main content

main content
11/02/201918:02
Presentación das actividades.
Lugo

Lugo reivindica ante a mocidade o imprescindible labor das investigadoras

A Escola Politécnica de Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo (USC) vén de activar unha iniciativa para incrementar a presenza da muller nas carreiras científicas e tecnolóxicas ao tempo que se visualizan as máis que relevantes contribucións femininas a estes ámbitos. Estamos a falar do programa Protagonistas, as enxeñeiras, que se dirixe principalmente a mobilizar e concienciar ás rapazas que están a cursar estudos de ensino medio e Bacharelato nos distintos centros educativos de Lugo. As actividades previstas foron dadas a coñecer hoxe, Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, pola vicerreitora Montserrat Valcárcel. A campaña vén da man da Comisión de Igualdade de Xénero da EPS de Enxeñaría do Campus de Lugo, en colaboración co Concello.

No acto de presentación, Montserrat Valcárcel chamou á necesidade de “rachar cos tópicos” que sinalan falsamente que a formación práctica e tecnolóxica non é acaída para as mozas, unha mensaxe coa que coincidiu a presidenta da Comisión de Igualdade de Xénero da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC, a enxeñeira e profesora Dolores Fernández, quen tamén participou na sesión de hoxe. Segundo sinalaron, as temáticas das accións previstas para os centros de ensino lucenses son “diversas e abranguen cuestións ligadas ás titulacións actualmente ofertadas pola USC na EPS de Enxeñaría de Lugo”. Así, os obradoiros programados levan por título Enxeñarías contra as pragas agrícolas, que será impartido por Cristina Cabaleiro; Os enxeñeiros e as enxeñeiras de montes defendemos o bosque fronte ao lume, guiado por Ana Daría Ruiz; Drons e láser en enxeñaría 3D, impartido por María Teresa Martín Sánchez e Patricia Tato Sánchez del Valle; Por que caen os edificios?, guiado por María José López Villar e María Teresa Teijeiro Rodríguez, e Pioneiras na ciencia, a cargo de Isabel Fernández García.

A presentación desta nova iniciativa a prol da incorporación das mulleres aos estudos universitarios de enxeñaría coincidiu coa apertura das xornadas Mulleres, ciencia e tecnoloxía, un foro organizado polo centro lugués en colaboración coa Oficina de Igualdade de Xénero da USC co gallo de celebrar (hoxe) o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, e a través do que se busca facer visible o cometido desenvolvido por mulleres nos ámbitos científicos e tecnolóxico.

A xornada, estruturada nunha mesa de debate baixo o lema Visualizando referentes, promovendo vocacións femininas e moderada pola profesora na EPSE, Ana Isabel García Arias, contou como relatoras con catro mulleres investigadoras referenciais da nosa terra: a profesora e investigadora do Departamento de Química Inorgánica da USC Isabel Fernández García; María José Rodríguez Malmierca, do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA); Encina Calvo Iglesias, do Departamento de Física Aplicada da USC e a presidenta da Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas de Galicia (AMIT GAL), Ana Jesús López Díaz.

A concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión do Concello de Lugo, Ana González Abelleira, e a deputada provincial delegada da área de Benestar Social e Promoción Económica da Deputación Provincial de Lugo, Sonsoles López Izquierdo, tamén participaron na presentación destas xornadas sobre muller, ciencia e tecnoloxía, un foro no que formalizaron a súa inscrición máis de 60 persoas, entre as que tamén cómpre citar á coordinadora da Oficina de Igualdade de Xénero da USC, Eva Aguayo.

11/02/201914:02
Carmen Pomar, mantivo hoxe unha reunión de traballo cun grupo de investigadoras galegas.
Santiago de Compostela

Carmen Pomar destaca o traballo das mulleres científicas como exemplo para espertar as vocacións entre as nenas e mozas

  • A Xunta destinou desde 2009 arredor de 500 millóns de euros á I+D+i universitaria, o que converte ás tres Universidades galegas no maior axente de investigación da nosa comunidade
  • Galicia está no grupo das seis CCAA que máis invisten en I+D en ensino superior tanto en gasto total coma de persoal

 

A conselleira de Educación, Universidade e Formación, Carmen Pomar, mantivo hoxe unha reunión de traballo cun grupo de investigadoras galegas para afondar na situación da ciencia e o labor que exercer as mulleres científicas.

Co gallo do día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, Carmen Pomar salientou a importancia de aproveitar este tipo de efemérides para visualizar o traballo diario que levan a cabo as mulleres investigadoras, que cada vez xogan un papel máis relevante no eido profesional e universitario, integradas -e tamén liderando- equipos científicos de referencia.

Segundo a conselleira, para acadar con éxito este estadio máis alto na investigación e rachar cos teitos de cristal que a día de hoxe existen, é imprescindible impulsar e promover a formación e a preparación desde as idades máis temperás. A este reto responde a estratexia Edudixital 2020, que ten en marcha a Consellería de Educación co fin de impulsar as competencias STEM e o pensamento científico entre os escolares e, cun especial fincapé en rachar coa fenda de xénero neste campo.

A modo de exemplo, un total de 15 centros educativos implantaron por primeira vez en Galicia o Bacharelato de Excelencia en ciencias e tecnoloxía, STEMBach, onde o número de mozos e mozas matriculados é practicamente o mesmo. Polo tanto, a aposta pola formación a idades temperás é a chave para que as estudantes de ciencias de hoxe sexan as investigadoras do futuro, tal e como sinalou a conselleira.

Tamén aludiu á existencia duns premios específicos destinados á muller científica, os María Josefa Wonenburguer Planells -que outorga a Xunta-, e lembrou que a Consellería de Educación este mesmo ano vai lanzar un Plan de Captación e Retención do Talento Investigador para garantir a continuidade de carreiras científicas xa consolidadas.

Así mesmo, nas convocatorias de axudas, a Consellería ten en consideración o liderado das mulleres nas propostas presentadas, co fin de contribuír a reducir o desequilibrio entre mulleres e homes dedicados á investigación no sistema galego de I+D+i.

Cómpre lembrar que a Xunta leva mobilizados arredor de 500 millóns de euros desde o ano 2009 en apoio á I+D+i nas universidades, que a día de hoxe son o maior axente investigador da nosa comunidade, tanto a nivel cuantitativo como cualitativo.

Ademais, segundo o último informe do Ministerio de Educación, Galicia sitúase no grupo das seis CCAA que máis invisten en I+D no ensino superior tanto no que se refire a gasto interno total como en gasto de persoal.

A xuntanza tivo lugar no Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da USC, e nela participaron Victoria Otero, vicerreitora de Titulacións da USC; María José Alonso Fernández, catedrática de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da USC; Dolores Pérez Meirás, directora adxunta do Centro Singular de Investigación en Química Biológica e Materiais Moleculares, CiQUS; Elena Vázquez Cendón, decana da facultade de Matemáticas; Carmen Fernández Morante, decana da facultade de Educación; María Giménez López, investigadora ERC-Starting Grant do CiQUS e Mercedes Brea, catedrática de Filoloxía Románica da USC.

O Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia foi proclamado en 2015 pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas co obxectivo de lograr o acceso e a participación plena e equitativa das mulleres e das nenas na ciencia.

11/02/201914:02
Cartel do evento.
Santiago de Compostela

O CDTIC da Amtega organiza en marzo unha nova edición do programa #MesD centrado nas redes sociais

  • Entre o 6 e o 27 do vindeiro mes, o Centro Demostrador acollerá catro sesións formativas sobre Instagram, LinkedIn, Facebook e Twitter
  • Están dirixidas a pemes, emprendedores e profesionais de recursos humanos e comunicación
  • A asistencia é de balde, previa inscrición na páxina web ou na aplicación do CDTIC


O Centro Demostrador TIC (CDTIC) da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) organiza a terceira edición de #MesD, unha iniciativa que concentra durante un mes diferentes sesións formativas destinadas ás empresas, emprendedores e autónomos e dedicadas a un tema concreto.

En marzo, #MesD centrarase nas redes sociais con catro seminarios sobre Instagram, LinkedIn, Facebook e Twitter, que se desenvolverán nas instalacións do CDTIC en Santiago de Compostela en horario de 16.00 a 18.30 horas. 

A primeira sesión, que impartirá o 6 de marzo a axencia de marketing Roi Scroll, estará dedicada a Instagram, unha ferramenta que foi gañando relevancia nos últimos tempos e que se converteu en decisiva para impulsar pequenos e grandes negocios. Está destinado a xerentes, responsables ou persoal técnico das áreas de comunicación ou marketing das empresas de calquera sector.

O segundo seminario, centrado en LinkedIn, chegará o 13 de marzo da man de Alberte Cea, nel trataranse as posibilidades desta rede como ferramenta de employer branding. O obxectivo é que as empresas tomen conciencia da necesidade de contar cunha imaxe de marca empregadora para atraer aos mellores profesionais. A actividade está destinada a pemes, persoas con proxectos de emprendemento, xestores de marca, responsables de selección ou de RR. HH. e público en xeral.

O 20 de marzo chegará a quenda de Facebook, do que falará Arancha Vilas, experta en comunicación, co obxectivo de levar o coñecemento desta rede social a unha escala máis profesional e promover a reflexión sobre a conveniencia de estar presente nela e de que maneira. O seminario está pensado, principalmente, para responsables de departamentos de comunicación; persoas que queren aprender a abordar a comunicación en liña; e persoas que precisen descubrir Facebook desde a perspectiva máis profesional.

Por último, pechará este #MesD o día 27 de marzo unha sesión dedicada a Twitter como ferramenta de comunicación profesional, a cargo de Christian Delgado, quen dará a coñecer as opcións e as características pouco coñecidas desta rede e que poden ser de interese para o seu uso profesional. Este seminario está dirixido a persoas interesadas en que a súa organización conte cunha presenza activa en Twitter desde un punto de vista profesional. 

Para participar nestas actividades cómpre inscribirse na web do CDTIC (https://cdtic.xunta.gal/) ou a través da súa aplicación dispoñible para plataformas Android e iOS. A inscrición é de balde ata que se cubran todas as prazas.

 

Programa #MesD
O programa #MesD é unha iniciativa impulsada desde o CDTIC que consiste nun ciclo de sesións formativas sobre un tema concreto concentradas ao longo dun mes e cunha duración aproximada de dúas horas. 

Ata o momento organizáronse dúas edicións do programa. A primeira delas, celebrada no mes de marzo de 2018, dedicouse ao marketing dixital, e a segunda, no mes de xuño do mesmo ano, ao comercio electrónico.

 

Centro Demostrador TIC
O CDTIC, impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, é unha iniciativa que promove a transformación dixital das pemes de Galicia como factor clave para mellorar a súa eficiencia e competitividade. Así, a través de distintos servizos e actividades, o CDTIC amósalles ás empresas a importancia de impulsar o talento dixital dentro destas, para desenvolver unha nova organización do traballo e unha cultura dixital na que o persoal e a clientela se sintan cómodos ante a incorporación das tecnoloxías.

16/02/2019De 8.30 a 14.30 h
1 mes 1 profesión dixital
Auditorio de Ferrol

FIRST LEGO League Galicia

FIRST LEGO League é un programa internacional que promove a ciencia e a tecnoloxía entre mozos de 10 a 16 anos, a través dun desafío que os equipos deben resolver.

Este programa desafía aos mozos e mozas de entre 10 e 16 anos a convertérense en científicos/as e enxeñeiros/as e a pensaren como tal. Realizarán un Proxecto Científico para resolver un problema real. Ademais, construirán e programarán un robot autónomo utilizando a tecnoloxía de LEGO MINDSTORMS para resolver as misións do Xogo do Robot.

1 mes 1 profesión dixital
Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), Santiago de Compostela

CESGAHack4

Evento de 5 días no que as persoas participantes intercambiarán recursos e coñecementos fomentando que científicos e programadores aceleren as súas aplicacións e desafíos.

11/02/201908:02
Logo CeMIT.
Santiago de Compostela

A Xunta e FEGAMP colaboran para incrementar nun 10% os usuarios da rede CeMIT e ofrecer 35.000 horas de formación dixital en 2019

  • O Goberno galego achegará este ano preto de 800.000 euros aos centros de referencia da Rede para actividades formativas
  • A previsión para este ano é acadar os 88.000 usuarios grazas ao impulso de actividades dixitais por parte dos máis de 800 aliados dixitais do Plan de Inclusión Dixital de Galicia
  • En total, a rede CeMIT conta cun investimento de máis de 1,5 millón de euros para o mantemento das 98 aulas e itinerarios formativos como os destinados á certificación de competencias dixitais, o uso seguro da rede, dos servizos dixitais, a robótica, programación ou o pilotaxe de drons


A Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) colaborarán por sexto ano consecutivo para facilitar que a capacitación dixital pública e gratuíta chegue a todos os galegos a través das actividades das aulas da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica (CeMIT).

Así se recolle nun convenio, asinado esta semana pola Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Fegamp para xestionar a subvención, entrega e distribución dos fondos públicos ás entidades locais para realizar actividades dixitais, a través da Rede CeMIT.

 

Investimento
Ao longo do ano 2019 a Amtega destinará máis de 1,5 millóns de euros a desenvolver actividades do Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020 nas aulas da rede CeMIT, así como ao mantemento das infraestruturas dos centros e a mellora das ferramentas de xestión.

En concreto, achegaranse ás entidades municipais a través da Fegamp 789.522 euros para realizar actuacións en materia de inclusión dixital nas 64 aulas CeMIT consideradas de referencia. Este orzamento distribuirase atendendo a criterios de actividade das aulas así como da poboación do municipio, correspondendo ás entidades locais de máis de 5.000 habitantes unha subvención de 15.000€ e ás de menos de 5.000 habitantes a contía de 7.251€.

Pola súa banda, a Fegamp continuará prestando un papel fundamental como canle de comunicación coas entidades locais galegas e será a encargada de transferirlles as correspondentes subvencións.

 

Obxectivos 2019
O obxectivo final da Rede CeMIT é acadar que a cidadanía acceda ao mundo dixital, e dotar aos galegos e galegas das capacidades e habilidades dixitais necesarias para facer pleno uso das TIC e aumentar a súa calidade de vida, a empregabilidade, a inserción social e a innovación social dixital.

Dado o bo resultado acadado en 2018, coa colaboración dos máis de 800 aliados dixitais, a Xunta busca en 2019 continuar garantindo e ampliando a capilaridade e universalidade destes servizos de capacitación dixital promovendo a participación dos axentes sociais, empresariais e entidades públicas para acadar unha maior variedade de temáticas e actuacións en materia de inclusión dixital en todo o territorio galego. 

Concretamente, en 2019 está previsto que a Rede imparta máis de 35.000 horas formativas no eido dixital e acade os 88.000 usuarios e usuarias.

Tamén fomentarase a certificación de competencias dixitais e o desenvolvemento de actividades como o uso seguro da rede, o manexo da administración electrónica, a robótica e programación ou o pilotaxe de drons, co fin de dar resposta ás necesidades dunha Galicia dixital. 

 

Máis formación, máis uso da rede
O incremento de servizos dixitais deber ir acompañado de accións formativas e divulgativas que dinamicen o seu uso. Estas medidas repercutiron nun avance en materia de sociedade dixital. O poñen de manifesto os incrementos rexistrados durante o período 2011-2018. Por exemplo o uso de internet en Galicia pasou do 58% ao 80,4%, medrando 22,4 puntos, quinto mellor incremento de España. 

A franxa de 45 a 54 anos achégase xa ao 90% cando en 2011 apenas superaba o 50% e no caso concreto da franxa de 55 a 64 anos, pasou do 26% ao 64,8%, medrando nun 149%, segundo mellor incremento de España Entre os 65 e os 74 anos, a cifra chega xa a un 44,2% de uso cando en 2011 apenas un 9,2% das persoas desas idades facía uso da Internet.

11/02/201908:02
Concello de Ourese e Praza Maior.
Ourense

O Concello de Ourense adhirese á Historia Social Electrónica da Xunta

  • A HSUE proporciona aos traballadores da área social, tanto a nivel autonómico como municipal, un acceso único á historia social de máis de 650.000 cidadáns en formato electrónico
  • Máis de 250 concellos empregan xa esta plataforma, que facilita a coordinación dos axentes que participan na prestación dos servizos sociais
  • A Administración autonómica vén de integrar a información relativa ao servizo de protección de menores, incorporando máis de 50.000 expedientes relativos a adopcións, acollementos familiares, protección de menores e permisos de convivencia


Os traballadores sociais do Concello de Ourense xa poden empregar a plataforma da Historia Social Única Electrónica (HSUE) da Xunta, tras a adhesión do municipio a este sistema desenvolto pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Consellería de Política Social. Ourense é a primeira das sete cidades principais de Galicia en integrarse no sistema e súmase aos 255 municipios xa adheridos.

Os profesionais da área social do municipio ourensá poderán acceder, previa acreditación nos sistema, á plataforma da Historia Social Única Electrónica da Xunta que integra nun mesmo sistema todos os datos relativos a historia social do individuo e facilita a coordinación de todos os axentes que participan na prestación dos servizos sociais, mellorando a eficiencia da xestión e a calidade da atención aos usuarios.

Dende xuño de 2016, cando se iniciou a implantación da HSUE, a Amtega e a Consellería de Política Social traballan de forma continuada na mellora da plataforma coa posta en marcha de novas funcionalidades, na integración de novos ámbitos de información así como na adhesión de novos concellos.

 

Máis de 650.000 historias sociais dispoñibles en HSUE
A día de hoxe, os traballadores sociais dos municipios adheridos teñen ás historias sociais de máis de 650.000 cidadáns en formato electrónico. A plataforma proporciona unha identificación unívoca dos cidadáns e garante a seguridade no acceso á información a través do uso de certificado electrónico por parte dos profesionais, que acceden só aos datos e información necesaria para o desenvolvemento do seu labor

A extensión da HSUE supón un fito no eido dos servizos sociais, similar á posta en marcha da Historia Clínica no eido sanitario, ao integrar nun mesmo sistema todos os datos relativos a historia social do individuo, incluíndo a situación persoal, social e familiar; as súas demandas, prestacións, servizos e recursos, así como as valoracións, intervencións, seguimento e avaliación por parte do sistema de Servizos Sociais, ademais de información referente a profesionais e a institucións e organizacións que interveñen nas mesmas. Isto permite, en base a análise e explotación dos datos, poder desenvolver políticas de prevención máis axustadas ás necesidades da poboación.

 

Información do Servizo de Protección de Menores
A Amtega e a Consellería de Política Social veñen de integrar na HSUE a información procedente do ámbito de protección de menores, co obxectivo de ampliar a historia social dos cidadáns, na que xa estaban dispoñibles outros datos do ámbito social como os relativos á dependencia, á discapacidade ou a inclusión social, entre outros.

A integración da información do Servizo de protección de menores en HSUE supón a incorporación ás historias sociais únicas de máis de 50.000 cidadáns, de información de menores no sistema de protección, adopcións, acollementos familiares, e permisos de convivencia. Esta información supón un avance importante dende o punto de vista cualitativo, pola relevancia destes datos para contextualizar a contorna social dos cidadáns atendidos polo Servizo de protección de menores e as relacións entre eles.

 

Modelo de teleasistencia avanzada
A Historia Social Única Electrónica é un dos instrumentos que nun futuro facilitará o modelo de teleasistencia avanzada no fogar polo que aposta a Xunta de Galicia. 

A Administración autonómica está a traballar nun modelo de teleasistencia avanzada para prestar tanto servizos asistenciais a pacientes crónicos como a monitoraxe continua de persoas maiores no seu fogar para identificar situacións de risco de forma automática e comunicalas telemáticamente aos seus coidadores ou prestadores de servizos. 

Este modelo baséase nun único sistema tecnolóxico para os servizos sociais e sanitarios no fogar, sobre o que traballarán diferentes prestadores de servizos en cada un dos ámbitos.

 

Plan Trabe
O desenvolvemento da HSUE enmárcase no Plan Trabe para a Modernización Tecnolóxica dos Servizos Sociais. Dotado cun orzamento de 19,7 millóns ata o 2020, é un instrumento de apoio á planificación estratéxica deste área clave para a Comunidade, que xestiona a atención e as prestacións dun terzo da poboación.

11/02/201907:02
Persoa manexando unha tablet.
Santiago de Compostela

A Xunta integra na historia social electrónica a información do servizo de protección de menores

  • Incorpóranse á plataforma máis de 50.000 expedientes relativos a adopcións, acollementos familiares, protección de menores e permisos de convivencia
  • A HSUE proporciona aos traballadores da área social, tanto a nivel autonómico como municipal, un acceso único á historia social de máis de 650.000 cidadáns en formato electrónico
  • Máis de 250 concellos empregan xa esta plataforma, que facilita a coordinación dos axentes que participan na prestación dos servizos sociais


A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) en colaboración coa Consellería de Política Social, vén de integrar na Historia Social Única Electrónica (HSUE) a información procedente do ámbito de protección de menores, co obxectivo de ampliar a historia social dos cidadáns, na que xa estaban dispoñibles outros datos do ámbito social como os relativos á dependencia, á discapacidade ou a inclusión social, entre outros.

A integración da información do Servizo de protección de menores en HSUE supón a incorporación ás historias sociais únicas de máis de 50.000 cidadáns, de información de menores no sistema de protección, adopcións, acollementos familiares, e permisos de convivencia. Esta información supón un avance importante dende o punto de vista cualitativo, pola relevancia destes datos para contextualizar a contorna social dos cidadáns atendidos polo Servizo de protección de menores e as relación entre eles.

 

Máis de 650.000 historias sociais dispoñibles en HSUE
A HSUE é a plataforma da Xunta que integra nun mesmo sistema todos os datos relativos a historia social do individuo e facilita a coordinación de todos os axentes que participan na prestación dos servizos sociais, mellorando a eficiencia da xestión e a calidade da atención aos usuarios.

Dende xuño de 2016, cando se iniciou a implantación da Historia Social Única Electrónica, a Amtega e a Consellería de Política Social traballan de forma continuada na mellora da plataforma coa posta en marcha de novas funcionalidades, na integración de novos ámbitos de información así como na adhesión de novos concellos.

A día de hoxe, os traballadores sociais de máis 250 municipios teñen acceso á plataforma HSUE, na que están dispoñibles as historias sociais de máis de 650.000 cidadáns en formato electrónico. 

A extensión da HSUE supón un fito no eido dos servizos sociais, similar á posta en marcha da Historia Clínica no eido sanitario, ao integrar nun mesmo sistema todos os datos relativos a historia social do individuo, incluíndo a situación persoal, social e familiar; as súas demandas, prestacións, servizos e recursos, así como as valoracións, intervencións, seguimento e avaliación por parte do sistema de Servizos Sociais, ademais de información referente a profesionais e a institucións e organizacións que interveñen nas mesmas. Isto permite, en base a análise e explotación dos datos, poder desenvolver políticas de prevención máis axustadas ás necesidades da poboación.

A plataforma proporciona unha identificación unívoca dos cidadáns e garante a seguridade no acceso á información a través do uso de certificado electrónico por parte dos profesionais, que acceden só aos datos e información necesaria para o desenvolvemento do seu labor.

 

Modelo de teleasistencia avanzada
A Historia Social Única Electrónica é un dos instrumentos que nun futuro facilitará o modelo de teleasistencia avanzada no fogar polo que aposta a Xunta de Galicia. 

A Administración autonómica está a traballar nun modelo de teleasistencia avanzada para prestar tanto servizos asistenciais a pacientes crónicos como a monitoraxe continua de persoas maiores no seu fogar para identificar situacións de risco de forma automática e comunicalas telemáticamente aos seus coidadores ou prestadores de servizos. 

Este modelo modelo baséase nun único sistema tecnolóxico para os servizos sociais e sanitarios no fogar, sobre o que traballarán diferentes prestadores de servizos en cada un dos ámbitos.

 

Plan Trabe
O desenvolvemento da HSUE enmárcase no Plan Trabe para a Modernización Tecnolóxica dos Servizos Sociais. Dotado cun orzamento de 19,7 millóns ata o 2020, é un instrumento de apoio á planificación estratéxica deste área clave para a Comunidade, que xestiona a atención e as prestacións dun terzo da poboación.

08/02/201919:02
Presentación da FIRST LEGO League.
Ferrol

Un total de 37 equipos de novos argalleiros participarán na First LEGO League Galicia

Hoxe a Universidade da Coruña deu a coñecer os detalles da First LEGO League Galicia, que se celebra por quinto ano consecutivo no Campus de Ferrol e da man do profesor José Antonio Becerra Permuy. A cita será o sábado 16 de febreiro, no Auditorio Municipal de Ferrol, entre as 08:30 e as 14:30 horas. Nesta edición participan un total de 37 equipos e preto de 300 mozos e mozas de Galicia e Asturias. A xuntanza foi debullada hoxe polo propio profesor Becerra, quen salientou o importante incremento de participantes que vén experimentando o evento con cada edición. Na cita do ano pasado a cifra roldou os 200 mozos e mozas. 

Becerra participou ante os medios coa vicerreitora de Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Araceli Torres; o alcalde do Concello de Ferrol, Jorge Suárez; o director do Campus Industrial, Ginés Nicolás; o director da Escola Politécnica Superior, Armando Yáñez; a subdirectora de Infraestruturas e Relacións Exteriores da Escola Universitaria Politécnica, Isabel Fernández Ibáñez, e representantes de entidades e empresas patrocinadoras. 

A cita conta co apoio e colaboración de Santander Universidades, a Deputación da Coruña e máis o Concello de Ferrol. Ademais, patrocinan a empresa Gabadi SL, o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), GADIS, R, Error Ferrol!, PuntoGal, Neodyn, TodoOcio e Lidl.

Ao remate da FIRST LEGO League Galicia no Auditorio, está previsto que os participantes visiten o Campus de Ferrol e algúns dos seus laboratorios, nunha xornada de portas abertas. 

A First LEGO League Galicia é, para quen non o saiba, a convocatoria galega dun programa internacional que desafía a mozos e mozas, de entre 10 e 16 anos, a resolver problemas do mundo real como poden ser a reciclaxe, a educación ou as enerxías renovables (resolvendo estes retos, a xente nova desfruta coa ciencia e a tecnoloxía e capacítase para o seu futuro profesional e persoal como son o traballo en equipo, a resolución de problemas e a comunicación). Segundo lembrou a UDC, a First LEGO é o maior programa internacional para o fomento de vocacións científicas e tecnolóxicas entre os máis novos. De feito, son máis de 450.000 os estudantes de 98 países de todo o mundo quen participan nesta iniciativa.

Os equipos da nosa terra que concorren nesta edición na First LEGO League Galicia, son os seguintes: Destiny Moon Pobra (ANPA Cadreche - CEP Pilar Maestru Sierra, A Pobra do Caramiñal, A Coruña), MEGA SPACE TEAM (MEGA Ribeira, de Ribeira, A Coruña), Montecastelo Little (Colexio de Fomento Montecastelo,Vigo, Pontevedra), Las Acacias BOT (Colexio de Fomento Las Acacias, Vigo, Pontevedra), RECIBÓTICA (CEIP Recimil, Ferrol, A Coruña), Palacio de Granda (Colexio ISP Laude Palacio de Granda, Siero, Asturias), OS CONSTRUCTORES (IES Virxe do Mar, Noia, A Coruña), Montebots Infinity (Colexio de Fomento Montespiño, Culleredo, A Coruña), CASANOVASQUAD (CLUB DE CIENCIA do IES Sofía Casanova, Ferrol, A Coruña), Green Galactics (Colexio de Fomento Peñarredonda, A Coruña), Robot-bois (IES Catabois, Ferrol, A Coruña), Captioma (CAPTIOMA GALICIA SL, Ourense), V.I.D.A. (Colexio Internacional Eirís, A Coruña), THE ROBOTERS (Colexio Guillelme Brown, Pereiro de Aguiar, Ourense), ASTROKIDS (Colexio Guillelme Brown, Pereiro de Aguiar, Ourense), e-Makers Lab (Espacio Vivo, Ferrol, A Coruña), Robolvello (IES Ferrol Vello, Ferrol, A Coruña), Star bots (IES Ortigueira, Ortigueira, A Coruña), EMOTIONAL TRICKS (CPI A Xunqueira, Fene, A Coruña), Xunquinautas (CPI A Xunqueira, Fene, A Coruña), AnonymousBot (IES Fene, Fene, A Coruña), C3Club (IES Ricardo Carballo Calero, Ferrol, A Coruña), FROUXIMAKERS (CPI de Atios, Valdoviño, A Coruña), MarBOT (Colexio Maristas Santa María, Ourense). 

Na modalidade Junior estes son os equipos: Destiny Moon Pobra Junior (NPA Cadreche - CEP Pilar Maestru Sierra, A Pobra do Caramiñal, A Coruña), MEGA SPACE TEAM JR (MEGA Ribeira, Ribeira A Coruña), Base Mission Moon Marín Sequelo – BMMMS (CEP Sequelo, Marín, Pontevedra), Los Selenitas (Mi Familia, Vigo, Pontevedra), Captioma (Captioma Galicia SL, Ourense), Robóticos Espaciales (Colexio Internacional Eirís, A Coruña), The Lunatics (Colexio Guillelme Brown, Pereiro de Aguiar, Ourense), Stelar Patrol (Colexio Guillelme Brown, Pereiro de Aguiar, Ourense), Los Resplandores Celestes (Colexio Guillelme Brown, Pereiro de Aguiar, Ourense), Selenitas (Colexio Guillelme Brown, Pereiro de Aguiar, Ourense), Lego Cohetes (Universidade da Coruña), Las 4 Galácticas (Universidade da Coruña) e Frouximakers Jr (CPI de Atios, Valdoviño, A Coruña). 

Quen desexe máis información sobre a competición pode visitar a webhttp://firstlegoleague.gal/.

08/02/201911:02
Asistentes ao evento.
Santiago de Compostela

As mulleres da contorna compostelá melloran coas TIC a súa empregabilidade

O Concello de Santiago está a impulsar no edificio Cersia o programa integrado de emprego Santiago E-Com, que se celebra até o mes de outubro con 100 mulleres do municipio. Está dirixido á mellora da empregabilidade e a inserción laboral a través do desenvolvemento dun itinerario que abrangue distintas accións, poñendo o foco en cuestións tan relevantes para concorrer no mercado de traballo como o adestramento e novas ferramentas dixitais. Onte o obradoiro foi visitado pola concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois.

As mulleres participantes recibirán información, orientación e asesoramento, ao mesmo tempo que mellorarán as súas habilidades sociolaborais e recibirán formación en novas tecnoloxías e idiomas. Amais, o programa inclúe talleres sobre mobilidade laboral que proporcionarán información dos recursos dispoñibles no territorio da Unión Europea. Ao abeiro do programa levaranse a cabo dous tipos de formación: obradoiros de competencias transversais, tanto informativas como idiomáticas, informáticas e de inserción; e cursos de cualificación profesional centrada nos sectores comerciais, hostaleiros e servizos turísticos. Neste caso desenvolveranse a través dos seguintes itinerarios formativos: mercadotecnia e comercio internacional, recepción en aloxamentos, confección de páxinas web e actividades auxiliares de almacén.

Segundo informa o Concello, “para facilitar os procesos de ensino-aprendizaxe e a actividade técnica, incorpórase de xeito significativo a utilización das novas tecnoloxías, especialmente mediante a utilización dun aplicativo específico para a xestión das accións recollidas no programa”.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS