O Clúster Audiovisual Galego comezou o ano dando importantes impulsos ao proxecto AudienceLab Big Data, concibido, como o seu nome indica, para pór en marcha unha tecnoloxía que posibilite a captación, xestión e análise eficaz de datos sobre consumo audiovisual nas novas plataformas de definición de contidos. A idea é tirar proveito deste coñecemento xerado e avaliado para medir o consumo audiovisual da mocidade nas novas canles e, en última instancia, definir patróns e optimizar produtos á súa disposición.
Amais do devandito, o proxecto ten como obxectivo dar a coñecer o consumo audiovisual da xente nova, de entre 6 e 18 anos, no emprego das novas tecnoloxías como son as redes sociais ou as plataformas de distribución onDemand, e como revolucionou o uso dos teléfonos móbiles intelixentes e as tabletas o consumo audiovisual.
O Clúster promove este proxecto, que conta con financiamento do programa de apoio ás Agrupacións Empresariais Innovadoras (AEI) do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, e no que tamén participan o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) e as empresas Adivina Producciones, Cinfo, Congo Producciones, CRTVG e Ficción. O Clúster engade que o grande interese suscitado por parte de todos os participantes neste proxecto fai “que xa se estea a valorar a súa continuidade e amplialo a máis empresas”.
O funcionamento ao detalle
AudienceLab Big Data tenta capturar, xestionar grandes volumes de datos (Big Data) de consumo audiovisual para logo identificar as rutinas diarias de consumo a través de técnicas avanzadas de análise da información. O sistema proposto permitirá realizar un perfil sociolóxico de consumo televisivo nos mozos en todas as plataformas e, desta maneira, “poder establecer as pautas de comportamento audiovisual”, explica o Clúster, engadindo que para o devandito reto desenvolverase unha nova solución tecnolóxica que permita a medición dos patróns de consumo dos mozos nas novas tecnoloxías. “Esta ferramenta será de grande utilidade para o sector audiovisual, ofrecendo un sistema de medición non dispoñible ata o momento e buscando un efecto demostrador para o mesmo”, informa.
Os días pasados foron días de lanzamentos e comercializacións de innovación galega. A empresa Balidea protagonizou dous destes lanzamentos: o da tecnoloxía desenvolvida ao abeiro do proxecto TOURAL (xunto con Situm, Nordesía e S-REC) e, tamén, o dos resultados obtidos con RECUPERA, unha iniciativa igualmente liderada por Balidea e que serviu para dar forma a un sistema de apoio na rehabilitación de doentes de dano neurolóxico a través dunha ferramenta que combina robótica e máis realidade virtual.
O proxecto RECUPERA culminou esta semana tres anos de traballo. Tal e como sinalamos no seu día, reflectindo no 2016 a súa presentación no Hospital POVISA de Vigo, consiste nun ambicioso proxecto que ten un dos seus piares fundamentais nun robot con capacidade para ser aplicado clinicamente en procesos de recuperación de persoas vítimas de doenzas como ictus ou accidentes cerebro-vasculares. Incorpora, amais, un sistema de realidade virtual envolvente para permitir aos usuarios recrear actividades concretas do seu quefacer diario e prepararse, deste xeito, para levalas a cabo no plano real. RECUPERA foi liderado por Balidea en colaboración co Hospital POVISA, Aimen Centro Tecnolóxico e as empresas DGH, i3Te e Ficción Producciones.
Os resultados presentáronse os días pasados en Aimen Centro Tecnolóxico, onde se lembrou que RECUPERA xorde como continuación do proxecto Fisiorob e que foi concibido para asistir aos pacientes en todas as fases da súa recuperación: desde a máis crítica (cando non hai capacidade neuromotora apreciable), pasando pola etapa onde comeza a haber movemento pero non resistencia, até a fase previa á alta médica, cando malia terse rexistrado importantes avances, aínda non hai control motriz dabondo.
Segundo explicou Balidea, en 2018, a última anualidade do proxecto, finalizouse o desenvolvemento da tecnoloxía coa integración dos principais subsistemas: “Conseguiuse un prototipo totalmente funcional que une unha contorna de realidade virtual con exercicios avanzados, un sistema de sensores inerciais para a localización en 3D, un control mellorado e un sistema informático que integra control, interface gráfico e almacenamento en BBDD”, detallou a empresa de Santiago, engadindo que durante o último ano realizáronse probas con persoas sas, “co obxectivo de demostrar que o aparello mostra información obxectiva de valores cinéticos e cinemáticos, que non é lesivo e que os parámetros poden mellorar co adestramento”. Ademais, grazas a estas probas xeraranse patróns de comportamento que permitirán comparativas entre pacientes reais e os datos de persoas sas.
O proxecto contou cun orzamento de 862.390,17 €, co-financiado en 456.636,17 € pola Axencia Galega de Innovación e apoiado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, a través do programa Conecta PEME para fomentar a cooperación entre as empresas e os demais axentes do sistema galego de innovación, co-financiado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) en colaboración coas empresas do sector tecnolóxico pon en marcha cinco novas actividades do Plan de Promoción do Talento Dixital de Galicia 2020, DigiTalent. Nos primeiros meses do ano, cobran especial relevancia as iniciativas orientadas á infancia e adolescencia para o impulso das vocacións científico-tecnolóxicas, que se suman a outras xa en marcha.
Así a semana pasada a Amtega abriu o prazo de inscricións da segunda edición programa Tecnólogo por un día, que permitirá a nenos de 12 a 17 anos experimentar en primeira persoa como é un día de traballo no marco das profesións dixitais.
Ademais, está en marcha GenTech, de Altia, con 20 sesións dixitais aos centros educativos para achegar ao alumnado de bacharelato presentacións de profesionais TIC que lles trasladarán a súa experiencia desde unha perspectiva real, práctica e inspiradora co obxectivo de potenciar o seu xene tecnolóxico.
Inicio da ruta Acerca-T polos centros educativos
Durante este mes de febreiro a empresa Televés iniciará a ruta Acerca-T, poñendo en circulación unha unidade móbil equipada con material de telecomunicacións e robots deseñados e fabricados pola empresa coa que visitará catro centros educativos das catro provincias galegas.
Ademais a unidade tamén terá presencia nas oficinas centrais de Televés, que servirán como ubicación accesible para todos os nenos/as da área de influencia, ofrecendo un total de 100 prazas nesta edición e tamén terán oportunidade de visitar a fábrica da empresa en Santiago de Compostela.
Acerca-T está orientada a alumnos e alumnas de ESO e bacharelato, en quendas con capacidade de ata 10 persoas nas que poderán participar estudantes de centros educativos distintos dentro do radio de acción da unidade móbil sempre que haxa prazas dispoñibles. As localizacións, datas e instrucións para participar nesta actividade poden consultarse no espazo web DigiTalent https://amtega.xunta.gal/vocacions-cientifico-tecnoloxicas-infancia-e-ad....
Ciclo de talleres lúdico-formativos DixiXogo
A iniciativa DixiXogo liderada pola empresa Iecisa, ofrece a nenos e nenas de 6 a 14 anos a posibilidade de aprender e adquirir habilidades dixitais a través do xogo con talleres de distintos niveis de dificultade, desde os máis básicos con Lego WeDo ata os máis avanzados con MindStoms e Robobo.
Estas actividades terán lugar no centro de innovación La Molinera de Ourense e nas instalacións do Corte Inglés de Vigo, A Coruña (Marineda City) e C.C. Santiago de Compostela; ademais estes dous últimos centros contarán cun espazo Lego permanente de robótica educativa. Os 5 talleres planificados ata o de agora ofrecerán un total de 75 prazas. Todos os detalles dos talleres, localizacións e instrucións para participar estarán dispoñibles na web https://www.iecisa.com/es/DigiTalent.
Inmersión tecnolóxica do alumnado
A empresa SIVSA Solucións Informáticas e Coremain poñen en marcha FUTURELAB+FUNCODE e O Core das TIC respectivamente, unha serie de talleres nas instalacións destas empresas nos que se realizarán actividades prácticas experimentando os procesos de creación e desenvolvemento de solucións tecnolóxicas.
Os participantes de FUTURELAB+FUNCODE poderán achegarse a proxectos relacionados co coche conectado ou a programación e os que se decanten por O Core das TIC coñecerán de cerca iniciativas relacionadas co ámbito das telecomunicacións. Estes talleres ofrecen 60 prazas para estudantes de entre 12 e 17 anos e celebraranse desde marzo ata finais de curso. O prazo de inscrición está aberto desde o 1 de febreiro a través dos formularios dispoñibles nos seguintes espazos web: https://www.sivsa.com/site/digitalent/ e http://www.coremain.com/core-tic/.
Competición internacional DXC Codes
DXC Technology impulsa DXC Codes, unha competición internacional de programación de xogos en linguaxe Scratch para nenos de 10 a 14 anos, cuxa primeira fase local será organizada pola delegación de DXC Technology en Santiago de Compostela para nenos de toda Galicia. Está previsto que durante este mes de febreiro se publiquen os retos de programación, que son definidos a nivel global, e se abra o prazo de inscricións para os interesados en participar no concurso.
Catálogo de actuacións DigiTalent 2018/2019
O catálogo de actuacións DigiTalent está dispoñible no espazo web https://amtega.xunta.gal/digitalent, en constante actualización, para ofrecer todas as novidades e os detalles de todas as actividades así como as instrucións para participar nas mesmas.
A Fundación Vodafone España presentou esta mañá, xunto con Fundación Dálles a Palabra, Aptent e Entha, a aplicación "MÍNIMO", unha app para axudar ás persoas con discapacidade auditiva. O acto tivo lugar no salón de actos da Secretaría de Estado de Servizos Sociais e contou coa presenza de Ana Lima, Secretaria de Estado de Servizos Sociais.
MÍNIMO é unha aplicación móbil gratuíta de auto-adestramento auditivo centrada na comprensión da fala que pode ser utilizada en calquera momento e lugar. Está dirixida a usuarios de próteses auditivas e de implantes cocleares que necesiten adestrar a súa capacidade de discriminación auditiva mediante a oposición de parellas mínimas, é dicir de palabras que difiren por unha só fonema.
Tan só en España hai máis dun millón de persoas con algún tipo de discapacidade auditiva. No mundo estímase que 360 millóns de persoas padecen algún grao de hipoacusia.
A solución pode utilizarse para o traballo con nenos ou adultos que presentan xordeira, dificultades gnósicas ou de discriminación auditiva, dislexia fonolóxica, etc. É tamén unha ferramenta útil para logopedas, audioprotesistas, outros profesionais da audición e da linguaxe e educadores no seu labor de tratar os trastornos de audición e de fala.
A aplicación foi creada por Entha e a Fundación Dálles a Palabra co apoio e colaboración da Fundación Vodafone España. O desenvolvemento foi levado a cabo por Aptent. A aplicación é accesible e está dispoñible de maneira gratuíta en Google Play e Apple Store.
Funcionamento da app
O adestramento consiste en escoitar unha palabra e seleccionar entre unha parella de mínimos opostos, é dicir dúas palabras que só difiren por un fonema, aquela palabra que se cre que se reproduciu. A aplicación indicará ao usuario se a resposta é correcta ou incorrecta antes de mostrar o seguinte par ou conxunto de palabras.
A app permite adestrar con diferentes voces (home ou muller) e tamén con diferentes contornas e niveis de ruído. Ademais, permite ao usuario practicar sen a necesidade de estar cun profesional ou unha persoa que o axude.
A app rexistra todos os resultados de cada exercicio informando o usuario a porcentaxe de acertos e mostrando que palabras non puido diferenciar correctamente.
Para os profesionais, a aplicación permite organizar os resultados por cartafoles para poder realizar un seguimento da aprendizaxe de cada paciente ao longo do tempo.
A app actualmente conta con 23 tipos de exercicios diferentes, organizados segundo a dificultade. A solución permite ao administrador incorporar novos pares ou conxuntos de palabras a un exercicio xa existente e mesmo crear novos exercicios.
A Casa de Galicia en Madrid súmase aos 444 centros públicos, entre oficinas de rexistro e centros de saúde, nos que se pode solicitar presencialmente o servizo Chave 365. O sistema, que entrou en funcionamento en outubro de 2015, simplifica a xestión telemática coa Administración facilitando uso de claves concertadas para realizar xestións online, ben a través da sede electrónica da Xunta ou para consultar os servizos dispoñibles na plataforma E-saúde.
A Xunta puxo en marcha este servizo ante as dificultades de uso do certificado electrónico e para evitar que as persoas menos familiarizadas co emprego das novas tecnoloxías quedasen excluídas dos servizos electrónicos. En pouco máis de tres anos, máis de 118.000 persoas empregan Chave 365 como sistema de identificación e sinatura electrónica sinxelo con garantías de seguridade similares ao certificado electrónico.
Para acceder a Chave 365 o usuario só ten que darse de alta no servizo, verificando a súa identidade, ben online a través da sede electrónica ou ben presencialmente en calquera dos 444 centros habilitados
Unha vez verificada a súa identidade, o usuario recibe no seu móbil unha clave de acceso, que empregará xunto co seu NIF. Deste xeito cada vez que queira realizar unha xestión, introducirá a clave de acceso e o NIF na sede electrónica e recibirá automáticamente no seu móbil un código de sinatura dun só uso e válido durante 24 horas para realizar o trámite.
Toda a información sobre o uso de Chave365 está dispoñible no espazo eServizos da web da Xunta https://www.xunta.gal/chave365/que-e así como o mapa coa distribución dos centros nos que se pode solicitar o servizo presencialmente.
Plan de Administración e Goberno Dixital 2020
A consolidación dunha Administración dixital é o obxectivo das actuacións do Plan de Administración e Goberno Dixital 2020, que busca culminar o traballo realizado nos últimos catro anos en materia de administración electrónica e conseguir unha Administración que funcione integramente de xeito dixital.
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, asistiu esta mañá en Vigo, ao Startup Day da aceleradora Es-Conecta -enmarcada nun proxecto transfronteirizo no que participa a Eurorrexión Galicia Norte de Portugal- onde asegurou que Galicia suma, así, unha nova aceleradora á súa rede StartIN. O elemento diferenciador é que está centrada na economía social con proxectos de empendemento que teñen como protagonistas ás persoas.
No Startup Day, seleccionaranse os 18 proxectos que pasarán á seguinte fase e que, polo tanto, accederán a un programa de catro meses no que se lles ofrecerá formación específica tanto individual como colectiva, sesións de titorías e mentorización, networkings e mesas redondas para o intercambio de experiencias e apoio e asesoramento para acceso a financiamento. O obxectivo é ofrecer aos participantes a preparación e coñecementos precisos que lles permitan reducir o tempo de posta en marcha e a consolidación do seu proxecto para desenvolvelo con garantía de éxito. Así, adáptase ás peculiaridades propias dos proxectos de economía social, primando as iniciativas centradas nas persoas e na sociedade.
Conde destacou que se trata dun sector estratéxico: “Queremos que sexa un elemento vertebrador da economía galega”. De feito conta con 3000 entidades que xeran 14.500 postos de traballo directos. O conselleiro referiuse á Estratexia da Economía Social coa que se poñerán en marcha 25 medidas cun investimento de 73M€ para aumentar nun 10% as entidades de economía social activas e un 20% os empregos vencellados.
Neste sentido, hoxe abre o prazo para o programa Aprol Economía Social co que se pretende incentivar ás cooperativas e sociedades laborais para que incorporen novos socios e axudar ás persoas desempregadas para que traballen con carácter indefinido neste tipo de entidades. Destinaranse 2M€ para beneficiar a 60 entidades e 150 persoas.
O Concello de Fene está a realizar obradoiros divulgativos nos centros educativos para fomentar o uso racional responsable das novas tecnoloxías. As actividades, que veñen da man da Concellería de Benestar Social e Igualdade, desenvólvense baixo o epígrafe Desenrédate! Prevención de adiccións e bo uso das TIC. As sesións comezaron este mes de xaneiro e prolongaranse ata febreiro. O programa, amais de Fene, tamén está a abranguer os colexios e institutos de Neda e Mugardos, coa participación activa de cadanseu Goberno local.
Segundo informa o Concello de Fene, os centros educativos acollidos ao programa son o CPI Xunqueira (11 e 18 de xaneiro e 1 de febreiro); CEIP Centieiras (23 de xaneiro e 6 de febreiro); Jorge Juan (24 e 31 de xaneiro); IES Fene (8 de febreiro) e CEIP O Ramo (12 de febreiro). Como complemento das sesións co alumnado tamén están previstas sesións para as familias naqueles centros escolares nos que exista demanda e se reúna a un grupo superior ás dez persoas. Segundo informan os impulsores do programa divulgativo común, este ten a súa base na necesidade de difundir o emprego en positivo das novas tecnoloxías da información e de Internet, “instrumentos clave na vida diaria das persoas, das súas relacións sociais, familiares, laborais, educativas, etc”.
Porén, é unha realidade que o mal uso destas ferramentas achega unha serie de riscos a ter en conta, sobre todo para a xuventude. “Utilizadas axeitadamente representan unha ferramenta extraordinaria para o desenvolvemento e a comunicación, pero tamén implican riscos que é necesario coñecer e saber previr”, engade a Concellería de Benestar Social de Feme, explicando que “a través destes obradoiros, trátase de informar e formar ao alumnado no uso sensato e responsable das redes”. Os obradoiros están dirixidos ao alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria e 1º e 2º de Secundaria e con eles búscase “proporcionar ao alumnado contornas de uso saudable e boas prácticas en TIC; fomentar a identificación, prevención e control dos riscos e situacións de acoso nas redes; a elaboración dunha guía didáctica en soporte dixital dirixida á prevención de adiccións dixitais; promover accións informativas e formativas en colaboración coas ANPAS e proporcionar pautas educativas de uso responsable das novas ferramentas”. Os obradoiros inclúense no programa Saúde na Escola que impulsan os Concellos de Fene, Mugardos e Neda coa colaboración da Consellería de Sanidade.
Até 245 persoas, repartidas en 18 grupos, participarán nos cursos de manexo do teléfono móbil que organiza o Concello de Carballo xunto coa Cruz Vermella (que coordina o voluntariado preciso para desenvolver os obradoiros), unhas actividades formativas que segundo informa o Goberno local, provocaron “unha avalancha de solicitudes”. O Concello engade que a maior parte das solicitudes son de veciños e veciñas da vila de Carballo, pero finalmente haberá cursos en 10 parroquias: Ardaña, Artes, Cances, Carballo, Entrecruces, Lema, Rus, Sísamo, Sofán e Vilela, nas que se acadou o número mínimo de inscricións.
Segundo explica o Concello, aos veciños dos lugares nos que non foi posible completar o grupo ofreceráselles a opción de acudir a outra parroquia. Os talleres de manexo do teléfono móbil constarán de tres sesións de dúas horas de duración cada unha. Haberá cursos todos os martes e xoves a partir do 7 de febreiro e até principios de xullo, aínda que, en función da dispoñibilidade do voluntariado, os prazos poderían acurtarse. O Concello agradeceu a colaboración da Cruz Vermella e tamén do movemento asociativo das parroquias, que se encargou da difusión da actividade e da recollida de inscricións.
O obxectivo destes cursos é familiarizar á xente maior do termo municipal coas novas ferramentas dixitais, moi indicadas para permitirlles unha mellor comunicación, un contacto máis directo coa xente da súa contorna (e doutras contornas), unha serie de ferramentas útiles para a vida diaria e, sobre todo, unha actividade cognitiva que favoreza o bo estado de saúde. Os cursos responden á alta demanda que experimentan outras actividades semellantes de envellecemento activo e a peticións concretas dos consellos parroquiais.