O Plan de Promoción do Talento Dixital de Galicia 2020, DigiTalent, estreará tres iniciativas en 2019 con accións divulgativas para reforzar a imaxe dos profesionais vinculados ás TIC, dinámicas de inmersión tecnolóxica e eventos para potenciar o talento en torno ás novas tendencias dixitais. En total o Plan sumará ata 33 actuacións, das cales 12 son lideradas integramente por empresas.
Entre as novidades de 2019 está a iniciativa do Grupo Kiom a través das súas empresas Sivsa e Coremain que organizará talleres de ideas combinados con demos e actividades lúdicas nas súas instalacións, que permitirán a estudantes de 7-16 anos achegarse a proxectos relacionados con ámbitos como o sanitario, o coche conectado ou os drons.
Televés porá en circulación unha unidade móbil equipada con material de telecomunicacións e robots deseñados e fabricados pola empresa, coa que visitará distintos centros educativos galegos para que alumnos e alumnas de secundaria e bacharelato se familiaricen coas novas tecnoloxías, que se complementará con visitas á fábrica.
Ademais, o Centro de Excelencia en Intelixencia de Negocio (CEIN) de DXC Technology organizará no mes de febreiro o Hackaton Big Data & Analytics, en colaboración coa Amtega e Meteogalicia. Un evento orientado a unir a un equipo de analistas, universitarios, emprendedores e todo tipo de persoas con inquietudes tecnolóxicas enAnalytics & Big Data que competirán durante dous días co fin de elaborar unha solución tecnolóxica que dea resposta a un reto que se lanzará en xaneiro. O CEIN tamén ofrece asesoramento especializado a titulados universitarios a través do seu programa“Observatorio Tecnolóxico DXC”, desenvolvido conxuntamente coa Universidade de Santiago de Compostela.
Espertar as vocacións TIC desde idades temperás
Tras o éxito do programa Tecnólogo por un día, con máis dun cento de solicitudes, en febreiro do vindeiro ano abrirase o prazo para que estudantes de 12-17 anos poidan inscribirse na segunda edición deste programa e experimentar en primeira persoa un día de traballo no marco das profesións dixitais.
En decembro completáronse as prazas da primeira edición da iniciativa GenTech, impulsada por Altia, que levará a partir de xaneiro unha serie de talleres aos centros educativos nos que se presentarán proxectos de base tecnolóxica para dar a coñecer as profesións dixitais a estudantes de bacharelato.
Tamén a partir de xaneiro Iecisa desenvolverá DixiXogo, unha serie de actividades e talleres lúdico-formativos nas que os nenos e nenas de 6-14 anos adquirirán habilidades dixitais a través do xogo, e os centros educativos poderán inscribirse en DXC Codes, a fase local dunha competición internacional de programación de xogos en linguaxe Scratch, organizada por DXC Technology e dirixida a nenos e nenas de toda Galicia de entre 10-14 anos.
Desenvolvemento do talento dixital en Galicia
DigiTalent é un plan integral que combina distintas medidas para todo o ciclo vital: a infancia, con medidas para impulsar as vocacións STEM; a xuventude, con actuacións para facilitar a adaptación aos novos perfís dixitais; e a madurez, facilitando a perfís directivos formación, sensiblización e iniciativas para impulsar o emprendemento e a xeración de ideas innovadoras.
O Plan formúlase como unha iniciativa aberta con achegas da propia Administración autonómica e dos axentes do ecosistema dixital, entre os que están as empresas que en 2013 se adheriron ao Pacto Dixital da Xunta para impulsar o crecemento tecnolóxico da Comunidade.
O catálogo de actuacións DigiTalent arrincaba a principios deste curso coincidindo co lanzamento do espazo web https://amtega.xunta.gal/digitalent no que se poden consultar os detalles de todas as actividades así como as instrucións para participar nas mesmas. No seu conxunto, agrega xa un total de 33 iniciativas.
A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira; o director xeral de Mobilidade da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, Ignacio Maestro, o director de IT, Información, Procesos e Operacións de Abanca, José Manuel Valiño; e o delegado da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, presentaron hoxe as novas funcionalidades da aplicación e do portal de Transporte Público de Galicia, bus.gal.
Desde hoxe os usuarios do transporte público por estrada poden solicitar online, desde un pc ou desde o seu dispositivo móbil, servizos de transporte á demanda en calquera das localidades nas que está dispoñible. Ademais, tanto no portal como na app, atoparán información actualizada dos servizos entre localidades das máis de 1.400 liñas de autobús que integran a oferta de transporte público por estrada.
Outra das novas funcionalidades da aplicación é o seguimento en tempo real das rutas dos autobuses, unha opción que está xa operativa para os usuarios das 273 liñas de autobús da área metropolitana de Coruña e que se estenderá ao resto dos viaxeiros a medida que as empresas concesionarias envíen a información ao Centro de Mobilidade de Galicia.
Os responsables da Xunta e de Abanca anunciaron, tamén, que o pago por móbil inicia a súa andaina na Coruña, nunha das liñas de transporte metropolitano desta área, onde durante dous meses se pilotará a solución desenvolta pola entidade bancaria. Tras este período, a nova modalidade de pago estenderase progresivamente naqueles autobuses que teñan adaptadas as súas canceladoras.
Estas medidas forman parte da folla de ruta que establece o Plan de Modernización Tecnolóxica da Mobilidade en Galicia, e-Mobility, que están a desenvolver a Amtega e a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade para impulsar a dixitalización do sistema concesional de transporte que dá servizo a uns 20 millóns de viaxeiros anuais con máis de 1.000 autobuses, 1.419 liñas e 14.140 paradas
Plan e-Mobility
O Plan e-Mobility ten como obxectivos xerais a dixitalización integral de todos os procesos de xestión e tramitación por parte dos operadores e o desenvolvemento de novos servizos para os usuarios.
Entre as liñas de traballo establecidas no plan está a monitorización en tempo real das rutas de transporte público por estrada para deseñalas e planificalas dun xeito máis eficiente e adaptadas ás necesidades dos viaxeiros. Ademais, dixitalizaranse todos os procesos de xestión e tramitación da oferta de transporte por parte dos operadores, que terán á súa disposición unha Oficina Virtual do Transporte.
O Plan foi aprobado en 2017 polo Goberno galego, cun investimento previsto de máis de 6,6 millóns de euros ata o 2020. Esta iniciativa desenvólvese en coordinación co traballo que está a realizar a Consellería para a reorganización do transporte de pasaxeiros por estrada e que culminará coa aprobación en 2019 do Plan de Transporte Público de Galicia.
O Consello da Xunta aprobou recentemente as directrices xerais dese Plan, que renovará todas as liñas de autobús regular interurbano da Comunidade a partir do ano 2019. Trátase dunha planificación que ten por obxectivo aproveitar a caducidade das actuais concesións de servizos de autobús para dotar a Galicia dun sistema de transporte público renovado e moderno para responder con maior eficacia ás necesidades de mobilidade da sociedade do século XXI. Procúrase facer estensivo un modelo que resulte máis útil para os cidadáns, máis sostible desde o punto de vista ambiental e eficiente desde a perspectiva económica.
En agosto de 2017 iniciouse esa renovación coa posta en marcha da primeira fase deste Plan de transporte, que permitiu implantar xa as novas modalidades de prestación dos servizos: o autobús compartido e o transporte baixo demanda. A comezos do ano 2019 a Xunta someterá a información pública os novos mapas de liñas de autobús que apostarán por ampliar a aplicación desas formas de transporte novidosas, que permiten aumentar notablemente as posibilidades de mobilidade do medio rural.
A directora da Escola Galega de Administración Pública, Sonia Rodríguez-Campos, informou esta mañá ao Consello Reitor do organismo sobre as actividades da EGAP no 2018 e anunciou o programa previsto para o próximo ano.
Así, o Plan de formación presentado para 2019 suporá a convocatoria dun total de 523 actividades formativas e 26.343 prazas dirixidas ao persoal da Administración autonómica, local e de xustiza, ao persoal de administración e servizos das tres universidades galegas e ao persoal ao servizo das entidades públicas instrumentais e da Administración institucional de Galicia. Ao igual que en anos anteriores e co propósito de achegar a actividade ao maior número de persoas posible, o Plan combina as modalidades presencial, de teleformación e de autoformación.
Durante a presentación, Sonia Rodríguez-Campos destacou o reforzo das materias relativas a igualdade e violencia de xénero e a súa convocatoria para todos os destinatarios da Escola sen excepción. Así, estas materias suman dentro do Plan de 2019 un total de 30 edicións formativas e 1730 prazas a través de títulos coma Linguaxe administrativa non sexista e imaxe igualitaria na práctica da xestión pública ou Sexting, sextorsión, violencia de xénero dixital e control machista, entre outros.
Outra das novidades destacadas pola directora da EGAP foi a especial atención do Plan de formación ás necesidades derivadas dos recentes cambios normativos e avances tecnolóxicos co fin de que os empregados públicos poidan asumir e contribuír á implantación das TIC no sector público. Seguindo esta liña a programación de 2019 inclúe títulos novidosos coma Aspectos avanzados e implantación da normativa de protección de datos na Xunta de Galicia ou Avanzado en comunicación e colaboración dixital. Enfoque e uso creativo das tecnoloxías dixitais.
Ademais a directora do organismo confirmou a continuidade das dúas principais novidades acometidas en 2018. Por unha banda, destacou o mantemento da reorganización do plan formativo cunha oferta común en idiomas, plan ofimático e autoformación, dirixida a todos os empregados públicos de Galicia e, por outra banda, a descentralización de todas as probas presenciais co obxectivo de eliminar barreiras xeográficas e favorecer a conciliación familiar.
Finalmente, Sonia Rodríguez-Campos fixo referencia aos cursos superiores e cursos monográficos previstos para os próximos meses. De entre todos eles destacan a celebración dos cursos monográficos A nova Lei de contratos do sector público en perspectiva: problemas derivados da súa aplicación e primeiras interpretacións e Atención integral e atención humanizada aos usuarios e ás familias; do curso superior Avaliación de impacto ambiental de proxectos de Galicia; e da xornada O patrimonio cultural como instrumento de desenvolvemento sustentable e de relevancia turística.
Grazas a todo o anterior, resaltou Sonia Rodríguez-Campos, a Escola continúa afianzándose como un centro aberto a todas as persoas interesadas en formarse e nunha peza imprescindible para acadar unha Administración de calidade, eficaz e eficiente no cumprimento dos fins de interese xeral que ten asignados.
UnLtd Spain, fundación que apoia o emprendemento de impacto social puxo en marcha Plantacción, unha comunidade colaborativa na que compartir ideas con potencial para xerar impacto positivo en varios ámbitos, destacando as cidades sustentables. A través do concurso de ideas "O futuro das nosas cidades" que finalizará o 8 de maio, os usuarios poden achegar ideas e/ou votar, comentar e compartir as ideas do resto dos usuarios co obxectivo de identificar os principais retos das cidades de hoxe e de mañá. O propósito de Plantacción é promover a innovación social a través do fomento da participación cidadá e impulsar o emprendemento neste sector. Para realizar a formulación deste reto baseámonos no ODS 11: cidades e comunidades sustentables proposto polas Nacións Unidas dentro dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable, que busca fomentar cidades máis inclusivas, seguras, resilientes e sustentables. O gañador do reto "O futuro das nosas cidades" poderá elixir entre dous cursos de innovación social vinculados á solución creativa de problemas.
A Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) estrea Science Truck, un novo proxecto de divulgación da ciencia protagonizado por youtubers que se emitirá en directo desde centros educativos de ensino secundario. Está dirixido aos máis novos e ten o obxectivo de espertar o interese pola ciencia e aumentar as vocacións científicas.
Trátase dunha aposta clara por parte da Fundación pola produción de contidos audiovisuais directamente para as canles de YouTube e redes sociais co fin de xerar contido de divulgación da ciencia alí onde está presente o público novo e adolescente.
O proxecto contará con algún dos youtubers de ciencia de fala hispana máis coñecidos da actualidade. Os encargados de conducir o programa son dous recoñecidos youtubers científicos: Javier Santaolalla e Inés Dawson. Santaolalla é doutor en Física de partículas e creador das canles de YouTube "Dáte un voltio", "Dáte un Vlog" e "Dáte un meu", que suman máis dun millón de subscritores e máis de 50 millóns de reproducións. Dawson é estudante doutoral na Universidade de Oxford e creadora das canles "Draw Curiosity" e "INÉS-table". Ademais, o programa contará coa colaboración de Rocío Vidal, xornalista científica quen ten a canle, "A gata de Schrödinger", especializado en combater as pseudociencias.
Este primeiro programa emitirase desde o I.E.S. CARPETANIA de Yepes (Toledo). Terá como eixo temático a paleontoloxía e como primeiro invitado ao youtuber Francesc Gascó, paleontólogo e creador da canle "O Pakozoico". En próximos programas estarán como invitados José Luis Crespo (Quantum Fracture) e o matemático Santi García.
O programa emitirase en directo o próximo 18 de decembro ás 13:00 h a través da canle de YouTube e a páxina de Facebook de FECYT. As datas de emisión dos próximos programas iranse detallando a través das redes sociais de FECYT.
FECYT quixo apostar por este novo formato xerado directamente para internet xa que, segundo os datos da última Enquisa de Percepción Social da Ciencia e a Tecnoloxía, o uso da internet como fonte informativa aumentou desde un 52,7% en 2010 a un 63,4% en 2018 e supera á televisión entre persoas de 15 a 34 anos. En concreto, as redes sociais son as máis utilizadas por un 48,1% do total dos enquisados.
Un dos grandes problemas para moitas persoas con discapacidade e persoas maiores que teñen que levar a cabo sesións de rehabilitación é a perda de interese propiciada, en moitos casos, pola monotonía dos exercicios para realizar.
Para evitar estas situacións e lograr uns procesos de rehabilitación moito máis levadíos, a empresa Evolv desenvolveu a plataforma VirtualRehab que utiliza a tecnoloxía para propoñer exercicios máis amenos e divertidos.
Baseándose nos movementos repetitivos das terapias de rehabilitación, o equipo de Evolv transformou eses exercicios en divertidos videoxogos que, grazas á realidade aumentada, animan ás persoas con discapacidade e ás persoas maiores a levalos a cabo.
Videoxogos de boxeo ou ter que dar unha patada ao balón, son algúns exemplos do software desenvolvido por esta compañía que funcionan utilizando dispositivos convencionais como a cámara Kinect da videoconsola Xbox.
A meta da compañía é, segundo explica o seu conselleiro delegado, David Fried, lograr unha telerreabilitación que sexa divertida e frutífera para as persoas con discapacidade e as persoas maiores que as necesitan.
Ademais, a compañía está a traballar xa no lanzamento de novas solucións completas que inclúen o desenvolvemento de hardware pensado para facilitar a utilización destes programas.
En total son máis de 50 as actividades que están dispoñibles a través da plataforma VirtualRehab á que se van engadindo novos xogos e exercicios.
A Universidade de Vigo vén de asinar un acordo de colaboración coa Universidade de Tecnoloxía de Ho Chi Minh City (Vietnam) para dar pasos conxuntos en materia de formación en ciberseguridade. Máis polo miúdo, o que se busca é establecer sinerxías para axilizar a mobilidade internacional dos estudantes locais do Mestrado en Ciberseguridade da UVigo e a UDC, así como a acollida de estudantes vietnamitas nas aulas dos campus vigueses. O acordo é froito do proceso de internacionalización no que está mergullado a institución académica galega. Foi asinado polo director da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, Íñigo Cuiñas, na cidade vietnamita de Ho Chi Minh, con representantes da universidade local.
Como dixemos, a cerna do acordo é a ampliación e impulso do Mestrado en Ciberseguridade, que arrancou neste curso con carácter interuniversitario, impartido pola EE de Telecomunicación de Vigo e a Facultade de Informática da Universidade da Coruña, nunha “aposta conxunta e estratéxica polo eido da seguridade informática”. A UVigo, para contextualizar o devandito convenio, lembra que outros dos piares do mesmo é o proxecto Erasmus+ LMPI, unha iniciativa na que están implicadas 18 universidades de seis países europeos e dous asiáticos co “obxectivo de mellorar a formación en protección tecnolóxica nas universidades obxectivo de Vietnam, Moldavia e Kazakhstán”. En concreto, o equipo da Universidade de Vigo, coordinado pola profesora Ana Fernández Vilas, encárgase das tarefas de definición e posta en marcha de programas de grao e máster en tres universidades de Vietnam: a de Tecnoloxía de Ho Chi Minh City, a Universidade de Agricultura de Hanoi e a Universidade de Tecnoloxía de Hanoi.
Estes son os alicerces sobre os que asenta a devandita alianza de titulación dupla para o Mestrado en Ciberseguridade, que se ratificou nunha xuntanza que reuniu a pasada semana en Ho Chi Minh City a todos os socios do proxecto LMPI. Nesta reunión Vigo estivo representada polo director da EET, Íñigo Cuiñas e polo profesor do centro Manuel Fernández Veiga.
Expertos nacionais e internacionais reuniranse durante este fin de semana nas instalacións do Palacio de Congresos e Exposicións da Coruña (PALEXCO) na terceira edición do Congreso Blockchain (CIBTC), un acontecemento que centra boa parte dos seus esforzos en mostrar as principais vantaxes da tecnoloxía de cadeas de bloques, que salienta por pór en xogo un innovador escenario de seguridade e eficacia para o almacenamento e xestión dos datos (bases de datos sólidas, distribuídas, seguras no seu cifrado e axeitadas para incluír nelas información crítica como dereitos de propiedade, credencias, identidades ou acordos). A inauguración será presidida mañá ás 9.30 polo alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, e conta co apoio do Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña. CIBTC Coruña propón unha programación transversal con charlas, debates e obradoiros.
Os contidos presentados neste congreso, que se prolongarán de venres e domingo, diríxense a emprendedores, autónomos, PEME e profesionais, que queiran analizar nestas tecnoloxías e coñecer máis o seu uso. Neste sentido, trataranse temas sobre aspectos legais, fiscais e de regulamento da situación do blockchain en España. Tamén se abordarán as posibilidades na industria financeira e medios de pago, na innovación, na transformación dixital e nas redes sociais descentralizadas.
Entre os relatores atópase o deputado nacional e doutor en Enxeñaría de Telecomunicacións Teodoro García Egea, que será o encargado de contar aos asistentes o estado de cousas do blockchain en España e a súa futura lexislación. A súa charla será o venres 14 ás 12,30 horas.
Participarán tamén expertos das asociacións AgalBit e Blockchain Gal xunto a especialistas de Tecnalia, Grant Thorthon e Telefónica, que achegarán detalles básicos sobre a cadea de bloques para abordar, tamén, dúas aplicacións concretas máis salientables desta tecnoloxía.
A realidade das mulleres nas zonas rurais e noutros contextos de especial vulnerabilidade está relacionado directamente co desemprego. É por iso que este novo proxecto baséase nunha idea clave: un enfoque innovador para promover iniciativas lideradas por mulleres. EITIC (ICT Innovative Entrepreneur Women) comeza en Madrid o 13 de decembro coa colaboración de organizacións de Noruega, Italia, Rumania e España. Este novo consorcio coordinado pola Fundación Cibervoluntarios está co financiado por Erasmus dentro da acción KA2. EITIC apunta a:
O proxecto comeza cunha gran vantaxe inicial: baséase nunha iniciativa exitosa levada a cabo en toda España pola Fundación Cibervoluntarios durante anos: o programa denominado "Innovadoras TIC" (www.innovadorastic.cibervoluntarios.org), cunha metodoloxía consolidada e resultados visibles, que proporcionan a este novo proxecto unha base sólida e confiable, baseada na capacitación tecnolóxica de mulleres en contextos vulnerables, como as áreas rurais ou os grupos minoritarios para o seu empoderamento e mellora de habilidades e competencias.
Actividades a realizar polos socios:
Consorcio EITIC:
España: Fundación Cibervoluntarios - (www.cibervoluntarios.org) Coordinadores do proxecto
ONG española pioneira desde 2001 no uso social das tecnoloxías para xerar innovación social e potenciación dixital a través da participación cidadá e o voluntariado tecnolóxico. A Fundación conta cunha rede de 1.500 cibervoluntarios e ao redor de 500 organizacións sociais de diferentes colectivos en risco de exclusión social ou dixital. Con esta ampla rede, somos expertos en realizar investigacións, proxectos piloto e grupos focais en diferentes áreas, sempre coa participación das TIC como un medio para alcanzar os obxectivos.
Noruega: Centro Europeo para a Muller e a Tecnoloxía (ECWT) - (www.ecwt.eu)
Unha asociación europea de múltiples partes interesadas de máis de 130 organizacións e un membro en rápido crecemento de persoas que representan expertos de alto nivel en desenvolvemento de tecnoloxía e mulleres de gobernos, empresas, institucións académicas e sectores sen fins de lucro, traballando xuntos para aumentar de forma considerable e significativa o número de nenas e mulleres en tecnoloxía, e especificamente en TIC.
Italia: IAL Nazionale - Innovazione Apprendimento Lavoro (www.ialnazionale.it)
A maior rede italiana de empresas sociais que traballan en VET e aprendizaxe continua, fundada en 1995. As súas actividades principais son a orientación profesional, a educación continua e a cualificación profesional por unha banda, e a consultoría (análise de necesidades de aprendizaxe, deseño de programas de capacitación personalizados) no outro. Guían aos mozos para elixir o seu propio camiño, e aos adultos para continuar aprendendo ou na transición cara a novos postos de traballo. Tamén actúan en comunidades italianas fora de Italia, en colaboración con importantes universidades.
Rumania: SC Metodo - Studii Consultanta (www.metodoromania.com)
A maior rede italiana de empresas sociais que traballan en VET e aprendizaxe continua, fundada en 1995. As súas actividades principais son a orientación profesional, a educación continua e a cualificación profesional por unha banda, e a consultoría (análise de necesidades de aprendizaxe, deseño de programas de capacitación personalizados) no outro.