A operadora Telefónica, a través da súa Rede de Cátedras, impulsa un ano máis HackForGood, o encontro interuniversitario que se celebra de maneira simultánea en varias cidades e que consiste en xuntar hackers de toda España para desenvolver solucións tecnolóxicas innovadoras que dean resposta a máis dun centenar de retos sociais expostos para construír un mundo mellor. Vigo, Madrid, Valencia, Sevilla, Murcia, As Palmas de Gran Canaria, Valladolid, Salamanca, Cáceres e Cidade-Real acollerán esta sétima edición 2019.
HackForGood conta co apoio da Fundación Hazloposible, Fundación Telefónica, MashmeTV e a Universidade de Vigo, ademais da colaboración especial de EFIC e OpenWebinars. O encontro interuniversitario celebrarase os días 21, 22 e 23 de marzo en 10 cidades españolas de forma simultánea durante 48 horas. Na listaxe de sedes, hai presenza galega: o Teatro da Cidade Universitaria da Universidade de Vigo. HackForGood estrutúrase ao redor de desafíos ou proxectos de innovación social denominados “retos” que poden ser propostos por calquera persoa ou entidade a través da web http://www.hackforgood.net e que a organización asignará a un equipo de hackers para que traballen na iniciativa durante o transcurso do encontro.
Durante HackForGood 2019 valorarase a formación de equipos multidisciplinares que inclúan todo tipo de perfís: deseñadores, informáticos, enxeñeiros, técnicos, sociólogos, emprendedores sociais, etc., ademais da creatividade e innovación das solucións propostas, o grao de acabado conseguido durante o hackaton e o impacto social das mesmas. Con todo iso, os participantes poderán acceder a tres categorías de premios: locais, nacionais e Big Day.
O ano pasado, os gañadores a nivel estatal foron os responsables de Frigde Ligero, un proxecto centrado en facilitar a experiencia de compra e consumo alimenticio aos invidentes para mellorar a súa autonomía; ParticleAI, un sistema centralizado baseado en Intelixencia Artificial con capacidade para analizar, controlar e predicir o estado de partículas en suspensión, pole e contaminación a partir de grandes cantidades de datos históricos co obxectivo de mellorar a calidade de vida da sociedade; Read2Hear, unha aplicación para persoas con deficiencias auditivas que permite recoller a voz e traducila en modo texto mediante un dispositivo que pode integrarse nunhas lentes e, finalmente, Small Portable Defibrillator, un desfibrilador moi pequeno que se conecta directamente co móbil do usuario, avisando aos sanitarios coa localización do dispositivo, así como o diagnóstico do afectado e consellos para a persoa que estea a asistir ao paciente.
O 32,7% da cidadanía galega empregou o pasado ano a Internet para solicitar unha cita nun centro de saúde da rede de atención primaria do Sergas, unha porcentaxe superior en algo máis de 5 puntos porcentuais á da media do resto de España, onde o emprego do sistema de citas a través da rede telemática é do 27,6%. Así se desprende dos datos do Barómetro sanitario correspondente ao ano 2018 publicado polo Ministerio de Sanidad, Consumo y Bienestar Social.
O 45% da cidadanía galega enquisada refire que emprego o teléfono para solicitar unha cita co seu médico de cabeceira, mentres que un 19% dos galegos a solicitou de forma presencial, acudindo directamente ao seu centro de saúde (a nivel nacional, esta porcentaxe sitúase no 25,3%).
Segundo o datos do Barómetro sanitario, o 17% dos enquisados en Galicia (16,2% na media do SNS) manifesta que foron atendidos polo seu médico de cabeceira o mesmo día que pediron a cita; un 50% refire que foi atendido ao día seguinte (en España a media é do 31,3%) e un 28% di que pasou máis dun día (a nivel nacional, a media sitúase no 46,1%). Máis da metade, en concreto o 51,2% indica que lle pareceu ben que o atenderan o día en que lle deron a cita (a nivel nacional, a media é do 32,9%), mentres que un 48,8% houbese preferido que fose antes. No resto de España esta porcentaxe sitúase no 66,1%.
A meirande parte da cidadanía galega que participou o pasado ano na enquisa do Barómetro sanitario destaca que puido participar, tanto como o desexou, nas decisións, no ámbito da atención primaria, sobre o seu problema de saúde e o seu tratamento. En concreto, esta porcentaxe sitúase no 81,2%, preto de tres puntos porcentuais máis que na media do Estado; e o 90,6% subliña que o profesional sanitario de atención primaria (en concreto, o seu médico de cabeceira) deulle a oportunidade de facer preguntas ou de formular preocupacións. Tamén é valorado cun notable o coñecemento do historial e o seguimento dos problemas de saúde de cada usuario (7,49 puntos sobre 10) e a información recibida polo paciente sobre o seu problema de saúde (7,56 sobre 10).
Cun notable tamén son valoradas, no ámbito da atención primaria, cuestións como os coidados e atención recibida do persoal médico (7,60 puntos), a recibida polo persoal de enfermería (7,61), a confianza e seguridade que transmite tanto o persoal médico (7,70) como o de enfermería (7,57) así como o tempo dedicado polo médico a cada paciente (7,32 puntos sobre 10). E en xeral, os 88,1% dos enquisados considera boa o moi boa a atención recibida nas consultas de atención primaria.
Cómpre destacar que preto do 47% da cidadanía galega enquisada tamén refire, pola súa experiencia persoal, como moi boa ou boa a comunicación entre o médico ou pediatra de atención primaria, o especialista e o ingreso nun hospital, preto de tres puntos porcentuais máis que na media do Sistema Nacional de Saúde.
Ademais, e segundo se desprende dos datos do Barómetro sanitario referido ao pasado ano, os enquisados na nosa comunidade autónoma manifestan nun 45% o seu médico de cabeceira ou o persoal de enfermería de atención médica lle da habitualmente ou case sempre consellos sobre alimentación e hábitos de vida saudables.
En relación co tabaco, e en concreto cos cigarros electrónicos, o 82,3% dos enquisados oíron falar destes dispositivos; máis da metade consideran que poden supoñer un risco para a saúde e un 65% considera que a venta tanto dos cigarros electrónicos como o tabaco sen combustión en lugares públicos debería regularse de igual forma que se fixo co tabaco tradicional.
Ademais, preto do 40% dos enquisados manifestan que se debería ampliar a lista de lugares onde debería estar prohibido fumar. Entre o listado proposto, o 78,6% cree que se debería prohibir esta práctica nos coches particulares só cando viaxen menores de idade; o 67,6% faría extensible a prohibición cando viaxen nos vehículos particulares tamén outras persoas e un 54,3% non deixaría fumar nin en estadios de fútbol, nin noutros centros deportivos ao aire libre.
Por quinto ano consecutivo, a Fundación Vodafone España segue impulsando o programa "Yo me prep@ro", desenvolvido por DOWN España en colaboración con Fundación Vodafone España. Trátase do proxecto máis completo e de maior alcance que hai no noso país para a formación en novas tecnoloxías da información a mozos e adultos con síndrome de Down. O obxectivo que se persegue con este programa inclusivo é facilitar a súa inserción laboral en empresas ordinarias e, en definitiva, a súa inclusión social. Desde o ano pasado, "Yo me prep@aro" incorpora a realidade virtual como ferramenta para mellorar o acceso ao emprego das persoas con síndrome de Down. De feito, a edición deste ano é #Virtualjob, facendo alusión ao devandito elemento tecnolóxico.
Este martes, os técnicos de 19 entidades asociadas a DOWN España recibiron unha formación na sede da Fundación Vodafone España para coñecer as novidades do proxecto para poder trasladalas a cada unha das súas sedes. Nesta ocasión, o programa compleméntase cunhas lentes de realidade virtual, a través das cales se simulan dous escenarios. Un deles é unha entrevista de traballo, na que o usuario das lentes atoparase ante unha situación que podería ser real e que lle servirá como adestramento ante unha futura entrevista de traballo. A outra representa casos de emerxencias que poidan presentarse no lugar de traballo.
A formación, na que se atopaban Pedro Martínez, director do programa "Yo me prep@ro", Mari Satur Torre, directora xeral da Fundación Vodafone España, Tomás de Andrés, Director de Innovación Dixital e Rosana Menendez, Responsable de Comunicación e Proxectos Sociais da fundación, centrouse en "facer que profesionais aprendan a utilizar as lentes e as súas aplicacións para poder formar aos seus alumnos", explica Martínez.
"A idea é que poidan formar a mais de 250 persoas para conseguir, polo menos, que o 30% deles teña unha oportunidade laboral en entrono ordinario", engadiu.
As 19 entidades federadas a DOWN España que recibiron a formación son: Aspanri DOWN, DOWN Castelló, DOWN Sevilla e provincia, DOWN Vigo, DOWN Granada, DOWN Córdoba, DOWN Málaga, DOWN Toledo, FUNDOWN, DOWN Ourense, ASSIDO Murcia, DOWN Coruña, DOWN Valladolid, FUNDABEM, DOWN Xerez Aspanido, DOWN Sabadell ANDI, DOWN Palencia, DOWN Principado de Asturias e DOWN Ávila.
O proxecto "Yo me prep@ro" alcanzará nesta quinta edición o maior número de alumnos con síndrome de Down implicados nun programa de formación en TIC. Serán 240 persoas as que, no transcurso das 700 horas formativas impartidas no programa, adquirirán coñecementos en aspectos tan importantes como o uso de programas informáticos, a navegación por Internet ou a interacción con diversas aplicacións móbiles.
Os novos participantes sumaranse aos 960 mozos de edicións anteriores que recibirán un reforzo á súa formación, sumando un total de 1202 alumnos que se beneficiarán do programa nesta nova edición.
Como complemento á súa formación, os alumnos terán a oportunidade de realizar prácticas laborais en empresas ordinarias da súa contorna. DOWN España adquiriu o compromiso de lograr a inserción laboral de polo menos 72 dos participantes do proxecto. Sumados aos contratos laborais para alumnos conseguidos nos anos previos, o proxecto "Yo me prep@ro" conseguirá durante os seus cinco anos de execución un total de 367 insercións en empresas ordinarias de todo o país.
A realización deste proxecto enmárcase dentro do Convenio Marco subscrito o 8 de novembro de 2013 entre a Fundación Vodafone España, Plena Inclusión e DOWN España para a realización de actividades conxuntas en materia de accesibilidade e inserción laboral que redunden en mellorar as condicións de vida das persoas con discapacidade intelectual.
Este convenio busca fomentar a innovación tecnolóxica aplicada á accesibilidade e fai especial fincapé naquelas iniciativas que contribúan á participación das persoas con discapacidade intelectual no ámbito laboral a través de proxectos piloto de innovación e sesións formativas e de divulgación.
A tecnoloxía permite que as cartas dos restaurantes sexan facilmente accesibles para as persoas con discapacidade visual, aínda que son poucos os establecementos que son conscientes da importancia de facilitar o acceso a todas as persoas.
Por esta razón as consultoras expertas en accesibilidade Equalitas Vitae e Bask For All desenvolveron o proxecto "Menú para Todos" que ofrece dunha forma sinxela crear versións accesibles das cartas dos restaurantes.
Por mor deste proxecto, a empresa pública Fomento de San Sebastián, a Asociación de Hostalería de Gipuzkoa e a Asociación Retinosis Gipuzkoa Begisare decidiron apostar por el para mellorar a accesibilidade dos establecementos da rexión subvencionando o custo deste servizo para os 25 primeiros restaurantes que se adherisen.
Na primeira convocatoria foron 16 os restaurantes que se apuntaron de forma gratuíta ao proxecto e que xa contan cunha versión da súa carta en voz, PDF accesible por lectores de pantalla e en Braille.
A forma na que funciona esta tecnoloxía é moi sinxela. Nestes restaurantes, que se suman a outros establecementos da Rioxa e de Áraba, hai unha serie de códigos QR que ao ser captados polas cámaras dos teléfonos móbiles dos usuarios dirixen á persoa con discapacidade á versión accesibles da carta, xa sexa locutada, en braille ou a un documento accesible polo lector de pantalla do smartphone.
A revolución da tecnoloxía intelixente acaba de empezar e cada vez chega a un maior número de dispositivos permitindo unha personalización do seu uso e facilitando o seu manexo e accesibilidade.
No caso dos dispositivos pensados para persoa con discapacidade, a chamada "intelixencia" da tecnoloxía é moi importante, xa que permite adaptarse ás necesidades de cada un dos usuarios.
Un exemplo moi claro é o dos audífonos e os implantes que utilizan moitas persoas con discapacidade auditiva e que nos últimos anos foron multiplicando as súas capacidades grazas ao desenvolvemento da tecnoloxía.
Así o recolle a Confederación Española de Familias de Persoas Xordas (Fiapas) que destaca a importancia destes avances con motivo do Día Mundial dos Dereitos dos Consumidores.
Este tipo de dispositivos son moi importantes para os seus usuarios, tanto porque lles facilita a comunicación co resto do mundo como porque pasan moitas horas conectados a eles.
Por iso, a chegada da tecnoloxía intelixente supuxo toda unha revolución que, non só mellorou a calidade do son que recibe o usuario, senón que tamén multiplicou as opcións para mellorar a súa vida.
Manexar o audífono desde o teléfono móbil, controlar o volume, adaptalo a distintos ambientes, conectalo cun smartphone ou cun micrófono para mellorar a capacidade de seguir conversacións en ambientes ruidosos.
As posibilidades que ofrece a tecnoloxía intelixente aplicada aos audífonos son enormes e seguirán aumentando nos próximos anos mellorando, con iso, a calidade de vida dos seus usuarios.
A Fundación Telefónica e o Concello de Vigo celebraron a clausura do cursoDesenvolvemento web con Java, impartido pola operadora de telecomunicacións ao abeiro do programa Conecta Emprego da Fundación Telefónica, orientado a formar en competencias dixitais de carácter profesional á veciñanza da cidade. No obradoiro, organizado xunto co Goberno vigués (todo o programa local Conecta Emprego), participaron unha vintena de persoas.
Os asistentes á actividade formativa, maiores de idade e con estudos básicos, medios e superiores (21% ESO e bacharelato, 43% FP grao superior, 14% de licenciatura e grao e 21% de mestrado e posgrao), tiveron a oportunidade de ampliar a súa empregabilidade grazas a capacitárense, no curso, nun eido laboral tan demandado como o da programación Java, co que verán achandado o camiño para conseguir un emprego no ámbito tecnolóxico. De feito, a Fundación Telefónica e o Concello lembraron que dous dos alumnos do obradoiro xa atoparon traballo no sector antes de rematalo. Ao longo do itinerario de formación, que se celebrou ao longo de tres meses, os alumnos adquiriron coñecementos e habilidades que xa lles permiten desenvolver aplicacións web multiplataforma, utilizando a linguaxe Java. De feito, lembra Telefónica, “hoxe en día programar nesta linguaxe está a converterse nun valor engadido para calquera programador”. Durante a clausura e entrega de diplomas interviñeron o alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o director de Relacións Institucionais de Fundación Telefónica, Joan Cruz, quen sinalou a oportunidade da formación en empregos dixitais nunha localidade que é motor de emprego da comarca: “Vigo e os seus concellos veciños son motor do emprego laboral galego e na fundación cremos que este núcleo industrial ofrece un escenario para a nova empregabilidade de primeira magnitude”, comentou. Polo que se refire a Conecta Emprego, é unha plataforma de formación en competencias dixitais que supón unha oportunidade laboral salientable, segundo recalca a fundación “polas alianzas establecidas con empresas e organizacións que precisan incorporar ao seu persoal persoal formado en tecnoloxía e desenvolvemento web”. Para os cursos, os alumnos contan coa colaboración das empresas tecnolóxicas da comarca.
O plan de estudos consiste nunha formación troncal, centrada en arquitectura de aplicacións web, que inclúen o seu deseño e integración web, o desenvolvemento da capa cliente, coñecementos sobre o sistema de xestión de datos MySQL e metodoloxías áxiles. Tras realizar os cursos específicos, os alumnos reciben formación en habilidades para a empregabilidade ao longo de todo o itinerario formativo, como o impulso da intelixencia emocional, o traballo en equipo, a marca persoal, a procura de emprego 2.0 ou como realizar unha entrevista de traballo de maneira efectiva. Durante o tres meses de duración, os candidatos seleccionados reciben tamén unha formación teórico-práctica sobre tecnoloxías e metodoloxías de programación utilizadas na industria e validadas polas empresas colaboradoras. A formación conta coa participación de expertos e referentes no sector da programación. Como broche final, os alumnos repartidos en equipos realizarán proxectos que parten da necesidade real dunha empresa da Comunidade, coa que colaboran activamente para a súa realización. Todos os módulos formativos son presenciais e ademais os alumnos poden seguir formándose fose da aula. O programa traballa en tres ámbitos: selección, formación e incorporación nas empresas e conta cunha plataforma web.
A Coruña vai acoller os días 22 e 23 de maio o Congreso de Cibercrime e Seguridade Informática, que organiza o Colexio de Avogados de A Coruña (ICACOR) no salón de actos da súa sede (rúa Federico Tapia 11, A Coruña) e máis o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), SF Formación, a World Compliance Association e Smart Human Capital. Neste congreso estudaranse ferramentas para protexernos dos delitos informáticos, a nivel individual e empresarial, ou para examinar a nova perspectiva de defensa, entre outras cuestións.
Segundo lembra o CPEIG sobre a relevancia das temáticas a tratar, “a delincuencia a través das novas tecnoloxías, xunto ao tráfico de drogas, é a que máis beneficios reporta ao crime nestes momentos”. No congreso porase o foco en actividades delitivas concretas e como atallalas, como por exemplo os timos das cartas nixerianas, a suplantación de identidade ou os delitos contra os activos inmateriais das empresas (como a propiedade intelectual ou industrial).Respecto á contribución do CPEIG, a vogal do colexio, Pilar Vila Avendaño, ofrecerá o xoves 23 de maio, ás 18:00 horas, un relatorio sobre os problemas prácticos das periciais relacionadas coas novas tecnoloxías.
O evento tamén contará (o primeiro día) coas intervención de Luis Vázquez Seco (fiscal delegado de Cibercrime na Fiscalía Provincial da Coruña), Luis Jurado Cano (avogado e socio en Perseus e RC Abogados), Alberto González (sarxento da Garda Civil e xefe do Grupo de Estafas Informáticas na Comandancia da Garda Civil da Coruña). O segundo día participarán Óscar de la Cruz Yagüe (comandante da Garda Civil da Unidade Central Operativa), Ángel Pablo-Avilés de la Rosa (xefe de seguridade en Smart Human Capital e ex compoñente do Grupo de Delitos Telemáticos da UCO, Garda Civil).
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Universidade da Coruña colaboran para achegar a Galicia a un dos máximos expertos internacionais en materia de ciberseguridade, o estadounidense David FInn, actualmente director executivo da organización CleanApps.org. O vindeiro 20 de marzo as 12 da mañá no Auditorio da Biblioteca da Cidade da Cultura, acollera o relatorio de Finn Who else can join the data privacy war on the side of consumers? It’s not who you think: Construíndo unha internet limpa e segura.
A xornada contará o historia de internet e a ciberseguridade, como naceron os problemas co malware e o fraude nas apps e cales son as perspectivas de futuro para afrontar eses problemas. Ao final da charla abrirase unha quenda de preguntas moderada polo catedrático J. Andrés Faíña, do Grupo Jean Monnet de Competencia e Desenvolvemento (GCD). Esta actividade está dirixida a un público amplo, incluíndo persoal directivo de empresas, administracións públicas e representantes da sociedade civil, así como do ecosistema da innovación de Galicia.
O relatorio, que se impartirá en inglés con tradución simultánea, está aberto ao público en xeral é de balde pero con aforo limitado polo que é necesaria a inscrición previa na web do CDTIC ou mediante a súa aplicación dispoñible nas plataformas Android e iOS, así como a través do correo electrónico cdtic@xunta.gal.
David Finn é doutor en dereito pola Universidade de Harvard e experto en ciberseguridade, foi fiscal federal na cidade de Nova York e estivo traballando durante 16 anos dirixindo equipos de loita contra o cibercrime en Microsoft. Actualmente, é director executivo de CleanApps.org, unha organización que promove desenvolvemento responsable de apps, así como a privacidade e seguridade dos consumidores.
O programa de David Finn en Galicia complétase con outro seminario sobre ciberseguridade, de carácter máis técnico, que se celebrará na Coruña o día 21 de marzo, de 18:30 a 19:45 horas , baixo o titulo A new approach to cleaning up the internet: and what cybersecurity companies, developers, and non-profit institutions must do to make it happen. Este seminario está organizado polo Grupo Jean Monnet de Competencia e Desenvolvemento (GCD) xunto ca Cátedra R en Ciberseguridade UDC-UVigo, a Cátedra Luis Fernández Somoza para a internacionalización dos estudos de economía e empresa da UDC e a Cátedra Jean Monnet de Economía Industrial Europea en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
O seminario terá lugar na Facultade de Economía e Empresa, Campus de Elviña, A Coruña e terá prioridade para asistir o alumnado de doutoramento e dos mestrados de Innovación e Administración de Empresas, así como empresas e especialistas en ciberseguridade.
O CDTIC, impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), é unha iniciativa que promove a transformación dixital das pemes de Galicia como factor chave para mellorar a súa eficiencia e competitividade. Así, a través de distintos servizos e actividades, o CDTIC amósalles ás empresas a importancia de impulsar o talento dixital dentro destas, para desenvolver unha nova organización do traballo e unha cultura dixital na que o persoal e a clientela se sintan cómodos ante a incorporación das tecnoloxías.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) vén de facer pública a licitación do servizo de deseño, desenvolvemento, implantación e demostración dunha plataforma de experiencias tecnolóxicas interactivas no ámbito formativo para nenas e nenos entre 6 e 16 anos, cofinanciado nun 80 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 (AMT-2019-0021). O prazo para a presentación de propostas remata o vindeiro 8 de abril.
En xullo pasado, a CRTVG e AMTEGA asinaron un convenio para levar a cabo accións conxuntas de innovación tecnolóxica dirixidas aos centros de ensino galego. CRTVG e AMTEGA impulsarán a modernización e innovación tecnolóxica nos colexios de educación primaria e secundaria a través da creación dunha plataforma dixital para contidos interactivos. Con este fin, desenvolverase a tecnoloxía necesaria para incorporar novidades como as segundas pantallas, creando contidos específicos baseados na realidade aumentada, realidade virtual para dispositivos móbiles, etc. As dúas institucións públicas levarán a cabo tamén un segundo proxecto de análise de datos, que procese os comportamentos e necesidades da audiencia para a posterior creación de canles multimedia audiovisuais que satisfagan as súas demandas, a través da análise de Big Data.
Esta acción encádrase, na CRTVG, dentro da Área de Innovación e Negocio e enlaza co territorio de comunicación da Corporación con vistas ao novo contexto dixital, coa estratexia de ampliar canles de comunicación cos sectores de audiencia máis novos e os novos hábitos de consumo. Este acordo, cofinanciado co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do Feder Galicia 2014-20, terá unha vixencia de catro anos, prorrogables, en que as dúas institucións públicas, CRTVG e AMTEGA, desenvolverán tanto a plataforma tecnolóxica precisa para o seu funcionamento coma os contidos que se publiquen nela. O orzamento destinado será de 2.430.000 euros ata o 2020. A axencia pública autonómica achegará 1.780.000 de euros, cofinanciados nun 80 % con Fondos Feder, e CRTVG contribuirá con 650.000 euros ao acordo.