás 19:00 horas, impartirase o curso Escolle o hosting máis adecuado para as túas necesidades. E, por último, o 29 de novembro á mesma hora terá lugar Aprende a usar correctamente Facebook para empresas. A oficina SmartPEME do Porriño, no Multicentro, atópase na rúa Ribeira, s/n.


Cambados
As quendas para o mes de novembro son as seguintes: Escolle o hosting máis adecuado para as túas necesidades. O día 8, ás 19 horas, Desenvolve a túa propia estratexia de email marketing. Por outra banda, Crea e explota un CRM para a túa empresa desde cero terá lugar o martes 13, ás 18 horas. O 20 de novembro, ás 19 horas, levarase a cabo Fotografía gastronómica: trucos para conseguir unhas fotografías deliciosas. Esa mesma semana, o día 22 á mesma hora, será a quenda de Xestión da túa empresa: Facturación e ferramentas integradas. A semana seguinte, o 27 ás 17 horas, chega Estratexias de marketing para a túa empresa turística. Por último, Aprende a usar correctamente Facebook para empresas chegará o día 29, ás 19:00 horas. A oficina SmartPEME de Cambados, no Centro ExpoSalnés, atópase no Paseo da Calzada, s/n.


Lalín
A primeira cita do mes na oficina SmatPEME de Lalín ten lugar o xoves, 8 de novembro, ás 19:00 horas co curso Fotografía gastronómica: trucos para conseguir unhas fotografías deliciosas. Tras este primeiro obradoiro, o 13 de novembro ás 17 horas, impartirase Estratexias de marketing para a túa empresa turística. E, por último, o mércores 28 de novembro ás 19 horas, esta vez no viveiro de empresas de A Estrada, celebrarase o curso Unifica a xestión das túas redes con Hootsuite. A oficina SmartPEME de Lalín, no Viveiro de Empresas situado no Polígono Lalín 2000, atópase na parcela E deste espazo.


Datos sobre o Proxecto SmartPEME
SmartPEME é un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das PEME e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos eidos de actuación e acada novos grupos de interese coma os emprendedores, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos. 

O devandito obxectivo, nas oficinas do Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas, Vigo, A Estrada e Barro, abrangue as seguintes actividades: itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as PEME e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.

07/11/201813:11
CricktoGame.
Vigo

CricktoGame, o primeiro xogo galego para a Nintendo Switch

Polygon.e Studios estrea hoxe na Nintendo eShop o primeiro xogo galego para a Nintendo Switch, CricktoGame, título que pode adquirirse a 4,99 euros, aínda que durante a xornada de hoxe mantén un desconto de lanzamento do 20%.

CricktoGame: Nintendo Switch Edition é un xogo de quebracabezas cada vez máis desafiantes, que consisten basicamente en emparellar cores nun taboleiro formado por camiños, casiñas e fichas de cores. Todas as casiñas, agás unha, teñen unha ficha enriba, e o xogo consiste en mover as fichas dunha en unha até conseguir que cada ficha dunha cor estea sobre unha casiña da súa mesma cor.

Para enfrontarse aos retos de CricktoGame podemos optar polo seu modo historia (no que iremos percorrendo lugares históricos resolvendo quebracabezas), polo seu modo arcade (no que podemos abordar unha ampla variedade de quebracabezas para desbloquear máis e poder xogar sen a presión do tempo), o modo batalla (no que nos enfrontaremos a outros xogadores) e incluso contaremos cunha selección de retos diarios, semanais e mensuais para gañar recompensas.

Pode xogarse na Nintendo Switch nos seus distintos modos (coa consola conectada ao televisor, en modo tableta ou en modo handheld).

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS