main content

main content
20/02/201919:02
Participantes na xornada.
Santiago de Compostela

Francisco Conde recibe á firma gañadora do reto de Coren en Galicia Open Future

Hoxe celebrouse en Santiago unha xuntanza arredor da edición 4.0 de Galicia Open Future, a iniciativa galega de crowdworking e aceleramento de iniciativas innovadoras de Telefónica e a Xunta. Na cita participaron o conselleiro de Economía, Francisco Conde, o director do Territorio Norte de Telefónica, Javier Zorrilla, o director de I+D+i do Grupo Coren, David Robledo, o director de Novas Tecnoloxías en Produción da cooperativa agroalimentaria, Fernando Pomares, a directora de GAIN, Patricia Argerey, e máis o director executivo (CEO) de Ymaging, Iván Amat. Segundo lembraron aos medios, Galicia Open Future 4.0 concibiuse en base a unha serie de retos lanzados ás empresas galegas para resolvelos con solucións tecnolóxicas concretas. Un destes desafíos foi guindado por Coren. A empresa que gañou a proposta foi Ymaging, precisamente. 

Ymaging, para quen non o saiba, é unha nova firma barcelonesa especializada no desenvolvemento de sistemas para a interpretación automatizada de datos complexos, contando con experiencia para clientes de diferentes sectores como a biomedicina, a xeofísica ou a agricultura intelixente (smart farming).

A finalidade da xuntanza foi compartir co conselleiro, en detalle, as características do reto e as solucións expostas para Coren por Ymaging. Por certo que a proposta achegada por Coren é a terceira proposta lanzada ao abeiro da Edición Retos Industria 4.0 de Galicia Open Future, logo das contribucións de Pescanova e FINSA, resoltas por Deicom e Conexiona.

A solución que buscaba a compañía do sector agroalimentario (Como poden as novas tecnoloxías axudar a optimizar o proceso de cebo do porco?) enmárcase na dixitalización e optimización dos seus procesos na área porcina. En concreto, Coren pretende desenvolver a captura de datos e malia identificación dos animais, así como facer máis eficiente o seu proceso de pesado. O obxectivo, nas súas palabras, “é buscar solucións innovadoras que melloren a identificación e pesado dos animais, mediante un método que permita rexistrar datos de interese sobre cada exemplar de modo áxil e unívoco”. Isto permitirá á cooperativa galega obter información de valor para os seus procesos de traballo, logrando mellorar accións como a marcaxe dos animais e a estimación sobre cando alcanzará o peso óptimo. 

Ademais de Ymaging, elixíronse ademais tres finalistas: a alianza Torusware e Biostatech, o Centro Tecnolóxico Gradiant e Merasys. 

A selección do gañador e os finalistas foi efectuada por un comité de avaliación, tendo en conta como principais criterios o problema que resolve, o grao de adecuación da proposta ao reto que se expuxo, a adicación do equipo e o tempo de posta en marcha da solución.

Ymaging, logo de ter sido elixida a súa proposta, obterá unha axuda da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN), de 20.000 euros para a posta en marcha do proxecto piloto. Ademais, tanto o gañador como o tres finalistas poderán acceder a un programa de aceleración dentro do ecosistema Open Future de Telefónica, e recibirán, ao finalizar, un patrocinio de 10.000 euros, achegado por GAIN, como recoñecemento ao seu esforzo innovador. Transcorrido o tempo de aceleración, seleccionarase ao mellor do tres finalistas, que recibirá unha axuda adicional de 10.000 euros achegada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).

Amais das achegas económicas directas, Xesgalicia concederá ao proxecto gañador un préstamo reembolsable pola cantidade de diñeiro investido para a posta en marcha do piloto nas empresas, até un máximo de 100.000 euros. Ademais, poderá conceder aos finalistas un préstamo reembolsable de até 50.000 euros.

20/02/201919:02
Participantes na xornada.
Santiago de Compostela

A Xunta avanza na construción da Memoria Dixital de Galicia

A Memoria Dixital de Galicia, impulsada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Consellería de Cultura e Turismo avanza na conservación e universalización do patrimonio galego coa dixitalización dos fondos documentais de vinte entidades públicas e privadas sen fins de lucro, beneficiarias dunha liña de axudas da Xunta.

A Biblioteca da Cidade da Cultura acolleu hoxe unha xornada de traballo na que unha trintena de profesionais das entidades beneficiarias coñeceron da man dos técnicos das áreas de Arquivos, Museos e Bibliotecas da Administración autonómica os requisitos e protocolos para a dixitalización dos seus fondos documentais e a súa futura incorporación a Galiciana. O encontro foi inaugurado pola directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, e o secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Manuel Vila.

20/02/201908:02
Unha moza coloca a súa audífono na posición T para conectarse ao bucle magnético.
Valladolid

A tecnoloxía para achegar ás persoas con discapacidade auditiva á ciencia

O bucle magnético é unha tecnoloxía fundamental para facilitar a accesibilidade de espazos culturais a persoas con discapacidade auditiva que utilizan audífonos ou implantes cocleares.

Por esta razón, o Museo da Ciencia de Valladolid decidiu instalar este sistema en boa parte das súas instalacións, co obxectivo de que as persoas usuarias destes dispositivos poidan gozar e aprender dunha forma máis accesible.

En concreto, este sistema que mellora a captación dos sons aos usuarios de audífonos e implantes está situado na zona do planetario, no auditorio e na recepción, xa que son as áreas nas que se considera que é máis necesario unha boa comprensión das explicacións.

Así, recibirán dunha forma máis nítida o son das proxeccións no planetario e das conferencias e actividades que se desenvolvan no auditorio. Ademais, poderán manter unha comunicación máis clara cos traballadores do museo situados na recepción.

Desde o seu nacemento no ano 2003 o Museo da Ciencia de Valladolid tivo en mente a accesibilidade das súas instalacións e das actividades que nelas desenvólvense baixo o plan "Ciencia con diferenza", que desde entón aglutina as iniciativas que tratan de achegar o museo ás persoas con discapacidade.

20/02/201908:02
Presentación da iniciativa.
Santiago de Compostela

A Xunta impulsa a transformación do tecido produtivo galego a través do programa Fábrica Intelixente

A Axencia Galega de Innovación (GAIN) acolleu onte pola mañá unha xornada de presentación da terceira edición da convocatoria do programa de Fábrica Intelixente, que ten aberto o primeiro prazo de solicitude ata o vindeiro 8 de marzo. No taller expúxose a experiencia da empresa Cupa Innovación, beneficiaria desta orde na convocatoria do ano 2018, e presentáronse as principais características da liña de axudas.

No peche, a directora de GAIN, Patricia Argerey, apuntou que Galicia conta con grandes capacidades en sectores tractores da economía como a automoción e o téxtil, e que se están creando novos sectores como o aeroespacial e potenciando sectores altamente tecnolóxicos como a biotecnoloxía. Subliñou tamén que se fai preciso poñer en marcha medidas que fomenten a transformación do tecido produtivo cara modelos de negocio baseados na innovación e na tecnoloxía para ser competitivos nun mercado cada vez máis globalizado. Neste senso, Patricia Argerey subliñou que as tecnoloxías facilitadoras esenciais e a Fábrica do Futuro son clave. Para apoiar proxectos estratéxicos de I+D+i que permitan avanzar cara un novo modelo industrial de futuro para Galicia lanzouse esta convocatoria que, nesta edición, está dotada con 12,7 millóns de euros e coa que se espera mobilizar preto de 31,3 millóns de euros.

As principais novidades de 2019 perseguen fomentar a participación das PEME: redución do orzamento mínimo dos proxectos de 4 a 2 millóns de euros; aumento do prazo de execución dos proxectos de 3 a 4 anualidades; e establecemento de dúas datas de corte ao longo do ano para adaptarse mellor aos tempos das empresas; entre outras. Mantéñense dúas características fundamentais dos proxectos: que deben ser estratéxicos para Galicia, producindo un efecto tractor nos ámbitos máis destacados da economía galega; e facer un uso intensivo das tecnoloxías facilitadoras para obter procesos e produtos de alto valor engadido. Argerey destacou que este programa se inscribe na Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3) que ten como un dos retos prioritarios aumentar a intensidade tecnolóxica da industria galega para avanzar cara un novo modelo industrial baseado na innovación e na Axenda Industria 4.0.

Os destinatarios destas axudas son empresas de calquera tamaño capaces de liderar proxectos de I+D+i de carácter estratéxico e organismos de investigación en colaboración con empresas, ambos con centro de traballo permanente en Galicia. O tipo de proxectos financiables son proxectos de I+D individuais ou en colaboración entre varias empresas que pertenzan ao mesmo grupo e organismos de investigación e proxectos de innovación en materia de procesos ou organización, individuais ou en cooperación entre empresas como máximo de dous grupos empresariais sendo unha delas unha PEME. A intensidade das axudas poderá chegar ata o 80%, dependendo do tipo de proxecto e de empresa. Outros requisitos esixibles para acceder á convocatoria son: ter un orzamento mínimo de 2 e máximo de 10 millóns de euros; unha duración mínima de 3 anualidades e máxima ata o 30 de xuño de 2022; ser estratéxicos e ter un efecto incentivador; e facer un uso intensivo das tecnoloxías facilitadoras esenciais. Establécense dous prazos de presentación de solicitudes: ata o 8 de marzo e ata o 31 de xullo de 2019.

20/02/201908:02
Pantallazo da web GaliciaLe.
Santiago de Compostela

Medran os lectores ao abeiro da plataforma GaliciaLe

Os días pasados, na Biblioteca e Arquivo de Galicia e presidida polo director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo, celebrouse a xuntanza do Consello de Cooperación Bibliotecaria. Na reunión desenvolvida en Santiago constatouse un importante crecemento do número de persoas que tiran proveito das ferramentas TIC da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia (Consellería de Cultura e Turismo). Máis polo miúdo a plataforma GaliciaLe.

Entre os puntos cruciais do día figuraba a presentación da memoria anual da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, na que se deu conta dos novos rexistros e incorporacións á mesma: a de Beariz, a de Antón de Pepiño de Curtis e a de Barreiros. Outro dos puntos principais foi o impulso ao programa de dinamización da lectura Ler Conta Moito, que contará este ano cun orzamento de 345.000 euros, 150.000 máis que no exercicio anterior. Ademais, fíxose saber que as coleccións das bibliotecas públicas recibiron en 2018 a incorporación de 13.700 exemplares de novidades en galego, correspondentes a 426 títulos.

Como dixemos, tamén houbo novidades relativas á plataforma para o préstamo de libro electrónico nas bibliotecas, a plataforma GaliciaLe. Segundo se fixo saber, trátase dun servizo “cada vez máis consolidado entre as usuarias e usuarios das nosas bibliotecas, e proba diso é o medre no número de préstamos”. O informe presentado no Consello de Cooperación Bibliotecaria sinala que en 2018 houbo un 46% máis de lectores no catálogo de galego e un 67% máis no de castelán. No Consello explicouse que entre as razóns deste incremento figuran o fortalecemento da colección dos dous catálogos, que teñen máis títulos, licenzas e formatos. A isto cómpre engadir as accións de difusión levadas a cabo pola Consellería de Cultura e Turismo, baixo o lema A biblioteca vai contigo, e polo Ministerio de Cultura e Deporte.

19/02/201913:02
Robot de CreaR.
Carballo

A nova andaina de CreaR colle impulso este sábado en Carballo

R retoma nesta recta inicial de 2019 o proxecto educativo-tecnolóxico CreaR, dirixido a pequenos (mostrándolles os beneficios estimularen as súa capacidades pola vía da programación, a robótica e a Intelixencia Artificial) e maiores (achegándolles recomendacións, pautas e claves para teren unha alfabetización dixital axeitada e garantirlla, tamén, á xente máis nova). A nova andaina do programa comeza o sábado 23 no Fórum de Carballo. Até final de ano haberá máis obradoiros de robótica e charlas didácticas noutras localidades galegas co alicerce das bondades que as novas tecnoloxías nos ofrecen se facemos un bo uso delas.

A nova etapa de CreaR, incluída a cita de Carballo, inclúe varias vertentes. En primeiro lugar, retómanse os obradoiros de robótica para nenas e nenos de entre 7 e 12 anos, cos que se quere “potenciar a creatividade dos cativos, espertar o seu espírito emprendedor e adestralos en habelencias como o traballo en equipo ou a oratoria”. Segundo informa R, o proxecto temático destas novas xeiras será a programación e construción dunha cidade, incluíndo cousas como un coche con plastilina condutiva (con luz de seu), un semáforo programado ou unha barreira de acceso. Estes obradoiros terán dúas horas de duración e neles terán cabida un máximo de 30 nenas e nenos.

“O noso obxectivo”, explican dende R, “é achegarlles unha experiencia divertida para gañaren en seguridade e dar saída ao seu talento”. Ao carón disto, porase o foco nos valores do emprendemento e nos alicerces dos conceptos STEAM: ciencia, tecnoloxía, enxeñaría, arte e matemáticas. Para desenvolver ao máximo os ditos obxectivos, a operadora volverá contar coa colaboración da escola Líbolis Pequenos Emprendedores e o seu innovador método educativo. Por certo, que os obradoiros CreaR tamén terán contidos para nais, pais e docentes, que poderán escoitar (mentres a rapazada se divirte e crea) consellos dun pedagogo especializado para resolver dúbidas sobre a educación dos que si naceron na era dixital; e sobre o bo uso que adolescentes e millennials poden facer da internet e das redes sociais. Estas charlas sobre temas diversos desenvolveranse en espazos adxacentes aos talleres CreaR e están pensadas para un máximo de 40 persoas. Pilotando as sesións estará o equipo de Sherpa Digital, resolvendo dúbidas sobre a contorna dixital.

Como dixemos, os obradoiros e as charlas do programa CreaR arrincan a súa andaina este 23 de febreiro en Carballo, e de aí até o final de ano visitarán tamén as localidades de Vilagarcía de Arousa, Ourense, Monforte de Lemos, Nigrán, A Coruña, Pontevedra, Ribeira e Narón. O proxecto educativo CreaR está aberto ao público xeral, tanto a clientes como a non clientes do operador galego. Tan só é preciso contar con algún dos convites que R porá a disposición da xente nos puntos de venda das localidades onde se celebre a acción cada mes. Os obradoiros enmárcanse no programa Digitalent 2020 da Xunta (a través da axencia AMTEGA) para estimular o talento precoz no ámbito das TIC e fomentar vocacións nas profesións científico-tecnolóxicas especialmente entre mozos e mozas dende idades temperás.

19/02/201911:02
Acordo ONCE - Microsoft.
Madrid

Microsoft incorpórase ao Padroado da Fundación ONCE

A empresa Microsoft formará parte do Padroado da Fundación ONCE, segundo acordou o máximo órgano de goberno da entidade, reunido este luns en Madrid. Esta incorporación enmárcase na estratexia fixada pola organización para impulsar a innovación como panca de integración das persoas con discapacidade.
 
A reunión estivo presidida por Miguel Carballeda, ratificado como presidente da Fundación ONCE. Tamén foron ratificados nos seus cargos Alberto Durán, como vicepresidente executivo, e José Luis Martínez Donoso, no posto de director xeral da entidade. Ademais, o encontro contou coa participación de Carlos de la Iglesia, director de Comunicación e Desenvolvemento Corporativo de Microsoft Ibérica, compañía que asumirá a representación das empresas en substitución de Pelayo Mutua de Seguros. 
 
A incorporación de Microsoft ao máximo órgano de decisión da Fundación ONCE ten que ver coa aposta da entidade por impulsar a innovación e a tecnoloxía como elementos facilitadores para conseguir a plena inclusión social e laboral das persoas con discapacidade.
 
Ao finalizar a reunión, os membros do Padroado tiveron a oportunidade de asistir a unha conferencia de Pedro Moneo, fundador de Opinno e editor das revistas do MIT e Harvard Business Review en español. Moneo achegou a súa visión sobre a importancia da innovación e a transformación das organizacións para poder dar resposta ás necesidades de todas as persoas.
 
Na última reunión do Padroado da Fundación ONCE, que tivo lugar no pasado mes de decembro, aprobouse unha actualización do Plan Estratéxico 2018-2021 co obxectivo de fortalecer a innovación e a aposta polo I+D+i.
 
Deste xeito, a presenza de Microsoft reforza a aposta de Fundación ONCE por impulsar a innovación e a tecnoloxía, ferramentas que deben facilitar a inclusión social e laboral plena das persoas con discapacidade.
 
Precisamente, este impulso producirase de forma transversal e terá sempre o obxectivo de poñer ás persoas con discapacidade no centro da innovación. Así, promoveranse estratexias de impacto que axuden a que a información sobre produtos de apoio e solucións tecnolóxicas de accesibilidade chegue de forma efectiva aos usuarios.
 
A Fundación ONCE estudará tamén a posta en marcha dun programa de intercambio de profesionais con outras organizacións nacionais e internacionais do ámbito da innovación, o emprendemento social e/ou a accesibilidade co ánimo de coñecer outras experiencias. 
 
Por último, no presente exercicio lanzarase un programa de contidos, accións e proxectos de capacitación para o emprego nas profesións dixitais dirixido a persoas con discapacidade. Este programa chega tras a fase piloto da Academia Dixital, un proxecto posto en marcha pola Fundación ONCE en 2018 co obxectivo de formar en novas tecnoloxías a mozos con discapacidade e que, nesta etapa, finalizaron un total de 120 alumnos.
19/02/201908:02
Presentación de Suprime o Control.
A Coruña

Suprime o Control achega obradoiros, concursos e un servizo de asesoría por Whatsapp

A violencia machista, como boa parte dos problemas máis graves que nos afectan, pode ter boa parte do seu remedio na educación, na concienciación e na sensibilización, e todo dende as idades máis temperás. Esta é a fórmula da páxina web Suprime o Control, que impulsa a Deputación da Coruña e que estes días colleu novos azos coa ampliación do programa Suprime o Control. As novas actividades foron presentadas pola responsable da área de Benestar Social e Igualdade da entidade provincial, Ánxela Franco. Haberá obradoiros (en once centros de ensino de Ferrol, Eume e Ortegal) e un certame de microrrelatos. Amais, poténciase o servizo de asesoramento por WhastApp. 

As actividades desenvolveranse no IES Cabo Ortegal, IES de Ortigueira, CPI DE Atios, CPI San Sadurniño, IES de Mugardos, IES As Mirandas, CPI A Xunqueira, IES de Fene, IES Fernando Esquío, CPI Virxe da Cela, IES Punta Candieira. Segundo fixo saber Franco, nos obradoiros, que constan de tres sesións, trabállanse contidos relacionados coas relacións afectivo sexuais como as actitudes e condutas de control e aquelas formas de violencia de xénero máis sutís como os micromachismos, o papel das novas tecnoloxías nas relacións entre iguais, a diversidade afectivo sexual, a resolución de conflitos pacífica, os diferentes tipos de violencia sexual, os mitos do amor romántico e a influencia dos medios de comunicación na súa reprodución, etc. 

Estas accións enmárcanse na terceira edición de Suprime o Control, un programa quen pon o foco na educación en igualdade e na prevención de condutas machistas no ámbito educativo, ademais de fomentar a igualdade entre rapazas e rapaces. Un total de 680 alumnas e alumnos dos 11 centros educativos participan nesta nova fase do programa. Amais dos obradoiros devanditos, a nova edición de Suprime o Control incorpora outras actividades de interese, como un concurso de microrrelatos (que premiará a mellor contribución coa súa adaptación a formato audiovisual) ou un servizo de asesoría por Whatsapp, que está en activo dende comezos de curso e que permite aos rapaces e rapazas resolver anonimamente e con total privacidade as súas dúbidas sobre a devandita problemática e faceren consultas sobre violencia de xénero ou sobre o programa Suprime o Control. 

De cara aos meses de abril e maio organizaranse encontros coas familias en cada un dos centros participantes. O programa socioeducativo para a prevención da violencia de xénero Suprime o Control da Deputación da Coruña ten por obxecto ofrecerlle ao alumnado de 3º e 4º da ESO, ás súas familias, e ao profesorado, ferramentas coas que traballar pola construción de identidades igualitarias, facendo unha especial crítica ás violencias machistas na adolescencia e á súa reprodución por medio das redes sociais ou produtos audiovisuais. Todas as novidades e calendarios das diferentes actividades de Suprime o Control, poden consultarse na web propia do programa.

19/02/201908:02
Presentación de Coruña Hacks Mini.
A Coruña

Os makers máis novos terán espazo de seu nos Coruña Hacks

Queriamos quedadas sobre tecnoloxías abertas e construtivas? Pois ímolas ter, e por partida tripla. Así, en tres tempos, é como veñen este ano os encontros Coruña Hacks, que estrean en marzo unha nova edición coa devandita novidade e, tamén, coa incorporación dun formato mini para a nova xeración de argalleiras e argalleiros (a celebrarse de maneira paralela e complementaria). Como lembraremos, Coruña Hacks vén da man dos colectivos GPUL, Coruña Developers e Árticos. Serán tres hackatons, os segundos sábados de marzo, abril e maio. 

Ao seu abeiro seguirase en parte a fórmula de costume: desenvolveranse proxectos libres co obxectivo de dar respostas, tecnolóxicas, a demandas sociais concretas. Ou sexa, trátase de impulsar os recursos dixitais para o ben o común. A maiores, haberá unha gala final con premios para os mellores proxectos. Apoiando a iniciativa atópase novamente o Concello da Coruña, que deu o seu respaldo a estes obradoiros dende as súas orixes (a través de Coruña Dixital e da Área de Participación e Innovación Democrática). Segundo lembran as entidades organizadoras, Coruña Hacks é unha proposta aberta a todas as persoas que teñan a arela de experimentar coa tecnoloxía, dando forma a novos programas e servizos de utilidade común e afondando en detalles relacionados co hardware libre. A primeira xeira será no Centro Ágora e nela poderase debater sobre que proxectos se traballará e constituír os equipos coas persoas inscritas

Como dixemos, unha das grandes incorporacións deste ano son os formato mini, a través de Coruña Minihacks, unha proposta para rapaces de entre 8 e 16 anos que se desenvolverá os mesmos días que a versión adulta, aínda que moitas menos horas por xornada. Segundo informan os colectivos organizadores, nas sesións as participantes poderán programar historias, aplicacións ou videoxogos, co único requisito de poder levar un ordenador portátil.

19/02/201908:02
Reunión de Abel Caballero con Vodafone.
Vigo

O Concello de Vigo e Vodafone xuntan forzas para lograr que Vigo sexa un referente en 5G

Vigo quere ser un referente en tecnoloxías avanzadas de telecomunicación e deste propósito xa temos exemplos, como a súa candidatura ao Plan Nacional de Territorios Intelixentes, un programa para equipar as cidades de máis de 200.000 habitantes con tecnoloxías smart (Internet das Cousas, ferramentas de xestión e comunicación propias das Cidades Intelixentes, tecnoloxías 5G). Estes días o Concello de Vigo deu un novo paso nesta arela, un desafío que vai ser abordado conxuntamente con Vodafone. Segundo fixo saber o alcalde, Abel Caballero, o Concello e a operadora presentarán ante o Ministerio de Economía unha iniciativa para implantar o estándar 5G na cidade. Con isto, dixo Caballero, Vigo estará no punto de atención de Europa.

Caballero concretou este venres que o Goberno local presentará o proxecto piloto de tecnoloxía 5G ao programa convocado por Red.es, do Ministerio de Economía, co obxectivo “de obter axudas e estar durante dous anos e medio nesta experiencia”. Segundo fixo saber, trátase dunha iniciativa “da maior importancia para Vigo”. Estes e outros datos foron achegados polo alcalde logo da súa xuntanza co director xeral de Administracións Públicas de Vodafone España, Carlos Becker; o director territorial, Juan Manuel Navarro, e o director de Contas en Galicia, Jesús Sueiro. 

O rexedor tamén tivo tempo para debullar os ámbitos nos que se vai ver beneficiada a cidade galega co impulso definitivo do 5G, un estándar que dispara as posibilidades dos aparellos conectados até o inimaxinable: vehículos autónomos, servizos de emerxencias, eficiencia enerxética, desenvolvemento de drons, asistencia a voluntarios ou Industria 4.0. Tamén servirá para dar importantes avances en xestión de ambulancias, no pagamento da cidadanía ou no seguimento de fluxo de persoas a eventos ou a lugares de interese turístico, por exemplo as Illas Cíes. Caballero engadiu que a experiencia piloto ten especial relevancia porque “abrangue todos os ámbitos” que poidamos concibir. Ademais do Concello e Vodafone, no proxecto tamén participan PSA Peugeot-Citroen, o CTAG, o Centro Tecnolóxico Gradiant, Cruz Vermella e a firma Kaleido. “Presentarémolo perante o Ministerio de Economía e confíamos en obter axuda e estar durante dous anos e medio nesta experiencia para que unha vez máis esta cidade estea á cabeza da tecnoloxía”, salientou.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS