O proxecto Camino de Santiago para todos, froito da colaboración de Microsoft e a Fundación ONCE, avanza para facer posible que persoas con discapacidade visual poidan percorrer o Camiño de Santiago de xeito autónomo grazas ao guiado auditivo 3D de Soundscape, aplicación desenvolvida por Microsoft Research para o guiado de persoas en exteriores que, coa integración de BeepCons, o sistema de balizas intelixentes de ILUNION, permitirá a realización de tramos do Camiño aínda que se padeza discapacidade visual.
Este proxecto está enmarcado na estratexia de Microsoft polo desenvolvemento de solucións tecnolóxicas inclusivas e intégrase na iniciativa Camino de Santiago para todos, liderada pola Fundación ONCE, e que conta tamén coa colaboración de 4 ministerios, as comunidades autónomas polas que pasa o Camiño Francés, a Asociación de Concellos do Camiño de Santiago e a Asociación de Amigos do Camiño de Santiago.
A aplicación Soundscape para dispositivos móbiles combina os sensores do móbil (GPS e compás) e a información recibida por balizas Bluetooth para realizar un guiado mediante sons en 3D, de xeito que a persoa que empregue a ferramenta pode coñecer o sentido e a dirección que debe seguir para avanzar nun camiño determinado. Dentro do proxecto piloto da aplicación de Soundscape ao Camiño percorreuse un tramo da ruta para probar o uso por persoas con diferentes eivas sensoriais e intelectuais, de xeito que os resultados da experiencia contribuirán á vindeira versión de Soundscape.
A idade é un dos factores determinantes no uso da internet. En Galicia os maiores de 55 anos representan preto do 40% da poboación e nese punto márcase unha importante fenda no acceso á rede. De feito, a porcentaxe de uso entre os galegos de menos de 44 anos sitúase en valores próximos ao 100% mentres que os que maiores de 55 non chegan ao 65%.
A pesar dos case 40 puntos de diferenza entre ambas as franxas de idade, no últimos anos esta fenda foise acurtando significativamente. Desde 2011, segundo datos do INE, o uso da internet entre galegos de 55 a 64 anos incrementouse un 145%, o segundo maior aumento do conxunto do Estado. Tamén creceu a porcentaxe de persoas de 65 a 75 anos que navegan por internet, que por primeira vez supera o 44% cando en 2011 estaba nun 9,2%.
Para algunhas persoas, maioritariamente entre os 16 e os 34 anos o uso da internet é inherente á súa dinámica habitual. Fóra desa franxa de idade a convivencia con nenos en idade escolar ou mozas tamén facilita o achegamento á tecnoloxía. Os últimos datos do Observatorio para a Sociedade da Información sinalan que o 97,5% dos fogares galegos con nenos de 3 a 16 anos teñen contratado o servizo de banda larga, 17 puntos máis que os fogares onde non residen nenos. No caso de fogares con estudantes maiores de 16 anos a porcentaxe elévase ata o 98,9%.
Os fogares galegos con servizo da internet contratado pasaron do 51,6% en 2011 a máis do 82%. Nos núcleos máis grandes, os de 20.000 a 100.000 habitantes superan a media galega cunha porcentaxe de fogares con banda larga contratada de entre o 86 e o 91%.
Nos núcleos máis pequenos foi onde se rexistrou o maior incremento nestes anos. Nos de menos de 10.000 a contratación aumentou máis do dobre pasando do 37,6% a preto do 76% e nos de 10.000 a 20.000 do 55,7% a case o 80%
As actuacións en macha do Plan de Banda Larga da Xunta e do Estado garanten que máis de 513.000 galegos de 309 concellos, que carecen de acceso a redes ultrarrápidas, teñan cobertura de 100Mbps de velocidade no 2020.
Ambas medias garanten que en 2020 máis do 98% dos concellos galegos teñan núcleos con acceso a redes de máis de 100 Mbps. Esta porcentaxe incrementarase coas novas convocatorias do Estado previstas para 2019-2021, a última foi publicada en abril de 2019 por un importe de máis de 20 millóns de euros, e prevese que se resolva este ano.
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, informou hoxe, durante a rolda de prensa de Consello, da aprobación do inicio do proceso de elaboración da Estratexia dixital de Galicia 2030. Unha folla de ruta para a vindeira década destinada a que a Comunidade estea preparada para afrontar os retos da futura dixitalización e poida beneficiarse das oportunidades que ofrecen as novas tecnoloxías.
Máis polo miúdo, o titular do Goberno galego explicou que esta nova estratexia pivotará sobre 4 piares que estarán aliñados coas políticas europeas da futura dixitalización.
O primeiro deles, salientou, será a capacitación dixital, xa que o 90% dos empregos requirirán esa cualificación, en segundo termo, engadiu, favorecerase un clima de confianza e transparencia, asegurando que as tecnoloxías emerxentes respecten a privacidade e as normas éticas.
O terceiro dos vectores, indicou, favorecerá a consolidación dun ecosistema dixital forte, e, por último, o cuarto dos piares contemplará a promoción do liderado dixital coa misión de impulsar proxectos demostradores con impacto de transformación nos diferentes sectores económicos.
Nese sentido, abundou, a metodoloxía de elaboración da dita estratexia derivará do Centro Común de Investigacións da UE, polo que haberá tanto paneis de profesionais, como unha comisión permanente de expertos. Ademais, será un proceso participativo no que se terán en conta as achegas das empresas e dos axentes sociais.
Durante a súa intervención, Feijóo tamén lembrou que Galicia leva tempo apostando pola dixitalización. A ese respecto, fixo referencia a Axenda dixital de Galicia 2014 e 2020, coas que se mobilizaron en 10 anos preto de 3.000 M€ entre capital público e privado. Un esforzo, dixo, que se reflicte, por exemplo, nunha administración máis dixital, en 2018 o 50% dos trámites foron telemáticos ou nun ensino no que todas as aulas desde 5º de primaria a bacharelato contan con dotacións mínimas dixitais e preto de 20.000 estudantes utilizan só o libro dixital.
Este xoves celébrase a oitava edición do Global Accessibility Awareness Day (GAAD), un día dedicado á concienciación sobre a importancia da accesibilidade da tecnoloxía e o deseño web para facilitar o seu uso por parte das persoas con discapacidade e as persoas maiores.
Con este obxectivo naceu a finais de 2011 esta iniciativa, froito dun post dun desenvolvedor web nun blogue no que apostaba pola creación dun día dedicado á accesibilidade tecnolóxica.
Desde entón, a celebración deste día non parou de crecer coa celebración dun número crecente de eventos por todo o mundo. Nesta edición, en España terán lugar dous eventos, un organizado por Atos e outro pola Universitat Autònoma de Barcelona.
Pero o obxectivo da celebración deste día é que cada persoa poida achegar o seu gran de area e, sobre todo, concienciar ás persoas que non teñen unha discapacidade sobre a importancia da accesibilidade.
Por iso, os organizadores instan a realizar distintas accións de concienciación, como utilizar o computador sen rato durante unha hora, aumentar o tamaño da letra, comprobar o contraste de cor nunha páxina web ou analizar a orde dos elementos nunha web, algo fundamental para as persoas con discapacidade visual que navegan utilizando un lector de pantalla.
De feito, outra das propostas de GAAD é utilizar durante unha hora o computador ou o móbil cun lector de pantalla, ou dedicarlle un tempo para coñecer as opcións de accesibilidade dos dispositivos.
No fondo, o obxectivo deste día é tratar de facer ver a importancia da accesibilidade e subliñar o papel fundamental que a tecnoloxía ten para mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade e de moitas persoas maiores.
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) impartirá este xoves 16 de maio unha xornada lúdica de introdución á programación visual e robótica na Aula Hospitalaria do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) para os nenos e nenas que están hospitalizados, de 15:00 a 17:00 horas. A sesión será impartida polo grupo de Tecnoloxía á Investigación en Ocupación, Igualdade e Saúde do CITIC da Universidade da Coruña (UDC), coordinado polo colexiado do CPEIG Javier Pereira Loureiro.
Con accións desta índole, relacionadas coas novas tecnoloxías e a divulgación tecnolóxico-científica, o CPEIG pretende fomentar o talento dixital da nosa rapazada. Segundo informa o propio Javier Pereira, “o taller é unha oportunidade para achegarse de forma lúdica e divertida á tecnoloxía e á Enxeñaría en Informática e, tamén, para romper coa rutina dos cativos no hospital”. Durante a sesión, realizaranse unha serie de exercicios de programación con sinxelas funcións de realidade aumentada. Traballarase o acceso ao ordenador coa placa MakeyMakey transformando obxectos da vida cotiá (como froitas, utensilios de cociña ou as propias persoas) en mandos para utilizar os xogos deseñados previamente.
O obradoiro avanzará coa interacción co ordenador, usando outros dispositivos como o Micro:bit e o Adafruit Playground, que permiten interactuar sen fíos e aproveitando os xiroscopios de que dispoñen para crear novas experiencias de control dos elementos que se poden ver nunha pantalla de ordenador. Ademais, probarán robots baseados no microcontrolador Arduino, como é o MBOT, onde a rapazada poderá ver como se pode mudar o seu comportamento en función dos sensores integrados, como o son ambiental, a luz ou a distancia a obxectos da contorna.
A Cidade da Cultura de Galicia acollerá entre o 3 e o 7 de xullo a quinta edición da Maker Faire Galicia, que volve ao Gaiás enmarcada na programación do seu Centro de Emprendemento Creativo e con dúas novidades: celébrase a principios do verán e, debido ao éxito das anteriores, pasa de tres a cinco días de duración, ampliando as xornadas profesionais de unha a tres.
A Maker Faire é a maior feira de inventores do mundo, un escaparate para a creatividade e o enxeño, pensado para todos os públicos e disciplinas: gastronomía, robótica, mecánica, ciencia, arte urbana, música, electrónica, artesanía... un lugar, en definitiva, para compartir coñecemento, descubrir proxectos fascinantes e facer contactos profesionais.
Este ano o evento celebra a súa quinta edición en Compostela co patrocinio da Fundación Cidade da Cultura de Galicia e do Concello de Santiago a través do programa Compostela Móvese.
As tres xornadas enfocadas ao público profesional –que se celebrarán o 3, 4 e 5 de xullo no edificio CINC da Cidade da Cultura– centraranse en temáticas clave para o futuro da industria e a innovación como mobilidade, enerxía, intelixencia artificial, robótica, ciberseguridade, open data ou emprendemento. Ademais, a xornada do venres contará cun xurado especializado que outorgará premios aos proxectos mais innovadores presentados polos makers durante esa semana: 1000€, 500€ e 250€.
A fin de semana –6 e 7 de xullo– abriranse as portas do Museo Centro Gaiás para o público xeral, cunha programación para a cativada, familias e maiores que contará con obradoiros, charlas, actuacións ou campionatos, entre outras moitas actividades programadas e que buscan sorprender os visitantes.
Xa está dispoñible na web galicia.makerfaire.com o formulario de inscrición de proxectos tanto para a xornada profesional como para a xornada xeral. O prazo remata o 31 de maio e, de todas as propostas achegadas, farase unha selección final que se incluirá no programa de actividades e contidos desta edición. A innovación, a orixinalidade e a interactividade co público son os aspectos que máis se valorarán á hora de elixir os proxectos finais. Durante o evento o público poderá ademais votar polos mellores proxectos. As categorías premiadas nas xornadas abertas serán as de Maker, Minimaker (proxectos realizados por nenas e nenos menores de 14 anos), Maker Senior (para creadoras e creadores maiores de 60 anos) e proxectos de divulgación (colexios, institutos, asociacións, universidades, FP, etc.).
Maker Faire é a maior feira de inventores/as do mundo, un escaparate para a creatividade e o enxeño pensado para tódolos públicos e disciplinas, como gastronomía, robótica, mecánica, ciencia, arte urbana, música, electrónica, artesanía, etc.; un lugar para compartir coñecemento, descubrir proxectos fascinantes e facer contactos profesionais.
Este verán Santiago vaise pór novamente no punto de mira da comunidade argalleira de todo o mundo. O motivo? A celebración dunha nova edición da Maker Faire Galicia, a feira de inventoras e inventores máis sobranceira da nosa terra e do ámbito estatal e, en palabras da organización (VermisProject), unha das cinco máis relevantes a nivel europeo. O evento terá lugar do 3 ao 7 de xullo na Cidade da Cultura de Galicia. A nova edición vén con dúas novidades: celebrarase a principios do verán e, debido ao éxito das anteriores, pasará de 3 a 5 días de duración, ampliando as xornadas profesionais de unha a tres xornadas.
Novamente, a feira será ante todo un espazo onde intercambiar coñecementos e darmos conta das vantaxes e beneficios de crear tecnoloxías abertas en comunidades. Será, tamén, un escaparate para a creatividade e o enxeño, pensado para tódolos públicos e disciplinas, e abordarase o potencial da robótica o espírito maker para os ámbitos da gastronomía, a mecánica, a ciencia, a arte urbana, a música, a electrónica ou a artesanía.
Este ano o evento celebra a súa quinta edición buscando consolidarse como o máis importante da Península, tanto en número de makers como de asistentes. Ao igual que na edición anterior, a Maker Faire Galicia volve contar co patrocinio da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, que acolle tamén o evento no Gaiás, e do Concello de Santiago a través do programa Compostela Móvese.
Durante as pasadas edicións acudiron máis de 44.000 asistentes e ao redor de 750 argalleiros expuxeron os seus enxeños. As tres xornadas enfocadas ao público profesional centraranse en temáticas consideradas “clave” para o futuro da industria e a innovación como: mobilidade, enerxía, Intelixencia Artificial, robótica, ciberseguridade, open data ou emprendemento. Ademais, a xornada do venres contará cun xurado especializado que outorgará premios aos proxectos mais innovadores presentados polos makers durante esa semana: 1000€, 500€ e 250€.
Entre os obxectivos principais da xuntanza figuran os seguintes: crear unha contorna idónea para realizar contactos profesionais de calidade, presentar proxectos que marquen un antes e un despois na liña do progreso tecnolóxico e ofrecer unha oportunidade para poñernos ao día no mundo da innovación na industria.
A fin de semana, o sábado 6 e o domingo 7 de xullo, abriranse as portas do Museo Gaiás para o público xeral, cunha programación para nenos, familias e maiores que contará con obradoiros, charlas, actuacións ou campionatos entre outras moitas actividades programadas e que, en palabras da organización, “buscan sorprender aos visitantes”. Para quen queira máis datos sobre a cita e xeitos de formar parte dela, dicirlle que xa está dispoñible na súa páxina web, galicia.makerfaire.com, o formulario de inscrición de proxectos tanto para a xornada profesional como para a xornada xeral. O prazo remata o 31 de maio, e de tódalas propostas achegadas farase unha escolma final que se incluirá no programa de actividades e contidos desta edición de 2019. A innovación, a orixinalidade e a interactividade co público son os aspectos que máis se valorarán á hora de elixir os proxectos finais. Durante o evento, ademais, o público poderá votar aos mellores proxectos seleccionados. As categorías premiadas nas xornadas abertas serán as de Maker, Minimaker (proxectos realizados por nenas e nenos menores de 14 anos), Maker Senior (para creadoras e creadores maiores de 60 anos) e proxectos de divulgación (colexios, institutos, asociacións, universidades, FP, etc.).
O Concello de Ribeira vai achegar dúas actividades formativas para sacarmos proveito de Internet e das tabletas como fonte de información, recursos, comunicación e, tamén, oportunidades formativas e laborais. Estamos a falar de dous cursos de balde, un sobre Internet e outro sobre tabletas, que se van desenvolver na aula CeMIT de Ribeira co obxectivo de perfeccionar os nosos coñecementos en novas tecnoloxías.
Así, do 21 ao 31 de maio haberá unha acción formativa dedicada á procura de información en Internet. Terá lugar na aula CeMIT os martes e os xoves de 10.30 a 12.30 horas. A continuación, os días 4, 5, 6, 10, 11 e 12 de xuño, de 16.30 a 18.30 horas, haberá outro curso sobre a aprendizaxe do uso de tabletas dixitais. Con tal motivo disporase de 8 dispositivos tecnolóxicos desta índole para que os asistentes poidan practicar. As persoas interesadas poden inscribirse na rúa 1 Cubeliño 20 baixo (teléfono 981 876 043) ou ben a través da web específica da aula, https://cemit.xunta.gal/es/centro/67.
Este venres 17 o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia celebra dúas festas que lle tocan de preto: o Día das Letras Galegas e máis o Día da Internet. Unha vez máis, a entidade que preside Fernando Suárez non quere deixar pasar a ocasión para lembrar a importancia de que as galegas e galegos tiremos proveito da Sociedade da Información, envorcando esforzos para deixar pegada do noso nas redes ao tempo que traballamos por unha Internet máis segura, útil, confiable e accesible. Neste senso, o CPEIG avoga pola “ética profesional” como alicerce da sociedade dixital no Día Mundial de Internet que se celebra este 17.
Para fortalecer esta vertente protexida e amigable da Internet e para complementar e impulsar esta festa do 17 de maio e todo o que a xornada implica, o CPEIG participou arreo na elaboración do Código deontolóxico e de ética e práctica profesional, elaborado polo CCII (Consejo General de Colegios Profesionales de Ingeniería en Informática, entidade profesional estatal que conta con Fernando Suárez como vicepresidente).
O código establece o marco de actuación profesional de todos os profesionais da Enxeñaría en Informática que deben respectar e cumprir unha serie de principios fundamentais no desempeño da súa función, como son “a honradez, a independencia, a lealdade, a dignidade e a legalidade”, entre outros. Tamén recolle unha Declaración de ética profesional, onde figuran os catro principios xerais de condcta profesional e ética: Protección do interese público e cumprimento legal, Responsabilidade con empregados e clientes, Dignidade profesional e promoción de obxectivos profesionais, e Competencia, responsabilidade e imparcialidade.
Fernando Suárez, ao fío da elaboración deste código e da festa do 17 de maio, considera a ética profesional como “un dos elementos esenciais” para a “consecución e sustentabilidade da Sociedade da Información e o Coñecemento”. Ademais, insiste “na necesidade de aplicar principios éticos no ámbito das tecnoloxías da información”, sobre todo naquelas actividades e servizos de interese xeral, “sempre buscando o consenso entre todas as partes implicadas e a implantación de mecanismos de autorregulación”. Un exemplo de ámbito no que cómpre traballar nos devanditos ámbitos é o da Intelixencia Artificial (temática que será o miolo da charla que ofrecerá Fernando Suárez este venres no Parque Científico de Xixón: Hai que ter medo á IA?). Neste punto, o presidente do CPEIG asegura que o impacto desta tecnoloxía nas xestións realizadas por empresas, administracións e cidadanía é “enorme”, e que está a demostrar un incuestionable potencial para transformar a sociedade tal e como a coñecemos.
O CPEIG ofrece unha serie de recomendacións con motivo do Día de Internet sobre o chamado e-commerce, un sistema de compravenda de produtos e servizos que está cada vez máis de moda e suma adeptos día tras día. Fernando Suárez lembra que as vendas online non paran de medrar, o que provoca o aumento das transaccións por Internet. Asegura tamén que este tipo de comercio é seguro, pero sempre seguindo unha serie de pautas de seguridade, e por suposto aplicando o “sentido común, fuxir das gangas e usar webs de confianza”. En concreto, Fernando Suárez indica que as claves que mostran ao usuario que unha web é segura para mercar son que a dirección comece por HTTPS e mostre un cadeado na barra de direccións, “sinais que garanten que os datos persoais ou bancarios que se transmiten está cifrados e polo tanto a información é segura”.
O presidente do CPEIG tamén nos aconsella que teñamos sempre os dispositivos electrónicos “a punto”, os computadores, os móbiles e as tabletas, con antivirus instalados e actualizados para descartar infeccións con capacidade para recadar información persoal ou bancaria do dispositivo. Tamén pon o foco na necesidade de usarmos unha conexión segura a Internet, evitando redes Wi-Fi públicas “que non ofrecen ningunha garantía de seguridade”. O CPEIG salienta igualmente que o consumidor debe revisar a fondo a información das tendas online: quen somos, domicilio fiscal, investigar que datos recollen dos usuarios e con que fin, formas de pago e política de envío e devolucións. Amais, o colexio recomenda usar ferramentas de pago fiables, como PayPal ou tarxetas de prepago, en vez de dar o número da tarxeta de crédito directamente, aínda que tamén se considera unha práctica segura sempre que a páxina sexa de confianza, ben sexan páxinas de cadeas multinacionais ou do comercio local.