O vindeiro 27 de setembro vai ter lugar na Cidade da Cultura #SilverBullet18, o II Congreso de Proxectos TI, que este ano ten como principal novidade a internacionalización dos seus contidos. Mentres a primeira edición serviu para facer unha prospección do panorama nacional, esta vez ampliarase o punto de mira ao escenario internacional, con experiencias que chegarán de Bruxelas e México, abrindo o foco de interese máis aló do horizonte do noso país.
Organizado polo Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), #SilverBullet18 está centrado nas novas tendencias na dirección de proxectos e xestión de persoas no ámbito TI e desenvolverase como un foro de debate dirixido a empresas e profesionais vinculados á xestión e dirección de proxectos TI, expertos, investigadores e docentes implicados na formación de futuros profesionais nesta área. O prazo de inscricións está aberto e poden formalizarse en http://silverbullet.cpetig.gal/.
Relatores
A mirada internacional terá os nomes propios de Laurent Kummer, coautor da metodoloxía oficial de xestión de proxectos das institucións europeas, publicada en 2016 como OpenPM², e autor do best seller The Lean Project Management; e Santiago Vázquez, director do Instituto de Liderado do Tecnolóxico de Monterrei (México). O panel de relatores complétase con Santiago Cabaleiro, responsable de Valor Persoas do Grupo Visual MS, empresa viguesa premiada como Best Workplace 2017, e Rafa García, fundador de Valor 2.0 e experto en productividade persoal e contornas colaborativas.
#SilverBullet18 rematará unha mesa redonda, moderada por Berta Candendo, responsable de Content Factory en Netex Learning, para avivar o debate e favorecer a participación do público sobre as cuestións máis candentes, cunha comida networking que porá fin ao II Congreso de Dirección de Proxectos.
En definitiva, trátase de amosar as tendencias metodolóxicas do panorama internacional no eido da dirección de proxectos e, complementariamente, favorecer a adquisición de habilidades de comunicación, xestión de recursos humanos e liderado.
Os nosos coñecementos en robótica e en “construción” de hardware e software libres van ter oportunidade de recibir un novo e importante pulo os días vindeiros nas Pontes, coa nova entrega dos Amigus Labs, os obradoiros makerque organizan cada pouco os membros da Asociación Amigus e Merca nas Pontes. A edición 18.5 destas actividades creativas celébrase o día 29 de setembro, como de costume no Lar da devandita vila coruñesa.
A actividade estará centrada unha vez máis na arte e na creación dixital: desta volta acometendo o desenvolvemento de novos prototipos, dende robots velocistas a pantallas interactivas, pasando pola construción colectiva dunha gran cúpula xeodésica integramente impresa en 3D. Para todo isto e máis, sinalan dende Amigus, usaranse novamente ferramentas de software e hardware libre.
Asemade, na cita traballarase arredor dun proxecto que está a coller impulso: o deseño e fabricación dunha impresora 3D de gran formato. Na xornada do 29, unha parte do planningcentrarase precisamente en preparar e dar forma á montaxe do material. Este proxecto, informa Amigus, será unha das iniciativas (amais do barco solar ou as máquinas de aire retro, entre outras) a presentar pola asociación no transcurso do evento argalleiro OSHWDem (https://oshwdem.org) que se celebra Museo Domus de A Coruña o vindeiro 10 de novembro.
Como de costume, a nova edición dos Amigus Labs emprestará especial atención á rapazada, de aí que estea programado habilitar un recanto Amigus Labs Kids, desta volta cun obradoiro de construción de prototipos con Arduino, que segundo nos lembran dende a asociación das Pontes é unha plataforma de desenvolvemento de computación física, de código aberto, baseada nunha pequena placa cun microcontrolador e un software para programala. “Veremos un pouco de electrónica e programación e como aplicalo a varios exemplos que realizaremos”, engaden os organizadores da quedada, lembrando que a idade mínima para participar tanto no obradoiro como na Amigus Labs é de 8 anos en adiante, a inscrición é de balde.
Dende o colectivo das Pontes tamén recordan que podemos asistir ao laboratorio cos nosos propios proxectos ou virmos equipados coa nosa propia computadora, a nosa impresora 3D e todo o preciso “para poder conectalo a un só enchufe”.
Xa falta menos para o inicio da quinta edición da Pont Up Store, que vai converter Pontevedra (novamente) nunha cidade virtual e literalmente innovadora: a innovación das empresas locais e galegas estará a pé de rúa e sairá ao paso da veciñanza, grazas non só á palestra de iniciativas revolucionarias de mercado da praza de Pontevedra (onde case medio cento de empresas lucirán os seus emprendementos), senón tamén ao programa de actividades programadas para diferentes recantos da cidade: até 40 actividades. Pont Up Store, organizada polo Campus local (UVigo) e o Concello, desenvolverase do 20 ao 22 de setembro.
Onte deuse a coñecer no consistorio o programa definitivo. Na cita cos medios participaron Carme Fouces, concelleira de Cultura; Javier Dios, deputado provincial de Innovacion e Promoción Económica; Jorge Soto, vicerreitor do Campus de Pontevedra; e Pedro Figueroa, director do Pont Up Store.
Os participantes no acto, logo de presentar os obxectivos da feira, metéronse de cheo nos detalles do programa, que, sinalaron, abrangue máis de 40 actividades repartidas por toda a cidade que comezará o xoves 20 ás 11.00 horas cun dos dous obradoiros I am Remarkable que Google vai impartir por primeira vez en España durante este encontro. O obxectivo deste workshop é empoderar mulleres e convidalas a que celebren os seus logros no ámbito profesional. Na cita cos medios lembrouse que esta actividade de Google encádrase nos obxectivos de reivindicación do papel da muller na empresa, marcados para este ano pola organización.
Os participaron recordaron a maiores que Google impartirá tamén unha charla inspiracional baixo o título Tips para a túa marca persoal + Mentorías Exprés impartida pola experta Loreto Gómez que enfocará a sesión a mostrar as claves da xestión da marca persoal e orientar na creación dunha estratexia para conseguir os nosos obxectivos profesionais.
O epicentro da Pont Up Store volverá ser a carpa situada na praza de España, durante os días 21 e 22, onde se mostrará boa parte da maquinaria innovadora do tecido produtivo galego. En concreto, a organización seleccionou 45 emprendementos entre un total de 144 candidaturas procedentes de toda Galicia, o que supón un 10% máis que na anterior edición. A organización lembrou tamén que este ano duplicouse o número de empendementos do ámbito tecnolóxico e incrementouse moito “a calidade das iniciativas, o seu potencial de desenvolvemento, o carácter social e o enfoque sustentable de moitas delas”. Esta edición, díxose na presentación, “confirma un mapa galego de emprendemento cada vez máis equilibrado entre as cidades e o rural, que achega o 40% do total das propostas”.
Destas 45 empresas, 37 contarán cun espazo propio de balde (na devandita carpa) para mostrar os seus produtos, ideas e servizos, e 6 terán tamén a oportunidade de participar no programa de actividades demostrativas.
A protagonista desta edición, a emprendedora Kore, estará tamén presente a través de accións performativas que terán lugar en diferentes emprazamentos durante os tres días do encontro. Como imaxe desta edición, Kore visualiza á muller como emprendedora e acompaña un programa planeado con perspectiva de xénero.
Moi preto da praza de España, na Facultade de Belas Artes, o Fab Lab Laboratorio Creativo achegaranos a partir do xoves 20 un total de 7 obradoiros dirixidos a diferentes públicos, que terán a oportunidade de vivir a experiencia da fabricación dixital de instrumentos musicais, e de introducirse tamén no eido da robótica.
A organización estrea tamén o Espazo Gaming, encamiñado a achegar o emprendemento da man dos videoxogos, a través de torneos e varios obradoiros prácticos que se desenvolverán na Escola de Restauración.
Pola súa banda, o Espazo ECOBAS ofreceranse actividades para proporcionar formación e recursos a aquelas persoas emprendedoras que aposten pola economía social.
Amais, no Puntazo Exprés dez novas empresas galegas terán a oportunidade de explicar en 5 minutos o seu emprendemento a 5 importantes executivas de grandes empresas e entidades galegas: África González, directora do Centro de Investigacións Biomédicas (CINBIO) da UVigo, presidenta da Sociedade Española de Inmunoloxía e promotora da empresa NanoInmunoTech (NIT); María Caldeiro, xerente de Fundamar; Alba Baños, responsable da área de Analítica de Redegal e Teresa Fernández-Valdés, executiva de Bambú producciones. Este ano, como novidade ás presentacións de Puntazo Exprés serán abertas ao público e haberá tempo de réplica.
A entidade estatal Red.es, pertencente ao Ministerio de Economía e Empresa, deu a coñecer este 13 de setembro a selección final de catro proxectos smart galegos para seren financiados a través da convocatoria Destinos Turísticos Intelixentes. Entre estes catro proxectos da nosa terra figura unha ambiciosa iniciativa da Deputación de Ourense, da cal vén de informar en detalle a propia entidade provincial na súa web, ante os medios e a cidadanía. Trátase de Hai un Ourense para ti. Descóbreo, unha iniciativa inserida no programa Provincia Intelixente, Plan Ourense 15.19.
Como sinalamos, Hai un Ourense para ti figurou finalmente entre as propostas elixidas por Red.es, o que significa que a provincia galega vai recibir unha inxección económica de tres millóns de euros (co-financiados aos 60 % polo Estado). A dita contía investirase na creación dunha plataforma integral de turismo intelixente que ofrecerá aos visitantes servizos tecnolóxicos como: un portal web avanzado de información turística; unha aplicación móbil de turismo da provincia; un planificador de rutas baseadas nos gustos dos usuarios; sistemas de Realidade Virtual; solucións de Realidade Aumentada, e experiencias inmersivas 360º con fotografías e vídeo.
Estes e outros datos foron achegados onte polo presidente da Deputación, Manuel Baltar, e polo director da Área de Transparencia da entidade provincial, Fernando Suárez, presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia (CPEIG). Segundo fixo saber Baltar, o proxecto incluído este ano no programa de incentivos de Red.es converterá Ourense nun “referente turístico” aproveitando o potencial dos recursos provinciais e das tecnoloxías máis vangardistas, engadindo que este recoñecemento “corrobora o traballo de innovación na xestión, realizado pola Deputación no proxecto Provincia Intelixente, colocando á nosa provincia como cumio da vangarda tecnolóxica no referente ás novas formas de xestionar os recursos turísticos”.
Manuel Baltar salientou tamén o traballo realizado por Fernando Suárez para acadar a aprobación “deste proxecto de vangarda tecnolóxica”.
A iniciativa, engadiu, permitirá aos turistas que se acheguen á provincia dispor dun acceso rápido, sinxelo e intuitivo de toda a información de interese dos principais recursos turísticos da provincia (liña Ourense ao teu alcance); de servizos personalizados baixo demanda (liña Sinte Ourense), e terán acceso a experiencias inmersivas (liña Ourense guíate).
Os aspectos clave do proxecto, engadiron Baltar e Suárez, pasan pola integración nun único punto de toda a información turística da provincia de Ourense a través dun modelo tecnolóxico aberto (esquema Open Data) sobre “a que se fomente a participación, o diálogo e a colaboración entre os turistas a través das novas tecnoloxías e as canles dixitais”.
Asemade, salientaron o factor “interoperabilidade”, xa que “a plataforma será quen de obter información de diferentes fontes de datos”; e a potenciación dos turismos accesible, activo, termal e cultural, ademais de fomentar o carácter innovador do sector turístico da provincia a través “de solucións TIC punteiras”, explicaron, entre as que se contan a información a gran escala (Big Data), a Realidade Aumentada, a Realidade Virtual, os portais web de potenciación e a mercadotecnia dixital.
Un dos puntos máis importantes e, á vez, máis complicados para os familiares dun neno cunha enfermidade rara é a comunicación cos profesionais da saúde e o proceso para comprender a situación do seu fillo.
Para facilitar esta comunicación e axudar ás familias e aos profesionais, a Federación Española de Enfermidades Raras (Feder) desenvolveu unha aplicación coa que trata de facilitar o proceso de información e a relación entre médicos e familiares.
A aplicación mostra sete situacións distintas ligadas coa comunicación, como o día que se informa aos pais sobre a enfermidade do seu fillo ou as visitas ao médico.
En cada unha destas situacións, a app inclúe un vídeo con testemuños e con información sobre como xestionar estas situacións.
A aplicación chámase "Comjuntos" e está dispoñible tanto en Android como en iOS, así como en versión web.
Apple presentou esta semana as súas novidades con novos modelos de iPhone e tamén coa renovación do seu reloxo intelixente, o Apple Watch Series 4, que incorpora nova tecnoloxía centrada na saúde e que permite mellorar a autonomía de persoas maiores e persoas con discapacidade.
Unha das características que máis chama a atención é o detector de caídas, un sistema que xa coñecemos doutras solucións pero que a compañía norteamericana incorporou ao seu reloxo intelixente.
O novo Apple Watch é capaz de detectar cando o usuario caiu e ofrécelle a posibilidade de contactar con emerxencias e coas persoas que establecese para avisar en caso de necesidade.
Ademais, se a persoa non decide nun tempo de 60 segundos se quere avisar aos seus contactos de emerxencia ou non, o reloxo mandará automaticamente un aviso indicando, ademais, a localización do usuario.
Este tipo de sistemas son moi útiles para facilitar a autonomía de persoas maiores, e tamén dalgunhas persoas con discapacidade, xa que poden avisar en caso dunha caída ou un accidente.
Ademais, o Apple Watch 4 incorpora outras novidades centradas na saúde, como a capacidade de medir a frecuencia cardíaca para detectar posibles anomalías.
Xunto a estas novas características, o reloxo de Apple renóvase tamén na súa estética e no seu interior, cunha pantalla máis grande, grazas á redución dos bordos, e un novo procesador máis potente.
Un total de 793 nenos e nenas con parálise cerebral e outras discapacidades con grandes necesidades de apoio de distintos centros educativos de ASPACE, puideron mellorar a súa aprendizaxe coas novas tecnoloxías, grazas ás accións formativas que se puxeron en marcha o curso pasado en 19 entidades ASPACE.
En total participaron neste programa 295 profesionais destas entidades, quen recibiu formación sobre as ferramentas necesarias para facilitar a utilización das novas tecnoloxías e as TIC por parte do alumnado, para así facilitarlles e reforzarlles a súa comunicación, a súa participación e a súa autonomía.
Un destes profesionais é Mónica Sala, mestra de educación especial da Fundació ASPACE Catalunya, quen comentou que "a formación recibida resultoume moi útil e interesante, xa que grazas a ela puiden obter un coñecemento máis amplo do uso das TIC na aula, cousa que beneficiará ao meu traballo directo cos alumnos e as alumnas e repercutirá directamente no proceso de ensino-aprendizaxe que realizo diariamente na escola."
Tamén Teresa Velasco, mestra de pedagoxía terapéutica na Fundación Nume engadiu que "grazas ao curso puiden ampliar os meus coñecementos sobre as TIC e os recursos que propician a intencionalidade comunicativa, facilitan unha participación activa e autónoma e en definitiva favorecen a autodeterminación dos meus alumnos e alumnas."
Os obxectivos perseguidos con estas accións formativas, foron facilitar e reforzar a comunicación e a participación do alumnado a través da utilización das TIC, desta forma conséguense satisfacer as súas necesidades emocionais e de autoestima, e ofrécenselles técnicas innovadoras que melloren a súa calidade de vida.
En concreto realizáronse dous tipos de accións formativas, Manexo de ferramentas tecnolóxicas na aula, que ten como obxectivo expoñer de maneira práctica os principais recursos tecnolóxicos para mellorar a autonomía e a participación das persoas, a través da utilización do computador, tablets, lousas dixitais, etc" para persoas con dificultades de acceso.
A segunda acción formativa que se puxo en marcha é Expresión e participación a través de distintas ferramentas tecnolóxicas, co obxectivo de coñecer os produtos tecnolóxicos aplicados na aula a través de experiencias lúdicas de aprendizaxe, facilitando a participación na contorna inmediata e social, e a asimilación de contidos pedagóxicos, adaptando a actividade ás capacidades e intereses de cada neno e nena.
O programa foi valorado cun notable por parte dos asistentes aos cursos, en concreto cun 7,24 sobre 10. En canto aos resultados obtidos durante o curso, cabe sinalar que os profesionais obtiveron información sobre os últimos recursos tecnolóxicos, para poder desenvolver actividades lúdicas e motivadoras nas aulas. Así mesmo coñeceron solucións para a adaptación de contidos en actividades utilizando os recursos TIC, para a adaptación de materiais de acceso ás TICS e á contorna (xoguetes, materiais de estimulación, etc") e para utilizar a lousa dixital para traballar contidos curriculares.
Tamén coñeceron ferramentas coas que fomentar e ampliar a comunicación do alumnado a través de debuxos, fotografías ou vídeos, e a elaboración de contos interactivos ou a adaptación de cámaras de fotos.
ONCE, a Fundación ONCE e Microsoft ampliaron a colaboración estratéxica que manteñen desde fai máis de vinte anos co obxectivo de identificar e desenvolver proxectos comúns no terreo da Intelixencia Artificial que permitan mellorar a vida das persoas con discapacidade e facilitar o seu acceso ás Tecnoloxías da Información.
O primeiro fito nesta colaboración é o establecemento dunha iniciativa conxunta para ampliar e mellorar o alcance de SoundScape, a solución de Microsoft Research para o guiado de persoas cegas en exteriores e a súa integración con BeepCon, o sistema de balizas intelixentes desenvolvido por ILUNION que facilita a identificación e localización de obxectos próximos a persoas con discapacidade visual.
Ademais, a Fundación ONCE, en colaboración con ILUNION, está a traballar no desenvolvemento dun chatbot baseado en tecnoloxía de Intelixencia Artificial de Microsoft, para mellorar a interacción e accesibilidade dos usuarios da súa páxina web.
Esta mesma tecnoloxía foi implantada en "PACA" (Persoal Accesible Cognitive Assistant), o robot que recibe aos visitantes da VII Bienal de Arte Contemporánea da Fundación ONCE, que se celebrou no CentroCentro de Madrid e mostra a obra de 31 artistas nacionais e internacionais relacionados coa contorna da discapacidade.
Esta colaboración enmárcase no foco de Microsoft polo desenvolvemento de solucións baseadas en Intelixencia Artificial dirixidas a persoas con discapacidade.
A compañía presentou o pasado mes de maio a iniciativa #AIforAccessibility, que inclúe un fondo de 25 millóns de dólares para financiar o desenvolvemento de proxectos baseados en Intelixencia Artificial por parte de centros de investigación, universidades, desenvolvedores e entidades non lucrativas.
Emilio Fernández Casado ten 59 anos e desde fai aproximadamente cinco colabora como voluntario con Cruz Vermella da Coruña no Espazo de Procura Activa de Emprego (EBAE), un punto de encontro gratuíto no que técnicos e voluntarios da entidade ofrecen información sobre como buscar emprego, seleccionar ofertas e informarse sobre cursos de formación. "O meu labor consiste, basicamente, en botar unha man aos usuarios do EBAE en cuestións tan sinxelas como facer un currículo ou actualizalo (cando sexa necesario), redactar unha carta de presentación, buscar ofertas de emprego a través de internet...", explica Emilio, quen antes de iniciar a súa colaboración con Cruz Vermella nunca realizara labores de voluntariado, aínda que "si o pensaba moitas veces". "Decidinme a dar o paso en 2013, despois de sufrir un ERE en Teléfónica, a empresa na que traballaba. Ao ter máis tempo libre, pensei que sería unha boa opción aproveitar a miña experiencia laboral para axudar a outras persoas, xa que parte do meu labor en Telefónica era, precisamente, facer formación. E decanteime por Cruz Vermella porque é unha entidade grande, cunha experiencia contrastada e sen ningunha vinculación ideolóxica", sinala.
Juan Pérez Folla, Voluntario de La Caixa e de Cáritas nas Pontes (A Coruña), xubilado de Endesa, iniciouse no voluntariado "hai aproximadamente 14 anos", cando empezou a colaborar con Cáritas Parroquial desa localidade, principalmente, "no reparto de vales de alimentos para as familias con necesidades de primeira orde", sinala. "Sempre me interesaba o aspecto benéfico de Cáritas e a súa implicación cos valores da Igrexa católica, así é que me decidín a dar o paso, e o certo é que o balance é francamente positivo", subliña Juan, quen recoñece que "o voluntariado engancha", por iso é polo que "fai tres ou catro anos", tras contactar con voluntarios da Asociación de Voluntarios Informáticos de Galicia (Asvigal) nun centro social das Pontes, decidise dar un paso máis, iniciando a súa colaboración co proxecto que desenvolve a Obra Social La Caixa na prisión de Teixeiro. "É un voluntariado diferente en tódolos sentidos, porque traballas nun contexto que non ten nada que ver, con persoas privadas de liberdade, e o labor que realizamos é tamén distinta, pois dámoslles clases de informática básica, pero ambas as experiencias resultan igual de enriquecedoras", resalta este xubilado pontés. "Estou encantado. Os presos cos que traballamos son sempre moi respectuosos", engade.