O Concello de Verín presentou esta semana a oferta formativa da aula CeMIT local para este mes de setembro, un programa de obradoiros que inciden na necesidade de capacitarnos en ferramentas participativas, en recursos para facilitar a nosa comunicación cos demais e coas administracións e en todo aquilo que complemente dende o dixital o noso currículo e mellore a nosa empregabilidade.
Trátase, en total, de once obradoiros para veciñas e veciños interesados “en ampliar os seus coñecementos no sector da comunicación e das novas tecnoloxías”. Disporase dunha aula aberta a libre disposición dos usuarios da rede CeMIT, destinada (tamén) a resolver as súas dúbidas.
O programa formativo está formado polas seguintes actividades: Redes sociais (3-5-7 de setembro, de 9.00 a 11.00), Ferramentas na nube (10-12-14), Introdución a Android (17-19-21), Administración Electrónica (24-26-28), Redes sociais (3-5 -7, de 12.00 a 14.00) Ferramentas na nube (10-12-14, de 12.00 a 14.00), Folla de Cálculo Drive (17-19-21), Internet para buscar información (24-26-28), Compras seguras a través de Internet (4-6-11), Trámites online cos concellos (13-18-20) e Hangouts (25-27). A inscrición nos cursos pódese realizar na propia aula de 8:00 a 15:00 horas de luns a venres, ou ben na páxina web cemit.xunta.gal.
A Deputación de Ourense en colaboración coa área de Cultura do Concello de Xinzo de Limia organizaron os días pasados un obradoiro para impulsar a creatividade da rapazada local no eido dos contidos dixitais.
A Deputación de Ourense en colaboración coa área de Cultura do Concello de Xinzo de Limia organizaron os días pasados un obradoiro para impulsar a creatividade da rapazada local no eido dos contidos dixitais. Máis en detalle, tratouse dun taller sobre cinema e animacións 3D no que participaron nenas e nenos de idades comprendidas entre os 8 e os 15 anos e que se desenvolveu na aula CeMIT da Casa da Cultura de Xinzo, a longo da segunda quincena de agosto.
A actividade, que cubriu todas as prazas, celebrouse ao abeiro do programa Ourense ICC Week, que conta cunha liña propia de actividades formativas e de lecer para os cativos, ICC Kids, itinerante e interactiva.
O taller tivo por obxectivo achegar o cinema aos nenos e nenas máis novas, “non como mero produto de consumo, senón como unha arte, unha cultura e un oficio”, en palabras da organización, que lembrou a necesidade de “formar espectadores críticos, creativos e capaces de ter un xuízo autónomo”. A idea, sinalaron o Concello e a Deputación, é conseguir que a rapazada descubra os medios non só como canles de lecer, senón tamén como medio de creación e expresión e, nun futuro, como elementos cuxo dominio favorecerán a súa empregabilidade.
O temario que se deu ao longo destas dúas semanas consistiu en “crear un escenario de animación onde as leis da física se puideran controlar ao antollo dos nenos e nenas”, dando vida ás súas propias figuras en 3D, controlando a iluminación, os diferentes encadres e puntos de vista da cámara, todo isto sendo manexado mediante a programación. Para iso usáronse diferentes ferramentas tecnolóxicas como Alice 3.0, Makehuman, Leigo Desinger (aplicacións todas elas de software libre).
O Parque Tecnolóxico de Galicia abriu esta semana o prazo de inscrición en Aulas Tecnópole e STEAM Kids Tecnópole, os seus novos cursos de formación en habilidades científicas e innovadoras para estudantes de entre 8 e 18 anos.
O Parque Tecnolóxico de Galicia abriu esta semana o prazo de inscrición en Aulas Tecnópole e STEAM Kids Tecnópole, os seus novos cursos de formación en habilidades científicas e innovadoras para estudantes de entre 8 e 18 anos. Segundo informa o Parque, as prazas son limitadas e a matrícula farase efectiva por orde de formalización.
Como lembraremos, STEAM Kids Tecnópole é a nova proposta formativa do complexo empresarial ourensán (substituíndo as anteriores Aulas de Robótica), unha fórmula que pon o foco en cinco piares fundamentais para a educación futura das nosas nenas e nenos (ciencia, tecnoloxía, enxeñería, arte e matemáticas, STEAM polas súas siglas en inglés) e sen esquecer o fomento integral da creatividade e o impulso do talento tecnolóxico-científico-artístico que todas as rapazas e rapaces levan dentro.
De feito, STEAM Kids Tecnópole quere ser unha iniciativa cos pés na terra, en sintonía coas novas demandas sociais, investigadoras e empresariais. Segundo o explica a Tecnópole, “o programa da actividade aposta por ofrecer aos rapaces e rapazas un conxunto de actividades de aprendizaxe que xiren arredor de distintos eidos de coñecemento pero que requiran do uso de todo tipo de habilidades, tal como sucede na vida real”.
Respecto do acrónimo que lle dá nome á iniciativa (compendio de Science, Technology, Engineering, Arts and Mathematics), a Tecnópole lembra que a idea é centrarse nestas aprendizaxes para “ensinar ao alumnado a pensar de forma crítica e aproximarse á enxeñería ou ao deseño dunha maneira realista mentres constrúen as súas habilidades matemáticas e científicas”.
Nun plano máis concreto, os participantes levarán a cabo pequenas investigacións, construirán robots programábeis, farán voar drons, deseñarán instalacións artísticas de base tecnolóxica, superarán retos interdisciplinares e descubrirán a maxia das matemáticas.
O referente inspirador da Tecnópole para esta nova proposta son entidades que apostan por innovar na educación tales como o Tinkering Studio do Exploratorium de San Francisco, que segundo lembra o parque tecnolóxico propón “potenciar o desenvolvemento intelectual e humano dos máis novos a través de actividades que combinan diferentes disciplinas”.
A maiores, para mozas e mozos de 12 a 18 anos, o programa de habilidades innovadoras de escolares de Parque Tecnolóxico de Galicia complétase un curso máis coas Aulas Tecnópole, que este ano alcanzan a súa novena edición. Dende outubro ata maio, cada xoves pola tarde acollerán un grupo formado por un máximo de 45 alumnos e alumnas. Os seus ámbitos de traballo estarán abertos a todas as áreas do coñecemento, dende as novas tecnoloxías ata as ciencias ou as humanidades. Os participantes no curso terán ocasión de presentar os seus proxectos en Galiciencia.
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou na rolda de prensa do Consello a consolidación da Educación Pública 100% dixital cun acordo marco que permitirá adquirir 30.000 novos portátiles ao longo dos vindeiros dous anos.
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe, na rolda de prensa do Consello, a consolidación da Educación Pública 100% dixital cun acordo marco que permitirá adquirir 30.000 novos portátiles ao longo dos vindeiros dous anos.
Cunha achega de 14,8 millóns de euros, Feijóo aseverou que poderán acceder a estes equipos os novos centros do Proxecto Abalar que se incorporen ao uso do libro dixital. Deste xeito, o acordo permitirá comprar os equipos que se precisen, en función das necesidades e da evolución desta iniciativa.
Durante a rolda de prensa, o responsable do Goberno galego resaltou que neste curso 2018-2019, un total de 267 centros e 18.000 alumnos, un 70% e máis dun 50% máis que o curso pasado, respectivamente, empregarán o libro dixital e se beneficiarán do paquete de melloras que se comezou a implantar de xeito progresivo o pasado curso e que se completará neste:
-A incorporación dun novo provedor de contidos, a Editorial Planeta, que se suma ás 750 unidades didácticas dos provedores Netex Learning e Edebé.
-A contratación dun cuarto provedor de contidos para a materia de Inglés.
-A posta en marcha do servizo para que sexan os propios profesores quen creen contidos educativos dixitais, que se chamará DIXIT.
-A entrada en funcionamento dun servizo de soporte premium para os alumnos, familias e profesores que: prestará atención remota as 24 horas e os 7 días da semana e atención presencial en 64 puntos repartidos por toda a xeografía galega grazas á colaboración con pemes do sector TIC.
O presidente da Xunta concluíu lembrando que grazas á iniciativa Escolas conectadas, na que a Xunta e o Goberno central están a investir máis de 17 millóns de euros, o 100% dos centros públicos de primaria e secundaria contarán neste novo curso, o primeiro da historia da comunidade, cun acceso a internet cun mínimo de 100 megas.
A asociación de software libre Galpon organiza un obradoiro sobre mapas libres enfocado ao desenvolvemento web, actividade que se organiza ao abeiro do convenio da Amtega coas asociacións de software libre.
O obxectivo é difundir ferramentas web libres como Leaflet e OpenLayers e dar a formación necesaria para poder integrar un mapa libre, como os de OpenStreetMap, nunha páxina web partindo de cero.
Os obradoiros desenvolveranse na rúa Barcelona nº 13, 36203 Vigo, os días 22 de setembro e 13 de outubro e o acceso será de balde con inscrición obrigatoria, ata o límite de prazas.
A feira de innovación e emprendemento Pont-Up Store, que se celebra entre o 20 e o 22 de setembro en Pontevedra, servirá entre outras moitas cousas para “presentar as liñas de negocio con máis potencial de medre en Galicia”mostrando o noso pulo creativo en comida do futuro, tecnoloxía que nos soluciona a vida, videoxogos, proxectos con repercusión social, coidado de animais, turismo colaborativo ou cosmética orgánica de autor.
A feira de innovación e emprendemento Pont-Up Store, que se celebra entre o 20 e o 22 de setembro en Pontevedra, segue a quecer motores. Segundo vén de confirmar hoxe a organización do evento (o Campus e o Concello de Pontevedra), este servirá entre outras moitas cousas para “presentar as liñas de negocio con máis potencial de medre en Galicia”. Ou sexa, para mostrar o noso pulo creativo en comida do futuro, tecnoloxía que nos soluciona a vida, videoxogos, proxectos con repercusión social, coidado de animais, turismo colaborativo ou cosmética orgánica de autor. Todo isto e máis virá da man das preto de 50 empresas que participan na quinta edición da feira.
A organización tamén lembrou que o encontro celebrarase en Pontevedra na carpa instalada na Praza de España de Pontevedra e con máis de 40 actividades programadas en distintos puntos da cidade. Ademais, as novas tecnoloxías serán un dos grandes piares do acontecemento.
Serán en total 45 empresas participantes combinando nalgúns casos varias modalidades de participación: 37 contarán cun stand gratuíto para mostrar os seus produtos, ideas e servizos; 10 concorrerán no formato talent bussiness Puntazo Exprés e outras 6 terán tamén a oportunidade de participar no programa de actividades demostrativas do espazo central da carpa, desenvolvendo propostas como un obradoiro de preparación de alimentos con impresión 3D, un obradoiro de lectura con cans, un taller de robótica para aprender a montar un stick arcade basado en Raspberry PI, un torneos de videoxogos, unha introdución ás técnicas de pigmentación prehistórica, unha demostración de receitas saudábeis ou a presentación da nova cooperativa Músicas ao Vivo.
Gastronomía e tecnoloxías
Unha das grandes apostas do evento vén da man da gastronomía ligada a procesos tecnolóxicos. Neste eido, a empresa viguesa EXGA3D mostrará a súa experiencia empregando a impresión 3D para deseñar e personalizar alimentos que en palabras da organización “sorprenden e poden achegar solucións ao mundo da saúde”. Por exemplo a través da elaboración de pílulas médicas con formas e sabores de froitas ou doces, ou peixe para a cativada con formas máis divertidas e gorentosas. Os responsábeis de EXGA3D ofrecerán un obradoiro para ensinarnos a imprimir a nosa propia comida. Tecnoloxía para facilitarnos o día a día
Segundo explican os organizadores de Pon-Up Store, esta quinta edición do encontro destaca especialmente polas empresas de ámbito tecnolóxico que achegan solucións de éxito para unha manchea de sectores. Nesta liña encádrase Muutech, unha startup viguesa enfocada a desenvolver sistemas de información que se empregan para facer seguimento dos procesos máis complexos, sobre todo da industria do motor e de loxística de distribución.
Outra empresa que se empraza neste eido é Edilicia BIM, que está a traballar nun dos negocios con máis futuro, a tecnoloxía BIM, unha metodoloxía de traballo para xestionar datos e corrixir erros en grandes infraestruturas e proxectos de edificación que xa se emprega con éxito nos países nórdicos e anglosaxóns e que se prevé que sexa de uso obrigado en España para licitacións de infraestruturas públicas en xullo de 2019.
A empresa de Lugo Data Monitoring, pola súa banda, desenvolve dispositivos e software para seguir en remoto procesos industriais achegando as vantaxes da Industria 4.0, a industria intelixente, a todos os sectores. Xtonebox sorprende recuperando a antiga tecnoloxía de válvulas para fabricar de xeito artesanal equipos de audio de gran calidade. O Taller 7 MakerSpace fabrica prototipos a medida empregando a tecnoloxía de impresión 3D e pon o seu talle a disposición dos clientes para que materialicen as súas ideas. WinboxApp propón unha plataforma para poñer en contacto directo a compradores e vendedores sen intermediarios; unha alternativa para aforrar buscas e para resolver anuncios de venta empregando unha soa aplicación. Dronalia, pola súa banda, oferta un amplo abano de solucións de dron con venta directa, cursos e servizos para diferentes sectores e necesidades.
Esta edición centrarase nas novas tendencias na dirección de proxectos e xestión de persoas no ámbito TI.
Diciámolo os días pasados dende a web de Código Cero: setembro e outubro prometen compensarnos con grandes acontecementos TIC, logo do baixón de agosto, tanto en materia de novidades TIC como en cuestión de grandes eventos nos que intercambiarmos ideas e coñecemento innovador. Sen dúbida un destes grandes acontecementos “compensatorios” é a segunda edición do Congreso de Xestión de Proxectos, #SilverBullet18, organizado novamente polo CPETIG (o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia). A cita, segundo nos confirmou a entidade profesional galega, celebrarase finalmente o 27 de setembro, na Cidade da Cultura.
O CPETIG tamén confirma que esta edición centrarase nas novas tendencias na dirección de proxectos e xestión de persoas no ámbito TI. Organizado en colaboración coa axencia AMTEGA, o foro está concibido “como un foro de debate dirixido a empresas e profesionais ligados á xestión e á dirección de proxectos tecnolóxico-dixitais, expertos, investigadores e docentes implicados na formación de futuros profesionais nesta área”.
Ademais, outro dos seus grandes obxectivos é derrubar barreiras entre a oferta e a demanda do sector da xestión de proxectos, achegando “un espazo de encontro para propiciar un intercambio de información e opinión entre as persoas asistentes”. En base a isto, búscase fomentar a adquisición de habilidades de comunicación, xestión de recursos humanos e liderado, amais de contribuír a amosar as tendencias metodolóxicas no eido da xestión de proxectos software.
En termos máis concretos e de programa de actividades, a xuntanza artéllase en catro relatorios, presentados por algúns dos máis relevantes profesionais do panorama actual, e unha mesa de debate. Para explorar as tendencias comunitarias, abrirá a sesión Laurent Kummer, co relatorio Open Pm2. En Europa xogamos así. Kummer, segundo informa o CPETIG, é co-autor da metodoloxía oficial de xestión de proxectos das institucións europeas, publicada en 2016 como OpenPM², e autor da obra de éxito The Lean Project Management, publicada en 2017. En posesión da certificación Lean Six Sigma Black Belt, Kummer é pioneiro e promotor activo da xestión de proxectos lean.
De seguido, Rafa García intervirá co título ¿Funciona? ¡Non fagas nada!… Ou si? García é Project Management Professional, Certified Scrum Master, Premio Best Evernote EMEA consultant 2018 e fundador de Valor 2.0. Na sesión organizada polo CPETIG exporá a súa visión como experto en produtividade persoal e contornas colaborativas.
O terceiro relatorio, Ser un gran sitio para traballar está tirado. Seguro?”, será presentado por Santiago Cabaleiro, responsábel de Valor Persoas do Grupo Visual MS, empresa viguesa premiada como Best Workplace 2017. Licenciado en Administración e Dirección de Empresas, incorporouse ao Grupo Visual MS no primeiro ano da súa constitución, en 2005 asumiu a Coordinación de Visual Trans, empresa especializada en solucións software de xestión para transitarios, axentes de aduanas, consignatarios e operadores loxísticos integrais.
O cuarto relatorio propón a pregunta Existen os equipos felices en TI?. Será presentado por Santiago Vázquez, director do Instituto de Liderado do Tecnolóxico de Monterrei (México). Doutor en Economía pola USC, sociólogo, economista e licenciado en Ciencias Políticas pola Universidade Complutense de Madrid, é tamén autor do libro La felicidad en el trabajo… y en la vida e foi director de Persoas de R, onde desenvolveu un modelo de xestión orientado á felicidade no traballo, aplicando a psicoloxía positiva.
O evento #SilverBullet18 rematará cunha mesa de debate, moderada por Berta Candendo, licenciada en Informática e responsábel de Content Factory en Netex Learning.
A edición do ano pasado
Como lembraremos, a edición do ano pasado, celebrada en maio, foi un éxito de público (contou coa presenza dun cento de profesionais, entre representantes das nosas empresas, investigadores, expertos e docentes), de repercusión mediática e de coñecemento xerado. Entre os relatores da edición anterior figuraban José Luis Iparraguirre, director de IAL Software Engineering; Carlos González Jardón, consultor de Xestión de Proxectos e promotor do Capítulo PMI en Galicia; Javier Garzás, mentor áxil e experto en xestión de proxectos e equipos; Susana Gómez Carnero, directora executiva en Origami Soluciones e directora executiva de BNI Galicia; Javier Cebreiros, socio do espazo de innovación social Impact Hub Vigo e da empresa InfoJC; ou Jaume Gurt, director de Organización e Desenvolvemento de Persoas en Schibsted Spain, compañía que xestiona os portais Infojobs, Fotocasa, Vibbo, Coches.net e MilAnuncios.
Respecto do nome do congreso, #SilverBullet, lembrar que está inspirado nun “coñecido antipatrón” da xestión de proxectos, ou sexa, un concepto que serve de “anti-referente” para darmos da maneira máis doada posíbel co camiño de desenvolvemento empresarial polo que nunca, baixo ningún concepto, debéramos introducirnos: o camiño de algo que xa foi probado e que deu sinais claros de non ser de utilidade ou requirido ou demandado. Silver Bullet sería polo tanto “a bala de prata”, un concepto acuñado polo enxeñeiro de software Frederick P. Brooks en 1987 en alusión á inexistencia de metodoloxías, ferramentas ou solucións milagreiras que permitan que un proxecto que xa se converteu nun monstro polos adiamentos, os custos, a calidade, etc, volva ser un proxecto ben xestionado, “algo que unicamente se podería facer cunha bala de prata”.
Quen precise máis información sobre o evento ou ben formalizar a inscrición poderá facelo na web específica do congreso, silverbullet.cpetig.org.
A nova edición do festival Curtocircuíto de Santiago, organizado polo Concello e subvencionado pola Deputación da Coruña, conta coa colaboración da axencia autonómica AGADIC e acubillará un apartado de innovación na que se acollerán obras que procuran “novas caligrafías cinematográficas”.
A nova edición do festival Curtocircuíto de Santiago, organizado polo Concello e subvencionado pola Deputación da Coruña, comezou a facer ruído nas redes, tanto a través da súa rechamante e innovadora web oficial, www.curtocircuito.org, onde hoxe informouse polo miúdo das seccións da nova entrega do certame (Terra, Supernova e Planeta GZ), como a través das redes sociais: Facebook, Twitter, Instragram, Tumblr e máis Playmoss.
O festival, que conta coa colaboración da axencia autonómica AGADIC, acubillará tamén un apartado de innovación, a sección Explora, na que se acollerán obras que procuran “novas caligrafías cinematográficas”.
O obxectivo da organización é que Curtocircuíto, que chega á súa 15 edición, sexa este ano un evento referente a nivel internacional ao tempo que se fai máis fincapé ca nunca na súa galeguidade. De feito, máis dunha trintena de pezas a exhibir xirarán arredor do noso audiovisual.
Este ano, para amplificar aínda máis a repercusión e os horizontes do certame, estréanse dúas novas seccións: Terra e Supernova. A primeira delas proporá unha programación arredor de cineastas de Galicia cunha traxectoria de prestixio e dá inicio este ano poñendo o foco en Xacio Baño e Jaione Camborda.
Supernova, pola súa banda, nace para salvar a brecha existente entre os centros de formación e os circuítos profesionais, “servindo de escaparate para os traballos de directores e directoras no comezo das súas carreiras”, en palabras da organización.
A maiores, a sección Planeta GZ, de carácter competitivo, recolle dez filmes que se atopan entre o máis destacado da produción galega no último ano, e o carballiñés Alberte Pagán participará con Uluru na sección Explora.
A maiores, do devandito, o audiovisual galego non só estará presente nas proxeccións, senón tamén nas actividades. Así, nesta edición o festival levará a cabo (en colaboración coa Academia Galega do Audiovisual) as Mesas interxeracionais do audiovisual galego, un conxunto de relatorios e debates cun programa que o festival dará a coñecer nas próximas semanas.
Ademais, o Festival Internacional de Cine de Santiago de Compostela, que se desenvolverá entre o 29 de setembro e o 7 de outubro, seguirá a virar dende a curtametraxe cara contidos interdisciplinarios, “afondando na fusión entre diferentes artes” e ofertando unha gran variedade de propostas. Con estas quérese prolongar Arredor do son, no que tamén haberá espazo para a música e o pensamento con proxeccións, actividades formativas e diversas performances que terán lugar en diferentes emprazamentos da cidade.
O Centro de Desenvolvemento Local emprazado en Vilanova, no pazo de Vista Real, vai afrontar a recta final do verán cun importante programa formativo que inclúe dous obradoiros tecnolóxicos sobre outras tantas temáticas de relevancia profesional. Trátase dun obradoiro sobre pilotaxe de drons e outro sobre iniciación á impresión 3D. En total, serán nove cursos sobre diferentes áreas destinados a fortalecer a capacitación profesional da veciñanza e a súa empregabilidade.
As actividades desenvolveranse este mes de setembro. O taller de capacitación en pilotaxe oficial de drons, convocado como resposta ao alto interese que existe sobre esta temática, celebrarase o 8 de setembro e o de iniciación á impresión en 3D, outro ámbito profesional en proxección, o día 14 do mesmo mes. As persoas interesadas poden inscribirse enviando os seus datos persoais (nome e apelidos, enderezo e teléfono de contacto) ao correo electrónico javier.pineiro@vilanovadearousa.com, indicando o curso que desexen realizar.
Os concellos de San Sadurniño, Cerceda, Valga, Celanova, Ribadeo e Vimianzo van acoller este mes de setembro actividades formativas para encarar con creatividade e innovación o inicio do curso académico
Os concellos de San Sadurniño, Cerceda, Valga, Celanova, Ribadeo e Vimianzo van acoller este mes de setembro actividades formativas para encarar con creatividade e innovación o inicio do curso académico. Trátase dun obradoiro para capacitarnos no desenvolvemento de vehículos aéreos non tripulados. A xornada Pilotaxe de drons, organizada polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (ao abeiro do seu programa Tech Kids), a axencia AMTEGA (rede CeMIT) e mailos devanditos Concellos, está especialmente dirixida a nenas e nenos de 12 a 16 anos.
A actividade insírese no programa Tech Kids, que impulsan o CPEIG e AMTEGA nos nosos municipios até setembro (dende xullo) e que xiran arredor de robótica, creación de personaxes para videoxogos ou pilotaxe de drons.
Como lembraremos, o obxectivo do programa Tech Kids é “fomentar o talento dixital das nenas e nenos de toda Galicia” ao tempo que “se mellora a conciencia entre a xente nova de que a aplicación de computación e codificación para os problemas sociais reais pode axudar a cambiar o mundo”.
Ao abeiro do programa, como dixemos, estanse a organizar sesións de iniciación na pilotaxe de drons. Estas xornadas están destinadas a rapaces e rapazas de entre 8 e 16 anos, que coñecerán as súas partes, como se montan e como son capaces de voar. Tamén farán unha práctica empregando dous tipos de aeronaves: un overcraft (para entender os controis e movementos) e un dron co que percorrerán un circuíto e mesmo competirán entre eles.
As iniciacións aos vehículos aéreos non tripulados celébranse este mes de San Sadurniño (día 8), Cerceda (día 10), Valga (día 11) e Celanova (día 12) . Tamén haberá cita cos drons en Ribadeo o 13 de setembro e en Vimianzo o día 14.