main content

main content
1 mes 1 profesión dixital
Varios

Arduino Day 2019

O Arduino Day é unha celebración mundial do aniversario de Arduino. É un evento de 24 horas de duración, organizado directamente pola comunidade, ou polos fundadores de Arduino, que une a persoas para compartir as súas experiencias e aprender máis sobre a plataforma de fonte aberta. Todos os grupos de usuarios, makerspaces, hackerspaces, fablabs, asociacións, profesores, profesionais e novatos son benvidos.

Durante o Arduino Day podes asistir a un evento ou organizar un para a túa comunidade. Non importa se es un fabricante, un enxeñeiro, un deseñador, un desenvolvedor ou un educador: Arduino Day está aberto a todo aquel que queira celebrar as cousas incribles que se fixeron (ou que se poden facer!) coa plataforma de código aberto. Os eventos contarán con diferentes tipos de actividades, adaptadas ás audiencias locais de todo o mundo.

26/02/201909:02
Cartel do evento.
As Pontes

En marzo os Amigus Labs únense á celebración mundial do Arduino Day

O 16 de marzo vaise celebrar a nivel internacional o Arduino Day, un evento de 24 horas organizado pola comunidade dos fundadores do hardware libre que xunta persoas de todo o mundo para compartiren as súas experiencias e aprender máis sobre esta plataforma de código aberto. Entre as asociacións galegas que se veñen de sumar á celebración atópanse Makers Lugo (na cidade da Muralla) e máis a Asociación Amigus (nas Pontes). Esta última comunidade, de feito, fará coincidir o aniversario de Arduino co desenvolvemento dunha nova edición dos seus Amigus Labs, os obradoiros argalleiros que convocan regularmente os integrantes da Asociación Amigus en colaboración con Merca nas Pontes

Será unha nova cita para enchouparnos en cousas de interese tecnolóxico pero tamén social, cultural e mobilizador, como o espírito Maker, a robótica, o software e o hardware libres, a arte, a creación dixital e a formación. Porén, desta volta farase fincapé nas posibilidades e potencialidades de Arduino. 

A nova cita dos laboratorios participativos de Amigus, desenvolverase como de costume no Lar da devandita vila coruñesa. Segundo informa a asociación, o Arduino Day está aberto para calquera usuaria ou usuario que queira celebrar a plataforma libre e “todas as cousas incribles que se fixeron (ou se poden facer!) con esta tecnoloxía aberta”.

O programa será o seguinte: 

  • 10:30 a 14:00 h. e de 16:00 a 20:00: Amigus Labs - Arduino Day 2019, con exhibición de proxectos con Arduino. Convócase a todas as persoas afeccionadas que constrúen proxectos con Arduino a participar neste evento. Os proxectos deben presentarse rematados ou en funcionamento o día do evento. A temática das propostas é libre. Débese empregar, preferentemente, Arduino; con todo, poden presentarse proxectos baseados en tecnoloxías como ESPxxx, Raspberry Pi, etc. As persoas interesadas deben enviar a amigus@amiguslabs.org un correo cunha explicación do proxecto para presentar e unha imaxe ou fotografía do mesmo antes do día 14 de marzo.
  • 11:30 a 14:00 h.: Amigus Labs Kids - Obradoiro de iniciación a Arduino. Quen estea interesado en ter un primeiro contacto con Arduino pode apuntarse a este obradoiro. Na sesión mostraranse diferentes compoñentes e como se conectan e programan con Arduino.
  • 16:00 a 20:00h.: Amigus Labs. Adicarase a tarde a elaborar os proxectos do Fab Lab, así como a traballar coa xente interesada en continuar facendo proxectos con Arduino.

Os mais pequenos poderán construír robots baseados na placa libre. Tódalas actividades realizaranse de 10:30 a 20:00, facendo unha parada para comer de 14:00 a 16:00. As persoas interesadas en asistir aos obradoiros deben enviar un correo a amigus@amiguslabs.org.

Estas son as entidades colaboradoras: Concello das Pontes • COHEMPO • ENDESA • EuroEume • Nauta • No Ping • Nodo Dixital • Triade • Severiano Agrocomercial • Escourido Asociados • Clip Carbono • Ferretería Marcos • Lujo • Matojoma • You can school of English • Fitter • Pontesa Mármoles y granitos • Desguaces Vilabella • Óptica Carmela • Galiorient • Servicio Móvil • Areco • Panadería San José • Fotografía Fabian • Don Dino • CONPLC • IcoEume • Preludio Musical • Arprosa • Radio Eter.

27/03/2019De 16:00h a 18:30h
1 mes 1 profesión dixital
Centro Demostrador TIC, Santiago de Compostela

#MesD RRSS: Twitter como ferramenta de comunicación profesional

O obxectivo da sesión é coñecer as opcións e as características de Twitter quizais non tan coñecidas que poden resultar de interese para un uso profesional da plataforma e conectar coa clientela actual e potencial.

20/03/2019De 16:00h a 18:30h
1 mes 1 profesión dixital
Centro Demostrador TIC, Santiago de Compostela

#MesD RRSS: Facebook realmente é a raíña das redes sociais?

Quen non coñece Facebook? Quen non sabe publicar un contido no seu perfil persoal? O obxectivo desta formación é levar o coñecemento desta rede social a unha escala máis profesional para saber responder, acerca da propia marca ou empresa, a preguntas como:
  • Ten que estar a miña marca ou empresa necesariamente en Facebook?
  • De ser así, creo unha páxina ou mellor unha comunidade?
  • Que contidos debo publicar? Cando? Como? Por onde empezo?
  • Podería xestionar esta parte eu mesmo ou o persoal da miña empresa? É operativo? É prudente?
13/03/2019De 16:00h a 18:30h
1 mes 1 profesión dixital
Centro Demostrador TIC, Santiago de Compostela

#MesD RRSS: LinkedIn e o employer branding

Os obxectivos que persegue a sesión son:
  • Tomar conciencia da necesidade das empresas de contar cunha imaxe de marca empregadora para atraer os mellores profesionais nun contexto de escaseza do talento diferencial.
  • Identificar as posibilidades de LinkedIn como ferramenta de employer branding.
  • Coñecer prácticas empresariais con LinkedIn ou mesmo con outras ferramentas dixitais que poidan servir para a nosa propia actividade profesional.
06/03/2019De 16:00h a 18:30h
1 mes 1 profesión dixital
Centro Demostrador TIC, Santiago de Compostela

#MesD RRSS: Instagram para empresas

Nos últimos anos, a relevancia de Instagram foi en aumento, ata consolidarse como a rede social preferida pola audiencia. O uso da imaxe como elemento principal da mensaxe conquistou a xente nova e a que non o é tanto. 
Hoxe podemos dicir que Instagram se converteu nunha ferramenta decisiva para impulsar tanto pequenos como grandes negocios.
25/02/201907:02
Plan Senda.
Santiago de Compostela

Quintuplícase nun ano o uso da sinatura dixital no ámbito xudicial

  • O pasado ano xuíces, fiscais, letrados e funcionarios evitaron asinar en papel preto de 900.000 documentos
  • Entre 2017 e 2018 incrementáronse de 2 a 136 os órganos xudiciais con sinatura dixital integrada desde o sistema de xestión procesual Minerva
  • Crecen máis dun 34% as consultas online aos expedientes xudiciais a través do visor
  • Xa están dispoñibles máis de 32 millóns de documentos en formato electrónico no Repositorio Unificado Xudicial, o dobre que en 2017


En 2018 asináronse dixitalmente preto de 900.000 documentos nos xulgados galegos, unha cifra cinco veces superior á rexistrada o ano anterior. A extensión da sinatura dixital e a súa integración con Minerva son parte das medidas para a implantación do Expediente Xudicial Electrónico en Galicia, que están a levar a cabo a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza en colaboración cos profesionais do ámbito xudicial galego.

O incremento do uso da sinatura dixital está directamente relacionado co aumento de órganos xudiciais habilitados con esta funcionalidade, que pasaron de 2 a principios de 2017 a 136 ao remate de 2018. Ademais, a integración da sinatura dixital co sistema de xestión procesual Minerva, que empregan xuíces, letrados e funcionarios, con Fortuny, o sistema dos fiscais, facilita un maior uso da firma electrónica.

Xunto coa extensión da sinatura dixital outra das medidas de implantación do Expediente Xudicial Electrónico foi a posta á disposición de maxistrados, letrados, fiscais e funcionarios da consulta online de calquera expediente xudicial a través do Visor, unha solución única e multidispositivo, que está implantada xa desde 2018 na totalidade dos órganos xudiciais galegos. O ano pasado o visor rexistrou 43.000 visitas, un 34% máis que en 2017.

Os expedientes en formato electrónico albérganse no repositiorio unificado xudicial, a pedra angular e da que se serven as novas aplicacións e servizos dixitais (o visor, a sede electrónica, o portal de xustiza...). Centraliza en único punto toda a información xudicial, datos e documentos que se xeran diariamente na tramitación de calquera procedemento en calquera órgano xudicial. 

Este repositorio integra máis de 32 millóns de documentos, o dobre que en 2017. Cada día rexistra 40.000 novos documentos e outros 50.000 modificados.


 
Plan Senda
Conseguir un plena dixitalización da xustiza e consolidar a implantación do Expediente Xudicial Electrónico (EXE), cuxas pezas están todas en marcha na Comunidade. Ese é o obxectivo principal do Plan Senda 2020, que se puxo en marcha en 2015 cunha dotación de máis de 26 millóns de euros ata o 2020. En total, ambos plans sumarán un investimento de case 50 millóns de euros en 2020.

22/02/201910:02
Presentación das xornadas.
Vigo

Relatores de primeiro nivel xuntaranse en Vigo arredor da seguridade informática

Vigo vai acoller en abril un máis que relevante evento sobre seguridade informática e sobre as cousas que temos que ter sempre en conta para protexer, nas redes, a información propia e máis a allea. Estamos a falar do congreso ViCON 2019, impulsado polos organizadores das charlas de cibersecurity Hack&Beers e no que coopera o Concello de Vigo. Segundo se fixo saber na presentación, onte, ViCON celebrarse no MARCO e será de balde, contando con relatores de “contrastada experiencia”, que ofrecerán a súa visión e coñecementos en salvagarda do coñecemento. ViCON, un paso adiante das charlas Hack&Beers, desenvólvese os días 12 e 13 de abril

Na presentación en rolda de prensa, o concelleiro Carlos Font fixo fincapé na importancia do congreso e no feito relevante de celebrarse en Vigo, xa que o evento vai constituír unha referencial fonte de información sobre un tema tan candente como a seguridade informática para o ámbito público e para o privado. Antonio Fernandes, co-organizador da cita, explicou que o seu equipo ten unha ampla bagaxe en protección tecnolóxica, pero tamén en acontecementos de divulgación e debate arredor da mesma: congresos nacionais e tamén internacionais. A idea, agora, é traer toda esa experiencia a Vigo, con expertos de primeiro nivel como Joel Serna, Yago Hansen o Paula de la Hoz. A organización engadiu que no MARCO vaise falar dos asuntos máis interesantes actualmente en materia de ciberseguridade, como son a evolución das comunicacións militares ao longo da historia ou como é posible roubar os datos de móbiles e ordenadores a través dos seus cargadores.José Luis Rivas, tamén co-organizador, lembrou na rolda de prensa que as universidades galegas levan desde os anos 90 traballando na ciberseguridade, co que tanto Vigo como Galicia contan cunha ampla traxectoria docente na materia.

21/02/201908:02
Imaxe dunha edición anterior de Hash Code. Fonte: Google.
Ourense

A Escola de Enxeñaría Informática de Ourense abrirá as súas portas para participar na Hash Code 2019 de Google

  • O obxectivo é fomentar a interacción entre os equipos

 

Desde 2015, Google convoca anualmente un concurso de programación chamado Hash Code no que convida a resolver en pequenos equipos un gran reto de enxeñaría. Nesta edición, que se celebrará o 28 de febreiro, a Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense será dos Hash Code Hubs habilitados en Galicia polo que as persoas inscritas poderán acudir ás súas instalacións para participar desde alí no certame.   

Hash Code, explican desde a organización, é un concurso de programación en equipo, organizado por Google, para estudantes e profesionais de todo o mundo. As e os participantes elixen o seu equipo e linguaxe de programación e Google selecciona un problema de enxeñaría para que o resolvan nunhas horas. A edición deste ano iníciase cunha competición en liña, onde cada equipo, formado por entre dúas e catro persoas, pode competir desde calquera lugar, incluído un dos centros elixidos como Hash Code Hubs. Os mellores equipos serán convidados a unha oficina de Google para competir na rolda final.

 

Punto de encontro

“Google fai diferentes competicións a nivel mundial nas que ao final o que está buscando é captar talento, desenvolvedores de código que destaquen. Neste caso propón un reto de programación que a xente ten que solucionar en equipo en catro horas”, comenta Francisco Javier Rodríguez, director da Escola Superior de Enxeñaría Informática. Este ano, apunta, o centro solicitou a Google ser un dos seus Hash Code Hubs, presentando unha solicitude na que explicaban o carácter da entidade e as súas instalacións e que foi finalmente aceptada.

Deste xeito, á hora de inscribirse na páxina do certame as persoas que o desexen poden adscribirse á Escola Superior de Enxeñaría Informática e vir a competir a ela na tarde do día 28 de febreiro. O prazo para inscribirse está aberto ata o día 22 de febreiro. “Disporemos dunha sala grande onde conectaremos con Google, para seguir o certame, e incluso co outro hub galego que participa, para compartir con eles a experiencia e interaccionar”, comenta Francisco Javier Rodríguez. Aínda que aconsellan a cada participante traer o seu propio portátil para dispoñer dun equipo xa configurado ao seu criterio, desde o centro tamén habilitarán unha sala con ordenadores para aqueles que queiran facer uso deles.   

 

Competir divertíndose

“O obxectivo é facilitar a participación neste evento, ser un punto de conexión. Poderías facer este reto desde a casa pero o que fomenta Google é que haxa sitios onde os equipos se coñezan, interactúen… non deixa de ser unha festa de promoción da programación”, comenta o director de Enxeñaría Informática. O reto que propón Google, sinala Francisco Javier Rodríguez, é un reto creativo que non o pode resolver unha soa persoa e cuxa resolución non ten que ser obrigatoriamente numérica. “Eles avalían a creatividade, como se afronta o reto... e de feito ata o 5 de marzo non se dan os resultados do certame”, apunta.  

A idea de presentar a candidatura para ser nodo desta competición, comenta Francisco Javier Rodríguez, xurdiu porque “é unha forma de visibilizar o labor que fai a xente que traballa en enxeñaría informática”. Ás e aos participantes, detalla, “dálles a oportunidade de amosar as súas capacidades aínda que non gañen e permítelles pórse a probar, autoavaliarse afrontando un reto creativo e nun ambiente lúdico e de competición sa”. Tento en conta estas características, apunta o profesor, desde o centro están fomentando a participación en Hash Code 2019 do seu alumnado, “para que vexan que as accións da nosa profesión tamén teñen repercusión”, pero tamén de profesionais xa que, lembra, “é interesante que o noso alumnado se relacione con xente que xa está na empresa”.

21/02/201908:02
Cartel do evento.
Lugo

As claves para loitar contra as neoadiccións, no Vello Cárcere de Lugo

O Concello de Lugo quere abordar de cheo a problemática dos novos trastornos aditivos. E farao cunha mesa redonda, a celebrar este 21 de febreiro nas instalacións do Vello Cárcere a partir das 19.00 horas, con entrada de balde e aberta á cidadanía en xeral. A sesión, moderada polo xornalista Juan Carlos Rodríguez, contará coa participación de Manuel Isorna, doutor en Psicoloxía, Gerardo Rodríguez, da Asociación Galega de Ludópatas Rehabilitados e María José Lamas, directora de ADAFAD. A cerna temática da mesa redonda serán as neoadiccións, un termo que en boa medida abrangue os trastornos que se derivan dun mal uso das novas ferramentas tecnolóxicas e dos servizos dixitais. 

A cita Xuventude e adiccións sen sustancia: as neoadiccións e apostas online enmárcase dentro das mesas redondas sobre mocidade que vén organizando nos últimos meses o Goberno de Lugo.

Na súa presentación, a concelleira Carmen Basadre convidou aos mozos e mozas luguesas, ás súas familias e á veciñanza a asistir a este encontro divulgador e de debate sobre “un problema en auxe como son as adiccións sen sustancia”. Un problema, dixo, cuxas consecuencias se reflicten en múltiples aspectos do noso día a día, nas familias e nos colexios, e tamén en investigacións concretas que podemos ver, como a enquisa recente Adicción do País Vasco, publicada o pasado 2018, na que se mostra que o 21% dos adolescentes realiza un uso problemático do móbil ou da Rede e un 6,4% dos estudantes realizou apostas online.

O debate deste xoves, que será moderado polo xornalista Juan Carlos Rodríguez, contará con testemuños en primeira persoa.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS