Queres cambiar a realidade de moitas persoas que non teñen acceso ás Novas Tecnoloxías? Cun pouco do teu tempo e coñecemento en TIC podes crear impacto social e chegar a moitos colectivos que están en risco de exclusión. Nace a nova App de Cibervoluntarios, unha ferramenta única para todas as persoas que fagan cibervoluntariado connosco. Desde a Fundación Cibervoluntarios queremos facer posible que todas as persoas teñan, por igual, a oportunidade de acceder, coñecer e utilizar ferramentas e servizos tecnolóxicos por un futuro máis inclusivo, aberto e participativo.
Agora poñémoscho aínda máis fácil coa nova APP de Cibervoluntarios, unha ferramenta para que poidas participar en todas as actividades de empoderamento cidadán que che ofrecemos. Lanzamos a versión 1.2 da APP que nun futuro irá crecendo para converterse na gran ferramenta do voluntariado tecnolóxico.
Descarga aquí a nova app de cibervoluntarios e comeza a crear impacto.
Que che ofrecemos nesta APP?
Aos poucos iremos engadindo actualizacións para que tamén se poidan dar de alta organizacións de base social, e asociacións que queiran recibir formación TIC. Nun futuro tamén poderás comunicarte cos teus compañeiros e compañeiras Cibers e crear as túas propias misións de voluntariado tecnolóxico para axudar a máis xente a coñecer como se usan as TIC. Descárgaa e comeza a crear impacto.
A cuarta edición das xornadas ‘Mulleres na ciencia’ celébrase este venres 14 ás 16.00 horas no Salón de Actos da Escola Técnica Superior de Enxeñaría. Esta é unha iniciativa que organiza a Oficina de Igualdade de Xénero da USC coa Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas en Galicia (AMIT-Gal).
O evento central das xornadas consistirá nunha mesa redonda co lema ‘Como promovemos as vocacións STEM femininas?’. Moderada pola profesora da USC Encina Calvo, intervirán Luz Castro Pena, de Imaxin Software; Soledad Torres Guijarro, da Universidade de Vigo; Joana Magalhaes, do Instituto de Investigación Biomédica; e Susana Ladra González, da Universidade da Coruña.
O investigador posdoutoral asociado ao Masssachusets Institute of Technology (MIT) Seth Benzell ofrece este venres 14 ás 13.00 horas no CiTIUS unha conferencia na que abordará os cambios previstos como consecuencia da automatización da economía e a transformación dixital, así como os seus efectos e os retos asociados á consolidación de novas tecnoloxías como a Intelixencia Artificial.
Nun contexto no que novas tecnoloxías como a robótica, a aprendizaxe automática ou o comercio dixital teñen modificado a concepción tradicional do traballo, a remuneración dos traballadores e os beneficios que perciben empresas e investidores, Benzell falará no seu relatorio ‘Novas tecnoloxías e economía: retos para os traballadores, xestores, investidores e gobernos’ sobre a natureza destas novas tecnoloxías así como das actuais liñas de investigación da economía para analizar as súas posibles consecuencias e solucións.
Doutor en economía pola Universidade de Boston, Seth Benzell estuda as relacións entre a automatización da economía, a dixitalización e as redes. Interésalle a política fiscal e a macroeconomía en xeral, e na actualidade investiga o xeito no que determinados avances tecnolóxicos (especialmente a Intelixencia Artificial) se propagan e dirixen a economía, ademais de predicir o seu impacto no mercado, os salarios e o benestar global.
Tras o éxito das edicións anteriores onde apoiamos 80 entidades, das cales 20 foron finalistas e onde se repartiron máis de 320k en axudas e premios pro bono, Ship2B e a Fundación Banco Sabadell xunto coa Fundación Juan Entrecanales de Azcárate, AFTERSHARE.TV e a Fundación PwC, lanzamos a 3ª edición de B-Value.
O programa, dirixido a entidades sociais sen ánimo de lucro que queiran ir cara a modelos de profesionalización e sustentabilidade, terá a convocatoria aberta ata o 27 de xaneiro de 2019 cando o comité de selección, composto por representantes das entidades impulsoras do programa, fará unha primeira selección de 40 entidades. Estas participarán na primeira fase "formación e conceptualización", onde concretarán a súa proposta a través dunha plataforma online de formación sobre innovación social, metodoloxía para o desenvolvemento e análise dos seus proxectos, webinars con expertos e workshops con profesionais expertos en distintas temáticas.
Para a segunda fase "desenvolvemento", o comité seleccionará ás 10 entidades finalistas para contrastar o seu proxecto con mentores, expertos e posibles colaboradores, así como traballar aspectos específicos. Ademais, participarán en workshops de traballo con profesionais de distintas áreas (finanzas, comunicación, estratexia de negocio) que os axudarán a seguir optimizando a súa proposta.
A finais de 2019, as entidades finalistas presentarán os seus proxectos no Demo Day, un evento público no que se presentarán os resultados do programa e entregaranse públicamente os premios e axudas de B-Value. Como novidade desta edición, os proxectos premiados contarán cun consello asesor, formado por mentores e expertos, co fin de seguir apoiando aos equipos finalistas tralo seu paso polo programa.
Un total de 80 entidades participaron nas dúas edicións de B-Value, programa de transformación, dirixido a entidades sen ánimo de lucro que queiran ir cara a modelos de profesionalización e sustentabilidade, impulsado por Ship2B e a Fundación Banco Sabadell xunto coa Fundación Juan Entrecanales de Azcárate, AFTERSHARE.TV e Fundación PwC.
Algunhas das entidades finalistas das dúas primeiras edicións do programa son Fundación Capacis, Videoxogos Sen Fronteiras, Música en Vea ou GUDWUD.
Viaxar e descubrir novos lugares podemos dicir que é algo que está xa ao alcance de calquera que teña conexión a Internet, aínda que se faga de forma "virtual" podemos acceder a case calquera lugar.
Neste curso veremos como utilizar diferentes aplicacións para planificar viaxes, organizar saídas con amigos e gozar de lugares que te están esperando.
Contidos:
Vive novas experiencias nas túas viaxes!
Ti tamén acodes a Internet para aprender algo que descoñeces? Este é un dos maiores usos que facemos da Rede e é por iso que con todos os contidos que podemos atopar de forma rápida converteuse nunha das fontes de consulta máis usada.
Neste curso mostraremos como atopar información de calidade na internet e como poder organizar a información para unha rápida consulta posterior.
Contidos:
Segue aprendendo a través de Internet!
A Deputación de Lugo e a Fundación Uxío Novoneyra veñen de facer balance da súa frutífera relación, unha colaboración da que xurdiron iniciativas e eventos tan salientables como o impulso ao Proxecto SILO (unha plataforma destinada a facer avanzar a integración social de colectivos en risco a través dunha fórmula á que non se lle extraeu todo o potencial que leva dentro: a das literaturas europeas, incluída a galega) ou o curso sobre os novos vieiros da edición do que falamos recentemente. Onte, a deputada de Cultura Pilar García Porto informou que a dita colaboración fixo que a Fundación Uxío Novoneyra converteseuse na entidade cultural que máis proxectos europeos desenvolve en Galicia.
Fíxoo nun encontro co xerente da fundación, Uxío Novo Rey, no que deron conta das actividades que dita asociación desenvolveu durante este ano, financiadas con 20.000 euros da Deputación, e nas que participaron de xeito gratuíto unhas 1.500 persoas.
García Porto explicou que “grazas a esta colaboración da Deputación, a Fundación puido desenvolver durante o 2018 ducias de actividades de carácter cultural coas que dinamizar a nosa provincia”. Segundo engadiu, ao abeiro das mesmas puidéronse levar a cabo obras de mantemento e mellora na casa-museo do poeta, amais de impulsar proxectos de innovación cultural como o proxecto Creative Europe SILO (Operacións Literarias Socialmente Inclusivas), que conta con financiamento europeo e que, como dixemos máis arriba, é un programa de tres anos para levar a literatura a pequenos núcleos rurais da provincia, e outros colectivos vulnerables. García Porto, no seu balance, tamén recordou a cuarta edición do Festival dos Eidos, en Folgoso do Courel, “unha iniciativa de ocio pero tamén formativa, que dinamiza a vida cultural da comarca, cunha filosofía moi concreta sobre ensino permanente a través da literatura”.
Novo Rey, que agradeceu a “constante colaboración do Goberno da Deputación coa fundación”, puxo como exemplo o “éxito do Festival dos Eidos”, no que participaron ao redor dun milleiro de persoas.
Outras iniciativas
No marco das colaboracións entre a Fundación Uxío Novoneyra e a Deputación, realizáronse outras actividades. Entre elas, destacan o devandito curso de edición de novas tendencias literarias que se celebrou entre abril e maio de 2018 no Obradoiro do Libro do CENTRAD, e que contou con escritores e editores galegos, co que os 20 participantes recibiron formación técnica e tecnolóxica e realizaron unha antoloxía de nova poesía luguesa, así como unha mostra expositiva da evolución dos soportes-libro.
Tamén se realizaron traballos para o desenvolvemento do Arquivo Novoneyra, co fin de adaptalo ao programa PARES do Ministerio de Cultura, sendo, en palabras das dúas entidades lucenses, o único arquivo galego (e o único dun escritor) que o conseguen.
Programas para 2019
En 2019, a Fundación Uxío Novoneyra, en colaboración coa Deputación, desenvolverá outros dous proxectos europeos: O Erasmus+ KA2, un programa de capacitación de mozas e mozos rurais para a súa formación como guías turísticos do seu patrimonio inmaterial en países europeos, en Vietnam e no Brasil; e o Le Flocon Build, que formará aos asistentes na rehabilitación do patrimonio rural coa técnica da pedra seca, recentemente declarada Patrimonio Inmaterial da Humanidade. No ámbito da literatura, continuaranse os traballos de tradución ao francés do ensaio Os Soños Teimosos de Novoneyra e que xa se presentou na súa edición inglesa no festival Winter Warmer de Cork.
Dende o pasado mes de outubro está operativo en Ribeira un innovador centro para o lecer e a formación da mocidade local. Estamos a falar do Espazo Xuvenil, emprazado no segundo andar do Mercado Municipal e posto en marcha polas concellerías de Xuventude e de Cultura. A idea, como dixemos, é a de xuntar dúas vertentes que non teñen por que estar contrapostas: por unha banda a vertente capacitadora (extraendo con obradoiros innovadores o talento que a mocidade leva dentro) e, pola outra, a vertente do ocio e o divertimento. A iniciativa, que vai dirixida a rapazas e rapaces de entre 14 e 19 anos, ten horario de 17.00 a 22.00 horas e, polo de agora, está funcionando os venres, sábados e domingos. Estes meses de novembro e decembro, o programa do Espazo Xuvenil fortaleceuse cunha serie de obradoiros sobre deseño e impresión, stop-motion, artes plásticas e creación audiovisual.
As actividades, todas elas de balde, responden directamente ás demandas e suxestións dos usuarios, seguindo a filosofía do propio Espazo Xuvenil, que tamén foi impulsado a raíz dunha serie de enquisas feitas nos centros educativos locais sobre as principais necesidades da mocidade ribeirense.
O mes de decembro (até o día 9) comezou co Obradoiro Aberto de Deseño e Impresión, destinado a brindar aos asistentes a oportunidade de achegarse á imaxe virtual e a todas as posibilidades da creacións 3D. O curso contou cunha máquina de prototipado (impresora 3D) coa que facer realidade os devanditos obxectos.
De maneira simultánea e co mesmo horario, desenvolveuse o Obradoiro de Stop Motion, que introduciu aos participantes na técnica de animación visual do mesmo nome, consistente en aparentar o movemento de obxectos estáticos mediante unha serie de imaxes fixas sucesivas. O taller tamén incluíu o deseño de decorados, elaboración e xeración de movemento dos personaxes ou, incluso, a dobraxe.
Na segunda quincena de decembro (días 15, 16, 22, 23, 29 e 30) haberá un Obradoiro Aberto de Artes Plásticas impartido por Lucía Romaní. Segundo informan os responsables do Centro Xuvenil, empregarase na actividade formativa todo tipo de materiais da contorna (elementos de refugallo, mesas e cadeiras…) para “xerar unha linguaxe artística”.
Accións en novembro
O novo Espazo Xuvenil aberto por iniciativa do Concello alcanzou en novembro o seu segundo mes de andaina cun obradoiro de fotografía e outro de iniciación á curtametraxe. O primeiro equipou ás mozas e mozos participantes de todo preciso para poder rodar un filme, rematando a liña formativa, o 30 de novembro, cunha gala (Alfombra vermella) de estrea na que se presentaron as películas gravadas.
O obradoiro de fotografía, pola súa banda, formou aos rapaces nas principais características da fotografía analóxica e dixital, nas técnicas de composición, enfoque e encadre, na fotografía con móbiles, no retoque dixital e na fotomontaxe. Ao rematar cada xornada os participantes puideron proxectar as súas capturas no propio Espazo Xuvenil.
Outra das actividades levadas a cabo estes días foi unha viaxe de aventura aos Canóns do Sil, que incluíu aloxamento no Esgos YouthHostel, unha visita ao mosteiro de San Pedro de Rocas, unha xincana con GPS, unha ruta a pé polas pasarelas do río Mao e maila visita aos Canóns.
Ademais das actividades organizadas cómpre lembrar que o Espazo Xuvenil está dotado doutras propostas para o lecer dos seus usuarios, tales como xogos, mesas de traballo, ordenadores, espazo Wi-Fi, set de DJ, libros e moitos outros elementos.
A Xunta puxo en valor onte os premios do concurso Eduemprende Idea 2018, que se entregaron na Cidade da Cultura, destacando que son un estímulo ao talento que é o que está a cambiar a economía e a forma de traballo nas empresas. Os conselleiros de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, e de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, participaron onte no acto no que incidiron na importancia de apostar polo talento e a creatividade porque marcarán o camiño de Galicia e o seu posicionamento no futuro.
Os representantes do Goberno autonómico resaltaron a calidade dos proxectos presentados a estes galardóns vinculados todos eles a sectores produtivos, lembrando a necesidade de seguir apoiando o emprendemento desde a base do sistema educativo para que a cultura emprendedora empece a xurdir desde as primeiras etapas educativas. De feito, sinalaron que con esta iniciativa da Xunta, o emprendemento se converte nunha materia máis da Formación Profesional. Estes premios posibilitan aos gañadores incorporarse a calquera dos viveiros de empresa da Consellería de Educación e contar co asesoramento do IGAPE para materializar as súas ideas de negocio.
Conde destacou o talento da mocidade galega apuntando á importancia da innovación para diferenciarse. Así mesmo, afirmou que o talento é a forza motriz da economía e, por iso, recordou que a Administración autonómica ten en marcha o programa Talento 2021 para captar novos profesionais para Galicia e para que os rapaces e rapazas conten coas ferramentas necesarias para desenvolver as súas capacidades. En palabras do titular de Economía, sen talento é imposible emprender en Galicia. Neste senso, recordou que a rede de aceleradoras StartIn Galicia é unha plataforma onde se desenvolven preto de 900 proxectos innovadores dos sectores estratéxicos da economía galega.
Para apoiar o talento e a innovación, Conde tamén puxo como exemplo a nova Estratexia galega de economía social que cun orzamento de 73 millóns fomentará a creación de 300 novas entidades e 3000 novos empregos. Dous dos proxectos gañadores optaron pola fórmula da cooperativa para emprender.
Pola súa banda a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, destacou a importancia de «educar o espírito emprendedor desde as etapas máis temperás» e a responsabilidade da Administración de ofrecer as ferramentas necesarias para que os máis novos sexan capaces de converter as súas ideas en proxectos reais. Este é o caso das iniciativas recoñecidas onte cos Premios Eduemprende Idea 2018, uns galardóns que buscan estimular a participación activa do alumnado no deseño de iniciativas innovadoras e creativas, que favorezan o emprendemento e que capaciten para o desenvolvemento de proxectos empresariais.
«Queda claro que tedes capacidade e potencial sobrados para convertervos en emprendedores reais», afirmou Carmen Pomar en referencia ás alumnas e alumnos premiados, a quen desexou o mellor dos éxitos. Así mesmo a conselleira agradeceu a implicación do profesorado que axudou a dar forma aos proxectos, así como ás familias por exercer de soporte no día a día.
Un total de 15 alumnos e alumnas recolleron onte o Premio Eduemprende Idea 2018 dos centros integrados de FP As Mercedes de Lugo e de FP Someso da Coruña; e dos IES de Valga, Montecelo (Pontevedra) e Rodeira (Pontevedra). Os proxectos galardoados foron: Radis Radón Innova Solución sobre a medición do radon; Suevia, un negocio de conservación, mantemento e restauración de estruturas metálicas; Processvet, un laboratorio de anatomía patolóxica veterinaria; Minerva, unha aplicación móbil e unha web onde deseñar camisetas personalizadas; Aura, unha cooperativa dedicada á estética e á imaxe de persoas con necesidades específicas; e Quantum Cines, unha cooperativa para instalar unha sala de cine e exhibición de eventos en Cangas.
A Fundación Cibervoluntarios e a Fundación AEB, da Asociación Española de Banca (AEB), poñen en marcha "Expertclick", un programa de formación no uso de novas tecnoloxías para maiores de 55 anos residentes en zonas rurais.
Na primeira fase do plan formarase a 200 persoas do ámbito rural a través de 25 programas que constan dun total de 50 talleres, nos que se fará fincapé no uso de dispositivos móbiles. En 2019, o plan prolongarase para estender a formación a maiores de toda España.
Este proxecto, que responde á análise do acceso, os usos e as demandas das persoas maiores na rede, persegue capacitar a este colectivo en habilidades dixitais para que naveguen con seguridade e confianza por Internet e poidan realizar operacións cotiás, especialmente as relacionadas coa sanidade, as administracións e a banca online. Segundo o Instituto Nacional de Estatística (INE), o aumento no consumo de tecnoloxía entre os maiores de 65 anos vén da man das tabletas. Só un 13,2% dos maiores contaba cun destes dispositivos en 2015, proporción que se eleva ao 42% en 2016. Este segmento de idade xa se atopa por encima da media no uso de tabletas para operacións coas administracións e os bancos.
"Os maiores de 55 anos deben ser un axente clave para o desenvolvemento da sociedade na nova era dixital e queremos contribuír a que despreguen o seu potencial a través deste tipo de formacións. Así aumentaremos a súa participación social online en beneficio de toda a sociedade", indicou a presidenta da Fundación Cibervoluntarios, Yolanda Rueda.
"O noso fin é achegar ás persoas maiores as ferramentas necesarias para que poidan aproveitar plenamente as vantaxes que as novas tecnoloxías brindan para aumentar a súa calidade de vida", asegurou o portavoz da AEB, José Luis Martínez.