main content

main content
11/09/201810:09
Cartel do evento
Vigo

Fabricantes e profesionais do sector dixital reúnense en Vigo para compartir novidades

Entre o 12 e o 14 de setembro, vaise celebrar en Vigo e Nigrán un congreso sobre novidades e tendencias do sector das novas tecnoloxías e a electrónica de consumo.

Esta semana, entre o 12 e o 14 de setembro, vaise celebrar en Vigo e Nigrán un congreso sobre novidades e tendencias do sector das novas tecnoloxías e a electrónica de consumo. O que é o mesmo: un evento sobre as principais metodoloxías futuras para achegarnos ao coñecemento e aos contidos dixitais. O evento, que vén da man do almacenista galego Telenets, con sede en Mos (Pontevedra), xuntará nun único escenario a boa parte representantes do sector: fabricantes de tecnoloxía e electrónica de consumo, grandes cadeas e tendas de electrónica e telefonía.
O programa inclúe xeiras de networking e reunións profesionais onde os asistentes poderán compartir e avaliar as novidades previstas para os vindeiros meses así como as tendencias do sector, mesmo “chegando a acordos estratéxicos”, sinala a organización, que engade que esta primeira edición do evento celebrarase dacabalo entre as localidades de Vigo e Nigrán, xuntado compañías de primeira orde, “os grandes actores do mercado das tecnoloxías”, como por exemplo Alcatel, Toshiba, Hisense, TP-Link, Panasonic, Wiko, Schneider, Facitel, Ulefone, Chuwi, BlackView ou Energy Sistem. A estes uniranse grandes cadeas do sector como PhoneHouse Portugal, Bymovil, Leclerc, ProLab Andorra ou Supermercados Froiz, entre outras.
En palabras dos organizadores, “a celebración deste congreso supón un punto e seguido na traxectoria ascendente de Telenets, que nos últimos seis meses ampliou de maneira notábel a súa carteira de marcas e referencias converténdose en importador exclusivo para España e Portugal de marcas como Ulefone, Chuwi, ou Blackview, ademais de contar coa súa propia marca de telefonía sénior, Facitel, referente do seu sector”. Así mesmo, Telenets lembra que no seu catálogo atópanse algunhas das marcas máis potentes do escenario comercial presente, como Samsung, Huawei ou Gigaset.
En palabras de Álex Cabo, director de operacións de Telenets: “Expomos a celebración deste primeiro congreso como a ocasión ideal para demostrar a nosa confianza a provedores e clientes forxando, ao mesmo tempo, unhas relacións comerciais e estratéxicas fortes de face a enfrontar os retos do futuro”.

11/09/201810:09
Participantes nunha das actividades formativo-tecnolóxicas da Cámara de Santiago
Santiago de Compostela

As posibilidades do micromecenado, ao detalle nun obradoiro da Cámara de Santiago

A Cámara de Comercio de Santiago de Compostela vainos formar en metodoloxías para acadar financiamento a través das canles dixitais,

A Cámara de Comercio de Santiago de Compostela vainos formar en metodoloxías para acadar financiamento a través das canles dixitais, tanto a través dos servizos máis referenciais de micromecenado (o que se chama crowdfunding) como entrando en contacto directo cos business angels que desenvolven o seu labor de captación e investimento ao abeiro do ámbito online.
Nesta liña insírese o obradoiro de balde (a desenvolver entre o 17 e o 21 de setembro) Como atraer financiamento para a creación dun proxecto empresarial, que se celebra no viveiro de empresas de Costa Vella, en horario de 10:00 a 14:00 horas. Esta actividade, inserida no programa de actuación 2018 da Rede Eusumo (a rede de colaboración da Secretaría Xeral de Emprego da Xunta de Galicia para o fomento do cooperativismo e a economía social), está dirixida a socios e persoas vencelladas a proxectos cooperativos ou de economía social, emprendedores ou persoas interesadas en xeral. Un dos obxectivos do taller é que os participantes coñezan os distintos sistemas de financiamento de proxectos, tanto públicos como privados, con especial referencia aos máis innovadores, como son o crowdfundig ou os business angel.
Ademais, os alumnos aprenderán a resolver supostos prácticos sobre o financiamento dunha empresa, coñecerán modelos de presentación para solicitar financiamento para un proxecto de empresa e analizarán como realizar presentacións eficaces de proxectos.

10/09/201809:09
InLugo
Lugo

A Fundación TIC pon a disposición dos maiores lucenses 1.165 prazas en 87 cursos

Suma e segue a formación tecnolóxico-dixital da Deputación de Lugo. Hoxe mesmo, a entidade que preside Darío Campos deu a coñecer o programa de obradoiros da Fundación TIC para a recta final de ano, un programa concibido para abranguer a meirande cantidade de xente e para avanzar novos pasos en materia de alfabetización dixital. De feito, vén con 1.165 prazas e un total de 87 cursos e obradoiros a impartir na sede do InLugo na cidade da Muralla e máis nas vilas e aldeas do rural.
Estes e outros datos viñeron da man do propio presidente Darío Campos, quen tamén fixo balance dos importantes froitos acadados ao longo de 2018 a través desta actividade dinamizadora e capacitadora, moi envorcada na xente maior. Segundo anunciou, este último trimestre de 2018 a Fundación TIC desprazarase novamente ao rural logo “do éxito rotundo dos cursos que se impartiron en diversos concellos da provincia na anterior edición do programa”.
Campos tamén lembrou que xa está aberto o prazo de inscrición nas actividades formativas en www.fundaciontic.org, www.deputacionlugo.gal ou no teléfono 982 225 186.
Campos Conde, que estivo acompañado pola alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López, e o patrón da TIC e deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos, dixo que “desde o Goberno da Deputación apostamos un trimestre máis polo fomento do uso das novas tecnoloxías entre os lucenses de máis de 55 anos porque cremos firmemente na súa utilidade como unha ferramenta que axuda a mellorar a calidade de vida das persoas maiores”. O máximo responsable provincial anunciou tamén que, desta volta, as accións formativas levaranse a cabo nas últimas semanas de setembro e outubro.
Por outra banda, o titular da Deputación mostrou a súa satisfacción por ter comprobado “como os maiores do rural se animan cada vez máis a manexar o móbil e o ordenador”. Na súa opinión, tanto a Internet como diversas aplicacións son “especialmente útiles para as persoas que viven soas ou en localidades dispersas”, unha situación na que están moitos lucenses maiores, lembrou, engadindo a vontade da Deputación de renovar esforzos achegando as TIC á veciñanza, e non ao revés, co fin de que a xente non teña que desprazarse do seu lugar de residencia.
Novidades
Amais de todo o devandito, o presidente da TIC fixo saber que “este trimestre haberá varias novidades”, todas co nexo común de atender as demandas dos usuarios e actualizar coñecementos xa que, “no caso da novas tecnoloxías, os contidos cambian con moita rapidez”, sinalou. Entre estas novidades figuran a posta en marcha dun segundo nivel de Internet para buscas máis avanzadas e obradoiros de pedidos por Internet, cambio de contrasinais e copias de arquivos. Asemade, incluirase por vez primeira un curso de retoque e composición de fotografía por computador, que se suma ao que xa hai no móbil.
Por outra banda, e respondendo ás solicitudes das usuarias e usuarios, incrementarase o número de talleres de memoria, entre os que haberá unha actividade a desenvolver coa consola Xbox, e, ao abeiro da programación habitual, terán especial presenza os cursos de móbil e de aplicacións como Facebook, Instagram ou Whatsapp, que segundo lembrou o presidente contan con gran número de seareiros.
Inscricións
O presidente provincial aconsellou ás persoas interesadas en participar nestas accións formativas a “que se apunten canto antes”, xa que as prazas “quedan cubertas habitualmente ás poucas horas da apertura de prazo de inscrición”.

10/09/201809:09
Portátil
Ferrol

As empresas de Ferrolterra contarán cunha acción formativa para facer mercado coa axuda das TIC

A Asociación de Empresarios Ferrolterra e a Galicia Business School van achegar recursos ás empresas de Ferrolterra para explorar novos mercados e tirar proveito das ferramentas dixitais para conseguilo.

A Asociación de Empresarios Ferrolterra e a Galicia Business School van achegar recursos ás empresas de Ferrolterra para explorar novos mercados e tirar proveito das ferramentas dixitais para conseguilo. Este é o obxectivo principal do acordo acabado de formalizar entre as dúas entidades, que conta con financiamento da Xunta de Galicia, o Fondo Social Europeo e o IGAPE.
Trátase, en detalle, dun programa formativo para capacitar ao tecido produtivo local perante un desafío que atinxe a todas as empresas, sexan do sector que sexan: para medrar cómpre internacionalizárense. E empregar a fondo e eficazmente as novas tecnoloxías é a fórmula que se impón.
Con este proxecto de formación-acción desenvolveranse conceptos e aplicaranse na práctica, de xeito que, ademais dos coñecementos adquiridos, as empresas participantes poderán levar á súa realidade un plan de seu que marque as pautas para a internacionalización da súa compañía a través de canles dixitais. “Isto”, sinalan a AEF e GBS, “permitirá potenciar a posición exterior aproveitando a redución de custos e a velocidade de execución que as canles dixitais permiten”.
O programa formativo Diploma Profesional en Internacionalización a través de canles dixitais terá unha duración de 32 horas, e será impartido por expertos docentes nas diferentes temáticas devanditas: Manuel Alonso Coto, Rubén Bastón Meira e Laura María Vázquez Viaño.
O programa completo está dispoñible na web da AEF www.empresarios-ferrolterra.org e o prazo de inscrición finaliza o luns, 10 de setembro. As persoas interesadas en obter maior información poden contactar coa AEF no 981 33 33 05 ou través do correo info@empresarios-ferrolterra.org

10/09/201808:09
Cartel do concurso
Boqueixón

Boqueixón lanza a sexta convocatoria do seu certame de fotografía dixital

Concello de Boqueixón vén de poñer en marcha a sexta edición do seu certame dixital destinado a mostrar, colectivamente, as mellores imaxes dos moitos atractivos turísticos do termo municipal.

O Concello de Boqueixón vén de poñer en marcha a sexta edición do seu certame dixital destinado a mostrar, colectivamente, as mellores imaxes dos moitos atractivos turísticos do termo municipal. En palabras do Goberno local, o Concurso de Fotografía Paisaxes de Boqueixón ten “o obxectivo de fomentar a creatividade e dar a coñecer ao público en xeral a diversidade e riqueza histórica, cultural e etnográfica do municipio”.
O certame está aberto ao público en xeral e cada participante poderá presentar ata un máximo de 3 fotografías. A temática das imaxes deberanse tomar no municipio de Boqueixón e centraranse en aspectos como a riqueza histórica, cultural, etnográfica e paisaxística. O prazo de envío das propostas finalizará o próximo 2 de novembro.
O Concello tamén informou que o xurado seleccionará un total de 12 imaxes e que estas empregaranse, unha por mes, para elaborar o calendario do 2019 que edita o Consistorio.
Ademais, desta escolma inicial sairán as tres instantáneas vencedoras. Os premios entregaranse en forma de vales de compra que se poderán trocar en calquera estabelecemento do municipio. O primeiro premio estará dotado cun vale de 200 €; o segundo, cun vale de 100 €, e o terceiro, cun vale de 50 euros. O fallo do xurado darase a coñecer o 21 de novembro.
Segundo se especifica nas bases do certame, a inscrición deberase realizar a través da páxina web municipal www.boqueixon.com. Cada participante deberá cumprimentar e asinar a folla de inscrición e enviar as fotografías en formato .jpg nun arquivo que leve o nome do título da fotografía, que terá unha resolución mínima de 2000x1500 px.

10/09/201808:09
Feira OSHWDem
A Coruña

A Coruña certifíciase como cidade argalleira coa nova edición da OSHWDem

O vindeiro 10 de novembro celebrarase na Coruña, novamente no Domus, a feira OSHWDem (Open Source Hardware Demonstration), unha quedada argalleira para xente de todas as idades e que quere servir para facer comunidade arredor das tecnoloxías abertas mediante a exhibición interactiva e participativa de enxeños, inventos e propostas innovadoras.

O vindeiro 10 de novembro celebrarase na Coruña, novamente no Domus, a feira OSHWDem (Open Source Hardware Demonstration), unha quedada argalleira para xente de todas as idades e que quere servir (entre outras cousas) para facer comunidade arredor das tecnoloxías abertas mediante a exhibición interactiva e participativa de enxeños, inventos e propostas innovadoras. Unha vez máis o programa contará con demostracións de aparellos e programas open source, competicións de robots de todos os niveis de sofisticación e máis obradoiros e charlas sobre estas tecnoloxías.
O encontro vén da man da asociación Bricolabs, que leva desenvolvéndoo desde 2012. Segundo explican dende Bricolabs, a OSHWDem é unha feira de tecnoloxía onde se expoñen inventos cun nexo común: todos eles son proxectos libres, é dicir, que as súas especificacións, esquemas e código foron publicados, de maneira que calquera poida estudalos, entender o seu funcionamento, replicalos e mesmo melloralos. A idea de Bricolabs é que os enxeños en exposición non deixen a ninguén indiferente ao tempo que cobren (no plano temático) calquera ámbito de actuación que se nos ocorra: novas tecnoloxías, robótica, arte, Internet das Cousas, electrónica, hardware, software, etc.
Amais do devandito, Bricolabs engade que “durante a feira celébranse competicións de robótica onde poderemos ver máquinas pelexando de forma autónoma, resolvendo complexos labirintos de tamaño real á velocidade da luz e competindo entre eles en carreiras incríbeis”.
En termos máis concretos, o programa de actividades inclúe cousas tan interesantes como un reto Clonewars ou (previamente) un obradoiro de construción do robot velocista Cyclops, que se celebra o 6 de outubro, tamén no Domus, e que xira arredor de Cyclops, o proxecto open source de Rubén Espino.
Cifras e fitos
Dende a súa posta en marcha, a feira deu acollida a máis de 8.000 asistentes e viñeron a expor os seus proxectos libres (ou colaborado) máis de 1.230 argalleiras e argalleiros da comunidade de hardware e software libre. A entrada é libre e de balde, para todos o públicos.

10/09/201808:09
Espazos  +60
Santiago de Compostela

Aberto o prazo de inscrición para as actividades dos Espazos +60 de Afundación

Os interesados en participar poderán matricularse ata o próximo 21 de setembro en calquera dos once espazos +60 da entidade. 

Aberto o prazo de inscrición para apuntarse nas actividades propostas polos espazos +60 de Afundación, a Obra Social de Abanca, para o curso 2018-2019. Os interesados en participar poderán matricularse ata o próximo 21 de setembro en calquera dos once espazos 60 da entidade. 
 
Para este curso deseñáronse novos programas que teñen como obxectivo o fomento da aprendizaxe ao longo da vida, o benestar, o desenvolvemento persoal e o aproveitamento da experiencia vital e profesional das persoas maiores a través de programas intergeneracionales e de voluntariado. De maneira transversal, os programas centraranse igualmente en crear oportunidades para que as distintas xeracións estean conectadas e en promover unha imaxe social desta poboación afastada de estereotipos, mostrando a persoas que abrazan esta etapa da vida con confianza e vívena de forma plena. 
 
"O envellecemento é consecuencia da baixa natalidade, pero tamén dun incremento da esperanza de vida que se duplicou nun século. Na primeira década da pasada centuria, a esperanza de vida era de 40 anos, mentres que na actualidade sitúase ao redor dos 83 anos, segundo datos recolleitos no Instituto Galego de Estatística en marzo de 2018. Estamos, por tanto, ante un gran logro que nos obriga a repensar a construción social da vellez e como afrontar o período vital que comeza tras os sesenta anos e que pronto durará case 30 anos máis. Neste contexto da revolución da lonxevidade, desde a área de Envellecemento Activo de Afundación temos o reto de continuar innovando para desenvolver un modelo adecuado ás novas necesidades e expectativas das persoas maiores", subliña Sabela Couceiro, coordinadora da área de Envellecemento Activo de Afundación. 
 
PROGRAMAS DOS ESPAZOS +60
O reto da área de Envellecemento Activo de Afundación é facilitar oportunidades para que as persoas maiores sigan desenvolvendo o seu proxecto vital a través de accións baseadas no modelo de envellecemento activo promovido pola Organización Mundial da Saúde (saúde, aprendizaxe permanente, participación social e seguridade). Estas accións deben responder as súas necesidades e expectativas e adaptarse aos novos e diversos perfís que se incorporan, cun maior nivel de instrución e de manexo de Internet.  
 
Deste xeito, os programas levados a cabo nos espazos +60 de Afundación desenvólvense ao redor de cinco liñas de traballo
- Saber , con actividades que favorecen a aprendizaxe de idiomas, o coñecemento do patrimonio, as humanidades ou a formación en temas emerxentes. Durante 2017, máis de 1800 persoas participaron en accións formativas para aprender inglés, francés, italiano ou portugués. 
- Cultura dixital, para facilitar a incorporación das persoas maiores ás novas tecnoloxías na súa vida cotiá. 2100 persoas participaron nestas actividades o pasado ano. 
- Hábitos saudables, con actividades físicas pero tamén de desenvolvemento cognitivo, benestar persoal e emocional ou nutrición, nas que se alcanzaron os 7000 participantes. 
- Expresión artística, entre os que destacan varias agrupacións consolidadas que realizan actuacións no exterior, como as teatrais nos centros da Coruña, Pontevedra e Vigo; contacontos e monicreque en Betanzos, Ourense, Pontedeume, Pontevedra e A Coruña; ou corais e instrumentais en Ferrol e Santiago. 
- Lecer activo e relacional coa programación de viaxes nacionais e internacionais e visitas culturais a museos, rutas históricas e naturais ademais da celebración de festividades tradicionais. 3000 persoas gozaron en 2017 destas saídas de lecer activo e cultural. 
10/09/201808:09
Curso
Madrid

Nova convocatoria de Curso Apps para autismo en setembro de 2018

O curso, para 500 persoas, comezará o 24 de setembro de 2018 e a apertura de inscrición o 12 de setembro ás 10:00 da mañá, hora española. As prazas iranse asignando por orde de inscrición.

A Fundación Orange e a Universidade Autónoma de Madrid promovemos o curso Aplicacións móbiles e outras tecnoloxías para persoas con autismo, que pretende proporcionar unha guía de utilización da tecnoloxía para persoas con trastornos do espectro do autismo (TEA) que cada vez demandan máis profesionais, familias e as propias persoas con TEA.

 
Pronto se publicará toda a información na Web da convocatoria.
 
O curso realízase online e é gratuíto.
 
Auxe das aplicacións
 
O auxe nos últimos anos dos smartphones e das tabletas significou unha explosión do número de aplicacións desenvolvidas pensando nas persoas con TEA. Eses dispositivos, coa súa interface gráfica e táctil, a súa portabilidad, etc., pasaron a ser grandes compañeiros de moitas persoas con autismo, e atraeron o interese de moitos pais, profesionais, empresas e entidades en crear apps que sirvan a este colectivo.
 
Numerosos estudos de investigación xa empezaron a validar a efectividade do emprego destas ferramentas e, como exemplo, celebráronse xa dúas edicións do congreso internacional ITASD sobre tecnoloxías e autismo, que supuxeron unha referencia na análise deste novo ecosistema. Pero o "éxito" das apps no campo dos TEA expuxo, á súa vez novos desafíos, entre eles cal é a mellor maneira de utilizar todas estas solucións dixitais e tecnoloxías no ámbito educativo, profesional, familiar...
 
É neste escenario no que xorde a necesidade deste curso, dirixido a profesionais de diversos ámbitos relacionados cos TEA (intervención, educación, asistencia...), profesionais do ámbito da tecnoloxía (como desarrolladores de software), estudantes deses mesmos ámbitos, familiares de persoas con TEA ou as propias persoas con TEA.
 
Curso Apps para autismo ? 16 unidades
 
Cun contido teórico e práctico, o curso consta de 16 unidades que abarcan desde conceptos do uso de dispositivos móbiles ata a investigación no ámbito da tecnoloxía para os TEA, con temáticas como, por exemplo: Comunicación alternativa e aumentativa, Xestión do tempo, das actividades e da contorna, Habilidades socio-emocionais, Lecer ou Linguaxe e lectoescritura. Respecto das tecnoloxías, este curso céntrase basicamente en apps, dado o amplo volume de aplicacións existentes, pero sen esquecer outras plataformas como programas para computadores, páxinas web de referencia, lousas táctiles,,, nin tampouco os máis novos traballos en robótica ou dispositivos wearables.
 
Os materiais foron desenvolvidos por un equipo de 25 profesionais expertos en autismo e tecnoloxía e provenientes de distintos ámbitos (formadores, logopedas, terapeutas, educadores, informáticos, pais, etc.), os cales foron seleccionados en atención ao seu recoñecido prestixio neste ámbito.
 
Acceso a esta información completa na Web da Fundación Orange.
10/09/201808:09
Smartphone
Santiago de Compostela

As aplicacións móbiles de todo o sector público deberán ser accesibles para persoas con discapacidade

As aplicacións para dispositivos móbiles de todo o sector público deberán ser accesibles para persoas con discapacidade, unha vez se aplique o real decreto de accesibilidade a páxinas de internet e aplicacións móbiles públicas que a proposta do ministerio de Política Territorial e Función Pública, aprobou o Consello de Ministros.

As aplicacións para dispositivos móbiles (teléfonos intelixentes, tabletas, etc.) de todo o sector público deberán ser accesibles para persoas con discapacidade, unha vez se aplique o real decreto de accesibilidade a páxinas de internet e aplicacións móbiles públicas que a proposta do ministerio de Política Territorial e Función Pública, aprobou o Consello de Ministros.

Con esa nova norma regulamentaria, derivada da transposición dunha Directiva da Unión Europea do ano 2016, esténdese a obrigación de accesibilidade ás aplicacións móbiles de todos os órganos constitucionais, administracións, organismos, entidades e empresas que integran o sector público.

Ata o momento, o deber legal de accesibilidade dixital en España limitábase aos sitios web públicos, co que agora se amplía ás aplicacións móbiles, canles dixitais que proliferaron nos últimos anos.

A tenor da nova regulación, os sitios web e aplicacións para dispositivos móbiles das entidades obrigadas "deberán ser accesibles para os seus usuarios e, en particular, para as persoas maiores e persoas con discapacidade, de modo que os seus contidos sexan perceptibles, operables, comprensibles e robustos". Ademais "a accesibilidade terase presente de forma integral no proceso de deseño, xestión, mantemento e actualización de contidos dos sitios web e as aplicacións para dispositivos móbiles".

O Comités Español de Representantes de Persoas con Discapacidade (CERMI) participou activamente estes últimos meses na redacción da norma regulamentaria a través dun diálogo intenso, con propostas e achegas, desenvolvido coa Secretaría de Estado de Función Pública do ministerio de Política Territorial e Función Pública, que foi o centro directivo gobernamental promotor deste real decreto.

Coa adopción deste real decreto, España culmina o proceso de transposición da Directiva europea, para a que tiña un prazo que expiraba o próximo 26 de setembro.

07/09/201812:09
Participantes no campamento.
A Coruña

A Xunta estimula o talento tecnolóxico dos mozos e mozas galegos a través de dous campamentos

Ata o sábado estanse a desenvolver no albergue xuvenil de Gandarío actividades sobre video mapping e drons

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, e a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, María del Mar Pereira Álvarez, visitaron hoxe no albergue xuvenil de Gandarío aos 40 mozos e mozas de 13 e 14 anos que están a participar nos campamentos que a Consellería de Política Social puxo en marcha este ano por primeira vez en colaboración coa Amtega para espertar as vocacións tecnolóxicas entre os máis novos. 

O obxectivo último destas actividades -Plan de Talento Dixital de Galicia, DigiTalent 2020- é o de estimular o talento precoz no ámbito das tecnoloxías da información e comunicacións, e fomentar o atractivo vocacional das profesións científico-tecnolóxicas entre a poboación máis nova.
Desde o día 1 e ata o vindeiro sábado 8 estanse a desenvolver os campamentos Vídeo Mapping: fai visible o que levas dentro e A vista de paxaro. Primeiros pasos con drons.
O campamento de Video Mapping conta con 20 participantes que están a vivir unha experiencia de achegamento á composición de vídeos para representacións nocturnas sobre edificios; poderán coñecer os principios necesarios para crear animacións de vídeo, e mediante o emprego de ferramentas informáticas serán quen de crear as súas propias composicións e compartilas cos seus compañeiros, mesmo con proxeccións nocturnas no propio albergue.
Outros 20 mozos e mozas poderán coñecer os principios necesarios na tecnoloxía de drons, e mediante o emprego de ferramentas informáticas e manipulación de drons adaptados á sua idade, serán quen de comprobar os seus coñecementos e experimentar coas enormes posibilidades da tecnoloxía dos drons.
Ademais, están a desfrutar de actividades de tempo libre como kaiak, paddle surf, snorkel, tiro con arco e outras que lles permitirán desfrutar de alternativas de lecer para mellorar a súa convivencia, adquirir ademais hábitos saudables e promover a igualdade, o respecto e a tolerancia coas demais persoas.

Oferta en toda Galicia

No conxunto de Galicia, os campamentos organizados para menores entre os 9 e os 17 anos de idade ofertaron 6483 prazas nun total de 25 albergues e instalacións. Dentro destes campamentos organizáronse actividades de ocio educativo e de diferentes temáticas, como actividades náuticas, coñecemento do medio natural, dramatización e expresión cultural, xogos tradicionais ou deportes de multiaventura, entre outras.

Tamén se ofertaron outras 315 prazas para que rapaces e rapazas galegos poidan participar en campamentos de intercambio con outras comunidades, concretamente no País Vasco, Castela e León, Estremadura, A Rioxa, Madrid e Cantabria. Así mesmo, e como vén sendo habitual nas últimas convocatorias, reserváronse 230 prazas para facilitar a participación de descendentes de emigrantes galegos.

Os campamentos de verán forman parte da Campaña de Verán Vive a túa aventura, na que se ofertaron un total de 9870 prazas, 298 máis que na anterior de 2017. A Xunta inviste 3,2 millóns de euros –un 8% máis con respecto ao ano pasado- neste programa que segue a ser un referente a nivel de todo o Estado, ademais dun recurso de conciliación estival e de ocio educativo de primeiro nivel.

Plan DigiTalent

Aínda que un 50% dos alumnos galegos matriculados en bacharelato cursan a rama de ciencia e tecnoloxía, a maioría non chega a matricularse nunha carreira STEM. Por iso  o primeiro este Plan, impulsado desde a Amtega en colaboración con empresas e axentes do sector TIC busca fomentar o atractivo vocacional das profesións científico-tecnoloxías entre a poboación máis nova, con accións lúdico-formativas e actividades de mentorado

Ademais destes campamentos en colaboración coa Consellería de Política Social, a Amtega xunto coa Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia está a realizar talleres sobre robótica, pilotaxe de drons e creación de personaxes para videoxogos nas Aulas CeMIT da Comunidade. Máis de 600 rapaces e rapazas de toda Galicia están a participar nun total de 57 actividades que comezaron en xullo e rematarán o 22 deste mes. 

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS