A Xunta vén de resolver a terceira convocatoria do programa Principia que permitirá a contratación de 110 mozos e mozas titulados en 59 entidades galegas. Trátase dunha iniciativa pioneira posta en marcha no ano 2016 para favorecer o mantemento do talento na Comunidade e o desenvolvemento da súa carreira profesional, así como estimular a demanda no sector público e privado de persoal suficientemente preparado para acometer proxectos vinculados á I+D+i.
Mediante estes contratos, que deberán ter unha duración mínima dun ano, o Goberno galego busca abrir unha porta ao mercado laboral a universitarios ou titulados de FPII con pouca experiencia, xa que o programa está focalizado nos mozos e mozas menores de 35 anos con menos de 36 meses empregados na súa categoría profesional.
Nesta terceira convocatoria -que conta cun investimento público de 1,1M€ que mobilizará 3,4- o 93% das entidades beneficiarias son empresas e o 90% dos contratos concedidos son indefinidos. Ademais, nove de cada dez dos traballadores recibirán máis de 60 horas de formación a cargo da empresa e o 36% dos técnicos seleccionados carece de experiencia laboral, o que confirma que este programa é unha boa ferramenta para impulsar a empregabilidade dos mozos e mozas titulados. A Coruña é a provincia onde se realizarán mais contratos, cun total de 50, seguida de Pontevedra, con 40, e Lugo e Ourense con 10 cada unha.
Búscase que lles sirva como anclaxe ao mercado laboral, de forma que sexan contratados polas empresas despois da finalización do programa, reforzando así a competitividade en materia de investigación do tecido empresarial galego. De feito, o 64% dos contratados nas dúas primeiras convocatorias non tiña experiencia laboral e a media de idade non chega aos 28 anos.
Consolídase así este programa pioneiro en Galicia que, desde a súa posta en marcha en 2016, e contando esta nova edición, concedeu axudas para a contratación de máis de 372 profesionais que se traduce nunha mobilización de 11,7 millóns de euros en 158 entidades. Unha iniciativa que trata, ademais, de incentivar a contratación feminina e fomentar as vocacións STEM entre as mulleres e que conseguiu que o 42% dos contratos foran femininos nas dúas primeiras edicións, alcanzando nesta última a práctica paridade laboral.
No marco da Estratexia de especialización intelixente de Galicia (RIS3), a Xunta continúa así a súa aposta pola captación e retención do mellor talento, como unha das ferramentas principais para aumentar a capacidade innovadora do tecido produtivo galego e con ela a competitividade da Comunidade, obxectivo recollido, tamén, no Plan Galicia Innova 2020.
A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), ten posto en marcha varios programas cun gran impacto na retención de talento en Galicia. Así, destacan iniciativas como os contratos-programa -que apoian aos centros tecnolóxicos e ás fundacións sanitarias-, as Unidades Mixtas de Investigación, ou o programa Oportunius, reforzando así a capacidade de innovación de Galicia e tendendo pontes entre os organismos públicos de investigación e o tecido empresarial. Proximamente sumarase, tamén, o novo programa Talento Senior.
A Maker Faire volverá ao Museo Centro Gaiás do 23 ao 25 de novembro na que xa é a súa cuarta edición, consolidándose como a máis importante da Península, tanto en número de makers como de asistentes, e situándose entre as cinco con máis visitantes de Europa, despois de grandes cidades como Roma e París. Nas súas tres edicións anteriores, o encontro congregou arredor de 30.000 asistentes e medio milleiro de makers que expuxeron os seus proxectos, converténdose en punto de encontro dos mellores creadores da comunidade e axudando a potenciar unha Galicia máis innovadora e colaborativa.
O Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica de Informática de Galicia (CPETIG) organiza o II Congreso de Xestión de Proxectos, #SilverBullet18, que terá lugar na Cidade da Cultura o 29 de setembro.
#SilverBullet18, organizado polo CPETIG coa colaboración da Amtega, reunirá a oferta e a demanda do sector da xestión de proxectos, como espazo de encontro para propiciar un intercambio de información e opinión entre as persoas asistentes.
A xornada ten como obxectivo fomentar a adquisición de habilidades de comunicación, xestión de recursos humanos e liderado, amais de contribuír a amosar as tendencias metodolóxicas no eido da xestión de proxectos software.
Intervirán relatores de referencia profesional e especial relevancia no sector, coas súas presentacións estruturadas ao longo dunha xornada, de xeito que favoreza a reciclaxe profesional e a actualización de coñecementos, accedendo ás últimas novidades e tendencias neste ámbito.
É difícil imaxinar como será a tecnoloxía dentro dunha década, co que pensar como conviviremos con ela dentro de medio século antóllase unha quimera. Con todo, Intel presentou un estudo que pon os fogares intelixentes no centro desa evolución que deberá facilitar a vida de todos, especialmente a das persoas con discapacidade e persoas maiores.
No seu estudo, Intel preguntou a máis de 1.000 consumidores en Estados Unidos sobre como vían a evolución da tecnoloxía nos próximos 50 anos.
Un dos resultados máis rechamantes é que case tres de cada catro pais mostrábanse entusiasmados sobre as posibilidades dos fogares intelixentes, e máis da metade ve un aumento da tecnoloxía que temos nas nosas casas.
A tecnoloxía no fogar é clave para mellorar a autonomía de persoas con discapacidade e maiores, na que a intelixencia artificial deberá ter un papel clave.
Así, máis da metade dos enquisados por Intel confían en que a intelixencia artificial axudaralles a mellorar a súa calidade de vida automatizando tarefas diarias e predicindo as súas necesidades, gustos e costumes.
Ata tal punto é a confianza dos consumidores no futuro dos fogares conectados que, pensando en dentro de 50 anos, sitúan a súa importancia ao mesmo nivel que a dos computadores persoais e case á altura dos teléfonos intelixentes.
Sen dúbida, a tecnoloxía no fogar e a intelixencia artificial son dúas dos alicerces que deben cimentar unha gran revolución que mellore a calidade de vida e a autonomía das persoas con discapacidade.
O Concello de Fisterra quere fomentar a creatividade tecnolóxica entre a rapazada local: a formación TIC que non se limita simplemente a formar. Este 23 de agosto, sen ir máis lonxe, o Concello celebrou o acto de clausura dos obradoiros de informática e creación de aplicacións para dispositivos móbiles dirixidos a nenas e nenos de idades comprendidas entre os 4 e os 17 anos. Os cursos desenvolvéronse nos meses de xullo e agosto deste verán e neles participaron 75 rapazas e rapaces.
O acto desenvolveuse no salón de actos do consistorio. A entrega de diplomas foi cometido da concelleira de Cultura, Educación e TIC, Teresa Fernández Martínez e, máis do tenente de alcalde Xan Carlos Sar Oliveira.
Como dixemos, nas actividades formativas participaron un total de 75 nenos e adolescentes, que puideron entrar en contacto directo coas principais vantaxes das novas ferramentas dixitais e, tamén, cos recursos e metodoloxías máis indicados para crear eles mesmos estas ferramentas dixitais. Tamén se achegaron á realidade da edición de videos, música, retoque dixital, linguaxes de programación e aplicacións web.
Este 24 de agosto, a partir das 10:00 horas, temos unha cita en Arteixo coa robótica, o respecto polo medio ambiente e a sustentabilidade. Trátase dunha xornada de construción masiva de enxeños de Lego Education que ten o obxectivo de “estender os valores e obxectivos de sensibilización medio ambiental”, facendo fincapé, por suposto, nas novas xeracións. A cita cos enxeños tecnolóxicos e a ecoloxía será na praza do Balneario de Arteixo.
Esta iniciativa enmárcase dentro do programa Planeta Limpo, que é un programa integral, promovido pola Fundación Prosegur, que busca sensibilizar e concienciar á sociedade da importancia da conservar a natureza e a diversidade, o impacto e a necesidade da correcta xestión dos residuos. Segundo informa o Concello de Arteixo, é un programa innovador que, na súa terceira edición, desenvólvese na provincia da Coruña.
Esta convocatoria artéllase nunha primeira etapa, que se desenvolveu en 10 colexios da nosa terra (entre abril e maio de 2018) a través de obradoiros nas aulas, onde 1.880 alumnos e alumnas de entre 8 e 12 anos levaron a cabo misións medioambientais coa axuda de robots LEGO Education. A segunda fase veu xusto despois, cunha serie de desafíos medio ambientais para resolver en rede e rematando cunha serie de actividades lúdicas no verán abertas ao público. Nesta última fase do programa estanse levando a cabo obradoiros ecolóxicos na praza do Balneario (onde participan activamente as persoas inscritas na quinta quenda do campamento educativo) e máis a devandita xornada de construción masiva que se celebra mañá. Esta quedada, unha actividade de fluxo continuo e aberta ao público, pretende afianzar o respecto polo medio mediante a materialización colectiva dun modelo conxunto construído entre todos os participantes. A dinámica levarase a cabo nunha única xornada tamén con material e facilitadores LEGO Education.
Tecnoloxía pensada para todas as persoas, en especial para persoas con discapacidade que aínda sofren, en moitos casos, enormes barreiras para acceder aos dispositivos que poden supoñer unha mellora da súa calidade de vida.
Estes proxectos enmárcanse dentro da comunidade "Conectados pola Accesibilidade" que ata este pasado luns mantivo aberto o prazo de recepción de candidaturas para participar no programa de 2018.
Aínda teremos que esperar para saber cales son os proxectos seleccionados, pero seguro que son interesantes como os dos últimos anos e, sobre todo, útiles no obxectivo de achegar a tecnoloxía a persoas con discapacidade.
Esta convocatoria conta cunha dotación total de 225.000 euros, que se dividen nun máximo de 15 proxectos. Cada un pode obter unha axuda de ata 15.000 euros para desenvolver o proxecto.
Este programa é unha cita anual indispensable para coñecer novas ideas e propostas tecnolóxicas que axuden a todas as persoas.
A Tecnópole de Ourense (o Parque Tecnolóxico de Galicia) aproveitou este mes de agosto, preludio do ano académico, para presentar a súa nova estratexia formativa para os de menores idades: a estratexia STEAM Kids Tecnópole. Trátase dunha fórmula que, como se indica no seu nome, apóiase en cinco piares: os ámbitos da ciencia, a tecnoloxía, a enxeñaría, a arte e as matemáticas (disciplinas que constitúen o acrónimo inglés STEAM). A maiores, engádese outro ámbito fundamental: o da nosa comunidade escolar (nenas e nenos de entre 8 e 11 anos). Entre un e outro eido, a Tecnópole quere achegar a súa experiencia e fomentar ao máximo a interactividade e a participación activa.
A idea básica é facer que a rapazada participe unha vez á semana no programa de habilidades de innovación de Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole. O prazo de inscrición abre o 1 de setembro cunha cota limitada de 24 asistentes. Baixo o nome STEAM Kids Tecnópole, esta nova proposta substitúe as anteriores Aulas Robótica para, en palabras do parque tecnolóxico, ofrecer aos máis novos “unha aproximación innovadora ao mundo da ciencia e a tecnoloxía dende unha óptica artística e creativa”. Respecto do acrónimo que lle dá nome á iniciativa (compendio de Science, Technology, Engineering, Arts and Mathematics), a Tecnópole lembra que a idea é centrarse nestas aprendizaxes para “ensinar ao alumnado a pensar de forma crítica e aproximarse á enxeñería ou ao deseño dunha maneira realista mentres constrúen as súas habilidades matemáticas e científicas”.
A organización tamén fai saber que os escolares, nas accións previstas, levarán a cabo pequenas investigacións, construirán robots programables, aprenderán a programar, farán voar drons, deseñarán instalacións artísticas de alicerce tecnolóxico, superarán retos interdisciplinares e descubrirán a maxia das matemáticas. O referente inspirador da Tecnópole para esta nova proposta son entidades que apostan por innovar na educación tales como o Tinkering Studio do Exploratorium de San Francisco, que segundo lembra o parque tecnolóxico propón “potenciar o desenvolvemento intelectual e humano dos máis novos a través de actividades que combinan diferentes disciplinas”. A maiores, para mozas e mozos de 12 a 18 anos, o programa de habilidades innovadoras de escolares de Parque Tecnolóxico de Galicia complétase un curso máis coas Aulas Tecnópole, que este ano alcanzan a súa novena edición. Dende outubro ata maio, cada xoves pola tarde acollerán un grupo formado por un máximo de 45 alumnos e alumnas. Os seus ámbitos de traballo estarán abertos a todas as áreas do coñecemento, dende as novas tecnoloxías ata as ciencias ou as humanidades. Os participantes no curso terán ocasión de presentar os seus proxectos en Galiciencia.
Impulsar a dixitalización e a implantación de infraestruturas tecnolóxicas nas pequenas e medianas e empresas e no día a día dos autónomos. Este é o gran obxectivo do programa de axudas Asesores Dixitais, impulsado polo Ministerio de Economía e Empresa a través da Secretaría de Estado para o Avance Dixital. Co obxectivo de mostrar a súa actividade actual e achegar información sobre as súas posibilidades para o noso tecido produtivo, a entidade público-empresarial Red.es, en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), vai celebrar o vindeiro 27 de setembro unha xornada informativa.
A cita será ás 16.00 horas nas instalacións do Centro Demostrador TIC en Santiago e está dirixida ás PEME ou autónomos que queiran acometer unha transformación dixital do seu negocio. Nesta xornada exporanse os aspectos claves da iniciativa e haberá unha quenda de preguntas para resolver as dúbidas que poidan xurdir ao público asistente. Para quen non o saiba, Asesores Dixitais é unha iniciativa impulsada por Red.es e co-financiada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). A actual convocatoria inclúe até 5.000 euros de axuda por PEME para recibiren un asesoramento individualizado e facilitar o proceso de transformación dixital da súa actividade.
En setembro toca falar de moitas cousas tecnolóxico-dixitais pero, sobre todo, toca falar de protección de datos, internautas, empresas, servidores e infraestruturas en xeral. A visión máis empresarial da cuestión virá da man do Centro de Ciberseguridade Industrial, que celebra o día 20 de setembro, en Vigo, o seu primeiro encontro La Voz de la Industria. A cita será no Hotel Pazo Los Escudos.
Na sesión, encamiñada á industria galega, presentaranse os resultados preliminares do estudo sobre a ciberseguridade na industria de Galicia. Ademais, no que atinxe ao programa de participantes, estará presente un amplo equipo profesional de expertos en protección tecnolóxica, amais de representantes dalgunhas das principais empresas con actividade no mercado estatal e internacional, en palabras da organización da xornada, “os principais actores do mercado da ciberseguridade industrial”. Máis en detalle, participan Innotec System, S12Sec, Palo Alto Networks, Cisco, Dimension Data, Eulen ou Intermark. A sesión incluirá tamén a participación da axencia galega AMTEGA, que dará a coñecer algunhas iniciativas en ciberseguridade que se están a impulsar na actualidade. Para consultar máis información e facer o rexistro de asistencia cómpre visitar a páxina web do Centro de Ciberseguridade Industrial.