main content

main content
13/03/201908:03
Barra de direccións dun navegador.
Santiago de Compostela

A Xunta pon en marcha o primeiro Plan de inspección do comercio dixital

  • A Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de publicar no DOG a iniciativa, que inclúe un total de 800 controis da información e publicidade en páxinas web e a análise dun mínimo de 70 produtos adquiridos a través da rede
  • Complementa o plan de inspección xeral que se pon en marcha cada ano co obxectivo de mellorar a calidade do comercio galego e o servizo aos consumidores, e que nesta edición prevé chegar a 1000 actuacións

 

A Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de activar, mediante a súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG), o primeiro Plan de inspección do comercio dixital, que velará polos dereitos dos consumidores e a seguridade dos produtos ofertados na rede.

Búscase comprobar, a través da análise e inspección das páxinas web, o grao de cumprimento da legalidade vixente en materia de comercio e consumo. Ademais, impulsarase a mellora da información que recibe o consumidor a través de internet, tanto dos produtos ofrecidos como dos seus dereitos e obrigas; e velarase pola seguridade dos produtos ofertados na rede, verificando que cumpren todos os requisitos e garantías de seguridade para os seus usuarios.

O plan, que responde a unha proposta do sector, e que redundará nunha maior seguridade xurídica de todos os axentes do mesmo, estará vixente durante todo o ano, e desenvolverano de xeito coordinado os servizos de inspección de Comercio e de Consumo. Realizaranse un total de 800 controis da información e publicidade en páxinas web, e recolleranse mostras dun mínimo de 70 produtos adquiridos a través da rede.

Esta nova actuación complementa ao Plan de inspección comercial xeral, que tamén vén de publicarse no DOG, e que ten por obxecto a información aos comerciantes sobre a normativa de aplicación, así como a corrección dos incumprimentos, para mellorar a calidade do comercio galego e o servizo aos consumidores neste eido.

No Plan, que se fixa o obxectivo de chegar a 1000 actuacións ao longo do ano, establécese unha campaña informativa sobre normativa comercial, na que os establecementos terán un prazo para emendar as infraccións detectadas.

No tocante ás campañas de control do cumprimento da normativa, estarán centradas nas promocións de vendas (rebaixas, liquidacións e descontos); os prezos e os medios de pagamento; a devolución de productos, os horarios comerciais, e o control de actividades comerciales en establecementos que non dispoñan da autorización comercial autonómica, cando esta fóra preceptiva. Do mesmo xeito, realizaranse tamén verificacións do cumprimento das subvencións outorgadas no ano 2018.

Ademais das inspeccións planificadas, a inspección comercial tamén realizará inspeccións no caso de ter coñecemento ou indicios da existencia de feitos que poidan ser constitutivos de infracción administrativa.

Trátase do quinto Plan anual de inspección comercial trala aprobación a finais de 2014 do decreto polo que se desenvolve regulamentariamente o papel da inspección de comercio de Galicia, regulada na Lei 13/2010 de Comercio Interior de Galicia.

Este decreto contempla a posta en marcha de plans anuais de inspección co obxectivo de maximizar a eficacia e eficiencia da actividade inspectora que xa se viña desenvolvendo, e potenciando a actuación da inspección de comercio na súa vertente de apoio e asesoramento ao sector; así como o seu labor preventivo para corrixir determinados incumprimentos e mellorar aspectos da súa actividade en beneficio das persoas consumidoras.

Neste sentido, cabe sinalar que dentro da campaña informativa incluída no Plan de Inspección Comercial para 2018 se logrou un 93% de cumprimentos na segunda visita de comprobación.

 

12/03/2019De 17:00 a 18:30 h
1 mes 1 profesión dixital
Online

A historia feita por mulleres

Ao longo da historia, moitas mulleres loitaron por conseguir un espazo destacado nun mundo que parecía ser dominado polos homes. Neste curso, faremos un percorrido polos principais fitos históricos alcanzados por mulleres.
Apúntate a este seminario e aprenderás estas e outras curiosidades que non transcenderon aos libros de historia.

Contidos:

  • A figura da muller na historia moderna
  • Mulleres que desafiaron á súa época
  • Homes ilustres e mulleres na sombra
  • Grandes inventos creados por mulleres

Descobre todas estas curiosidades!

11/03/201908:03
Unha parella de persoas maiores utiliza unha tableta no seu salón.
Santiago de Compostela

A tecnoloxía que revolucionará a vida das persoas maiores

O envellecemento da poboación durante as próximas décadas supón un verdadeiro reto para a sociedade no que a tecnoloxía xoga un papel fundamental, tanto para mellorar a calidade de vida das persoas maiores como para lograr que este cambio sexa sustentable.

Así o recolle un informe realizado por Doro, a compañía de telefonía para persoas maiores, no que subliña que a tecnoloxía é unha peza angular para enfrontar e aproveitar o proceso de envellecemento da poboación.

O estudo defende que a tecnoloxía intelixente destinada ás persoas maiores permite afrontar os desafíos derivados desta situación e aproveitar as oportunidades que se presentarán ante o crecemento continuado da poboación.

Eurostat estima que a poboación de maiores de 65 anos aumentará en Europa ata alcanzar os 42 millóns o próximo ano, polo que serán necesarias solucións que melloren a accesibilidade e a calidade da atención médica e reduzan os custos.

Para iso, tecnoloxía como a intelixencia artificial, a robótica, o "aprendizaxe automática", a computación na nube, a IoT, os sensores ou o recoñecemento de voz son claves para o éxito no futuro do coidado das persoas maiores.

08/03/201912:03
Presentación da enquisa.
Madrid

Medran os internautas a tempo completo e máis a preocupación pola ciberseguridade

A AIMC (Asociación para a Investigación de Medios de Comunicación) presentou onte os resultados da 21 Enquisa a Usuarios de Internet, Navegantes na Rede, un dos estudos máis referenciais, a nivel estatal, sobre o noso comportamento ao abeiro das novas tecnoloxías e as principais tendencias online que afectan a cidadáns, empresas e entidades. Este ano o estudo pon o foco na importancia que están a adquirir as ferramentas dixitais de comunicación nas nosas vidas: a día de hoxe, a metade das internautas recoñece que “non podería vivir sen Internet e sen o móbil”. 

Ademais, preto do 45% das persoas enquisadas din estar “conectadas de continuo” e o 80% da poboación emprega as redes sociais acotío. O informe tamén reflicte, respecto do tempo de actividade, que o o 66,3% dos internautas afirma empregar Internet durante dúas ou máis horas ao día. Respecto dos tipos de dispositivos preferidos, o móbil segue a ser a estrela para accedermos a Internet: o 90,1% conéctase a través del. Séguenlle o portátil (68,7%), o computador de sobremesa (55,9%), a tableta (47,7%) e a televisión (27,1%). Doutra banda, un 33,3% dos que utilizan o móbil para acceder á Rede declaran facelo case constantemente e só un 17,2% dos que se conectan a través deste dispositivo faio cunha frecuencia inferior a “varias veces ao día”.

No estudo, como contrapunto dos anteriores datos, tamén se pon de manifesto unha cada vez maior preocupación dos internautas respecto da ciberseguridade e da presenza nas redes de internautas, comunidades ou entidades que, no canto de mellorar as contornas dixitais, adícanse a convertelas en lugares onde periga a privacidade e a intimidade. Así, o 74,5% dos navegantes móstrase preocupado polo poder das grandes empresas tecnolóxicas e máis do 60% dos enquisados considera que os menores non deberían publicar nas redes sociais. Respecto das novas falsas, arredor do 70% das persoas que participaron na enquisa mostráronse a favor de prohibilas e perseguir legalmente a quen as crea e as difunde.

07/03/201914:03
startups R DiCo Challenge.
Santiago de Compostela

Unha vintena de iniciativas compiten para acceder á aceleradora de contidos dixitais startups R DiCo Challenge

  • O programa enmárcase nas actuacións do Plan de impulso aos contidos dixitais, Dico Mindset da Amtega
  • Esta mañá celebrouse na sede da Axencia o “Pitch Day”, evento no que os vinte preseleccionados defenderon as súas propostas para algún dos cinco retos lanzados en decembro
  • Nos vindeiros días daranse a coñecer os 5 finalistas que completarán o programa de aceleración cun espazo propio na Cidade da Cultura
  • Entre as candidaturas hai startups e emprendedores, pequenas e medianas empresas e mesmo algún centro tecnolóxico e universitario
  • O programa startups R_DiCo Challenge enmárcase nas actuacións do plan de impulso aos contidos dixitais, Dico Mindset


As 20 iniciativas preseleccionadas para o acceder ao programa da aceleradora startups R DiCo Challenge defenderon esta mañá as súas candidaturas no denominado “Pitch Day”, unha xornada na que expuxeron a utilidade e viabilidade das súas propostas para algún dos cinco retos lanzados polo programa. A apertura do encontro, celebrado na Cidade da Cultura, correu a cargo da directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, o director de Innovación e Desenvolvemento de Produto de R e do Grupo Euskaltel, Javier Rodríguez Gil e o director de Innovación da CRTVG, Xosé Pereira.
 
Mar Pereira, lembrou que “startups R Dico Challenge se enmarca no Plan Dico Mindset para promover o sector dos contidos dixitais en Galicia; unha estratexia impulsada dende a Administración Autonómica en colaboración co Clúster TIC e do Audiovisual de Galicia para configurar un sector de contidos dixitais galego máis potente, maduro e competitivo, que neste momento aglutina arredor de 900 empresas con preto de 5.400 empregados”. 

Pola súa banda, o director de Innovación de R e do Grupo Euskaltel, salientou que “é unha satisfacción chegar a este punto de desenvolvemento do programa e poder concretar, dentro de pouco, que cinco ideas, das 20 que hoxe participan na xornada de ”pitching”, pasan definitivamente á fase de aceleración. Hai moito potencial e variedade de proxectos polo que auguramos que a decisión do comité non será doada”. 

Xosé Pereira, director de innovación da CRTVG, que promove un dos retos, incidiu en que “a CRTVG debe apostar pola innovación e participar activamente na transformación dixital do sector audiovisual galego. Acordos coma este van nesta boa dirección e esperemos que haxa moitos máis”. 

Ao longo da mañá, e divididos en dúas quendas, os vinte participantes foron expoñendo as súas propostas nun máximo de 5 minutos, tempo de que dispuxeron para explicar, defender e convencer das vantaxes da aplicación da súa idea e do modelo de negocio que teñen previsto para desenvolvela. 


Cinco finalistas
Nos vindeiros días coñeceranse os 5 emprendedores e/ou empresas escollidos para pasar á fase de aceleración do programa de startups R DiCo Challenge durante catro meses (marzo-xullo). Os elixidos terán á súa disposición cadanseu mentor e a axuda económica da Amtega para afrontar os gastos cotiáns durante o desenvolvemento dos proxectos. Tamén poderán utilizar en todo momento o espazo startups R habilitado no Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura con este fin, traballarán man a man con R, terán acceso á súa infraestrutura e modelo de negocio e beneficiaranse do uso das instalacións e a visibilidade derivada de camiñar a carón do operador galego durante este tempo. 

Ademais, R converterase nun potencial primeiro cliente e nun trampolín orientado a outras saídas comerciais ao mercado. Os que desenvolvan o reto lanzado pola CRTVG contarán, pola súa banda, cun mentor da entidade e cos seus medios e infraestruturas. A primeira edición de startups R DiCo Challenge pecharase cunha xornada “Demo Day” a finais deste verán, onde os cinco participantes mostrarán os avances acadados. 

 

Plan Dico Mindset
O programa startups R_DiCo Challenge enmárcase no Plan de acción para o impulso aos contidos dixitais en Galicia (DICo Mindset), que ten entre os seus obxectivos establecer colaboracións entre empresas para abordar retos tecnolóxicos e definir novos contidos audiovisuais que poidan rendibilizarse noutros mercados, ademais de lograr a visibilidade necesaria para o sector. 

07/03/201913:03
Cartel da iniciativa.
Ames

Ames achega unha longa listaxe de obradoiros informáticos para todas as idades

Concello de Ames e a aula CeMIT local veñen de presentar un amplo programa formativo para esta recta final do inverno e o comezo da primavera: unha longa listaxe de cursos para todas as idades e para todos os niveis de coñecemento. As actividades xa comezaron estes días con diversas accións centradas na xuventude: un obradoiro sobre xadrez impartido por Alberto Dios (este venres pasado), un sobre o manexo de rato e o teclado destinado a menores de oito anos (estes luns 4), un sobre as técnicas de fotomontaxe para adolescentes) e dous (este mércores) sobre programación con Scratch. Segundo informou o Concello, en Semana Santa repetiranse boa parte destes obradoiros para quen non puidera acudir aos xa celebrados. 

Desta maneira, recuncará o obradoiro sobre o manexo do rato e o teclado destinado a menores de oito anos o luns 15 de abril, en horario de 10.00 a 12.00 horas. Tamén haberá máis talleres sobre programación co novo Scratch, no que os/as rapaces/as aprenderán as nocións básicas desta ferramenta de cara a facer unha actividade libre relacionada co entroido. O día 16 estará destinado para menores de 10 anos e o 17 os alumnos e alumnas serán os maiores desta idade. Ambas actividades realizaranse de 10.00 a 12.00h. 

aula CeMIT de Ames continuará en marzo a impartir o ciclo de introdución á informática, formado por tres cursos enfocados en achegar a informática aos adultos, dende o punto máis básico ata un uso máis avanzado de Internet. A primeira destas ensinanzas, impartida en febreiro, levou por título Iniciación á Informática e buscou introducir aos participantes no uso dun ordenador. A partir de aí, todos os martes, mércores e xoves do 7 ao 21 de marzo, impartirase un curso de Iniciación a Internet, no que se partirá dun uso básico do ordenador para introducirse na Rede, co obxectivo de sacarlle o máximo partido. Así, ensinarase a usar o navegador de Internet e os distintos buscadores, así como o manexar múltiples e útiles servizos na rede como prensa, radio, televisión...

O remate do ciclo virá co Curso de Iniciación ás redes sociais, a través do que os participantes poderán ver de primeira man as posibilidades que ofrecen redes sociais como Facebook, Twitter, Instagram ou Youtube. A devandita actividade realizarase do 26 ao 28 de marzo en horario de 10.30 a 12.00h, ao igual que os anteriores.

Asemade, despois dos obradoiros sobre o manexo do procesador de textos LibreOffice Writer, chega o momento de pasar ao manexo das follas de cálculo LibreOffice Calc. Así, do 7 ao 21 de marzo impartirase un primeiro curso das nocións básicas desta ferramenta, mentres que do 26 marzo ao 4 de abril terá lugar unha segunda parte na que se afondará nas súas posibilidades. Ambos obradoiros impartiranse os martes e xoves en horario de 18.15 a 19.45h. O ciclo pecharase cunha última formación centrada en como realizar presentacións co LibreOffice Impress, que se realizará os martes e xoves do 9 ao 16 de abril, de 17.45 a 19.45 horas.

 

Charla sobre a contratación de viaxes e a economía colaborativa
Co fin de dar a coñecer os dereitos que nos amparan cando contratamos e realizamos unha viaxe, un coñecemento que converte ao usuario nun consumidor/a responsable, conectarase a aula CeMIT local (a través de videoconferencia) coa Escola Galega de Consumo, o luns 11 de febreiro, de 12.00 a 13.00h, onde se desenvolverá unha charla sobre consellos para tomar certas precaucións á hora de deseñar as viaxes e conseguir unha boa experiencia en todos os sentidos. Ademais, a charla completarase cun achegamento ao concepto de economía colaborativa, e a análise dos diferentes servizos ofertados polas novas plataformas que nos últimos anos están a xurdir no mercado.

 

Cursos para adultos
No mes de abril, impartirase un curso de iniciación para aprender a manexar o móbil intelixente. Así, os/as participantes achegaranse ao Android e poderán resolver todas as dúbidas que os e as asaltan sobre o seu uso diario. Para isto, afondarase no manexo da interface de Android e as súas principais aplicacións. A actividade impartirase todos os martes e xoves, do 2 ao 25 de abril, en horario de 10.30 a 12.00h. Por outra banda, do 23 de abril ao 2 de maio, todos os martes e xoves realizarase un novo curso sobre a Administración Electrónica e as súas posibilidades. Así, buscarase “derrubar os variados problemas e dúbidas que un usuario se pode atopar cando decide converterse nun cidadán dixital”. Para iso, afondarase en todo o necesario para familiarizarse co emprego do DNI electrónico, os certificados dixitais, a Chave365, como acceder á sede electrónica do Concello de Ames e ao portal É-Saúde, entre outros servizos. O curso realizarase en horario de 18.15 ao 19.45 horas.

 

Exames EMA
Nos meses de marzo e abril tamén se realizarán exames EMA, que consisten nunha proba presencial que se precisa para acadar o diploma en determinados cursos de teleformación do Espazo Multimedia de Aprendizaxe CeMIT. Así, a primeira destas probas realizarase o venres, 15 de marzo, de 12.00 a 13.00h, mentres que en abril terá lugar o venres 12, en horario de 17.30 a 18.30 horas.

 

Exames CODIX
Ao longo de marzo abrirase a convocatoria para realizar o exame CODIX en modo teleformación. Os inscritos que resulten escollidos no sorteo terán que realizar ao longo de tres meses un curso online de aproximadamente 200 horas dende o Espazo Multimedia de Aprendizaxe (EMA), o que lles permitirá presentarse ao exame. 

07/03/201908:03
Fotografía comercial de Nuubo, o dispositivo gravador e un computador coa aplicación para ler os datos.
Barcelona

Eléctrodos téxtiles para facilitar a monitoraxe constante do corazón

Para moitas persoas maiores ou persoas con distintos tipos de discapacidade é moi importante manter unha monitoraxe case constante da actividade eléctrica do corazón, unha necesidade que adoita traducirse en incomodidade e limitacións debido aos cables e as conexións de moitos destes aparellos.

Con todo, a necesidade de crear un sistema de monitoraxe de electrocardiograma que fose compatible coa realización dun deporte de elite levou á compañía para lanzar esta tecnoloxía téxtil que non require case preparación na pel, é un sistema limpo, sen adhesivos e sen cables.

Nuubo estivo presente no Mobile World Congress de Barcelona da man de Vodafone e con Isidre Esteve, o deportista para o que Nuubo desenvolveu o sistema para permitirlle participar de novo no Dakar.

A tecnoloxía de Nuubo xunto ás redes de conexións de Vodafone permitiron ao equipo médico ter monitorada en todo momento a actividade eléctrica do corazón de Esteve durante o percorrido da proba.

Este dispositivo está pensado para que o paciente o poida utilizar durante 30 días, nos que se solicita información sobre a actividade do corazón que posteriormente o equipo médico analiza.

Nuubo consta dunha especie de chaleco no que se atopan os eléctrodos téxtiles e un dispositivo que almacena a información recollida.

07/03/201908:03
Participantes na homenaxe.
Santiago de Compostela

O CPEIG distingue a figura de Ana María Prieto con motivo do Día da Muller

Co gallo do Día Internacional da Muller (este 8 de marzo), o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) organizou un acto de celebración no que homenaxeou “a transcendencia para a profesión” do labor da primeira programadora galega, Ana María Prieto López, que faleceu en xuño de 2018 aos 76 anos de idade. O acto conmemorativo desenvolveuse a Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE) da Universidade de Santiago (USC)

En nome da profesional distinguida asistiron o seu viúvo Antonio García López e a súa filla Clara García Prieto, que recibiron das mans do presidente do CPEIG, Fernando Suárez, a primeira figura institucional do colexio profesional (peza da marca de cerámica galega Sargadelos). No acto participaron tamén o director da ETSE, Antonio Mosquera; o ex reitor da USC, Juan Lema; o ex director do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e vogal do CPEIG, Javier García Tobío; amais do xornalista e autor do libro A historia da informática de Galicia. Unha cronoloxía (Andavira Editorial/ CPEIG, 2015), Henrique Neira.

Segundo o CPEIG, Ana María Prieto López (Santiago de Compostela, 1942- Becerreá, 2018), foi “a primeira programadora galega da que se tivo constancia”, e do seu importante legado xa deixou constancia o colexio no libro A historia da informática de Galicia. Unha cronoloxía, publicación coordinada por Fernando Suárez e Javier García Tobío. 

Na súa intervención, o presidente do CPEIG lembrou que a figura de Ana María Prieto comezou a destacar dende os primeiros intres da súa carreira profesional, co mérito duplo de facelo nunhas contornas dominadas pola presenza masculina. “Deu un paso adiante en prol da igualdade, e a pesar das dificultades, conseguiu abrirse camiño con valentía e carácter emprendedor nunha profesión masculinizada, compaxinándoa ademais coa súa vida familiar”, sinalou Suárez, facendo fincapé “na necesidade actual de incorporar mulleres á carreira profesional de Enxeñaría en Informática, que aínda presenta unhas cifras moi baixas do 12-13% de matriculación nos primeiros cursos da titulación universitaria”. E engadiu: “Nun presente e futuro dixitais é preciso normalizar a presenza da muller en todos os ámbitos da profesión, potenciando a representación feminina na Enxeñaría en Informática e noutras disciplinas técnicas” . O presidente do CPEIG tamén destacou que o colexio, no seu labor de visualización das importantes contribucións das mulleres nas TIC, leva a cabo actividades como o entrega do premio Ada Byron a mulleres enxeñeiras en informática no seu evento anual da Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, amais de achegar a públicos de todas as idades a relevancia do mundo dixital e aproximar a materia de estudio como un obxecto abordable e comprensible.

Moi agradecida por este xesto de homenaxe, Clara García Prieto describiu a súa nai como unha muller “humilde” que nunca lle deu a importancia que tiña ao seu traballo nin ao que logrou no plano profesional. “Programar foi a súa vida, e con 20 anos abandonou unha carreira tradicional como a de Farmacia para demostrar o seu amor polas matemáticas”, manifestou, aínda que desta historia e dos seus logros confesou que tiveron conta non fai moitos anos. Antonio Mosquera precisou que a Enxeñaría en Informática segue a ser unha profesión “moi masculinizada”, situación aínda máis acusada neste últimos anos nos que se aprecia unha certa sensación de retroceso. “Casos como o de Ana María Prieto son fundamentais para que as mulleres teñan a un referente que xa rompeu barreiras”, dixo.

07/03/201908:03
Cartel da iniciativa.
Ourense

A Galipedia celebra a segunda wikimaratona do Día Internacional da Muller

Co gallo do Día Internacional da Muller (este 8 de marzo), e ao abeiro dos actos de celebración do décimo sexto aniversario da Galipedia (a Wikipedia en galego), a comunidade responsable do mantemento e medre da enciclopedia dixital galega vai organizar a Segunda Wikimaratona do Día Internacional da Muller. Desenvolverase o sábado 9 de marzo en Ourense.

A idea principal da actividade consiste en editar artigos na Galipedia relacionados con mulleres destacadas, xa sexa creando artigos novos ou mellorando os existentes. Segundo informa a comunidade, para participarmos non é preciso que sexamos editoras ou editores habituais, pois o evento comezará cun obradoiro de iniciación á edición de artigos para tódolos participantes. Podemos consultar todos os detalles da actividade na propia web da Galipedia ou no teléfono 689 884088. Os únicos requisitos previos para participar nesta actividade son ter unha conta de usuaria/o.

27/03/2019De 10:30 a 12:00 h
1 mes 1 profesión dixital
Online

Trucos para utilizar WhatsApp. Novidades da app de chat máis usada

Seguro que tes WhatsApp no teu móbil pero, sabes como sacarlle o máximo partido? Coñeces todas as súas funcións e as últimas novidades incorporadas?
Neste curso aprenderás desde cuestións básicas ata outras máis avanzadas para que non perdas detalle de todas as opcións que ofrece e que seguro que aínda non usas.

Contidos:

  • Manexo básico.
  • Personalízao ao teu gusto.
  • Configura a privacidade e seguridade.
  • Descobre as últimas novidades.

Aprende a usar WhatsApp como un verdadeiro experto!

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS