A experiencia de visitar exposicións e museos no propio lugar de realización das mesmas é algo que enriquece a nosa vida e unha forma de aumentar os nosos coñecementos culturais. Ademais, a era dixital fixo posible que poidamos coñecer máis das obras de arte e de museos de todo o mundo cos recursos aos que podemos acceder a través de Internet.
Neste curso descubrirás como poder acceder a múltiples exposicións e visitar museos de forma interactiva a través diferentes dispositivos para que poidas facelo desde a comodidade do teu fogar ou coñecer máis información no lugar onde te atopes a través do teu teléfono móbil.
Os beneficios de ler son innumerables e probados en numerosos estudos relacionados coa saúde. A forma na que nos podemos mergullar nas diferentes historias que se relatan nas obras literarias cambiaou moito desde as táboas de pedra ata o papel, pasando polo papiro e as teas.
Agora dispoñemos do soporte dixital, con múltiples vantaxes á hora de poder almacenar libros, recursos útiles para a lectura ou poder consultar diferentes recursos literarios en bibliotecas de todo o mundo e neste curso falaremos de como poder facelo.
Ao entrar na internet temos todo un mar de información ao noso alcance. Debemos de ser capaces de mergullar nel de forma eficiente para diferenciar o que nos vai a ser útil do que non se adapta ao que estamos a buscar, así evitaremos "afogarnos" neste mar.
Google pon á nosa disposición unha serie de recursos e aplicacións para axudarnos na tarefa de atopar a información que buscamos así como facilitarnos opcións útiles para organizar a devandita información.
O paso polo colexio pode ser un momento duro para moitos nenos con discapacidade, polo que a Fundación Cermi Mulleres propúxose aproveitar a tecnoloxía para tratar de axudar ás nenas que estean a sufrir acoso no seu centro educativo.
A fundación anunciou que está a traballar no desenvolvemento dunha aplicación móbil que axude ás nenas a loitar contra o acoso escolar que se produce por razón de discapacidade.
Esta app terá o nome de "MeRespetas" e contará con todas as axudas de accesibilidade para garantir que calquera nena con discapacidade a poida utilizar.
O calendario da Fundación Cermi Mulleres contempla que a aplicación estea dispoñible nos próximos meses para que as nenas poidas acceder a ela de forma gratuíta a través das principais plataformas de apps.
Para o desenvolvemento desta ferramenta, a entidade conta coa axuda do Ministerio de Educación e Formación Profesional.
A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape, activa unha nova convocatoria do Re-acciona TIC para apoiar ás empresas que buscan mellorar a súa competitividade mediante as solucións que aportan as TIC e a Industria 4.0, programa que, xunto co ReAccciona, concedeu durante o ano 2018 axudas por 1,9 millóns de euros para impulsar máis de 500 plans de mellora en pemes galegas.
A presentación de solicitudes de axudas para a nova convocatoria do Re-acciona TIC, ao abeiro das bases reguladores publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG), estará aberta ata o 14 de febreiro.
Ao longo deste ano, activaranse en total catro convocatorias deste programa, cofinanciado ao 80% con fondos Feder, nas que o Igape ofertará servizos que inclúen a diagnose das necesidades de cada empresa para a implantación das tecnoloxías dixitais, o acompañamento e apoio na posta en marcha de proxectos Industria 4.0, ou a exploración de novas oportunidades de negocio vinculadas a esta industria, así como a xeración de modelos e simulacións industriais para optimizar os procesos de produción. Entre as catro convocatorias prevese destinar ao redor de 725.000 euros en axudas.
A través dos programas Re-acciona TIC e Re-acciona, que ten entre os seus obxectivos prioritarios o de apoiar a profesionalización dos equipos directivos e de xestión de empresas, para ao seu crecemento e internacionalización, a Xunta reafirma o seu compromiso co desenvolvemento da capacidade competitiva das pemes galegas en ámbitos como o financeiro, a produción, o comercial, o da comunicación ou o do deseño estratéxico.
A mellora do posicionamento nos mercados das empresas galegas mediante as TIC é un dos obxectivos da Axenda Industria 4.0 que está a desenvolver a Xunta e que establece cinco plans de impulso para a modernización do tecido empresarial galego con 26 enfoques estratéxicos e 60 medidas de innovación tecnolóxica, formación e financiamento.
O Concello de Ames comeza ano con formación tecnolóxica para a cidadanía, poñendo o foco na alfabetización dixital de base. Ou sexa, en botar abaixo o primeiro e máis decisivo atranco no camiño da democratización TIC. Segundo informa o Goberno local, serán tres novos cursos para o primeiro trimestre do ano, todos eles co nexo común de ser tres obradoiros específicos sobre aspectos útiles da Sociedade do Coñecemento. Desenvolveranse na Aula de Informática do Milladoiro, que xa ten aberto o prazo de inscrición.
A oferta está formada por unhas xornadas de iniciación a Internet, que se realizarán en xaneiro, un curso sobre o procesador de textos Writer para nenos e nenas para febreiro, e un obradoiro de mecanografía en marzo. As xornadas de iniciación a Internet van dirixidas a persoas maiores de 16 anos. Esta formación, de seis horas de duración, desenvolveranse os días 23, 24, 28 e 29 de xaneiro en dúas quendas, de 10.00 a 11.30h ou de 18.00 a 19.30h. Ofértanse 10 prazas por quenda.
Por outra banda, no mes de febreiro está prevista a realización dun curso sobre o procesador de textos Writer pensado para nenos e nenas de 9 a 12 anos. Este obradoiro de seis horas terá lugar do 25 ao 28 de febreiro, en horario de 18:00h a 19:30 horas. O número de prazas por quenda é de 10. Finalmente, a programación trimestral complétase coa realización dun obradoiro de mecanografía para maiores de 16 anos. Este último curso, de unha duración de catro horas, desenvolverase do 25 ao 28 de marzo, en horario de 10:00h a 11:00 horas ou de 18.00 a 19.30h. Ao igual que os anteriores, o número de prazas dispoñibles será de 10 por quenda. O prazo de inscrición para estes obradoiros de balde está aberto até que se cubran todas as prazas, o que se fará por orde de inscrición. O Concello salienta que terán preferencia as persoas que non teñan participado anteriormente nestes mesmos obradoiros. Para ter praza é preciso estar empadroado no termo municipal de Ames. As inscricións poderanse facer en horario de Aula Aberta, de luns a xoves de 16:00h a 20:00 horas, e os venres de 9:30h a 13:30 horas; ou a través dun correo ao enderezo electrónico informatica.milladoiro@concellodeames.gal, no que deberá enviarse cuberta e asinada a solicitude de participación no curso que se desexe. Calquera persoa que desexe máis información pode obtela directamente na Aula de Informática da Casa da Cultura do Milladoiro, enviando un correo ao anterior enderezo ou chamando ao teléfono 981 535 940.
Red.es vén de facer públicas as solicitudes ás axudas ao desenvolvemento de proxectos piloto de tecnoloxía 5G lanzada pola entidade dependente do Ministerio de Economía e Empresa. Segundo fai saber, a resposta do sector foi ampla, ao recibirse un total de once peticións. Como lembraremos, esta convocatoria está dotada cun orzamento máximo de 20 millóns de euros para dous proxectos piloto e co-finánciase a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), a cargo do Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE).
Na ducia de empresas que participan na convocatoria atópase a galega Cinfo, empresa emprazada no edificio CITIC da Coruña e centrada en servizos de analítica de vídeo e intelixencia artificial para o ámbito da televisión.
As solicitudes, que representan un orzamento agregado de 128 millóns de euros, responden na súa meirande parte a unións temporais de empresas (UTE) e, tal e como esixía a convocatoria, oriéntanse a un ámbito territorial de actuación. As empresas e institucións que concorren ás axudas son Orange, Nokia, IECISA, Vodafone, Ericsson, Telefónica, Telnet, Cinfo, Centro Internacional de Oftalmoloxía Avanzada, Idronia Multimedia, Huawei, Axión, Mola TV, Montcau Produccions, Inspide, Etra, BAY, ZTE, Xfera Móbiles, NAE Comunicacions, Deep Technology, Unmaned Teknologies, Fundación Valenciana para a Investigación, Promotora de Redes Compartidas, Euskaltel, Universidade de Navarra, Centro Tecnolóxico CEIT-IK4, Datik, Fundación Vicomtech, Atrebo e Compañía del Tranvía de San Sebastián.
Segundo informa Red.es, as propostas presentadas abranguen múltiples casos de uso que aproveitan as vantaxes da tecnoloxía 5G en sectores como servizos de saúde, seguridade e emerxencias, audiovisual e multimedia, vehículos conectados, agricultura, Industria 4.0, turismo, aplicacións de realidade virtual e aumentada, control de drons, acceso fixo por radio ou supervisión de infraestruturas. Tras a fase de subsanación, que conclúe o día 14, procederase á avaliación das propostas aplicando os criterios previstos nas bases.
A EOI (Escola de Organización Industrial) e o IGAPE veñen de pór en marcha, co novo ano, a cuarta edición do espazo de traballo colaborativo (coworking) de Celanova e Terras da Limia. A iniciativa, que conta con financiamento do Fondo Social Europeo, o Ministerio de Industria e o IGAPE, abranguerá sete meses de actividade: dende este mes de xaneiro até xullo deste mesmo ano. Contará con diferentes tipos de accións capacitadoras para axudar a converter os proxectos dos participantes en realidades innovadoras de mercado: obradoiros sobre metodoloxías áxiles, sobre micromecenado, sobre estratexias de comunicacións en redes sociais, sobre creatividade e innovación ou sobre mercadotecnia dixital.
Tamén haberá seccións de formación en grupos dirixidas exclusivamente aos participantes do coworking e nas que se traballará con materias específicas para o impulso e despegue dos proxectos do espazo de innovación colaborativa de Celanova e Terras da Limia. Tamén se traballará con recursos financeiros para emprendedores, habilidades de comunicación, xestión do talento, etc.
A maiores, achegarase un servizo de asesoramento (mentoring) por parte de expertos e centrado en acompañar ás emprendedoras e emprendedores no deseño de modelo de negocio e na posta en marcha e optimización do proxecto, “dando resposta ás necesidades que xurdan no camiño”.
Amais, celebraranse actividades encamiñadas a potenciar o networking e compartir boas prácticas empresariais, contando coa experiencia doutros emprendedores/expertos e empresarios. Asistencia de acceso libre. Como peche á edición celebrarase unha xornada de demostración (Demo Day) durante a cal presentaranse os proxectos participantes no espazo de coworking, a súa evolución e as posibilidades de colaboración cos mesmos.
Estímanse en 22 as emprendedoras e emprendendores que poderán participar nesta convocatoria.
O correo electrónico é un dos medios de comunicación indispensable para realizar moitas das xestións dispoñibles a través de Internet, darse de alta en servizos como as redes sociais, etc.
Neste curso aprenderemos o uso do correo electrónico e as posibilidades que nos ofrece.
Contidos:
SmartPEME, o programa de capacitación tecnolóxica para PEME, profesionais e autónomos da Deputación de Pontevedra, recomeza este ano con novas actividades dirixidas a facilitar a dixitalización e a competitividade. Se antonte dimos conta das 21 accións preparadas para a comarca de Vigo (nos centros SmartPEME de Ponteareas, Vigo e O Porriño) e onte das 14 actividades previstas para Pontevedra e a contorna de Lalín, hoxe centrámonos en Cambados e nas súas 7 citas profesionais coas TIC. Haberá oportunidades para adestrarnos en ecommerce, mercadotecnia móbil e estratexias dixitais de venda avanzadas.
As inscricións nos devanditos obradoiros pódense facer no número de teléfono 886 20 20 20, o correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou a páxina web www.smartpeme.depo.es.
Todas estas citas teñen o nexo común de facilitar “a adaptación das empresas e proxectos emprendedores da provincia ao novo escenario dixital no que desenvolver as súas actividades e aproveitar as ferramentas existentes co obxectivo de aumentar a súa competitividade”. O primeiro dos obradoiros de Cambados este ano será Xestiona o teu negocio dende o móbil e desenvolverase o xoves día 10, a partir das 19 horas. O seguinte será o martes 15 de xaneiro, cando a partir das 19 horas terá lugar o curso Woocommerce: A solución que buscabas para vender por Internet. O terceiro curso do ano será Chatbots: A automatización da atención ao cliente, a celebrar o 17 de xaneiro, ás 18 horas. A seguinte semana, Cambados acollerá O márketing móbil e a súa importancia no sector turístico, o martes 22 de xaneiro, ás 17 horas, e Social Media Listening: o que se di do teu negocio en Internet, o xoves 24 ás 19 horas. Por último, o martes 29 de xaneiro, ás 17 horas, celebrarase o obradoiro Google Calendar, moito máis que unha axenda e o xoves 31 de xaneiro, ás 19 horas, Márketing de contidos: Como xerar unha estratexia efectiva.
A oficina SmartPEME de Cambados, no Centro ExpoSalnés, atópase no paseo da Calzada, s/n e as inscricións pódense facer no número de teléfono 886 202 020, no enderezo electrónico info.smartpeme@depo.es ou na páxina web www.smartpeme.depo.gal.
Datos sobre o Proxecto SmartPEME
SmartPEME é un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das PEME e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos eidos de actuación e acada novos grupos de interese coma os emprendedores, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos. O devandito obxectivo, nas oficinas do Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas, Vigo, A Estrada e Barro, abrangue as seguintes actividades: itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as PEME e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.