main content

main content
1 mes 1 profesión dixital
Online

Curso gratuíto "O proceso de envellecemento e a etapa da vellez"

Este videocurso está baseado no libro Materia pendente do S.XXI. Coñecer o proceso de envellecemento e a etapa da vellez, do catedrático e doutor en Dereito e Ciencias da Educación, don Enrique Pozón Lobato.

Nesta versión audiovisual debúllanse os temas analizados sobre o papel por Pozón pero desde unha perspectiva máis visual, que permite asimilar determinados conceptos con maior facilidade e empatía. Móstranse exemplos de persoas e situacións reais, á vez que se reflexiona sobre os diferentes elementos que se mesturan no inherente proceso de envellecemento do ser humano durante o seu desenvolvemento vital.

1 mes 1 profesión dixital
Online

Curso gratuíto de Voluntariado Tecnolóxico

Este curso percorre as claves a ter en conta para converterse en voluntario e axudar a outras persoas para mellorar no seu día a día. Desde o concepto xeral do «voluntariado», as súas tipoloxías, os seus requisitos, etc. avanza ata analizar situacións concretas como o chamado «voluntariado tecnolóxico» (destinado a mellorar a relación entre as novas tecnoloxías e aquelas persoas que, por circunstancias diversas, non teñen soltura con elas e non poden aproveitar as súas vantaxes) ou o exercicio real dunha acción de voluntariado.

04/06/201908:06
Neno usando un portátil.
Santiago de Compostela

AMTEGA e Educación proba xa os primeiros contidos educativos dixitais de DIXIT

Galicia quere ter educación dixital, e cada pouco damos novos pasos no camiño das tecnoloxías plenamente inseridas no ensino, como materia de estudo (e experimentación), como instrumento para mellorar o estudo doutras materias. Turrando desta transformación educativa atópase Abalar, proxecto no que se insire a iniciativa E-Dixgal, que vén de achegar unha serie de novidades. Por exemplo a creación de contidos educativos dixitais innovadores coa implicación do profesorado e os sectores TIC e audiovisual, a iniciativa DIXT. Así nolo contan as impulsoras de E-Dixgal, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e a Consellería de Educación.

A orixe destas novidades está no pasado mes de xaneiro, cando se formou un equipo integrado por unha decena de profesores de diferentes materias e centros educativos galegos (co apoio das empresas tecnolóxicas Everis e R) para abordar a xeración de contidos dixitais aproveitando as capacidades técnicas e innovadoras dos sectores tecnolóxico e audiovisual de Galicia, e os coñecementos pedagóxicos do profesorado galego así como as súas necesidades. Nestes meses o profesorado realizou a proposta de contidos e definiu os obxectivos, competencias, esquemas e materiais adicionais. Sobre este alicerce, as empresas TIC e do audiovisual implicadas elaboraron recursos aplicando as tecnoloxías máis innovadoras: Realidade Aumentada, Realidade Virtual, simulación, gamificación, Intelixencia Artificial, aprendizaxe personalizada e adaptativa...

A día de hoxe, xa están elaborados os primeiros contidos que antes do remate do curso serán validados polos propios docentes nas aulas galegas, de xeito previo á posta a disposición gratuíta para toda a comunidade educativa galega a través das plataformas do Proxecto Abalar. En concreto, probaranse varios Snack Experiments para a materia de Bioloxía e Xeoloxía, que ofrecen ao alumnado a posibilidade realizar experimentos a través de vídeo interactivo mostrando distintas secuencias de vídeo en función da interacción do usuario, accesibilidade mediante subtítulos, diversos idiomas e linguaxe de signos. 

Amais, elaboráronse contidos de matemáticas con Regletas Cuisinare que ofrecen simulación interactiva para a aprendizaxe a través da manipulación de figuras 3D (prismas de plástico ou de madeira que simbolizan distintos números segundo a súa lonxitude e cor) para realizar diferentes operacións matemáticas (lóxica, indución, estimación e aproximación). Ao abeiro disto, o alumnado pode manexar estas figuras (arrastralas, viralas, etc) na área de traballo, para realizar as operacións que se expoñan nas actividades. Por outra banda, a AMTEGA e Educación informaron de que se está a pechar a creación de novos contidos que empregarán tecnoloxías como o Intelixencia Artificial, analítica de vídeo,Machine Learning (aprendizaxe máquina), vídeo inmersivo 360 e Realidade Aumentada. 


Máis sobre DIXIT

A iniciativa DIXIT cingue a capacidade de emprego de tecnoloxías innovadoras do mundo empresarial (obtido a través de licitación pública), coa do profesorado galego (a través da escolma de docentes de referencia por parte da Consellería de Educación). Nesta iniciativa, estanse a desenvolver contidos de 3 ámbitos: Matemáticas, Ciencias Naturais e Idiomas.Con DIXIT súmase unha terceira liña na posta á disposición de e contidos educativos innovadores para que a comunidade educativa poida tirar proveito deles no ensino dixital, ou como recursos complementarios: a través de contidos dixitais producidos polos propios docentes dispoñibles no espazoAbalar, a través de contidos dixitais proporcionados polo sector empresarial produtor de contidos na Plataforma virtual de E-Dixgal; e a través da unión das capacidades de ambos ámbitos, o docente e o empresarial (DIXIT).

04/06/201908:06
Mónica Fernández Bugallo.
Santiago de Compostela

O Premio Ada Byron que concede o CPEIG irá dar á enxeñeira galega Mónica Fernández Bugallo

O Premio Ada Byron que concede anualmente o CPEIG (co obxectivo de mostrar as importantes e decisivas contribucións das mulleres ao ámbito das novas tecnoloxías da información) irá dar este 2019 á profesora, investigadora e enxeñeira en Informática galega Mónica Fernández Bugallo. O colexio quixo salientar con este recoñecemento o importante labor de Mónica nos eidos divulgativo e investigador, a súa relevante traxectoria internacional, o seu compromiso co fomento de vocacións tecnolóxicas (poñendo o foco no potencial das rapazas) e o salientable traballo como directora do programa Mulleres na Ciencia e na Enxeñaría. 

Segundo informa o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), o premio será entregado no marco da XI Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, que se vai celebrar o vindeiro 28 de xuño no Hotel Monumento San Francisco de Santiago de Compostela. Os premios da Noite corresponden a dez categorías onde os colexiados e colexiadas recoñecen as iniciativas ou persoas destacadas no ámbito da enxeñaría en informática. Mónica Fernández Bugallo (Ferrol, 1975) é profesora de comunicación dixital e procesamento do sinal do Departamento de Enxeñaría Eléctrica e Informática da Universidade de Stony Brook en New York, ademais de directora do Programa Mulleres na Ciencia e a Enxeñaría (WISE–Women in Science & Engineering) desde 2016.

A profesional centrouse na educación STEM e iniciou varios programas de éxito co obxecto de involucrar aos alumnos e espertar unha serie de emocións en todas as fases académicas da enxeñaría e da investigación, centrándose nos grupos menos representados. É autora de máis de 175 artigos en xornais e relatora de multitude de conferencias. 

Polo que respecta a WISE, creouse na Universidade de Stony Brook en 1993, con financiamento da National Science Foundation, para aumentar a participación das mulleres na ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas (STEM). Cando cesou este financiamento externo inicial, a universidade institucionalizou o devandito programa, e actualmente atópase no Colexio de Enxeñería e Ciencias Aplicadas (CEAS) e segue a ser un programa emblemático para promover a diversidade en STEM na universidade. WISE foi elevado hai pouco á categoría de Programa de Honores. Os cursos planificados están dirixidos a estudantes universitarias de alto grao que obteñen titulacións tecnolóxico-científicas, que actualmente cursan preto de 370 estudantes e esperan chegar a un total de 400 alumnas. Ademais, organízanse unha serie de experiencias de fomento da investigación con feitura de campamentos de verán e outros programas académicos. Tamén se destinan estes cursos a estudantes de secundaria, onde actualmente participan unhas 150 estudantes e agárdase chegar a un total de 300 alumnas ao ano nos vindeiros dous anos.

“Formar parte de WISE supón estar nunha comunidade de estudantes, profesores e persoal de apoio comprometidos en axudar ás mulleres a perseguir os seus intereses en ciencias, matemáticas e enxeñaría”, explica Mónica Fernández Bugallo. A galardoada este ano co Ada Byron tamén é a investigadora principal de tres proxectos educativos financiados polo National Science Foundation (NSF), incluíndo o proxecto de educación, orientación, avance e aprendizaxe en tecnoloxía e enxeñería Education, Guidance, Advancement, and Learning in Technology and Engineering(ÉGALITÉ), que ofrece un completo programa de divulgación para estudantes, profesores e conselleiros no nivel do ensino medio para involucralos na paixón, o reto e a oportunidade da enxeñaría, unha profesión que promove a mobilidade social e económica, así como unha tecnoloxía innovadora.


Traxectoria profesional

Mónica Fernández Bugallo obtivo o seu doutoramento en informática na Universidade de A Coruña (UDC) en 2001. Desde 1998 a 2000 traballou no Departamento de Electrónica e Sistemas da UDC, onde desenvolveu o seu traballo de investigación sobre a cancelación da interferencia aplicada aos sistemas de comunicación multiusos. Aquí recibiu o Premio á Mellor Estudante e mellor Doutoramento. En 2002 ingresou no Departamento de Enxeñaría Eléctrica e Informática da Universidade de Stony Brook. Os seus intereses de investigación están no eido do procesado de sinais estatísticos, con énfase na teoría dos métodos de Monte Carlo e a súa aplicación en diferentes disciplinas, incluíndo a biomedicina, a ecoloxía, as redes de sensores e finanzas. Bugallo é membro senior do IEEE, actúa en varios dos seus comités técnicos e é a vicepresidenta actual do comité de teoría e métodos de procesamento de sinais da IEEE e do equipo de área especial EURASIP sobre tendencias teóricas e metodolóxicas no sinal. Recibiu prestixiosos premios de investigación e educación, incluíndo o premio Chancellor''s Excellence in Teaching (2017) da Universidade Estatal de New York (SUNY); o premio Best Paper no IEEE Signal Processing Magazine 2007 como coautora do traballo titulado Filtro de partículas; o IEEE Outstanding Young Engineer Award (2009) para o desenvolvemento e aplicación de métodos computacionais para o procesamento secuencial de sinais; ou o IEEE Athanasios Papoulis Award (2011) para a divulgación educativa innovadora, que inspirou aos estudantes do ensino medio e ás mulleres universitarias para estudar enxeñaría. 


Visibilidade para as mulleres na tecnoloxía

O CPEIG quere, mediante a concesión do Premio Ada Byron, dar visibilidade á participación feminina en todos os niveis da tecnoloxía: como usuarias, como emprendedoras, como xeradoras de innovación, investigadoras e líderes do sector das novas tecnoloxías. En opinión do CPEIG, as mulleres teñen que ocupar un lugar central na Sociedade da Información e do Coñecemento, posto que “só así se poderá garantir unha tecnoloxía e unha sociedade verdadeiramente igualitarias”.

Quen foi Ada Byron

Ada Byron foi unha escritora e matemática británica (1815-1852) que describiu a máquina analítica de Charles Babbage e está considerada como a primeira programadora. Deduciu e preveu a capacidade dos ordenadores para ir máis alá dos simples cálculos numéricos.

03/06/201919:06
Barra de direccións dun navegador.
Santiago de Compostela

A Xunta aborda a transcrición automatizada das vistas para avanzar na implantación efectiva do expediente xudicial electrónico

  • É unha das liñas de actuación do Plan Senda 2020 para facilitar a automatización dos procesos e mellorar a experiencia dos profesionais
  • Tamén se está a abordar a integración electrónica dos expedientes de vistas orais, doutros actos procesuais así como dos expedientes doutras administracións
  • Este ano prevese alcanzar as 40 salas de vistas integramente dixitais
  • Xa se presentaron online máis de 1.100 demandas online a través da sede electrónica xudicial e estase a pilotar a descarga online das vistas para profesionais

 

A Xunta está a analizar as ferramentas tecnolóxicas que permitan a transcrición automatizada das vistas, unha solución que evitaría a visualización completa dun xuízo cada vez que se precise consultar un testemuño ou un momento concreto da vista. Así o avanzou hoxe a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, na súa intervención no Encontro de presidentes de Salas do Contencioso Administrativo dos Tribunais Superiores de Xustiza de España, hoxe na Coruña.

A directora da Amtega lembrou que Galicia ten en marcha todas as pezas do Expediente Xudicial Electrónico (EXE) e que agora se traballa para conseguir a súa implantación efectiva, con medidas para mellorar tanto a automatización dos procesos como a experiencia dos profesionais do eido xudicial.

Así, xunto coa transcrición automatizada das vistas, Mar Pereira avanzou que se está a abordar a integración electrónica dos expedientes de vistas orais e doutros actos procesuais así como a integración electrónica dos expedientes doutras administracións.

Salas de vistas dixitais

A responsable da Amtega sinalou que a implantación da administración xudicial electrónica vai acompañada da dotación e renovación continuada do medios tecnolóxicos e da incorporación de novos servizos dixitais para profesionais e cidadáns

Actualmente, preto do 90% das salas de vistas dispoñen do sistema eFidelius, integrado coa sinatura electrónica e o 100% dos partidos xudiciais contan con acceso a videoconferencia, con 113 equipos distribuídos polo territorio.

En 2018 púxose en marcha unha nova modalidade de salas de vistas (Salas EXE) orientadas á celebración da vista nun contexto completamente dixital. Está implantada en 10 salas e este ano alcanzaranse outras 30.

Demandas e descargas de vistas online

Os galegos poden presentar online, a través da sede xudicial electrónica. procedementos monitorios, unha fórmula xudicial para reclamar impagos, que non precisa da intervención dun avogado ou dun procurador. Está dispoñible no 100% dos partidos xudiciais desde o segundo semestre de 2018 e xa se presentaron máis de 1.100 monitorios online.

A través de https://sede.xustiza.gal os cidadáns tamén poden facer un seguimento do procedemento e consultar os expedientes xudiciais dos que son parte través do espazo “a miña carpeta”, que durante 2018 rexistrou máis de 11.000 accesos.

Para os profesionais a sede xudicial está a ofrecer novas funcionalidades como as descargas de vistas online, que se está a pilotar en tres órganos xudiciais.

Sinatura Dixital

O 51% dos órganos xudiciais ten habilitada a sinatura dixital a día de hoxe. Xunto coa extensión da sinatura dixital outra das medidas de implantación do Expediente Xudicial Electrónico foi a posta á disposición de maxistrados, letrados, fiscais e funcionarios a consulta online de calquera expediente xudicial a través do Visor, unha solución única e multidispositivo, que está implantada xa desde 2018 na totalidade dos órganos xudiciais galegos. O ano pasado o visor rexistrou 43.000 visitas, un 34% máis que en 2017.

Os expedientes en formato electrónico albérganse no repositiorio unificado xudicial que centraliza nun único punto toda a información xudicial, datos e documentos que se xeran diariamente na tramitación de calquera procedemento en calquera órgano xudicial.

Plan Senda

Conseguir un plena dixitalización da xustiza e consolidar a implantación do Expediente Xudicial Electrónico (EXE), cuxas pezas están todas en marcha na Comunidade. Ese é o obxectivo principal do Plan Senda 2020, que se puxo en marcha en 2015 cunha dotación de máis de 26 millóns de euros.

As súas actuacións estanse a levar a cabo a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza en colaboración cos profesionais do ámbito xudicial galego e nun marco de cooperación interadministrativa co Goberno do Estado.

03/06/201914:06
Logo Codix.
Santiago de Compostela

A Amtega abre mañá o prazo de inscrición no curso para obter a certificación galega de competencias dixitais en ofimática

  • Ofértanse 180 prazas neste curso de teleformación, que comezará en setembro e rematará en novembro, mes no que se fará o exame presencial
  • Os únicos requisitos necesarios son ser maior de 16 anos e estar dado de alta como persoa usuaria da rede CeMIT
  • No mes de outubro abriranse novas convocatorias de avaliación para aquelas persoas que xa posúan os coñecementos necesarios adquiridos por calquera outra vía ou por autoformación
  • O certificado que emite a Amtega acredita a capacitación en ofimática da persoa titular ante calquera instancia pública ou privada


A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) abre mañá martes o prazo de inscrición para obter a Certificación Galega de Competencias Dixitais en Ofimática (CODIX). Así se recolle na convocatoria publicada hoxe no DOG con 180 prazas para o curso de teleformación preparatorio, que comezará o día 2 de setembro e rematará o 24 de novembro. O exame presencial para obter o CODIX, terá lugar na última semana dese mes de novembro.

Para acceder a esta actividade formativa os únicos requisitos necesarios son ser maior de 16 anos e estar dado de alta como usuario da rede CeMIT. A inscrición realizarase a través de internet na web da rede CeMIT (https://cemit.xunta.gal), durante os cinco días hábiles seguintes á publicación da convocatoria no DOG. 

Unha vez finalizado o prazo de inscrición, publicarase a relación provisional das 180 persoas admitidas na páxina web da rede CeMIT así como un número adecuado de reservas. As persoas admitidas provisionalmente deberán aboar unha taxa de 10,37 euros correspondente aos dereitos de exame –ou presentar a documentación xustificativa da súa exención-, sendo excluídas aquelas persoas aspirantes que non formalicen a súa matriculación.

O curso de preparación impártese na modalidade de teleformación con titorías de apoio, polo que soamente será necesario contar cun ordenador persoal e conexión a internet para seguir a formación dende calquera lugar e en calquera momento.

Plan Formativo Ofimático de Galicia

Durante as 12 semanas de duración deste curso as persoas matriculadas formaranse nos contidos que compoñen o Plan Formativo Ofimático de Galicia, composto actualmente polas cinco unidades nas que se estrutura o módulo formativo MF0233_2 «Ofimática» (190 horas) do Repertorio Nacional de certificados de profesionalidade e baseado na suite Libreoffice de oficina libre e código aberto:

  • Sistema operativo, busca da información: internet/intranet e correo electrónico (30 horas)
  • Aplicacións informáticas de bases de datos relacionais. LibreOffice Base (50 horas)
  • Aplicacións informáticas para presentacións: gráficas de información. LibreOffice Impress (30 horas)
  • Aplicacións informáticas de tratamento de textos. LibreOffice Writer. (30 horas)
  • Aplicacións informáticas de follas de cálculo. LibreOffice Calc (50 horas)

Todos estes contidos están abertos e poden ser consultados libremente na plataforma de teleformación da rede CeMIT (https://cemit.xunta.es/ema), baixo a modalidade de autoformación.


Próximas convocatorias de exames presenciais

Esta convocatoria forma parte do Plan de Formación da rede CeMIT para este ano 2019, que terá a súa continuación cunha nova edición de exames presenciais libres para aqueles cidadáns que xa posúan os coñecementos necesarios – ben pola súa experiencia no manexo destas aplicacións, pola formación adquirida por outras vías ou que opten pola modalidade autoformativa-, prevista para o segundo semestre deste ano (no mes de outubro).

Dende a habilitación da rede CeMIT para a formación e avaliación dos contidos formativos do CODIX en maio de 2014, foron máis de 7.600 as prazas convocadas nas súas diferentes modalidades (2.110 en cursos de teleformación titorizada e 5.493 en probas presenciais de acceso libre) e 3.433 as persoas que obtiveron a certificación emitida por parte da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia despois de superar as probas convocadas nas aulas da rede CeMIT.


A Rede CeMIT

A Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica), está integrada por 98 aulas, presentes en 92 concellos e 53 comarcas co obxectivo de promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar a pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información.

03/06/201912:06
Un mozo con discapacidade en cadeira de rodas utiliza unha lentes de realidade virtual
Barcelona

Ship2B impulsa proxectos de tecnoloxía que axuda a persoas maiores ou con discapacidade

Ship2B anunciou a apertura dunha nova convocatoria para a selección de proxectos e iniciativas dirixidas a mellorar a calidade de vida de persoas maiores ou persoas con discapacidade a través da tecnoloxía, centrándose especialmente na mellora da súa autonomía e da accesibilidade, e reducindo o illamento e a soidade.

Estas iniciativas enmárcanse dentro do programa Tech4Social de Ship2B, que é un dos tres que forman parte desta nova convocatoria xunto a Tech4Health, centrado na saúde, e Tech4Climate, que busca proxectos que loiten contra o cambio climático.

No caso de Tech4Social, a fundación Ship2B traballa de maneira conxunta con InnoCells de Banco Sabadell, coa Mútua Terrassa e coa área de Drets Socials do Concello de Barcelona.

Xuntos, seleccionan startups tecnolóxicas que busquen mellorar a calidade de vida de colectivos vulnerables para incorporalos a este programa, no que reciben 4 meses de traballo xunto a expertos para fortalecer os proxectos.

Ademais, o programa axuda aos participantes para buscar sinerxias e alianzas, e optan a recibir un investimento de ata 400.000 euros.

En Tech4Social participaron proxectos tan interesantes e dos que xa vos falamos con anterioridade como Visualfy, Neki ou VReal Neuro.

Se estades interesados en participar, a presentación de candidaturas está aberta ata o próximo 7 de xullo.

03/06/201907:06
Logo E-Dixgal.
Santiago de Compostela

Unha delegación do Principado de Asturias visita Galicia para coñecer a estratexia de transformación dixital das aulas

  • A directora da Amtega e o director xeral de Educación expuxeron aos representantes do Goberno asturiano as liñas de Abalar
  • Os responsables de Educación e Tecnoloxía de Asturias visitaron o CEIP López Ferreiro de Santiago para coñecer de primeira man un aula dixital
  • Este curso preto 18.000 estudantes galegos empregan exclusivamente o libro dixital

 

A directora da Amtega, Mar Pereira, xunto co director Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, mantiveron esta semana unha xuntanza de traballo cunha delegación do Goberno do Principado de Asturias, que se trasladou a Galicia para coñecer a iniciativa Abalar, que está a desenvolver a Xunta desde o ano 2010.

Mar Pereira e Manuel Corredoira expuxeron as principais liñas da estratexia que a Xunta puxo en marcha en 2010 para transformar a aula tradicional nun aula dixital, proporcionando aos centros educativos: o equipamento e a conectividade; contidos dixitais; accións de formación e difusión para docentes e familias; canles de participación a través de espazos web e apps para docentes e familias.

A delegación asturiana, integrada polo director xeral de Ordenación Académica e Innovación Educativa, Francisco Óscar Laviana, e o de Tecnoloxías da Información e das Comunicacións, Víctor Manuel Solla, trasladouse tras a reunión ata o CEIP López Ferreiro de Santiago para visitar un aula de 5º de primaria integramente dixital.

Unha iniciativa integral

Concibida como unha iniciativa viva no curso 2015-2016 Abalar avanzou na súa evolución coa implantación nos primeiros centros da iniciativa de Educación Dixital E-Dixgal, para estender o libro dixital no ámbito educativo galego. Neste curso 2018-2019 preto de 18.000 alumnos estuden exclusivamente con contidos dixitais, dispoñibles on e offline e gratuítos para as familias.

Nos dous últimos cursos ampliáronse os provedores de contidos, aos que se suman máis de 3.200 contidos dixitais creados polos propios docentes galegos e novos contidos colaborativos (SMART) así como o servizo de Soporte Premium con atención presencial en remoto (telefónica, online...) 24x7 a familias, docentes e alumnos E-Dixgal

Ademais, está en marcha o servizo de creación de contidos educativos dixitais innovadores, DIXIT, que proporcionará aos docentes a capacidade de crear contidos con ferramentas e tecnoloxías innovadoras, obtendo contidos personalizados, colaborativos e con capacidade de adaptación ao alumnado

Aulas Dixitais

Actualmente, máis de 900 centros e 6.000 aulas de 5º e 6º de educación primaria, Educación Secundaria e Bacharelato, son Abalar, beneficiando a máis de 120.000 alumnos. O Proxecto Abalar foi concibido como unha iniciativa para transformar o proceso educativo, transformando a aula tradicional nunha aula dixital, coa implicación de toda a comunidade educativa: pais, nais, titores legais, docentes, e alumnado.

31/05/201909:05
Cartel da iniciativa.
Santiago de Compostela

A Xunta de Galicia fomenta a participación dos maiores de 55 anos a través do novo programa Voluntariado Sénior

  • Investirá 120.000 euros en axudas a entidades de voluntariado e aos concellos para que realicen accións voluntarias coa implicación das galegas e galegos de máis idade.
  • Os proxectos estarán relacionados, entre outras temáticas, coa promoción do Camiño de Santiago e o Xacobeo 2021, a conservación e mellora da natureza, a igualdade de xénero, o benestar dos maiores ou o fomento da cooperación interxeracional

 

O Consello da Xunta de Galicia deu luz verde a un programa pioneiro denominado Voluntariado Sénior que ten como finalidade estimular a participación dos maiores de 55 anos en actividades de acción voluntaria. A Administración autonómica investirá 120.000 euros en axudas a entidades e aos concellos inscritos no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia para que realicen proxectos coa implicación das galegas e galegos de máis idade.

Con esta iniciativa, a Xunta cumpre un triplo obxectivo. O primeiro, manter a Galicia como comunidade de referencia neste ámbito, con máis de 8100 persoas que participaron en iniciativas autonómicas de voluntariado en 2018, un 5% máis que o ano anterior. O segundo é contribuír ao envellecemento activo e o terceiro obxectivo consiste en aproveitar os coñecementos e a experiencia dun grupo da poboación que ten unha importancia vital a nivel social.

As xornadas de voluntariado que se beneficien desta nova liña de axudas deberán ser de tres horas diarias como mínimo e ter unha duración de entre 15 e 60 días. Desenvolveranse entre xaneiro e outubro de 2019 e contarán con ata oito persoas voluntarias por proxecto. Como máximo, cada entidade poderá recibir 2.400 euros de axuda.

Os proxectos nos que participarán os voluntariados maiores de 55 anos poderán ser dunha das seguintes dez tipoloxías: promoción do Camiño de Santiago e do Xacobeo 2021; recuperación da cultura, a arte e as tradicións galegas; conservación e mellora da natureza e creación de contornas sustentables; igualdade de xénero; innovación e investigación sobre o benestar dos maiores; adecentamento de contornas rurais e urbanas; fomento de uso das Tecnoloxías da Información e a Comunicación; sondaxes sobre as necesidades da veciñanza; eliminación dos estereotipos sobre as persoas maiores e fomento da cooperación interxeracional entre os maiores e a mocidade como xeito de aprendizaxe mutuo.

24/06/2019De 09:30 a 14:00 h.
1 mes 1 profesión dixital
La Molinera, Rúa do Abrevadeiro 1, Ourense

Campamentos tecnolóxicos infantís en La Molinera

O Concello de Ourense, a través da Concellería de Promoción Económica no Centro de Innovación e Coñecemento La Molinera, organiza unha nova edición dos “Campamentos Tecnolóxicos de Verán La Molinera Kids 2019”, unha aposta municipal pola educación non formal. Estas actividades están destinadas a mozos e mozas entre 8 e 16 anos co obxectivo de que empreguen o seu tempo libre de verán participando nas actividades de carácter lúdico, cultural, tecnolóxico e formativo, que sirvan non só para divertirse, senón tamén para o enriquecemento persoal e vital

Ofértanse 150 prazas para todos os obradoiros, 30 por cada campamento.

  • Campamento I, Audiovisuais. Do 24 ao 28 de xuño. De 9:30h a 14:00 horas. Creación de Stop-motion; creación dunha curtametraxe de animación 3D; eSports.
  • Campamento II, Realidade Virtual. Do 1 ao 5 de xullo. De 9:30 a 14:00 horas. Creación do seu propio mundo virtual; creación de animacións 360º; eSports.
  • Campamento III, Arquitectura 3D. Do 8 ao 12 de xullo. De 9:30 a 14:00 horas. Creación dunha vivenda en 3D; eSports.
  • Campamento IV, Drons. Do 15 ao 19 de xullo. De 9:30 a 14:00 horas. Pilotaxe dun dron; simulador de drons; eSports.
  • Campamento V, Vídeoxogos. Do 22 ao 26 de xullo. De 9:30 a 14:00 horas. Creación do seu propio videoxogo; creación da súa peza en impresión 3D; eSports.

Poderán solicitalos rapazas e rapaces nacidos entre os anos 2003 e 2011, ambos incluídos. As solicitudes deberán presentarse online a través do formulario do espazo web de  La Molinera podendo inscribirse en dous campamentos, como máximo - deberá elixir só un deles-.

O prazo de presentación será dende o luns, 27 de maio, até o mércores, 5 de xuño, ás 24:00h. As prazas asignaranse por sorteo público, e as persoas admitidas publicaranse na páxina web de La Molinera e no taboleiro da mesma.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS