main content

main content
20/09/201808:09
Cartel do evento.
Pontevedra

Pont-Up Store inicia hoxe a súa edición máis tecnolóxica

Hoxe comeza a programación do 5º Encontro de Emprendemento Pont-Up Store cun marcado acento tecnolóxico tanto nos emprendementos seleccionados como nas máis de 40 actividades propostas en distintos puntos da cidade de Pontevedra. O programa comezará a desenvolverse ás 11:00 cun dos pratos fortes desta edición, o primeiro dos dous obradoiros I am Remarkable que Google vai impartir por primeira vez en España durante este encontro. O obxectivo do obradoiro é empoderar mulleres e convidalas a que celebren os seus logros no ámbito profesional. Esta actividade está dentro dos obxectivos de visibilización do papel da muller na empresa, marcados para este ano pola organización. Unha facilitadora dirixirá esta actividade que ten como público obxectivo a mulleres que queiran emprender ou que estean na procura de emprego. Celebrarase na aula do segundo andar da Casa das Campás o xoves 20 en horario de 11:00 a 12:30 horas e o venres 21 en horario de 12:30 a 14:00 horas. Os dous obradoiros teñen un aforo máximo de 15 mulleres.

Ademais, Google impartirá tamén unha charla inspiracional baixo o título Tips para a túa marca persoal + Mentorías Exprés impartida pola experta Loreto Gómez que enfocará a sesión a mostrar as claves da xestión da marca persoal e orientar na creación dunha estratexia para conseguir os nosos obxectivos profesionais. Ao remate da sesión informativa será posible consultar dúbidas con ela en sesión individuais. Terá lugar o xoves de 17:00 a 18:45 horas, tamén na Casa das Campás. O público obxectivo son homes e mulleres que queiran emprender ou redirixir a súa carreira, pero está aberto a calquera persoa. O aforo é de 50 persoas.

De 11:30 a 13:30 horas, no andar baixo da Casa das Campás, dentro do espazo de programación ECOBAS, a Unión de Cooperativas Galegas ESPAZOCOOP ofrecerá unha sesión de traballo para emprendementos sociais baixo o título Recursos interactivos para a creación e consolidación de proxectos e entidades de economía social e solidaria: O canvas social.

A pouca distancia da Praza de España, na Sala X da Facultade de Belas Artes, o Fab Lab Laboratorio Creativo achegaranos a oportunidade de vivir a experiencia da fabricación dixital de instrumentos musicais, a creación dun Theremin e de pedais de distorsión par guitarras con Arduino. Será unha sesión de traballo en continuo, de 16:00 a 20:00 horas, que continuará o venres durante toda a xornada. No Espazo Gaming que estreamos este ano e que estará instalado na Aula de Informática da Casa das Campás, desenvolverase de 16:30 a 20:30 un Obradoiro práctico de creación de assets para videoxogos.

Para pechar esta xornada de apertura, no Espazo de Desenvolvemento de Competencias e do Ecosistema Emprendedor, teremos a oportunidade de asistir ao obradoiro que organiza A Redeira dentro do formato familias creativas, sobre o tema Lideirándote onde as persoas participantes poderán poñer en común as súas lideiras, soños, necesidades e inquedanzas no ámbito do emprendemento; e aprender o que hai que facer para que deixen de ser lideiras.

 

A carpa do Talento Transformador

O punto central deste encontro volverá ser a carpa situada na Praza de España o venres 21 e sábado 22 de setembro, onde será posible coñecer as mellores iniciativas de emprendemento do país e participar nas actividades de dinamización que se desenvolverán no espazo central. A organización seleccionou 45 emprendementos entre un total de 144 candidaturas procedentes de toda Galicia, o que supón un 10% máis que na anterior edición.

Este ano, ademais, duplicouse o número de emprendementos do ámbito tecnolóxico e incrementouse notablemente a calidade das iniciativas, o seu potencial de desenvolvemento, o carácter social e o enfoque sostible de moitas delas. Esta edición confirma tamén un mapa galego de emprendemento cada vez máis equilibrado entre as cidades e o rural, que achega o 40% do total das propostas. As novas tecnoloxías volven achegar as propostas máis impactantes, seguidas por ideas moi innovadoras procedentes dos sectores da saúde e o benestar, o turismo, o téxtil, a gastronomía, a cosmética e a xestión cultural. Destas 45 empresas, 37 contarán cun expositor gratuíto para mostrar os seus produtos, ideas e servizos, e 6 terán tamén a oportunidade de participar no programa de actividades demostrativas, desenvolvendo propostas tan interesantes como un obradoiro de preparación de alimentos con impresión 3D, un taller de lectura con cans, un obradoiro de robótica organizado por R e Líbolis para ensinarlles a pequenas e pequenos de entre 7 e 13 anos a montar un Stick Arcade baseado en Raspberry PI, torneos de videoxogos, técnicas de pigmentación prehistórica, un showcooking de receitas saudables, ou a presentación da nova cooperativa Músicas ao Vivo, que rematará co concerto de The Soul Breakers.

A protagonista desta edición, a emprendedora Kore, estará tamén presente a través de accións performativas que terán lugar en diferentes localizacións durante os tres días do encontro. Como imaxe desta edición, Kore visibiliza á muller como emprendedora e acompaña un programa planificado con perspectiva de xénero.

20/09/201808:09
Mar Pereira.
Santiago de Compostela

Televés e a Xunta impulsan con Activage o noso primeiro ecosistema sociosanitario

As instalacións de Televés en Santiago acolleron onte a presentación duns avances tecnolóxicos feitos á medida das nosas necesidades e de todas as contornas que teñen ou terán as nosas mesmas características demográficas: moita dispersión e, sobre todo, un marcado envellecemento da súa poboación (a cuarta parte das galegas e dos galegos teñen a día de hoxe máis de 65 anos). Máis en detalle, o acto desta mañá foi a segunda revisión anual do Proxecto Activage, levada a cabo pola Comisión Europea, logo da información achegada hai case un ano con motivo da súa posta en marcha. Entre outras cousas, onte fíxose saber que Activage (un proxecto europeo liderado por Televés e a Xunta para mellorar a autonomía, a saúde e a calidade de vida das persoas maiores) vén de xerar o que sería “o primeiro ecosistema sociosanitario galego”. 

Ou sexa, unha comunidade por dereito propio, formada por persoas maiores, institucións públicas, empresas e organizacións, que xunta forzas para responder ao gran reto demográfico do noso tempo: o progresivo envellecemento da poboación e a necesidade de fornecer de conectividade ás contornas (cidades, vilas, aldeas, casas) onde reside esa poboación. Televés e o Goberno autonómico tamén recordaron que Activage, activo en diferentes contornas xeográficas europeas, diríxese a mellorar a autonomía das persoas maiores a través (sobre todo) do uso das tecnoloxías aplicadas á Internet das Cousas (IoT), recursos que combinados coa conectividade integral a Internet permiten facer monitoraxe continua das persoas atendidas dentro da súa casa e tamén fóra dela. 

A nivel galego, o proxecto colle corpo cunha iniciativa piloto (un piloto integrado en nove experiencias europeas análogas) na que participa un colectivo de 700 persoas maiores de 60 anos, probando solucións tecnolóxicas (sensores e aplicacións) que fan seguimento do seu quefacer diario e do seu estado de saúde. No caso da nosa terra, está a ser impulsado por Televés, Cruz Vermella, o SERGAS, a Fundación Vodafone España, a Universidade Politécnica de Valencia, Tecsos, AMTEGA e a Xunta de Galicia.

Segundo se lembrou no acto celebrado en Televés, o piloto galego consta de catro piares fundamentais: coidado da saúde (soporte no coidado da saúde con seguimento de variables clíncas e recordatorio de medicación e medidas), tranquilidade no fogar (seguimento do quefacer diario para detectar posibles situacións de risco como caídas ou incendios), premedor de emerxencias (solución para pedir axuda en caso de urxencia e respondida decontado, tanto no fogar como fóra del) e participación social (a través dunha solución de vídeo-conferencia a través da que se pode informar sobre eventos e actividades de lecer ou realizar exercicios para mellorar e estimular a memoria). 

No acto participaron, entre outros, o director xeral corporativo de Televés, Santiago Rey, o director de I+D da empresa galega de telecomunicacións, Sebastián Pantoja, o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña; o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, e a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira Álvarez. Todos eles fixeron fincapé no potencial da nosa terra como “laboratorio de probas” para impulsar e avaliar as tecnoloxías de Activage, salientando os importantes recursos que están a abrollar do proxecto para definir o rumbo das políticas sanitarias autonómicas e de asistencia social.

Segundo fixo saber Rey Varela, Galicia, coa súa importante porcentaxe de xente maior de 65 anos (a cuarta parte da poboación... e medrando), cos seus preto de 60.000 maiores con necesidades especiais e coas súas demandas importantes en materia de conexión de calidade para núcleos de tamaño medio e pequeno, achega uns desafíos concretos “que tamén son, ante todo, unha oportunidade”. Unha oportunidade porque alentan ás institucións, ás empresas, aos organismos e á sociedade por enteiro, a buscar conxuntamente solucións tecnolóxicas concretas que de xeito individual sería máis complexo lograr. “Debemos contribuír a que os nosos maiores continúen activos, aportando cousas de valor e positivos á sociedade”, engadiu.

20/09/201808:09
Participantes da revisión anual do proxecto Activage.
Santiago de Compostela

A Xunta participa no proxecto europeo Activage de mellora da autonomía e independencia das persoas maiores

Os conselleiros de Política Social, José Manuel Rey Varela, e Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, xunto coa directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira Álvarez participaron onte na segunda revisión anual do proxecto Activage, celebrada en Santiago, unha iniciativa europea que busca crear solucións tecnolóxicas que favorezan a independencia e a autonomía das persoas maiores.

As Consellerías de Sanidade e Política Social e a Axencia para a Modernización de Galicia (Amtega) colaboran con Televés e Cruz Roja na pilotaxe de novas prestacións de fogar dixital sociosantario no marco do proxecto europeo Activage, que busca crear solucións tecnolóxicas que favorezan a independencia e autonomía das persoas maiores a través dun seguimento constante das actividades que realizan dentro e fóra da casa. No marco deste proxecto en Galicia desenvolveranse e probaranse solucións de fogar dixital sociosanitario con 700 usuarios maiores de 60 anos que requiren unha monitorización continua, xa sexa temporal ou permanentemente. Deles, 100 presentarán necesidades puramente clínicas, 450 usuarios de prestacións sociais, e 150 con necesidades sociosanitarias.

20/09/201807:09
Un neno sentado no chan utiliza unha tableta.
Madrid

O éxito dos cursos para desenvolver apps para nenos con TEA

A importancia da tecnoloxía para as persoas con discapacidade queda patente no éxito que teñen os cursos para aprender a desenvolver aplicacións dirixidas a persoas con trastorno do espectro autista (TEA) que organiza a Fundación Orange e a Universidade Autónoma de Madrid.

A próxima semana dará comezo a quinta edición destes cursos que cada vez teñen unha maior demanda entre os estudantes que queren aprender a cubrir cunha aplicación as necesidades de nenos e calquera persoa con TEA.

A primeira edición destes cursos celebrouse no ano 2016 e nela participaron 50 alumnos. Desde entón, o número de estudantes non parou de crecer e nesta ocasión están apuntadas 500 persoas e moitas outras están en lista de espera.

A propia Fundación Orange destaca como nos últimos anos os dispositivos móbiles como tabletas ou smartphones convertéronse en grandes compañeiros de moitas persoas con TEA, o que derivou nun crecente interese no desenvolvemento de aplicacións dirixidas a estas persoas.

Con todo, a proliferación de apps dirixidas a nenos e persoas con TEA leva tamén unha serie de retos, como atopar a mellor maneira de utilizar estes dispositivos para axudar aos seus usuarios.

O curso, que comeza o 24 de setembro, é online e divídese en 16 unidades que van desde os conceptos máis básicos ata as últimas investigacións no ámbito da tecnoloxía para persoas con TEA.

19/09/201814:09
Mar Pereira na inauguración do Workshop.
Santiago de Compostela

Empresas do sector TIC e do audiovisual participan hoxe no Workshop de consultas ao mercado para incorporar contidos dixitais interactivos á televisión pública autonómica

  • No encontro trasladaranse as necesidades e retos dunha iniciativa da Amtega e a CRTVG para adaptar as emisións do ente público ás novas demandas de consumo
  • As empresas poden presentar propostas a través da web da Axencia pública autonómica
  • Esta actuación enmárcanse no Plan DICO Mindset, elaborado pola Amtega en colaboración cos axentes do sector para impulsar os contidos dixitais en Galicia

 

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, e o director de Innovación e Negocio da CRTVG, José Pereira, inauguraron esta mañá na Cidade da Cultura o Workshop de Consultas ao mercado para o desenvolvemento de proxectos innovadores no ámbito dos contidos dixitais interactivos

Ambas entidades están a colaborar para adaptar as emisións do ente público ás novas demandas de consumo, no marco do Plan de acción para o impulso aos contidos dixitais en Galicia, DICO Mindset.

As empresas dos sector TIC e do Audiovisual poderán coñecer durante esta xornada as necesidades e retos dun proxecto que busca pór a Galicia na vangarda do audiovisual a nivel internacional. Con este obxectivo lánzase un procedemento de consultas ao mercado dentro da compra publica innovadora para que as empresas do sector TIC e do sector audiovisual poidan aportar a súas propostas.

A partir das propostas recibidas, a Amtega e a CRTVG terán coñecemento suficiente das solucións máis novas e óptimas existentes no mercado para abrir un procedemento de licitación posterior. As poden enviarse a través do formulario web da Amtega https://amtega.xunta.gal/dicomindset.

 

Actuacións

O proxecto busca a posta en marcha dunha plataforma capaz de ofrecer solucións e servizos avanzados que incorporen as últimas tecnoloxías. Entre elas destaca a creación de contidos interactivos innovadores para o ámbito educativo non regrado que se integrarán nunha nova unha canle temática.

Con esta actuación quérese estimular o uso de novas canles e medios, en liña coas novas tendencias de consumo de contidos educativos, que se poidan orientar ao progreso e ás preferencias educativas do alumnado, a partir da aplicación das TIC.

Ademais, para mellorar a experiencia de usuario incorporaranse as segundas pantallas, así como a creación de contidos específicos baseados en realidade aumentada, realidade virtual etc... para ser consumidos nelas.

Por último, para completar o proxecto, está previsto deseñar modelos para a análise de datos, baseados en técnicas de Big Data, que permitan medir e analizar os comportamentos da audiencia co obxectivo de crear canles multimedia personalizadas.

 

Orzamento

Ambas entidades investirán na iniciativa un orzamento total de 2.430.000 euros ata o 2020. A axencia pública autonómica achegará 1.780.000 euros, cofinanciados nun 80% con Fondos Feder, para facilitar o posicionamento da televisión pública autonómica nos novos hábitos de consumo.

19/09/201812:09
Logo Cermi.
Madrid

Cermi e a Fundación ONCE animan a participar na súa enquisa 'online' para saber máis sobre acoso escolar e discapacidade

O Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade (Cermi) e a Fundación ONCE lanzaron unha enquisa 'online' sobre o acoso escolar por razón de discapacidade dirixida a alumnos, familiares, profesores, expertos e demais axentes implicados.
 
Fixérono este venres Jesús Martín, delegado de Dereitos Humanos e para a Convención da ONU sobre Discapacidade do Cermi, e Sabina Lobato, directora de Formación, Emprego, Proxectos e Convenios da Fundación ONCE, que participaron nunha mesa redonda organizada por Servimedia e a Fundación ONCE en Madrid na que tamén interviñeron a directora técnica de Autismo España, Ruth Vidriales; representantes do ministerio e da Consellería de Educación madrileña; a vicepresidenta da FAPA Giner dos Ríos e unha moza con discapacidade vítima de acoso escolar.
 
A iniciativa forma parte do estudo sobre acoso escolar e discapacidade que ambas as entidades desenvolven para coñecer o impacto real do bullying no colectivo, e que difundirán nas súas redes sociais.
 
Ademais da enquisa, o estudo comprende 10 entrevistas en profundidade a expertos que xa se realizaron e tres grupos de discusión entre profesores, alumnos e pais. Xa tiveron lugar os dous primeiros e queda pendente o debate entre familiares.
 
Segundo Martín, "tiñamos evidencias" do maior impacto do bullying nos alumnos con discapacidade por experiencias dalgunhas entidades concretas, pero en España fáltannos datos". "Necesitamos unha foto global da discapacidade para dicirlles ás admnistracións públicas cal é a realidade e esixir políticas públicas", afirmou.
 
Lobato declarou que "sabemos o difícil que resulta para as vítimas abrirse e denunciar" e, por iso, a iniciativa está aberta a todo o mundo: a quen sofre acoso na actualidade, a vítimas pasadas, a profesores, familiares e outros alumnos. Por elo, animou a familias, profesores e estudantes a participar na enquisa.
 
Segundo Vidriales, algúns estudos noutros países sinalan que máis do 50% do alumnado con autismo padece acoso escolar, "aínda que outras investigacións elévano ao 80%".
 
"En España fáltannos moitos datos pero o que as familias nos contan é que, con sorte, o mellor que lles pode pasar (aos seus fillos) é que os deixen sós. A partir de aí, risas, burlas, vexacións, insultos e mesmo agresións", indicou.
 
Concurso escolar
Por outra banda, Lobato subliñou a importancia da educación inclusiva e de que todos os nenos coñezan a discapacidade desde pequenos. Neste sentido, destacou iniciativas como a Biblioteca Infantil da Fundación ONCE, que ofrece 11 contos para escolares protagonizados por personaxes con distintas discapacidades, ou o cconcurso escolar da ONCE, que na edición de 2017 estivo centrado no acoso escolar.
 
Baixo o lema 'Somos diferentes, non indiferentes. Activistas contra o acoso', o certame contou cunha participación de 167.265 escolares e 3.601 profesores de 2.200 centros educativos de toda España.
 
O concurso ofreceu ferramentas para detectar, sensibilizar e actuar contra as situacións de acoso que se poidan producir na escola, para que os escolares se convertan "por si mesmos en axentes de cambio contra o bullying".
 
No concurso, os estudantes de Primaria e Educación Especial realizaron un cartel publicitario de sensibilización contra o acoso, mentres que os alumnos da ESO, FP e Bacharelato gravaron unha peza audiovisual (micro-curta dun minuto) onde mostraban como pasar á acción contra esta problemática.
19/09/201812:09
Cartel da iniciativa.
Madrid

A Fundación Telefónica crea uns premios para as mellores iniciativas de voluntariado

A Fundación Telefónica creou os Premios Fundación Telefónica ao Voluntariado, cos que pretende sensibilizar e incentivar sobre a acción voluntaria, así como servir de catalizadores das iniciativas do voluntariado en España.

A entidade pon en marcha esta iniciativa coincidindo co seu 20 aniversario. Os galardóns recoñecerán aqueles proxectos que contribuísen ao progreso e benestar social dunha maneira extraordinaria en cinco categorías: comunicación, ámbito educativo, entidade social, voluntariado corporativo e voluntariado inspirador.

En concreto, a sensibilización e difusión dos valores do voluntariado nos medios de comunicación; a promoción e o seu labor no ámbito educativo implicando ao alumnado; o traballo desenvolvido polas propias entidades sociais e corporativas; e aquelas persoas ou propostas con carácter social que sirvan de inspiración á sociedade, serán os eixos sobre os que virará a primeira edición dos Premios Fundación Telefónica de Voluntariado.

A entrega dos premios terá lugar o 4 de decembro de 2018 en Madrid, coincidindo coa véspera do Día Internacional do Voluntariado, e cada iniciativa gañadora estará premiada cunha dotación económica de 5.000 euros.

En canto ao xurado dos premios estará constituído por representantes relevantes da Fundación Telefónica e daquelas institucións referentes no sector social, empresarial e de comunicación vinculadas ao voluntariado en España. Así mesmo, unha comisión técnica de expertos apoiará o labor de análise e preselección das candidaturas.

O prazo de inscrición online xa está aberto ata o 31 de outubro de 2018 na web www.premiosvoluntariado.fundaciontelefonica.com. Así mesmo, poderase seguir toda a actualidade relacionada cos premios nas redes a través do hashtag '#PremiosVoluntariado'.

19/09/201812:09
Cartel da iniciativa.
Madrid

Forética seleccionará as mellores iniciativas empresariais en transformación tecnolóxica responsable e emprego novo

Forética abre unha nova convocatoria de presentación de iniciativas ao proxecto europeo Enterprise 2020, que lidera en España, co obxectivo de impulsar a promoción e difusión das mellores prácticas en RSE..   

Baixo o marco de "Futuro do traballo", Forética buscará visibilizar como as empresas dan resposta á revolución tecnolóxica e a unha sociedade en constante evolución, desde a óptica da sustentabilidade.

Ata o 30 de novembro todas as empresas poden presentar proxectos a través deste cuestionario, desenvolvidos en 2017/2018 e orientados a incorporar a tecnoloxía, considerando nas súas decisións criterios éticos, ou destinados a xerar oportunidades e mellorar as condicións laborais das persoas e o impulso da empregabilidade. Dese modo, as empresas poden presentar proxectos, propios ou en colaboración con outras entidades, que dean resposta ao reto do futuro do traballo nos eixos temáticos de Transformación Tecnolóxica Responsable e Pacto pola Mocidade

As iniciativas que se presenten deben desenvolverse no período 2017-2018 e ter resultados medibles. Durante o período de presentación de candidaturas, Forética revisará a adecuación das mesmas e confirmará ás empresas a súa aceptación e continuación no proceso de selección.

A partir do 30 de novembro, Forética informará os candidatos que iniciativas foron elixidas e serán destacadas nun evento público a principios de 2019 e recoñecidas a nivel Europeo como as mellores solucións empresariais, levadas a cabo por organizacións líderes en España, ao reto do Futuro do traballo.

Esta nova convocatoria do proxecto europeo Enterprise 2020, liderado por Forética en España, conta co apoio de IBM, ManpowerGroup, Reale Seguros e Vodafone, xunto a doce gobernos autonómicos.

19/09/201809:09
Cartel do evento.
Vigo

A vindeira fin de semana celebrarase a segunda edición de RetroVigo

Como adiantamos hai un par semanas, a asociación Retro Galaicos está a preparar unha segunda edición de RetroVigo, encontro que terá lugar a vindeira fin de semana na Aula D na Rúa Elduayen, nº 36 de Vigo (con acceso polas escaleiras da Baixada do Forte), e que nesta ocasión busca render tributo á informática clásica e aos videoxogos coa vista posta nun xénero que causou furor nos salóns recreativos: os beat’em up.

Este encontro para os afeccionados ao mundo do retroxa ten o seu programa de actividades, que comezan o sábado 22 ás 10:30 horas cun torneo continuo de Streets of Rage 2. A sesión de mañá pecha cun par de charlas: unha ás 12:00 horas titulada Beat’em Up, yo contra el barrio, con Jacobo e Galo Martínez, que farán un repaso ás orixes e os títulos máis destacado do xénero a reivindicar; e ás 13:00 horas terá lugar a charla Beat Me Down, el puño de las compañías en la cara del jugador, impartida por Andrés de Pedro, presidente de Retro Galaicos.

Pola tarde as actividades retómanse ás 16:00 horas con competicións amigables. Ás 17:30 horas unha charla da profesora Patricia Otero e a psicóloga Lara López (membros do Grupo de Investigación en Saúde Mental e Psicopatoloxía, GRISAMP) achegaranos ao proxecto de gamificación aplicada ao envellecemento activo GAMAPEA (iniciativa participada pola Fundación Ramón Domínguez, Imatia Inovation, SIVSA e Gradiant). Os torneos rematarán ás 20:30 horas, cando entregaranse os premios do torneo de Streets of Rage 2, manténdose as portas do recinto abertas até a medianoite.

Na xornada do domingo non hai actividades formais programadas, pero o recinto estará aberto de 10:30 a 14:00 horas, facilitando así que os que o desexen poidan achegarse a ver as exposicións e botar unhas partidas fóra de competición, como é habitual neste tipo de encontros.

19/09/201809:09
Presentación da iniciativa.
A Coruña

Medio Ambiente inicia unha campaña infantil para fomentar a reciclaxe de aparellos electrónicos e eléctricos que visitará 350 centros educativos de Galicia

  • A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio presentou onte pola mañá esta iniciativa que busca sensibilizar aos máis cativos na necesidade de realizar un tratamento axeitado deste tipo de residuos
  • Beatriz Mato salienta que a campaña traslada dunha xeito ameno e didáctico -a través das personaxes do Bolechas- a necesidade de implicarse na reciclaxe, reparación e reutilización deste tipo de materiais
  • Anima aos rapaces a formar parte da ‘Real Orde do Movementos dos Bolechas’, unha comunidade na que se valora o esforzo -individual e colectivo- por cumprir prácticas adecuadas co tratamento dos RAEE e que quere converter aos nenos nos maiores defensores do planeta
  • Agradece o esforzo do conxunto dos galegos que cada ano permitiron que as taxas de reciclaxe destes residuos se fose incrementando ata acadar en 2017 a cifra de 12.294 toneladas, un 50% máis que en 2010

 

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio presentou onte pola mañá unha nova campaña para sensibilizar á comunidade infantil na necesidade de reciclar os aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE), que visitará 350 centros de educación infantil e primaria.

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, deu conta onte pola mañá desta iniciativa que está enmarcada dentro da campaña ‘Oqueseenchufarecíclase’ posta en marcha polo seu departamento para concienciar á sociedade galega na necesidade de mellorar as prácticas de reciclaxe e tratamento deste tipo de residuos.

Mato Otero indicou que reducir, reciclar, reutilizar, reparar, repensar... son verbos que deben ser conxugados pola sociedade galega, polo que unha axeitada formación desde as idades temperás axuda a interiorizar a mensaxe e a aplicala dun xeito máis sistemático.

Con esta filosofía, púxose en marcha este proxecto educativo, divulgativo- formativo, de sensibilización e de interacción constante, que percorrerá 350 centros de ensino de educación infantil e primaria de Galicia.

Para acadar que as novas xeracións de galegos teñan coñecemento da importancia da reciclaxe dos residuos e, concretamente, dos residuos de aparellos eléctricos e electrónicos, trasladaráselle dunha maneira amena e moi didáctica a través das personaxes dos Bolechas, pautas e coñecementos para o correcto tratamentos dos residuos.

Explicou que se trata de que os nenos se convertan, a través do xogo e de material específico desta campaña adaptado á súa idade, nos maiores defensores do planeta, é dicir, que formen parte da Real Orde do Movemento RAEE dos Bolechas, unha comunidade á que pertencer supón cumprir un decálogo con comportamentos e actitudes colectivas e individuais que deben poñerse en práctica no fogar e centro de ensino.


O esforzo ten premio

A conselleira de Medio Ambiente precisou que esta iniciativa está aberta á totalidade da comunidade educativa, non só aos centros que recibirán a visita dos Bolechas, polo que a través dunha plataforma web convocarase un concurso de debuxo aberto á totalidade de centros educativos de Galicia.

No concurso poden participar de xeito colectivo ou individual e entregarase un gran premio de 3.000 euros para as actividades educativas do centro gañador, que se seleccionará entre todos os colexios participantes. Asemade, a conselleira engadiu que dentro desta campaña valorarase o esforzo que realicen os participantes, que polo simple feito de presentar un traballo recibirán como agasallo material de actividades dos Bolechas.

A conselleira explicou que esta iniciativa ten uns obxectivos moi claros: contribuír a un mellor tratamento dos RAEE, mediante a creación dunha comunidade de mozas e mozos que se involucran en proxectos ambientais; incrementar a recuperación de aparellos eléctricos e electrónicos; e fomentar o coñecemento sobre as prácticas de consumo e como estas inciden na contorna, no planeta e mesmo na propia saúde.

A campaña presentada onte pola mañá completa as acción postas en marcha o pasado ano dentro da iniciativa ‘Oqueseenchufarecíclase’, que se desenvolveu en case 140 concellos galegos e que se manterá con accións dirixidas especificamente ao público consumidor, ao que se informará da posibilidade de depositar aparellos eléctricos e electrónicos estragados nos puntos de venda onde adquiran aparellos novos ata un mes despois da compra ou incluso en puntos de venda -cunha superficie de máis de 400 metros cadrados- para os RAEE “moi pequenos” aínda que non compren un aparello novo.

Mato Otero argumentou que este tipo de actitudes e obxectivos axudarán a acadar un obxectivo global como é proxectar a imaxe de Galicia como comunidade pioneira en sustentabilidade e educación ambiental desde a base, formando cidadáns “verdes”. Un camiño no que xa se ten mellorado desde o inicio da execución do Plan de Xestión de Residuos Urbanos de Galicia 2010-2022, pois no ano 2017 -último exercicio do que se teñen datos completos- acadouse a cifra de 12.294,46 toneladas, o que supón un incremento de máis dun 50% do RAEE doméstico recollido desde o inicio de execución do PRUXG, detallou a conselleira.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS