O Centro de Excelencia en Intelixencia de Negocio (CEIN) de DXC Technology, fiel ao seu compromiso de potenciación e desenvolvemento do sector TIC galego, convoca o III Hackathon Big Data y Analytics, que terá lugar os próximos días 1 e 2 de febreiro de 2019 na Cidade da Cultura de Galicia. Este evento ten como obxectivo unir a equipos de analistas, estudantes universitarios, emprendedores e emprendedoras e todo tipo de persoas con inquietudes no ámbito de Intelixencia Artificial, Big Data & Analytics co fin de elaborar unha solución tecnolóxica que dea resposta a un reto exposto inicialmente.
A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, destacou hoxe a importancia de visibilizar e facer chegar á mocidade as contribucións feitas polas mulleres galegas á ciencia e á tecnoloxía.
Susana López Abella, visitou esta mañá no IES Río Cabe de Monforte, a exposición do premio María Josefa Wonenbuger Planells, onde lembrou que a Xunta creou un premio para distinguir a aquelas mulleres galegas con traxectorias notables nos eidos das ciencias e da tecnoloxía, un compromiso asumido por parte do Goberno galego dende a Secretaría Xeral da Igualdade.
A titular de Igualdade destacou que a visibilización da actividade desta muller e do seu triunfo é unha combinación gañadora, por iso debese seguir recoñecendo ás mulleres científicas de Galicia, mulleres que souberon adiantarse ao seu tempo e que abriron camiños a moitas outras. Polo que dende o Goberno galego considerase prioritario incrementar a presenza da muller nos ámbitos científicos e tecnolóxico de Galicia, pois unha maior presenza de mulleres na investigación contribuiría a enriquecer a actividade científica coa achega de novos temas e perspectivas.
No Día Europeo da Protección de Datos, que se celebra hoxe luns 28 de xaneiro, o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) considera «de vital importancia» que a sociedade galega tome conciencia da necesidade de incorporarse á cultura da protección de datos. O presidente do CPEIG, Fernando Suárez, sinala que 2018 xa seguiu unha clara tendencia nesta materia, pois foi o ano da protección da información co Regulamento Europeo de Protección de Datos e a aprobación da Lei Orgánica de Protección de Datos e Garantía dos Dereitos Dixitais. «Estas melloras e cambios na normativa sumáronse a outros fitos noticiosos preocupantes acontecidos o pasado ano, como a comercialización de datos persoais de Facebook ou Cambridge Analytica» –engade.
O CPEIG elaborou unha listaxe de recomendacións para contribuír a unha sociedade da información na que a cidadanía sexa consciente de todas as oportunidades e riscos que ofrece a Internet:
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) abre hoxe o prazo de inscrición de Tecnólogo por un día, unha das iniciativas do Plan de Promoción do Talento Dixital de Galicia 2020, DigiTalent, para reducir a fenda entre a demanda e a oferta de perfís profesionais dixitais en Galicia.
Dirixido a estudantes de 12 a 17 anos, Tecnólogo por un día, ofrece a posibilidade de experimentar en primeira persoa un día de traballo nunha empresa tecnolóxica. Desde hoxe e ata o próximo 8 de febreiro está aberto o prazo para que o persoal docente inscriba ao alumnado interesado en participar cumprimentando o formulario dispoñible no espazo web DigiTalent.
As 65 prazas dispoñibles nesta edición asignaranse aplicando o resultado dun sorteo considerando as preferencias dos participantes e, posteriormente, serán as empresas as que se poñan en contacto con eles para concretar a data e o horario da xornada que resulte conveniente para ambos.
Visitas a preto de 20 centros de traballo
Unha vez rematado o período de inscrición, as visitas ás empresas desenvolveranse entre o 18 de febreiro e o 22 de marzo, datas nas que se acollerá nos 19 centros de traballo das empresas colaboradoras aos 65 participantes que resulten seleccionados nesta edición. Ao longo destas xornadas o alumnado participará directamente das actividades que os profesionais teñan na súa axenda como sesións de traballo, reunións con clientes e socios tecnolóxicos, etc.
Incremento dun 71% das prazas
Tecnólogo por un día comezou este curso 2018/19 cunha gran acollida, rexistrando máis de 100 solicitudes de inscrición de máis de 20 centros educativos distintos. O alumnado participante na primeira edición tivo a oportunidade de coñecer de cerca a aplicación das TIC en sectores como a administración, a educación, a industria ou o transporte, entre outras.
A valoración recibida por parte destes rapaces apunta a que o seu grao de satisfacción coa actividade foi moi alto. Todos volverían a repetir a experiencia e máis do 85% considera que participar na actividade lle ten axudado a aclarar as súas dúbidas vocacionais.
Así, debido a esta boa acollida e o interese espertado, a Amtega xunto co sector TIC galego traballaron conxuntamente para incrementar as prazas nunha segunda edición do programa, ampliando a oferta nun 71%.
Nesta ocasión, repiten experiencia as organizacións que xa se implicaron no seu comezo Altia, everis, Televés e a propia Amtega, e cóntase coa participación de 11 novos colaboradores: Coremain, DXC Technology, Orange, R, Sivsa e os socios do Clúster TIC Galicia, 3.14 Financial Contents, Aldaba, Cinfo, Dos Espacios, Sixtema e Tecalis.
Un Plan vivo
O Plan de Promoción do Talento Dixital de Galicia 2020, DigiTalent, concibiuse como un plan vivo e conectado coa realidade galega en canto á xeración e retención do talento vinculado á economía dixital.
Este Plan articúlase a través dun catálogo, de máis dunha trintena de actuacións que abranguen todo rango de idades, no que colaboran coa Amtega todos os axentes do ecosistema dixital destacando a implicación das empresas asinantes do Pacto Dixital que lideran integramente unha ducia destas actuacións.
Catálogo de actuacións DigiTalent
O catálogo de actuacións DigiTalent está dispoñible no espazo web https://amtega.xunta.gal/digitalent, en constante actualización, para ofrecer todas as novidades e os detalles de todas as actividades así como as instrucións para participar nas mesmas. Catro meses despois do seu lanzamento a principio deste curso 20 actuacións xa se puxeron en marcha ou están listas para activarse e reforzouse con 4 novas iniciativas que contribúen aos obxectivos do Plan DigiTalent.
En base a este acordo, as dúas entidades colaborarán para deseñar actividades, programas e accións para impulsar o uso da tecnoloxía por parte de persoas cegas ou con discapacidade visual grave.
Estes programas centraranse especialmente no acceso á tecnoloxía das persoas maiores que teñen unha discapacidade visual, que son quen máis dificultades atopan á hora de utilizar estas ferramentas.
A primeira actividade que realizarán de forma conxunta Cibervoluntarios e a ONCE será unha experiencia piloto na delegación territorial da ONCE en Madrid que incluirá talleres sobre o uso de aplicacións básicas.
Este 2 de febreiro imos ter unha nova edición dos Amigus Labs, os obradoiros argalleiros que desenvolven regularmente os integrantes da Asociación Amigus e Merca nas Pontes. Será unha nova oportunidade para mergullarnos no espírito Maker, na robótica, no software e o hardware libres, na arte, na creación dixital e na formación.
A nova cita dos laboratorios participativos de Amigus, a edición 19.2, desenvolverase como de costume no Lar da vila coruñesa das Pontes. O obxectivo será avanzar en proxectos libres nos que se vén traballando dende anteriores edicións. Estarán expostas as creacións realizadas durante o ano pasado, como o barco solar autónomo ou os robots velocistas. Tamén haberá un recanto retro, adicado á creación de vídeoxogos e pixel art, sobre a plataforma Amiga. Amais, contarase novamente coa presenza de José A. González, membro do selo Iron Gate, que presentará o seu último proxecto e mostrará como se traballa nun xogo arcade, dende o guión, o deseño do mapa, e os grafismos, pasando polas técnicas empregadas para dotar de vida e intelixencia aos personaxes.
Por outra banda, a nova cita dos Amigus Labs ofrecerá de novo un recanto para a impresión 3D, unha CNC e unha zona de prototipado e testeo de electrónica. Ao fío disto, está previsto proseguir co deseño e a montaxe da impresora Core XY de Amigus Labs. Na Amigus Labs Kids artellarase a sesión nun primeiro obradoiro de deseño gráfico con ferramentas libres de debuxo vectorial como é o InkScape, e outro obradoiro onde se dará forma a un robot de debuxo con hardware e software libre como materias primeiras coas que darlle forma. A idade mínima para participar tanto nos obradoiros como na Amigus Labs é de 8 anos en adiante, a inscrición é de balde.
Hoxe constituíse a comisión de seguimento da Cátedra R en Ciberseguridade, unha nova iniciativa da operadora galega e das universidades de Vigo e Coruña para investigar, formar e divulgar coñecemento arredor da protección en liña e das tecnoloxías e metodoloxías que a fan posible de maneira efectiva. A presentación do equipo de seguimento realizouse na sede de R na Coruña, nun acto no que se fixo fincapé de que a cátedra é a primeira das súas características, interuniversitaria, que se pon en marcha na nosa terra.
A comisión encargarase de supervisar as accións derivadas do convenio asinado polas universidades e máis R para validar as accións que se vaian desenvolver, aprobar os orzamentos anuais en virtude da achega económica anual de R e elaborar unha Memoria anual da Cátedra R en Ciberseguridade. As persoas que compoñen a Comisión son: Ana Fernández Vilas, coordinadora da Cátedra R en Ciberseguridade 2019 e do Mestrado na UVigo (Universidade de Vigo), Carlos Dafonte, coordinador do Mestrado na UDC (Universidade da Coruña), Rebeca P. Díaz Redondo, coordinadora do Grao en Enxeñaría de Telecomunicación (Universidade de Vigo), Francisco Javier Nóvoa de Manuel, representante do Persoal Docente e Investigador (Universidade da Coruña), Idoia Uriarte, responsable de Seguridade da Información do Grupo Euskaltel (do que R forma parte) e Susana Rey, delegada de Protección de Datos do Grupo Euskaltel (do que R forma parte).
Máis detalles
A Cátedra R deuse a coñecer o mes pasado e o seu obxectivo é promover “o desenvolvemento das competencias profesionais do alumnado universitario, mellorar a capacitación e ampliar os coñecementos, técnicos e habilidades dos membros da comunidade universitaria e doutros profesionais”. Nun plano máis concreto, o seu fin último é “adaptar ese coñecemento ás necesidades das empresas, fomentando a formación continua, a innovación e a investigación na área da ciberseguridade”.
A Cátedra vai ter unha manchea de liñas de actuación, entre as que cómpre destacar as que citamos deseguido:
Amais, no eido da formación e a difusión está programado cooperar en mestrados e outros estudos de posgrao, programas de formación permanente, patrocinio de bolsas predoutorais e posdoutorais, premios a proxectos de fin de grao ou mestrado, traballos e concursos de ideas, conferencias, seminarios, obradoiros, promoción de prácticas curriculares e extracurriculares, visitas a empresas, plans de formación de empresas e institucións, formación para a creación de empresas de base tecnolóxica...etc.
Por outra banda, no plano da I+D, impulsaranse ao seu abeiro liñas conxuntas de traballo para desenvolver proxectos a nivel galego, estatal e europeo; apoiaranse teses de doutoramento e outras de fin de grao, promoveranse encontros nacionais e internacionais de expertos nas áreas de interese da ciberseguridade, ademais de empurrar a contratación de grupos das universidades da Coruña e de Vigo para accións de innovación ou consultoría especializada na empresa. A Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo e máis a Facultade de Informática da Universidade da Coruña poñerán a disposición da Cátedra R as súas instalacións para desenvolver todas estas actividades. A comisión de seguimento presentada hoxe encargarase de supervisar as accións derivadas do convenio.
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, participaron hoxe en Fitur na presentación do Primeiro Smart Way - Rede Española. A Ruta dos Fenicios no Atlántico-As Cassitérides. A Ruta dos Fenicios é un dos 30 Itinerarios Culturais recoñecidos polo Consello de Europa e pasa por 18 países e por máis de 80 cidades.
O vicepresidente da Xunta destacou a importancia de poñer en valor o patrimonio cultural e histórico de Galicia a través de iniciativas como esta e apostou pola especialización e innovación do sector turístico. O proxecto da Smart Way inclúe unha aplicación móbil que permitirá valorizar 20 elementos patrimoniais fenicios a través da realidade aumentada e que facilitará o sistema de reservas e de acceso a portos para os viaxeiros.
Ademais, e como explicou a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, ao abeiro da colaboración entre a Xunta e a Asociación Galega de Actividades Náuticas (AGAN+), aproveitarase a exitosa experiencia dos Minicruceiros Costeiros polas Rías de Galicia creados no marco do proxecto Ecodestin_3IN Programa Interreg-Poctep, para poñer en marcha un novo itinerario marítimo ao redor dos vestixios fenicios tematizando varias das saídas previstas este ano. Os Minicruceiros Costeiros polas Rías de Galicia nos que se integrará esta nova ruta marítima, contaron o ano pasado coa participación de máis de 5.000 persoas. Unha cifra que se espera reeditar e mellorar este ano para o que está previstos máis de 100 saídas entre abril e outubro.