O vindeiro sábado Cangas do Morrazo vai poder presumir de ser a primeira vila galega en contar cun museo do videoxogo, o MUVI, que busca combinar diversión e estudo a partes igual grazas á iniciativa dos irmáns Jacobo e Galo Martínez, que dende os anos 80 gozan dos videoxogos e manteñen unha completa colección de xogos e trebellos que converteranse nunha ferramenta para divulgar a cultura do videoxogo.
Os responsables do MUVI están convencidos de que os videoxogos merecen ser abordados como unha manifestación cultural máis, e queren compartir a súa visión co mundo con esta iniciativa que finalmente adopta a forma dun museo. Este proxecto está integrado na asociación Retrogalaicos (de aí que participasen en Retrosantiago, Retrovigo e Faneka Gaming), pretende adherises a videoxogos.gal, e finalmente poderá amosar a súa colección ao público aproveitando a apertura do espazo Trebella, que reservou 50 metros cadrados para a exposición da colección de consolas e xogos, así como para a organización de charlas, exposicións e outros eventos que organice o MUVI nos espazos multifuncionais de Trebella en determinadas fins de semana.
A apertura do espazo de traballo Trebella, na rúa Andalucía, 10 de Cangas, terá lugar o día 2 ás 12:00 horas, nunha festa de inauguración na que actuarán en acústico La casa de los ingleses, acollendo tamén a sede unha mostra de arte contemporánea de Mauro Trastoy, Santi Jiménez e Begoña Pastoriza.
A aposta polo galego na docencia conta con novas axudas. Así o fixo saber os días pasados o Goberno galego, a través das consellerías de Cultura e Turismo e de Educación, Universidade e Formación Profesional. Estamos a falar de dúas ordes da Secretaría Xeral de Política Lingüística no DOG que consisten na achega de axudas para o fomento da lingua galega no ensino, tanto para centros de titularidade pública como para centros de titularidade privada. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto até os días 13 e 25 de febreiro, respectivamente. Un dos criterios sobre os que se fai fincapé é o emprego das novas tecnoloxías da información no devandito cometido de difusión e emprego da lingua.
Ambas as convocatorias teñen a finalidade de “contribuír ao financiamento das actividades que realizan os equipos de dinamización da lingua galega e o profesorado responsable de cada proxecto de fomento do galego durante o curso académico 2018/2019 naqueles centros educativos que imparten ensinanzas regradas de niveis universitarios e que contan con menos de seis unidades”. O texto completo das convocatorias está dispoñible no Portal da Lingua Galega http://www.lingua.gal e na Sede Electrónica da Xunta de Galicia).
Sobre os criterios de valoración, os equipos ou o profesorado encargado da dinamización lingüística nos centros educativos que desexen optar a estes apoios deberán presentar un proxecto de actuación de cuxa valoración dependerá sobre todo a contía (un máximo de 800 euros) que obterán para desenvolvelo. Terase en conta tamén o número de alumnado con que conte o colexio ou instituto.
Teranse en conta o grao de implicación nos proxectos candidatos por parte dos distintos membros da comunidade educativa; o nivel de utilización das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (as TIC); o grao de colaboración con outros centros educativos, así como con entidades, institucións e asociacións externas ao colexio ou instituto; a realización de actividades plurianuais e a tipoloxías das actividades propostas.
O martes 5 de febreiro, ás 22.30h, con motivo do Día Internacional da Internet Segura, Odisea estrea O meu pesadelo online, serie que recrea casos reais de estafas e suplantación de identidade na web.
Ademais, na app de Odisea VR poderase ver o documental Zero Days VR, premiado cun Emmy no ano 2018, que dá a coñecer, desde unha perspectiva diferente, a historia de Stuxnet, o primeiro verme informático capaz de danar a infraestrutura do "mundo real".
Os perfís falsos nas redes sociais están á orde do día e están a dar lugar a situacións tan surrealistas como perigosas.
O meu pesadelo online recrea algunhas das estafas reais máis coñecidas, que son un exemplo extremo de como Internet cambiou as relacións sociais. Así, cada martes de febreiro, ao longo de catro episodios, a serie mostra algúns dos problemas que envolven á sociedade actual na chamada era dixital.
A Xunta pon en marcha este ano una nova edición do Plan para reforzar a formación do empregado público no ámbito da Administración dixital e da Protección de datos con preto de 2.000 horas a través de 67 cursos en formato presencial, online e mixto.
Esta medida enmárcase nas actuacións do Plan de Goberno e Administración Dixital 2020 co que se está a consolidar o proceso de transformación dixital da Administración autonómica, no que traballan a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
O Plan formativo, que se realiza en colaboración coa Escola Galega de Administración Pública, incrementa en máis dun 66% o número de horas con respecto a 2018 e tamén o número de cursos, ofrecendo un 20% máis que na edición anterior.
Os cursos abordan diferentes aspectos da Administración dixital tanto vinculados ás novidades introducidas polas lei 39/2015, como os centrados na implantación de novos sistemas da administración dixital (notificacións electrónicas, dixitalización de rexistros...) ademais dos relativos ao novo decreto de protección de datos, con formación específica para os delegados de protección de datos.
Máis formación, maiores niveis de uso
A importancia da formación no sector público autonómico reflíctese na futura Lei de Administración Dixital de Galicia, actualmente en tramitación, que contempla un Plan de Capacitación Dixital para garantir aos empregados públicos o acceso á formación necesaria para desempeñar as súas funcións nun contexto dixital e intensificar o uso dos servizos dixitais.
O sistema de indicadores do Plan apunta a un incremento no uso dos servizos dixitais tanto dentro como fóra da Administración. A nivel interno no ano 2018 os empregados públicos realizaron 6,4 millóns de consultas á Plataforma de interoperabilidade Pasaxe!, un 44% máis que en 2017; rexistraron máis de 300.000 notificacións electrónicas, máis do triple que en 2017 e asinaron 2,7 millóns de documentos electrónicamente. Por parte dos cidadáns, as xestións online superaron as 470.000, o que supuxo un incremento do 47%.
Precisamente, un proxecto europeo denominado Facet busca mellorar a atención a persoas maiores fráxiles a través da tecnoloxía, cun seguimento no seu fogar para reducir as visitas ao médico e mellorar a calidade de vida dos pacientes.
O Hospital Universitario de Xetafe forma parte deste proxecto e puxo en marcha un estudo a través do seu servizo de xeriatría e da súa fundación de investigación biomédica para desenvolver un sistema online de seguimento.
A idea é desenvolver unha aplicación para o móbil dos usuarios que se comunica cunha serie de sensores que se colocan no fogar ou o lugar de residencia da persoa maior con fraxilidade para monitorar a súa evolución en parámetros como a mobilidade, a nutrición ou o seguimento do tratamento.
Esta aplicación da "e-Health" busca mellorar o tratamento das persoas maiores que deben acudir de forma habitual ao médico, á vez que se impulsa a súa calidade de vida e autonomía.
De maneira complementaria ás recomendacións lanzadas con motivo da celebración do Día Europeo pola Protección de Datos, o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convocan este 28 de xaneiro a terceira edición do Concurso literario infantil e xuvenil sobre a protección de datos, dirixido a nenas e nenos de 5º e 6º de Primaria e alumnos e alumnos de 1º a 4º de ESO. O certame organízase con motivo da devandita celebración europea, dirixida a facermos fronte común para acadar unha sociedade dixital máis segura e confiable.
Ambas as dúas institucións consideran de moita importancia que a sociedade galega tome conciencia da necesidade de incorporarse á cultura da protección de datos, nomeadamente os menores de idade. Sinalan que actualmente cómpre promover o coñecemento entre a cidadanía sobre cales son os seus dereitos e responsabilidades en materia de protección de datos.
Os estudantes poderán presentar ao certame diversos xéneros literarios como o artigo xornalístico, exposición divulgativa (entrada de blogue ou artigo de divulgación), conto ou relato curto, todos obras inéditas escritas en lingua galega. Estes traballos deberán responder a preguntas como “Que é para ti a protección de datos, como afecta no teu día a día?, como podo protexer os meus datos?”. Os textos de referencia serán o Protocolo de Protección de Datos da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e as publicacións da Axencia Española de Protección de Datos.
Os traballos deberán presentarse en formato dixital en PDF, cunha extensión de entre 1.000 e 2.000 palabras para as categorías de 1º e 2º de ESO e 3º e 4º de ESO, e de entre 800 e 1.000 palabras para a categoría de 5º e 6º de Primaria. Cada concursante poderá presentar ao certame cantos traballos desexe. O prazo para presentalos estará aberto ata as 15:00 horas do 28 de febreiro.
Haberá un premio para a categoría de 5º e 6º de primaria, outro para a categoría de 1º e 2º de ESO e outro para a categoría 3º e 4º de ESO, que consiste nunha tableta para o autor ou autora e un kit de robótica para a súa aula. Ademais, aquel centro que conte con maior participación recibirá un recoñecemento especial da organización.
O fallo do xurado, composto por membros nomeados polas entidades convocantes, darase a coñecer no mes de marzo. Pódense consultar as bases da convocatoria nas páxinas web das institucións organizadoras: http://www.cpeig.gal e http://www.edu.xunta.gal/portal/.
Na primeira edición participaron 40 escolares de toda Galicia. Os gañadores foron na categoría de 1º- 2º da ESO Eva Riveiro Formoso co traballo Oinc, que cursaba naquel momento segundo da ESO no Colexio Compañía de María de Santiago de Compostela; e na categoría 3º- 4º ESO resultou premiado Gustavo López Leyenda co traballo PISOTE, cursando o pasado ano 4º da ESO no CPI de Cova Terreña de Baiona. Ademais, recibiu o recoñecemento especial o Colexio Compañía de María de Santiago de Compostela. Na segunda edición, celebrada en 2018, recibiron os premios Paula Ledo de 6º de Primaria do CEIP Virxe da Pena da Sela de O Irixo (Ourense) co traballo O perigo das redes sociais; na categoría do primeiro ciclo de Secundaria gañou o premio Sara Álvarez, alumna de 2º da ESO do IES O Couto de Ourense, co traballo Peket; e na categoría do segundo ciclo de Secundaria fíxose coa vitoria Carlos López, alumno de 4º da ESO do CPI de Cova Terreña en Baiona, co traballo Xosé Manuel Agudo.
A Corporación Radio Televisión de Galicia, a AMTEGA e o operador R unen forzas para o desenvolvemento de cinco retos tecnolóxicos para emprendedores e empresas enmarcados na nova aceleradora de contidos dixitais R DiCo Challenge.
Alfredo Ramos, director xeral de R, Rosa Méndez, directora da área de Sociedade Dixital de AMTEGA e Xosé Pereira, director da Área de innovación e negocio da CRTVG, estiveron no programa da TVG A Revista, onde explicaron con detalle esta iniciativa, que busca fomentar a innovación tecnolóxica no eido dos contidos dixitais. Entre os obxectivos destes retos sinalaron o aproveitamento destas iniciativas para mellorar os produtos e servizos, e impulsar o emprego, nun sector que xa reúne a máis de 5.000 traballadores e unhas 900 empresas.
Televisión de Galicia colabora nos 5 retos pero céntrase nun, unha análise de big dataaplicado ao consumo televisivo. Segundo o director da Área de Innovación e Negocio da CRTVG, o obxectivo é coñecer o comportamento dos usuarios en relación cos medios de comunicación en Galicia e tamén noutros produtos audiovisuais, como os videoxogos. Así mesmo, Pereira explicou que para a realización deste reto a CRTVG porá a disposición dos elixidos os sistemas de medición de audiencias da CRTVG ou das súas canles dixitais.
Dentro dos outros retos, destacan un novo sistema de enriquecemento de contidos deportivos ou a creación de aplicacións para Android TV. Amais, tamén se buscarán solucións para transmitir contidos formativos e divulgativos dun xeito innovador. As ideas para cada un destes retos pódense presentar até o 8 de febreiro na web de startups R Dico Challenge. Ademais, crearase un espazo na Cidade da Cultura para o desenvolvemento das iniciativas.
O Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) vai organizar en febreiro a segunda parte do Curso de Delegado de Protección de Datos (DPO), unha actividade formativa dirixida a especializar e capacitar aos nosos profesionais en todo o relativo á salvagarda da información ao abeiro dos novos soportes (e en relación directa co regulamento europeo vixente). O curso, impartido por AENOR e recoñecido pola AEPD celebrarase os vindeiros días 1 e 2 de febreiro na Cidade da Cultura.
Nesta segunda fase, continuación das sesións celebradas o pasado mes de setembro, participarán os mesmos asistentes da primeira, ao obxecto de completar a súa formación sobre a figura do DPO. Segundo informa o CPETIG, as dúas vindeiras sesións terán unha duración total de 10 horas, distribuídas entre a tarde do venres, día 1, e a mañá do sábado, día 2, completando así un programa formativo de 30 horas, recoñecido pola Axencia Española de Protección de Datos (AEPD) como parte dun dos seus itinerarios para optar ao exame de certificación como DPO. Os contidos da actividade están centrados nos fundamentos e principios do novo regulamento de Protección de Datos, nos dereitos das persoas interesadas, nas obrigas dos responsables e os encargados do tratamento da información e nas medidas de seguridade, así como no estatuto da figura do Delegado de Protección de Datos, na Autoridade de control e no réxime sancionador.
Obxectivos
O curso de DPO ofrece unha visión xeral da normativa europea de Protección de Datos, incidindo en aspectos prácticos para as entidades responsables do tratamento e os seus fornecedores de servizos. Entre outros obxectivos, o curso está deseñado para “coñecer os principios básicos da nova normativa, cunha análise detallada das obrigas que afectan ás entidades públicas e privadas que tratan datos de carácter persoal; e afondar nas funcións do DPO, acadando o nivel de coñecemento preciso para poder levalas a cabo”.
Formación recoñecida pola AEPD
A formación é impartida por AENOR e está recoñecida pola AEPD como válida para a obtención de puntos e posterior presentación ao exame de Certificación DPO. O perfil profesional ao que vai dirixido o curso inclúe a responsables de seguridade e cumprimento normativo, auditores internos ou externos que deban avaliar a observancia da normativa, consultores, avogados e, en xeral, a profesionais interesados en prestar servizos neste ámbito.
O Concello de Brión quere comezar o ano con formación en novas tecnoloxías para a cidadanía, poñendo o foco na alfabetización de base. Nesta liña, o Goberno local vén de presentar a súa oferta formativa para o vindeiro mes de febreiro, que inclúe dous cursos que terán lugar na aula CeMIT emprazada na Carballeira de Santa Minia. Trátase dun curso de iniciación a informática, que se celebra os luns e mércores, de 20:00 a 22:00 horas, entre o 11 de febreiro e o 13 de marzo; e un curso de Power Point que se desenvolverá os martes e xoves, de 10:30 a 12:30 horas, do 12 de febreiro ao 21 de marzo.
En ambos casos, o Concello de Brión oferta 12 prazas por unha cota de 30 euros, cun desconto do 50% para persoas desempregadas: 15 euros. Os dous cursos devanditos terán unha duración de 20 horas lectivas. As inscricións poden formalizarse ata unha semana antes do inicio do curso na Casa da Cultura de Brión, chamando ao 981 50 99 08 ou enviando un correo electrónico a empregobrion@gmail.com.
O Centro de Excelencia en Intelixencia de Negocio (CEIN) de DXC Technology, fiel ao seu compromiso de potenciación e desenvolvemento do sector TIC galego, convoca o III Hackathon Big Data y Analytics, que terá lugar os próximos días 1 e 2 de febreiro de 2019 na Cidade da Cultura de Galicia. Este evento ten como obxectivo unir a equipos de analistas, estudantes universitarios, emprendedores e emprendedoras e todo tipo de persoas con inquietudes no ámbito de Intelixencia Artificial, Big Data & Analytics co fin de elaborar unha solución tecnolóxica que dea resposta a un reto exposto inicialmente.
Nesta edición, o desafío basearase en expor e desenvolver ideas que permitan mellorar a calidade de vida da cidadanía para partir da análise de datos meteorolóxicos, que serán proporcionados por Meteogalicia. A rede de estacións meteorolóxicas, ademais de xerar un gran volume de datos históricos de multitude de variables, tamén ofrece información en Near Real-Time dun subconxunto de magnitudes físicas cun gran potencial para ser usadas en diferentes ámbitos da vida diaria. As fontes de datos que poderán ser utilizadas durante o evento están detalladas nas bases do Hackathon, que poden consultarse en www.hackathon-cein.com.
Equipos multidisciplinares
As propostas desenvolveranse en grupos multidisciplinares de traballo integrados por un mínimo de 3 persoas a un máximo de 5, contando co asesoramento técnico de profesionais de DXC quen, como empresa organizadora, facilitará na medida do posible apoio loxístico para a realización dos distintos proxectos, mediará en cuestións derivadas dos mesmos e asegurará o cumprimento e acatamento das normas necesarias para o seu correcto desenvolvemento.
A cantidade máxima de participantes virá delimitada polo espazo dispoñible, ata un máximo de 30 persoas. Os participantes poden inscribirse en equipos ou de maneira individual. Promóvese a inscrición en equipos multidisciplinares. Os integrantes que se inscriban individualmente poderán sumarse a un equipo ou formar un durante a primeira xornada.
Aínda que a organización proverá dun lugar de traballo, tomas de corrente, conexión wifi a Internet e datasets, cada equipo participante deberá levar a súa propia ferramenta de traballo: equipos informáticos como ordenadores portátiles, tablets e/ou outros compoñentes para crear os seus produtos ou solucións, e calquera outro tipo de hardware ou software que requiran para poder traballar no proxecto.
Ao termo da segunda xornada, cada equipo fará unha breve exposición (durante 5-10 minutos) da súa solución. Un xurado experto formado por membros de DXC Technology e os organismos colaboradores avaliará e seleccionará os gañadores.
Máis información e inscricións en www.hackathon-cein.com.