main content

main content
13/12/201809:12
Carlos Capataz.
Madrid

'É imprescindible involucrar ás persoas no desenvolvemento de solucións'

Capataz realiza un repaso sobre a evolución da teleasistencia e os retos de futuro da entidade. "Traballamos para ofrecer solucións e servizos non só para as persoas maiores, nas que poñemos especial foco, senón para calquera que desexe vivir con tranquilidade, seguridade e autonomía independentemente da súa idade", sinala nesta entrevista

Entrevista a Carlos Capataz, director de servizos tecnolóxicos dixitais da Cruz Vermella Española

Pregunta.- Que inconvenientes ou desvantaxes diría que expuña a teleasistencia máis tradicional? Como foi cambiando a asistencia domiciliaria que ofrecen desde Cruz Vermella e como é hoxe?

Resposta.- A teleasistencia, en calquera das súas modalidades, é un servizo con amplas e moi positivas prestacións. Con todo, se tivésemos que falar de "inconvenientes" centraríame en dous puntos: por unha banda o servizo, na maioría das súas formas, é "reactivo", é dicir, é necesario que a persoa usuaria pulse para que se saiba se lle pasa ou necesita algo; doutra banda, o concepto tecnolóxico sobre a que se soporta é o mesmo que nas súas orixes e entendendo que é a nosa aliada para desenvolver solucións que melloren a vida das persoas, debe estar integrada, estética e funcionalmente, no seu día a día e ser inclusiva e accesible. Con respecto a como cambiou o servizo que ofrece Cruz Vermella desde hai máis de 29 anos, a nosa experiencia no coidado das persoas, non só neste campo, senón na sociedade en xeral, permítenos prestar servizos nos que a tecnoloxía é un gran aliado sen esquecer que traballamos con e para persoas e por iso o compoñente humano e a proximidade deben estar sempre presentes. Traballamos para ofrecer solucións e servizos non só para as persoas maiores, nas que poñemos especial foco, senón para calquera que desexe vivir con tranquilidade, seguridade e autonomía independentemente da súa idade: persoas con enfermidade crónica, persoas convalecentes, persoas con diversidade funcional, mulleres embazadas, adolescentes, persoas que realizan actividades deportivas en zonas non urbanas, etcétera.

P.- Coa aparición da teleasistencia móbil, hai 12 anos, márcase un novo punto de inflexión na atención aos colectivos máis vulnerables. Esta tecnoloxía tamén se transformou. Cal foi a súa evolución ata a actualidade?

R.- Cruz Vermella puxo en marcha a teleasistencia móbil para protexer ás mulleres vítimas de violencia de xénero en 2005 e en 2006 o servizo "Lope" (localizador de persoas), encamiñado a apoiar e axudar aos familiares e coidadores e coidadoras de persoas con deterioración cognitiva. Hoxe xa é un servizo plenamente estendido que mesmo axudamos a implementar noutros países baseándose na nosa tecnoloxía. En 2011, lanzamos a teleasistencia móbil para persoas maiores, e en 2012, o proxecto de videoatención que permite, mediante sesións guiadas a través de audio e vídeo, a estimulación cognitiva para previr a deterioración. "Enred@te", a rede de comunicación entre persoas maiores para previr a soidade comezou a súa andaina en 2015 e en 2016 desenvolvemos a "teleasistencia móbil accesible" para persoas con diversidade auditiva, física ou visual, sendo a única Institución que ofrece este servizo neste momento, mediante unha tecnoloxía que obtivo unha certificación de accesibilidade. Actualmente seguimos traballando na procura de solucións que permitan ás persoas continuar na súa contorna e mellorar a súa calidade de vida.

P.- Recentemente puxeron en marcha un novo servizo, "Cóidate+", que se centra fundamentalmente en dous eixos: autocoidado e seguridade. Que vantaxes ofrece este recurso a familiares e usuarios?

R.- "Cóidate+" é un servizo que fomenta o autocoidado mediante o seguimento da tensión e o peso, así como a seguridade ao analizar o modelo de vida da persoa usuaria en función das súas rutinas domésticas diarias permitindo a detección de situacións de risco ou perigo que poidan producirse no fogar e tamén fóra, en caso de incluír o servizo móbil. O sistema está configurado para que proactivamente, é dicir sen ter que pulsar ningún botón, avise ao Centro de Operacións de Cruz Vermella as 24 horas, os 365 días, para que verifique o que ocorre e facilitar unha resposta e intervención inmediata ante calquera necesidade ou eventualidade. A vantaxe que ofrece, tanto para as persoas usuarias como para os seus familiares, é incrementar a súa tranquilidade e seguridade grazas á proactividade que ofrece, ao non ser necesario pulsar, e detectar e avisar ante situacións de risco, incluíndo a detección da deterioración cognitiva.

P.- Na súa aposta pola innovación, traballan de xeito conxunto con outras entidades. De que forma se enfrontan á temida fenda dixital para tentar combatela?

R.- Este é un punto que nos preocupa e estimúlanos aínda máis para que a tecnoloxía sexa a nosa aliada. A experiencia demostrounos que é imprescindible involucrar ás persoas, independentemente da súa idade, no desenvolvemento de solucións. Proxectos como "Videoatención", "Enred@te" e outros son exemplo diso. Sorprende a predisposición e ganas, en especial das persoas maiores, cara á aprendizaxe. Moitos deles non tiveron as oportunidades das que gozamos nós e ven con positividade non só aprender senón mellorar o seu día a día permanecendo no seu fogar e a comunicación cos seus familiares e especialmente cos seus netos.

P.- A Fundación de Tecnoloxías Sociais (Tecsos) naceu a través do impulso conxunto da Cruz Vermella Española e a Fundación Vodafone España, baixo que obxectivos se puxo en marcha a entidade?

R.- A vocación coa que Cruz Vermella Española xunto coa Fundación Vodafone apostan pola creación da Fundación de Tecnoloxías Sociais (Tecsos) é a de impulsar a aplicación das novas tecnoloxías no ámbito social innovando, evolucionando e creando novos modelos de atención que poidan converterse en modelos de referencia encamiñados á accesibilidade universal.

P.- En concreto, en que consiste o proxecto Orientatech no que aúnan os seus esforzos estas entidades?

R.- O obxectivo é dar a coñecer dunha forma rigorosa, imparcial e cunha linguaxe próxima solucións TIC existentes que fomentan a autonomía persoal e o envellecemento activo a través da  plataforma "www.orientatech.es". Trátase dun orientador de tecnoloxía social que ofrece filtros para atopar e comparar as solucións e produtos que mellor se adapten ás súas necesidades. A análise faina o equipo de enxeñeiros que o integra, quen verifica tecnicamente a solución ou produto, xunto cun grupo de persoas colaboradoras e usuarias da Cruz Vermella, que coñecen as necesidades das persoas ás que se dirixe. Xuntos realizan unha valoración técnica e social que se complementa con información práctica como vídeos, fotos e opinións doutros usuarios. O proxecto pretende converterse nun punto de encontro para todos os actores do sector a través do cal as persoas usuarias dispoñan dun medio para comparar as solucións existentes, compartindo a súa opinión; os fabricantes dar a coñecer, mellorar e adaptar a súa oferta e as Administracións públicas e profesionais do sector dispoñer dunha fonte para contrastar información.

12/12/201820:12
Cartel do evento.
A Coruña

O rol da muller nos videoxogos centra unhas xornadas na Coruña

O centro municipal de empresas Accede Papagaio acolle hoxe e mañá dúas xornadas divulgativas promovidas por Women in Games, o colectivo internacional sen ánimo de lucro presente en máis de 50 países e que conforman mulleres vinculadas ao sector do videoxogo. O evento, promovido polo estudio de videoxogos Gato Salvaje co apoio do Concello da Coruña, pretende achegar á veciñanza unha reflexión sobre a situación da industria e poñer en valor o papel da muller na mesma a través dunha serie de actividades e charlas divulgativas abertas á cidadanía.

Esta tarde desenvolveuse o obradoiro Narrative Design & Branching Storytelling, impartido pola escritora norteamericana Emily Grace Buck, unha das voces máis recoñecidas do sector e que destaca polo seu traballo en videoxogos como Batman ou The Walking Dead (para Telltale Games). Mañá Buck ofrecerá unha charla divulgativa, a partires das 18:30 horas, titulada Game Dev: What Gamers Think We Do vs What We Actually Do á que seguirá unha mesa redonda Diverse gamedevs, diverse game characters: a cycle. Esta actividade contará coa participación da xornalista Paloma Ferro, e as artistas especializadas na creación de espazos a ceo aberto ou interiores 3D Bárbara Martínez Solé e María Fernández Hermida, ademais da propia Buck.

12/12/201819:12
Ignacio López-Chaves usando realidade virtual.
O Porriño

O delegado da Xunta asiste á inauguración do Centro Tecnolóxico Galego de Videoxogos no Polígono da Granxa no Porriño

O delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, asistiu hoxe á inauguración do Centro Tecnolóxico Galego de Videoxogos (Cetgavi) que tivo lugar no Polígono da Granxa, no municipio pontevedrés do Porriño. No acto, o representante autonómico incidiu na importancia do sector, o primeiro de consumo cultural en España por ingresos.

Segundo indicou, o peso de Galicia supón un catro por cento do sector español do videoxogo, ocupando o sétimo lugar entre as comunidades con trinta operadores económicos activos e 16 estudios. Catro deles localízanse na provincia de Pontevedra, un na cidade do Lérez e os outros tres en Vigo, onde tamén destacan operadores sectoriais de relevancia nacional.

12/12/201814:12
Cartel dos premios.
Santiago de Compostela

Entrega dos premios do XVI Concurso de Ideas Empresariais Innovadoras

  • Trátase de propostas susceptibles de converterse en proxectos empresariais a curto e medio prazo

O reitor Antonio López Díaz presidirá este mércores 12 a entrega dos premios do XVI Concurso de Ideas Empresariais Innovadoras nun acto a partir das 11.00 horas no Salón de Graos do Colexio de San Xerome. Na mesma sesión intervirán ademais as secretarias xerais de Igualdade e de Emprego, Susana López Abella e Covadonga Toca Carús, respectivamente; o director da Área de Competitividade do IGAPE, Norberto Penedo Rey; e o presidente do xurado, o director da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC José L. Villaverde Acuña. 

Este concurso premia a aquelas emprendedoras e emprendedores con ideas innovadoras susceptibles de converterse en proxectos empresariais a curto e medio prazo. Nesta edición resultaron premiadas cinco propostas entre as que figuran unha pulseira para detectar drogas, unha impresora 3D para enxeñaría de tecidos, un novo cepillo para mostras en citoloxía cervical, unha aplicación móbil para propiciar unha visión de xénero da cidade ou unha proposta para explotar comercialmente o huitlacoche. 

As cinco propostas premiadas foron seleccionadas tendo en conta a súa viabilidade e factibilidade, carácter innovador, grao de madurez, mercado potencial e a presenza de políticas de igualdade. A esta convocatoria concorreron un total de 190 ideas promovidas na súa maioría por mulleres (o 54% das propostas presentadas).  

12/12/201814:12
Lote de aplicacións informáticas centradas no mundo do vídeo.
Santiago de Compostela

Unha campaña solidaria facilita a compra de aplicacións de edición audiovisual a prezos moi reducidos

O proxecto solidario Humble Bundle estrea hoxe un novo lote de aplicacións informáticas centradas no mundo do vídeo, de xeito que poden adquirirse a prezos case simbólicos ferramentas de edición audiovisual á vez que se realiza contribucións caritativas (desta volta a entidade beneficiaria será Hilarity for Charity, que traballa no loita contra o Alzheimer).

Os usuarios que realicen unha contribución mínima de 1 dólar recibirán a aplicación de edición rápida de vídeo Fastcut Plus Edition, así como un cupón de 9,99 dólares para Producer Planet; por unha achega superior á media (18,23 dólares no momento de escribir estas liñas) poden conseguirse as aplicacións Sound Forge Audio Studio 12 e Vegas Movie Studio 15; e xa por 25 dólares recibiremos o Vegas Pro 15 Edit (un completo programa de edición de vídeo valorado en 399 dólares), o Vegas DVD Architect (que facilita a creación de menús para entregar as producións dun xeito profesional en formato DVD ou Blu-ray) e o lote de efectos HitFilm Movie Essentials.

Temos así que este lote de aplicacións valorado en 788 dólares pode conseguirse por só 25 dólares, á vez que se contribúe a unha causa solidaria.

12/12/201814:12
Luís Miguel Olivas.
Madrid

Conecta Emprego, no foro "O País co teu futuro"

  • Os próximos 18 e 19 de decembro, preséntase Conecta Emprego e as claves da nova empregabilidade no foro de orientación profesional "O País co teu futuro", que celebrará a súa cuarta edición no Palacio de Congresos de Madrid.

 

O foro está especialmente dirixido a alumnos de segundo de bacharelato e de FP, quenes poderán coñecer as profesións do futuro da man dos profesionais. Trátase, en definitiva, dunha xornada que achega unha visión real das profesións e que ten como principais obxectivos: ampliar a perspectiva laboral, coñecer de primeira man as principais tendencias do mundo profesional, atopar resposta ás inquietudes dos asistentes, debater sobre as habilidades imprescindibles da nova empregabilidade e tomar contacto con contornas profesionais reais e potenciais para o seu futuro profesional.

Conecta Emprego:

 Martes 18 - 10:35h  As novas habilidades para unha nova empregabilidade. 
 Mércores 19 - 13:30h  Tutorial da plataforma Conecta Emprego

Alí, o director de empregabilidade da Fundación Telefónica, Luís Miguel Olivas, intervirá o martes 18, ás 10:35, e o mércores 19 ás 13:30, para falar sobre as habilidades para esta nova empregabilidade. Despois, comezará un tutorial cos asistentes ao foro para ensinarlles a navegar e interactuar na nova plataforma de Conecta Emprego. Plataforma que mapea en tempo real os 23 perfís dixitais máis demandados en España, orienta na procura de emprego por provincia, define as competencias necesarias para estes empregos e forma nas profesións dixitais aos que busquen traballo ou queiran reciclarse.

Fundación Telefónica, como pioneira no uso da Intelixencia artificial, mapeou a situación do emprego en España por territorios e presentará en "O País co teu futuro" a súa nova plataforma de Conecta Emprego, para que aqueles que se atopen na procura de emprego (ou que queiran cambiar) coñezan o programa; non só os mozos, senón persoas inquietas a partir de 18 anos en diante. Conecta Emprego, o programa de formación dixital da Fundación Telefónica, por e para as persoas, responde a unha nova empregabilidade que require, ademais de coñecementos dixitais, habilidades transversais e emprendedoras.

O Foro poderase seguir en redes co hashtag #ConectaEmpleo e #ConTuFuturo.

 

12/12/201813:12
Presentación dos resultados da fase de desenvolvemento do proxecto Geria-TIC.
A Coruña

As posibilidades de Geria-TIC para o envellecemento activo, ao detalle en Carballo e Oleiros

O Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña e o Instituto de Investigación Biomédica de A Coruña (INIBIC) participan xunto coas empresas Aldaba, Geriatros-DomusVI e a Clínica Cobián no proxecto Geria-TIC. Os resultados da fase de desenvolvemento deste proxecto déronse a coñecer esta mañá no Centro DomusVi de Carballo. Pola tarde tivo lugar o acto de presentación no centro de Oleiros. A iniciativa ten como obxectivo mellorar a calidade de vida das persoas maiores, a través do uso de tecnoloxías wearables.

O proxecto Geria-TIC, que se puxo en marcha en 2016, está impulsado por un consorcio formado por Aldaba, Geriatros-DomusVI, a Clínica Cobián e a UDC a través do CITIC e o INIBIC, para desenvolver un modelo de medicina participativa con persoas maiores a través de pulseiras de medición de actividade física e sono e dunha aplicación personalizada que permite recoller as ocupacións e percepcións dos usuarios participantes. A iniciativa centrouse na mellora de tres aspectos: a prevención de caídas, o insomnio e a incontinencia urinaria. Participaron na fase de desenvolvemento 25 usuarios dos Centros DomusVi Carballo e Oleiros e os datos obtidos permitirán, nunha segunda fase, definir perfís de usuarios e predicir cambios de comportamento aplicando técnicas de intelixencia artificial.

Investigadores da área de percepción, cognición e interacción do CITIC, liderados polo subdirector do centro, Javier Pereira, foron os encargados de desenvolver os aspectos tecnolóxicos e de investigación do proxecto, realizando a recollida de datos das probas piloto e a análise da información a través da plataforma ClepIO, que ten como obxectivo crear un novo modelo de prestación de servizos sociosanitarios, no que os residentes tomen conciencia do autocoidado e a responsabilidade na propia saúde, facéndoos partícipes do seu benestar. Ademais, permite que os familiares poidan estar informados en tempo real do estado e as melloras na saúde dos seus maiores.

O proxecto Geria-TIC, presupostado en 765.191 euros, está co-financiado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) a través do Programa Conecta PEME 2016 e conta con fondos FEDER da Unión Europea. Na súa avaliación acadou a segunda mellor cualificación de Galicia entre as case 200 solicitudes presentadas.

12/12/201808:12
Cartel da iniciativa.
Santiago de Compostela

Nativos R mostra en Compostela como coñecer se os menores fan bo uso da Rede

A operadora galega R quere lembrar que é posible unha navegación axeitada e segura entre os menores de idade e que hai unha serie cousas que as nais e os pais poden facer para garantilo. Co fin de seguir recordándoo, a empresa de cable está a desenvolver na nosa terra unha xira de actividades chamadas Nativos R. A vindeira cita será en Santiago, este 14 de decembro, en horario de 18:00 a 20:00 h, no salón de actos da aula CeMIT de Santiago (rúa Alcalde Raimundo López Pol, s/n, San Lázaro). Será impartida, novamente, por un pedagogo especializado. 

Segundo explica a compañía de telecomunicacións galega, Nativos R encamíñase a acurtar as distancias entre as persoas que naceron e medraron no ambiente dixital, por unha banda, e quen non tivo ocasión de saber para que consisten as TIC, pola outra. A idea é mobilizar os diferentes integrantes do núcleo familiar ou do tecido docente. No caso concreto da cita de Santiago, do que se trata é de coñecer cando os rapaces fan un bo uso de Internet, das redes sociais e dos móbiles, sobre todo agora nestes tempos de revolución tecnolóxica, en que os máis novos chegan a pasar tantas horas diante dos dispositivos que xa non semellan ser conscientes dos seus pros e dos seus contras, sinala R, lembrando que nestas charlas achegarásenos a clave para saber como afrontar os retos que formulan as novas tecnoloxías no día a día dos nosos fillos. Quen estea interesado acudir á cita, cuxa asistencia é libre e gratuíta, pode facelo a través do blog da operadora galega.

12/12/201807:12
R DiCo Challenge.
Santiago de Compostela

A aceleradora de contidos dixitais de R e a Amtega lanzan 5 retos tecnolóxicos a emprendedores e empresas

  • As propostas abarcan iniciativas orientadas ao enriquecemento de contidos deportivos, aplicacións para Android TV, contidos formativos innovadores, big data aplicado ao consumo televisivo e retos abertos
  • Ata o vindeiro 8 de febreiro os interesados en participar poden presentar as súas iniciativas a través da web de startups R DiCo Challenge
  • Os cinco finalistas, que completarán o programa, recibirán formación, titorización e apoio económico para materializar a súa idea
  • O compromiso entre a administración e o operador galego implica tamén a creación dun espazo Startups R na Cidade da Cultura para o desenvolvemento das iniciativas
  • Startups R Dico Challenge enmárcase no Plan Dico Mindset da Xunta para conformar un sector galego dos contidos dixitais máis maduro e competitivo

 

A Amtega e R veñen de lanzar os 5 retos do programa startups R DiCo Challenge, que xa están publicados na web da aceleradora dixital do operador galego (http://www.startupsr.com/dico-challenge). Os emprendedores e empresas novas ou consolidadas que queiran participar poden presentar as súas propostas a través do formulario habilitado neste portal ata o vindeiro 8 de febreiro.

A posta en marcha desta aceleradora, que foi presentada a finais de novembro na Coruña polo director xeral de R e a directora da Amtega, enmárcase no Plan DiCo Mindset da Xunta, para contribuír a configurar un sector de contidos dixitais galego máis potente, maduro e competitivo.
 

Os retos

O primeiro dos retos busca conseguir propostas de sistemas para o enriquecemento de contidos deportivos. Trátase de lle tirar partido ás posibilidades dos datos e de internet para conseguir experiencias intensificadas na contorna do deporte na pantalla: xogos, publicidade, sincronización con aplicacións, elección de cámara...

O segundo reto procura aplicacións para Android TV. Dunha banda, na vertente de contidos xerados pola comunidade de usuarios (por exemplo, os vídeos compartidos) e doutra, o gaming, os xogos e as competicións en streaming dende a tele.

Sobre contidos formativos innovadores vai o terceiro reto de startups R DiCo Challenge. A idea é buscar solucións para ser quen de formar aproveitando todas as posibilidades do universo dixital: realidade aumentada, simulación tridimensional, audiovisual, gaming, a televisión conectada, etc.

A Televisión de Galicia patrocina o cuarto reto da aceleradora dixital de R e fala do big data aplicado ao consumo televisivo. No medio audiovisual, os datos, a información, tamén son esenciais. Con este reto búscanse ideas para recoller, ordenar a aproveitar os datos cara un consumo televisivo intelixente que nos permita tomar “decisións informadas”.

O quinto e último é o chamado reto aberto, pensado para os máis innovadores. A única condición que se esixe neste caso é que os proxectos acheguen algo novo no eido dos contidos dixitais (realidade aumentada, ioT aplicada a contidos dixitais, ferramentas de animación...)
 

Selección de proxectos

Unha vez rematado o período de presentación de propostas, un comité de avaliación seleccionará, nunha primeira fase, 20 candidatos do total de participantes que se presenten, e nunha segunda elixiranse os 5 proxectos definitivos. Os seleccionados recibirán sesións formativas durante varios meses e terán, ademais, á súa disposición, cadanseu mentor e a axuda económica da Amtega para afrontar os gastos cotiáns durante o desenvolvemento dos proxectos.

Ao tempo, os 5 retos seleccionados no programa startups R_DiCo Challenge, que poderán utilizar o espazo startups R habilitado na Cidade da Cultura, traballarán man a man con R e terán acceso á súa infraestrutura e modelo de negocio, recibirán a formación e o acompañamento permanente dos mentores e titores de R e beneficiaranse do uso das instalacións e a visibilidade derivada de camiñar a carón do operador galego durante este tempo.

Os que opten polo reto patrocinado pola TVG contarán, pola súa banda, cun mentor e cos medios e infraestruturas da Televisión de Galicia. Ao final, e tras a mutua aprendizaxe, os elixidos terán en R un potencial primeiro cliente e un trampolín para outras saídas comerciais ao mercado.
 

Plan DICO Mindset

O programa startups R_DiCo Challenge enmárcase de xeito global nas actuacións do Plan de acción para o impulso aos contidos dixitais en Galicia, DICO Mindset, en concreto no seu eixo prioritarios de actuación E3. Colaboración e competitividade dixital.

Esta colaboración entre a administración autonómica e máis o operador galego forma parte, así mesmo, do protocolo asinado en 2013 entre a Xunta e máis R, xunto con outras 12 empresas tecnolóxicas para potenciar o desenvolvemento dixital da comunidade.

En suma, innovación aberta e colaborativa en Galicia entre os sectores público e privado con emprendedores e empresas, para lle dar saída ao talento innovador de cara á plena dixitalización e desenvolvemento da sociedade galega.

11/12/201816:12
Ovidio Rodeiro na visita ás instalacións de Talendis Interesa SL.
Santiago de Compostela

A cuarta edición do programa Conecta Peme mobilizará en Santiago e comarca 8M€ en proxectos que impulsan a innovación e nos que participan 32 empresas

  • A convocatoria deste ano contou cun orzamento que medrou un 8%, ata os 27M€ en axudas; que tamén beneficiará a 24 centros tecnolóxicos e organismos de investigación; e que xerará 72 empregos cualificados
  • O 93% das empresas beneficiarias son pemes que desenvolverán iniciativas relacionadas coa nanotecnoloxía, a enerxía e o medio ambiente ou a saúde e o benestar
  • O obxectivo é incrementar a I+D+i empresarial en Galicia primando na selección dos proxectos o novidoso das tecnoloxías xeradas e a súa capacidade para poñer no mercado novos produtos e solucións

 

A Xunta vén de resolver a cuarta edición do programa Conecta Peme que, nesta convocatoria na área de Santiago financiará 32 proxectos cun investimento público de 4,7M€ que suporán un investimento total de 8M€. O delegado territorial da Xunta, Ovidio Rodeiro, visitou, esta mañá, as instalacións de Talendis Interesa S.L., unha das beneficiarias destas axudas para informar sobre as mesmas. Esta empresa ten como obxecto a investigación industrial sobre embalaxe de madeira con madeira local.

O obxectivo desta iniciativa do goberno autonómico é incrementar a I+D+i empresarial en Galicia para o que se primou na selección dos proxectos o novidoso das tecnoloxías xeradas e a súa capacidade para poñer no mercado novos produtos e solucións que supoñan un avance significativo ou un alto impacto económico. Na provincia da Coruña esta orde de axudas chegará a 90 empresas cun investimento público de 11,4M€ para mobilizar un total de 20,3M€.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), destina nesta convocatoria un 8% máis de orzamento que na anterior, chegando aos 27M€ en axudas para beneficiar a un total de 169 empresas –o 93% pemes–, e 24 centros tecnolóxicos e organismos de investigación que xerarán 72 empregos cualificados.

Os proxectos están relacionados co desenvolvemento experimental, con potenciar a Industria 4.0 a través de proxectos de innovación en materia de organización e proxectos, e coa investigación industrial. As iniciativas aprobadas desenvolveranse ata o 2020 e executaranse nun prazo de 2 ou 3 anos.

Entre as novidades desta convocatoria destacaron, ademais do incremento do orzamento, a simplificación de trámites, a especial valoración da contratación de persoal e do potencial en canto a viabilidade e rendibilidade dos proxectos, así como o fomento dunha maior concorrencia para evitar a concentración de axudas nunha mesma empresa.

Dirixido a proxectos que contan cun orzamento de entre 500.000 euros e 1,5 millóns, Conecta Peme é unha iniciativa que pretende estimular a innovación das pemes galegas para fortalecer a competitividade do tecido empresarial galego a través da cooperación entre os diferentes axentes, xa que cada proxecto conta coa participación de entre tres e seis empresas e pode incluír unha grande empresa. Ademais, optimízase o acceso ao financiamento ás pemes galegas, favorécese a transferencia de coñecemento ao mercado e foméntase a creación de emprego cualificado.

Desde a súa posta en marcha, no ano 2013, este programa está a mobilizar 150M€ en 187 proxectos de cooperación nos que están a participar 433 empresas –o 95% pemes– e 81 centros tecnolóxicos e de investigación que están xerando a creación de 530 empregos. Este programa compleméntase con Interconnecta que, desde 2011, tamén está a favorecer o desenvolvemento de 172 proxectos –que contan cun orzamento superior aos 1,5 millóns de euros– entre grandes consorcios de empresas e centros de coñecemento coa participación de 565 empresas galegas.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS