A idade é un dos factores determinantes no uso da internet. En Galicia os maiores de 55 anos representan preto do 40% da poboación e nese punto márcase unha importante fenda no acceso á rede. De feito, a porcentaxe de uso entre os galegos de menos de 44 anos sitúase en valores próximos ao 100% mentres que os que maiores de 55 non chegan ao 65%.
A pesar dos case 40 puntos de diferenza entre ambas as franxas de idade, no últimos sete anos esta fenda foise acurtando significativamente. Desde 2011, segundo datos do INE, o uso da internet entre galegos de 55 a 64 anos incrementouse un 145%, o segundo maior aumento do conxunto do Estado. Tamén creceu a porcentaxe de persoas de 65 a 75 anos que navegan por internet, que por primeira vez supera o 44% cando en 2011 estaba nun 9,2%.
Para algunhas persoas, maioritariamente entre os 16 e os 34 anos o uso da internet é inherente á súa dinámica habitual. Fóra desa franxa de idade a convivencia con nenos en idade escolar ou mozas tamén facilita o achegamento á tecnoloxía. Os últimos datos do Observatorio para a Sociedade da Información sinalan que o 97,5% dos fogares galegos con nenos de 3 a 16 anos teñen contratado o servizo de banda larga, 17 puntos máis que os fogares onde non residen nenos. No caso de fogares con estudantes maiores de 16 anos a porcentaxe elévase ata o 98,9%.
Formación e divulgación
Achegar a tecnoloxía ás persoas que están fóra desas franxas de idade e sen convivencia con nenos é un dos obxectivos da rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnóloxica (CeMIT), que abriu as súas portas en 2011. Con máis de 320.000 horas de formación impartidas nestes sete anos a rede é un dos instrumentos principais do Plan de Inclusión Dixital de Galicia para ofrecer a cidadanía recursos de capacitación dixital en función do seu nivel de coñecemento e conta co apoio dos 800 aliados dixitais adheridos ao plan entre empresas, entidades públicas e privadas e voluntarios.
Os usuarios da Rede poden acceder ao seu Plan de Formación, presencial ou a través da plataforma de teleformación. Ademais, as aulas desenvolven campañas de sensibilización e divulgación da importancia e beneficios das TIC entre a cidadanía, empresas e outros colectivos coa organización de charlas e conferencias.
A rede CeMIT está integrada por preto 100 aulas (98 exactamente) repartidas en 92 concellos presentes en todas as comarcas que ofrecen formación en TIC pública e gratuíta. Actualmente conta con máis de 81.000 usuarios dos cales 20.400 teñen máis de 55 anos.
Obxectivos CeMIT 2019
O obxectivo final da Rede CeMIT é acadar que a cidadanía acceda ao mundo dixital, e dotar aos galegos e galegas das capacidades e habilidades dixitais necesarias para facer pleno uso das TIC e aumentar a súa calidade de vida, a empregabilidade, a inserción social e a innovación social dixital.
Dado o bo resultado acadado en 2018, coa colaboración dos máis de 800 aliados dixitais, a Xunta busca en 2019 continuar garantindo e ampliando a capilaridade e universalidade destes servizos de capacitación dixital promovendo a participación dos axentes sociais, empresariais e entidades públicas para acadar unha maior variedade de temáticas e actuacións en materia de inclusión dixital en todo o territorio galego.
Concretamente, en 2019 está previsto que a Rede imparta máis de 35.000 horas formativas no eido dixital e acade os 88.000 usuarios e usuarias.
Tamén fomentarase a certificación de competencias dixitais e o desenvolvemento de actividades como o uso seguro da rede, o manexo da administración electrónica, a robótica e programación ou o pilotaxe de drons.
Os preto de 21.000 alumnos e docentes dos 267 centros educativos integrados na iniciativa E-Dixgal do Proxecto Abalar, xa teñen acceso aos contidos educativos de Inglés da Editorial Pearson. A incorporación dun novo provedor da materia de inglés é una das medidas previstas pola Amtega e a Consellería de Educación para seguir estendendo a educación integramente dixital a máis centros.
A incorporación dos contidos da Editorial Person complementa ás 750 unidades didácticas de 45 materias dos provedores Netex Learning e Edebé, integradas xa na plataforma do libro dixital, ás que se suman as unidades, os recursos complementarios e o acceso ao banco de contidos da Editorial Planeta, así como os máis de 3.200 contidos dixitais creados polos propios docentes.
Recursos multimedia e actividades interactivas
Dentro de cada unha das unidades didácticas do novo provedor, pódense atopar para 5º e 6º de primaria e 1º e 2º de ESO o Dixital Book (o libro do alumnado incluíndo os recursos multimedia e as actividades interactivas) e as Activities (as actividades interactivas e complementarias ás actividades do libro do alumnado). Ademais, os docentes dispoñen de material específico, non accesible para o alumnado, como son as programacións solucionarios, guías e similares.
Os contidos de Pearson seguen os estándares actuais de usabilidade da Plataforma Virtual de Aprendizaxe de E-Dixgal, cun deseño áxil e dinámico e poden ser empregados polo alumnado e o profesorado tanto en modo online como offline. Os novos contidos empregan a tecnoloxía responsive, o que permite o seu uso nos ordenadores, tablets, smartphones..., garantindo deste xeito a adaptación a todo tipo de dispositivo.
Incremento dun 84% no uso da plataforma dixital
O curso pasado iniciouse a integración progresiva dun paquete de melloras para seguir estendendo a educación dixital a máis centros. Tras a renovación de equipamento, a incorporación dun terceiro provedor de contidos, a entrada en funcionamento do Servizo de Atención, Soporte e Acompañamento Premium para familias, alumnado e profesorado, así como da mellora da conectividade en todos os centros públicos de primaria e secundaria, nos dous primeiros meses do curso actual rexistrouse un incremento do 84% no acceso á plataforma do libro dixital.
A incorporación dun novo provedor da materia de inglés era outra das medidas previstas nesta iniciativa do Abalar, concibido como un proxecto vivo, que evoluciona do concepto de equipo na aula ao de “mochila dixital”, un equipo que acompaña ao alumnado en toda a súa actividade educativa, tanto dentro como fóra do centro, e que lle proporciona o acceso a todos os recursos educativos dixitais.
Aulas Dixitais
Actualmente, máis de 900 centros e 6.000 aulas de 5º e 6º de educación primaria, Educación Secundaria e Bacharelato, son Abalar, beneficiando a máis de 120.000 alumnos. O Proxecto Abalar foi concibido como unha iniciativa para transformar o proceso educativo, transformando a aula tradicional nunha aula dixital, coa implicación de toda a comunidade educativa: pais, nais, titores legais, docentes, e alumnado.
Para conseguilo, Abalar iniciou a súa andaina en 2010 proporcionando aos centros educativos: o equipamento e a conectividade; contidos dixitais; accións de formación e difusión para docentes e familias; canles de participación a través de espazos web e apps para docentes e familias. No curso 2014-2015 Abalar avanzou na súa evolución coa implantación nos primeiros centros da iniciativa de Educación Dixital E-Dixgal, para estender o libro dixital no ámbito educativo galego.
O 82,6% dos fogares galegos teñen contratado Internet, cun incremento do 4,8% con respecto ao ano anterior, superior ao crecemento do conxunto do Estado (3,6%), sendo nos concellos de 10.000 a 20.000 habitantes onde se rexistra o crecemento máis significativo (10,3% de aumento no último ano). Este aumento na contratación de Internet nos fogares galegos permitiu ascender 4 postos na comparativa autonómico en tan só un ano.
Son parte dos datos publicados hoxe polo INE sobre o equipamento e uso das TIC nos fogares en 2018, que recolle tamén que o 95,3% dos nenos/as galegos de 10 a 15 anos empregan Internet, superando a media estatal (92,8%) e ocupando a cuarta posición no ranking por Comunidades Autónomas.
Segundo a análise realizada polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), dependente da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), as cifras confirman que os galegos/as de 16 a 34 anos superan a media estatal no uso habitual de Internet e as compras on line pero, ao mesmo tempo, tamén se están a producir incrementos significativos do uso das TIC entre os maiores galegos de 65 anos.
Uso das TIC
Outro dos indicadores que experimenta un dos incrementos máis relevantes son as compras a través da Rede. Un 40,4% da poboación galega adquiriu algún produto ou servizo a través de Internet nos últimos tres meses, experimentando un crecemento do 25,9% respecto ao ano anterior fronte ao crecemento do 8,8% que experimenta a media estatal, Cabe salientar que un 62,7% dos mozos galegos de 16 a 24 anos compran a través de Internet, superando en 8 puntos a media estatal (54,7%)
O 80,4% dos galegos e galegas de 16 a 74 anos utilizaron Internet nos tres últimos meses, cun incremento do 1,3%, con respecto ao ano anterior. Se ben, o uso de Internet é practicamente universal entre os menores de 34 anos, destaca o crecemento no tramo de idade dos 65 aos 74 anos, onde o uso da Rede sube un 8,6% respecto ao ano anterior.
Unha das conclusións positivas desta última enquisa do INE é a posición destacada da administración electrónica na Comunidade galega. Un 68,2% dos internautas galegos comunicáronse coas Administracións a través de Internet, experimentando un crecemento do 16,6% no último ano e superando a media estatal en 2,8 puntos. Isto sitúa a Galicia na terceira posición no ranking por Comunidades Autónomas.
Tipo de conexión e hábitat
Segundo os datos que ofrece o INE, o 82,6% dos fogares galegos ten contratado Internet. Respecto ao tipo de conexión, cabe salientar que entre as vivendas que dispoñen de acceso a Internet en Galicia, un 84,8% emprega unha conexión móbil de banda larga través dun dispositivo de man, superando a media estatal (83,6%).
Respecto aos datos relativos ao tamaño do hábitat, é salientable que nos concellos con poboación de entre 20.000 e 100.000 habitantes, a media galega iguala ou supera á estatal na contratación a Internet e a banda larga.
Por outra banda, nos concellos galegos de 10.000 a 20.000 habitantes, rexístrase un forte ritmo de crecemento dos indicadores relacionados coa contratación de Internet e de banda larga. Así, por exemplo, neste tipo de concellos a conexión de banda larga contratada en Galicia medrou un 10,3% e sitúase no 79,5%, acurtando a distancia coa media estatal en 4,6 puntos porcentuais.
Uso das TIC no traballo
Nesta edición, a enquisa do INE incorpora un módulo específico sobre o uso das TIC no traballo. Do total de internautas galegos que declararon traballar a semana pasada, o 65,6% utilizou ordenadores ou dispositivos móbiles, superando lixeiramente a media estatal (64,4%)
As actividades máis realizadas polo menos unha vez á semana foron o intercambio de correos electrónicos ou introdución de datos en bases de datos (o 80,1%), a creación ou edición de documentos electrónicos (o 62,1%).
Pola súa banda, o 15,8% dos traballadores utilizaron outros equipos ou maquinarias automatizados como os utilizados en liñas de produción, de montaxe, distribución ou outros servizos (incluídos os dispositivos portátiles para o control de stock).
Un dos principais problemas ao que se enfrontan os lectores de libros en braille é o tamaño de cada volume, que multiplica o dos libros en versión impresa.
Esta dificultade fai que a lectura de libros en braille se limite a bibliotecas ou salas de lectura no que os usuarios teñan acceso aos volumes, impedindo que se poida ler dunha forma máis cómoda e accesible.
Con todo, distintos equipos de investigación están a traballar no que se coñece como materiais "con memoria" que permitirían reducir en gran medida o tamaño dos libros, permitindo ás persoas con discapacidade visual levalos a case calquera lugar.
Hai meses falabámosvos do desenvolvemento na Universidade Politécnica de Valencia duns rolos de cinta nun material especial que permitirían lograr esta redución de volume.
Outra vertente é un equipo de investigadores de Harvard que traballa nun sistema para crear materiais reprogramables e con memoria que poidan almacenar os libros en braille nun espazo moito máis reducido do actual.
As súas probas realizáronas sobre materiais plásticos nos que os puntos do braille mantéñense ata que se exerce forza sobre ese material, momento no que se poden inducir puntos distintos.
O sistema é complexo e aínda está nunha fase inicial, pero tamén podería ser unha solución moi interesante para lograr que o braille acompáñenos durante todo o día, facilitando a lectura en calquera lugar.
Un grupo de alumnos da Fundación Xoán XXIII Roncalli e do Colexio San Agustín traballaron de forma conxunta para desenvolver un videoxogo dirixido a persoas con discapacidade intelectual.
Neste grupo de traballo participaron de forma conxunta alumnos con discapacidade e sen discapacidade, que recrearon a actividade dunha empresa de desenvolvemento de videoxogos con todos os seus departamentos e cun único obxectivo: crear un programa que axude a persoas con discapacidade.
Este videoxogo, o segundo que se desenvolve dentro da iniciativa "Videoxogos para a inclusión", foi deseñado de forma personalizada para axudar a dous usuarios do centro de día da Fundación.
A través dos hobbies dos seus usuarios e utilizando cores e música, as persoas con discapacidade intelectual melloran a súa capacidade de comunicación e interacción coa contorna, a memoria e a atención mentres se divirten con este videoxogo.
Vilagarcía quere rematar o ano consolidándose como un referente no uso cidadá das novas tecnoloxías. Se hoxe mesmo falamos do alto nivel de repercusión dixital que vai ter a súa xa tradicional festa de aninovo adiantada (a toma das uvas do mediodía), a isto cómpre engadir a posta en marcha, os días pasados, dun pioneiro sistema para incrementar a seguridade a carón dos semáforos para peóns. Segundo informou o Goberno local, os novos semáforos que se están a habilitar están equipados cunha tecnoloxía de aviso sonoro para invidentes que se activa a través do teléfono móbil vía bluetooth.
Para o Concello, a medida garante a seguridade das persoas cegas á hora de atravesar unha vía e evita as molestias que sofren os veciños como consecuencia dos semáforos convencionais que soan de forma constante, día e noite, cada vez que se poñen en verde para os peóns. O devandito sistema de alerta por bluetooth está operativo xa no semáforo de Castelao (Alejandro Cerecedo) e tamén funcionará nos equipos que se están a colocar en Rodrigo de Mendoza e Doutor Tourón.
Ao devandito compre engadir o factor comodidade. Así, para tirarlle proveito ao novo sistema, os cidadáns non terán que instalar aplicación algunha no seu teléfono, unicamente abonda con mudar a configuración do bluetooth para que cando se aproximen a un semáforo dotado con esta tecnoloxía, este sexa quen de detectar a súa presenza e facer soar, cando acenda a luz verde, o sinal auditivo de paso libre. O Concello engade que o sistema vale para calquera tipo de móbil, non é necesario contar con smartphone. Por outra banda, tamén é quen de axustarse de maneira automática ao ruído de ambiente, polo que se incrementa se hai moito tráfico ou obras ao redor e redúcese se non hai ningún outro ruído.
Durante o ano 2018 rexistráronse 43.000 descargas das apps móbiles do Servizo Galego de Saúde, 16.000 descargas no sistema operativo IOS e 27.000 descargas a través de Android. A aplicación máis descargada é Saúde Móbil, que funciona como un portal de acceso ao catálogo dos principais servizos dixitais como a cita previa, É-Saúde, así como as redes e o resto de aplicacións.
A Consellería de Sanidade apostou neste 2018 pola potenciación destas novas ferramentas para canalizar e mellorar a participación da sociedade galega, así como un maior e mellor coñecemento de todos os servizos dixitais. O Sergas continúa desta forma a súa aposta por desenvolver novos modelos de comunicación coa sociedade; impulsar a dispoñibilidade de canles de comunicación dixital; e propiciar unha actitude proactiva dos cidadáns, que permita conseguir servizos máis eficientes e cidadáns mellor informados, máis implicados e con un maior nivel de autonomía.
Así, ademais de Saúde Móbil, o Sergas conta con outras tres aplicacións que son SIGUE, Urxencias Sanitarias de Galicia, e VACGAL. SIGUE ofrece información, ubicación e interacción cos edificios do Sergas permitindo a localización e cálculo de rutas dos pacientes tanto no exterior como no interior dos edificios, e a integración coa axenda de consultas dos pacientes. A aplicación de Urxencias Sanitarias de Galicia facilita a pacientes e cidadáns o acceso aos servizos de urxencias e emerxencias de Galicia, e VACGAL facilita o seguimento sobre vacinas e calendarios vacinais dos cidadáns, tanto de idade adulta como pediátrica.
Durante o ano 2018 recibíronse máis de 18.000.000 de visitas e máis de 2.200.000 visitantes únicos á páxina web principal do Servizo Galego de Saúde. Así mesmo, realizáronse case 3.000.000 de visitas aos distintos portais web da organización.
Ademais, ao longo do ano 2018 enviáronse máis de 430.000 mensaxes SMS e 1.600.000 correos electrónicos dende o Servizo Galego de Saúde á cidadanía, mediante as notificacións de distintos servizos (recordatorios de cita primaria, recordatorios de cita especializada, emprego público, novas e publicacións, etc.).
Do mesmo xeito, enviáronse máis de 15.000 mensaxes SMS do servizo de notificacións a familiares de pacientes en quirófanos, a través do sistema Avísame-Lembra, implantado polo Sergas nos distintos hospitais da rede sanitaria pública galega..
O obxectivo do Servizo Galego de Saúde de cara a 2019 é seguir realizando melloras nas apps existentes, fortalecéndoas e dotándoas de novas funcionalidades, integracións e capacidades; así mesmo, para o vindeiro ano está previsto a publicación dun novo servizo dixital denominada Caléndula. Esta app é un asistente para a xestión persoal da medicación dos pacientes, axudándolles a seguir o seu tratamento e lograr que este resulte efectivo, mediante accesos ós plans de dispensación e a folla de medicación activa, recordatorios de medicación persoais, busca de medicamentos, etc.
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) impartiu hoxe un obradoiro de robótica e pilotaxe de drons no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) para os nenos e nenas que están hospitalizados. A xornada celebrouse na Aula Hospitalaria do propio centro durante a mañá.
A xornada enmarcouse na estratexia de compromiso do CPEIG co fomento do talento dixital dos nenos e nenas de toda Galicia. “O taller”, sinalou previamente o colexio que preside Fernando Suárez, é “unha oportunidade para achegarse de forma lúdica e divertida á tecnoloxía e á enxeñaría en informática”. A xornada foi impartida polo enxeñeiro en Informática Manuel Montesinos Miguélez e o enxeñeiro de Obra Civil Telmo López López. Segundo indicou o propio Montesinos facendo referencia ao miolo temático da actividade e a súa finalidade, “con este obradoiro os máis pequenos poñen en práctica o seu talento dixital, desenvolvendo competencias persoais como a creatividade e o interese pola ciencia e a tecnoloxía”.
Por outra banda, a xeira divulgativa tamén serviu de xerme para que a rapazada participante poida experimentar novas calidades e comecen a interesarse polas novas tecnoloxías.
O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, asinou esta mañá un convenio de colaboración co vicepresidente executivo da Fundación ONCE, Alberto Durán, para a cooperación e inclusión social de persoas con discapacidade co obxectivo de desenvolver a accesibilidade universal no Camiño de Santiago a través do proxecto Camino de Santiago: tu compañero del Camino. “Queremos que o Camiño de Santiago sexa unha experiencia inclusiva; que calquera persoa poida sentirse peregrino, adentrarse nas súas etapas e durmir nos seus albergues”, afirmou o conselleiro.
Este proxecto aplicarase no Camiño Francés ao longo do seu percorrido por España e Galicia é a primeira comunidade autónoma que asina este convenio.
Así, no marco deste acordo, implementarase unha solución dixital para mellorar a accesibilidade do percorrido para persoas invidentes ou con problemas de visión, a partir da dixitalización precisa dos percorridos asociados a cada unha das etapas do Camiño, a xeración de contidos dixitais accesibles asociados aos seus puntos de interese e a integración de ditos contidos dixitais cunha aplicación accesible de guiado sensorial. A finalidade deste traballo é que os usuarios dispoñan dunha aplicación móbil accesible capaz de guialos utilizando a información dixital dos percorridos, xerados con alta calidade e precisión, e ofrecerlles unha audiodescrición accesible dos puntos de interese para facilitarlles o desprazamento e a interacción cos elementos do entorno.
Ademais, desenvolverase unha versión accesible da aplicación do Instituto Geográfico Nacional do Camiño de Santiago para facilitar a empregabilidade e acceso de todas as persoas á información sobre certos recursos turísticos, así como un xestor de contidos web que permita a xestión da información turística proporcionada e a adición de novos recursos.
Este acordo, forma parte dun proxecto global da Fundación ONCE para o que destina máis de 300.000 euros e no que a Xunta aporta 24.200 euros. Así mesmo, enmárcase no Plan Director do Camiño de Santiago que identifica entre os retos da peregrinación xacobea a mellora da acollida ao peregrino para asegurar a satisfacción das súas necesidades e a mellora da accesibilidade.
O titular do departamento autonómico agradeceu á Fundación ONCE a súa colaboración, destacando que “xuntos, derrubamos barreiras en favor da integración e facilitamos o acceso e a estancia a todos os peregrinos”.
Pola súa banda, o vicepresidente executivo da Fundación ONCE destacou a importancia de promover a accesibilidade universal no ámbito turístico e cultural, “un esforzo necesario para o desenvolvemento pleno das persoas con discapacidade e para a súa inserción real e efectiva na sociedade”, apuntou Alberto Durán.
O Plan de accesibilidade turística da Xunta de Galicia dedica un apartado específico ao Camiño de Santiago con sete liñas estratéxicas que se suman ás catro coas que conta en xeral o destino Galicia. O documento proporciona ao destino e ao sector turístico galego o soporte e as ferramentas adecuadas para avanzar en cuestións de accesibilidade universal. Ademais das medidas físicas postas en marcha, no plan proponse deseñar produtos e rutas de turismo accesible, impulsar campañas de sensibilización para lograr a complicidade da sociedade e do sector, entre cuxos profesionais se promoverá a formación en lexislación sobre accesibilidade e atención ao cliente con diversidade funcional e necesidades diversas.
Cómpre destacar que a Xunta, en colaboración coa ONCE, leva instaladas máis de 1.600 placas e atrís que dispoñen de altorrelevos, braille e pictogramas, entre outras características, para que calquera peregrino poda guiarse de xeito independente polo interior e exterior dos albergues. Estes elementos instaláronse en todas as estancias: habitacións, aseos, duchas, cociña, comedores, salas comúns, tendais, zonas de paso restrinxido…
Así mesmo, baixo a marca Descubre o teu propio Camiño, o Camiño Francés ofrece a posibilidade de que peregrinos en cadeira de rodas poidan contratar un servizo para facer diversas etapas en Galicia e León. Esta iniciativa é resultado do proxecto europeo Saber Universal no que participa a Xunta e que se desenvolve no principal itinerario xacobeo e no camiño de San Benedito de Italia. En total, habilitáronse cinco paquetes para persoas con discapacidade visual, mobilidade reducida e público senior. No caso de Galicia, a viaxe vai dirixida a grupos mixtos, compostos por dúas persoas en cadeira de rodas que peregrinarán con handbikes eléctricas e híbridas, que adaptarán ao seu ritmo a peregrinación e irá acompañados de dúas ou tres persoas en bicicleta. Poderán sentir así a emoción final do Camiño de Santiago, cubrindo etapas entre León e Santiago de Compostela, con aloxamento en hoteis de tres estrelas, hostais e albergues accesibles.
Os autónomos e empresas illadas en zonas do rural galego que estean interesados nas axudas para a dotación de banda larga ultrarrápida teñen un mes para poder realizar a súa solicitude.
O próximo 31 de xaneiro porase fin ao prazo estipulado por esta nova convocatoria, que se publicou o pasado 9 de novembro no Diario Oficial de Galicia, e que forma parte da segunda actuación posta en marcha pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) xa no ano 2017 no marco do Plan de Banda Larga 2020 para a extensión da cobertura de redes de banda larga ultrarrápida na Comunidade.
Os interesados poderán presentar solicitude de forma individual, e como novidade desta segunda convocatoria tamén o poderán facer en agrupación de empresas, co obxecto neste segundo caso de facilitar a dotación dos servizos ultrarrápidos ás empresas e autónomos que se ubican en localizacións próximas.
Despois dos 500.000 € postos a disposición para as subvencións desta liña concedidas no 2017, a Amtega destina á segunda convocatoria outros 600.000 euros máis. As axudas subvencionarán ata o 100% dos custos das tarefas necesarias para dotar de banda larga ultrarrápida á empresa, ata un máximo de 20.000 € por proxecto. Non obstante, os proxectos deberán ter un custo mínimo de 2.000 €.
Estas subvencións cofináncianse ao 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR).
Prazos e características da convocatoria
O prazo de solicitude, que comezou o pasado 10 de novembro, rematará o próximo 31 de xaneiro. Os interesado teñen aínda un mes por diante para presentar as súas solicitudes.
Os principais requisitos e obrigas que deberán cumprir os solicitantes serán non dispoñer actualmente da posibilidade de acceso a redes ultrarrápidas de cando menos 30 megas e manter a alta no servizo contratado inicialmente durante cando menos 1 ano.
Para cada solicitude valorarase a mellora que supón o servizo de banda larga ultrarrápida incluído na proposta, o esforzo inversor previsto e valoraranse tamén as solicitudes recibidas das pequenas empresas.
Outras actuacións para a extensión de redes ultrarrápidas
Esta medida forma parte da segunda actuación do Plan de Banda Larga de Galicia 2020, que en xullo de 2016 puxo en marcha unha primeira actuación para conectar 81 polígonos industriais das catro provincias galegas a redes de ata 350 Mbps, que non contan con cobertura de redes ultrarrápidas nin previsión de dispoñer deste servizo.
Deste xeito, tralo remate do mes de outubro de 2018 hai un total de 130 polígonos, nos que se concentra case o 93% da superficie empresarial ocupada, que dispoñen de acceso a redes de máis de 100 Mbps.
Ademais, o Plan da Xunta conta cunha terceira actuación que se puxo en marcha neste ano 2018 e consiste en despregar fibra óptica en núcleos de 181 concellos de toda Galicia. Con este investimento público, que subvenciona o 90% dos custos do despregamento, facilitarase o acceso a redes de máis de 100 Mbps a 74.400 galegos de núcleos de menos de 300 habitantes. Esta actuación súmase ás que está a desenvolver o Estado na Comunidade, que beneficiarán a máis de 439.000 persoas que viven en núcleos de maior tamaño.
Plan de Banda Larga 2020
O Plan de Banda Larga de Galicia 2020 foi aprobado o 1 de outubro de 2015 no Consello da Xunta, e asume os obxectivos establecidos na Axenda Dixital para Europa de garantir unha cobertura de banda larga de cando menos 30 Mbps para a totalidade da poboación e impulsar a contratación nos fogares de servizos de banda larga por riba dos 100 Mbps.