A nosa terra xa ten unha nova comunidade para facer fronte común arredor da tecnoloxía argalleira (maker), participativa, colaborativa, aberta, construtiva e solidaria. Trátase de Compostela Tech, que xa conta con web de seu (http://compostelatech.org/) e que xorde da vontade compartida dunha serie de asociacións, makers a título individual e entidades locais a prol de compartir recursos e enerxías: Xantar Dev, Aberteo, Blockchain.gal, Wordpress Compostela, GDG Santiago e Recuncho Maker.
Segundo nos conta Óscar Miguel Bandín, un dos impulsores da iniciativa, a orixe deste novo proxecto está na necesidade de encher unha serie de baleiros de comunicación en Compostela e contorna: “Démonos conta que había xente que non coñecía nada do que se estaba a facer en Santiago de Compostela nese sentido, e que algunha xente coñecía unha comunidade e a outra non, malia compartiren moitas cousas”, explícanos Óscar Miguel, que salienta tamén a inspiración que supuxo a creación en Vigo “dunha interesante iniciativa chamada Vigo Tech” e que significou a constatación “dun movemento matemático interesante: o total das contribucións das pequenas comunidades integrantes era moito máis que a simple suma aritmética”.
Volvendo a Compostela Tech, comeza a súa andaina con folgos considerables, cun espazo en Twitter e cun calendario único de eventos de todas as comunidades participantes, amais dun chat en Slack para intercambiar coñecemento. A primeira actividade da tempada (XantarDev-MarzalDev) celebrouse este 29 de marzo no Centro Sociocultural do Castiñeiriño.
A tecnoloxía avanzou tanto nos últimos anos que hoxe é posible conectar case calquera dispositivo a Internet e ampliar exponencialmente as súas funcionalidades.
É o caso dos reloxos intelixentes, tecnoloxía de última xeración que xa non só se limitan a marcarnos a hora senón que inclúen funcionalidades engadidas que nos permiten realizar desde a nosa boneca todo tipo de tarefas.
Contidos:
Cambia o teu vello dispositivo por un intelixente e aproveita todas as funcións extra que che ofrece!
A través de Internet pódense acceder a descontos especiais en páxinas web dedicadas á venda de viaxes e supón un gran aforro en respecto a as axencias tradicionais.
Pero tanto se existen ofertas coma se non, á hora de contratar viaxes os consumidores temos os mesmos dereitos que nos protexen.
Contidos:
Benefíciate contratando unha viaxe a través de Internet!
Cada vez é máis común comprar por Internet, pero debido á gran cantidade de tendas existentes, ás veces faise complicado distinguir unha tenda lexítima doutra que non o é.
Neste curso coñecerás cales son os teus dereitos como consumidor na internet, que precaucións debes ter presentes antes de realizar calquera compra online e que pautas deberías seguir para realizar as túas compras con total garantía.
Contidos:
Empeza a facer comodamente as túas compras a través de Internet!
Se che gusta facer pasatempos agora telo moi fácil, porque os nosos teléfonos intelixentes permítennos manter vivo ese espírito de lecer construtivo cunha chea de aplicacións cunha grande variedade de xogos de crucigramas e de palabras que nos entreterán e que tamén nos axudarán a exercitar a mente e a potenciar as nosas capacidades lingüísticas.
Neste curso aprenderemos algúns dos pasatempos máis interesantes e entretidos para xogar co teu móbil.
Contidos:
A Cidade da Cultura acolleu o venres pola mañá unha sesión de traballo do Plan Senda 2020, destinado a facer avanzar a modernización tecnolóxica da Xustiza en Galicia. Na xuntanza fixeron acto de presenza o vicepresidente e conselleiro da Presidencia, Alfonso Rueda; a directora da axencia AMTEGA, Mar Pereira; o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Miguel Ángel Cadenas, así como os presidentes das audiencias provinciais e os xuíces decanos. A sesión serviu para afondar no estado de desenvolvemento do chamado Expediente Xudicial Electrónico, que, segundo se fixo saber, “ten todas as súas pezas en funcionamento”.
Amais, tamén se abordaron cuestións como a sinatura dixital, o visor do eExpediente Xudicial ou o inicio das demandas online.
Respecto da sinatura dixital, díxose que en 2018 serviu de alicerce a preto de 900.000 documentos nos xulgados galegos, “unha cifra cinco veces superior á rexistrada o ano anterior”, explicaron Rueda e Pereira, engadindo que esta suba está directamente ligada ao medre dos órganos xudiciais habilitados con esta funcionalidade, que pasaron de 2 a principios de 2017 a 136 ao remate de 2018. Ademais, informaron, “a integración da sinatura dixital co sistema de xestión procesual Minerva que empregan xuíces, letrados, funcionarios e con Fortuny o sistema dos fiscais facilita un maior uso da sinatura electrónica”.
Polo que atinxe ao visor, outra das medidas do Plan Senda, está implantado desde 2018 na totalidade dos órganos xudiciais galegos. O ano pasado o visor rexistrou 43.000 visitas, un 34% máis que en 2017.
Respecto do repositorio unificado xudicial, a pedra angular da que se serven as novas aplicacións e servizos dixitais (o visor, a sede electrónica, o portal de xustiza...), integra a día de hoxe máis de 32 millóns de documentos, unha cifra que duplica a de 2017. Amais, Pereira e Rueda sinalaron que cada día rexistra 40.000 novos documentos e outros 50.000 modificados.
No que se refire ás demandas online, nos últimos cinco meses de 2018 os galegos presentaron a través da sede xudicial electrónica un total de 270 procedementos monitorios, unha fórmula xudicial para reclamar impagos, que non precisa da intervención dun avogado ou dun procurador.
Na cita do venres recordouse que a presentación telemática de procedementos monitorios comezou a implantarse o pasado ano nos órganos xudiciais de Vigo e A Coruña e hoxe xa está habilitada en todos os partidos xudiciais para os procedementos das xurisdicións civil ou social.
Por outra banda, a través de https://sede.xustiza.gal os cidadáns tamén poden facer un seguimento do procedemento e consultar os expedientes xudiciais dos que son parte través do espazo A miña carpeta, que durante 2018 rexistrou máis de 11.000 accesos.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) publicou este mes de marzo a licitación para deseñar e implementar unha plataforma de contidos interactivos para a Televisión de Galicia, que ofrecerá ás persoas máis novas experiencias dixitais formativas adaptadas aos hábitos de consumo actuais. É unha das iniciativas enmarcadas no Plan DicoMindset para impulsar o sector dos contidos dixitais en Galicia.
Esta licitación, cun importe superior a 1,3 millóns de euros, é o resultado das consultas preliminares ao mercado dentro do proceso de Compra Pública Innovadora lanzado a finais do ano 2018 por ambas entidades. Para a elaboración dos pregos examináronse as ideas achegadas polas 20 entidades (empresas e agrupacións de empresas) que participaron no proceso.
As empresas poderán presentar propostas ata o próximo 8 de abril. Nunha primeira fase, a Amtega seleccionará ás sete empresas que obteñan unha maior valoración para participar nun proceso de negociación. O procedemento con negociación constitúe unha das modalidades para a adxudicación dos contratos administrativos da nova lei de contratos e está ligado á presentación dun proxecto ou solucións innovadoras.
Tras efectuar consultas cos candidatos seleccionados e negociar as condicións do contrato, adxudicarase o mesmo á empresa que presente a mellor e máis innovadora oferta.
Con esta iniciativa a televisión pública autonómica contará cunha plataforma que lle permitirá ofrecer contidos divulgativos de ámbito científico e tecnolóxico para rapaces en idade escolar.
Empregará técnicas de gamificación, Big Data ou Intelixencia Artificial, entre outras que permitirán analizar os comportamentos da audiencia e crear experiencias personalizadas.
Ademais, para mellorar a experiencia de usuario incorporaranse as segundas pantallas, así como a creación de contidos específicos baseados nas últimas tendencias tecnolóxicas como a realidade aumentada, realidade virtual, hologramas etc...
O Plan de impulso ao sector dos contidos dixitais, DicoMindset, que está a desenvolver a Amtega, en colaboración con distintas entidades do ámbito público (Igape, CRTVG, Agadic, etc.), e axentes do ámbito privado (Clúster TIC, Clúster Audiovisual, empresas tractoras..) conta cun investimento de máis de 13 millóns de euros, dos que máis de 1,6 millóns de euros se corresponden con capital privado, no período 2018-2020.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) convoca mais de 550 prazas de carácter libre para a avaliación para a obtención da certificación galega en competencias dixitais en ofimática (CODIX). Esta convocatoria está aberta a toda a cidadanía en xeral que, ben pola súa experiencia ou pola súa formación adquirida por diferentes medios xa posúen os coñecementos necesarios das aplicacións informáticas que compoñen o módulo formativo MF0233_2 «Ofimática» baixo o paquete de LibreOffice.
O Concello da Coruña quere pechar fileiras arredor do importante papel que despregaron, despregan e despregarán as mulleres no ámbito da informática e en todas as súas vertentes, mesmo (e sobre todo) nas máis avanzadas. Froito deste compromiso xorde o seu apoio ao evento Informática para tod@s, que se está a celebrar até hoxe na FIC, no Campus de Elviña. Este respaldo activo do Concello materializarase en cousas concretas como a participación no programa da concelleira de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, que intervén este venres na apertura da segunda xornada.
O Concello, amais, salientou a importancia dos obxectivos do evento: “Impulsar o papel que desenvolven as mulleres dentro dun ámbito profesional tan masculinizado como o da tecnoloxía, un obxectivo que, dende o Goberno local, non podemos deixar de apoiar e visualizar". Delso exporá na súa intervención, prevista para o día 29 ás 08.30 horas, algúns dos programas e iniciativas que se levan a cabo dende o Goberno local, como Coruña Hacks (que ofrece a posibilidade de colaborar na posta en marcha de proxectos baseados nas tecnoloxías libres, e que incidan na procura de solucións ou melloras sociais para a cidadanía), ou tamén Coruña Dixital, en colaboración coa área de Culturas, Deporte e Coñecemento, que ten como obxectivo conectar o tecido de entidades e colectivos da cidade que traballar en torno a novas prácticas culturais, creativas e sociais que se producen pola influencia do desenvolvemento e difusión das novas tecnoloxías. Delso incidirá tamén en iniciativas para a actualización e introdución da tecnoloxía na administración pública, como é o caso da aplicación Millennium Próxima, que permite efectuar o pago no servizo de transporte público urbano, ou a aposta polo sector das novas tecnoloxías reflectido no compromiso do Goberno local no proxecto Cidade das TIC.
O evento, que ten lugar na Facultade de Informática da Universidade da Coruña, conta con charlas, conferencias, debates e unha feira de emprego. Toda a información está dispoñible na súa páxina web.
Quen queira introducirse na robótica, a programación e as novas tecnoloxías e as súas potencialidades para o ensino vai ter esta fin de semana unha boa oportunidade para mergullarse nelas. A razón? O desenvolvemento do décimo Seminario Obradoiro Internacional de Materiais Didácticos, que se celebra os días 29 e 30 de marzo en Bertamiráns, o primeiro día no Pazo da Peregrina e o segundo na Casa da Cultura. A cita dupla conta coa colaboración do Concello e coa Nova Escola Galega e o grupo CAVILA en materias de organización.
O seminario-obradoiro ten a finalidade de ofrecer un espazo de encontro para o profesorado e a comunidade educativa (familias, outros/as profesionais…) e co obxectivo de favorecer a análise e utilización crítica dos robots nas aulas de educación infantil, primaria e secundaria. Como dixemos, o día 29 o encontro terá lugar no Pazo da Peregrina, no que se dará comezo ao seminario cunha conferencia inaugural que servirá para situar o significado das competencias STEM e a súa implicación para a aprendizaxe e o coñecemento. A continuación realizarase unha presentación da Aula Nova – CAFI. O día rematará cun encontro lúdico-cultural no que se celebrarán os 10 anos do seminario.
Ao día seguinte, o sábado 30, a cita será na Casa de Cultura de Bertamiráns iniciando a xornada cunha exposición fotográfica e, de seguido, con obradoiros simultáneos nos que os asistentes poderán iniciarse no desenvolvemento práctico da avaliación dos robots como recursos educativos. Estes talleres artéllanse en tres tramos da educación: infantil; primaria e secundaria. Destaca a presenza neles de dúas mestras de educación primaria do CEIP Ponte dos Brozos, de Arteixo, que recibiu en 2018 o terceiro premio do Premio Nacional Fundación GSD de Innovación Educativa polo proxecto Realidade virtual e storytelling.
O seminario está dirixido aos docentes dos centros escolares, así como ao conxunto da veciñanza amesá. Aborda cuestións de grande interese como é a robótica e mailas TIC. Ademais, permitirá afondar na utilización da robótica tanto nos colexios como nos fogares e nas metodoloxías STEM.