Finalmente entregáronse onte os Premios TIC Galicia 2019 convocados polo Clúster TIC e máis Laconnetwork co obxectivo de enxalzar o revolucionario labor do noso sector. As empresas, entidades e profesionais gañadores resultaron ser Alén Space, Queres Tecnologías, Roi Scroll, Developers Foresic Tools, Redegal, AMTEGA, R, Miguel Varela e Amparo Alonso Betanzos. Os representantes das entidades recolleron os seus galardóns pola tarde, nunha gala desenvolvida no marco da Lacon9th, no PALEXCO, na Coruña.
Con estes premios, o Clúster TIC e a Laconnetwork recoñecen o traballo de todos os axentes comprometidos co desenvolvemento do tecido produtivo baseado na Sociedade da Información, poñendo de relevo ante a opinión pública “o labor das empresas, profesionais e entidades que deseñan, programan, desenvolven, implantan ou usan produtos ou servizos galegos que teñen na innovación e no uso das novas tecnoloxías a súa razón de ser”, explican os organizadores.
Start-up
Na categoría Start-up a firma gañadora foi Alén Space, como provedora de negocios baseados en nanosatélites. Segundo informan o Clúster e Laconnetwork, o seu obxectivo é reducir as barreiras de acceso ao espazo, poñendo as ideas de negocio dos seus clientes en órbita do modo máis rápido, fiable e barato. Con máis de dez anos de experiencia desenvolvendo, fabricando e operando nanosatélites, con hardware e software propio e unha metodoloxía adaptada aos estándares de calidade da Axencia Espacial Europea, veñen de lanzar dende o cosmódromo de Vostochny en Rusia o satélite Lume-1 para a Universidade de Vigo co obxectivo de loitar contra os incendios. Recolleu o premio Antón Vázquez, co-fundador.
Os outros dous finalistas nesta categoría foron Aerocámaras, operadora número un de drons en España; e Muutech, startup especializada en solucións de seguimento empresarial e industrial.
Software Libre
Na categoría Software Libre, a gañadora foi a firma Queres Tecnoloxías polo proxecto Xedoc, unha plataforma de custodia electrónica de documentos que ofrece interfaces de interoperabilidade específica para contornas clínicas baseadas en estándares sanitarios. A maiores emprega un repositorio documental de código fonte aberto. A través de Xedoc ponse á disposición dos profesionais sanitarios a documentación clínica dos pacientes, mellorando así a atención ao cidadán. O último fito desta plataforma foi permitir a conexión dos pacientes coa súa historia clínica a través da integración do portal E-Saúde. Actualmente xestiona e almacena información clínica de máis de dous millóns de cidadáns, o que supón máis de medio millón de transaccións ao día, máis de 5.000 documentos novos diarios e o acceso de arredor de 20.000 profesionais sanitarios á información. Recolleu o premio Víctor Fariña, CEO de Queres Tecnologías.
Os outros dous finalistas nesta categoría foron Strelia Electrotecnia e Hércules, polo proxecto Boia Bares-Monitorizado oceanográfico de ondas, direccional e de alta precisión; e a firma Alia Technologies por EnAlia.
Marketing Dixital
Na categoría de Marketing Dixital a empresa gañadora foi Roi Scroll, que se fixo co galardón pola campaña de verán 2018 para Pescanova, baixo o título Desenvídiate. Esta acción buscaba levar a “desenvidia” a todos os fogares españois e modificar o posicionamento de Pescanova en canto ao target e á estacionalidade dos seus produtos. Lograron más de 6.700.000 impresións en redes sociais e 3.721.914 persoas impactadas. No concurso fotográfico asociado os usuarios subiron á Rede máis de 2.700 imaxes desenvidiándose. Ademais, a web específica da campaña logrou máis de 230.000 visitas. Javier Barreira, CEO de Roi Scroll, acudiu a recoller o galardón.
Os outros dous finalistas nesta categoría foron R, pola súa acción Demogorgons para moitos días; e Atlántica Comunicación pola súa campaña para Lenda Pet Food.
Innovación
Na categoría de Innovación (I+D+i) a entidade gañadora foi Developers Forensic Tools polo proxecto Direct Dump. Esta ferramenta fai seguimento dos sistemas de forma transparente, alertando de intrusións e permite tomar contramedidas no caso de ataques. A maiores, fai un informe forense con validez dixital para ciberseguros. Trátase dun produto hardware e software que permite un acceso fácil e eficiente a datos volátiles e non volátiles de múltiples dispositivos e plataformas. Direct Dump, segundo valorou o xurado, posibilita a extracción destes datos, respectando sempre a súa integridade, con independencia de que os equipos estean bloqueados e sen necesidade de apagalos. O premio foi recollido por Pilar Vila, CEO e co-fundadora.
Os outros dous finalistas na categoría de Innovación foron Bahía Software, co proxecto DIAPA; e Agrupación Galicia, por Mruta.
Evanxelizador
O premio evanxelizador recoñece ás persoas (físicas) que se implican, de continuo e de maneira especial e con esforzo, axudando a tomar conciencia sobre o seguinte feito: que en Galicia existe un gran sector que xira en torno a moi boas ideas coa innovación como alicerce; ademais de organizar con excelencia algún dos eventos mensuais (LaconNetwork) que se desenvolven ao longo de todo o ano en Galicia. O galardón recaeu, nesta edición, en Miguel Varela, CEO de Teimas Desenvolvemento. Pola súa banda, foron finalistas nesta categoría Gonzalo Garre, CMO en Livetopic; e Juan Pedro Granados; CEO, CDO e CMO en stati.co
Internacionalización
Na categoría de Internacionalización a gañadora da edición foi a empresa galega Redegal, quen arrancou a súa internacionalización no mercado latinoamericano tras unha serie de estudios que amosaron as oportunidades de LATAM e, concretamente, México. Inaugurou a súa primeira oficina neste país en 2014 e, a día de hoxe, contan con grandes marcas na súa carteira de clientes e un equipo de máis de 15 profesionais en diversas áreas. Segundo salientou o xurado, o devandito supuxo unha serie de recoñecementos en 2018 como o indicador Ardán á Empresa Global por presentar valores elevados en magnitudes directamente relacionadas co proceso de internacionalización, tales como clientes estranxeiros, número de países aos que exporta, volume de exportacións fóra da UE, establecementos no exterior e persoal adicado a tarefas de internacionalización. Recolleu o galardón Javier Castiñeiras, director de Marketing da compañía.
A maiores das 6 categorías anteriores nas que houbo finalistas, concedéronse tres mencións especiais, seleccionadas por un comité de especialistas do sector TIC especificamente designado polos organizadores.
Mención especial- Empresa Tractora
Adicado a aquelas empresas que apostan e confían nas startups galegas, contratando os seus servizos e/ou produtos e ofrecendo unha oportunidade firme de negocio. A empresa tractora escollida nesta edición foi R polo seu programa de aceleración Startup R DiCo Challenge. Segundo valorou o xurado, esta iniciativa, participada por AMTEGA, pretende facer rendibles a medio prazo as solucións que xurdan da operadora e axudarlles a atopar unha saída áxil e eficaz no mercado, incluíndo a R como potencial primeiro cliente. A aposta da operadora consiste en abrirse ao ecosistema de emprendedores, empresas e outras entidades da contorna dos contidos dixitais para colaborar con elas no desenvolvemento de proxectos innovadores que poidan, por unha banda, solucionar os retos de innovación da compañía e, pola outra, enriquecer o tecido empresarial galego dos contidos dixitais. Recolleu o premio Alfredo Ramos, director xeral de R.
Mellor Iniciativa TIC
Este premio, adicado a organismos, organizacións, asociacións, fundacións e institucións que axudan á creación, o lanzamento e o asentamento de empresas e emprendedores TIC recaeu na Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) polo seu Plan de Acción para o impulso dos contidos dixitais en Galicia, Dico Mindset. Este ten como obxectivo impulsar a modernización e innovación tecnolóxica do sector dos contidos dixitais e dinamizar a xeración e posta en marcha de proxectos para a transformación dos sectores produtivos de Galicia aproveitando as oportunidades que brindan as novas tecnoloxías. Valorouse especialmente a actuación en colaboración coa Corporación de Radio Televisión de Galicia (CRTVG) para adaptar as emisións do ente público ás novas demandas de consumo. Buscouse así fomentar a creación de contidos dixitais orientados a un mercado global que e tamén o desenvolvemento de novas tecnoloxías no sector dos contidos dixitais.
Mención Especial – Traxectoria
Esta distinción recoñece ás persoas físicas que se implican, constantemente de maneira especial e con esforzo nas TIC galegas. Este galardón recaeu en 2019 en Amparo Alonso Betanzos, catedrática de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da Universidade da Coruña, presidenta da Asociación Española de Inteligencia Artificial e coordinadora do grupo de investigación LIDIA. Esta enxeñeira é un referente no eido da Intelixencia Artificial. Foi bolseira na primeira edición internacional do programa L''Oréal-UNESCO For Women in Science en 1998, sendo a primeira participante española nos 17 anos deste programa. A súa tesina enfócase na informática biomédica, estudando a aplicación de técnicas informática en campos relacionados directamente coa monitoraxe antenatal. Alonso Betanzos centrou a súa tese nas aplicacións en Intelixencia Artificial, que continuou na súa Postdoctoral Fellowship en Estados Unidos. Segundo salientou o xurado, “trátase dunha loitadora contra a brecha de xénero no sector TIC, é un referente para a mocidade feminina e un exemplo de como a tecnoloxía pode estar ao servizo da sociedade e dos problemas sociais”.
O Cluster TIC de Galicia vén de recoñecer o Plan Dico Mindset, impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), como a Mellor iniciativa TIC nos Premios Galicia TIC 2019, que se entregaron esta tarde na Coruña no marco da IX edición do Laconnetwork.
Co premio Iniciativa TIC, o Clúster recoñece o labor de organismos ou entidades públicas ou privadas que axudan á creación, lanzamento, asentamento de empresas ou ao propio emprendedor.
A Amtega puxo en marcha o Plan DicoMindset en 2018 para impulsar a modernización e innovación tecnolóxica do sector de contidos dixitais e dinamizar a xeración e posta en marcha de proxectos para a transformación dos sectores produtivos de Galicia, aproveitando as oportunidades que brindan as novas tecnoloxías En colaboración co Clúster TIC e co Clúster do Audiovisual de Galicia búscase configurar un sector de contidos dixitais galego máis potente, maduro e competitivo, que neste momento aglutina en torno a 900 empresas con preto de 5.400 empregados.
Entre as iniciativas en marcha están o proxecto en colaboración coa Corporación de Radio Televisión de Galicia (CRTVG) para adaptar as emisións do ente público ás novas demandas de consumo, e a creación dunha aceleradora de contidos dixitais con R.
Finalmente pechou o pasado 20 de xaneiro o prazo para presentarmos candidaturas á segunda edición dos Premios TIC Galicia que organiza o Clúster TIC en colaboración con Laconnetwork e co obxectivo de mostrar o esforzo innovador e creativo das organizacións, institucións e empresas galegas ligadas ao sector das novas tecnoloxías. Segundo informan as dúas entidades, un total de cincuenta e seis proxectos do sector das Tecnoloxías da Información e a Comunicación galego compiten por facerse cun galardón no dito certame. Os gañadores daranse a coñecer este xoves ás 19.00 horas.
A información subministrarase no marco dunha gala en PALEXCO, A Coruña, que comezará ás 19.00 horas. Segundo recalcan o Clúster e máis Laconnetwork, os recoñecementos supoñen visualizar o importante traballo das nosas organizacións, institucións e empresas galegas vinculadas ao eido das TIC.
Un total de 37 entidades presentaron 56 candidaturas ás 9 categorías en competición dos premios, personalidades, produtos ou proxectos empresariais que tiveron “especial repercusión en Galicia no ano 2018” e estiveron “fortemente vinculados á difusión do valor da tecnoloxía”.
Ata este xoves ás 13:00 horas poderán ser votados a través da páxina web https://www.laconnetwork.com/ os 15 finalistas das categorías Mellor Startup, Mellor Campaña de Mercadotecnia Dixital, Mellor Desenvolvemento de Software Libre, Mellor Innovación (I+D+i) e Mención especial – Premio Lacon Evanxelizador.
15 proxectos finalistas
Mellor Startup
Mellor Desenvolvemento de Software Libre
Mellor Campaña de Marketing Dixital
Mellor Innovación (I+D+i)
Mención Especial Evanxelizador:
O gañador nestas 5 categorías será decidido pola media da valoración do comité de sabios e a votación pública. Nas restantes 4 categorías: Mellor Iniciativa TIC, Mellor Empresa Tractora, Mellor Internacionalización e Mención Especial – Premio Traxectoria, o Comité de Sabios escollerá directamente o gañador.
O 5 de febreiro foi o Día da Internet Segura, un evento internacional que pon de relevo a importancia de crear unha sociedade dixital amigable, útil e ceibe de ameazas para toda a comunidade en liña e, especialmente, para as novas xeracións. Á fronte da celebración galega do Día da Internet Segura sitúase o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), que renovou o seu chamamento a prol de facer medrar a concienciación da sociedade e o investimento das empresas en ciberseguridade, que deben estar listas ante un posible ciberdelito, que segundo asegura o presidente do CPEIG, Fernando Suárez, “actualmente xera máis diñeiro que o tráfico de drogas”. A celebración da xornada incluíu dúas sesións divulgadoras en Celanova e Leiro, en estreita colaboración coa Rede CeMIT.
Segundo lembra o CPEIG, o Día de Internet Segura (Safer Internet Day, SID polas súas siglas en inglés), é un evento promovido pola rede INSAFE/INHOPE co apoio da Comisión Europea, que se celebra cada mes de febreiro para promover “un uso seguro e positivo das tecnoloxías dixitais, poñendo o foco na nenez e na mocidade”. Este ano a celebración quere facer fincapé na vertente positiva da sociedade dixital e nas súas moitas vantaxes de desenvolvemento, formación, comunicación e progreso, de aí que o lema desta edición sexa Unha Internet mellor comeza contigo: convivindo con respecto para unha Internet segura.
O colexio tamén recorda que o obxectivo da devandita efeméride é “impulsar cambios positivos e concienciar sobre a seguridade en Internet”, coa finalidade de alcanzar “unha Internet mellor” e convertela “nun espazo no que todas as persoas e entidades fagan uso da tecnoloxía de maneira responsable, respectuosa, crítica e creativa”.
Máis en detalle, o presidente do CPEIG destaca que “se debe facer fincapé na importancia da ciberseguridade, privacidade e o uso seguro das TIC na contorna dos menores, co obxecto de protexer a súa reputación e a dos demais”. E engade: “Os pais ou titores deben manter un diálogo aberto cos seus fillos, educándoos no uso seguro e positivo da tecnoloxía e actuando como referentes de comportamento dixital”. Como dixemos, o CPEIG (no seu papel de aliado dixital do Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020) está a colaborar nas actividades programadas pola Rede CeMIT no Día da Internet Segura. Voluntarios colexiados do CPEIG impartiron dúas charlas na provincia de Ourense. Iván Luis Vázquez ofreceu a charla na aula CeMIT de Celanova e Julio Mosquera a actividade na aula CeMIT de Leiro.
O colexio aproveita a celebración deste día 5 para emitir unha serie de recomendacións:
Un total de 80 bibliotecas municipais disporán ao longo deste ano do sistema integrado de xestión bibliotecaria, un software libre de código aberto que está a permitir a integración de todas as bibliotecas públicas de Galicia nun contorna unificada, tanto para o traballo dos técnicos das bibliotecas como para a consulta dos catálogos das bibliotecas de Galicia por parte de calquera usuario.
Actualmente son 110 as bibliotecas que dispoñen deste sistema de xestión, que se comezou a implantar en 2016 e que ao remate do ano terá incorporado preto de 200 bibliotecas e axencias de lectura públicas.
Carné único
O novo sistema de xestión bibliotecaria permite mellorar o servizo para os usuarios de cada biblioteca e da Rede en xeral tras a creación dun catálogo único, accesible a través da web https://catalogo-rbgalicia.xunta.gal. Entre as vantaxes que perciben os usuarios está o acceso, cun carné único de bibliotecas, aos servizos de todas as bibliotecas públicas integrada e a posibilidade de facer xestións en liña como a solicitude do propio carné, reservas, renovacións... así como xestionar a petición de libros a través da plataforma GaliciaLe, un sistema pioneiro de préstamo de libro electrónico.
Así mesmo, con este sistema tamén se logra homoxeneizar e simplificar a catalogación das coleccións e, en definitiva, camíñase cara ao funcionamento común dos centros integrados na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, así como cara á mellora do servizo para os usuarios.
Sistema moderno, eficiente e accesible
A integración no catálogo colectivo da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia supón impulsar un sistema bibliotecario máis desenvolvido e moderno, permite que a cidadanía poida acceder aos servizos de todas as bibliotecas públicas da rede, mellora a visibilidade dos fondos dos centros –debido a que se pode consultar a través dunha páxina única en liña en que biblioteca está o documento que se busca e reservalo–, e favorece unha xestión máis eficiente dos recursos dispoñibles grazas á integración de datos.
Un proceso de integración progresiva
O proceso de integración iniciouse en 2016 coa incorporación ao catálogo colectivo un total de 43 bibliotecas , durante 2017, avanzouse na segunda fase, que se completou en xaneiro de 2018 coa integración dun total de 70 bibliotecas e axencias de lectura municipais. Agora comeza una terceira fase que contempla a incorporación doutras 80 bibliotecas públicas municipais. Trátase dun proceso de incorporación progresiva das preto de 370 bibliotecas que conforman a rede e que abordará tamén a integración das bibliotecas dos centros públicos escolares.
Investimento
Esta actuación enmárcase no proceso de dixitalización da rede pública de bibliotecas que conta cun investimento preto de 2 millóns de euros no período 2016-2020, cofinanciados con fondos FEDER, para o desenvolvemento e implantación do sistema, a dotación de equipamento tecnolóxico e ampliación dos servizos aos usuarios.
A creación deste catálogo da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia forma parte da carteira de servizos dixitais que a Xunta está a poñer a disposición dos concellos a través de nove convenios de colaboración coa Fegamp para impulsar a dixitalización das entidades locais. Todas estas iniciativas enmárcanse na Axenda Dixital de Galicia 2020, que ten definida unha liña específica de actuación para facilitar a accesibilidade dixital ao patrimonio cultural galego.
O CCN-CERT celebra o próximo 21 de febreiro unha nova sesión de VANESA sobre protección de contornas WIFI.
O curso, que se desenvolverá entre as 10.00 e as 13.00 horas, realizarase en formato vídeo en streaming a través da plataforma VANESA e abordará os seguintes aspectos:
A perda da audición é un problema que afecta a unha boa parte da poboación mundial, pero a tecnoloxía pode xogar un rol moi importante para salvar tal eiva, e para avanzar neste eido Google presentou un par de novas aplicacións para Android: Live Transcribe e Amplificador de son.
Live Transcribe é unha aplicación moi práctica para xente con problemas de audición, para ter unha maior autonomía nas súas interacción diarias facendo uso do micrófono do smartphone para escoitar o que se di ao seu redor en máis de 70 linguas e dialectos, transcribíndoo a texto en tempo real. Amais, está aplicación tamén fai o contrario, ou sexa, que permite que unha persoa poida teclear o que quere dicir para que o smartphone fale por el. Esta nova ferramenta comeza hoxe a súa distribución en probas.
O Amplificador de son é outra ferramenta de grande utilidade, que permite mellorar o son recibido polo micrófono do smartphone para así escoitalo mediante auriculares, conseguindo unha experiencia de escoita mellor. Esta ferramenta facilita manter conversas en lugares con moito ruído potenciando os sons baixos, personaliza a experiencia auditiva axustando o audio ou a configuración do micrófono cunha interface sinxela e reduce os ruídos non desexados ou que poden provocar distraccións.
O programa intégrase en Android 9, de xeito que podemos empregalo dende Configuración -> Accesibilidade -> Amplificador de son.
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) informa no Día de Internet Segura, que se celebrará mañá martes 5 de febreiro, sobre a necesidade de aumentar a concienciación da sociedade e o investimento das empresas en ciberseguridade, que deben estar preparadas ante un posible ciberdelito, que segundo asegura o presidente do CPEIG, Fernando Suárez, “actualmente xera máis diñeiro que o tráfico de drogas”.
O Día de Internet Segura, “Safer Internet Day” (SID, polas súas siglas en inglés), é un evento promovido pola rede INSAFE/INHOPE co apoio da Comisión Europea, que se celebra cada mes de febreiro para promover un uso seguro e positivo das tecnoloxías dixitais, especialmente entre nenos e mozos.
Para destacar o carácter positivo de Internet, o lema de 2019 é "Unha Internet mellor comeza contigo: convivindo con respecto para unha Internet segura". O obxecto da efeméride é impulsar cambios positivos e concienciar sobre a seguridade en Internet, coa finalidade de alcanzar “unha Internet mellor” e convertela nun espazo no que todas as persoas e entidades –nenos e mozos, país e titores, profesores, traballadores sociais, empresas ou institucións e responsables políticos– fan uso da tecnoloxía de maneira responsable, respectuosa, crítica e creativa.
En concreo o presidente do CPEIG destaca que se debe facer fincapé na importancia da ciberseguridade, privacidade e o uso seguro das TIC na contorna dos menores, co obxecto de protexer a súa reputación e a dos demais. “Os pais ou titores deben manter un diálogo aberto cos seus fillos, educándoos no uso seguro e positivo da tecnoloxía e actuando como referentes de comportamento dixital” –sinala–.
Ademais, o CPEIG –como aliado dixital do Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020– colabora nas actividades programadas pola Rede CeMIT no Día da Internet Segura. Voluntarios colexiados do CPEIG impartirán mañá martes, 5 de febreiro, dúas charlas na provincia de Ourense. Iván Luis Vázquez impartirá a charla na Aula CeMIT de Celanova (Parque As Triguerizas, s/n) a partir das 12:00 horas, e Julio Mosquera a actividade na Aula CeMIT de Leiro (rúa Padre Eiján, s/n) ás 12:00 horas.
Recomendacións para unha Internet Segura
Aproveitando a celebración internacional desta efeméride, o CPEIG asegura que conectarse a Internet de forma máis segura é posible, aínda que se deben tomar unha serie de precaucións, tanto as persoas adultas como os máis pequenos:
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, e a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, mantiveron hoxe un novo encontro de traballo con representantes do sector das TIC, encabezados polo presidente do Clúster galego, Antonio Rodríguez del Corral, para continuar avanzando no desenvolvemento dun polo industrial das tecnoloxías da información e a comunicación que acelere a transformación dixital da economía galega.
Tal e como se lembrou na reunión, esta iniciativa pode configurarse como unha oportunidade para avanzar na xeración dunha economía máis competitiva, desde o punto de vista da innovación, dos procesos e dos produtos. Os obxectivos que se perseguen coa a creación deste polo son dar resposta ás demandas do tecido industrial e de coñecemento no sector; activar proxectos de I+D vertebradores, e atraer novos investimentos a Galicia; situando a Comunidade como un referente na innovación TIC a nivel internacional.
O sector das tecnoloxías da información e a comunicación en Galicia está composto por máis de 22.000 traballadores, máis de 3.400 empresas e supón un 2,1% do produto interior bruto da Comunidade. Ademais, conta co apoio de cinco centros tecnolóxicos. A área metropolitana da Coruña concentra arredor da metade da facturación do sector, e máis do 40% do emprego TIC de Galicia, polo que se configura como a zona idónea para a localización do novo polo industrial.
Durante o encontro, defendeuse a necesidade de concretar o proxecto, tanto con respecto aos contidos necesarios para que sexa un verdadeiro revulsivo; como con respecto a que debe ser desenvolvido da man do conxunto da industria TIC, dous requisitos previos indispensables antes de decidir a localización precisa do polo industrial das TIC na Coruña.
Así, na reunión concretáronse tres ámbitos de traballo para centrar o proxecto: a identificación de novas oportunidades en materia de talento, un eido no que colaborarán tanto a Consellería de Economía, Emprego e Industria como a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e a Amtega; desde o punto de vista dos espazos, a definición dunha proposta estruturada e ordenada das necesidades do sector; e traballar sobre o mapa de capacidades instaladas, a través das infraestruturas colaborativas (fab labs) ou outros elementos para responder ás necesidades do sector.
O apoio a esta iniciativa enmárcase no compromiso da Xunta co sistema galego de I+D+i, con cuxa colaboración se puxeron en marcha a Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3), o Plan Galicia Innova 2020 e a Axenda Industria 4.0. Nestas follas de ruta a transformación dixital da industria galega se configura como un obxectivo transversal no que o sector TIC se converte nun aliado estratéxico.
Os teléfonos móbiles simples perderon gran parte do seu protagonismo, e aínda que a día de hoxe seguen usándose, os smartphones desprazáronos. Ata tal punto que os atopamos en todos os segmentos de idade, desde os usuarios máis novos ata os de idade máis avanzada, e é neste último segmento onde adoitan xurdir problemas á hora de interactuar cos móbiles. Tal vez por ser demasiado complexos ou por outros inconvenientes, como o tamaño do texto.
O que vos traemos a continuación é unha guía para lograr adaptar teléfonos con Android para o uso en persoas maiores. Unha guía na que descubrir se o teléfono ten xa instalado un modo fácil que poder activar, ou para adaptar o teléfono con distintos mecanismos, tanto internos como en forma de aplicacións de terceiros. Como de costume, sentídevos libres de achegar o voso gran de area nos comentarios, por se usades outros métodos ou coñecedes aplicacións alternativas. Imos alá.