main content

main content
11/12/201811:12
VolunCloud.
Madrid

"Voluncloud" a app para elixir o teu voluntariado

  • Varios centenares de mozos poderán probar a ferramenta durante a V Xira do Voluntariado
  • En España tan só 2,5 millóns de persoas fan voluntariado

 

A Plataforma do Voluntariado de España (PVE) lanzou a primeira ferramenta que conecta a toda a rede implicada na solidariedade: ONG, demandantes de voluntariado e persoas voluntarias. A presentación de Voluncloud (www.voluncloud.org) realízase na V Xira do Voluntariado 2018, o que permitirá que centos de mozos poidan probar a app e, sumarse á tarefa voluntaria.

En España tan só hai 2,5 millóns de persoas voluntarias, o que representa un 6,2% da poboación nacional. Tal e como declarou Luciano Poyato, Presidente da Plataforma do Voluntariado de España na presentación da App, a finalidade desta aplicación é "sumar máis persoas ao exército voluntario que estamos a construír". Na actualidade o perfil de persoas voluntarias en España correspóndese co dunha muller, de entre 25 e 34 anos, que conta con estudos superiores e ten un nivel socio-económico medio. 

Para aumentar o número de persoas voluntarias, nace Voluncloud, un espazo dixital accesible, onde desaparece o problema "de non saber onde dirixirse" xa que conecta directamente á persoa interesada coas organizacións sociais de total garantía. Desta maneira desde calquera dispositivo móbil pódese acceder a un amplo abanico de causas que solicitan axuda.

Voluncloud é unha aplicación intuitiva, moi sinxela que está dispoñible tanto para iOS como para Android. Tan só se necesíta unha conta de correo electrónico, encher os datos para darse de alta, seleccionar as áreas onde se queira realizar voluntariado e introducir a dispoñibilidade horaria. A partir dese momento, as persoas usuarias de Voluncloud terán acceso a unha multitude de ofertas de voluntariado que se adapten aos seus intereses e necesidades.

"Voluncloud é a única aplicación que garante que o voluntariado que ofrece é seguro e que cumpre cos dereitos e deberes das persoas voluntarias que establece a Lei do Voluntariado" asegurou Mar Amate, Directora da Plataforma do Voluntariado de España.

A V Xira do Voluntariado, que arrinca no Teatro Barceló de Madrid o 4 de decembro, coa actuación de Fredi Leis, Georgina e Mundo Chillón, é unha ocasión perfecta para difundir Voluncloud entre o público asistente. Durante o evento, haberá persoas que orienten ao público na procura do voluntariado que máis se adapta a cada persoa.

A Xira do Voluntariado é unha iniciativa que percorre distintas cidades españolas co propósito de promocionar o voluntariado a través da música. Nas súas cinco edicións participaron artistas da talla de Rozalén, Miss Cafeina, El Kanka, Bebe, Sidecars, Carmen Boza ou Second.

13/12/201819:00 h
1 mes 1 profesión dixital
Sede Afundación de Vigo

Conferencia «Os menores ante as novas tecnoloxías: beneficios e riscos»

O xoves 13 de decembro a Sede Afundación de Vigo acolle a conferencia «Os menores ante as novas tecnoloxías: beneficios e riscos», impartida por José Torres dentro do ciclo Educación S. XXI. José Torres, experto en seguridade e privacidade nas TIC, abordará as respostas que debe afrontar a escola ante os novos retos que se lle propoñen ao alumnado actual.

 Asistencia gratuíta, previa inscrición aquí.

A globalización e o uso masivo de Internet e as TIC depararon innumerables beneficios que están fóra de toda dúbida, mais, lamentablemente, cada día coñecemos novos casos de delitos relacionados coas novas tecnoloxías. Lonxe de criminalizar ou demonizar o seu uso, é importante ser conscientes dos riscos e perigos que implica, especialmente cando se trata dun colectivo tan vulnerable coma o dos menores. É unha responsabilidade compartida.

Temas a tratar:

  • Telefonía móbil: seguridade nos dispositivos, protección da información
  • Xeolocalización e redes wifi
  • Mensaxaría instantánea móbil: Whatsapp, Telegram, Snapchat etc.
  • Ciberacoso: tipos. Diagnóstico, tratamento e prevención do ciberacoso
  • Protección da intimidade
  • Redes sociais
  • Videoxogos
  • Tecnoadición
  • Responsabilidade dos menores e a súa protección
12/12/2018De 10:30 a 12:00 h
1 mes 1 profesión dixital
Online

Como utilizar YouTube e ter a túa propia Canle para gardar os vídeos que che interesen

Non cabe dúbida de que YouTube é un dos servizos máis utilizados da internet. Grazas a el calquera pode montar a súa propia canle de vídeo e compartir os seus intereses co mundo.

Se queres aprender a usar YouTube como todo un profesional, este é o teu curso.

Contidos:

  • Como navegar e buscar vídeos en YouTube.
  • Como subscribirse a canles do teu interese.
  • Como crear listaxes cos teus vídeos favoritos para telos sempre a man.
  • Como subir os teus propios vídeos e facelos accesibles para todo o mundo ou só para quen ti queiras.

Crea a túa propia canle e convértete nun auténtico youtuber!

10/12/201814:12
Nenos nun aula CeMIT en videoconferencia con Papá Noel.
Pontevedra

Papá Noel falará cos nenos desde Laponia, a través do soporte técnico da aula Cemit

  • Beneficiaranse deste sistema os alumnos de Vilagarcía de Arousa, Catoira e Valga

As Aulas Cemit da Xunta de Galicia en Vilagarcía de Arousa, Catoira e Valga poñerán os seus soportes técnicos a disposición de Papá Noel para que poida conversar cos nenos destes municipios desde o seu fogar en Laponia por vídeoconferencia.

O intercambio de mensaxes será dunha media hora. A actividade comezará o martes 11 ás 10 da mañá no Cemit de Valga  para os alumnos do CRA de Valga (Infantil), que se repartirán en dúas sesións, xa que haberá outra ás 12 horas o mesmo día.

A conexión de Vilagarcía de Arousa con Laponia será o martes 18 e tamén haberá dúas sesións. A primeira delas será ás 12.30 horas para os nenos do colexio San Francisco. A segunda será ás 13 horas para os alumnos do Centro de Educación Especial.

Ao día seguinte, o mércores 19, a comunicación de Papá Noel por vídeoconferencia será na aula Cemit de Catoira, ás 12.30 horas, para os alumnos do colexio Progreso.

O obxectivo desta actividade, que este ano cumpre o seu undécimo aniversario e que conta con gran interese e aceptación entre a comunidade educativa, será facilitar a comunicación entre Papá Noel e os nenos, que poderán falar un por un e interactuar con el poucos días antes de Noite Boa, cando se atendan as súas peticións de agasallos. Desta forma, estas aulas multimedia convértense nun punto de encontro e dan a coñecer todas as posibilidades que ofrece a tecnoloxía.

10/12/201809:12
Un neno con síndrome de Down utiliza un smartphone.
Madrid

A Fundación Vodafone axuda a 65.000 persoas con discapacidade a través da tecnoloxía

A Fundación Vodafone España é unha das entidades que máis traballa en lograr unha sociedade dixital inclusiva a través da tecnoloxía, e os números mostran este compromiso. No último ano, máis de 65.000 persoas con discapacidade participaron nas actividades ou utilizaron a tecnoloxía desenvolvida pola fundación.

Xa sexa a través de programas de formación, de proxectos de transformación dixital ou das aplicacións creadas pola fundación, decenas de miles de persoas beneficiáronse durante os últimos doce meses da actividade desta entidade.

En concreto, máis de 4.000 persoas con discapacidade participaron nos programas de formación en tecnoloxía, mentres que a comunidade "Conectados pola accesibilidade" chegou a máis de 2.500 persoas.

Pola súa banda, as distintas aplicacións desenvolvidas pola Fundación Vodafone España, ás veces en colaboración con outras entidades, recibiron máis de 57.000 descargas.

Con cursos como o de piloto de drons para persoas con discapacidade, ou "Yo me prep@ro", dirixido a persoas con discapacidade intelectual para formalas no uso adecuado das novas tecnoloxías, a fundación logrou mellorar a vida de preto de 65.000 persoas.

Tamén as aplicacións, como EVA Facial Mouse, Medicamento Accesible Plus, Text2sign ou TUR4all, foron ferramentas que facilitaron a autonomía e melloraron a vida de miles de persoas con discapacidade no último ano.

Unhas cifras que demostran a importancia que estas fundacións, en moitos casos ligadas a grandes empresas, teñen para impulsar a inclusión na sociedade.

10/12/201809:12
Cartel dos premios.
Madrid

Abre a convocatoria da V edición dos Premios Discapnet ás tecnoloxías accesibles

A Fundación ONCE convoca a V edición dos Premios Discapnet ás tecnoloxías accesibles que premiará ao mellor produto ou servizo baseado en tecnoloxías para mellorar a calidade de vida das persoas, á empresa, entidade ou persoa que máis destacase pola súa traxectoria na mellora da accesibilidade á tecnoloxía e ao mellor proxecto de emprendemento con impacto social para a vida das persoas con discapacidade a través das TIC.

Como novidade nesta edición, os premios terán unha dotación económica en todas as categorías. Os gañadores de mellor produto ou servizo e a mellor traxectoria de empresa, entidade ou persoa, recibirán 5.000 euros cada un, mentres que o premio ao mellor proxecto de emprendemento será de 20.000 euros, que deberán destinarse integramente ao desenvolvemento do proxecto galardoado.

 

Prazo de inscrición

Segundo informa a Fundación, tamén recibirán unha obra orixinal "dun prestixioso artista con discapacidade". Ademais, este ano, a organización dos Premios Discapnet quere fomentar a participación de candidaturas procedentes de países non hispanofalantes nesta ocasión.

As persoas e entidades interesadas en presentar a súa candidatura poden facelo ata o 14 de marzo de 2019 a través do formulario dispoñible para cada unha das tres categorías, ao que deberán engadir un resumo do proxecto en español e inglés.

10/12/201809:12
Cartel dos premios.
Madrid

A Fundación MAPFRE busca innovadores con proxectos de impacto para transformar a sociedade

  • Convoca a II edición dos Premios á Innovación Social
  • Convócanse en Europa e Latinoamérica e en tres categorías: mobilidade sustentable e seguridade viaria; e-health; e Insurtech.
  • Os gañadores recibirán 30.000 euros e os semifinalistas e finalistas, formación en competencias, asesoramento e visibilidade ante posibles investidores.
  • A convocatoria comeza o 15 de decembro e finaliza o 31 de xaneiro.

 

Por segundo ano consecutivo, a Fundación MAPFRE promove a innovación social para identificar aqueles proxectos innovadores con alta capacidade de transformación social e de impacto global, con solucións aplicables á maioría das rexións do planeta para mellorar a vida das persoas.

Dita iniciativa, que a Fundación MAPFRE leva a cabo en colaboración co IE Business School, ten como obxectivo, ademais, promover a creatividade, o emprendemento e o liderado como ferramentas para lograr un mundo máis xusto. Tamén para impulsar valores como a sustentabilidade, a igualdade e a integración, e formar aos mozos en competencias que lles permitan desenvolver os seus proxectos de maneira eficaz e os preparen para ser protagonistas do cambio social.

Mobilidade, saúde e insurtech
Investigadores, emprendedores, científicos e estudantes de universidades e escolas de negocios poderán presentar traballos enfocados a tres obxectivos: mellorar a mobilidade e a seguridade dos colectivos máis vulnerables, como peóns e ciclistas, e contribuír a reducir o impacto da contaminación nas cidades; promover a cultura da saúde, impulsar condutas saudables e contribuír a cambiar hábitos que non o son; e divulgar e transmitir a función social do seguro e o seu destacado papel na economía a través de proxectos que acheguen solucións novas a situacións concretas como a xubilación, que impulsen a cultura do aforro e a previsión social e achegar a actividade aseguradora ao cidadán.

Tres rexións
Os premios lánzanse en tres grandes rexións, Brasil, resto de Latinoamérica e Europa, onde se clasificarán os 27 semifinalistas, é dicir tres aspirantes por cada unha das tres categorías e por cada unha das rexións. A celebración das semifinais terá lugar entre os meses de xuño e xullo en México, Brasil e España, onde se clasificará un candidato por categoría que participará na gran final en Madrid, que se celebrará o 10 de outubro.

Investidores, orientación profesional e 30.000 euros
Os gañadores recibirán un premio cunha dotación individual de 30.000 euros e os semifinalistas e finalistas gozarán de distintas canles de promoción dos seus proxectos, o que os axudará a darse a coñecer. Nesta liña, recibirán apoio, orientación e axuda para comunicar e desenvolver da forma máis efectiva as súas propostas a través de mentoring para semifinalistas e coaching para finalistas. Tamén terán a oportunidade de formar parte dun plan de relacións públicas e recibir gran visibilidade ante potenciais investidores.

Economía colaborativa
Xerar ideas innovadoras de forma colaborativa e expor alternativas para solucionalas e impulsalas grazas ao intercambio de coñecemento especializado e ao apoio mutuo de innovadores de todo o mundo. É o obxectivo da Rede Innova, unha comunidade privada de innovadores sociais composta polos 27 semifinalistas da primeira edición destes premios, que a Fundación MAPFRE pon en marcha como principal novidade desta segunda convocatoria.

Os interesados poden presentar os proxectos do 15 de decembro de 2018 ao 31 de xaneiro de 2019 en: http://premiosinnovacion.fundacionmapfre.org

10/12/201808:12
Usuaria de
Madrid

A aplicación "Breaking Barriers" fai accesible calquera discurso e transfórmao en texto e braille en tempo real

  • Dous grupos de estudantes desenvolveron "Breaking Barriers", unha aplicación que converte a linguaxe oral en texto e en braille para facilitar ás persoas con discapacidade visual e auditiva a comunicación.

 

A semana pasada Telefónica presentaba a aplicación, xa que os estudantes creadores da ferramenta forman parte da iniciativa LABs do programa Talentum da operadora. Nos inicios do proxecto, a solución estaba pensada para as persoas con discapacidade auditiva, para que se puidesen desenvolver con soltura no ámbito académico, permitindo, a través da tecnoloxía, que profesores e alumnado estivesen conectados.

Pero o proxecto foi evolucionando ata o que é hoxe. Unha ferramenta que subtitula en tempo real un discurso e faino tanto en texto, para ser lido por persoas con problemas de audición, como en braille, para persoas con discapacidade visual.

 

Como pode utilizarse a aplicación "Breaking Barriers"

Segundo explica Telefónica, o uso da aplicación é sinxelo e pódese utilizar de dúas formas. Mediante unha rede wifi, a persoa cuxo discurso vai ser subtitulado conéctase á aplicación co rol de instrutor. Tras iniciarse a sesión créase unha sala privada cun contrasinal alfanumérico que se compartirá coas persoas que vaian escoitar a clase utilizando o rol de asistente. Neste caso só pode haber un rol instrutor, pero pode haber varios asistentes. Para selo, só é necesario conectarse á mesma sesión.

A segunda posibilidade é utilizalo de modo individual, cando o usuario teña a necesidade de mellorar a comunicación coa súa contorna. Desta forma, pódese usar a aplicación no día a día, podendo a persoa que o utiliza responder utilizando o teclado da súa propia pantalla ou desde a liña braille, segundo a súa elección.

"Breaking Barriers" é unha aplicación gratuíta que está dispoñible para a súa descarga en dispositivos móbiles tanto de Android como iOS.

10/12/201808:12
Club de Ciencia.
Santiago de Compostela

91 centros incorporan o programa “Club de ciencia” este curso para promover o espírito científico entre o seu alumnado

  • Trátase dunha iniciativa da Consellería de Educación ao abeiro da Estratexia galega para a educación dixital 2020 co obxectivo de fomentar as vocacións STEM (Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) entre os estudantes
  • Os Clubs desenvolveranse en 44 centros da provincia da Coruña, 28 de Pontevedra, 10 de Lugo e 9 de Ourense, que recibirán unha achega de 1.500 euros para o desenvolvemento do proxecto

 

Un total de 91 centros educativos públicos (62 máis que o curso pasado) desenvolverán durante o presente curso 2018/19 o ‘Club de ciencia’, unha iniciativa da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional que ten como finalidade estimular o espírito científico entre o alumnado galego ao tempo que impulsar as vocacións STEM (Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) cara a estudos posteriores nos campos de coñecemento do ámbito científico tecnolóxico.

Esta acción -que forma parte da Estratexia galega para a educación dixital, Edudixital 2020- desenvolverase en 44 centros da provincia da Coruña, 10 de Lugo, 9 de Ourense e 28 de Pontevedra, tal como queda recollido na resolución definitiva que pode consultarse no enderezo electrónico http://www.edu.xunta.gal/portal/node/26514 .

Os clubs, para os cales a Consellería destina 1.500 euros para cada centro, nacen como un espazo de aprendizaxe non formal baseado nunha metodoloxía de indagación onde os docentes suxiren diferentes accións enfocadas ao alumnado co obxecto de que poidan dar resposta ás súas curiosidades e aos seus intereses e resolver problemas.

Este é o terceiro ano consecutivo que se pon en marcha esta iniciativa, que arrancou como experiencia piloto no curso 2016/17 con 9 centros e que se ampliou a 29 o pasado curso 2017/18. Agora, ao abeiro da convocatoria deste ano, incorpóranse outros 62 novos centros ao ‘Club de ciencia’, o que fai un total de 91 centros de ensino público.

O obxectivo da mesma pasa por fomentar o espírito científico e a curiosidade do alumnado, o que favorece, en consecuencia, o traballo das áreas denominadas STEM (Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas), unha das prioridades da Consellería de cara aos próximos anos.

 

Aprendizaxe mediante indagación e resolución de problemas

O ‘Club de ciencia’ defínese como un espazo de aprendizaxe non formal baseado nunha metodoloxía de indagación, onde os docentes suxiren diferentes accións enfocadas aos alumnos e alumnas co obxecto de que estes podan dar resposta ás súas curiosidades e aos seus intereses, así como resolver problemas.

Neste sentido, a creación deste espazo no centro pode converterse nun escenario propicio para desenvolver estratexias metodolóxicas que promovan capacidades, coñecementos e técnicas que aumenten o interese dos participantes por saber, cada vez máis, sobre diversos campos da ciencia e as súas posibilidades de aplicación na tecnoloxía.

O proxecto ten que desenvolverse fóra do horario lectivo e nos espazos que se consideren ou habiliten do centro docente. Este horario deberá cumprir, como mínimo, unha media de catro horas ao mes, comezando a partir da concesión definitiva do proxecto, ata final do período lectivo do alumnado durante o curso 2018/19.

Esta acción enmárcase na Estratexia galega para a educación dixital 2020, Edudixital, con dous obxectivos principais que son lograr que todo o alumnado de ensino obrigatorio teña formación en robótica e programación no curso 2020/21 co fin de que, ao finalizar os estudos, acade un nivel adecuado de competencia dixital e científico-tecnolóxica. Por outro lado, tamén se pretende romper coa fenda de xénero nos estudos STEM.

10/12/201808:12
Tres vacas nunha pradeira.
Santiago de Compostela

A Xunta integra ás oficinas agrarias comarcais no novo modelo de impresión e dixitalización de documentos da administración autonómica

  • Facilita a redución do papel e complementa as medidas para dotar aos empregados públicos dun posto de traballo dixital
  • A medida implica unha renovación de equipos das 68 oficinas, homoxeneizando os modelos para unha mellor xestión, e a redución do parque de impresoras, estendendo o seu uso compartido
  • Priorízase a impresión en branco e negro e increméntase a porcentaxe de equipos multifunción para dar unha mellor resposta ás necesidades de traballo dos postos administrativos
  • A adquisición realízase de xeito centralizado a través dun acordo marco que integra tamén o mantemento e a subministración de consumibles mediante o sistema de pago por copia
  • Complementa as iniciativas que a Xunta vén desenvolvendo para acadar unha xestión dixital de todo o ciclo de vida dos documentos e dos procedementos administrativos


A Xunta avanza un paso máis na dixitalización dos servizos das Oficinas Agrarias Comarcais coa súa integración no modelo corporativo de impresión e dixitalización de documentos. Con esta iniciativa, que se completará antes de que remate o ano nos 68 centros da Rede, a Administración complementa as actuacións en marcha para adaptar os postos de traballo dos empregados públicos ás necesidades do proceso de dixitalización no que está inmersa. 

Para conseguilo aposta por un modelo de impresión e dixitalización que establece a redución de dispositivos instalados e xestionados, estendendo o uso compartido, e pola optimización de recursos a través dun sistema de compra centralizada que integra, xunto coa adquisición de equipos, o mantemento e a subministración de consumibles mediante o sistema de pago por copia.


Renovación dimensionada 
Tras unha análise previa das necesidades dos 68 centros que integran a Rede de Oficinas Agrarias Comarcais, renovaranse 174 equipos, homoxeneizando os modelos, o que simplifica a xestión e facilita o soporte en remoto destas máquinas.

O novo modelo de xestión impulsa o uso compartido dos equipos, co que as impresoras en postos individuais limitaranse para servizos de atención directa ao cidadán ou para aqueles que manexen información sensible. Ademais, priorízase a impresión en branco e negro, habilitando a impresión en cor onde se determine por necesidades do servizo.
 

Un paso máis para unha administración dixital
Esta medida complementa a renovación integral dos preto de 500 equipos de sobremesa dos empregados das 68 oficinas comarcais realizado pola Amtega en 2017, o que supuxo xa un importante pulo para facilitar o seu traballo 

É unha das actuacións do Plan de Acción de Dotación e Xestión sostible no Posto de Traballo, que desenvolve a Amtega para garantir que os empregados públicos dispoñan dos medios tecnolóxicos axeitados ás súas funcións e á prestación dos servizos dixitais para cidadáns e empresas que require o contexto actual.

O Plan complementa as iniciativas que a Xunta vén desenvolvendo desde o ano 2010 para implantar a eAdministración e acadar unha xestión dixital de todo ciclo de vida dos documentos e dos procedementos administrativos. Un proceso de transformación dixital da Administración no que se está a avanzar en dous sentidos, no incremento dos servizos dixitais para cidadáns e empresas pero tamén na dixitalización interna da Administración.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS