A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, clausurou hoxe na Cidade da Cultura a presentación do Informe “Impacto de 20 anos de liberalización das telecomunicacións en España 1998-2018. 20 aniversario de Orange. Impacto en Galicia”, no que a compañía confirmou a súa aposta por Galicia na extensión das novas redes 5G.
Pereira destacou que a Xunta leva case dez anos avanzando nunha estratexia dixital que busca, tamén, atraer investimento á Comunidade e promover alianzas que faciliten ás empresas galegas a internacionalización e apertura a novos mercados. Sinalou, ademais, que desde a Administración autonómica apóstase pola competitividade como elemento catalizador de máis e mellores servizos para os galegos, independentemente de onde vivan.
Orange é un dos tres asinantes do Nodo de Cooperación 5G que se puxo en marcha o pasado mes de novembro para desenvolver a lo menos 6 probas de concepto de aplicación das tecnoloxías 5G. Dentro deste compromiso o operador desenvolverá casos de uso desta tecnoloxía en ámbitos como a Industria 4.0, a Educación, o Turismo e a Sanidade.
O Nodo é unha das medidas do Plan Galicia 5G para posicionar á Comunidade como territorio preferente na extensión destas redes. Neste sentido, Mar Pereira destacou que esta é a tecnoloxía sen fíos do futuro que permitirá as mesmas prestacións que a fibra e, polo tanto, é unha tecnoloxía clave para mellorar a conectividade nun territorio con especiais dificultades orográficas como o galego.
Mar Pereira sinalou que para avanzar neste ámbito precísase tamén de capital humano capacitado. Por iso a Amtega en colaboración cos operadores e a Universidade de Vigo porá en marcha o vindeiro mes de setembro o primeiro Curso de Especialista Universitario en 5G
A directora da Amtega apuntou que esta colaboración non se reduce unicamente ao 5G xa que a especialización dos profesionais do sector TIC e o fomento das vocacións tecnolóxicas son un reto para todos os axentes do sector, as administracións e as institucións educativas. O Plan DigiTalent, asentado nesta premisa e coa cooperación do sector, busca ofrecer orientación e formación en TIC para todo o ciclo vital da persoa, desde o espertar da vocación profesional a este ámbito, pasando pola especialización, a reciclaxe ata a formación específica para persoal directivo.
Este mes de abril a comunidade argalleira con devezos extra de crear tecnoloxías en colectividade e ver canto de lonxe poden chegar as moitas capacidades de cada quen, van ter unha ocasión ideal para facelo: unha nova edición dos Amigus Labs, os obradoiros argalleiros que convocan regularmente os integrantes da Asociación Amigus en colaboración con Merca nas Pontes.
Os obradoiros formarán parte do Fablab Pontes que estará operativo durante toda a Semana Santa (dende o 13 até o 21 de abril en horario de 10.00 a 14.00 horas) na biblioteca do Conservatorio Profesional de Música. As sesións estarán abertas a toda a cidadanía. Nas xeiras maker que organiza novamente Amigus faranse avanzar os proxectos abertos en anteriores citas, como por exemplo o barco autónomo solar ou o vehículo solar que participará na regata que se celebrará en Baiona en xuño. Tamén se darán novos pulos á fabricación dun escaner 3D e á optimización das impresoras 3D. Neste punto, será o obxecto de traballo un proxecto impulsado nos últimos meses e que require optimización: a impresora 3D de gran formato creada nas anteriores sesións.
As ferramentas para poñerse mans á obra serán novamente ferramentas de software e hardware libre: dende placas Arduino e Raspberry Pi, até software de programación, deseño, modelado e animación 3D.
O obxectivo de Amigus é que todo o mundo se implique e descubra as posibilidades que leva dentro. “A cita non deixa de ser un workshop, un obradoiro, o que quere dicir que os asistentes a el han de involucrarse en todo o que alí sucede”, explican dende a asociación, salientando o potencial deste tipo de sesións de traballo para “adquirir novos coñecementos ou habilidades ou intercambio de impresións á vez que se favorecen as tarefas en equipo”.
A idade mínima para participar nos workshops e de 8 anos en adiante, e a inscrición é de balde.
Estas son as entidades colaboradoras: Concello das Pontes • COHEMPO • ENDESA • EuroEume • Nauta • No Ping • Nodo Dixital • Triade • Severiano Agrocomercial • Escourido Asociados • Clip Carbono • Ferretería Marcos • Lujo • Matojoma • You can school of English • Fitter • Pontesa Marmoles y granitos • Desguaces Vilabella • Óptica Carmela • Galiorient • Servicio Móvil • Areco • Panadería San José • Fotografía Fabian • Don Dino • CONPLC • IcoEume • Preludio Musical • Arprosa • Radio Eter
A Asociación de Usuarios de Software Libre de Terra de Melide (MeLiSA) vai organizar o vindeiro 25 de abril a segunda edición da súa Xornada de presentación de Software Libre para uso científico. A cita será na aula magna da Facultade de Matemáticas de Santiago, no Campus Sur. O obxectivo principal da xuntanza é o de compartir coñecementos e experiencias arredor dos programas abertos e a tecnoloxía sen cancelas para a comunidade investigadora.
Asemade, presentarase a versión 4.0 da ferramenta BioStatFLOSS, que é unha escolma de software libre de utilidade para estudos de saúde, investigación biomédica e formación bioestatística.
A xornada conta co apoio da dita asociación e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e da Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago. O acceso é libre, e a inscrición de balde, podendo ser realizada na ligazón http://xornada.melisa.gal/#formulario.
O programa de actividades dará comezo ás 9.00 horas, coa recepción de asistentes, para dar paso pouco despois á inauguración e á benvida, a cargo de Rafael Rodríguez Gayoso, presidente de MeLiSA. Máis tarde será a quenda dos relatorios, a cargo de Rosa Crujeiras Casais (Ciencia en aberto), Francisco Pena Brage (Cálculo con software libre: Octave e Sagemath) e Juan Carlos Arroyo (Ferramentas útiles para desenvolvedores). Logo da pausa para o café do mediodía, retómanse as conferencias da man de Rafael Rodríguez Gayoso (CKAN: datos abertos e accesibles), María José Ginzo Villamayor (Sistemas de información xeográfica: QGIS) e Miguel Ángel Rodríguez Muíños (BioSatFLOSS 4.0: Escolma de Software Libre Científico para Windows).
A accesibilidade para os cidadáns, especialmente persoas con discapacidade e persoas maiores, dos trámites coa Administración Pública mellorou nos casos nos que intervén a tecnoloxía; con todo, aínda queda camiño por percorrer.
Así o recolle un estudo editado polo Real Padroado sobre Discapacidade que sinala que a accesibilidade destes trámites cando se realizan a través de Internet é moderada, mentres que no caso das accións presenciais aínda segue sendo baixa.
O padroado apunta que aínda queda moito camiño por percorrer, pero destaca que se foron logrando importantes avances, especialmente no desenvolvemento de tecnoloxías que melloran a autonomía e a accesibilidade á comunicación das persoas con discapacidade.
Neste sentido, destaca a posta en marcha do Observatorio de Accesibilidade Web, que busca impulsar a mellora da accesibilidade dos portais da Administración Pública, proporcionando asesoramento e distintas ferramentas.
Todos os meses son os meses das mulleres, pero en abril a loita pola igualdade no dixital cobra especial significado, sobre todo pola celebración do Día das Rapazas nas TIC que se celebra o día 25. Porén, non será a única cita destinada a mostrar as imprescindibles contribucións femininas ao ámbito dixital. Este día 10, sen ir máis lonxe, a Facultade de Ciencias da Comunicación da UDC (salón de graos) acolle a xornada Tomamos o control? Mulleres detrás dos videoxogos, impulsada pola universidade coruñesa a través do Centro de Estudos de Xénero e Feministas (CEXEF), con financiamento do Instituto da Muller (Ministerio da Presidencia).
A cita dará comezo ás 9.30 horas, coa presentación e apertura oficial do encontro, dando paso ś 10.00 horas a Mirella Díez, deseñadora de son en Remedy Games. A continuación, sobre as 11.00, será a quenda de Estrela Páramos, coordinadora do equipo de media en Ledisson AIT. Logo dunha pausa ás 12.00 horas, recomenzan as charlas cunha sesión-faladoiro da man de María Fernández, creativa en Gato Salvaje, e máis Luz Castro, responsable de Imaxin Software e profesora da Facultade de Ciencias da Comunicación.
Logo do xantar, ás 16.00 horas, celebrarase un obradoiro, centrado desta volta no desenvolvemento e presentación do documento de concepto dunha idea para un videoxogo. Esta actividade realizarase en colaboración coa asociación MOLab. A asistencia ao obradoiro é de balde, previa inscrición no correo cexef@udc.es. Segundo informan as organizadoras do encontro, o programa de charlas devandito compleméntase, no primeiro andar da facultade, cunha exposición sobre mulleres sobranceiras da industria dos videoxogos.
Co gallo do Día Internacional da Internet das Cousas, IoTDay 2019, que se celebra hoxe, o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) considera fundamental que a sociedade galega sexa consciente dos dispositivos da Internet das Cousas que emprega e faga un uso responsable e seguro dos mesmos de cara o envío de datos persoais e a súa publicación na Internet.
Denomínase Internet das Cousas a todo o ecosistema de dispositivos que procesan datos e información e están conectados entre eles e con Internet. Actualmente, calcúlase que máis de 8.400 millóns de dispositivos conectáronse a Internet no 2017 e algunhas consultoras como Gartner, estiman que no ano 2020 serán 20.000 millóns de dispositivos (sen contar teléfonos móbiles, tabletas ou ordenadores).
O crecemento da Internet das Cousas traerá consigo evidentes melloras sociais e económicas. Segundo a tecnoloxía avance, poderanse obter mellores produtos e servizos para a sociedade, por exemplo, no eido da teleasistencia ou do control continuo de variables de saúde. As empresas posuirán cada vez máis datos dos usuarios e poderán anticipar as súas necesidades e proporcionarlles servizos que axuden á toma de decisións e a aforrar diñeiro e tempo, como no ámbito do fogar cos dispositivos de control de consumo e de medición dos parámetros ambientais. Mentres o desenvolvemento da Internet das Cousas proporciona claros beneficios á sociedade é preciso ser conscientes das súas eivas no ámbito da privacidade e da seguridade. En concreto, o CPEIG considera que os cidadáns deben tomar conciencia dos dispositivos que manexan e que se conectan a Internet para o envío de datos ou seguimento de diversas actividades, como termostatos intelixentes, cámaras web intelixentes, Smart TV, teleasistencia, pulseiras de control deportivo ou reloxos intelixentes.
O presidente do CPEIG, Fernando Suárez, advirte de que «todos estes dispositivos poden ser unha fonte de ataques á privacidade e á seguridade dos cidadáns. Por exemplo, no ámbito da seguridade están documentados ataques masivos a cámaras web de fogares ou a televisores intelixentes, e no ámbito da privacidade a publicación sen control de datos de pulseiras deportivas (tipo Fitbit) con información sensible como as rutas xeográficas nas que se practica deporte ou a súa actividade sexual», engadindo que nestes últimos meses xurdiron máis dispositivos, que xeran máis conectividade, destacando que «a nova tecnoloxía 5G afectará directamente aos dispositivos da IoT, permitindo transmitir máis datos e en zonas onde agora non hai cobertura coa consecuente mellora no aforro de batería».
O Colexio recomenda usar estes dispositivos de forma segura, protexendo os seus datos persoais e a súa difusión mediante a lectura e comprensión das cláusulas de contratación que son aceptadas na súa instalación e uso. Tamén incide na necesidade de reforzar as conexións dos dispositivos conectados, sobre todo no fogar, mediante instalacións profesionais con redes seguras, e inhabilitar calquera tipo de opción de conexión que non sexa precisa para o bo funcionamento do servizo. Desde o punto de vista do deseño e a fabricación destes dispositivos, os profesionais do CPEIG velan pola seguridade nestes dispositivos desde o seu deseño, incluíndo características avanzadas de programación que teñan en conta os seus posibles riscos e mitiguen os ataques.
Para concluír, Suárez sinala que «o consumidor debe dispoñer de máis información na súa compra para poder distinguir aqueles dispositivos deseñados cunha perspectiva de seguridade e non cunha perspectiva de fabricación de baixo custo».
O reitor da Universidade da Coruña, Julio abalde, e o presidente da confederación galega COGAMI, Anxo Queiruga, formalizaron onte un convenio de colaboración para o impulso das novas tecnoloxías da información nos ámbitos das diversidades funcionais-coginitivas e da accesibilidade. Este impulso en contra das fendas que separan aos colectivos que representa COGAMI das vantaxes persoais das novas ferramentas materializarase a través do Centro de Investigación TIC da UDC, o CITIC, cuxo director, Manuel González Penedo, tamén estivo presente no acto de onte.
Desde o CITIC, en colaboración cos profesionais e usuarios de COGAMI, levaranse a cabo proxectos de investigación que fomentan o uso dos recursos dixitais para mellorar a participación e autonomía dos ditos colectivos a través de solucións baseadas nos principios do deseño universal e centrado nas necesidades e capacidades dos usuarios. Durante a sinatura do acordo, tanto o reitor como o presidente manifestaron a súa satisfacción por esta alianza, que permitirá dotar de maior autonomía persoal a un relevante número de galegas e galegos.
Pola súa banda, González Penedo explicou que no centro se está a traballar na creación dunha sala de demostradores tecnolóxicos, na que se simulará un espazo de vivenda doméstica. “Nela”, dixo, “instalaranse diferentes elementos de domótica e outros servizos TIC domésticos como asistentes por voz ou realidade virtual”. En colaboración con COGAMI e a Facultade de Ciencias da Saúde da UDC, estes servizos serán testeados e acondicionados para mellorar o seu grao de accesibilidade e definir adaptacións funcionais.
Outra liña de colaboración ten por obxectivo avaliar e desenvolver adaptacións mediante a tecnoloxía de impresión 3D. Segundo lembraron no acto de onte, “esta tecnoloxía está a revolucionar o eido das próteses e órteses, xa que permite unha maior personalización e adaptación das necesidades específicas de cada persoa”. Desde o CITIC traballarase no deseño e nas probas de funcionamento dos elementos creados.
O Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) colabora co Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) na organización da sétima edición do Día Internacional das Rapazas nas TIC, ICT-Go-Girls!, que se conmemorará o vindeiro 25 de abril. Celebrarase unha mesa redonda e diversos obradoiros tecnolóxicos na sede do CESGA en Santiago (avenida de Vigo, s/n), destinados a escolares de toda Galicia, de 11:00 a 13:30 horas.
Catro mulleres galegas, Pilar Vila, Sonia Valladares, Mercedes García e Leticia Faria, que investigan, traballan e emprenden coas TIC, participarán nun coloquio onde contarán a súa experiencia e responderán a todas as preguntas que se fagan desde os distintos centros escolares:
Ademais, de 17:00 a 19:00 horas, celebraranse uns obradoiros e demostracións lúdicas de como as TIC chegan a diferentes ámbitos para alumnos e alumnas de 10 a 15 anos. Estes obradoiros estarán impartidos por persoal do CESGA e voluntarios colexiados do CPEIG. Organizaranse visitas didácticas ao superordenador Finis Terrae II, ferramenta de computación destinada a abordar proxectos de investigación, reducindo de modo considerable os tempos de execución das aplicacións actuais. Celebrarase un taller de robótica, onde os participantes poderán experimentar con varios robots de hardware aberto. Tamén se organizará un obradoiro de impresión 3D; un taller de iniciación á programación, e demostracións de realidade virtual e mixta, Makey-Makey, un kit de creación interactiva, etc.
Ademais, no marco do Día Internacional das Rapazas nas TIC, a Secretaría de Igualdade da Xunta de Galicia, o CESGA e o CPEIG, no seu interese por promover as vocacións tecnolóxicas femininas, lanzan o primeiro concurso #ApuntasTech?
A Secretaría de Igualdade e o CESGA, promotor e coordinador do proxecto Europeo ICT-Go-Girls!: Promoting Entrepreneurship through ICT for Secondary School Girls (Promoción do emprendemento a través das TIC entre rapazas de educación secundaria), levan desde 2013 impulsando e colaborando en diferentes iniciativas para a difusión e promoción das TIC, especialmente para conseguir que as mulleres alcancen una presencia igualitaria en el sector, mediante accións dirixidas a rapazas entre 10 a 15 anos, franxa de idade que se considera clave para cambiar a tendencia ao rexeitamento das carreiras tecnolóxicas entre las rapazas.
O concurso ApuntasTech? pretende, dun xeito lúdico e aberto, escoitar a todas as partes implicados para poder reunir as mellores propostas, e xerar un catálogo dinámico para poder traballar as tecnoloxías de forma amena, principalmente na aula, pero tamén fóra dela, en actividades extraescolares, en familia, etc. Posteriormente, elaborarase unha recompilación das mellores propostas e publicarase con licencia aberta para a súa descarga na web do concurso, así como en diferentes repositorios de materiais educativos online.
O Concello de Ames e a aula CeMIT local, situada na Casa da Cultura de Bertamiráns, presentaron un amplo programa formativo de cursos e actividades para todas as idades e para todos os niveis de coñecemento entre os que se atopan algunhas actividades relacionadas con tecnoloxías libres.
Nos próximos días terán lugar os seguintes cursos e actividades:
Máis información e inscrición:
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) organiza o vindeiro día 10 de abril o segundo encontro sobe Ceph tralo éxito da primeira xornada celebrada o pasado ano, na que asistentes e relatores amosaron a súa satisfacción e interese en repetir.
A xornada leva por título “II encontro sobre Ceph, unha solución aberta para a xestión masiva de datos no teu CPD” e celebrarase nas instalacións do Centro Demostrador TIC en Santiago de Compostela de 9.15 a 14.30 horas.
Ao longo da xornada presentarase a plataforma de código aberto Ceph, un sistema de almacenamento programable, distribuído e altamente escalable, que ofrece ás empresas unha alternativa ás solucións de almacenamento privativas e baseadas en hardware.
No programa da actividade inclúense os diferentes perfís e roles do seu ecosistema, co obxectivo de permitirlle ao público asistente aproximarse á plataforma Ceph desde diferentes ángulos e perspectivas coa intención non só de dala a coñecer a nivel teórico, senón tamén de achegar as necesidades para adoptala de forma práctica na organización.
A xornada conta coa inestimable colaboración das empresas Red Hat, SUPERMICRO, Colabora Ingenieros, Mellanox Technologies, Dinahosting, Aitire e Igalia.
Esta actividade está dirixida a analistas, arquitectos TIC, administradores de sistemas/almacenamento, CIO e, en xeral, ao sector TIC con necesidades de deseño, aprovisionamento software/hardware, implementación, despregamento e desenvolvemento de servizos de almacenamento distribuído e escalable.
A asistencia é de balde e aínda é posible anotarse para asistir, xa que as prazas, polo momento, non están cubertas. Para participar na xornada cómpre inscribirse na web do CDTIC ou a través da súa aplicación dispoñible para plataformas Android e iOS. As persoas de fóra da comunidade galega que queiran asistir a estas xornadas poden facelo igualmente poñéndose directamente en contacto co CDTIC ou coa Oficina de Software Libre da amtega (software.libre@xunta.gal).
O CDTIC, impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, é unha iniciativa que promove a transformación dixital das pemes de Galicia como factor clave para mellorar a súa eficiencia e competitividade. Así, a través de distintos servizos e actividades, o CDTIC amósalles ás empresas a importancia de impulsar o talento dixital dentro destas, para desenvolver unha nova organización do traballo e unha cultura dixital na que o persoal e a clientela se sintan cómodos ante a incorporación das tecnoloxías.
Esta xornada enmárcase no Plan de Acción de Software Libre da Xunta de Galicia, dentro das liñas de actuación dirixidas ao sector empresarial para mellorar o coñecemento de solucións de software libre entre as empresas galegas así como o achegar experiencias e casos de uso concretos, medidas demandadas polo empresariado galego, segundo se reflicte nos estudos anuais do uso de software libre elaborados polo OSIMGA.