main content

main content
17/09/201810:09
Logo Cocemfe.
Madrid

Máis de 2.000 profesores e alumnos formados en discapacidade grazas a Cocemfe

A Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica (COCEMFE) ofreceu formación sobre discapacidade e novas tecnoloxías aplicadas a 170 profesores e realizou actividades de sensibilización con 450 docentes e máis de 1.600 alumnos en 2018.

En total, máis de 2.000 persoas recibiron formación e sensbilización sobre discapacidade grazas ao proxecto "Promoción da Educación Inclusiva e de Soporte á Atención ao Alumnado con Necesidades Específicas por Motivos da súa Discapacidade", que a confederación leva a cabo en 92 centros educativos de España.

A iniciativa, que continuará ata finais de ano, está financiada co 0,7% do IRPF que a cidadanía pode destinar a proxectos con fins sociais marcando a X Solidaria na súa declaración da renda.

Con motivo do comezo do curso escolar 2018/2019, o presidente de Cocemfe, Anxo Queiruga, fixo fincapé na necesidade deste tipo de iniciativas "para suplir o incumprimento da normativa e as grandes carencias do sistema educativo cara ás persoas con discapacidade, que impiden exercer o seu dereito á educación normalizada".

Por elo, defendeu garantir a aprendizaxe do alumnado con discapacidade e reivindicou "os apoios necesarios para conseguir igualdade de oportunidades no seu desenvolvemento formativo".

Entre outros aspectos, o proxecto busca establecer unha "Rede de Titores Tecnolóxicos de Apoio ao Profesorado" para a atención do alumnado con necesidades específicas por motivo de discapacidade a través das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC).

O seu obxectivo é previr o fracaso e o abandono escolar nos ciclos formativos obrigatorios e non obrigatorios mediante a introdución de tecnoloxías inclusivas nos centros educativos que favorezan a autonomía persoal do devandito alumnado.

Para iso, conta cun grupo de 11 titores e titoras coa misión de motivar, sensibilizar, tutorizar, informar e formar no uso das tecnoloxías inclusivas ao profesorado que conta nas súas aulas con estudantes que requiren este tipo de soporte.

17/09/201809:09
Presentación da aceleradora.
Vigo

Os negocios dixitais copan a segunda edición de ViaExterior

O Consorcio da Zona Franca de Vigo acolleu este venres o lanzamento da segunda edición da súa aceleradora para a internacionalización de PEME, a aceleradora ViaExterior. Segundo fixo saber o Consorcio, nesta segunda entrega “mellorouse o modelo de farase un enfoque moito máis práctico”, con asesoramento personalizado para cada empresa atendendo ao seu sector e modelo de negocio. De novo dáse a circunstancia de que as novas tecnoloxías seguen a copar boa parte dos proxectos participantes. O nexo común de todos eles é o seguinte: trátase de negocios dixitais e empresas con gran potencial de comercialización en liña dos sectores TIC, turismo e benestar. Estes e outros datos foron achegados por David Regades, que deu a benvida ás 20 PEME seleccionadas e ao equipo docente e de titores. Tal e como explicou, o programa de ViaExterior que empeza hoxe consistirá nunha primeira fase de seis meses de formación e tutelaxe até chegar a un foro de investimento que se celebrará no mes de marzo onde as empresas poderán captar recursos financeiros para dar o salto a novos mercados.

Tamén lembrou que as vinte empresas que participarán este ano pertencen sobre todo aos sectores TIC, turismo, saúde e benestar, que salientan por rexistrar altas taxas de crecemento de 2017 a 2018 e “contan cun forte potencial de comercialización en liña ou están enfocadas no negocio dixital”. 

En ViaExterior, entre os meses de setembro e marzo, as participantes elaborarán o seu plan de internacionalización, para o que contarán con 20 horas de formación especializada e co acompañamento dun titor que lles guiará no desenvolvemento da súa estratexia internacional.

O primeiro obradoiro celebrado esta mesma tarde centrouse na Conxuntura económica mundial e como debe incorporarse a un plan de internacionalización a análise da situación económica dos mercados destino. A sesión estivo impartida por Mario Weitz, macroeconomista de referencia e consultor do Banco Mundial e da Comisión Europea e profesor de ESIC.

A listaxe de empresas seleccionadas é a seguinte: Beimar Suppliers SL, Beta Implants, Blim Manufacturing S.L., Bluscus - Turismo Mariñeiro, Bran Serigrafic SL, Colibri Scooters, S.L., Desarrollo Diseño & Styling S.L, Dieta Coherente. Amad Promoción de Salud S.L, Galicia Rural Alimenta S.L., Galiwonders S.L, Gift Carding S.L, Imatia Innovation, S.L., Inercial Performance, International Hypopressive and Physical Therapy Institute S.L,, IOS S.L.U, Mar Ceibe, S.L., Ozoaqua S.L, Photon Platinum Products and Services S.L., Tokapp Online, S.L. e Used World Parts S.L.

17/09/201809:09
Cartel coas actividades.
Ames

A veciñanza de Ames terá á súa disposición unha vintena de cursos TIC

O Concello de Ames vén de dar a coñecer a programación formativa local, formación TIC, para este trimestre (setembro, outubro e novembro), materializada a través da súa aula CeMIT e constituída por un variado paquete de obradoiros, cursos, charlas, exames e seminarios, todos co nexo común de mostrar algunha (ou varias) das vantaxes e potencialidades das TIC para o quefacer diario da cidadanía e para mellorar a súa empregabilidade. Trátase dunha vintena de actividades dirixidas tanto a persoas adultas como a crianzas. 

Segundo informa o Concello para obter máis información ou para reservar praza nalgunha destas actividades, as persoas interesadas pódeno facer a través da web cemit.xunta.gal/gl/centro/9, achegándose á aula CeMIT situada na Casa da Cultura de Bertamiráns, chamando ao número de teléfono 662 371 511 ou enviando un correo electrónico ao enderezo cemit.ames@xunta.gal.

As actividades deste mes de setembro comezarán cun exame EMA, unha proba presencial indispensable para acadar o diploma en determinados cursos de teleformación do Espazo Multimedia de Aprendizaxe CeMIT. A cita será este 14 de setembro, entre as 12.00 e as 13.00 horas. Asemade, o venres 19 de outubro, tamén se realizará outra convocatoria deste mesmo exame.

A seguinte actividade programada terá lugar tres días despois, o 17 de setembro, que consistirá nunha charla de Comercio electrónico e medios de pago seguro, impartida pola Escola Galega de Consumo. Ao longo deste seminario explicaranse os pasos a seguir para facer compras na Internet dun xeito seguro, así como os aspectos máis importantes para evitar fraudes, como a identificación de páxinas seguras, os distintos medios de pago e a posibilidade de abandonar a compra, entre outros. Ademais, tamén se analizarán os dereitos específicos das persoas consumidoras no caso das compras a distancia.

Por outra banda, realizaranse dous cursos destinados a maiores de idade. O primeiro deles será Edición de imaxes, que se impartirá entre o 20 e o 28 de setembro, os xoves e venres, en horario de 10.30 a 12.00 horas. Este curso ten como obxectivo introducir aos usuarios na edición de fotografía dixital, tanto en software libre (GIMP) coma en webapps (Pixlr Editor) até acadar un coñecemento transversal da materia.

Do 16 ao 25 de outubro impartirase outro curso para adultos, que leva como título Administración electrónica: introdución ás súas posibilidades. Segundo informa o Concello, estará adicado á Administración Electrónica, emprestando atención ao eDNI ou aos certificados dixitais, pasando por sistemas de identificación sinxelos como cl@ve ou chave365. Do mesmo xeito, os usuarios tamén poderán familiarizarse coa sede electrónica do Concello de Ames e a servizos como eSaúde.

Polo que se refire ao ciclo de ofimática, está formado por cinco cursos (LibreOffice Writer I, LibreOffice Writer II, LibreOffice Calc I, LibreOffice Calc II e LibreOffice Impress) que abranguen a base da ofimática, dende o procesador de textos ata as presentacións, pasando polas follas de cálculos. O Concello lembra que estes cursos non só están destinados para aquelas persoas que queiran superar as probas CODIX, senón tamén para aqueles que precisen estas ferramentas na súa vida diaria ou sintan inquedanza por ter un bo manexo delas.


Cursos para menores
A programación para menores incluirá dous cursos de mecanografía a desenvolver entre os días 2 de outubro e o 18 de decembro, o primeiro para cativos de menos de dez anos (en horario de 18.15 a 19.00 horas) e o segundo para nenas e nenos de máis de 10 (de 19.00 a 19.45 horas). Por outra banda, Introdución á Informática para menores de 10 anos será o curso que se levará a cabo todos os xoves, do 4 de outubro ao 20 de decembro, en horario de 18.15 a 19.45 horas. Nesta ocasión, buscarase que as rapazas e rapaces que non teñen experiencia no uso do ordenador se familiaricen co sistema operativo, o procesador de textos e o uso de Internet. 

Por último, ao longo destes meses, Ágora Tecnoloxía en colaboración coa Federación Galega de Asociacións Universitarias Séniors (FEGAUS), ofrecerá cinco seminarios sobre o uso do teléfono móbil:Aprende a usar o teléfono intelixente (19 de setembro, de 10.30 a 12.00), Apps interesantes que non deben faltar no teu smartphone (26 de setembro, no mesmo horario), Fotografía co teu teléfono intelixente (o 15 de outubro entre as 10.30 e as 12.00 horas), o obradoiro Facebook (o 24 de outubro no mesmo horario) e Apps para adestrar a túa memoria (o día 31 de outubro, de 10.30 a 12.00 horas).

14/09/201810:09
Premio Jo?venes ma?shumano
Madrid

Mozos emprededores utilizan as tecnoloxías para axudar e mellorar a calidade de vida das persoas

O "Premio Jóvenes máshumano" axuda ao desenvolvemento do talento e á creación de oportunidades das novas xeracións.

Fundación máshumano convoca unha nova edición dos Premios Jóvenes máshumano co obxecto de buscarmozoa emprendedores que axuden co seu talento e innovación a mellorar o mundo. Dun total de 120 equipos participantes, 20 proxectos sociais conseguiron pasar á final que se celebrará o próximo mes de novembro.

Os mozos aspirantes ao Premio máshumano presentaron os seus proxectos en tres categorías:

Premio Especial Bankinter "Mellor solución para a integración de persoas con capacidades diferentes":

  • Gamma Beacons: implantar un sistema en diferentes puntos das cidades que permita mellorar a accesibilidade de persoas invidentes.
  • humanITcare: proporcionar tratamento e seguimento a pacientes con enfermidades mentais baseado en datos reais medidos por sensores do móbil e wearable.
  • Metrociego: conseguir a total independencia das persoas con discapacidade visual en calquera tipo de transporte e crear unha comunidade de usuarios contorna á mobilidade de persoas con capacidades diferentes. 
  • World2Roll: App que axuda a persoas con "mobilidade reducida" a saber cal é a ruta máis accesible entre dous puntos.
  • Eye of Horus: dispositivo Open source para controlar calquera obxecto cotián tan só con miralo.
  • Shield Alzheimer: axudar nas necesidades que poida ter unha persoa con alzheimer mediante exercicios de memoria, educación para a saúde e contacto con familiares e médicos.
  • Voluntechies: talleres desenvolvidos con tecnoloxía para mellorar a vida do que máis necesítano como nenos/as hospitalizados ou persoas maiores.

Premio Especial O CorteInglés "Innovación ao servizo do retail":

  • Son de Tempada: ofrecer información fiable sobre as froitas e verduras que se poden comer durante ano para sensibilizar sobre o consumo responsable.
  • Ekomodo: facer un modo de vida sustentable visible e accesible á población, convertendo residuos en produtos cotiáns de deseño atractivo e funcional.
  • Evana E Tia: conectar a mulleres en risco de exclusión en algo tan bonito como o sector da moda apoiando o traballo artesanal.
  • Zocco Handmade: capacitar e apoiar a comunidades artesás e mulleres en risco de exclusión en Marrocos e India, creando complementos de moda.
  • Mouo: armario virtual que permitirá ir rotando pezas cada mes a cambio dunha mensualidade, co fin de ter un impacto positivo no medio ambiente. 
  • HomeEat: plataforma de economía colaborativa para poñer en contacto a persoas que queiran comida caseira preto deles con aqueles que desexen cociñar e conseguir un ingreso extra.

Premio Especial máshumano de "Innovación social":

  • Arte Paliativa: acompaña á dimensión emocional, espiritual e social das persoas que teñen unha enfermidade avanzada con mediación artística.
  • Asociación Cultural Musical GOA: loitar para conseguir que a música tome a importancia que lle corresponde na educación.
  • BiziPoz: programa de formación activa e participación social dirixido a persoas maiores de 55 anos para fomentar o seu envellecemento activo e saudable.
  • Exex: plataforma na que subir artícus contando experiencias humanas que se viviron para nun futuro outras persoas poidan facelas reais.
  • Novoo: plataforma que conecta a persoas con diferentes calidades para crear proxectos de maneira colaborativa unindo as habilidades dos usuarios.
  • Stop Haters: a primeira asociación española creada para loitar contra o ciberacoso.
  • Creem: App que pretende dar un diagnóstico dunha forma rápida e sinxela de todos aqueles axentes que rodean aos nenos e poidan influír na súa autoestima.

Esta nova edición do Premio Jóvenes máshumano conta, tamén, con outros galardóns de entidades colaboradoras como: IBM "Premio ao uso innovador da tecnoloxía ao servizo das persoas e a sociedade", Arrabe Integra "Premio ao emprendimiento innovador", Socios Investidores "Premio plan emprendedor máshumano" e Pons IP "Premio para a protección da innovación".

O éxito e notoriedade alcanzados tras trece anos de convocatoria son o resultado dunha intensiva colaboración público- privada de Administración Pública, Empresas e Terceiro Sector, que logrou chegar a mozos de todo o territorio nacional, involucrar a expertos en materia de talento e captar o interese de profesores universitarios, centros de emprendimiento, Community managers e medios de comunicación, entre os que destaca o apoio do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade; o Instituto da Mocidade (INJUVE); Bankinter; IBM; O CorteInglés e Fundación máshumano.

Seguintes fases do "Premio Novos máshumano"

O 14 de setembro a Fundación máshumano celebra na sede de TEAMLABS o primeiro encontro ou Starting Point no que os finalistas participarán nunha xornada de traballo para presentar os seus proxectos, obter feedback das empresas e mentores asistentes e, ademáis, compartir aprendizaxe en grupo e reflexionar sobre os seus proxectos.

Tras esta xornada, os equipos seleccionados contarán cun proceso de mentorización , no que expertos e profesionais tutelarán aos equipos para a mellora dos seus proxectos antes da final, que se celebrará o 27 de novembro en Madrid. Un gran encontro para mozos de inquietude emprendedora que poderán coñecer experiencias reais de emprendedores de éxito, e de contar con empresas e profesionais de diferentes sectores comprometidos co desenvolvemento do talento e a creación de oportunidades para as novas xeracións.

14/09/201808:09
Alberto Núñez Feijóo
Santiago de Compostela

O Goberno galego pon en marcha a sexta edición de ViaGalicia para impulsar 15 novos proxectos innovadores

Esta sexta edición estruturarase en seis fases e tras a convocatoria seleccionaranse 80 candidaturas: 40 para Lugo e 40 para Vigo

  • Lembra que desde a súa posta en marcha en 2013, ViaGalicia investiu 9,5 millóns para apoiar 160 iniciativas que permitiron xerar 339 postos de traballo
  • Di que se estruturará en seis fases e que tras a convocatoria seleccionaranse 80 candidaturas: 40 para Lugo e 40 para Vigo

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe a posta en marcha da sexta edición de ViaGalicia, a máis veterana das aceleradoras de empresas da Comunidade, que se desenvolve en Lugo e Vigo en colaboración coa Zona Franca e que, cun investimento total de 2,4 millóns de euros (dos que a Xunta achega máis do 60%), apoiará 15 novos proxectos innovadores.

Logo de precisar que esta sexta edición estruturarase en seis fases, Feijóo aseverou que tras a convocatoria seleccionaranse 80 candidaturas: 40 para Lugo e 40 para Vigo. Na segunda fase, chamada Startup Day, seleccionaranse a metade das iniciativas que pasarán á Academia, onde os participantes recibirán formación teórico-práctica sobre como definir os modelos de negocio. Logo desta terceira fase, elixiranse os proxectos que participarán no Demo Day, unha presentación pública na que se seleccionarán un máximo de 15 proxectos aos que se lles ofertará financiamento e a incorporación á aceleradora.

Sobre este punto, cómpre subliñar que as iniciativas obterán unha axuda da Axencia Galega de Innovación (25.000 euros) e préstamos participativos de XesGalicia e de Vigo Activo, o fondo de capital risco da Zona Franca, de 50.000 euros cada un.

A quinta fase, denominada aceleradora, desenvolverase en Vigo e brindará o acceso a un espazo de coworking e a posibilidade de realizar parte da titorización nas propias instalacións da empresa, algo especialmente interesante para os proxectos do sector industrial. A última fase denomínase, Investors Day, consistirá nunha presentación dos proxectos a un panel de investidores privados e institucionais.

Ademais das axudas e préstamos, o proxecto elixido como Mellor proxecto empresarial de VíaGalicia poderá acceder a un préstamo adicional de 150.000 euros: 75.000 euros por parte de XesGalicia e 75.000 euros por parte de Vigo Activo.

Desde a súa posta en marcha en 2013, ViaGalicia investiu 9,5 millóns para apoiar 160 iniciativas -das que 68 se constituíron como empresa- que permitiron xerar 339 postos de traballo.

14/09/201808:09
Red.es
Santiago de Compostela

Red.es selecciona catro proxectos galegos na súa convocatoria de turismo smart

Os proxectos beneficiarios impulsarán a aplicación das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) ao funcionamento de 24 entidades locais “eminentemente turísticas”

Red.es vén de seleccionar dúas ducias de proxectos estatais para a súa convocatoria de axudas Destinos Turísticos Intelixentes, pertencentes a nove comunidades autónomas. Destas 24 iniciativas, catro son galegas: as achegadas pola Mancomunidade do Salnés (1.489.996,42 euros), a da Deputación de Pontevedra (1.900.000,00 euros), a do Concello de Ourense (2.908.410,93 euros) e a da Deputación de Ourense (2.989.022,34) euros. En total, estamos a falar de 9.287.429,69 euros para incentivar proxectos de turismo smart na nosa terra.
A resolución, publicada hoxe, prevé mobilizar un investimento total de 68.301.624 euros, dos que Red.es, entidade do Ministerio de Economía e Empresa, achegará 42.487.769 euros (o 62%), grazas ao co-financiamento do FEDER. As entidades locais faranse cargo, pola súa banda, de entre un 20% e un 40% do custo total estimado de cada iniciativa.
Segundo informou a entidade do Goberno, os proxectos beneficiarios impulsarán a aplicación das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) ao funcionamento de 24 entidades locais “eminentemente turísticas”, de xeito que se configuren en territorios intelixentes, “con servizos diferenciais e competitivos que garantan cousas como un desenvolvemento sustentábel e accesíbel para todos e que melloren a experiencia do visitante e a calidade de vida do residente”, informou Red.es.
Esta convocatoria estaba dirixida ás entidades locais (concellos, mancomunidades, cabidos, consells e deputacións), así como ás comunidades autónomas uniprovinciais incluídas na Enquisa de Ocupación Hostaleira, elaborada polo Instituto Nacional de Estatística (INE), cunha poboación non inferior a 20.000 habitantes. Os proxectos podían ter un orzamento máximo de 6 millóns de euros, que Red.es financiaría até nun 80%.

14/09/201808:09
Sinatura do convenio
A Coruña

A Coruña prepara un evento para alentar o emprendemento TIC

O evento, que se celebrará este ano, reunirá a empresas e persoas emprendedoras para compartir a súa experiencia en mesas de debate, charlas maxistrais e encontros co público.

Quen queira traballar en novas tecnoloxías e intercambiar coñecemento innovador e emprendedor vai poder facelo na Coruña. Así nolo fixo saber esta semana o alcalde Xulio Ferreiro, durante a sinatura dun acordo de colaboración coa Asociación Galega de Innovadores en TIC do que abrollarán, en datas vindeiras, actividades para impulsar a creación de iniciativas de mercado no sector. Por exemplo un encontro específico de emprendedores e de expertos en emprendemento. O seu obxectivo será “facilitar espazos de traballo e intercambio no sector”. Na formalización do acordo tamén participou Frankie Gómez, da dita asociación.
O convenio supón unha achega de 5.000 euros por parte do Concello. Este acordo forma parte da estratexia de impulso da Concellería de Emprego e Economía Social ao desenvolvemento de proxectos no ámbito das Tecnoloxías da Información e Comunicación (TIC) e da aposta municipal polo estímulo da actividade empresarial na cidade.
O edil Alberto Lema salientou no acto de sinatura que o Goberno local busca, por medio das súas políticas no ámbito laboral e empresarial, “xerar emprego en sectores que resulten estratéxicos para A Coruña e o seu medre, como é o da innovación”. Asemade, lembrou outras actuacións neste ámbito como a sinatura, a pasada semana, coa Universidade da Coruña dun convenio para analizar as potencialidades da área metropolitana no eido da innovación e a definición dunha proposta para definir a súa estratexia de futuro ao respecto.
O evento obxecto do convenio, que se celebrará este ano, reunirá a empresas e persoas emprendedoras para compartir a súa experiencia en mesas de debate, charlas maxistrais e encontros co público. “Trátase de facilitar espazos de intercambio para fomentar tanto o aproveitamento do coñecemento como o traballo en conxunto de empresas”, indicou Lema.

14/09/201808:09
Alberto Núñez Feijóo
Santiago de Compostela

Galicia avanza na implantación da administración dixital e, por primeira vez, as xestións online superan ás presenciais

O presidente do Goberno galego constatou o avance de Galicia no eido da implantación da administración dixital onde, por primeira vez, as xestión online superan as presenciais.

  • Subliña o compromiso de seguir avanzando neste eido co obxectivo de transformar as oficinas do Rexistro nunha Rede de oficinas de atención á cidadanía e crear a figura do funcionario habilitado

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, constatou hoxe o avance de Galicia no eido da implantación da administración dixital onde, por primeira vez, as xestión online superan as presenciais.

Durante a rolda de prensa do Consello, Feijóo precisou que, segundo os datos do primeiro semestre, o 53% dos trámites realizáronse en liña, a través da sede electrónica ou dalgunha das oficinas virtuais, o que supón un crecemento de nove puntos con respecto ao mesmo período de 2017, onde a porcentaxe de documentos presentados a través de internet foi do 44%.

Así mesmo, confírmase tamén un importante incremento no uso que fan os funcionarios da Plataforma de interoperabilidade Pasaxe!, que evita que aos cidadáns volver presentar documentos que xa están en poder da Administración.

Sobre este punto cómpre salientar que, entre xaneiro e xuño deste ano, realizáronse 3,3 millóns de consultas, o que supón un incremento de máis do dobre, en concreto, un 113% máis que o ano pasado.

En relación ás notificacións electrónicas, Feijóo aseverou que cada vez son máis os usuarios que as reciben, triplicándose neste último ano o seu uso: 137.000 en xuño deste ano, fronte a 43.000 en xuño de 2017.

Pola súa banda, o número de documentos con sinatura dixital pasou de 691.000 no primeiro semestre de 2017 a máis de 1,1 millóns no mesmo período deste ano.

Durante a súa intervención, o presidente da Xunta lembrou que para lograr estes avances, foi necesario acometer outras melloras a nivel interno, como por exemplo: o Arquivo Electrónico Único e a dixitalización das principais Oficinas de Rexistro, oito sedes que concentran o 53% da documentación (Rexistro Xeral, Coruña, Ferrol, Pontevedra, Vigo, Lugo, Ourense e Rexistro da Amtega).

Feijóo concluíu garantindo o compromiso de se seguir avanzando neste eido, co obxectivo de transformar as oficinas do Rexistro nunha Rede de oficinas de atención á cidadanía, na que se apoie aos galegos para presentar documentación online; e crear a figura do funcionario habilitado, que poderá realizar trámites dixitais en nome doutra persoa.

13/09/201810:09
Grupo Fundación MAPFRE
Madrid

As startups españolas MJN-SERAS e SCOOBIC, e a austriaca BLITAB, clasificadas para a final dos Premios Fundación MAPFRE á Innovación Social

As innovacións españolas MJN-SERAS e SCOOBIC, e a austriaca BLITAB, clasificadas para a final dos Premios Fundación MAPFRE á Innovación Social

Dous proxectos españois, MJN-SERAS, o primeiro dispositivo médico capaz de predicir unha crise epiléptica, Scoobic, o vehículo de repartición sustentable que mellora a calidade do aire e axuda a salvar vidas, e o proxecto austriaco BLITAB, a única tableta táctil do mundo para persoas con discapacidade visual, foron seleccionados para participar na final dos Premios Fundación MAPFRE á Innovación Social que se celebrará o próximo 17 de outubro en Madrid, e que acollerá a emprendedores europeos e latinoamericanos que destacaron polo valor social dos seus proxectos.

O xurado, composto por directivos, actores representantes do ecosistema innovador e investidores sociais, avaliou, en cada un os proxectos o seu potencial innovador e impacto social, a súa escalabilidade e viabilidade, así como a capacidade e experiencia do equipo.

Deseñado como un certame, ao redor de tres rexións xeográficas, Brasil, resto de LATAM e Europa, o obxectivo dos Premios Fundación MAPFRE á Innovación Social é facer posible o crecemento de propostas que, polas súas características, contribúan a resolver e mellorar aspectos concretos do mundo no que vivimos nas áreas de saúde, mobilidade e cultura aseguradora.

A partir deste momento, os clasificados entran nunha nova fase da competición onde recibirán, da man de expertos do IE University, axuda e orientación para presentar as súas iniciativas. Todos volverán defender as súas innovacións na final que se celebrará o 17 de outubro en Madrid para alzarse co premio e obter 30.000 euros. En total, a Fundación MAPFRE, repartirá 90.000 euros, un por cada categoría.

462 candidaturas, 27 semifinalistas, 9 finalistas e 3 galardoados

A convocatoria, lanzada a finais de 2017, recibiu un total de 462 proxectos creados por científicos, investigadores, emprendedores e estudantes de universidades e escolas de negocio de países como Austria, Brasil, Colombia, Chile, Ecuador, Italia, México, Perú, Reino Unido e España, entre outros. Só 27 deles, os máis innovadores, optaron a un posto nas semifinais, a última celebrada o pasado 12 de setembro en Madrid. Nove deles loitarán agora por gañar a primeira edición dos Premios Fundación MAPFRE á Innovación Social.

Accede aquí á noticia completa

18/10/20189:00
1 mes 1 profesión dixital
Vigo - Sede Afundación, Rúa Policarpo Sanz, 24-26.

Machine Learning Workshop Galicia

Nos últimos anos, o interese da industria e da comunidade investigadora polas tecnoloxías asociadas ao Aprendizaxe Máquina ou Machine Learning incrementouse notablemente. Coa irrupción das tecnoloxías Big Data, a mellora dos algoritmos de aprendizaxe e a aparición do Deep Learning, esta rama da Intelixencia Artificial converteuse nun referente en case calquera campo de coñecemento.

A pesar de todos os seus beneficios para a sociedade e a industria, o seu potencial máximo está aínda por explotar, polo que temos por diante un futuro cheo de novos retos e oportunidades.

AtlanTTic asume a organización da III Edición do Machine Learning Workshop Galicia, que terá lugar o 18 de outubro de 2018 en Vigo.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS