main content

main content
24/10/201812:10
O reitor Antonio López nun momento da súa intervención. Foto: Servimav-USC.
Santiago de Compostela

Inicia a súa actividade na USC BioIncubatech, primeira incubadora de alta tecnoloxía especializada en biotecnoloxía de Europa

BioIncubaTech, Incubadora de Alta Tecnoloxía para o fomento da innovación e transferencia de biotecnoloxía no ámbito da saúde e as tecnoloxías alimentarias ás micropemes, é a primeira incubadora especializada en Biotecnoloxía de Galicia. Esta é unha proposta impulsada pola USC en colaboración con Uninova e a Cámara de Comercio de Santiago de Compostela que conxuga dotación de infraestruturas e programas de incubación para conseguir atraer talento emprendedor e resultados de investigación de todo o mundo a Galicia. 

BioIncubaTech presentouse publicamente e iniciou as súas actividades este martes 23 no Edificio Emprendia no transcurso dun acto institucional presidido polo reitor Antonio López, e no que tamén participaron o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde; o director xeral da Fundación INCYDE, Javier Collado Cortés; o presidente da Cámara de Comercio, José Sierra; e o conselleiro delegado de Uninova, Vicente Pérez Muñuzuri. Tamén estivo presente a directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey Vilar. Ademais, a xerenta do Clúster Empresarial de Ciencias da Vida (Bioga), Loli Pereiro moderou unha mesa na que se presentaron experiencias relevantes da man das empresas incubadas na USC Sunrock Biofarma, Tastelab, I-grape e Savelo Química Industrial. 

O reitor Antonio López subliñou o orgullo da USC por ter podido incorporar aos espazos universitarios este proxecto de alcance internacional polo que se constitúe esta incubadora especializada en biotecnoloxía. A súa posta en marcha dá continuidade a iniciativas que se remontan vinte anos atrás coa posta en marcha de Uninova ou Unirisco, xermolos que alentaron o que hoxe é unha realidade e que redundarán na mellora das condicións de vida da sociedade. 

Mentres que José Sierra salientou a necesidade de relacionar investigación e industria e empresa, como algo “básica para a economía de calquera país”, Javier Collado trasladou os seus parabéns e a súa satisfacción e orgullo porque “creo que temos acertado coa concesión deste proxecto”, do que destacou que é “o único proxecto de Europa de incubadoras de alta tecnoloxía”. Para pechar o acto, o conselleiro Francisco Conde agradeceu o compromiso de Javier Collado e da Fundación INCYDE co tecido produtivo do Estado e de Galicia. Nesta incubadora compaxínase “talento e vocación de emprendemento” achegado, respectivamente, pola USC e por Bioga e a Cámara de Comercio. 

O proxecto acadou a máxima puntuación da convocatoria da Fundación Instituto Cameral para a Creación e Desenvolvemento da Empresa (Fundación INCYDE) e será financiada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) con 1,48 millóns de euros. Ademais, a iniciativa conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación por tratarse dun proxecto aliñado cos obxectivos da RIS3 e da Estratexia de Impulso á Biotecnoloxía 2020. Na base de BioIncubaTech atópanse as capacidades, infraestruturas científicas e coñecemento disruptivo no campo da biotecnoloxía da USC, refrendado por apostas institucionais estratéxicas como pode ser Campus Vida. 

Inicio das actividades 
Esta xornada inaugural estaba dirixida a emprendedores/as e pequenas e medianas empresas do sector biotecnolóxico, a saúde e as tecnoloxías alimentarias. A presentación permitiulles coñecer os oito módulos de incubación dispoñibles en Emprendia, así como as instalacións de infraestrutura científico-técnica centralizada, que inclúe unha sala de cultivo celular, outra de bioloxía molecular e unha sala branca. Ademais, BioIncubaTech ofrecerá acceso preferente a infraestruturas científicas da USC. 

Esta incubadora especializada consta dunha primeira fase de dotación e mellora de infraestruturas para cubrir as necesidades específicas da creación e primeiras fases de vidas das empresas deste sector. Tamén despregará todo un abano de programas de apoio á creación e maduración de novas empresas agrupados en catro eixos de actuación: fomento da transferencia de coñecemento e innovación; captación de talento directivo; cooperación e despregue internacional; e consecución de recursos financeiros. 

Obxectivos 
Entre os obxectivos da súa actividade, esta incubadora propiciará a creación de micropemes nos sectores de biotecnoloxía en ciencias da saúde e de biotecnoloxía alimentaria, así como a mellora da competitividade das empresas dos sectores bio, ciencias da saúde e tecnoloxías alimentarias a través da transferencia de tecnoloxía e o desenvolvemento de accións de incubación, fomento da innovación, mentoring, networking e accións de comunicación e promoción. 

Outros dos fins desta incubadora serán a transferencia da tecnoloxía real ao sistema produtivo, producindo o dobre efecto de mellora da competitividade, pero tamén de sustentabilidade da propia acción de I+D+i; así como o acompañamento das empresas no proceso de internacionalización das súas cadeas de valor, fomentando, o alcance de acordos tecnolóxicos e comerciais con partners estratéxicos nacionais e internacionais, o desenvolvemento de clientes ao longo de todo o globo e, en definitiva, a ser actores relevantes nos mercados globais. Finalmente, a incubadora buscará o impulso da internacionalización das actividades de investigación e desenvolvemento, especialmente no ámbito da transferencia de tecnoloxía, a colaboración inter e intrasectorial, a captación de talento e o uso compartido de equipamentos punteiros.

24/10/201811:10
Cartel do evento.
Santiago de Compostela

A V Xornada de Usuarios de R en Galicia desenvólvese este xoves en Matemáticas

A Facultade de Matemáticas acolle este xoves 25 a V Xornada de Usuarios de R en Galicia, que pretende ser un punto de encontro para todas aquelas persoas interesadas en intercambiar as súas experiencias e atopar colaboracións do resto da comunidade. A inscrición é de balde e de libre acceso. 

Organizada pola Oficina de Software Libre do CIXUG e patrocinada pola AMTEGA coa colaboración da Asociación de Usuarios de Software Libre da Terra de Melide (MeLISA) e da Facultade de Matemáticas, coa xornada trátase de promocionar e difundir o coñecemento libre da linguaxe estatística R e mostrar as súas aplicacións. 

programa contempla diversos relatorios ao longo de todo o día, ademais de dous obradoiros, un deles para usuarios noveis impartido por Mª José Ginzo Villamayor, do Departamento de Estatística, Análise Matemática e Optimización da USC (a actividade enmárcase dentro do Sistema Titorial da Facultade de Matemáticas), e outro máis avanzado impartido por María Aurora Baluja González, do Servizo de Anestesioloxía e Reanimación do CHUS. 

Entre os participantes figuran especialistas de empresas como Finsa, Improving Metrics ou Abanca e da Administración como o Instituto Galego de Estatística, a Dirección Xeral de Saúde Pública e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA). Tamén haberá presencia de investigadores do CESGA, do ITMATI e de Gradiant así como profesores do eido da Estatística a e Investigación Operativa das tres universidades galegas e alumnado do programada de Doutoramento en Estatística e Investigación Operativa.

24/10/201811:10
Participantes no mestrado.
A Coruña

EBF prepárase para iniciar o seu mestrado de creación de videoxogos na Coruña

European Business Factory confirma que o vindeiro 26 de outubro abrirá as portas á primeira promoción do primeiro mestrado en creación de videoxogos na Coruña, estando aínda aberta a matrícula ao mesmo até o 7 de novembro (quedando 3 prazas libras).
O Mestrado de Ideación, Deseño, Desenvolvemento e Venda de Videoxogos na Coruña formará durante un ano sobre desenvolvemento de videoxogos, deseño artístico, xeración de ideas, marketing e empresa a través da innovadora metodoloxía KAOSPILOT. Pretenden que os participantes comecen sendo alumnos e remate desenvolvendo o seu primeiro videoxogo como un estudio tutelado polos profesores que converterase no seu traballo de fin de mestrado.

Este mestrado está dirixido a persoas que queiran somerxerse na industria do videoxogo, para o que combinarán formación sobre a historia dos videoxogos, o desenvolvemento con Unreal Engine, guión, música, Game Design, Maya, Z-Brush, marketing e empresa en horario de fin de semana, para que os participantes poidan combinar a formación con outras actividades.

24/10/201808:10
Entrega de premios do campionato de eSports Unificados celebrado en xuño.
Madrid

Unha liga de eSports para persoas con discapacidade

  • A tecnoloxía permite que moitas persoas con discapacidade tamén gocen dos videoxogos e levou á Fundación Telefónica, a Special Olympics, a PlayStation e a Movistar eSports a crear a primeira liga de eSports Unificados do mundo.

 

Nesta modalidade de xogo participan tanto persoas con discapacidade intelectual como persoas que non teñen discapacidade, e fano por parellas competindo no FIFA 2019.

A liga comezará o 17 de novembro e terá unha duración total de 6 xornadas, nas que os 32 equipos, formados por persoas con e sen discapacidade, competirán co obxectivo de alcanzar a gran final que se xogará en Madrid o 9 de marzo de 2019.

Cada equipo estará formado por dous xogadores, unha persoa con discapacidade intelectual deportista de Special Olympics Madrid, e unha persoa sen discapacidade intelectual, voluntario ou familiar da Fundación Telefónica ou PlayStation.

Ademais dos participantes, outros 28 voluntarios de Telefónica e outros tantos de PlayStation participarán en cada xornada como árbitros, adestradores ou dando apoio loxístico.

Como antesala a esta liga, en xuño celebrouse o campionato de eSports Unificados no que tamén participaron 32 parellas.

Esta liga é un gran paso para buscar a integración e normalización das persoas con discapacidade, e debería servir de impulso para mellorar a accesibilidade das consolas de videoxogos.

24/10/2018De 10:30 a 12:00 h
1 mes 1 profesión dixital
Online

Que é Facebook e como se utiliza. Busca e participa en grupos do teu interese

Todos oímos falar de Facebook e a gran maioría ademais posuímos unha conta, pero non todos coñecen todas as posibilidades de lecer, aprendizaxe e comunicación que nos ofrece.

Neste curso aprenderás a estar en contacto con familiares e amigos, compartir información con eles e a manterte informado dos temas do teu interese.
 

Contenidos:

  • Cóntalle ao mundo os teus intereses, proxectos e experiencias, compartindo publicacións, imaxes, vídeos e moito máis.
  • Mantén o contacto cos teus de forma privada a través do chat.
  • Aprende a seguir a persoas de actualidade e empresas para estar ao tanto de todas as súas novidades.
  • Únete a grupos do teu interese.

Exprésate e relaciónate co mundo sen saír de casa a través de Facebook!

24/10/201807:10
Muller de costas usando un smartphone.
Santiago de Compostela

A Xunta participa nunha investigación sobre o emprego de novas tecnoloxías na atención a mulleres inmigrantes vulnerables

  • A proposta consistiu en reforzar a atención persoal nas terapias psicosociais mediante o envío de mensaxes de telefonía móbil a 75 mulleres que formaron parte desta experiencia piloto
  • A investigación, na que tamén están implicadas as universidades estadounidense de Berkeley e a portuguesa de Coimbra, constata un impacto positivo xeneralizado no grupo obxecto do estudo
  • Arturo Parrado destacou que esta liña de traballo pode contribuír a mellorar as oportunidades de inclusión, pero defendeu a súa valía como complemento e reforzo do trato persoal
  • Este recurso debe ser complementario ao trato persoal

 

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado Puente, acudiu hoxe na Escola Galega de Administración Pública (Egap) á presentación das principais conclusións dun proxecto de investigación sobre as vantaxes da utilización dos teléfonos móbiles nas terapias psicosociais, e o seu funcionamento como reforzo á intervención que realizan os traballadores sociais. Trátase dun estudo de carácter internacional liderado pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) coa participación das de Coimbra e California-Berkeley, e no que a Administración autonómica colaborou coa selección das 75 mulleres inmigrantes beneficiarias dos servizos sociais comunitarios que participaron na intervención, todas elas residentes nos municipios de Santiago, Ames, Teo e Negreira.

A tenor dos resultados, Arturo Parrado indicou que este tipo de terapias a través de SMS evidencian un impacto positivo xeneralizado nas mulleres que participaron nesta experiencia piloto, constatando que durante o período que recibiron o tratamento a súa evolución foi moi favorable. De feito, a maioría das mulleres manifestaron que as mensaxes melloraron o seu estado de ánimo (83,3%), que as fixo sentir máis conectadas coa súa contorna social (65,9%) e que lles gustaría seguir recibindo máis mensaxes (86,6%).

Ademais, o director xeral comprometeu o apoio do seu departamento a esta liña de investigación ao considerala “unha oportunidade de innovación social que pode contribuír a mellorar as posibilidades de inclusión das persoas en situación de vulnerabilidade”. En todo caso, matizou que se trata dun recurso que debe ser complementario ao trato persoal, insistindo en que “o principal valor desta terapia é ofrecer unha opción innovadora de reforzo das intervencións dos profesionais dos servizos sociais”. Nesta liña, engadiu que esta investigación “abre novas vías de apoio ás persoas usuarias dos servizos sociocomunitarios pero o contacto humano segue tendo unha importancia esencial nesta terapia, que debe ir sempre precedida e acompañada de entrevistas persoais, chamadas telefónicas e visitas domiciliarias, entre outras accións”, apuntou.

O estudo prolongouse durante 26 días durante os cales as mulleres participantes recibiron catro mensaxes de texto automáticos diarios no seu teléfono nun horario predeterminado. Estas mensaxes serviron para medir os síntomas de estado de ánimo e depresión tanto ao inicio como ao final do estudo en función das respostas obtidas. Para iso, as contestacións rexistradas clasificáronse en catro grandes troncos temáticos. O primeiro deles centrouse no pensamento, con comentarios sobre mellorar o seu estado de ánimo; o segundo na organización e planificación da vida cotián; o terceiro cinguiuse á cuestións relacionadas co acompañamento e a mellora das relacións familiares e sociais; e o cuarto e último versou sobre hábitos saudables. Así as cousas, a investigación determina que as mensaxes de texto incrementan a adherencia aos consellos, orientacións e tarefas asignadas como complemento dunha intervención psicoterapéutica ‘faciana a faciana’.

Este é un proxecto desenvolvido por un equipo universitario que ten como investigadora principal a Iolanda García, graduada en traballo social e actualmente vinculada ao departamento de Ciencias da Comunicación da USC. Os outros membros do equipo son Carlos Ferrás, profesor de Xeografía Humana da USC; Adrián Aguilera, profesor de Psicoloxía Clínica da Escola de Benestar Social da Universidade de Berkeley-California; e Álvaro Rocha, profesor de Enxeñería Informática da Universidade de Coimbra. Ademais, esta intervención levada a cabo en Galicia partiu das experiencias previas levadas a cabo no hospital de San Francisco, que foi onde se desenvolveu por primeira vez a terapia cognitiva e de conduta a través de mensaxes de teléfono móbil. Esta acción estivo dirixida inicialmente a mulleres en situación de risco ou depresión.

24/10/201807:10
Finde.U.
Vigo

As empresas de novas tecnoloxías copan Finde.U

Finalmente comezou a súa andaina, até mañá, a nova edición (a terceira) da Feira Internacional de Emprego, Finde.U, impulsada conxuntamente polas universidades de ámbalas beiras da raia galego-portuguesa e con vistas a catapultar laboralmente as e os estudantes dos dous países irmáns en empresas innovadoras da contorna. Segundo informou a Universidade de Vigo, unha das entidades organizadoras, a feira está a xuntar no IFEVI 70 expositores, entre empresas e universidades, amais de 650 estudantes e persoas egresadas inscritas (cifra que se irá incrementando a medida que pasen as horas). 

O evento, un recurso de primeira man para facer entrar en contacto a contratadores e contratados (e para que os currículos cheguen aos seus destinatarios do mellor xeito posible), conta este ano cunha especial presenza de empresas das novas tecnoloxías da información.

A nivel xenérico, entre as firmas presentes están Aluminios Cortizo, ABANCA, Banco Mediolanum, ENCE, Garrigues, Hotusa, Pescanova, Leroy Merlin, Nationale Nederlanden, Carrefour, Televés ou ZF Group, entre outras. O programa da feira inclúe unha serie de presentacións corporativas das diferentes empresas e, como novidade, a Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia Norte de Portugal desenvolve o Job Day TIC, coa participación dunha ducia de empresas do sector das Tecnoloxías da Información e da Comunicación de Galicia e Portugal, así como os clústeres TIC de ambas beiras da fronteira. 

Finalmente, mañá mércores desenvolverase a segunda xornada do evento O talento feminino SUMA, que arrancou no Campus de Vigo o pasado 9 deste mes. Nesta sesión as participantes realizarán as súas presentacións de 90 segundos ante responsables de recursos humanos de empresas para presentar a súa marca persoal.

24/10/201807:10
Campus de Ferrol.
Ferrol

As novas correntes de innovación social, polo miúdo esta semana no Campus de Ferrol

O Centro de Investigación en Filosofía da Ciencia e a Tecnoloxía da Universidade da Coruña organiza este 24 de outubro unha xuntanza sobre ferramentas, plataformas, proxectos e solucións de vangarda e con vontade solidaria. O Encontro sobre Innovación Social e Innovación Tecnolóxica terá lugar no salón de actos do Campus de Ferrol a partir das 9:45 horas. Javier Echeverría, investigador no Centro de Innovación Social da Universidade do País Vasco, impartirá a primeira conferencia, Filosofía da innovación e valores sociais nas empresas

Ás 12:00 horas intervirá Elena Castro Martínez, científica titular de Organismos Públicos de Investigación, adscrita ao Consello Superior de Investigacións Científicas, co relatorio Sistemas de innovación: Innovación no sector cultural. As conferencias continuarán pola tarde, con Jorge Barrero, ás 17:00 horas, que falará de Innovación para un futuro máis humano. Barrero, director xeral da Fundación COTEC, foi director xeral do Gabinete da Ministra de Ciencia e Innovación de 2008 a 2012.

Valentín Fernández García, de Telefónica Open Future, actualmente asesor senior en innovación aberta, pechará o encontro ás 19:00 horas coa intervención Innovación aberta: a experiencia de Telefónica.

Esta iniciativa está coordinada polo profesor Wenceslao J. González, do Departamento de Humanidades da Universidade da Coruña (UDC).

23/10/201809:10
Participantes no cuarto Scratch Day.
Santiago de Compostela

O CPETIG derruba fendas dixitais de idade e de xénero no seu cuarto Scratch Day

Este sábado celebrouse na Cidade da Cultura unha cita de gran relevancia para construírmos tecnoloxía en familia e para mostrar a importancia de sermos deseñadoras e programadoras de software, hardware e robótica dende a nenez. Estamos a falar da cuarta edición do Scratch Day, organizada polo Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG), xunto con AMTEGA. A nova entrega da xornada contou coa participación de trinta nenas e nenos e das súas familias. Todas e todos tiveron ocasión de mostrar (e exercitar) o seu talento para, neste caso concreto, programar videoxogos de naves especiais. 

A formación do IV Scratch Day foi impartida pola Asociación Programamos, dedicada a promover o desenvolvemento do pensamento computacional en todas as etapas escolares, a través da programación de videoxogos e aplicacións para móbiles. Segundo informaron, a sesión serviu para difundir os valores da programación informática entre os pequenos da casa, aínda que tamén entre os maiores, facilitando o acceso ao mundo da programación “de maneira lúdica e divertida”. 

O CPETIG engadiu que a cita tamén cumpriu o obxectivo de axudar a eliminar mitos en relación á programación informática e a superar desde a nenez os estereotipos de xénero sobre este área do coñecemento, difundindo as posibilidades que ofrecen as TIC e reducindo a fenda dixital (reflectida nunha maior presenza masculina nas carreiras STEM) que separa as rapazas dos rapaces en materia tecnolóxico-dixital e científica. 


O CPETIG organizou esta formación no contexto da familia por considerar “decisiva a implicación dos pais e as nais”, como “apoio e motivación” para que a rapazada se sinta atraída cara á programación informática, de xeito que esta actividade non sexa unha excepción, senón “o principio dun labor a seguir no fogar”.

23/10/201809:10
Cartel do evento.
Madrid

Entregados os III Premios da Fundación Pilares para a autonomía persoal

Este mércores, 17 de outubro, tivo lugar a Cerimonia de Entrega dos III Premios Fundación Alicerces, que recoñece as mellores experiencias que se están desenvolvendo en España para mellorar a vida das persoas en situación de discapacidade ou dependencia. Entregáronse 7 Premios e un Accésit a Entidades que destacaron polo seu labor de bo coidado e apoio ao mantemento da dignidade e a preservación de dereitos de quen precisa atención continuada.

A Fundación Pilares para a Autonomía Persoal entregou este mércores os seus Premios 2018 ás mellores Boas Prácticas relacionadas co Modelo de Atención Integral e Centrada na Persoa (AICP), desde o que se propugna o bo trato ás persoas maiores e persoas con discapacidade e préstanse apoios para que, a pesar de necesitar atención permanente, poidan seguir sendo as protagonistas da súa vida e a conduzan mantendo a súa autonomía e dignidade.
 
A cerimonia de entrega dos premios tivo lugar o pasado mércores, ás 19.15 horas, no Salón de Actos da Fundación ONCE (Rúa Sebastián Herrera 15, Madrid), despois de finalizar o concorrido "Encontro de Profesionais e organizacións ante a atención integral e centrada na persoa (AICP). Desafíos e oportunidades do cambio de modelo", no que profesionais e expertos tiveron a oportunidade de compartir e debater os últimos avances relacionados coa implantación deste modelo.
 
As seis experiencias que, como mellores Boas Prácticas, seleccionou o xurado e, por tanto, resultaron gañadoras e recibido o Trofeo dos Premios son:
  • Premio na categoría "Servizos e Programas" ao Centro Quart de Poblet polo seu Proxecto "Na miña vida decido eu". O Xurado destaca a pertinente aplicación das técnicas e metodoloxía do modelo, coas que se empodera e fornece apoios ás persoas con discapacidade para que, realmente, poidan ser donas das súas vidas e realicen eleccións orientadas polo seu propio proxecto vital.
  • Premio na categoría de "Innovacións organizativas e metodolóxicas" á Consellería de Benestar Social de Castela-A Mancha e a Asociación Gudcan, polo seu Proxecto "Terapia asistida con cans", realizado en 20 residencias públicas distribuídas por todas as provincias castelá-manchegas. Destacouse polo Xurado a correcta avaliación desenvolvida e os bos resultados obtidos para a calidade de vida das persoas maiores.
  • Premio na categoría de "Deseño e actuacións ambientais e arquitectónicas" a Saraiva polo seu Proxecto "Saraiva Sénior, innovación social centrada nas persoas". O xurado destaca a integralidade deste proxecto, e especialmente a rehabilitación dun edificio no centro histórico de Pontevedra, no que se situaron diferentes programas e servizos, todos eles afastados do modelo institucional clásico e axustados ás necesidades e preferencias das persoas maiores.
  • Premio na categoría de Investigación, Formación e acompañamento á Asociación de Arquitectos "Xubilares", polo seu traballo tanto na difusión do coñecemento sobre as vivendas colaborativas autoxestionadas (cohousing), como pola súa innovación ao incorporar procesos de acompañamento con grupos de persoas interesadas neste modelo de vivenda, seguindo unha metodoloxía eminentemente participativa, orientada segundo a filosofía do modelo AICP.
  • Premio na categoría Produtos de apoio e Tecnoloxías da Información e Comunicación (TIC) á Residencia de maiores "Sierra del Cuera", de Llanes, polo seu Proxecto "Achégate", que promove o incremento das relacións sociais e familiares das persoas residentes mediante as TIC. O Xurado destacou que con este Premio recoñécese tamén as diferentes iniciativas que desde este Centro se realizan para a implementación no mesmo do modelo AICP.
  • Premio na categoría de comunicación á Institución IBADA, polo seu Proxecto "AICP: Suxeicións físicas e químicas: solución ou problema"", mediante o que se traballa na sensibilización e difusión, tanto entre profesionais como entre estudantes, sobre a filosofía do modelo, en xeral, e sobre a necesidade de suprimir suxeicións, en particular.
Durante a cerimonia tamén se fixo entrega do:
  • "Premio máis Popular", á Residencia AMAVIR, de Valdebernardo, polo seu Proxecto "Somos o que facemos", mediante o que, despois de coñecer os intereses e preferencias ocupacionais das persoas maiores, extrapoláronse as mesmas ao ambiente do centro, xerando espazos significativos para as persoas, que poden elixir a súa actividade preferida.
  • E dun ACCÉSIT concedido a INTRESS, polas valiosas experiencias achegadas á Rede de Boas Prácticas da Fundación Pilares, que foron consideradas de gran interese polo Xurado. Valorouse de maneira especial a relevante achega que INTRESS realiza para o desenvolvemento de diferentes áreas do modelo AICP nos seus centros e servizos.
Na cerimonia de entrega dos Premios Fundación Pilares, Dona Teresa Palahí Juan, Secretaria Xeral da Fundación ONCE, deu a benvida á casa como anfitrioa e coorganizadora da Xornada. Tomaron a palabra despois Don Luis Cayo Pérez Bueno, Presidente do CERMI, Entidade representativa do movemento social organizado das persoas con discapacidade e Dona Pilar Rodríguez Rodríguez, Presidenta da Fundación Pilares para a autonomía persoal, que agradeceu a todos a súa colaboración e presenza.
 
Na mesa presidencial tamén estiveron, e repartiron obsequios adicionais ao Trofeo do Premio, Don Gerardo Amunarriz, Director Xeral da Fundación Matia; Don Juan Sitges, Director da Fundación Caser; Don Acisclo Redondo, Vicepresidente de Asispa; Don Joaquín Leizaola Aguirrezabala, Director Xeral de ILUNION Sociosanitario; e Don Juan Carlos Campón, membro do Padroado da New Health Foundation. A cerimonia de entrega de Premios pechouse coa intervención do Director Xeral de Políticas de Discapacidade, Don Jesús Celada Pérez.
 
Todos os presentes encomiaron o labor e os proxectos desenvolvidos polas entidades gañadoras, así como a propia iniciativa de crear a Rede e convocar os Premios Fundación Pilares, que permiten promover, visibilizar, intercambiar e poñer en valor experiencias relacionadas co modelo AICP.
 
Segundo a presidenta da Fundación Pilares, "o feito de que a OMS e outros organismos internacionais adoptaran e propugnen un modelo de atención que sexa integral e estea centrada nas persoas achega seguridade na toma de decisións das entidades públicas e privadas que aposten por seguir esa folla de ruta". A xuízo de Pilar Rodríguez, "o que se avance neste modelo é, ademais dun imperativo ético, unha boa nova para a sociedade porque significa que, aínda que cheguemos a ter situacións de discapacidade ou dependencia, poderemos continuar controlando a nosa propia vida recibindo servizos, coidados e apoios respectuosos coa nosa dignidade e os nosos dereitos. As entidades que hoxe foron premiadas -concluíu- apostaron por transitar ese camiño, incrementando así o número de quen cremos nun modelo que achega metodoloxía e técnicas para o bo trato e para a conversión de centros fríos e institucionalizados en lugares cálidos, modelo fogar, nos que as persoas en situación de dependencia poidan seguir desenvolvendo o seu proxecto de vida.".
 
Máis información na Web da Fundación Pilares.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS