Se es unha persoa con inquietudes, habilidades ou afeccións, por que non as compartes co resto do mundo?
Os blogues ou as webs persoais son unha forma sinxela de dalas a coñecer e entrar en contacto con persoas cos teus mesmos intereses. Apúntate a este curso e descubre o fácil que é crear e publicar o teu propio blogue ou páxina web.
Contidos:
A que esperas para ter o teu propio sitio na internet!
Non cabe dúbida de que tecnoloxía nos facilita a vida pero, estás ao tanto dos últimos avances? Sabes realmente todo o que pode facer por ti?
Neste curso coñecerás que son os altofalantes intelixentes e para que serven, cales son os modelos máis populares e como podes utilizalos para facilitarche a vida no teu día a día.
Contidos:
Deixa que a tecnoloxía che facilite a vida!
A realidade aumentada é unha nova tecnoloxía que nos permite ver o mundo de forma diferente a través da cámara do noso móbil Gustaríache saber como usala no teu día a día?
Neste curso contarémosche todas as posibilidades que esta nova tecnoloxía che brinda e o fácil e útil que pode resultar para a túa vida cotiá.
Contidos:
Sácalle máis partido á cámara do teu móbil mergullándote nunha nova realidade!
A tecnoloxía pódese converter nun gran aliado dos nenos e mozos que teñen que pasar longas tempadas nun hospital facendo que a súa estancia sexa máis amena a través de xogos e aplicacións que, ademais, pódenlles axudar a desenvolver a súa imaxinación e a súa creatividade.
Ese é o obxectivo do proxecto EntamAR, liderado por Cruz Vermella Mocidade e no que tamén participan a Fundación Tecsos, a Fundación Vodafone España e a Cruz Vermella Española, e que puidemos coñecer na pasada edición do Mobile World Congress de Barcelona.
EntamAR é unha solución que utiliza a tecnoloxía de realidade aumentada para transformar as estancias dun hospital nun mundo de xogo e fantasía.
Os nenos e os mozos que pasan longas tempadas nun hospital, estancias que en moitos casos están relacionadas con enfermidades crónicas que derivan nunha discapacidade, poden apropiarse do centro para transformalo nun xogo co que aprender á vez que se divirten e desenvolven a súa imaxinación.
EntamAR está desenvolvido sobre a plataforma de realidade aumentada Onirix e permite aos mozos converter o hospital nun espazo de xogo introducindo elementos en dous e tres dimensións cos que personalizar cada unha das estancias do edificio.
Ademais, grazas a esta tecnoloxía, os nenos e mozos tamén poden desenvolver diferentes xogos, como de pistas, o Cluedo ou un "escape room", utilizando a realidade aumentada.
Todas estas opcións co mesmo obxectivo, facer máis levadía a estancia no hospital á vez que desenvolven a súa imaxinación, a súa creatividade e a aprendizaxe de novas tecnoloxías.
O proxecto EntamAR forma parte do programa "Infancia hospitalizada" de Cruz Vermella Mocidade, no que case 2.000 voluntarios de toda España levan a cabo actividades de apoio escolar e de lecer e tempo libre con nenos e nenas en proceso de diagnóstico ou tratamento dunha enfermidade de longa duración nun centro hospitalario.
O primeiro piloto desta tecnoloxía comezou a finais de 2018 no Hospital Universitario Central de Asturias (HUCA) en Oviedo. Nas próximas semanas levará ao Hospital da Fe en Valencia e ao longo de 2019 espérase que o proxecto continúe o seu despregamento no resto de hospitais españois.
Entre os días 3 e 6 de abril desenvolverase a 6ª edición do Carballo InterPlay, festival internacional de contidos dixitais que contará con Arxentina como país convidado ao entender que é a punta de lanza na industria dos contidos dixitais en Latinoamérica e, moi especialmente, no que respecta á ficción e ás series feitas para a Internet. Contarase así coa presenza de representantes de canles e plataformas do país, así como do director do Buenos Aires Webfest.
Amais, o Carballo InterPlay, tras o éxito na pasada edición, repetirá o Día Pro, xornada para conectar a creadores coas principais plataformas e produtoras. Representantes das principais asociacións do sector en Galicia (AAAG, AGAG, CREA ou AGAPI) moderarán as mesas sectoriais Na procura do talento dixital, que queren dar a coñecer novas formas de creación, produción e xestión do talento audiovisual na Rede.
Para participar na Zona Pro é preciso inscribirse (de balde) antes do 29 de marzo.
SmartPEME, o programa de capacitación tecnolóxica para PEME, profesionais e autónomos da Deputación de Pontevedra, volve este mes de marzo con novas actividades dirixidas a facilitar a dixitalización e a competitividade. Para a comarca de Vigo, estamos a falar de 21 accións formativas a desenvolver nas oficinas de SmartPEME en Ponteareas, Vigo e O Porriño. A estas actividades cómpre engadir as sete previstas para a oficina de Pontevedra (sede Deputación), as sete de Cambados e as sete de Lalín. En total, 42 obradoiros, aos que haberá que sumar (en breve) os de Barro. As inscricións pódense facer no número de teléfono 886 20 20 20, o correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou a páxina web www.smartpeme.depo.es.
Todas estas citas teñen o nexo común de facilitar “a adaptación das empresas e proxectos emprendedores da provincia ao novo escenario dixital no que desenvolver as súas actividades e aproveitar as ferramentas existentes co obxectivo de aumentar a súa competitividade”.
As quendas para o mes de marzo na oficina de Vigo comezan o martes 5, ás 19 horas con O teu contido efémero: Stories en Facebook e Instagram. A seguinte acción será Como promover o teu propio evento en redes sociais, o xoves desa mesma semana á mesma hora. O curso Mini aplicacións de transformación dixital chegará a Vigo o martes 12 tamén ás 19 horas. O xoves 14, ás 18 horas, impartirase Mellora a túa páxina web e posiciónaa en buscadores. O xoves da seguinte semana, ás 19 horas, será a quenda de Bokeh, domina a técnica do desenfoque selectivo. O curso Empresas turísticas nas AAPP. Trámites para mellorar a túa presenza en liña chegará o luns 25 de marzo ás 17 horas. E, para rematar,Xestiona o teu negocio desde o móbil terá lugar o martes 26 ás 19 horas. A oficina SmartPEME de Vigo, na sede da Deputación da cidade, atópase na rúa Oporto, nº 3.
A oficina de Ponteareas acollerá os seguintes obradoiros: As vantaxes de Instagram para a promoción de establecementos turísticos, o martes 5 de marzo, ás 17 horas. O xoves 7, ás 18 horas, terá lugar nas oficinas de Ponteareas Mellora o impacto da túa web grazas a Google Analytics. O martes da seguinte semana, ás 19 horas, impartirase Que é a publicidade nativa e porque debería empregala?. A seguinte será O teu contido efémero: Stories en Facebook e Instagram, o xoves 14 ás 19 horas. A quenda de Ferramentas de Google para a promoción de negocios locais será o xoves 21 de marzo, ás 19 horas. Por outra banda, o martes 26 á mesma hora, terá lugar o obradoiro Fotografía de produto: todo o que debes saber. E, xa por último, o xoves 28, tamén ás 19 horas, Accións de marketing en Linkedin para empresas e autónomos será a acción que impartirá o persoal do programa. A oficina SmartPEME de Ponteareas, no Centro de Desenvolvemento Local, atópase en Lomba do Cruceiro, nº 5.
A oficina do Porriño acollerá os seguintes obradoiros: iníciase o martes 5 de marzo, ás 18 horas, co curso Mellora o impacto da túa web grazas a Google Analytics. Pola súa banda, Fotografía de produto: todo o que debes saber chegará o xoves 7 ás 19 horas. O martes da seguinte semana, ás 19 horas, impartirase Social Media Listening: O que se di do teu negocio no Internet. A acción Vende os teus produtos en Facebook e Instagram terá lugar o xoves 14 tamén ás 19 horas. O xoves 21 de marzo, ás 17 horas, chega As vantaxes de Instagram para a promoción de establecementos turísticos. O martes 26, ás 19 horas, impartirase o curso Accións de marketing en Linkedin para empresas e autónomos. E, por último, o xoves desa mesma semana, tamén ás 19 horas, terá lugar Mini aplicacións de transformación dixital. A oficina SmartPEME do Porriño, no Multicentro do Concello, atópase na rúa Ribeira, s/n.
Polo que se refire ás actividades de Pontevedra, o primeiro dos cursos será Crea e deseña a identidade da túa empresa desde cero, que se desenvolverá o martes 5 de marzo a partir das 19.00h. O seguinte será o xoves desa mesma semana, cando a partir das 17.00h terá lugar o obradoiro Xestión e comercialización de vivendas e apartamentos turísticos. O terceiro curso será Bokeh, domina a técnica do desenfoque selectivo, que terá lugar o martes 12 de marzo ás 17.00h. Esa mesma semana, Pontevedra acollerá Consideracións á hora de crear o teu modelo de negocio, o xoves 14 de marzo tamén ás 17.00h. O obradoiro Emprego de 3D en vídeos corporativos ou promocionais, chega o xoves 21, ás 19.00 horas. Por último, o martes 26 de marzo ás 17.00h terá lugar o curso A innovación como ferramenta para as PEME e o xoves 28, á mesma hora, Iniciación á impresión 3D. Que podo facer e como. A oficina SmartPEME de Pontevedra está emprazada no Edificio Administrativo da Deputación.
A primeira cita do mes na oficina SmartPEME de Lalín celebrarase o martes 5 de marzo, ás 19.00 horas, en concreto o curso Que é a publicidade nativa e porque debería empregala?. O xoves desa mesma semana, á mesma hora, levarase a cabo o obradoiro Pasarelas de pago para o comercio electrónico. A terceira cita será o martes 12, cando a partir das 17 h celebrarase Xestión e comercialización de vivendas e apartamentos turísticos. O xoves 14, ás 19 h, é a quenda de Utiliza Instagram para promover e vender os teus produtos. O xoves 21 de marzo, ás 19 h, terá lugar en Lalín o curso O teu contido efémero: Stories en Facebook e Instagram. No Viveiro de Empresas da Estrada, o mércores 27, ás 18 h, celébrase Crea unha páxina profesional con WordPress. Por último, o xoves 28, ás 19 h, chegará o obradoiro Fotografía os teus produtos e servizos para as redes sociais. A oficina SmartPEME de Lalín, no viveiro de empresas situado no Polígono Lalín 2000, atópase na parcela E deste espazo.
O primeiro dos obradoiros para Cambados será Como promover o teu propio evento en redes sociais, que se desenvolverá o martes día 5 a partir das 19.00h. O xoves desa mesma semana á mesma hora celebrarase O teu contido efémero: Stories en Facebook e Instagram. O seguinte será o martes 12 de marzo, cando a partir da mesma hora terá lugar o curso Coñece as tendencias en economía dixital: Deseño 3D e robótica. O cuarto obradoiro será Bokeh, domina a técnica do desenfoque selectivo, o xoves desa mesma semana, tamén ás 19.00h. O xoves 21, esta vez ás 18.00 horas, Cambados acollerá Mellora o impacto da túa web grazas a Google Analytics. O obradoiro Empresas turísticas nas AAPP. Trámites para mellorar a túa presenza en liña chega o martes 26 ás 17.00h. Por último, o xoves desa mesma semana ás 19.00 horas desenvolverase o curso Emprego de 3D en vídeos corporativos ou promocionais. A oficina SmartPEME de Cambados, no Centro ExpoSalnés, atópase no paseo da Calzada, s/n.
Datos sobre o Proxecto SmartPEME
SmartPEME é un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das PEME e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos eidos de actuación e acada novos grupos de interese coma os emprendedores, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos. O devandito obxectivo, nas oficinas do Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas, Vigo, A Estrada e Barro, abrangue as seguintes actividades: itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as PEME e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.
Vivimos nunha época na que todo tipo de produtos convértense en intelixentes grazas á tecnoloxía. É o caso duns colares que a empresa coreana Ufirst converteu en dispositivos para advertir a persoas con discapacidade auditiva sobre a existencia dun perigo ou sobre un ruído que soa a un volume especialmente alto.
O nome destes colares que coñecemos no Mobile World Congress de Barcelona é Nuguna Neckband e son capaces de detectar os sons externos por encima dun limiar que podemos personalizar, e avisarnos a través dunha vibración.
Esta vibración sinala ademais a dirección da que provén o son, para que o usuario saiba por onde se achega o perigo ou a alerta.
Ademais, os colares Nuguna conéctanse ao teléfono móbil para avisar de chamadas ou mensaxes, e permite establecer alarmas, que avisarán ao usuario a través das vibracións.
Os desenvolvedores de Ufirst están a traballar tamén con outras funcionalidades, como avisar en caso de recibir unha notificación de redes sociais, ou alertar ao usuario se se produce un desastre natural como terremotos, tornados ou incendios.
As persoas que utilicen este colar poderán establecer o nivel de sensibilidade e a cantidade de vibracións que realizará o dispositivo.
Os usuarios tamén contan cunha app coa que poderán controlar estes parámetros e establecer as alarmas.
Nuguna Neckband está dispoñible en distintas cores e en dous formatos, o normal e un con auriculares incorporados que amplifican o son para facilitar a escoita a persoas que perderon parcialmente a audición.
As persoas interesadas poden adquirir este dispositivo a través da páxina web da compañía a un prezo de 278 dólares máis gastos de envío.
A Confederación de Empresarios de Ferrolterra, Eume e Ortegal (COFER) e a Asociación TIC Ferrolterra van organizar este mes e o seguinte unha serie de obradoiros tecnolóxicos de balde para favorecer a adaptación ás contornas dixitais dos empresarios, autónomos e profesionais da contorna. O primeiro dos talleres levarase a cabo en Narón do 11 ao 28 de marzo e tratará sobre ferramentas 2.0. Será na sede COFER en Narón (Centro de Negocios Area 40-C, polígono Río do Pozo). Durará arredor de 12 horas distribuídas en clases os luns, martes e xoves de 20.30 a 22.00 horas.
Os contidos da actividade serán, entre outros, os seguintes: introdución e avaliación do estado actual da empresa con respecto á contorna das redes sociais; as redes sociais, as súas vantaxes e os xeitos de tirarlles proveito; a Web 2.0 (historia, evolución, vantaxes, globalización, networking); os diferentes tipo de redes sociais e as oportunidades de negocio que brindan cada unha delas; a definición de empresa 2.0 (branding, perfil, misión, visión, valores, estratexia de mercado); tendencias e estratexias para diferenciarnos nas comunidades dixitais fronte á competencia; venda consultiva, etc.
Os seguintes cursos desenvolveranse no mes de abril e tratarán sobre redes sociais, deseño e web, impresión 3D e as posibilidades da ferramenta Photoshop.
Este sábado 9 de marzo comezan de novo os CoruñaHacks, as quedadas participativas sobre tecnoloxías abertas e construtivas. Virán, ademais, cunha feitura semellante á da anterior edición con tres hackatons a desenvolver o 9 de marzo, o 13 de abril e o 11 de maio e todos co obxectivo compartido de desenvolver proxectos open source en equipo. A maiores, incorpórase un formato mini para a nova xeración de argalleiras e argalleiros (a celebrarse de maneira paralela e complementaria). Como lembraremos, Coruña Hacks vén da man dos colectivos GPUL, Coruña Developers e Árticos.
As entidades organizadoras recordan que durante a pasada edición foron quen de xuntar unha media de 30 asistentes en cada un dos hackatons, amais de media ducia de patrocinadores e un total de 13 entidades colaboradoras, contando con asistentes de toda a xeografía galega. “Do evento”, engaden, “saíron finalmente 4 proxectos, algún deles moi interesante e cun grao moi avanzado de desenvolvemento como é o caso de Aloha, por suposto todos eles software libre”.
Coruña miniHacks
Este ano, a maiores da versión tradicional, a organización decidiu lanzar tamén en paralelo unha edición enfocada para os mais pequenos da casa, os Coruña miniHacks, unha proposta para rapaces de entre 8 e 16 anos que se desenvolverá os mesmos días que a versión adulta, aínda que moitas menos horas por xornada. Segundo informan os colectivos organizadores, nas sesións as participantes poderán programar historias, aplicacións ou videoxogos, co único requisito de poder levar un ordenador portátil. A maiores, haberá unha gala final con premios para os mellores proxectos. Apoiando a iniciativa atópase novamente o Concello da Coruña, que deu o seu respaldo a estes obradoiros dende as súas orixes (a través de Coruña Dixital e da Área de Participación e Innovación Democrática). Segundo lembran as entidades organizadoras, Coruña Hacks é unha proposta aberta a todas as persoas que teñan a arela de experimentar coa tecnoloxía, dando forma a novos programas e servizos de utilidade común e afondando en detalles relacionados co hardware libre. A primeira xeira será no Centro Ágora e nela poderase debater sobre que proxectos se traballará e constituír os equipos coas persoas inscritas.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) vén de formalizar un acordo de colaboración con Alastria, co obxectivo aplicar a tecnoloxía Blockchain á xestión pública.
En virtude do acordo a Administración autonómica poderá crear o seu propio nodo de Blokchain na rede de Alastria, beneficiándose dos protocolos da Asociación. Deste xeito, desde Galicia poderanse xerar pilotos con esta tecnoloxía ao servizo da investigación, a formación e a experimentación nesta tecnoloxía
Entre os compromisos adquiridos por ambas entidades está o de sumar esforzos para facilitar un mellor coñecemento e difusión do Blockchain no ecosistema dixital galego así como explorar as posibilidades de mellora da actuación administrativa e a prestación dos servizos públicos a través da utilización desta tecnoloxía.
Ademais, o acordo tamén contempla a realización de programas conxuntos ou accións específicas para desenvolver proxectos de investigación e innovación neste ámbito e facilitar o intercambio de información sobre a elaboración de estándares e o seguimento de observatorios e foros.
Alastria é un consorcio multisectorial sen ánimo de lucro, conformado por preto de 300 entidades, entre empresas, administracións públicas e universidades, que ten como obxectivo fundamental favorecer a implantación, estandarización, protección e utilización do Blockchain en España acorde co regulamento europeo.
Blockchain
O “Blockchain” é unha tecnoloxía que permite gardar “bloques de información” conectados entre si en diferentes equipos, en lugar de condensar toda a información nun só lugar. Así, se se producise un fallo nunha plataforma de almacenamento, existen copias da información noutros lugares, o que o fai máis seguro que un sistema normal.
Ademais, a información está cifrada e non existe a posibilidade de eliminar ou modificar a xa existente só engadir nova, o que favorece a transparencia. As principais vantaxes desta tecnoloxía son a eliminación de intermediarios, a ausencia de posicións dominantes e o aumento da contorna de seguridade nas operacións.