main content

main content
05/03/201908:03
Presentación do curso Celga 3 en liña.
Santiago de Compostela

A Xunta de Galicia presenta o curso Celga 3 en liña

  • O sistema oficial de acreditación do idioma galego avanza no acceso á súa aprendizaxe desde a modalidade da teleformación
  • “A seguinte convocatoria formativa do Celga incorporará tamén o nivel 2 en liña”, avanzou o secretario xeral de Política Lingüística na rolda de prensa de presentación
  • “Trátase dunha iniciativa enmarcada na política autonómica de impulsar a formación en liña”, sinalou a directora da Amtega
  •  O secretario xeral da Emigración incidiu na importancia que esta nova proposta ten “para os milleiros de galegos que residindo no exterior estean pensando en retornar a Galicia ou para aqueles que xa o fixeron”

 

A Xunta, por medio dos responsables da Secretaría Xeral de Política Lingüística, da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e da Secretaría Xeral da Emigración, presentou hoxe o novo curso en liña preparatorio do nivel 3 do certificado de acreditación da lingua galega (Celga), un proxecto que se suma aos dous niveis xa existentes da formación en lingua galega desde a modalidade en liña e que supón un paso máis no seu acceso por parte da cidadanía, tanto a da Galicia territorial como a da colectividade galega no exterior.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, destacou “que a Xunta estrea nesta convocatoria de formación o Celga 3 en liña, do que se desenvolverán sete cursos con 30 prazas cada un, no marco do Plan de formación en lingua galega da Xunta, que chegará este ano a máis de 7000 persoas” e avanzou que “deseguido se iniciarán os traballos para incorporar á vindeira oferta de teleformación o nivel 2, que completará a formación en liña do sistema de acreditación oficial da lingua galega e posibilitará o acceso aos catro niveis de aprendizaxe que o configuran desde calquera parte do mundo”.

Pola súa banda, Mar Pereira sinalou que un ano despois da posta en marcha da plataforma de teleformación da lingua galega, “ampliamos a oferta formativa con este novo curso preparatorio para acceder a acreditación do Celga 3”, unha iniciativa enmarcada na política autonómica de impulsar a formación en liña. A directora da Amtega lembrou outras medias para favorecer a difusión da lingua como lingua.gal, o portal da lingua desde o que se accede a esta plataforma de teleformación e que ofrece diferentes recursos para aprender e traballar en galego; o tradutor Gaio ou a consecución do dominio .gal.

Antonio Rodríguez Miranda, secretario xeral da Emigración, puxo o foco na importancia que esta nova proposta de Política Lingüística ten para “os milleiros de galegos que residindo no exterior estean pensando en retornar a Galicia, ou para aqueles que xa o fixeron e que verán así equiparado o seu nivel de galego ao de todos aqueles que cursaron xa estudos na Galicia territorial”. “Trátase dun paso máis cara súa a integración total na súa terra de orixe, tamén no eido lingüístico”, engadiu.

O prazo de inscrición da formación preparatoria para as probas de acreditación do Celga está aberto ata o vindeiro 20 de xuño e xestiónase desde o Portal da Lingua Galega www.lingua.gal ou desde a sede electrónica da Xunta https://sede.xunta.gal.

 

Celga 3 en liña
O curso Celga 3 en liña que a Secretaría Xeral de Política Lingüística pon en marcha por primeira vez en 2019 vénse sumar aos cursos a distancia preparatorios para as probas de nivel Celga 1 e Celga 4 xa existentes, co fin de facilitar o acceso á formación en lingua galega da poboación adulta sexa cal for o lugar onde viva e a ocupación e horario que teña.

Os obxectivos e contidos do curso Celga 3 en liña correspóndense cos do nivel B2 do Marco europeo común de referencia para as linguas. Para alcanzar este nivel, o curso emprega textos, vídeos e audios en diferentes tipos de actividades prácticas, de acordo coa pedagoxía construtivista social que a guía e que implica a colaboración, o papel activo do discente e a reflexión crítica. Así, a través dunha interface de navegación sinxela, lixeira, eficiente e intuitiva, o alumnado accede a unha das 8 unidades do curso, cada unha delas dividida en catro bloques: comprender, explorar e reflectir, practicar e comunicar e viaxar. Neles, o alumnado atopará actividades tipo consulta, tarefa, diálogo, chat, foro, glosario, wiki, cuestionario ou reunión, entre outras posibilidades. As unidades organízanse arredor dunha tarefa principal e son 8.

As persoas que desexen participar nun destes cursos de teleformación deben dispoñer dun equipamento informático composto por un ordenador con conexión a Internet, dunha conta de correo electrónico (que deberá coincidir coa sinalada na solicitude de participación) e mais dun micrófono ou calquera medio alternativo que permita a gravación de voz. Toda a información en http://www.lingua.gal/curso-celga-3-lina.



Sistema Celga
Celga é o sistema de certificación de lingua galega adaptado ao Marco europeo común de referencia para as linguas e está configurado mediante cinco niveis de coñecemento do idioma, que recollen as habilidades que reflicten a competencia comunicativa nas distintas destrezas.

Estes certificados permiten acreditar o coñecemento que unha persoa ten do galego para os efectos de xustificar méritos ou requisitos laborais e académicos, e obtéñense mediante un exame convocado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, aínda que tamén é posible obter a validación Celga dos estudos previos de galego.

04/03/201918:03
Presentación da web.
Santiago de Compostela

A Secretaría Xeral da Emigración pon en marcha o portal Retorna, que ofrecerá unha canle única de asesoramento aos galegos do exterior de cara o seu regreso á comunidade

  • A directora de Amtega e o responsable de Emigración presentaron “unha ferramenta que hoxe é xa imprescindible” tanto para os galegos que residen fóra e pensan en retornar como para os que xa o fixeron, segundo Miranda
  • O novo sitio de Internet, enmarcado na web de GaliciaAberta, permite aos galegos de todo o mundo acceder ás axudas e establecer unha canle directa coa Administración galega

 

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, acompañado pola directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, e o dinamizador de GaliciaAberta, Javier Rodríguez Siaba, vén de presentar o Portal Retorna (https://emigracion.xunta.gal/actividade/retorna), enmarcado na web da Secretaría Xeral da Emigración, e que ofrece unha canle única tanto de información e asesoramento como de contacto coa Administración autonómica galega. O obxectivo desta iniciativa, que entrou en funcionamento esta mesma mañá, é servir de enlace directo entre o departamento do Goberno galego e os milleiros de galegos que residen no exterior e que están plantexándose o regreso á súa terra de orixe.

“O Portal Retorna xa non se trata só dun xeito máis de comunicación coa diáspora e os retornados, senón dunha ferramenta que hoxe é xa imprescindible para todos os galegos do exterior, tanto para aqueles que están pensando en volver a Galicia como para aqueles que xa tomaron esta decisión e se atopan xa na nosa comunidade”, sinalou Miranda. O responsable de Emigración lembrou que “son cada día máis os galegos que regresan á Galicia territorial desde todas as partes do mundo; algúns deles están familiarizados coa Administración e a sociedade galega, pero hai outros moitos que precisan dunha guía sobre como asentarse na súa terra de orixe. A finalidade deste sitio web é comezar o proceso de acompañamento a cada un deles desde o seu lugar de procedencia, estea no punto do planeta no que estea”, engadiu.


Unha Administración aberta e accesible 
A directora da Amtega, pola súa banda, sinalou que a posta en marcha do portal Retorna enmárcase no actual proceso de transformación dixital da Administración pública para convertela nunha administración aberta e accesible as 24 horas os 365 días do ano e sen barreiras físicas ou temporais. Pereira incidiu en que non se trata só de incrementar os servizos dixitais senón tamén de facilitar o seu acceso e de aí a importancia de concentrar nunha mesma canle toda a información vinculada a un colectivo, neste caso á do emigrantes. 

A responsable autonómica destacou tamén que a importancia deste colectivo neste proceso de dixitalización recóllese na futura lei de Administración dixital de Galicia, actualmente en tramitación e na que se recolle expresamente a obriga dos galegos e galegas do acceso por medios electrónicos aos servizos públicos dixitais que lles sexan de aplicación.


Contacto directo e acceso á sede electrónica
O Portal Retorna permite ao usuario navegar polas máis de medio cento de medidas recollidas na Estratexia Retorna 2020 para obter a información que precise e acceder no mesmo proceso e cun só clic á solicitude das axudas que estean dispoñibles nese momento por vía telemática e se axusten ás súas necesidades a través da Sede Electrónica da Xunta de Galicia. O formato dixital logra, ademais, eliminar as barreiras xeográficas e temporais que separan o Goberno galego da poboación do resto de países do mundo grazas a dúas ferramentas clave como son a caixa de correo de consultas e a solicitude de cita previa a través de Internet. Unha terceira canle de contacto coa Secretaría Xeral da Emigración é a telefónica, tamén dispoñible neste novo sitio web.
Esta iniciativa forma parte da futura Oficina Integral de Asesoramento e Seguimento ao Retornado, que completará esta oferta informativa no futuro cunha sede física específica e un reforzo do persoal técnico cualificado en materia de retorno. 


O retorno, unha tendencia ao alza
O incremento experimentado nos últimos anos nas cifras de retorno á comunidade superou o 21% en 2017 respecto a 2016, alcanzando as 6.202 persoas, e novamente no primeiro semestre de 2018, cando que rexistrou un aumento do 25 % respecto ao mesmo período do ano anterior. A comparativa das últimas cifras oficiais publicadas polo Instituto Nacional de Estadística (INE), 2017, e as de 2009, reflicten un crecemento do 90% nos derradeiros oito anos, o que apunta a unha clara tendencia ao alza do número de galegos que deciden volver á súa terra de orixe. Mentres, o número de galegos nacidos en Galicia que residen no exterior continúa a diminuír ano tras ano, especialmente entre a poboación en idade laboral, que se reduciu nun 31% na última década.

04/03/201912:03
Fotografía da demostración do sistema Doro Smart Care no Mobile World Congress de Barcelona.
Barcelona

A tecnoloxía para a seguridade de persoas maiores vai máis aló da man de Doro

  • A compañía sueca Doro quixo levar a atención de emerxencias un paso adiante coa súa nova solución Doro Response, na que a tecnoloxía se pon ao servizo da autonomía, a seguridade e a calidade de vida das persoas maiores e os seus familiares.

 

Son varios os servizos existentes de entidades e empresas pensados para axudar a persoas maiores en caso de emerxencias. Xeralmente trátase de botóns de aviso que o senior debe pulsar en caso dunha urxencia, que nalgúns casos compleméntase con outra tecnoloxía como detectores de caída.

Pero Doro Response evolucionou estes sistemas centrándose na seguridade e a tranquilidade dos familiares, pero tamén pensando na privacidade e autonomía dos usuarios.

A diferenza dos modelos tradicionais, a tecnoloxía deseñada por Doro envía o aviso de emerxencia a todos os números móbiles asociados incluíndo a localización da persoa maior.

Os familiares que reciben a alerta, que sempre soará no teléfono aínda que estea en silencio, teñen dous minutos para contestar. Se algún deles o fai, o resto recibirá un aviso informando de que unha persoa xa está a tratar coa emerxencia.

Cando un familiar contesta o aviso, iníciase unha conversación co maior, para quen o teléfono se pon en mans libres.

Pola contra, se o aviso de dous minutos non ten resposta, a chamada salta a unha central xestionada por Doro na que especialistas atenden á persoa maior. En función dos sinais recibidos e da comunicación co usuario, a central de Doro ponse en contacto con veciños próximos do usuario para ver se se poden achegar a axudalo, ou, en caso dunha urxencia grave, chaman directamente a unha ambulancia.

O servizo Doro Response está dispoñible en Suecia, Noruega e o Reino Unido, e espérase que ao longo deste ano chegue a outros países, entre eles España. Nos países nos que xa opera, o servizo ten un custo duns 15 euros ao mes.

Un servizo similar é Doro Smart Care, que engade a este sistema sensores de movemento e de apertura de portas. Esta tecnoloxía aprende das rutinas da persoa maior e lanza avisos aos familiares en caso dun cambio nas rutinas. De feito, o sistema é capaz de identificar emerxencias máis graves para chamar directamente aos servizos médicos de urxencia.

Por exemplo, o sistema detecta se a persoa maior leva máis tempo durmido do habitual, se entrou no baño hai tempo e aínda non saíu ou se sae da casa a unha hora estraña ou non regresa á hora habitual.

En ambos os casos trátase de sistemas moi avanzados nos que a tecnoloxía se pon ao servizo da autonomía e a seguridade das persoas maiores e a tranquilidade dos seus familiares.

04/03/201908:03
Escolas conectadas.
Santiago de Compostela

Red.es e a Xunta levan a banda larga ultrarrápida a case un milleiro de centros docentes

Red.es e a Xunta veñen de dar a coñecer detalles recentes do programa Escolas Conectadas e a súa aplicación na nosa terra. Segundo informan, un total de 984 centros de ensino galegos xa gozan de conectividade a Internet de banda larga ultrarrápida, grazas ás actuacións contempladas en Galicia polo dito programa. Esta iniciativa veu cun investimento de 17.169.300 euros, achegados por Red.es co co-financiamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), a través do Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE). Pola nosa terra, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) executa até 2 millóns de euros adicionais.

As actuacións para a extensión da banda larga ultrarrápida entre os centros educativos de Galicia realizáronse no marco do convenio subscrito por Red.es (entidade adscrita ao Ministerio de Economía e Empresa), a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e o Ministerio de Educación e Formación Profesional.

O obxectivo de Escolas Conectadas foi fornecer de conectividade de Internet ultrarrápida e redes internas de comunicacións aos centros docentes de primaria e secundaria obrigatoria e educación especial, do que se están beneficiando un total de 280.893 alumnos. Ademais, a estes centros tamén se lles dotou de acceso a RedIRIS, a rede académica e de investigación española.

O director xeral de Red.es, David Cierco Jiménez de Parga, dixo, ao fío deste proxecto e a súa vertente galega, que o espallamento da conectividade por banda larga de alta velocidade nos centros educativos “permite reducir a fenda dixital e impulsar unha educación innovadora, moderna e de calidade”. Amais, sinala, proporciona “a infraestrutura precisa para afrontar o aumento do tráfico en Internet e un uso crecente de novos dispositivos e recursos dixitais, que cada vez resultan máis imprescindibles no eido educativo”.

Nun plano máis detallado, Cierco fixo saber que os traballos requiriron da instalación de 4.283 puntos de acceso. Amais, explicou que o 20% das sedes escolares nas que se interveu sitúanse en poboacións de menos de 2.000 habitantes e o 33% das sedes teñen menos de 50 alumnos. O obxectivo disto, dixo, foi “lograr que o alumnado e o profesorado de zonas rurais e de zonas xeográficas de difícil acceso dispuxeran das mesmas condicións de conexión que se ten nos colexios dos grandes núcleos de poboación”. Tamén se conseguiu que no 60% das sedes docentes onde se interveu dispuxeran dun largo de banda de 500 Mbit/s, “superando amplamente o obxectivo previsto de 100 Mbps”, engadiu.

04/03/201908:03
Participantes na xornada.
Ourense

Máis de medio cento de persoas participaron no Hash Code de Google dende a ESEI de Ourense

Este xoves 28 celebrouse a nivel mundial a edición 2019 do concurso de programación Hash Code, no que Google (dende 2015) fai un chamamento a resolver un gran reto de enxeñaría a través de equipos de desenvolvedores. Un dos centros galegos participantes (xunto co grupo CDG en Santiago ou Everis na Coruña) na actividade foi a Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense, que se achegou no certame como Hash Code Hub. Ou sexa, que se puxo a disposición das persoas que quixeran concorrer no desafío. A sala habilitada para a cita encheu todos os postos dispoñibles, concorrendo un total de 54 persoas divididas en 16 grupos e afrontando durante catro horas a resolución dun gran reto de programación lanzado por Google

“A valoración que facemos é moi positiva, foi un éxito de xornada. Tivemos un cheo total e a xente víase moi contenta cando ás 10.30 h estabamos rematando de subir as resolucións dos retos”, comenta Francisco Javier Rodríguez, director da Escola Superior de Enxeñaría Informática. Sobre a acollida que tivo a iniciativa do centro de unirse a este concurso, Rodríguez Martínez indica como na xornada celebrada este xoves participaron non só membros da comunidade universitaria senón persoas alleas a ela, estimando que un 70% das e dos participantes eran estudantes da Escola Superior de Enxeñaría Informática e un 30% persoas de fóra. 

Hash Code, explican dende a UVigo, é un concurso de programación en equipo, organizado por Google, para estudantes e profesionais de todo o mundo. As e os participantes elixen o seu equipo e linguaxe de programación e Google selecciona un problema de enxeñaría para que o resolvan nunhas horas. A edición deste ano iniciouse cunha competición en liña, onde cada equipo, formado por entre dúas e catro persoas, puido competir desde calquera recanto, incluído un dos centros elixidos como Hash Code Hubs. Os mellores equipos serán convidados a unha oficina de Google para competir na rolda final. A Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense solicitou este ano a súa concorrencia como Hash Code Hub, presentando unha solicitude na que se explicaba o carácter da entidade e as súas instalacións e que foi finalmente aceptada. Amais do Hash Code Hub achegado pola Universidade hai finalmente outros 733 espazos de actividade e traballo participantes, fornecidos por case un cento de países.

04/03/201908:03
Logo CPEIG.
Santiago de Compostela

O CPEIG convoca o Premio Fin de Carreira e Máster en Enxeñaría Informática cunha dotación económica de 1.000 euros

 

  • Os tres finalistas, seleccionados por unha comisión experta, beneficiaranse dun ano de colexiación gratuíta.
  • Poderanse presentar traballos ata o 10 de maio e o premio entregarase no marco da "Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia", que se celebrará o 28 de xuño en Santiago de Compostela

 

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) convoca a novena edición do Premio Proxecto Fin de Carreira e Máster en Enxeñaría Informática. O galardón quere ser un estímulo para os estudantes e recentemente titulados en Enxeñaría en Informática ou Máster en Enxeñaría Informática. 

Tal e como se recolle nas bases do certame, poden concorrer ao premio todas aquelas enxeñeiras e enxeñeiros en informática que presentaran nunha universidade galega o proxecto fin de carreira da Enxeñaría en Informática ou o traballo fin de Máster en Enxeñaría Informática nos anos 2017, 2018 e 2019. Aqueles estudantes que queiran optar ao premio do CPEIG poden remitir a documentación precisa (ficha resumo do proxecto, resumo e memoria completa do mesmo) ata o día 10 de maio ao seguinte enderezo electrónico: informacion@cpeig.gal. As bases e o formulario para presentar a candidatura podense consultar o final desta nova.

Mediante a organización deste premio, o ente colexial busca achegarse ao colectivo estudantil e defender as vantaxes da colexiación, ademais de estimular o traballo dos estudantes. Os tres finalistas terán dereito a un ano de colexiación gratuíta e a asistir de balde á "Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia". O gañador ou gañadora recibirá, ademais, unha gratificación económica de 1.000 euros. Unha comisión experta, integrada por representantes do CPEIG e das tres universidades galegas, valorará os proxectos recibidos e seleccionará o traballo gañador. 

 

Noite da Enxeñaría en Informática

A convocatoria realizada polo CPEIG insírese nos premios da "Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia", que o Colexio organizará o 28 de xuño, en Santiago de Compostela. Este evento anual, ademais de representar un punto de encontro entre todos os colexiados, conta cunha destacada participación de cargos empresariais, institucionais e políticos e é un referente para o sector.

 

Ligazóns

01/03/201912:03
Plan DICO Mindset.
Santiago de Compostela

A Amtega e R xa teñen 20 propostas preseleccionadas para o programa startups R DiCo Challenge

  • O comité avaliador escolleu 20 candidaturas para os cinco retos tecnolóxicos que lanzou a aceleradora especializada en contidos dixitais de R en colaboración coa Amtega
  • A fase de preaceleración xa está en marcha e rematará o 7 de marzo, día do “Pitch Day”, do que sairán os cinco proxectos definitivos
  • O programa startups R_DiCo Challenge enmárcase nas actuacións do plan de impulso aos contidos dixitais, Dico Mindset

 

Os membros do comité avaliador do programa startups R DiCo Challenge, integrado por representantes de R, a Amtega e máis a CRTVG, patrocinadora dun dos retos, xa escolleron as 20 propostas, vinculadas a algún dos 5 retos tecnolóxicos lanzados en decembro, que pasan á fase de preaceleración do programa.

As 20 candidaturas seleccionadas, das 42 que se presentaron, proceden de startups e emprendedores, pequenas e medianas empresas e mesmo dalgún centro tecnolóxico e universitario, e todas elas están arestora inmersas na devandita fase de preaceleración.

Para o reto 1, enriquecemento de retransmisións de eventos deportivos, foron escollidos dous proxectos: a empresa Sixtema propón unha segunda pantalla intelixente para a visualización de contidos mentres que M. International Audiovisual aposta por unha rede de adquisición de partidos de fútbol base. No reto 2, aplicacións para Android TV, está, por exemplo, un proxecto de Cuicui Studios que propón unha aplicación de xogos brain training; e no reto 3, contidos formativos e divulgativos innovadores, Adivina Producciones defende unha plataforma de realidade virtual para espectáculos culturais.

No reto 4, Big Data aplicado ao consumo televisivo, figuran, entre outros, os proxectos de Muutech Monitoring Solutions, apostando por un sistema de monitorización integral para xestores de contidos dixitais; ITG, que propón Big Data para o consumo audiovisual, e Mario Pérez Fernández (Galopiño), con outra idea de visualización Big Data aplicada ao consumo televisivo. Algunhas das propostas do reto aberto son a de Sun Global Network, que concorre cunha multiplataforma de contidos especializados en motor, Imagames Gamification Services, cunha plataforma gamer para a experiencia audiovisual en R; Doc Hub, que propón un servizo de documentais e contidos de divulgación científico-tecnolóxica; Xoia Software Development e a súa proposta sobre contidos televisivos de realidade virtual ou Alexandre Fernández Pita (Vas caer!), que defende un concurso transmedia.

 

“Pitching”, aceleración e Demo Day

No actual treito de preaceleración asinouse un contrato de confidencialidade coas empresas ou emprendedores seleccionados, que terán contacto directo cos mentores estes días para intercambiar información e traballar en obradoiros de cara a preparar o seu modelo de negocio e a defensa da súa idea nunha xornada “Pitch Day” o 7 de marzo. Dela sairán os cinco proxectos definitivos que pasan á fase de aceleración.

 

Programa de aceleración
Será entón cando comecen as actividades de mentorización, titorización, formación e seguimento durante 4 meses (18 de marzo-19 de xullo). Os elixidos terán á súa disposición cadanseu mentor e a axuda económica da Amtega para afrontar os gastos cotiáns durante o desenvolvemento dos proxectos. Tamén poderán utilizar en todo momento o espazo startups R habilitado no Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura con este fin, traballarán man a man con R, terán acceso á súa infraestrutura e modelo de negocio e beneficiaranse do uso das instalacións e a visibilidade derivada de camiñar a carón do operador galego durante este tempo. Ademais, R converterase para eles nun potencial primeiro cliente e nun trampolín orientado a outras saídas comerciais ao mercado. Quen desenvolvan o reto patrocinado pola CRTVG contarán, pola súa banda, cun mentor da entidade e cos seus medios e infraestruturas.

A primeira edición de startups R DiCo Challenge pecharase cunha xornada “Demo Day” a finais do verán, onde os cinco participantes mostrarán os avances acadados. Finalmente abrirase, para os proxectos, un período de saída progresiva da aceleradora.

 

Plan Dico Mindset
O programa startups R_DiCo Challenge enmárcase no Plan de acción para o impulso aos contidos dixitais en Galicia (DICo Mindset), que ten entre os seus obxectivos establecer colaboracións entre empresas para abordar retos tecnolóxicos e definir novos contidos audiovisuais que poidan rendibilizarse noutros mercados, ademais de lograr a visibilidade necesaria para o sector.

A Amtega e R colaboran no desenvolvemento do programa startups R Dico Challenge, que ten como obxectivo rendibilizar a medio prazo as solucións que xurdan e axudalas a atopar unha saída áxil e eficaz no mercado, mesmo con R como primeiro cliente. Xunto con este, os obxectivos esenciais son a xeración de emprego, o fomento do emprendemento e o empurre á innovación tecnolóxica a través do apoio a emprendedores e empresas novas ou consolidadas, relacionadas co ámbito dos contidos dixitais, de dentro ou de fóra da comunidade e do Estado, se é o caso.

28/02/201919:02
Engranaxes.
Santiago de Compostela

A Amtega e Gartner inician unha colaboración estratéxica para achegar as tecnoloxías disruptivas ao ecosistema dixital galego

  • A axencia autonómica vén de formalizar un acordo que permitirá compartir co sector o coñecemento de expertos internacionais de primeiro nivel en transformación dixital
  • Mar Pereira clausurou hoxe a primeira edición do Foro Gartner de CIOS en Galicia


A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a consultora Gartner inician unha colaboración estratéxica para achegar as tecnoloxías disruptivas ao ecosistema dixital galego. O acordo que foi anunciado hoxe pola directora da Amtega, Mar Pereira, facilitará o acceso a contidos elaborados por expertos de primeiro nivel en tecnoloxía que esta consultora internacional ten ao redor do mundo. 

A directora da Amtega, que clausurou hoxe a primeira edición do Foro Gartner en Galicia ante responsables de transformación dixital de empresas TIC e doutros sectores, apuntou tamén que a Axencia contará co asesoramento especializado de Gartner na elaboración da futura estratexia dixital post 2020. 

Mar Pereira, no contexto actual no que as tecnoloxías evolucionan vertixinosamente é fundamental para o sector tecnolóxico dispoñer de información de valor das novas tendencias e mercados para poder adoptar adecuadamente decisións estratéxicas para a súa competitividade.

Por outra banda, a directora da Amtega destacou a importancia que o actual Goberno galego lle dá á tecnoloxía como elemento transversal cun departamento baixo a tutela directa da Presidencia. Unha axencia concibida para sumar esforzos de cara a transformación dixital da Comunidade. Una transformación que, segundo destacou Pereira, tense que traducir en que os galegos “o noten”.

28/02/201912:02
Centro Obra Social Abanca en Santiago.
Santiago de Compostela

O CPEIG, Abanca, a AMTEGA e Gartner mostran en Santiago os grandes desafíos TIC presentes e futuros

Este xoves 28 de febreiro vai ter lugar en Santiago unha máis que relevante cita co futuro tecnolóxico inmediato: un futuro empresarial, social, comunicativo, social e de xestión pública ateigado de posibilidades e vantaxes. Estamos a falar da Xornada de Innovación e Tendencias Tecnolóxicas, organizada polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), Abanca, AMTEGA (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia) e a consultora Gartner. 

Na cita participarán uns 120 representantes das principais organizacións tecnolóxicas e empresariais de Galicia. Celebrarase no Centro Obra Social Abanca no 19 da praza de Cervantes, en horario de 9.30 a 13.30 horas. Segundo explican as ditas entidades, a sesión servirá “para enriquecer o ecosistema tecnolóxico e dixital de Galicia”. O CPEIG engade que a xornada nace co triplo obxectivo de concienciar e achegar a empresas galegas as principais tendencias tecnolóxicas e retos habituais que trae consigo a dixitalización, da man de expertos de reputación mundial de Gartner; reflexionar nun foro de CIO (directores de tecnoloxía) das principais organizacións galegas para compartir experiencias, preocupacións e visións sobre temas de interese común para Galicia (talento, axilidade, privacidade…); e contribuír e enriquecer o ecosistema tecnolóxico e dixital de Galicia para fortalecer a súa imaxe de territorio innovador e dinámico.

Trala apertura conxunta para compartir obxectivos, abrirá a xornada o executive partner de Gartner para AMTEGA e ex CDO de RTVE, Miguel Ángel Morcuende, cunha mensaxe inspiradora sobre un termo xurdido no último Symposium ITxpo de Gartner, ContinuousNext, e ademais explicará como as organizacións e a sociedade en Galicia deben ir preparándose para un cambio permanente.

Posteriormente, o research VP de Gartner (vicepresidente de investigación), Brian Burke, continuará cun relatorio onde ofrecerá a súa visión sobre as principais tendencias tecnolóxicas de 2019 e sobre como liderar a súa adopción. 

Amais, o senior director analyst de Gartner, Daniel Sánchez Reina, compartirá cos participantes experiencias de éxito de organizacións que souberon adaptarse culturalmente aos cambios, ademais de desenvolver un marco de traballo para dar eses primeiros pasos.
Por último, a directora de AMTEGA, Mar Pereira, clausurará a xornada resaltando o compromiso da Axencia coa Axenda Dixital de Galicia, apuntalado cunha recente colaboración con Gartner como asesor estratéxico.

27/02/201913:02
Sinatura do convenio.
Vigo

A Xunta e a Universidade de Vigo poñen en marcha o primeiro programa formativo de especialista en 5G de Galicia

  • É unha das medidas previstas no Plan Galicia 5G da Amtega para converter á Comunidade en rexión de referencia na extensión desta tecnoloxía
  • O vindeiro curso a universidade olívica ofrecerá un Curso de Especialista universitario que capacitará a diferentes perfís profesionais no coñecemento e oportunidades que xorden en torno a extensión desta tecnoloxía

 

Galicia contará a partir de setembro co primeiro Curso de Especialista Universitario en 5G, grazas a un convenio asinado esta mañá pola directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira; o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Joaquín Reigosa; e o director-xerente de Retegal, Miguel Rodríguez, nun acto que contou coa presenza do delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves.

O programa formativo, enmarcado no Plan Galicia 5G da Xunta, está orientado a ofrecer diferentes perfís profesionais do sector tecnolóxico capacitación especializada e adaptada ás necesidades derivadas da futura extensión da tecnoloxía 5G. 

O curso, que comezará en setembro, está estruturado en cinco módulos e un proxecto fin de curso. Máis de 200 horas lectivas, que cursadas na súa totalidade outorgarán o título de “Especialista en Tecnoloxías Celulares de Quinta Xeración (5G)” ás persoas cun título de grao ou unha enxeñaría no ámbito das TIC.

Os profesionais do sector cun mínimo de tres anos de experiencia e estudantes de grao que superaran o 75% dos créditos poderán acceder a un ou varios módulos do programa baixo a fórmula de Cursos Complementarios.

O Curso de Especialista será impartido tanto por docentes da universidade como por expertos de multinacionais de telecomunicacións e fabricantes de tecnoloxías. 

 

Plan Galicia 5G
Coa sinatura deste acordo a Universidade de Vigo, formaliza a súa adhesión ao Nodo de Cooperación 5G, un punto de encontro entre desenvolvedores e demandantes de solucións desta tecnoloxía para actuar como concentrador dos retos derivados das demandas do mercado e as capacidades das empresas do ecosistema 5G de Galicia. En novembro formalizábase a adhesión ao nodo dos operadores Vodafone, Orange e Telefónica e están previstas novas adhesións nas vindeiras semanas. 

O Nodo de Cooperación 5G é unha das medidas do Plan5G Galicia. A Comunidade foi a primeira do Estado en poñer en marcha un plan para situarse como territorio preferente na pilotaxe de solucións innovadoras baseadas en 5G e facilitar que o desenvolvemento e a innovación tecnolóxica en equipamento e software necesarias para desenvolver posibles casos de uso localícese na Comunidade.

O Plan Galicia 5G, elaborado pola Amtega, arrincaba o pasado mes de xullo concibido como unha medida complementaria ás impulsadas pola Unión Europea e o Estado. Tras a posta en marcha do Nodo, a segunda medida é o Plan formativo presentado hoxe para que o ecosistema 5G dispoña de capital humano coas capacidades adecuadas e que o coñecemento das oportunidades que xorden ao redor das 5G sexa accesible a diversos sectores profesionais.

Ademais, o Plan prevé a elaboración dun modelo de ordenanza municipal tipo, promovido pola Xunta e a FEGAMP que facilite os despregamentos e a creación dun Plan de Formación Especializada 5G en colaboración coas Universidades e os axentes do ecosistema 5G.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS