A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, asinou onte o convenio de colaboración entre o Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC) e a Federación Galega de Asociacións Universitarias Séniors, que agrupa ás asociacións de alumnos e ex alumnos dos programas de maiores das tres universidades de Galicia, para promover o consumo responsable entre as persoas maiores.
O acordo permitirá a realización conxunta de actuacións formativas sobre consumo responsable dirixidas especificamente ás persoas maiores. Así, incluirá a realización de cinco seminarios sobre diferentes temáticas de consumo responsable de interese para as persoas maiores, como consellos para mercar a través de internet, fora de establecementos mercantís, a factura da luz e do gas, o novo bono social, a telefonía e asistencias técnicas, así como os dereitos das persoas consumidoras e usuarias e a resolución de conflitos de consumo nos devanditos ámbitos.
Os seminarios, deseñados e impartidos pola Escola Galega do Consumo, impartiranse a través da plataforma de Fegaus, Ágora Canal Sénior, nas seguintes modalidades: presencial (nas instalacións do IGCC), telepresencial (mediante a propia plataforma de teleformación de Fegaus) e online (na videoteca de Fegaus). Os interesados en asistir a estes seminarios, que se desenvolverán ata o outono, poderán solicitar a súa reserva de praza a través da plataforma de Fegaus Ágora Canal Sénior, http://canalsenior.es/fegaus/.
As actividades que se impartirán de acordo a este convenio forman parte do programa de accións formativas que o Instituto Galego do Consumo e da Competencia realiza para promover o consumo responsable entre a poboación galega, desde escolares ata persoas adultas.
O III Congreso de Tecnoloxía e Turismo para a Diversidade que celebra a Fundación ONCE en Málaga do 23 ao 25 de outubro, ten aberto ata o 15 de xuño o chamamento de comunicacións vinculadas aos produtos e servizos baseados nas TIC e aplicables a destinos turísticos intelixentes, que poidan apoiar a todas as persoas.
As persoas, empresas e entidades interesadas en presentar os seus traballos ao chamamento de comunicacións do congreso organizado pola Fundación ONCE, teñen unha ampla variedade temática que será abordada no III Congreso de Tecnoloxía e Turismo para a Diversidade.
Unha parte fundamental deste congreso será o intercambio de comunicacións que mostren á comunidade internacional as últimas tendencias, os casos de éxito e o coñecemento xerador ao redor da accesibilidade baseada nas TIC e o seu uso nos destinos turísticos para garantir a súa accesibilidade.
As temáticas seleccionadas para formar parte deste III Congreso de Tecnoloxía e Turismo para a Diversidade son variadas, e inclúen Tecnoloxías e servizos de acceso á información e a comunicación, Interacción persoa máquina, Produtos de apoio, Teleasistencia e telecoidado, Fogar dixital e vida independente, Robótica para a autonomía persoal, Smart city, Transporte e mobilidade para todas as persoas, Actividades turísticas para todos e Turismo accesible, entre outras.
O Comité Científico seleccionará as comunicacións que se presentarán no Congreso, ademais das que se incluirán no Libro de comunicacións. Igualmente, de todas as comunicacións aprobadas, o Comité Científico realizará unha selección que se publicará na Revista sobre Accesibilidade e Deseño para Todos JACCES.
As persoas, empresas e entidades interesadas en presentar os seus traballos ao Congreso, poden enviar as súas comunicacións antes do 15 de xuño de 2019. Poden consultar os requisitos e as instrucións para presentar os seus traballos na páxina web do III Congreso de Tecnoloxía e Turismo para a Diversidade.
Onte presentouse en Lugo unha nova edición (a sétima) do campamento científico da Universidade de Santiago, no que van participar 150 estudantes, formándose en materias STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) e, sobre todo, divertíndose mentres adquiren todo tipo de coñecementos. A iniciativa, que se desenvolverá baixo o epígrafeFago, logo aprendo! celebrarase do día 1 ao 5 de xullo. Das 150 prazas devanditas, un centenar serán para estudantes novos e 50 para quen participou en anteriores edicións. A iniciativa foi presentada pola Deputación de Lugo, o Concello e a USC.
O deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde, a concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, e a Vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto, presentaron este luns no edificio de Vicerreitorías a VII Edición do Campamento de Verán XuvenCiencia, un campamento dirixido ao alumnado de 4º da ESO e 1º de Bacharelato, no que tamén poden participar rapaces e rapazas de 2º de bacharelato que xa participaran en anteriores edicións.
No acto de onte tamén interveu a coordinadora deste campamento científico, Mercedes Novo. O Deputado salientou que “é moi importante achegar aos rapaces a este tipo de actividades, que fomenten o seu interese pola actividade científica, que é un motor da sociedade e do seu desenvolvemento, por iso o programa inclúe actividades como a creación de vídeos contra o ciber-acoso ou contra os estereotipos de xénero”. O programa divídese entre as actividades comúns, as que son para o alumnado novo e as dirixidas aos estudantes veteranos. Polas mañás visitaranse centros e institucións colaboradoras, durante as que os rapaces participantes deberán elixir entre os obradoiros e proxectos que máis se adapten ás súas preferencias, as tardes están dirixidas a unha programacións máis lúdicas como xincanas, visitas ou actividades musicais grazas ao programa Lumieira Acompaña.
A party galega Technium R Encounter celebrará a súa vindeira edición entre os días 3 e 5 de maio estreando recinto, xa que nesta sétima convocatoria trasládase a Expourense, e tamén multiplica por 10 a velocidade de conexión á Rede dos participantes. Ademais, contará cunha nova zona, aberta ao público e de acceso libre e de balde, na que poderán coñecer de preto as últimas novidades tecnolóxicas.
Deste xeito, preto de 500 participantes tomarán parte nun evento sen ánimo de lucro organizado pola asociación Technium e que conta co patrocinio da Xunta de Galicia, de R e de Expourense. Os organizadores esperan que o novo espazo aberto ao público, denominado Extranet, tamén atraia centos de visitantes, xa que poderán acceder a conferencias gratuítas e zonas dedicadas ás impresoras 3D, os videoxogos e a realidade virtual. Esta LAN party mantén a súa aposta por crear un punto de encontro para os amantes das novas tecnoloxías. Os participantes poderán tomar parte en torneos competitivos de eSport, e en competicións de arte dixital, hardware, ou software libre, entre moitas outras actividades lúdicas e formativas.
O billete dá dereito a un espazo propio con conexión eléctrica e Internet, e haberá habilitadas zonas de acampada. O prezo dos billetes para toda a party é de 32 euros, pero tamén haberá billetes para un día, ao prezo de 10 euros.
Desde o xoves 3 de maio ás 18:00 horas até o domingo, a Technium R Encounter albergará diferentes torneos de eSports, como League of Legends, Counter Strike, Hearthstone, Overwatch, FIFA19, Super Smash Bros, Dragon Ball FighterZ, Just Dance, Old School Gamese xadrez.
Nesta edición potenciaranse as actividades formativas, con obradoiros e conferencias sobre temas de actualidade relacionados coas novas tecnoloxías. En concreto, Camp Tecnolóxico impartirá obradoiros informáticos para nenos e nenas, con actividades como a creación de tiras de luces LED ou a programación de robots, incluíndo a disputa dun partido de fútbol entre robots. Pola súa banda, R leva á Technium deste ano a súa acción crea R, incluída no programa Digitalent 2020 da AMTEGA. Nos obradoiros, nenos e nenas aprenderán a programar para crear unha cidade prototipo e mentres, os adultos resolverán dúbidas e recibirán consellos sobre o bo uso das novas tecnoloxías da man dun pedagogo. Para participar é preciso inscribirse en liña.
Ademais, como o ano pasado, tamén estará nesta edición da Technium R Encounter o proxecto Hana Hamsternauta, que propón o lanzamento dun dummy ao espazo coa axuda dunha sonda e dun globo meteorolóxico para conseguir as mellores métricas e recuperalo posteriormente con vida.
Un equipo do grupo DIANA da Universidade de Málaga creou un sistema que simplifica a persoas con parálise muscular a comunicación a través dun computador. Denominada UMA-BCI Speller, a aplicación interpreta as reaccións do cerebro ante estímulos visuais en forma de letras ou debuxos e constrúe mensaxes que se poden emitir grazas a un sintetizador de voz.
Pacientes con esclerose lateral amiotrófica (ELA), síndrome de enclaustramento ou distrofia muscular poderán beneficiarse do programa. Os resultados do traballo publícaos a revista Computer Methods and Programs in Biomedicine.
A ferramenta actúa a modo de intermediario entre un lector do encefalograma e un sistema informático capaz de traducir estes impulsos en accións concretas, como escribir unha palabra ou emitir unha mensaxe de audio. Para iso crea unha contorna gráfica máis amigable e intuitiva, similar á presente en calquera móbil, que evita ao usuario ter que coñecer as reviravoltas informáticas.
O obxectivo da investigación é que calquera paciente ou coidador poida acceder a este tipo de solucións, sen necesidade de dispoñer de coñecementos informáticos previos.
"Existen varias aplicacións que permiten controlar un computador a través da lectura do encefalograma pero a súa utilización é complexa, require saber programación e aínda así tárdanse semanas en aprender a manexalas e configurar o que necesitas, de modo que é difícil o seu uso fóra do laboratorio", comenta Ricardo Ron, responsable do proxecto.
Para contribuír a democratizar estes programas, o equipo de investigadores incidiu nunha dobre vía. En primeiro lugar, establecendo de serie a maior parte dos parámetros que requiren estes sistemas para funcionar. Isto evita que o usuario deba facelo manualmente e acurta o tempo necesario para o seu primeiro uso de semanas a apenas unha hora.
Ademais, o equipo creou unha contorna gráfica, baseado nun sistema de xanelas e cun teclado virtual que se adaptar ás necesidades de cada persoa, e desde o cal se controla todo o sistema.
Tamén se incorporaron funcionalidades que simplifican a expresión de ideas ou necesidades. "Traballamos con textos predictivos, de forma que non haxa que escribir a palabra completa, pero tamén con pictogramas que representen ao instante necesidades como a fame ou a sede e fagan que a comunicación sexa máis áxil", apunta Ricardo Ron.
Con todo iso, un paciente con disfunción motora sería capaz de escribir "ola" ou "soño" sobre un computador só mirando as letras que desexa pulsar ou un debuxo concreto (man saudando ou unha lúa, por exemplo).
O sistema encárgase de interpretar os estímulos que se xeran no cerebro, en concreto no lóbulo occipital, e os mostra na pantalla en forma de palabras e, se se desexa, a máquina pronúnciaas en voz alta.
Nesta liña, outro dos avances que achega UMA-BCI Speller é a versatilidade á hora de definir o teclado que se quere usar, tanto nas opcións como na forma.
Segundo Ron, "o teclado virtual permite non só letras, tamén imaxes e cores que estimulan ao usuario, de modo que os sinais que xera o cerebro sexan dunha amplitude que favoreza unha interpretación máis rápida". Unha posibilidade que, sinala Ron, aínda permanece pouco explotada no ámbito da investigación e que abre novas liñas de estudo neste campo.
O proxecto, que contou con financiamento do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidade, do programa FEDER, de INDRA sistemas e da Fundación Universia, continúa actualmente non só na mellora da aplicación, tamén na súa integración dentro dun paquete completo que permita sacar este recurso fose da contorna científica.
Para iso, os expertos buscan reducir os custos ao mínimo. "A ferramenta permite a comunicación entre o paciente e a máquina, pero fai falta un aparello que interprete eses sinais do cerebro que a fan posible e cuxo custo nun laboratorio pode rozar os 30.000 euros", afirma Ron.
Os integrantes do equipo están a probar as opcións máis económicas para o rexistro dos sinais electroencefalográficas que hai no mercado actualmente. A motivación é ofrecer aos pacientes a oportunidade de dispoñer do sistema completo por un custo inferior a 1.000 euros.
A forma que temos de sentarnos, mover a cabeza ou xesticular coas mans transmite moita máis información da que aparentemente se pensa, incluído como sentimos. Un equipo de investigadores desenvolveu unha aplicación para dispositivos electrónicos "Emopose" para axudar aos usuarios para ser máis conscientes das súas emocións, así como a profesionais para atender as necesidades psicolóxicas de pacientes oncolóxicos, por exemplo.
Detectar o estado emocional dun individuo a partir da representación que este fai da súa postura corporal é posible a través da app EmoPose, deseñada por un equipo de investigación no que participa a Universidade Complutense de Madrid (UCM).
A ferramenta, descrita na revista Experts Systems with Aplications, clasifica as posturas corporais (deseñadas en 3D polo usuario) nas seis emociones básicas Ekman (enfado, noxo, medo, felicidade, tristeza e sorpresa) e no estado neutral.
"A finalidade é que o usuario sexa máis consciente das súas posturas, as súas emocións e a relación entre estas, para poder mellorar as dúas. Algúns estudos revelan que adquirir certas posturas pode axudar a reparar certas emocións e viceversa", describe Iván García-Magariño, investigador do Grupo de Investigación en Aplicacións Sociais e Interdisciplinares baseadas en Axentes (GRASIA) da UCM e autor principal do estudo.
EmoPose funciona a través dun avatar sobre o que o usuario pode, de forma fácil e intuitiva, manipular os seus pés, cabeza, xeonllos, cóbados, mesmo, a mirada. A app permite centrarse nas posturas das mans, "cuxo grao de relación coas emocións demostrou ser alto", para configurar diferentes aperturas (puños, mans abertas ou relaxadas nunha posición intermedia).
"Cando o usuario termina de representar a postura corporal, a ferramenta estima que emoción probablemente estea a ter o usuario segundo a súa postura. O individuo pode confirmar se é certo ou non para darlle retroalimentación á ferramenta", engade o informático da UCM.
O investigador resalta a importancia do estado emocional na vida persoal e laboral dos seres humanos. Ademais, adianta unha nova aplicación sobre a que EmoPose podería actuar e que forma parte dunha proposta de proxecto europeo con esta app: o tratamento psicolóxico de pacientes sometidos a tratamentos oncolóxicos.
"Nesta liña, ferramentas como EmoPose e a súa posible mellora futura con detección automática de posturas poderían ser unha peza clave no seguimento dos sobreviventes para que médicos, psicólogos e familiares atendan de maneira temperá as súas necesidades e así contribuír a mellorar a calidade de vida deste colectivo", conclúe García- Magariño.
En Madrid, o pasado 26 de abril de 2019, nun acto celebrado no Real Padroado sobre Discapacidade, a Fundación Vodafone España xunto con Televés, Universitat Politècnica de Valencia e Fundación Tecnoloxías Sociais (TECSOS) co apoio da Cruz Vermella Española, presentaron os resultados do proxecto Smart Assist para desenvolver un sistema de teleasistencia intelixente e accesible entre setembro de 2016 e marzo de 2019. Este proxecto foi financiado polo Ministerio de Economía e Competitividade -actual Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades- na Convocatoria Retos-Colaboración do ano 2016 (Expediente: RTC-2016-4878-1) coa cofinanciación da Unión Europea.
Smart Assist baséase no deseño e desenvolvemento dun sistema de teleasistencia intelixente e accesible para persoas con discapacidade, que combina e integra os beneficios de diferentes modalidades de prestación do servizo de atención existentes na actualidade (teleasistencia domiciliaria, teleasistencia móbil e videoatención) proporcionando novos interfaces de comunicación cos usuarios.
A solución está composta por:
Para validar esta solución realizouse un piloto no que participaron 13 persoas con necesidades especiais como discapacidade auditiva, parálise cerebral, lesión medular, discapacidade intelectual e síndrome de Down, grazas á colaboración de Plena Inclusión, Down España, Fundación de Lesionado medular e Confederación ASPACE, e 12 persoas maiores. O piloto levouse a cabo nos domicilios reais destas 25 persoas e a atención prestouse desde o Centro de Atención da Cruz Vermella Española.
O seguinte vídeo recolle a experiencia dos usuarios.
Este 25 de abril celebramos no mundo (e na nosa terra) o Día Internacional das Rapazas nas TIC e a Universidade de Vigo quixo implicarse nesta importante conmemoración. E fíxoo a través a primeira actividade impulsada pola Unidade de Cultura Científica e da Innovación da UVigo: un vídeo lanzado ás redes sociais por tres investigadoras e docentes (Yolanda Blanco, do Departamento de Enxeñaría Telemática; Alma Gómez, do Departamento de Informática e Beatriz Legerén, do Departamento Comunicación Audiovisual e Publicidade) que fan nel un chamamento ás nenas e mozas para que aposten polos estudos e as profesións TIC. O vídeo divulgativo espallouse baixo o cancelo #euinvesTICgo.
Cada unha das tres protagonistas explica nesta peza audiovisual os porqués da relevancia das TIC para o avance social e científico e por que precisa dunha compoñente feminina. Por exemplo, Yolanda Blanco lembra que “a tecnoloxía é un campo aberto en evolución constante”, mentres que Beatriz Legerén convida ás nenas a estudar neste ámbito “para poder comprender mellor o mundo”. Alma Gómez engade que, aínda que moitas veces non teñan a visibilidade que merecen, no eido da tecnoloxía houbo mulleres que desenvolveron papeis moi relevantes, como Ada Lovelace, “a primeira programadora da historia”. Con esta campaña, a UCC+i da Universidade de Vigo inaugura as súas redes sociais (YouTube, Facebook, Instagram, LinkedIn e Twitter) e arranca un plan anual de actividades baixo o título de Unha Cuestión de Ciencia.
A UCC+i, que depende da Vicerreitoría de Comunicación e Relacións Institucionais en colaboración coa Vicerreitoría de Investigación, foi creada o pasado mes de novembro de 2018 co fin de “mellorar a formación, a cultura e os coñecementos científicos da cidadanía, converténdose nun axente fundamental na difusión e divulgación da ciencia e innovación da Universidade de Vigo”. Para iso, dende este servizo estase tamén impulsando o ciclo Conversa sobre cambio climático en colaboración coas vicerreitorías de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación e Investigación. O obxectivo destas conferencias é analizar, con carácter divulgativo e dende un punto de vista científico, as causas, efectos e implicacións do quecemento global e o cambio climático.
O proxecto GHOST, financiado pola Comisión Europea a través do seu programa Horizonte2020, ten como obxectivo avaliar unha solución de ciberseguridade en temas de teleasistencia avanzada ou dispositivos intelixentes de saúde. É desenvolvido por dez compañías, organizacións e universidades de seis países europeos.
Cruz Vermella, como entidade participante neste proxecto europeo, busca candidatos para participar no proxecto piloto onde probarán solucións de fogar intelixente dotadas de características melloradas de seguridade e privacidade dos datos.
Requisitos:
Todo os servizos relacionados con este piloto son gratuítos para a persoa usuaria: instalación dos dispositivos, mantemento, atención proporcionada polos dispositivos, etc.
Que se pide?
Se estás interesad@ en participar no proxecto GHOST non dubides en contactar coa Cruz Vermella no 981 221 000 extensión 38820. Ou a través do correo electrónico ghostgalicia@cruzroja.es.
Anímate a participar!
Máis información de GHOST:
Unha das formas máis habituais de consumo son as compras de produtos ou contratacións de servizos a distancia, ben sexa por teléfono, catálogo, "porta a porta" ou a máis empregada a día de hoxe vía online.
Con esta temática preténdese afondar nos dereitos das persoas consumidoras e usuarias, centrándonos no dereito de desistencia.