main content

main content
29/03/201908:03
Portada do estudo.
Madrid

O lecer dixital é o servizo máis consumido pola maioría dos usuarios con discapacidade

A partir dos resultados do "Estudo de accesibilidade dos bens e servizos a disposición do público en España, 2017", elaborado pola Fundación ONCE, destácase que o lecer dixital é o servizo máis consumido pola maioría dos usuarios con discapacidade, as boas puntuacións do sector turismo, o avance en mobilidade dos transportes e certa insatisfacción dos usuarios con discapacidade cara á accesibilidade do sector financeiro e de seguros.

Dispoñible na web do Centro Español de Documentación sobre Discapacidade (CEDD) e editado polo Real Padroado sobre Discapacidade, a través do CEDD, o estudo realiza un diagnóstico do estado da accesibilidade dos produc­tose e servizos a disposición do público considerados máis relevantes (alimentación, vivenda, sanidadetransporte, comunicacións, lecer e cultura, ensino, etcétera) a partir dos diferentes estudos, informes e avaliacións dispoñibles e das apor­taciones dalgúns representantes de entidades do sector da discapacidade.

Destacan as boas puntuacións alcanzadas nalgúns apartados do sector turismo, concretamente en restaurantes e hoteis. Segundo o "Observatorio de accesibilidade universal ao turismo en España", (Fundación ONCE, 2017), a pesar dos problemas de acceso e deambulación para persoas con mobilidade reducida, os aloxamentos recibiron unha nota media de sete sobre dez, e os bares e restaurantes, unha valoración ponderada de 6,1 de 10.

No outro lado da balanza, os tres sectores peor valora­dos polas persoas con discapacidade na enquisa online son o transporte; o lecer dixital, a cultura e o deporte, e os seguros e servizos financeiros. Con todo, as diferenzas entre as puntuacións non son moi significativas.

Enquisa Online

Tamén forman parte deste traballo os resultados dunha enquisa online rea­lizada para coñecer a opinión das persoas con discapacidade respecto da accesibilidade dos bens e servizos, na que se profunda en dous ámbitos relevantes como son a contorna sanitaria e o lecer e a cultura.

A consulta online realizada para este estudo revela que, en relación ao acceso dos produtos e servizos relacionados co lecer e coa cultura, o lecer dixital é sen dúbida o medio máis consumido pola maioría dos usuarios con discapacidade (oito de cada dez), fronte ao uso de cinemas, teatros e museos (sete de cada dez) e as actividades deportivas (seis de cada dez).

Nos procesos xestionados de forma presencial é onde os partici­pantes manifestan máis dificultades; sete de cada dez usuarios recoñecen atopar carencias ao acceder aos establecementos e ao realizar procesos de autoservizo nas compras presenciais; fronte a catro de cada dez que atopan barreiras nos procesos de navegación e procura, pago, facturación e seguimento dos servizos e contratación online.

Con todo e con todo iso, o estudo pretende identificar a situación actual para, a partir das conclusións e reco­mendaciones extraídas, coordinar esforzos e poder seguir traballando no desenvolvemento de actuacións que permitan a súa mellora.

O estudo, presentado polo Real Padroado sobre Discapacidade e editado polo Centro Español de Documentación sobre Discapacidade (CEDD), está a disposición dos usuarios de forma gratuíta e online na páxina web do CEDD.

Acceso ao contido completo do traballo: Estudo de accesibilidade dos bens e servizos a disposición do público en España.        

Sobre o Real Padroado sobre Discapacidade

O Real Padroado sobre Discapacidade é un organismo autónomo da Administración Xeral do Estado, que ten encomendada, entre outras funcións recollidas no artigo 3 do seu Estatuto, promover a aplicación dos dereitos humanos, os ideais humanísticos, os coñecementos científicos e os desenvolvementos técnicos ás accións sobre a discapacidade, facilitar a colaboración entre distintas institucións, prestar apoios a organismos en materia de estudos, investigación e desenvolvemento, información, documentación e formación, emitir ditames técnicos e recomendacións e desenvolver actividades como órgano técnico de encontro, reflexión, debate e proposta, así como difundir e promover o máis amplo coñecemento da discapacidade.

29/03/201908:03
Unha nena con discapacidade auditiva segue a clase a través dunha tableta.
Santiago de Compostela

Ability Connect, unha app para facilitar a comunicación de persoas con discapacidade

Ability Connect é unha tecnoloxía para que distintos usuarios poidan compartir contido en texto sobre o que se aplican distintas opcións de accesibilidade, facilitando enormemente a comunicación a persoas con discapacidade visual ou auditiva.

Esta aplicación está especialmente pensada para o ámbito educativo xa que facilita que persoas con discapacidade poidan seguir as explicacións e a materia que se trata na aula dunha forma moito máis accesible.

O texto pódese adaptar para facilitar a súa lectura por persoas con discapacidade auditiva ou visual, ou os dispositivos móbiles pódeno ler no alto para que sexa accesible a persoas cegas.

Os compañeiros de Orientatech probaron este sistema desenvolvido pola Universidade de Alacante en colaboración coa Fundación Vodafone, e publicaron unha exhaustiva análise sobre el, non volo perdades!

29/03/201908:03
Fotografía de varios sobres de votación sobre un calendario marcando o 28 de abril.
Santiago de Compostela

A tecnoloxía mellora a participación de persoas con discapacidade nas eleccións

É fundamental garantir os dereitos e obrigacións das persoas con discapacidade, como é o dereito para participar na vida política en igualdade de condicións, e para logralo a tecnoloxía é, en moitos casos, un aliado fundamental.

Así será nas próximas eleccións xerais nas que Fiapas colaborará co Ministerio do Interior na instalación de bucles magnéticos naquelas mesas electorais nas que estean designados membros, xa sexa como titular ou como suplente, con discapacidade auditiva que utilicen audífonos ou implantes.

Desta forma, cando se coñezan as persoas que deberán integrar as mesas electorais, os membros que sexan usuarios destas próteses poderán pedir á Xunta Electoral de Zona a instalación dos bucles.

Este organismo transmitirá a petición á delegación ou subdelegación do Goberno, que o comunicará ao Ministerio do Interior, que xestionará a instalación do bucle coa Confederación Española de Familias de Persoas Xordas (Fiapas).

Estes bucles magnéticos facilitarán a comunicación ás persoas con discapacidade auditiva usuarias de audífonos ou implantes, sobre todo tendo en conta que os colexios electorais son lugares nos que habitualmente existe moito ruído ambiente.

29/03/201908:03
Foto dos premiados de
Padrón

Padrón acolle a entrega de premios de 'Lingua de Namorar'

  • O secretario xeral de Política Lingüística, a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado e o delegado territorial da Coruña entregaron onte os galardóns da sétima edición deste certame co que se quere dinamizar o uso do galego nas relacións persoais da mocidade e na internet

 

Tal e como estableceron as bases da sétima edición do certame de declaracións de amor en galego na rede dirixido á mocidade Lingua de namorar, Padrón acolleu onte o acto de entrega de premios, no que participaron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel; e o delegado territorial, Ovidio Rodeiro.

“Que mellor lugar para facer entrega dos premios da que xa é a oitava edición do certame Lingua de namorar ca esta Praza dedicada a Macías O Namorado, un poeta padronés que cantou o seu amor en galego, tal e como vós, premiados e premiadas, fixestes en pleno século XXI, aínda que usando un tipo de texto e un medio de transmisión diferente e adaptado aos novos tempos”, sinalou García Gómez na súa intervención, na que quixo recordar que “o obxectivo de Lingua de namorar, que vai máis aló ca un certame literario ao uso. Con esta iniciativa, as consellerías de Cultura e Turismo e de Política Social queremos animar as novas xeracións a continuar expresando en galego o que en galego sempre se expresou, os afectos; que os mozos e mozas empreguedes no voso día a día a que foi lingua de trobadores sabendo que é tamén un idioma do século XXI que serve para ser usado en cantos ámbitos e soportes, novos e vellos, se lle presenten”.

Pola súa banda, Cristina Pichel destacou que esta é “a edición das primeiras veces”, posto que é a primeira vez que resulta premiado un mozo de fóra de Galicia, que unha persoa repite galardón por segunda vez (Nee Barros) e, tamén, “é a primeira vez que tecemos sinerxías entre o talento da xuventude galega, posto que a persoa que musicou as mensaxes gañadoras, David Dealonso, foi 2º premio en Xuventude Crea 2018”, sinalou. “Isto demostra”, en palabras da directora xeral, “que os mozos e mozas galegas teñen talento, que se esforzan día a día e que están comprometidos co noso idioma”.

Acompañounos o alcalde padronés, Antonio Fernández Angueira.

Seis premios e unha mención de honra entre case 600 participantes

Recolleron os seus premios, na categoría A, que englobaba as mensaxes de mozos e mozas que teñen entre 14 e 19 anos, Nee Barros (Marín, Pontevedra) coa mensaxe “Máis que choiva”; e o segundo e o terceiro premio, respectivamente, Irea Cendán (As Pontes, A Coruña), por “Conto contigo”, e Yago Rubio (Vega de Espinareda, León), por “Tan guapa”. Este último, alumno do IES leonés de Cacabelos, un dos 19 centros de ensino que participan no Programa de Promoción do Galego no Bierzo e en Sanabria que impulsan a Xunta de Galicia e a Junta de Castilla y León.

Na categoría B, para mozos e mozas que contan entre 20 e 35 anos, recibiuno Navia Rivas (Boimorto, A Coruña) con “Este para min”. O segundo, Darío Rodríguez (Vigo, Pontevedra), por “Amor diglósico”, e o terceiro Cándido Paniagua (Xinzo de Limia, Ourense), por “A discusión: corazón vs. cabeza”. Nesta categoría recibiu tamén unha mención de honra do xurado María Inmaculada Rodríguez Marqués (Ribadeo, Lugo), por “Escoiteite”.

Estes seis gañadores e a mención de honra impuxéronse de entre os preto de 600 mozos e mozas que participaron na sétima edición de Lingua de namorar. Os textos gañadores e os premios concedidos poden verse na páxina web do concurso e no Portal da Lingua galega.

29/03/201907:03
Foto dos participantes na formación.
Ferrol

Ovidio Rodeiro clausura o obradoiro de emprego xuvenil de Ferrol no que se formaron 16 alumnos en desenvolvemento de aplicacións con tecnoloxía web

  • O delegado territorial da Xunta na Coruña animou ás mozas e mozos a aproveitar esta formación para non desanimarse na busca de emprego

 

Un total de 16 alumnos e alumnas formáronse e accederon a un emprego nos últimos seis meses en Desenvolvemento de Aplicacións con Tecnoloxía Web, grazas a un obradoiro de emprego xuvenil que apoia a Xunta en colaboración co Concello.

Ovidio Rodeiro foi o encargado de clausurar este taller Costa Web, promovido polo concello de Ferrol. Os alumnos comezaron a formación no mes de setembro e concluíron en marzo, tras seis meses de formación teórica e práctica. Grazas a este obradoiro levouse a cabo o redeseño da páxina web do Centro de Emprego do Concello de Ferrol.

O delegado territorial comezou por felicitar aos participantes: “porque tivestes a oportunidade de traballar seis meses meses para mellorar as vosas capacidades profesionais, a vosa empregabilidade, en definitiva, o voso futuro”. Neste senso, resaltou a importancia da colaboración entre administracións públicas para impulsar a formación e a calidade do emprego en Galicia.

Ovidio Rodeiro admitiu que este tipo de actos “supoñen unha especial satisfacción para a Xunta, sempre comprometida na busca de oportunidades para a xuventude”. “Tendes agora a oportunidade de demostrar que soubestes aproveitar esta oportunidade”, sinalou, antes de pedirlles aos 16 alumnos que non se desanimen “na profesión de buscar un emprego”. Rematou agradecendo ao persoal docente “o esforzo por tratar de transmitir, xa non só os coñecementos, como o espírito de loita e emprendemento que vai a levar a estes rapaces a encarrilar o seu futuro profesional”.

Os obradoiros céntranse na realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten un traballo que, xunto coa formación profesional para o emprego, procure a súa cualificación profesional e favoreza a súa posterior inserción laboral. Esta formación impulsa tamén o emprendemento, xa que os beneficiarios reciben formación específica que lles permitirá iniciar os seus propios proxectos.

28/03/201908:03
Pantallazo da web STEMbach.
A Coruña

A UDC lanza web para convidar á xuventude a percorrer o camiño da ciencia e a tecnoloxía

Temos nova web sobre educación científico-tecnolóxica e sobre as vantaxes de iniciar unha andaina educativa e profesional ligada á investigación, o coñecemento avanzado e o desenvolvemento. A nova páxina, STEMbach, vén da man dunha das institucións galegas que envorca máis esforzos en incidir en estimular as vocacións e as capacidades da xuventude en eidos como a informática, a robótica, a eSaúde, a Industria 4.0 ou a sustentabilidade enerxética: a Universidade da Coruña. 

O espazo en liña vai adicado ao novo Bacharelato de Excelencia en Ciencias e Tecnoloxía, ou STEMbach, creado ao abeiro da Estratexia galega para a educación dixital, Edudixital 2020, e que se oferta por primeira vez neste curso nun total de quince centros educativos galegos. 

Na páxina, ademais de información de interese sobre a nova liña formativa pre-universitaria, os titores e o alumnado dos centros educativos poden consultar os proxectos de investigación que se ofrecen desde a Universidade da Coruña: máis de 50 propostas realizadas por once facultades e escolas diferentes situadas tanto no Campus da Coruña como no Campus de Ferrol. Os proxectos, que poden realizarse de maneira individual ou colectiva e contarán cunha posterior defensa pública, están aliñados cos tres campus de especialización da UDC, o Campus Innova, o Campus Sustentabilidade e o Campus Industrial, e serán co-dirixidos por unha persoa docente pertencente á Universidade da Coruña. 

Segundo se engade dende os ditos campus, “o alumnado galego matriculado neste bacharelato poderá desenvolver o seu proxecto de investigación na UDC sobre temas tan diversos e interesantes como o comportamento mecánico do aceiro a baixas temperaturas, a mellora da mobilidade viaria das cidades, os robots autónomos, a impresión 3D no deseño industrial, a radioactividade ambiental, a evolución da paisaxe e do clima, o estudo do cariotipo humano, a procura de novos compostos antitumorais, a análise da seguridade informática da rede de datos dun centro de secundaria, ou as tecnoloxías lingüísticas, entre outras liñas de traballo. Outro dos obxectivos da web é facilitar a coordinación entre a Universidade da Coruña e os quince centros galegos que imparten o STEMbach co fin de “organizar de maneira conxunta visitas, xornadas, obradoiros, seminarios ou calquera outra actividade complementaria de formación”.

28/03/201908:03
Cartel do evento.
A Coruña

O CITIC apoia o evento Informática para tod@s

A Facultade de Informática da Universidade da Coruña vai acoller esta semana o evento Informática para tod@s, organizado pola investigadora do Centro de Investigación TIC (CITIC) da UDC, Laura M. Castro, entre outros. A iniciativa, que vai celebrar a súa cuarta edición, desenvólvese os días 28 e 29 de marzo e ten o obxectivo de promover o papel da muller no ámbito da tecnoloxía en español. 

O evento está enmarcado dentro do ACM-W, un comité internacional cuxa misión é fomentar a participación da muller en todos os aspectos do campo da informática. En 2016, ACM-W: Informática para tod@s uniuse a este conxunto de celebracións a nivel nacional, para mostrar a importante e imprescindible contribución feminina na computación e facilitar o encontro e intercambio de ideas con persoas que comparten o castelán como lingua. A investigadora do CITIC Laura M. Castro foi unha das fundadoras da iniciativa, formando parte do comité organizador dende a súa primeira edición.

O programa de Informática para tod@s está composto por charlas, sesión de pósters, paneis de discusión e feira de emprego. Contará con doce relatoras de referencia no ámbito tecnolóxico; entre elas atópase Nuria Oliver, enxeñeira de Telecomunicacións referente en España en Intelixencia Artificial e Big Data e membro do Comité Asesor Científico do CITIC.

27/03/201909:03
Robot lego.
Ferrol

Máis de 170 estudantes xúntanse esta semana no Torneo de Robótica do Campus de Ferrol

A robótica crea e reforza vencellos, estimula capacidades e vocacións e fomenta o intercambio de coñecemento entre xente de distinta idade e formación. Por estas e outras razóns, a Escola Universitaria Politécnica (EUP) do Campus de Ferrol vai organizar esta semana, o xoves 28, a segunda edición do seu Torneo de Robótica. A cita dará comezo ás 9.30, cando o director do centro da UDC, Andrés Piñón, reciba aos máis de 170 estudantes de secundaria, bacharelato e FP que participan no certame.

Nesta segunda edición, concorre alumnado do IES Cabo Ortegal, de Cariño; dos IES Eduardo Blanco Amor e Rego da Trabe, de Culleredo; dos IES Ferrol Vello, Sofía Casanova e Catabois, de Ferrol; do IES San Rosendo, de Mondoñedo; do IES Ortigueira, de Ortigueira; do CPI de Atios, de Valdoviño; e mais do CIFP Ferrolterra. Divididos en 39 equipos, os estudantes terán que superar tres retos: un sigue-liñas con obstáculos, a proba do varrendeiro e unha competición de sumo. No primeiro desafío, o robot terá que seguir unha traxectoria impresa e salvar aqueles atrancos que se interpoñan no seu camiño. Na segunda das probas, os participantes empregarán algoritmos semellantes aos que utilizan as aspiradoras smart ou as máquinas de cortar o céspede para varrer todos os obxectos do taboleiro (acadará a maior puntuación aquel equipo que consiga o obxectivo marcado no menor tempo posible). Por último, na competición de sumo, os equipos medirán as súas forzas nun combate no que deben expulsar ao robot contrario do taboleiro de xogo. O robot empregado será un Mbot Ranger.

O xurado estará integrado polo profesorado e alumando da Escola Universitaria Politécnica. A entrega de premios terá lugar no salón de actos do centro ás 13:00 horas. A vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Araceli Torres Miño, será a encargada de pechar a cita.

27/03/201909:03
Cartel do evento.
Vilanova de Arousa

CreaR recala esta finde en Vilanova de Arousa

Segue adiante, vento en popa, o proxecto educativo-tecnolóxico CreaR. A iniciativa, dirixida aos pequenos da casa (mostrándolles os beneficios da programación, a robótica e a Intelixencia Artificial) e tamén aos maiores (achegándolles recomendacións, pautas e claves para teren unha alfabetización dixital axeitada e garantirlla, tamén, á xente máis nova), chegará o sábado 30 de marzo a Vilanova de Arousa, logo do seu paso por Carballo.

Segundo lembra a firma R, organizadora do proxecto, as sesións terán continuidade até finais de ano, con novas actividades sobre Intelixencia Artificial e programación e charlas didácticas noutras cidades e vilas da nosa terra. Respecto da cita deste sábado en Vilanova, os obradoiros de robótica (dirixidos a nenos e nenas de entre 7 e 12 anos), desenvolveranse de 11:00 h a 13:00 h no Centro de Desenvolvemento Local, no Pazo de Vista Real, coa finalidade de “potenciar a creatividade nos cativos, espertar o seu espírito emprendedor e adestralos en habelencias coma o traballo en equipo ou a oratoria”. 

A nova etapa de CreaR, incluída a cita de Vilanova, inclúe varias vertentes. En primeiro lugar, retómanse os obradoiros de robótica para nenas e nenos de entre 7 e 12 anos, cos que se quere “potenciar a creatividade dos cativos, espertar o seu espírito emprendedor e adestralos en habelencias como o traballo en equipa ou a oratoria”. Segundo informa R, o proxecto temático destas novas xeiras será a programación e construción dunha cidade, incluíndo cousas como un coche con plastilina condutiva (con luz de seu), un semáforo programado ou unha barreira de acceso. Estes obradoiros terán dúas horas de duración e neles terán cabida un máximo de 30 nenas e nenos. “O noso obxectivo”, explican dende R, “é achegarlles unha experiencia divertida para gañaren en seguridade e dar saída ao seu talento”. Ao carón disto, porase o foco nos valores do emprendemento e nos alicerces dos conceptos STEAM: ciencia, tecnoloxía, enxeñaría, arte e matemáticas. Para desenvolver ao máximo os ditos obxectivos, a operadora volverá contar coa colaboración da escola Líbolis Pequenos Emprendedores e o seu innovador método educativo. 

Por certo que os obradoiros CreaR tamén terán contidos para nais, pais e docentes, que poderán escoitar (mentres a rapazada se divirte e crea) consellos dun pedagogo especializado para resolver dúbidas sobre a educación dos que si naceron na era dixital; e sobre o bo uso que adolescentes e millennials poden facer da internet e das redes sociais. Estas charlas sobre temas diversos desenvolveranse en espazos adxacentes aos talleres CreaR e están pensadas para un máximo de 40 persoas. Pilotando as sesións estará o equipo de Sherpa Digital, resolvendo dúbidas sobre a contorna dixital.

Os novos talleres e as charlas do programa CreaR arrincaron a súa andaina o pasado 23 de febreiro en Carballo, e logo da cita de Vilanova e até o final de ano, visitarán tamén as localidades de Ourense, Monforte de Lemos, Nigrán, A Coruña, Pontevedra, Ribeira e Narón. O proxecto educativo CreaR está aberto ao público xeral, tanto a clientes como a non clientes do operador galego. Tan só é preciso contar con algún dos convites que R porá a disposición da xente nos puntos de venda das localidades onde se celebre a acción cada mes. Os obradoiros enmárcanse no programa Digitalent 2020 da Xunta (a través da axencia AMTEGA) para estimular o talento precoz no ámbito das TIC e fomentar vocacións nas profesións científico-tecnolóxicas especialmente entre mozos e mozas dende idades temperás.

27/03/201908:03
Furgoneta que se pode conducir cun joystick.
Salamanca

A Fundación ONCE impulsa a innovación social co apoio a catro emprendedores en Startup Olé 2019

  • Ademais, expoñerá unha furgoneta que se conduce con joystick e que facilita o manexo do vehículo ás persoas que non poden utilizar un volante

 

A Fundación ONCE aposta decididamente polo emprendemento e a innovación social como unha das ferramentas para mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade. Proba diso é a súa participación en Startup Olé 2019, que terá lugar en Salamanca desde mañá ata o xoves, 28 de marzo, co seu apoio a catro emprendedores e coa exposición dunha furgoneta que se conduce cun joystick. Así, os asistentes a esta V edición de Startup Olé poderán coñecer a catro emprendedores que presentarán as solucións prácticas que deseñaron co fin de resolver algúns dos problemas aos que se enfrontan persoas con discapacidade na súa vida diaria. 
 
En concreto, estas solucións proceden de WorkingMinds, Gaido, Showleap e Timpers. A primeira delas, WorkingMinds, é unha startup dedicada á investigación no campo da saúde mental, que ofrece "tratamentos psicolóxicos online de calidade a prezos moi alcanzables". Pretende desenvolver o primeiro algoritmo de intelixencia artificial capaz de diagnosticar con precisión algúns trastornos mentais e está a levar a cabo para iso un estudo piloto con tres hospitais de Madrid. Esta empresa proponse eliminar barreiras económicas e físicas para proporcionar acceso a diagnóstico e terapia de precisión a todas as persoas que viven cun trastorno mental. 
 
Pola súa banda, Gaido é un software que axuda no día a día a persoas con Trastornos do Espectro do Autismo (TEA), mediante o estímulo do desenvolvemento e a aprendizaxe, ademais do apoio ao traballo diario de familiares e profesionais. 
Xorde da necesidade de contar cun conxunto de ferramentas visuais que se adapten ás necesidades reais das persoas con TEA e que conecte a quen os rodea co fin de conseguir un mellor desenvolvemento e unha evolución máis eficiente.
 
En canto a Showleap, trátase dun mecanismo que traduce o signado dunha persoa xorda a texto ou voz mediante un dispositivo con cámara (PC, tableta e, en próximas evolucións, ata un móbil). Actualmente, aliméntase dunha base de datos con 30.000 mostras de diferentes signantes e estase traballando en converter os signos en frases utilizando intelixencia artificial. 
 
Finalmente, Timpers é a marca dunhas zapatillas deportivas deseñadas por persoas cegas, que fan fincapé en texturas, materiais e partes relacionadas co sentido do tacto. Levan o nome escrito en braille.
 

Furgoneta conducida por joystick

Doutra banda, este evento tamén servirá como marco para expoñer o prototipo dunha furgoneta que se conduce con joystick e que permite así o seu manexo a persoas que por problemas motrices non poden utilizar un volante. O vehículo conta coa adaptación de todas as funcións primarias e secundarias necesarias para permitir que unha persoa con graves problemas de mobilidade poida manexalo con total efectividade e seguridade. Por unha banda, instalouse unha rampla que deixa que o usuario acceda coa súa cadeira de rodas ata o posto de condución, o que implica a automatización da porta de acceso, unha plataforma elevadora e unha ancoraxe automática da cadeira. 
 
Así mesmo, incluíronse dispositivos de manexo das funcións primarias do vehículo -acelerador, freo, dirección- a través de interfaces tipo joystick- que poden ser de catro vías con todas as funcións accionadas desde unha mesma panca ou de dispositivos de dúas vías (para acelerador/freo ou para dirección) e/ou minivolante. Tamén se xestionan as funcións secundarias -posta en marcha, luces intermitentes, claxon, etcétera- a través de matrices de sons e símbolos activables por unha botoneira ubicable nun lugar de fácil manexo para o usuario ou mesmo con instrucións por voz. A condución por joystick é o sistema máis avanzado que existe para as persoas que queiran manexar un vehículo desde a súa propia cadeira, sexa cal for a súa discapacidade.
 
O vehículo estará situado na rúa Fonseca da cidade charra.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS