O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Escola Superior de Enxeñaría Informática da Universidade de Vigo (ESEI) organizan un conxunto de actividades e talleres dirixidos a nenas e nenos de 6 a 18 anos, enmarcado na iniciativa global “Hora do Código” (HourofCode) promovida pola organización Code.org.
A xornada, totalmente gratuíta, desenvolverase o vindeiro sábado, 19 de xaneiro, nas aulas da ESEI (Edificio Politécnico do Campus de Ourense) en horario de mañá e de tarde (de 9:00 a 19:30 horas), con prazas dispoñibles para uns 300 rapaces que poderán estar acompañados polos seus pais e nais. Ás 11:50 horas celebrarase un acto de presentación da actividade no salón de actos, no que intervirán o presidente do CPEIG, Fernando Suárez, e o director da ESEI, Francisco Rodríguez, e farase un sorteo de regalos entre os participantes. As actividades desenvolveranse coa participación de voluntarios colexiados do CPEIG e de docentes especializados nas TICs no ámbito educativo.
O obxecto da iniciativa é achegar, dunha forma lúdica e divertida, o mundo da programación á rapazada. Ademais, pretende estender os coñecementos de ciencias da computación aos máis pequenos e pequenas para que coñezan os conceptos e o mundo no que viven, unha realidade na que a tecnoloxía está cada día máis presente en todas as facianas, desde o ocio á educación. Pódese consultar a información do evento e facer a inscrición na web http://horadocodigo2019.eventbrite.es/.
O tesoureiro do CPEIG e director da ESEI, Francisco Rodríguez, sinala que esta actividade está deseñada para que a mocidade entenda as bases e fundamentos da programación. “Aínda que os rapaces nun futuro non desenvolvan unha profesión como a enxeñaría informática, a nosa sociedade evoluciona cara unha totalidade de produtos que inclúen software dalgún tipo, e entender as bases da programación fará que comprendan mellor o funcionamento destes elementos e poidan obter todas as vantaxes que ese coñecemento proporciona” –explica.
Impartiranse en paralelo diversos obradoiros, indicados para as distintas idades, sobre iniciación á programación, iniciación á programación con Scratch, iniciación á programación de dispositivos con Arduino, cine e vídeo en 3D, impresión en 3D, drons, realidade virtual e Nenoos Tech:
A “Hora do Código” está promovido desde 2013 pola entidade sen ánimo de lucro estadounidense Code.org®. Trátase dun evento internacional que consiste nunha introdución dunha hora de duración ás ciencias da computación, deseñada para mostrar que todo o mundo pode aprender a programar e así comprender os fundamentos básicos desta disciplina. A nivel internacional a iniciativa está apoiada polas grandes compañías tecnolóxicas, como Google, Amazon, Apple, Facebook e Microsoft, e por persoeiros como Bill Gates ou Mark Zuckerberg.
Code.org é un organismo público sen fins de lucro dedicado a ampliar a participación en Informática. O seu obxectivo é que todos os estudantes teñan a oportunidade de aprender programación.
A Cámara de Comercio de Santiago, a Área Empresarial do Tambre e a Universidade de Santiago mantiveron hoxe unha xuntanza para visualizar de que maneira conxunta se pode impulsar a cidade de Compostela e a súa contorna como un referente dixital. Na reunión, na que se sentaron os alicerces para unha “alianza estable” a prol do devandito obxectivo, as entidades que representan o tecido produtivo demandaron a implantación en Santiago dun hub de innovación dixital. A proposta sitúase ao abeiro da convocatoria da Axencia Galega de Innovación (GAIN) para a selección de proxectos dixitais que se enmarquen no plan estratéxico para a especialización intelixente.
Na reunión de hoxe participaron o presidente da Cámara, José Sierra, os vicepresidentes, José Luis Antuña e José Carballo; o membro do pleno Xavier Freire; e a secretaria xeral, Rosa Cardeso; pola USC, o reitor, Antonio López, o vicerreitor de Investigación, Vicente Pérez Muñuzurri, e o xerente, Xabier Ferreira; e polo Tambre, o vicepresidente, José Alborés. Todos manifestaron a súa vontade de cooperar “activamente” arredor dun proxecto “vital para Santiago, que atraerá talento e investimento”. Segundo fixeron saber, a selección dun proxecto de hub tecnolóxico “suporá o recoñecemento por parte da Administración galega do seu carácter estratéxico, paso previo e necesario para o acceso aos instrumentos de apoio público que se porán en marcha no futuro”.
Ademais, as tres entidades puxeron o foco nas súas alianzas estratéxicas cara a reindustrialización da cidade e comarca, nas que veñen traballando “xa” en colaboración coa Xunta e o Concello. Tamén lembraron que a USC dispón de “cualificadísimos centros de investigación e numerosas disciplinas”, mentres que a Cámara e o Tambre representan o conxunto da actividade económica no seu ámbito territorial, “formado por un tecido empresarial dinámico e crecente, punteiro en varias das súas actividades”. A maiores de todo o devandito, recordaron que a vontade de habilitar un polo de innovación dixital en Compostela e comarca contribuirá a dinamizar o sector industrial local, a gañar en competitividade, a crear emprego cualificado e a captar empresas, “toda vez que o sector industrial é o principal demandante de innovación e desenvolvemento tecnolóxico”, segundo conclúen as tres entidades.
O vindeiro 26 de abril a Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo acollerá a quinta edición da súa Competición de Robots, que na súa traxectoria superou os 3.000 participantes en preto de 600 equipos. En colaboración coa rama de estudantes do Institute of Electrical and Electronics Engineers e a sección de estudantes da International Society of Automation da Universidade de Vigo, o concurso volverá xuntar na escola a centos de estudantes das ensinanzas secundarias obrigatorias, bacharelato e titulacións superiores na procura dos mellores robots autónomos, deseñados, construídos e programados por elas e eles.
Despois do éxito de participación acadado edición tras edición, pasando dos 500 estudantes e 110 equipos da primeira aos 1.000 participantes e 170 equipos do ano pasado, o director da Escola considera moi difícil continuar incrementando o número de alumnas e alumnos, aínda que continúan a aspirar ao incremento do número de centros participantes con algunha directriz introducida nas bases para dar máis xogo a esa cuestión, xa que consideran positiva a participación dun maior número de colexios e institutos, que teñen de prazo até o 31 de xaneiro para inscribirse na competición.
Un ano máis o alumnado dos centros participantes concorrerá ao certame en dúas categorías: WALL-E, para estudantado matriculado en calquera curso de ensino secundario (ESO e Bacharelato) e R2D2 para estudantes de titulacións superiores (ensinanzas de Formación Profesional e titulacións universitarias, ademais doutras persoas interesadas). No primeiro caso, o alumnado deberá montar e programar un robot móbil partindo dun kit básico proporcionado pola organización (mBot Robot Educativo 2.4G), facilmente programable con Scratch e compatible coa plataforma open source Arduino. Pola súa banda, na categoría R2D2, as e os participantes deberán crear robots cun tamaño máximo da envolvente dun cubo de 20 centímetros de lado, un peso máximo de 1.500 gramos e con sensorización, forma, cor e configuración de tracción libre.
A competición mantén a tónica de edicións anteriores, pero incorpora algunha novidade como pasos de cebra na proba coñecida como Barrendeiro (incrementando a dificultade) e a incorporación dun novo sistema de cronometraxe para as probas.
A Coruña vai seguir avanzado no seu papel de referente TIC, un papel que xa hai tempo que vén xogando e que as semanas pasadas, coa celebración do importante acontecemento Mobile Week, quedou novamente de manifesto. Este carácter tecnoloxicamente senlleiro da cidade está a recibir un novo pulo da Universidade da Coruña, que quere que a contorna herculina dispoña dun novo e significativo espazo urbano de investigación, formación e innovación dixital. Estamos a falar do seu proxecto para converter a fábrica de armas na Cidade das TIC. Esta iniciativa foi presentada hoxe nos seus detalles polo reitor Julio Abalde, perante o secretario de Estado de Defensa, Ángel Olivares.
Na cita tamén participaron o alcalde Xulio Ferreiro, a subdelegada do Goberno na Coruña, Pilar López-Rioboo; o deputado socialista Ricardo García Mira, e o concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, así como representantes dos traballadores e outras autoridades do Ministerio. Na xuntanza, o secretario de Estado de Defensa fixo saber que xa está asinada a rescisión da actual concesión o que permite iniciar outras accións, deixando o camiño aberto para esta importante transformación que propón a Universidade da Coruña. Na cita, amais, acordouse crear decontado unha comisión de traballo formada por representantes do Ministerio de Defensa, da Universidade da Coruña e do Concello da Coruña para ver a maneira de artellar a Cidade das TIC e buscar a fórmula xurídica para a súa materialización. Tanto o reitor como o alcalde e a subdelegada do Goberno manifestaron a súa plena satisfacción co resultado da reunión.
Detalles sobre a iniciativa
O proxecto de transformación tecnolóxico-dixital da fábrica de armas (unha importante contribución á fórmula sustentable e racional de tirar proveito de infraestruturas existentes en desuso) xurdiu á iniciativa da Universidade da Coruña coa colaboración do Cluster TIC Galicia pola “demanda das empresas do sector tecnolóxico de contar cun polo de innovación no que estivese presente a Universidade da Coruña”. Neste polo centralizaríanse as empresas de novas tecnoloxías interesadas en compartir espazo común, así como iniciativas de coñecemento e emprendedoras da Universidade da Coruña. Segundo informa a UDC sobre a orixe mesma da iniciativa e as necesidades detectadas que propiciaron a súa materialización, as empresas do sector dixital da área metropolitana da Coruña precisan novos espazos para ampliar instalacións e desenvolver máis servizos, xa que se atopan, en conxunto, en plena fase de espallamento e medre.
A Cidade das TIC, engade a UDC, sería unha importante resposta ao devandito requirimento. Como dixemos, o espazo de innovación empresarial emprazaríase nas instalacións da fábrica militar, nunha infraestrutura singular na que convivirían as empresas, a Universidade da Coruña e os centros tecnolóxicos asociados para “xerar sinerxías e converter A Coruña e Galicia nun polo de innovación TIC con visión internacional”. Ademais, a súa privilexiada localización, preto do Campus de Elviña, facilita a conexión e a colaboración con centros de Santiago, Vigo e o polo aeronáutico de Lugo. “Este proxecto”, engade a UDC, “permitirá apoiar a industrialización nun territorio que perde peso industrial, reter o talento local e atraer talento internacional, así como potenciar un sector empresarial estratéxico para a área metropolitana da Coruña, cun efecto de dinamización da innovación noutros sectores como o téxtil, loxístico, portuario, alimentario, etc”.
A Universidade de Santiago vén de dar a coñecer os proxectos de seu que serán financiados a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN) e o seu programa Ignicia (destinado a apoiar as aplicacións comerciais da investigación xerada por centros galegos de coñecemento). Segundo concreta a USC, entre as tres iniciativas seleccionadas (que recibirán 1.174.820 euros para o seu impulso) atópase un proxecto do Grupo de Sistemas Intelixentes do CiTIUS destinado a converter a información a gran escala (Big Data) da que dispoñen (e poden dispoñer) empresas e entidades para incrementar a súa eficacia, eficiencia, axilidade, produtividade e competitividade. Trátase de InVerbis: intelixencia de negocio en palabras.
InVerbis, que será financiado por Ignicia con 361.217 euros, parte da premisa de que é necesario converter a maré da información en algo manexable, próximo e, sobre todo, de utilidade. Segundo fai saber o Grupo de Sistemas Intelixentes, “hoxe, as empresas e as administracións dispoñen cada vez de máis datos nos seus sistemas de información e boa parte da súa eficiencia e eficacia depende de como xestionen os seus procesos de negocio ou actividade”. Á fronte do grupo responsable de InVerbis atópase o catedrático de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial Senén Barro, que, como lembraremos, tamén foi reitor da Universidade de Santiago. A plataforma software que desenvolve o seu equipo está baseada na investigación en Intelixencia Artificial e salienta por incorporar algoritmos de achado, análise e explicación automática de procesos de negocio que se atopan, nas súas palabras, “moi por diante dos dispoñibles nas solucións actuais”.
InVerbis integra ademais tecnoloxía de xeración de linguaxe natural para facer lexible ao usuario final toda a información que manexa decote a través das redes e as novas canles de información. Segundo informa a USC, o apoio do programa Ignicia “permitirá converter InVerbis nun recurso estratéxico para a comercialización de servizos baseados nesta tecnoloxía por parte dunha futura spin-off”.
A capacidade das máquinas para analizar información, tomar decisións e permitir que investigacións que até o de agora eran inviables sexan unha realidade, son cuestións que espertan o noso interese pero que, tamén, achegan unha serie de desafíos que debemos ter en conta. Avaliar todas estas cuestións, e outras moitas máis, é un dos obxectivos do ciclo de conferencias sobre Intelixencia Artificial que organiza a Fundación Paideia e cuxa primeira sesión celébrase esta mesma semana, o xoves 17 de xaneiro, da man de Amparo Alonso, investigadora do CITIC, catedrática da UDC e presidenta de AEPIA. O ciclo, que será presentado por Alonso, estenderase até o mes de abril.
Durante o evento deste xoves e nas seguintes citas, abordaranse os principais conceptos relacionados coa Intelixencia Artificial e o papel que van xogar os algoritmos, os datos, a robótica e a información a gran escala (o Big Data) na sociedade actual e futura, e as súas aplicacións e repercusións nos eidos laboral, económico, social, político, persoal, etc. Así mesmo, afondarase nas implicacións éticas que van supor os algoritmos, a Intelixencia Artificial e a utilización dos datos e como vai afectar todo iso aos cidadáns e ao control social.
O ciclo, como dixemos, comeza este xoves coa conferencia Intelixencia Artificial: O futuro que xa é presente, que impartirá o catedrático de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da Universidade Pública de Navarra e profesor honorario da Universidade de Nottingham, Humberto Bustince. A asistencia ao ciclo é gratuíta previa inscrición en www.paideia.es/eventos. A cita será na sede da fundación no número 17 da praza de María Pita, entre as 19.30 e as 21.30 horas.
O Colexio Profesional en Enxeñería Informática de Galicia e a Escola Superior de Enxeñaría Informática están a apoiar a iniciativa global Hora do Código (HourofCode) da Code.org.
Na Escola Superior de Enxeñaría Informática celébrase unha xornada especial de programación o Sábado 19 de Xaneiro de 2019 a que poden acudir nenas e nenos de tódalas idades, dende os 6 anos ata mozas e mozos de 18.
Este sábado día 19 de xaneiro o Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia (CPEIG) e a Escola Superior de Enxeñaría Informática da Universidade de Vigo (ESEI) van xuntar forzas, novamente, para pór de relevo a importancia de familiarizarnos coa programación dende idades temperás: unhas prácticas e uns coñecementos que nos serán de gran utilidade para calquera eido profesional polo que optemos. Esta mensaxe será o leit motiv da Hora do Código, unha celebración internacional impulsada pola entidade Code.org e que na nosa terra ten un dos seus principais (e históricos) valedores no CPEIG.
A xornada conmemorativa do sábado dará acubillo a un conxunto de actividades e obradoiros dirixidos a nenas e nenos de entre 6 e 18 anos. O obxecto é achegar á rapazada “dunha forma lúdica e divertida á programación”, á tecnoloxía de impresión en 3D e á programación de pequenos dispositivos.
As actividades, que son totalmente gratuítas, desenvolveranse a longo do día (nas aulas da ESEI (Edificio Politécnico, Campus de Ourense). Toda a información sobre o evento e inscrición está dispoñible na web: http://horadocodigo2019.eventbrite.es/.
Como lembraremos, a Hora de Código é un evento internacional que ten como obxectivo o de ensinar programación e as bases da informática ás nenas e nenos partindo de titoriais básicos dunha hora de duración. A iniciativa busca estender os coñecementos de ciencias da computación aos máis pequenos e pequenas para que coñezan os conceptos e o mundo no que viven, “unha realidade na que a tecnoloxía está cada día máis presente en todas as facianas, desde o lecer á educación”, explica o CPEIG.
A Hora do Código está promovida internacionalmente, desde o ano 2013, pola entidade sen ánimo de lucro estadounidense Code.org. A nivel internacional a iniciativa está apoiada polas grandes compañías tecnolóxicas, como Google, Amazon, Apple, Facebook e Microsoft, e por persoeiros como Bill Gates ou Mark Zuckerberg. Code.org, para quen non o saiba, é un organismo público adicado a ampliar a participación en Informática. O seu obxectivo é que todos os estudantes teñan a oportunidade de aprender programación aberta.
O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, visitaron hoxe o Centro Tecnolóxico de Televés Corporación en Santiago de Compostela. Durante o seu percorrido polas instalacións da empresa galega, referente en equipamentos de telecomunicación e tamén en ámbitos punteiros de saúde dixital e o envellecemento activo (nos que se insire por exemplo Activage), o presidente e o conselleiro puideron coñecer os detalles dun novo e ambicioso proxecto de Televés: o proxecto Corp4Future, destinado a transformar as empresas da corporación en empresas integramente 4.0.
Segundo se lembrou no percorrido polas dependencias de Televés, Corp4Future ten un investimento inicial estimado de 23 millóns de euros, unha cifra que “supón un esforzo investidor moi superior dada a especial aposta da empresa por unha industria galega de referencia internacional”, engadiuse na visita, que permitiu ao presidente da Xunta e ao conselleiro de Economía e Industria coñecer os avances da compañía en robótica colaborativa, loxística automatizada e integración entre enxeñaría, fábrica e cliente. Nun plano máis concreto, os responsables da corporación detallaron perante Feijóo e Conde as potencialidades de rendemento e medre que están a pór en xogo os novos procesos integrados por Televés: procesos tecnolóxicos e industriais baseados en Internet das Cousas (IoT), analítica de información a gran escala (Big Data) ou realidade aumentada, que permitirán ao grupo “dar un chimpo cualitativo en eficiencia, sustentabilidade e competitividade, dándolle acceso a novos mercados altamente competitivos”.
Santiago Rey destacou “a ambición do proxecto Corp4Future” e asegurou que, con el, as empresas da compañía que participan no mesmo “poderán competir con éxito en sectores como servizos sociosanitarios, eSaúde, eficiencia enerxética ou aeronáutica”. Así mesmo, explicou, “permitirá deseñar e fabricar produtos cada vez máis orientados ás necesidades de comunicación, lecer, saúde e benestar dos cidadáns en contornas cada vez máis integradas con dispositivos e tecnoloxías IoT”. Este proxecto, apuntou, “supón un exemplo para o resto das empresas da corporación e un aliciente para a mellora continua e o avance nestas novas tendencias”.
Corp4Future
Corp4Future conta co apoio da Xunta de Galicia, que incluíu a iniciativa no programa de incentivos para investimentos no ámbito da industria intelixente. O proxecto suporá o desenvolvemento duns 120 novos perfís laborais, con “importantes oportunidades de formación e desenvolvemento profesional”. Os obxectivos xerais da iniciativa son os seguintes: aplicación e mellora dos procesos produtivos a través do uso de novas tecnoloxías (tales como realidade aumentada, robótica colaborativa ou novos métodos de fabricación), deseño e desenvolvemento de novas funcionalidades e novas tecnoloxías (Monolithic Microwave Integrated Circuits -MMIC- ou Internet das Cousas -IoT-, etc.), apertura de novos mercados e consolidación dos tradicionais (principalmente difusión multimedia e equipamento de medida), mellora dos sistemas de información e da comunicación entre a corporación e os seus clientes ou, tamén, desenvolvemento dun prototipo global dentro do grupo que sirva como demostrador das novas capacidades adquiridas e do paradigma de Industria 4.0.
Lugo hai tempo que ten alicerces firmes para ser unha cidade intelixente, tal e como puidemos comprobar as repetidas veces que falamos do proxecto Lugo Smart City: unha iniciativa para converter a cidade en galega nunha urbe mellor xestionada, mellor comunicada, máis sustentable, máis áxil e eficiente na súa relación coa cidadanía, máis participativa e cun tráfico máis ordenado. Porén, o Goberno local entende que a aposta smart ten que vir ligada, tamén, a un factor que lle dá sentido e sustento: a accesibilidade.Precisamente o compromiso de Lugo coa accesibilidade vén de ser recoñecido hoxe como Cidade Mapcesible pola Fundación Telefónica.
Deste xeito, a urbe galega únese por dereito propio á sobranceira listaxe de localidades estatais que locen o devandito distintivo de “Mapcesible”, que é, tamén, o nome dunha aplicación móbil colaborativa para mapear a liberación de atrancos en España e que foi desenvolvida pola Fundación Telefónica en colaboración con COCEMFE e o Centro Lescer e co apoio técnico de Ilunion. A ferramenta, segundo informa a dita operadora, conta xa con máis de 21.000 puntos accesibles en todo o ámbito español, incluíndo restaurantes, centros de saúde, museos, cinemas, praias, prazas de estacionamento ou baños públicos. Arestora, a aplicación (dispoñible para iOS e Android) tira partido de 14 conxuntos de datos abertos de organismos oficiais, entre os que se atopa o Ministerio para a Transición Ecolóxica e unha manchea de concellos de gobernos autonómicos. O obxectivo co que naceu a ferramenta foi o seguinte: crear unha plataforma intuitiva e doada de empregar para que calquera persoa, teña ou non mobilidade reducida, poida mapear a non existencia de obstáculos nos lugares que visita, ou, tamén, consultar as valoracións para planificar os seus desprazamentos diarios.
Entre os elementos que motivaron o devandito recoñecemento de Lugo figuran os seguintes: beirarrúas ampliadas, transporte público adaptado ou prazas de aparcadoiro reguladas, entre outras actuacións.
Un equipo formado por Voluntarios Telefónica e un grupo de persoas con mobilidade reducida da Asociación Auxilia de Lugo, acompañados pola alcaldesa Lara Méndez; Aquilino González, responsable de accesibilidade da Asociación AUXILIA, Joan Cruz, director de relacións institucionais de Fundación Telefónica; Marta Menéndez, directora autonómica de Telefónica Galicia; e Luis Rojo, responsable de relacións institucionais de Fundación Telefónica, foron os encargados de mapear hoxe a accesibilidade de diferentes espazos da cidade. No seu cometido, empregaron a devandita aplicación móbil Mapcesible.
Unha comunidade que medra
A día de hoxe a plataforma Mapcesible conta con máis de 21.000 puntos ceibes de atrancos. Ademais dos lugares subidos polos propios usuarios, máis de 3.800 mapcesibilistas, a aplicación incorpora 14 datasets de organismos oficiais. O proxecto, que naceu da colaboración de máis de 700 voluntarios Telefónica, ten a súa orixe na necesidade de pór de relevo a accesibilidade como un problema de todas e todos, poñendo o foco no potencial participativo e visualizador da tecnoloxía. Isto comezou a fraguarse no Centro Lescer (especializado en rehabilitación neurolóxica e de dano cerebral), onde se estaban a desenvolver obradoiros de rehabilitación para persoas que perderan mobilidade por diversas enfermidades. Segundo informa Telefónica, unha das claves de Mapcesible é que está aberto a toda a sociedade, permitindo así que calquera persoa se converta en voluntario dixital e poida colaborar coa accesibilidade mapeando novos lugares, logrando sensibilizar á sociedade de que a accesibilidade é cousa de todos.