main content

main content
21/09/201812:09
Presentación da iniciativa.
Vigo

En marcha unha comunidade galega para impulsar a revolucionaria tecnoloxía SDR

O centro AtlantTIC e o CINAE (Centro Galego de Innovación Aeroespacial), amais de A Industriosa, están a impulsar unha comunidade para promover a tecnoloxía de Radio Definida por Software (SDR polas súas siglas en inglés), un sistema de comunicación que naceu vencellado aos ámbitos militar e de investigación pero que nos últimos tempos gañou terreo en ámbitos comerciais en relevantes colectivos de seareiros, que atopan rendementos importantes na súa flexibilidade e nas súas facilidades de uso (ao seren radios definidas por software). 

Parte do traballo da comunidade impulsada por AtlantTIC e o CINAE baséase en impulsar o SDR con vistas a achegar azos a outras tecnoloxías: por exemplo as redes 5G, a Internet das Cousas (IoT) ou as redes de sensores. 

O proxecto das ditas entidades, subvencionado polo programa Iniciativa Xove da Xunta de Galicia, ten como obxectivo “dar a coñecer esta tecnoloxía a estudantes de enxeñaría e outros interesados”. A finalidade última é fomentar a “creación dunha comunidade de persoas que se manteña no tempo aprendendo de xeito colaborativo e realizando proxectos en común usando esta tecnoloxía”, explica Anxo Tato, un dos enxeñeiros comprometidos con esta iniciativa.

A primeira das actividades que abrollan do proxecto foi un relatorio que tivo lugar este mércores na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, impartido do enxeñeiro Iago Gómez, responsable da área de UAS de Gradiant, que fixo unha introdución ás plataformas SDR e á súa aplicación na industria, salientando a conveniencia de “implicar neste proxecto ao alumnado e ao profesorado”, xa que a través da tecnoloxía SDR “tamén se reforzan os coñecemento adquiridos no grao en eido como o proceso do sinal”.

Os investigadores sinalan que o SDR é un sistema de telecomunicacións onde gran parte das funcións de procesamento dos sinais transmitidos e recibidos execútanse sobre un procesador, de aí o nome desoftware defined. A clave deste sistema, explica Iago Gómez, “é a flexibilidade”, xa que a diferencia dos sistemas tradicionais, “onde a configuración da radio dependía puramente en configuracións do hardware”, as SDRs permiten modificar parámetros sobre a marcha, como banda de frecuencia, estándar de comunicación usado, modulacións, largo de banda…

A segunda das actividades deste proxecto será un obradoiro de iniciación SDR que se impartirá no local que a Asociación Tecnolóxica A Industriosa. Este curso ofrece dúas edicións de seis horas de duración, unha en setembro (venres 28 e sábado 29) e outra en outubro (venres 5 e sábado 6). Os asistentes aprenderán os fundamentos teóricos desta tecnoloxía e realizarán pequenos proxectos prácticos onde crearán diversos sistemas de comunicacións empregando placas SDR comerciais de baixo custo lanzadas recentemente ao mercado, chamadas Lime SDR Mini. Estes obradoiros serán impartidos por enxeñeiros de Telecomunicación.

21/09/201811:09
O presidente da Xunta durante a rolda de prensa.
Santiago de Compostela

Feijóo avanza a posta en marcha da primeira aceleradora galega do sector aeronáutico, que ten previsto mobilizar 4,75 millóns ata 2021

  • Asevera que o polo de Rozas o forman tres piares: novas infraestruturas por 10M€, un programa conxunto de I+D xunto con Indra e Babcock de 115M€ e solucións tecnolóxicas baseadas en avións non tripulados cun investimento de 24M€
  • Explica que se espera impulsar 19 iniciativas empresariais que poidan “xerar empregos moi cualificados que melloren o tecido do sector aeronáutico en Galicia”
  • Cada proxecto en fase de incubación contará cunha axuda de ata 100.000 euros da Xunta e acceso a investimentos en capital de Indra de entre 50.000 e 500.000 euros
  • As empresas en fase de aceleración accederán a unha liña de financiamento de Xesgalicia de entre 50.000 e 250.000 euros por proxecto e investimentos en capital de 50.000 euros
  • O emprazamento provisional será o Palacio de Feiras e Congresos de Lugo, pero o definitivo será o Centro Público de Innovación no Novo Barrio da Residencia

 

 

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou onte a posta en marcha da primeira aceleradora galega do sector aeronáutico, como parte do polo tecnolóxico-industrial de Rozas e que mobilizará 4,75 millóns de euros en apoio á innovación ata o final de 2021.

O eixo desta aceleradora é o polo tecnolóxico de Rozas, formado por tres piares: as infraestruturas que se están a construír como o Centro de Investigación Aeroportada, cun investimento de 10 M€; o programa conxunto de de I+D, cun investimento de 115M€, 40 da Xunta e 75 das colaboradoras Indra e Babcock; e as solucións tecnolóxicas baseadas en avións non tripulados adquiridas a través de compra pública innovadora, cun investimento de 24 M€.

Durante a rolda de prensa do Consello, Feijóo aseverou que esta aceleradora, que conta co impulso da Xunta e co apoio da Fundación da Confederación de Empresarios de Lugo, o CTAG, Indra e Babcock, terá como obxectivo facilitar a creación e o crecemento de compañías innovadoras no sector aeronáutico de Galicia.

Con este fin, no vindeiro mes de novembro porase en marcha a primeira edición desta aceleradora, á que despois se unirán outras dúas máis. En total, espérase impulsar 19 iniciativas empresariais que poidan “xerar empregos moi cualificados que melloren o tecido do sector aeronáutico en Galicia”, explicou, precisando que despois da convocatoria e da selección de proxectos desenvolveranse dúas fases: a incubación e a aceleración, que non teñen por que ser necesariamente consecutivas.

Sobre a fase de incubación, titular da Xunta subliñou que está dirixida ás empresas en fase temperá, que se atopen entre o nacemento da idea e a validación do modelo de negocio. Respecto ao financiamento, cada proxecto en fase de incubación contará cunha axuda de ata 100.000 euros da Xunta e acceso a investimentos en capital de Indra de entre 50.000 e 500.000 euros.

Por outra banda, a fase de aceleración, que estará dirixida a empresas que xa existen, cun modelo de negocio validado e cunha certa facturación, terá unha duración dun ano, durante o que cada empresa poderá recibir os servizos e o apoio necesario polas súas características. Cómpre salientar que estas empresas accederán a unha liña de financiamento de Xesgalicia de entre 50.000 e 250.000 euros por proxecto e, por parte de Indra poderán recibir investimentos en capital risco ou préstamos desde 50.000 euros por proxecto.

Ao longo da súa intervención, Feijóo resaltou que a nova aceleradora prestará aos proxectos participantes numerosos servizos, entre os que destacan: espazos de traballo e coworking, infraestruturas de proba, acceso ao aeródromo, medios TIC e plataformas de xestión, consultarías técnica e de negocio, apoios na procura e negociación de financiamento, acceso á bolsa de traballo do polo tecnolóxico e industrial de Rozas e formación.

A aceleradora estará aberta tamén a calquera outra institución, empresa ou entidade que desexe colaborar. Así, nesta primeira edición, os colaboradores serán: Delta Vigo, unha das empresas punteiras do sector; Centum, que desenvolve sensores e sistemas de comunicación aeronáuticos; Sixtema, especializada en sistemas de localización e cartografía;a Fundación Kiom, que presta servizos técnicos e de apoio á xestión; o Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial; o centro tecnolóxico Gradiant; e o Consorcio Aeronáutico Galego.

Provisionalmente, situarase no Palacio de Feiras e Congresos de Lugo. Aínda que o emprazamento final da aceleradora será o Centro de Público de Innovación que está programado para o Novo Barrio da Residencia. Sobre este punto, Feijóo aseverou que os orzamentos de 2019 recollerán un investimento de 3 millóns de euros para impulsar a execución deste centro, que xa dispón dun proxecto básico.

21/09/201811:09
II Foro internacional sobre transformación dixital.
Santiago de Compostela

Conde apunta á formación como clave para dar resposta aos novos perfís laborais que demandan as empresas

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, salientou onte que a dixitalización require emprego cualificado, polo que unha das principais liñas de actuación da Xunta neste eido pasa por incentivar a formación nas empresas, para dar así resposta aos novos perfís laborais que xa demanda o mercado de traballo.

Na clausura do II Foro internacional sobre transformación dixital, celebrado no Club Financeiro de Santiago, Conde sinalou que, para axudar á industria e ao tecido empresarial a dar o paso cara á transformación dixital, é preciso apoialos para que incorporen novas tecnoloxías que lles permitan gañar en competitividade e para que os seus traballadores poidan prepararse para eses cambios. Así, apuntou que a Xunta quere poñer os máximos recursos ao alcance de Galicia para implantar a industria do futuro, a través de programas como o de Fábrica Intelixente, os proxectos de Industria 4.0, ou as Unidades Formativas en empresas.

21/09/201810:09
Alumnos nunha aula informática.
Pontevedra

O alumnado de Comunicación de Pontevedra adéstrase na creación de videoxogos

A Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra está a acoller estes días un curso centrado no motor gráfico Unity, a popular contorna de desenvolvemento de videoxogos. O obradoiro, inserido na oferta de talleres da Vicerreitoría para este cuadrimestre, vén da man do grupo de innovación docente ComTecArt (Comunicación, Tecnoloxía e Arte), impulsor o ano pasado (co alumnado da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación) dunha experiencia colectiva para deseñar a primeira fase dun videoxogo sobre A viaxe do elefante de José Saramago. Este labor cooperativo é o xermolo do do curso Uso de motores gráficos-Unity. 

O obradoiro céntrase en familiarizar a alumnado sen coñecementos de programación coas contornas de traballo nas que se desenvolven proxectos de lecer dixital. A actividade formativa, de 30 horas, está dirixida pola profesora de CCSS e da Comunicación Beatriz Legerén e impartida polos docentes Antonio Pena e Luis Fernández. O miolo do curso céntrase no software Unity, un motor gráfico que “serve entre outras moitas cousas para desenvolver videoxogos”, como explica Legerén, que incide en que o obxectivo do curso é que “xente que non é programadora saiba como funciona este motor e como se organizan os contidos”. 

Antonio Pena, profesor da EE de Telecomunicación e responsable de abordar nas primeiras sesións da actividade unha introdución ao funcionamento dos motores gráficos, explica que estes son un tipo de software que “permite traballar a xentes diversas”, como persoas procedentes do ámbito da Comunicación Audiovisual ou das Belas Artes, de tal xeito que, sustentándose no traballo de programadores, outros perfís poidan modificar diferentes variables ou parámetros do xogo. “A idea é dar unha formación básica para logo poder usar o motor gráfico e axustar as cousas que o programador vai preparar”, engade.

21/09/201809:09
Muller tecnóloga.
Madrid

AMETIC participa no proxecto europeo "YOUNG ICT WOMEN"

  • O Proxecto YOUNG ICT Women arrinca este mes co obxectivo de achegar solucións innovadoras para incrementar o número de mulleres novas e mozas en situación vulnerable na axenda dixital

 

O proxecto "YOUNG ICT WOMEN" Innovative Solutions to increase the numbers of EU vulnerable girls and young women into the dixital axenda- (Project Nr. 2017-1-094) iniciou as súas actividades cunha reunión de lanzamento organizada polo líder do proxecto - LITKA (Latvian Information and Communication Technology Association) o pasado 10 e 11 de Setembro en Riga.

O obxectivo do proxecto YOUNG ICT WOMEN é impulsar as competencias dixitais e a empregabilidade das mulleres novas en risco de exclusión laboral.

O proxecto reúne a 10 socios experimentados de 9 países europeos: AMETIC - Asociación do sector TIC en España, Baltic Education Technology Institute - BETI, Lituania, Creative Thinking Development - CRETHIDEV - Grecia, DIGITALEUROPE aisbl, Bélxica, ECDL Ireland Ltd. - Irlanda, Educating for an Open Society - EOS, Romanía, European Centre for Women and Technology - ECWT, Noruega, FUNDACIÓN PLAN INTERNATIONAL, España, LIKTA, Letonia e Malta Communications Authority - Malta.

A iniciativa alcanzará os seus obxectivos a través de campañas de concienciación, asesoramento directo sobre competencias, establecemento de colaboracións innovadoras coas empresas empleadoras, desenvolvemento dunha nova ferramenta online de identificación de perfís, formación e asesoramento laboral no ámbito dixital.

O proxecto YOUNG ICT WOMEN conta cunha subvención de 2.714.304 - do Fondo Islandia, Liechtenstein e Noruega a través de EEA e Norway Grants Fund for Youth Employment

A duración do Proxecto terá unha duración de tres anos: Setembro 2018 - Agosto 2021.

Para máis información consulta a ligazón eeagrants.org/.

21/09/201809:09
Cartel da iniciativa.
Santiago de Compostela

GIRL STEM, unha iniciativa para derrubar os estereotipos de sexo na tecnoloxía

A Asociación Galega de Empresas de Software Libre (AGASOL) e a Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), queren reducir a fenda entre mulleres e homes nos estudos nos campos STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas), nas que o alumnado feminino apenas se sitúa en torno ao 30%. Para iso, poñen en marcha o programa GIRL STEM: derrubando estereotipos, que se desenvolverá nas sete grandes cidades galegas durante os meses de setembro e outubro.

Trátase dun programa de mentoring con mulleres referentes de recoñecido prestixio que, a través de diferentes sesións de traballo, achegarán a súa experiencia ás máis novas, falando da súa traxectoria, clarificando dúbidas e contribuíndo a derrubar estereotipos. Desde o 21 de setembro ata o 19 de outubro haberá diversos encontros entre rapazas da Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) e Bacharelato e mulleres tecnolóxicas referentes nos seus sectores.

O obxectivo do programa consiste en orientar e empoderar ás rapazas con charlas inspiradoras destas directivas e investigadoras que lles falarán do seu traballo, para animar ás máis novas a escoller, se o desexan, titulacións STEM. Este programa forma parte do Plan de Talento Dixital de Galicia, DigiTalent 2020, impulsado pola AMTEGA.

Ademais dos encontros con mulleres referentes, levaranse a cabo outras sesións de sensibilización en institutos, nas que se proxectarán vídeo-testemuñas e tamén se desenvolverán charlas e dinámicas abertas á participación de distintos colectivos con implicación na orientación vocacional das nenas (profesorado, departamentos de orientación, familias, así como nenos e nenas).

 

Mulleres líderes en Ciencia e Tecnoloxía

Na selección das mulleres referentes tívose en conta a súa actividade profesional no ámbito TIC, valorando aspectos como a notoriedade da súa traxectoria, así como a súa repercusión mediática, o seu liderado e participación en proxectos innovadores e habilidades para a motivación grupal. As escollidas finalmente son importantes figuras da Ciencia e a Tecnoloxía galega e española.

Edita de Lorenzo (21 de setembro en Ourense)

Profesora e doutora en Enxeñería de Telecomunicacións pola Universidade de Vigo, foi a primeira muller en dirixir unha escola de enxeñería en Galicia, entre outros importantes logros, como é a súa investigación sobre a aplicación de técnicas de radar de superficie ao problema da detección de cancro de mama, o impulso do dominio .gal (é a secretaria xeral da Asociación PuntoGal) e a fundación, xunto a outras mulleres, da sección española do WIE (Women in Engineering), que forma parte da Asociación IEEE (Institute of Electrical and Electronic Engineering).

Montserrat Guardia (28 de setembro en Pontevedra)

É a directora de Servizos Dixitais do Banco Sabadell, a quinta entidade financeira más grande de España. Acumula máis de 20 anos traballando en novas tecnoloxías e participando na transformación dixital de grandes compañías, como Technip, SchlumbergerSema, e de grandes eventos, como os Xogos PanAmericanos 2007 e o Mundial de Fútbol de 2002. Ademais, é unha gran experta en blockchain, unha das tecnoloxías que maior impacto social terá nos próximos cinco anos, un ámbito no que desenvolve un papel moi activo a través da presidencia da Quantum Blockchain Alliance e a vicepresidencia do consorcio Alastria.

Julia Bernal (19 de outubro na Coruña)

É a directora xeral de Red Hat en España e Portugal desde xaneiro de 2017. Ten máis de 25 anos de experiencia no sector das tecnoloxías da información (TI) e ocupou numerosas posicións técnicas e de liderado en xigantes tecnolóxicos como HP, Sun Microsystems e Oracle. Debido ao seu cargo en Red Hat no mercado ibérico, é unha das directivas máis importantes de España, xa que compañía norteamericana é a maior empresa provedora de solucións de código aberto (open source) empresarial do mundo, cun valor en Bolsa superior aos 25.000 millóns de dólares e uns ingresos anuais de case 3.000 millóns.


Tamén se celebrará unha xornada de referentes en Lugo, da cal están pendentes por confirmar algúns detalles organizativos dos que se informará proximamente.

 

Poñendo datos á fenda entre mulleres e homes no ámbito STEM

As mulleres supoñen o 55% das persoas que estudan nas universidades galegas pero, tal e como destaca a Xunta no seu VII Plan Estratéxico de Galicia para a Igualdade de Oportunidades entre mulleres e homes 2017-2020, esta distribución non é uniforme segundo as ramas de coñecemento. A presenza de mulleres é moi elevada nas Artes e nas Humanidades, nas Ciencias Xurídicas e Sociais e, en especial, nas Ciencias da Saúde, nas que preto de 3 de cada 4 estudantes son mulleres.
Polo contrario, a proporción de mulleres é significativamente inferior entre o alumnado das enxeñerías e Arquitectura, por debaixo do 30%. De feito, nos últimos 15 anos, a proporción de mulleres estudantes en enxeñerías e Arquitectura pasou do 33,1% ao 28,1% do total, cinco puntos menos. No conxunto do Estado, esa porcentaxe aínda é inferior, do 25,5%.

Datos algo menos recentes corroboran este escenario en Galicia: en 2012 (últimos datos que facilita o Instituto Galego de Estatística), por cada 1.000 persoas entre 20 e 29 anos había 16,7 graduados e graduadas en educación superior en ciencias, matemáticas e tecnoloxía, con un significativo diferencial de sexo: 12,1 mulleres, fronte a 21,1 homes. Esta fenda é máis alarmante se se ten en conta que, no período 2005-2008 a diferenza entre mulleres e homes situábase en torno aos 7 puntos porcentuais, polo que o desapego das mulleres polas carreiras STEM foi en aumento.

A reducida presenza de mulleres nas carreiras STEM preocupa porque inflúe de forma decisiva no desempeño profesional posterior. A ocupación de mulleres en profesións de tecnoloxía media e alta é do 28,4% e tamén son minoría (40,6%) nos postos de traballo dedicados á I+D. Polo tanto, estes datos poñen de manifesto a importancia que ten a eliminación dos estereotipos de sexo imperantes na sociedade e que condicionan a elección de estudos.

20/09/201819:09
Reunión de empregados nunha mesa con portátiles.
Santiago de Compostela

As microempresas galegas superan á media estatal na contratación de banda larga móbil

  • O 72,4% das empresas de menos de 10 empregados optan polas conexións móbiles, 4,3% no último ano e supera a media estatal (72,2%)
  • O uso da administración online sitúa ás microempresas galegas no 4º posto do ranking estatal
  • O 46,1% das empresas de máis de 10 traballadores ten contratado o acceso a Internet con velocidades de máis de 30 Mbps, un 4,7% máis que o ano anterior
  • As empresas de máis de dez empregados están por riba do conxunto do Estado no uso de software de código aberto, redes sociais e no emprego de robótica


As microempresas galegas apostan pola banda larga móbil. O 72,4% das empresas deste segmento contratan este tipo de servizo superando a media estatal. Entre as empresas de 10 e máis empregados, destaca a incorporación ás novas vangardas tecnolóxicas: robótica, big data e cloud computing.

Esta son algunhas das conclusións que se extraen da enquisa sobre “O uso das TIC e do Comercio electrónico nas empresas 2017/2018” publicada hoxe polo Instituto Nacional de Estatística (INE) e que vén de analizar o Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

 

As microempresas galegas decántanse pola banda larga móbil

Un 68,1% das microempresas galegas contan con conexión a Internet contratada, experimentando un aumento dun 9,2% no último ano, superando o ritmo de crecemento estatal (7,6%)

Entre as microempresas que contan con conexión a Internet, un 80,9% dispón de banda larga fixa e un 72,4% de banda larga móbil. Cabe salientar que a contratación de banda larga móbil entre as microempresas galegas (72,4%) supera a media estatal (72,2%). A banda larga móbil medrou un 4,3% neste segmento empresarial galego, o que sitúa a Galicia na oitava posición no ranking de Comunidades Autónomas.

En relación ao uso das redes sociais: un 33,72% das microempresas galegas con conexión a Internet empregan as redes sociais, o que permite situar as microempresas galegas no oitavo posto no ranking de Comunidades Autónomas neste indicador. A dispoñibilidade de páxina web nas microempresas galegas (30,7%) aumentou un 19,7% e converxe coa media estatal (31,1%)

As micrompresas galegas con conexión a Internet superan en 2,8 puntos a media estatal no que se refire á interacción coas Administracións Públicas a través de Internet, situándose en cuarta posición na comparativa por Comunidades Autónomas: a media galega sitúase nun 74,9%% fronte ao 72,1%% da media estatal.

 

As empresas galegas de 10 ou máis incrementan a velocidade 

A práctica totalidade das empresas de 10 ou máis asalariados de Galicia dispón de conexión a Internet (98,8%) e banda larga (100%), en valores semellantes á media estatal.

En canto á velocidade de conexión a Internet contratada, máis da metade das empresas galegas de 10 ou máis asalariados (50,5%) conta cunha velocidade entre 2 Mbps e 30 Mbps. Ademais, cabe destacar que o 46,1% das empresas galegas deste segmento ten contratado o acceso a Internet con velocidades de máis de 30 Mbps, un 4,7% máis que o ano anterior.

Un 87,7% das empresas galegas de 10 ou máis empregados empregan software de código aberto, superando lixeiramente á media estatal (87,4%), o que as sitúa no 7º posto no ranking de Comunidades Autónomas neste indicador. 

Respecto ao manexo de redes sociais, con fins empresariais, destaca a porcentaxe de empresas galegas de máis de 10 empregados que emprega esta ferramenta (97,9%) fronte as empresas nacionais (94,9%). 

 

Robótica, Cloud computing, Big Data

En relación ás tecnoloxías cloud, un 14,5% das empresas galegas de 10 ou máis traballadores compraron algún servizo de Cloud Computing. Tamén cabe salientar que un 12% das empresas galegas de 10 ou máis empregados utiliza algún tipo de robot, superando lixeiramente a media estatal (11%)

As redes e medios sociais son outro dos fenómenos ligados ás TIC que analiza o OSIMGA a través dos datos do INE. Un 47,2% das empresas galegas de 10 ou máis empregados utilizaron algún tipo de medios sociais (Facebook, Linkedin, Google+, etc), experimentando un incremento do 11,1% no último ano 

As empresas galegas de 10 ou máis asalariados comezan tamén a realizar análises Big Data e actualmente xa un 9,4% destas empresas analizaron Big Data.

20/09/201817:09
Presentación da Noite Aberta 2018.
Lugo

A Fundación TIC brinda a súa colaboración á noite aberta do comercio de Lugo

Fundación TIC vai brindar novamente o seu apoio á Noite Aberta 2018, a edición novena do evento lucense para a promoción e impulso do comercio local, impulsada pola Asociación de Autónomas coa colaboración da Deputación e o Concello. Hoxe precisamente foi presentada nos seus detalles, no pazo de San Marcos, a nova entrega do acontecemento, previsto para 28 de setembro e no que se prevé a participación dun centenar de establecementos. Segundo fixo saber o voceiro do Goberno da Deputación, Álvaro Santos, a Fundación TIC desenvolverá un importante labor de divulgación da festa, tanto a pé de rúa como na Rede e nas redes sociais. 

O voceiro do Goberno engadiu que “queremos contribuír á difusión desta cita, para que cada vez máis visitantes e veciños se acheguen a participar da mesma”. Así, a través da TIC gravarase e producirase un vídeo da Noite Aberta, sendo o encargado de facelo o alumnado de Realización do 2º Curso da Escola de Imaxe e Son (EIS). Segundo explicou, “trátase da primeira das numerosas prácticas en escenarios reais que o alumnado da TIC levará a cabo ao longo deste curso”. Santos tamén fixo saber que outro equipo da entidade encargarase dunha reportaxe do evento para a súa difusión a través de Internet”.

Na cita de hoxe, amais de Santos Ramos, tamén participaron a concelleira de Economía, Ana Prieto Nieto, a presidenta da Asociación de Autónomas de Lugo, Marta López Yáñez, e o presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas López.
En primeiro lugar, encargáronse de explicar en que consiste a Noite Aberta: un acontecemento multitudinario onde a cidadanía poderá gozar de promocións, cátering e música da man dos locais comerciantes participantes. Como novidade este ano á xa consolidada Noite Aberta súmase, para as tendas asociadas, a Semana do Comercio.


Difusión e promoción a través da Fundación TIC
Como dixemos, as alumnas e alumnos de Realización do segundo Curso da Escola de Imaxe e Son (EIS) gravarán o vindeiro venres 28 de setembro a Noite Aberta, que organiza a Asociación de Autónomas de Lugo.

Os estudantes da EIS, baixo a supervisión de docentes e técnicos da TIC, filmarán e fotografarán o desfile de moda. O equipo realizará a gravación con catro cámaras, e posproducirán un vídeo coas imaxes. Segundo informa a Deputación de Lugo, trátase da primeira das numerosas prácticas en escenarios reais que o alumnado da TIC levará a cabo ao longo deste curso, dentro dos módulos de realización de Televisión e de Montaxe e Posprodución. Ademais, un equipo da TIC realizará unha reportaxe da festa do comercio lucense para a súa difusión a través de Internet.

A Fundación TIC comprométese coas iniciativas que promoven a actividade comercial e aos autónomos da provincia. A colaboración que mantén coa organización da Noite Aberta súmase á da Feira Outlet e o Mercado na Rúa Street Market, ao abeiro do convenio asinado coa Asociación de Autónomas, Empresarias e Profesionais de Lugo.

20/09/201817:09
Presentación da Mobile Week Coruña.
A Coruña

A Mobile World Capital aposta por Galicia para o seu primeiro evento fóra de Cataluña

  • A Xunta de Galicia, o Concello e a Deputación da Coruña, xunto co Club Financeiro Atlántico apoian a Mobile Week Coruña, que terá lugar do 21 ao 28 de novembro
  • O evento nace coa vocación de irradiar a toda Galicia o debate sobre o impacto da tecnoloxía no modelo actual de sociedade
  • A iniciativa fusiona arte, ciencia e tecnoloxía para poñer á cidadanía no centro da revolución dixital

 

A Mobile World Capital Barcelona (MWCapital) aposta por Galicia e pola cidade da Coruña para celebrar o seu primeiro evento fóra de Cataluña. A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, sinalou que o encontro nace pivotando na cidade herculina pero con vocación de irradiar a toda Galicia a necesidade de reflexionar sobre o impacto da evolución tecnolóxica na sociedade.

A responsable autonómica, que participou hoxe na presentación da Mobile Week Coruña, destacou que o apoio institucional da Xunta, a Deputación e o Concello da Coruña, xunto co Club Financieiro Atlántico evidencia o desexo común de colaborar para que o evento sexa un éxito e se consolide como una cita con continuidade no tempo.

Mar Pereira subliñou tamén o acerto no enfoque do encontro, que se centra nos retos realmente importantes como impacto da evolución tecnolóxica nas nosas vidas e da necesidade de darlle voz á cidadanía neste debate.  

Entre o 21 e 28 de novembro,  Mobile Week Coruña ofrecerá unha programación transversal e gratuíta en máis de 20 espazos ao longo dos 10 distritos da cidade da Coruña, a súa área metropolitana e a Cidade da Cultura, de Santiago de Compostela. Relatorios, charlas mesas redondas, demostracións, exposicións de arte, talleres e xornadas infantís, entre outras, darán lugar a abordar os retos, os límites e as oportunidades de transformación dixital.

 

Actividades e expertos

A iniciativa divide o seu programa en catro eixos de actividade: mWeek  TALKS, un ágora de debate para reflexionar sobre como a revolución dixital inflúe na vida das persoas,  mWeek  LAB, demostracións e talleres de cultura, tecnoloxía, robótica e ciencia,  mWeek  KIDS, actividades para toda a familia e, por último,  mWeek  GALLERY, un programa cultural paralelo organizado en colaboración con institucións e entidades do territorio que derivará en visitas guiadas e exposicións artísticas. 

Para fomentar a reflexión ao redor da transformación dixital e potenciar o papel do Eixo Atlántico como axente crave da dixitalización do territorio,  Mobile  Week Coruña contará con relatores expertos en innovación, como Silvia Leal, profesionais do ámbito dixital, Adolfo Fernández (Google), e representantes do ámbito universitario como Carmen Fernández  Morante, decana da Facultade de Educación da  Universidade de Santiago.

20/09/201813:09
Logo Pont-Up Store 2018.
Santiago de Compostela

A Xunta participa no espazo de emprendemento Pont-Up Store de Pontevedra cun stand para promover a economía social

  • A Consellería de Economía, Emprego e Industria colabora con esta iniciativa organizada pola Universidade de Vigo que arrancará mañá e rematará o sábado na cidade pontevedresa
  • No stand da Xunta ofrecerase información sobre os programas de axudas para impulsar o emprego e o emprendemento en Galicia
  • A Administración autonómica participará mañá no taller para nenos ‘Laboratorios dinámicos de creación cultural e artística de economía social’ e na presentación das aceleradoras de proxectos previstas no proxecto Laces de fomento e consolidación da economía social na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal

 

A Xunta participa a partir de mañá na quinta edición do Espazo de Emprendemento Pont-Up Store de Pontevedra cun stand no que ofrecerá información sobre os programas e as axudas da Administración autonómica para promover a economía social e o emprendemento e para, en xeral, incentivar o emprego.

A iniciativa, que organiza a Universidade de Vigo, e coa que colabora a Xunta, desenvólvese ata o sábado na cidade pontevedresa cun amplo programa de actividades. A Consellería de Economía, Emprego e Industria participará mañá a partir das 10.00 horas na presentación, organizada polo EspazoCoop-Unión de Cooperativas Galegas, das aceleradoras de proxectos que se desenvolverán a través do proxecto Laces de fomento e consolidación da economía social na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. EspazoCoop desenvolverá unha destas aceleradoras e o departamento de Economía, Emprego e Industria outra delas.

O proxecto Laces, que lidera a Xunta, e no que participan as universidades de Santiago e de Tras os Montes e Alto Douro; Tecminho; a Associação Centro de Incubação Base Tecnológica do Minho, a Cámara Municipal de Santo Tirso e as asociacións de economía social de EspazoCoop, Agaca e Aesgal, establece unha axenda conxunta para difundir as vantaxes da economía social, como marco para constituír empresas e emprego de calidade, e presenta á Eurorrexión como territorio propicio para facelo. Ademais, ten como un dos seus principais obxectivos identificar as oportunidades de negocio vinculadas a sectores emerxentes.

Os retos principais de Laces van en consonancia coas liñas estratéxicas e políticas que está a impulsar a Xunta para o fomento da economía social e coas oportunidades e retos identificados no espazo transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal.

A Xunta, ademais, a través da Rede Eusumo de impulso ao cooperativismo, organiza en Pont-Up Store, mañá ás 17.00 horas, os laboratorios dinámicos de creación cultural e artística de economía social dirixidos a nenos de entre 6 e 10 anos. A través desta actividade foméntase a creatividade e o traballo en equipo, ao tempo que se promoven os valores da economía social.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS