Galicia contará en novembro con cinco novas Lanzadeiras de Emprego, palestras de formación postas en marcha pola Fundación Santa María La Real, a Fundación Telefónica e a Xunta. Segundo informa a operadora de telecomunicacións, a través desta iniciativa apoiarase a un centenar de persoas en desemprego, poñendo o foco nos coñecementos tecnolóxicos, empresariais e de xestión que lles axudarán a mellorar os seus currículos. As novas academias estarán na Coruña, Ferrol, Lugo, Pontevedra e Santiago de Compostela.
Este cinco novas lanzadeiras súmanse ás 15 desenvolvidas en 2016 e 2017, experiencias previas que segundo informan as entidades impulsoras saldáronse con “bos resultados”, xa que o 60% dos 400 participantes modificaron a súa situación laboral, xa fóra con emprego por conta propia ou allea.
Desta volta, como novidade, a iniciativa non estará destinada exclusivamente á mocidade, senón que a súa participación ábrese a persoas en situación de desemprego con idades comprendidas entre os 18 e os 60 anos. Poderán ter calquera nivel de estudos e proceder de calquera sector laboral.
As persoas interesadas en participar nesta iniciativa, que conta con co-financiamento do Fondo Social Europeo dentro do programa operativo POISES, dispoñen até o 31 de outubro para presentar a súa inscrición na web das Lanzadeiras e nas Oficinas de Emprego habilitadas nas cinco cidades.
Estes acubillos de formación comezarán a funcionar a mediados novembro con 20 prazas cada unha. As vinte persoas que resulten seleccionadas en cada cidade, reuniranse varios días á semana en locais cedidos de balde pola Xunta de Galicia. Coa guía e orientación dun técnico especializado da Fundación Santa María La Real, levarán a cabo diversas actividades para optimizar a súa procura de traballo: talleres de intelixencia emocional, dinámicas de comunicación, marca persoal e procura de emprego 2.0; adestramento de entrevistas de traballo; elaboración de mapas de empregabilidade e visitas a empresas.
Os nosos proxectos tecnolóxicos contan cun novo espazo onde coller impulso. Estamos a falar da palestra de emprendemento innovador de Estrella Galicia, The Hop, unha iniciativa de aceleración onde a Intelixencia Artificial, a información a gran escala (Big Data), a Internet das Cousas (IoT), a robótica, as apps e os bots constitúen o alicerce de boa parte dos proxectos presentados: un total de 130 propostas de innovación achegadas por 420 emprendedoras e emprendedores. O programa forma parte do Plan de Transformación Dixital da cervexeira galega e a súa metodoloxía principal é a de fomentar a colaboración. As startups acelerables teñen orixe na nosa terra pero tamén no resto do territorio estatal, en Brasil, no Reino Unido e na contorna europea por enteiro.
The Hop, como lembraremos, presentouse o pasado 31 de maio, buscando recoñecer un espírito innovador e emprendedor que tamén posibilitou, no pasado, a posta en marcha da cervexeira galega. A idea, en palabras de Estrella Galicia, foi achegar “unha panca de desenvolvemento para outras empresas emerxentes co obxectivo de medrar xuntas e avanzar nos seus respectivos proxectos”. A empresa de bebidas incorporará, por unha banda, a innovación tecnolóxica destes emprendedores nas principais áreas da súa cadea de valor (aprovisionamento, fabricación, loxística, xestión, mercadotecnia e comercialización) e, en troques, os equipos cuxo proxecto fose elixido para os Premios The Hop recibirán recursos para seguir formándose e impulsar definitivamente as súas metas.
A xeito de curiosidade, a empresa galega lembra que o nome “hop” ten dous significados en inglés cuxa confluencia e interacción resume á perfección a natureza do programa: “lúpulo” e máis “chimpo”.
A primeira convocatoria de recepción de candidaturas pechouse hai uns días con 130 proxectos presentados: os integrantes da Comunidade de Hoppers. Segundo sinala Ignacio Rivera, director executivo da compañía, “estamos moi satisfeitos coa acollida que tiveron os Premios The Hop, xa que son un indicativo da boa saúde da que gozan aquí as startups e as ideas tecnolóxicas aplicables ao sector cervexeiro. Nós aínda mantemos a cultura do emprendemento e o espírito craft despois de 112 anos e vemos que é hora de apostar por novos talentos, axudarlles a desenvolver con éxito os seus proxectos de innovación e aprender deles”.
En The Hop, o perfil dos inscritos correspóndese ao dunha firma nova e innovadora, con dous empregados de media, que conta cun prototipo desenvolvido ou produto mínimo viable. Os proxectos presentados buscan resolver problemas nas áreas de comercialización e mercadotecnia (61%) seguido da área de xestión (11%), loxística e aprovisionamento (9%) e, por último, fabricación (7%). O 12% restante das participacións encádrase noutro tipo de proxectos. A maioría dos traballos están baseados en tecnoloxías de análise, xestión e aproveitamento da información.
The Hop dará en datas vindeiras un novo paso adiante, coa selección de 18 proxectos finalistas. O 2 de outubro, nun evento a celebrar en Santiago de Compostela, os responsables das iniciativas elixidas defenderán as súas ideas nun Pitch Day perante un xurado profesional que decidirá ao final da xornada os gañadores do certame. A media ducia de startups elixidas vivirán a partir de entón “unha apaixonante experiencia” en palabras de Estrella Galicia, que explica que as empresas impulsaranse dacabalo entre Madrid e A Coruña, “mergullándose de cheo na identidade corporativa e cultural de Estrella Galicia, ademais de acceder a unha formación experiencial e á aceleración dos seus proxectos dentro do ecosistema da compañía”.
Está claro que o primeiro paso para que a tecnoloxía sexa accesible para persoas con discapacidade, é que os dispositivos incorporen as axudas necesarias para que os poidan usar o maior número de persoas posible.
Pero tamén é fundamental que os usuarios coñezan a existencia desas axudas e saiban como acceder a elas, e por iso Samsung decidiu dedicar unha web exclusiva ás opcións de accesibilidade que incorporan os seus teléfonos.
Baixo o título "Tecnoloxía para todos", un lema que en Tecnobility énos moi coñecido, Samsung presentou esta web na que incorpora tutoriais en vídeo para poder activar e utilizar cada unha das axudas de accesibilidade.
Ademais, ofrece aos usuarios con discapacidade a posibilidade de descargar un perfil predefinido de axudas en función da discapacidade de cada un, de maneira que os poden baixar ao seu teléfono e activar automaticamente esas axudas.
Para acceder a esta web podedes entrar nesta ligazón. A páxina divídese en distintas seccións, que son Voz, Visión, Audición, Destreza e Interacción, Historias e Perfís.
Nas catro primeiras seccións os usuarios atoparán explicacións das distintas opcións dispoñibles para axudarlles a utilizar o smartphone. Pola súa banda, en Historias atoparán noticias sobre Samsung e a Accesibilidade dos seus dispositivos; e en Perfís acharán os ficheiros descargables para configurar os seus teléfonos.
O lanzamento desta web por parte de Samsung é unha mostra da importancia que a compañía coreana pon sobre a accesibilidade e no obxectivo de levar a tecnoloxía a todas as persoas.
Google organizou este luns en Madrid unha sesión de formación dixital dirixida a persoas con perda de audición, coincidindo co Mes Internacional da Xordeira.
Esta iniciativa enmárcase en Google Activate, o programa da compañía que fomenta a empregabilidade mediante as competencias dixitais. Na celebración da xornada colaboraron a Secretaría de Estado de Servizos Sociais, a Fundación ONCE, Fiapas, CNSE, Cermi e Visualfy.
A xornada, que tivo lugar no Campus Madrid de Google, foi inaugurada pola Secretaria de Estado de Servizos Sociais, María Pilar Díaz López, e Francisco Ruíz Antón, director de Políticas e Asuntos Públicos de Google España.
Preto de 200 persoas asistiron á clase maxistral 'Transformación dixital: emprego e marca persoal', unha sesión de dúas horas de duración centrada en coñecer os novos perfís profesionais asociados ao sector dixital, así como aprender nocións para xestionar a marca persoal 'offline' e 'online'.
Durante a súa intervención, Francisco Ruiz Antón, explicou que é necesario comprender o impacto que a transformación dixital está a ter no mundo laboral. "Só en España calcúlase que se crearán ao redor de 2 millóns de postos de traballo ligados á economía dixital de aquí a 2030. Por iso, desde Google levamos anos apostando pola formación en competencias dixitais para todos, para que ninguén quede atrás", afirmou o directivo de Google.
Ademais, o evento contou coa participación de Manel Alcaide, CEO de Visualfy, empresa que desenvolve e adapta a tecnoloxía a favor de persoas xordas e/ou cegas. Para Alcaide, que impartiu unha charla sobre emprendemento tecnolóxico e talento na comunidade con perda de audición, "é fundamental que o colectivo de persoas con discapacidade auditiva se crea capaz e se forme en novas tecnoloxías; cada vez somos máis empresas as que cremos neles e estamos a desexar darlles oportunidades."
O evento tamén contou coa presenza de Alberto Durán, vicepresidente da Fundación ONCE e conselleiro xeral adxunto ao presidente da ONCE; José Luís Aedo Cuevas, presidente da Confederación Española de Familias de Persoas Xordas (Fiapas); Concepción María Díaz Robledo, presidenta da Confederación Estatal de Persoas Xordas (CNSE), e vicepresidenta do Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade (Cermi).
O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, anunciou onte pola mañá que Sanidade destinará máis de 6,6 millóns de euros para contratar innovación que “nos axudará a seguir construíndo un sistema sanitario capacitado para liderar o envellecemento activo e saudable”. Así o afirmou na xornada de presentación dos novos pregos de contratación pública do Plan de Innovación sanitaria-Código100, promovido pola Consellería de Sanidade, a través da Axencia do Coñecemento en Saúde (ACIS)
Para Almuiña, “o gran valor do Plan Código100 reside en promover un modelo de innovación centrado nun reto común e capaz de integrar a todos os membros do sistema, desde os profesionais sanitarios ata os pacientes”. Código100 pretende converter a Galicia nunha rexión de referencia en innovación en envellecemento activo; unha rexión onde “se poida vivir con calidade 100 anos e onde se innova para alcanzar este fin”.
Entre os procedementos de contratación de compra pública innovadora destaca a incorporación de contratación de biotecnoloxía, intelixencia artificial, realidade virtual e big data. Do total de procedementos, hai 13 licitacións por valor de 6,6 millóns de euros, e outros dous procedementos xa adxudicados.
Están marcadas tres grandes liñas de actuación: terapias, profesionais e empoderamento de pacientes. Cada unha destas liñas orientarán respectivamente a investigación cara o desenvolvemento de novas terapias, biomarcadores, ou test multimarcadores; a creación de novos servizos, plataformas tecnolóxicas ou sistemas que melloren as actuacións profesionais mediante ferramentas virtuais ou de xestión para unha mellor xestión do talento e do coñecemento; e o desenvolvemento de solucións a través de novas tecnoloxías que aumenten a autonomía dos pacientes de patoloxías crónicas para mellorar a calidade de vida dos pacientes crónicos e reducir a dependencia da súa familia e do sistema sanitario.
Almuiña destacou que a Consellería de Sanidade e o Sergas son pioneiros no uso dos novos procedementos de contratación como ferramenta para impulsar o I+D+i e o desenvolvemento sostible. “O sector sanitario en Galicia iniciou en 2011 un camiño sen precedentes en compra pública innovadora, categorizado como o máis ambicioso en España ata entón”, afirmou Almuiña, en relación aos programas de Innova Saúde e Hospital 2050.
Na súa intervención, o conselleiro de Sanidade mencionou as vantaxes da Compra Pública Innovadora (CPI) que supón unha nova forma de compra a través dun “contrato que a adiministración pública pon a concurso a fin de satisfacer unha necesidade non cuberta, mediante unha solución innovadora”.
O titular da carteira sanitaria explicou que nas consultas realizadas ao mercado dentro deste proxecto houbo 94 participantes, dos cales o 80% foron empresas, e recibíronse 215 propostas.
A xornada de onte enmárcase dentro do Plan de Innovación sanitaria-Código100 executado no marco dun convenio de colaboración entre o Servizo Galego de Saúde e o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, financiado nun 80% por Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional 2014-2020 do Programa Operativo de Crecemento Intelixente (POCINT).
A Federación Galega de Asociacións Universitarias Séniors (FEGAUS), no marco das súas actividades como aliado do Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020 da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), inicia un ciclo de doce charlas informativas sobre o uso de dispositivos móbiles. Estas actividades están dirixidas, preferentemente, a persoas maiores pero poden acudir todas as persoas interesadas en ampliar os seus coñecementos na utilización dos dispositivos móbiles.
Os contidos, explicados dunha forma amena e sinxela, están orientados para que os asistentes saquen o máximo dos seus dispositivos móbiles. Desde o uso de aplicacións e recursos orientados á planificación de viaxes, aos trámites electrónicos, á lectura, á fotografía e o vídeo ata o pago por internet ou as aplicacións relacionadas coa saúde e os coidados para una madurez mais activa.
Estas actividades informativas son gratuítas e desenvolveranse dunha charla cada semana dende mediados de setembro ata primeiros decembro, en horario de 10:30 a 12:00 horas. Estas charlas poden seguirse en streaming dende calquera das dezasete aulas CeMIT que participan e que ofertan un total de 1500 prazas.
As aulas que retransmitirán algunha ou todas estas actividade son: Ames, Arzúa, Beariz, Betanzos, Carballedo, Cuntis, Fisterra, Guitiríz, Marín, Ortigueira, Padrón, Pontedeume, O Porriño, San Sadurniño, Santa Comba, Valga e Vilanova de Arousa.
É recomendable poñerse en contacto cos responsables das aulas CeMIT participantes en cada unha dos seminarios ou inscribirse en calquera delas a través de internet na web https://cemit.xunta.gal, sendo o único requisito esixible o de ser usuario da Rede.
Aliad@s Dixitais
FEGAUS é un dos 700 aliados dixitais do Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020, impulsado pola Amtega, ao que se poden adherir como tales a aquelas empresas e entidades interesadas en participar no desenvolvemento da sociedade dixital en Galicia no marco da súa responsabilidade social empresarial, mediante a achega de recursos financeiros, humanos ou, como neste caso, de coñecemento.
O Plan de Inclusión Dixital é a estratexia autonómica para facilitar a calquera persoa, independentemente do nivel dixital no que se atope, avanzar, madurar e acceder a maiores niveis de coñecemento e uso das TIC.
FEGAUS (Federación Galega de Asociacións Universitarias Sénior) agrupa a 7 asociacións de alumnos e ex-alumnos dos Programas de Maiores dos 7 campus universitarios pertencentes ás tres universidades de Galicia: Santiago, A Coruña e Vigo, contando con arredor de 2.000 alumnos sénior.
A Rede CeMIT
A Rede CeMIT é unha iniciativa posta en marcha pola Amtega e conta coa colaboración de 92 concellos e 53 comarcas e está integrada por 98 aulas, co obxectivo común de transformar á cidadanía galega nunha sociedade plenamente integrada na sociedade dixital. A rede é un dos instrumentos principais do Plan de Inclusión Dixital de Galicia para ofrecer a cidadanía recursos de capacitación dixital en función do seu nivel de coñecemento.
Datas dos seminarios online
|
19/09/2018 - Aprende a usar o teu teléfono intelixente. Coñece o seu potencial e funcionalidades |
|
26/09/2018 - Aplicacións interesantes que non poden faltar no teu teléfono. Escolle e selecciona as apps do teu interese |
|
03/10/2018 - Recursos e utilización do navegador Google Chrome. Configura o teu navegador e garda as túas buscas |
|
10/10/2018 - Uso de Google Maps. As mellores aplicacións para os teus desprazamentos e viaxes |
|
15/10/2018 - Fotografías con teléfonos intelixentes. Trucos e consellos prácticos para a túa cámara dixital |
|
24/10/2018 - Que é Facebook e cómo se utiliza. Busca e participa en grupos do teu interese |
|
31/10/2018 - Aplicacións para adestrar a túa memoria a través do teu móbil. Exercita e entrena a túa mente |
|
07/11/2018 - Características dos dispositivos "conectados" e "wearables" (vestibles). Reloxes intelixentes e como se usan |
|
14/11/2018 - Aplicacións móbiles útiles nas túas viaxes. Gastronomía |
|
21/11/2018 - Vídeo dixital. Aprende a crear e editar vídeos co teu móbil |
|
28/11/2018 - Lectura dixital: recursos online e bibliotecas en Internet |
|
12/12/2018 - Como usar YouTube e ter a túa propia canle para almacenar os videos que che interesan |
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publicou onte no Diario Oficial de Galicia a convocatoria do I Premio de Innovación Bibliotecaria de Galicia, un certame co que o Goberno galego quere recoñecer os proxectos ou boas prácticas que busquen resultados positivos para a persoa usuaria, que sexan adecuados e pertinentes para o contexto local no que se atopan e que sexan sostibles no tempo e creativos.
Con este novo galardón, a Secretaría Xeral de Cultura, a través da Subdirección Xeral de Bibliotecas, promove o traballo das bibliotecas e axencias de lectura de Galicia impulsando e dándolles visibilidade a iniciativas que melloren o acceso da cidadanía á cultura, á información e á educación libre e gratuíta. Dotado con 3.000 euros e un distintivo para os gañadores, o premio pon tamén en valor os cambios substanciais que se están a levar a cabo nas bibliotecas públicas co fin de satisfacer as necesidades das persoas usuarias.
Poderán presentarse ao premio todos aqueles centros que pertenzan á Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia e que teñan un proxecto –conxunto de actividades cun fin común, que se realizan para producir bens ou servizos que satisfagan necesidades ou resolvan problemas– ou boas prácticas –experiencia ou actividade concreta para mellorar unha situación determinada– que estean xa executados ou desenvolvidos no momento da convocatoria do concurso.
Os proxectos ou boas prácticas que opten ao premio teñen que estar relacionados coas áreas de aprendizaxe ao longo da vida; biblioteca dixital e redes sociais; cohesión e inclusión social; posta en funcionamento de servizos innovadores e/ou sustentabilidade ambiental.
O prazo de presentación de solicitudes remata o día 18 de outubro e as bases poden consultarse no DOG.
Ademais do certame, a Secretaría Xeral de Cultura pon en marcha este ano a I Xornada de Bibliotecas Públicas de Galicia, que, baixo o lema As bibliotecas públicas do futuro: as bibliotecas en proceso de cambio, se celebrará o venres 26 de outubro no auditorio Neira Vilas da Biblioteca e Arquivo de Galicia, na Cidade da Cultura.
A xornada, organizada pola Subdirección Xeral de Bibliotecas, está dirixida a profesionais bibliotecarios de toda a comunidade e o prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 30 de setembro na web http://rbgalicia.xunta.gal.
O Concello de Santiago mellorará a empregabilidade de 85 mozas e mozos no sector das novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación. A iniciativa, que se vai materializar a través do programa Impulsa e da Axencia Local de Colocación (que levará a cabo as inscricións e o proceso de selección), está destinada a persoas de entre 16 e 30 anos que se atopen en situación de desemprego e que non participen en ningunha acción formativa ou educativa.
O programa conta con cinco itinerarios formativos: Confección e publicación de páxinas web, Desenvolvemento de aplicacións con tecnoloxía web, Xestión de marketing e comunicación, Manexo de drons especializados no uso para o sector audiovisual e Community Manager.
Para participar nestas liñas de formación e adestramento é preciso ser graduado ou graduada en Bacharelato ou equivalente, salvo no caso do itinerario de Confección e publicación de páxinas web, para o que se solicita o título de ESO ou equivalente.
As persoas interesadas deberán inscribirse na web da Axencia Local de Colocación, que ten a súa sede no edificio Cersia, en San Lázaro. O prazo para facelo ficará aberto até o 20 de setembro.
O programa Impulsa conta cunha subvención da Dirección Xeral de Relacións coas Comunidades Autónomas e Entes Locais, do Ministerio de Presidencia, por importe de 526.564,16 euros. A achega de fondos propios do Concello será de 46.473,34 euros.
Para poder localizar información en diferentes formatos como arquivos, imaxes e diferentes tipos de elementos de forma rápida, é necesario organizalos previamente para así atopalos e manexalos adecuadamente.
Neste curso coñeceremos as formas e medios que existen de almacenamento. É fundamental se queremos lograr manexar a información correctamente.
Contidos:
Na actualidade existen miles de aplicacións que podemos instalar no noso teléfono polo que ás veces non resulta sinxelo escoller aquelas que máis se adaptan ás nosas necesidades.
Neste curso coñeceremos aplicacións populares e útiles que nos facilitarán os nosos quefaceres do día a día.
Contidos:
Coñece todas as aplicacións que non deberían faltar no teu teléfono móbil!