main content

main content
11/06/201909:06
Muller en triciclo repartindo propaganda da campaña.
Santiago de Compostela

Medio Ambiente e os Bolechas percorrerán 24 concellos en xuño e xullo para concienciar sobre a xestión dos residuos electrónicos

  • Coincidindo con algunhas das festas e eventos máis relevantes destas datas, programaranse accións de marketing de rúa consistentes na instalación de postos informativos nunha carpa inchable, na que haberá unha gran pantalla táctil con xogos interactivos e proxectaranse vídeos divulgativos sobre a reciclaxe dos RAEE
  • Esta nova actuación enmárcase na campaña ‘O que se enchufa, recíclase’, posta en marcha pola Consellería co obxectivo de mellorar a xestión e o tratamento deste tipo de refugallos pola vía da concienciación e da sensibilización cidadá
     

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda desenvolverá ao longo de xuño e xullo unha nova acción de sensibilización en materia de reciclaxe de residuos de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE) nalgúns dos municipios máis poboados de Galicia. A iniciativa percorrerá un total de 24 concellos cunha acción de street marketing ou marketing de rúa na que se contará tamén coa colaboración dos Bolechas, os protagonistas da popular serie de contos que se ocuparán da parte de sensibilización dirixida ao público infantil.

Concretamente, en cada unha das localizacións programadas montarase unha carpa inchable tipo iglú na que haberá monitores especializados para informar a todas as persoas que se acheguen ata o posto sobre a reciclaxe dos RAEE. No interior da carpa, instalarase unha gran pantalla central con xogos interactivos e varias pantallas laterais nas que se proxectarán vídeos informativos sobre o tema. Tamén se despregarán valados e bicicletas na zona, que se utilizarán como soporte publicitario.

Ademais, buscarase que cada acción de sensibilización sobre os RAEE coincida cunha festa ou evento relevante para o municipio e que atraia unha gran afluencia de público. Así, o street marketing realizarase en Santiago durante os días da celebración de O Son do Camiño e en Viveiro, coincidirá co festival Resurrection Fest. Esta fin de semana, por exemplo, a campaña desprazarase ata a cidade da Coruña para desenvolverse en paralelo ao Gran Premio Internacional Marcha Cantones.

Obxectivo: máis información e mellor xestión

Os obxectivos xerais desta nova iniciativa de carácter divulgativo son fomentar o coñecemento sobre as prácticas de consumo actuais e como inciden na nosa contorna, contribuíndo para evitalo a un mellor tratamento dos RAEE a través do incremento das actuais taxas de recuperación. Así mesmo, proxectarase a imaxe de Galicia como pioneira en sustentabilidade e educación ambiental desde a infancia, como vía para contaxiar ao resto da sociedade dese mesmo impulso sustentable e ecolóxico.

Estas novas accións de street marketing arrincaron o pasado fin de semana en Marín e durante os próximos dous meses percorrerán 24 concellos galegos nos que está previsto organizar medio cento de xornadas de carácter divulgativo durante as que se combinarán as actividades no iglú coa Expedición RAEE dos Bolechas, que cubrirán o apartado de sensibilización dirixido ao público infantil.

Esta iniciativa enmárcase dentro da campaña O que se enchufa, recíclase, impulsada pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en colaboración coas entidades de responsabilidade ampliada de produtores de RAEE co obxectivo de mellorar a xestión deste tipo de materiais e sensibilizar á cidadanía para implicala no incremento das actuais cotas de reciclaxe.

Desde a súa posta en marcha, a finais do ano pasado, son varias as accións desenvolvidas baixo o paraugas desta campaña. Así, Os Bolechas percorreron xa 350 colexios de educación infantil e primaria de toda Galicia propoñendo aos cativos actividades educativas relacionadas cos RAEE e tamén se convocou un concurso escolar de debuxo infantil –ao que se podían presentar traballos individuais ou grupais- para que os nenos puideran expresar de forma creativa a súa visión da reciclaxe, o coidado do medio ambiente ou o respecto pola súa contorna.

O prazo para poder participar neste certame rematou o pasado 31 de maio e en breve coñeceranse os gañadores, para os que haberá premios económicos, ordenadores portátiles e coleccións completas dos contos de Os Bolechas.

10/06/201913:06
Sinatura do acordo entre a Xunta e Microsoft.
Santiago de Compostela

A Xunta e Microsoft colaboran para facilitar de xeito gratuíto a plataforma Office 365 a todos centros públicos galegos

  • O vindeiro curso máis de 280.000 alumnos galegos terán acceso a unha contorna de aprendizaxe na nube con recursos para desenvolver as competencias dixitais necesarias para o seu futuro profesional
  • Ademais, a Administración autonómica e a multinacional porán a disposición dos ciclos de FP de Informática plataformas de desenvolvemento de software para mellorar a súa incorporación ao mercado laboral
  • O profesorado recibirá formación especializada impartida por profesionais de Microsoft en colaboración con partners do ecosistema dixital galego

 

Todos os centros educativos públicos de Galicia terán acceso o vindeiro curso de forma gratuíta á plataforma Office 365 de Microsoft, que inclúe a ferramenta de colaboración Microsoft Teams. Máis de 280.000 alumnos e máis de 28.000 docentes poderán aproveitar os recursos da plataforma, que estará dispoñible en galego e castelán, grazas a un acordo entre a Xunta e Microsoft.

Esta plataforma educativa na nube proporciona unha contorna de aprendizaxe segura e innovadora e dota aos alumnos de habilidades dixitais, como a colaboración, creatividade e o pensamento computacional, claves para facer fronte aos requirimentos laborais propios da era dixital.

O acordo de colaboración foi rubricado esta mañá en Santiago, pola conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar; a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira; e a presidenta de Microsoft España, Pilar López.

A Xunta e Microsoft tamén colaborarán para completar a formación nos ciclos de Formación Profesional da familia de Informática e Comunicacións, poñendo ao dispor dos 27 centros públicos nos que se imparten estes ciclos, plataformas e ferramentas de Microsoft que permitirán a máis de 3.000 alumnos traballar con programas e aplicacións presentes no mercado e demandados no sector profesional

Adicionalmente, como medida de acompañamento, os máis de 360 profesores destes ciclos de FP recibirán formación especializada, impartida por profesionais de Microsoft en colaboración con partners do ecosistema dixital galego.

Incrementar as competencias dixitais

Durante a súa intervención Carmen Pomar sinalou que un dos eixos do modelo educativo galego é a integración real das novas tecnoloxías da información e a comunicación no ensino. “O noso alumnado é nativo dixital e temos a responsabilidade de implantar un ensino tecnolóxico que combine os equipamentos coa adquisición de competencias científicas”, dixo. Neste sentido lembrou que o seu departamento está a desenvolver a Estratexia STEM para fomentar entre o alumnado galego as competencias en ciencias, tecnoloxía e matemáticas, ao tempo que se procura romper a fenda de xénero nestas vocacións.

En relación ao acordo asinado hoxe, Pomar indicou que vai estimular o desenvolvemento de actividades nas escolas relacionadas coas TIC, ao tempo que se promoven actuacións de formación dos docentes, “posto que eles son o piar básico da comunidade educativa e deles depende o aproveitamento eficaz de todas estas novas ferramentas”. “Estamos a facer unha aposta seria pola educación, para fomentar un factor clave no seu éxito colectivo, o capital humano, conscientes de que unha sociedade formada e informada promove o progreso dun país”, destacou.

Pola súa banda Mar Pereira afirmou que este acordo “permítenos ampliar o abano de ferramentas ofimáticas coas que traballan os alumnos dos centros públicos galegos e as aulas Abalar, nas que a actividade educativa se desenvolve con ofimática e sistemas operativos de código aberto e súmase ás medias para consolidar unha educación integramente dixital.

Pilar López, presidenta de Microsoft Ibérica sinalou que “este acordo é un magnífico exemplo da importancia de expor esquemas de colaboración público-privados co obxectivo de preparar e capacitar aos estudantes e docentes coas competencias que require a nova Sociedade Dixital”.

Aulas Dixitais

O acordo asinado esta mañá súmase as medidas da Xunta para consolidar unha educación integramente dixital, que facilite ao alumnado a adquisición das competencias dixitais que require o contexto actual.

A Administración autonómica puxo en marcha en 2010 o Proxecto Abalar, concibido como unha iniciativa para transformar a aula tradicional nunha aula dixital, coa implicación de toda a comunidade educativa. Actualmente, máis de 900 centros e 6.000 aulas de 5º e 6º de educación primaria, Educación Secundaria e Bacharelato, son Abalar, beneficiando a máis de 120.000 alumnos

Neste curso 2018-2019 a iniciativa E-Dixgal do Proxecto Abalar permitiu que preto de 18.000 alumnos estudan exclusivamente con contidos dixitais, dispoñibles on e offline e gratuítos para as familias e teñen acceso a novos contidos colaborativos (SMART). Ademais, está en marcha o servizo de creación de contidos educativos dixitais innovadores, DIXIT, que proporcionará aos docentes a capacidade de crear contidos con ferramentas e tecnoloxías innovadoras, obtendo contidos personalizados e con capacidade de adaptación ao alumnado

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional puxo en marcha en 2017 a Estratexia galega de educación dixital, Edudixital 2020, co obxectivo de que todo o alumnado de ensino obrigatorio teña formación en robótica e programación no curso 2020/21 co fin de que ao finalizar os estudos acade un nivel adecuado de competencia dixital e científico-tecnolóxica.

Enmarcada no Edudixital, o departamento educativo da Xunta de Galicia desenvolve a estratexia STEM máis ambiciosa do Estado, con 15 centros impartindo por primeira vez o Bacharelato de excelencia en ciencias e tecnoloxía, o STEMbach, 91 centros con Clubs de Ciencia en centros educativos e 10 centros con Espazos Maker, entre outras iniciativas.

07/06/201909:06
Un garda civil de tráfico de costas nunha estrada.
Santiago de Compostela

A tecnoloxía SVIsual achega á Garda Civil ás persoas con discapacidade

  • A Garda Civil será máis accesible para as persoas con discapacidade auditiva grazas á tecnoloxía SVIsual, que facilitará a comunicación do teléfono de axuda 062 a través da lingua de signos.

 

As persoas xordas signantes que se poñan en contacto coa Garda Civil poderán acceder á plataforma de videointerpretación de SVIsual para poder comunicarse mediante a lingua de signos.

Esta iniciativa forma parte do protocolo xeral de actuación asinado entre a Garda Civil e a Confederación Estatal de Persoas Xordas co obxectivo de garantir a accesibilidade das persoas xordas.

Desta forma, as persoas con discapacidade auditiva que sexan signantes poderán chamar ao 062 a través do servizo SVIsual, que contará cunha plataforma de acceso específico para estas emerxencias dispoñible as 24 horas do día.

SVIsual non só ofrece a interpretación en lingua de signos, senón que tamén axuda ao usuario con outras modalidades de comunicación como pode ser a utilización de signos e voz, ou a escritura mediante chat.

Ademais da creación desta plataforma en SVIsual, o acordo tamén prevé outras actuacións como a celebración de conferencias e xornadas de portas abertas dirixidas a persoas xordas, ou a impartición de cursos de lingua de signos aos membros da Garda Civil.

 

06/06/201908:06
Unha muller maior sentada xunto á xanela no seu fogar.
Santiago de Compostela

Smart Assist, teleasistencia intelixente para persoas con discapacidade e maiores

Moitas veces o gran logro da tecnoloxía é axuntar distintas solucións nunha única plataforma para integrar o mellor de cada unha delas. Ese é o obxectivo de Smart Assist, un sistema pioneiro de teleasistencia intelixente e accesible desenvolvido no últimos tres anos entre a Fundación Vodafone España, Televés, a Universitat Politècnica de Valencia e Tecsos, co apoio da Cruz Vermella Española.

Desta forma, Smart Assist integra os beneficios dos actuais sistemas de teleasistencia (teleasistencia en domicilio, móbil e videoatención) nunha única plataforma co obxectivo de facilitar e mellorar a calidade de vida e a autonomía das persoas con discapacidade e as persoas maiores.

Smart Assist está composto por unha Unidade Domiciliaria Intelixente, que é o elemento central desta tecnoloxía e que conta co sistema CarLife, un modelo intelixente de teleasistencia avanzada que garante o coidado e a calidade de vida das persoas no fogar.

CareLife permite recoller información individual de cada persoa no fogar para detectar anomalías que poidan reflectir situacións de risco.

Un segundo dispositivo do modelo Smart Assist é o Terminal de Teleasistencia Móbil, un smartphone que garante de maneira inclusiva e universal a accesibilidade de todas as persoas, incluídas as que teñan unha discapacidade.

Este terminal é compatible cos produtos de apoio que hai no mercado e permite iniciar unha comunicación directa a través da rede Wifi ou da rede móbil a Unidade Domiciliaria Intelixente.

A terceira pata de Smart Assist son os periféricos que facilitan a accesibilidade do sistema e que están compostos por sensores e por actuadores adaptados ás necesidades de colectivos con discapacidade.

Por último, unha plataforma intelixente integra a información xerada polo sistema con outras fontes de datos para mellorar a xestión integral dos usuarios.

Para validade esta solución, os desenvolvedores realizaron un piloto no que participaron 13 persoas con discapacidade e 12 persoas maiores que probaron Smart Assist no seu domicilio.

06/06/201908:06
Fotografía do taller dedicado ao Xbox Adaptive Controller de Microsoft.
Madrid

A tecnoloxía, protagonista da Madrid Accessibility Week da Fundación ONCE

A tecnoloxía dirixida a persoas con discapacidade ten esta semana unha cita moi importante en Madrid, onde a Fundación ONCE xunto á Universidade de Xaén organizan a Madrid Accessibility Week (MAW), unhas xornadas centradas na accesibilidade en áreas como as cidades intelixentes, os videoxogos ou a saúde.

No marco desta Accessibility Week, a fundación xunto a Microsoft realizaron un taller para presentar a utilidade do seu mando adaptado, o Xbox Adaptive Controller, e como pode axudar a nenos, novos e adultos con discapacidade a seguir gozando dos videoxogos.

Ademais, tamén tivo lugar a presentación dunha renovada versión da app Medicamento Accesible Plus. Esta app axuda a persoas con discapacidade a tomar medicamentos utilizando o smartphone para ler o código de barras do produto e ofrecendo información totalmente accesible.

Esta nova versión é aínda máis fácil de utilizar e incorpora un sistema de alertas para avisar a usuarios con intolerancias alimentarias, a mulleres embarazadas ou a deportistas en competición.

Esta app, que é moi útil tanto para persoas con discapacidade como para aquelas que non teñen discapacidade xa que ofrece información útil dunha forma moi sinxela, foi desenvolvida entre a Fundación ONCE, o Consello Xeral de Farmacéuticos e a Fundación Vodafone España.

Esta Madrid Accessibility Week, que é unha iniciativa do Máster Online en Accesibilidade para Smart City da Universidade de Xaén, é unha idea magnífica que esperamos que se converta nunha cita habitual para a tecnoloxía accesible en España.

06/06/201907:06
Cartel do evento.
Ferrol

As mulleres nos videoxogos, protagonistas dunha mostra no Campus de Ferrol

A partir deste 6 de xuño as mulleres van ser as protagonistas indiscutibles do sector galego, estatal e internacional do lecer dixital. O motivo? A inauguración da mostra Mulleres detrás dos videoxogos, na sala anexa ao salón de actos Concepción Arenal, da man das profesoras da Facultade de Ciencias da Comunicación. A mostra, un notable repaso por boa parte das contribucións femininas máis relevantes ao ámbito gamer, será inaugurada a partir das 12.00 horas. 

Participarán no acto a vicerreitora do Campus e Responsabilidade Social, Araceli Torres Miño; a concelleira en funcións da Área de Mocidade, Benestar Social, Igualdade e Muller de Ferrol, Saínza Ruíz; e o director do Campus Industrial, Ginés Nicolás Costa. Tamén intervirán dúas das comisarias da mostra, as profesoras Luz Castro e Rocío Mihura; o director da Escola Politécnica Superior, Armando Yáñez Casal; o decano da Facultade de Ciencias da Comunicación, Luis Hernández; a directora da Oficina para a Igualdade de Xénero da UDC, Ana Xesús López; e o coordinador do mestrado en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos, Antonio Seoane. 

Argallada polas profesoras da Facultade de Ciencias da Comunicación, Luz Castro, Rocío Mihura e Teresa Piñeiro, a exposición quere pór en valor o papel das mulleres na industria do videoxogo, un sector que, segundo lembran, segue a ter unha excesiva presenza masculina, “xa que tan só o 17% das persoas que traballan nel son mulleres”. O obxectivo das profesoras, tamén, é achegar recursos para dotar á xente nova de referentes femininos nesta industria. Nesta liña, as promotoras destacan a colaboración de varias alumnas do Grao en Comunicación Audiovisual e dun grupo de bolseiras do Centro de Estudos de Xénero e Feministas da UDC (CEFEX) para a posta en marcha do proxecto. 

A mostra aglutina a 15 das mulleres máis relevantes do eido dos videoxogos como son Carol Shaw, Roberta Williams, Brenda Laurel, Doris Self, Dona Bailey, Amy Briggs, Lucy Bradshaw, Brie Code, Rihanna Prathett, Rieko Kodama, Siobhan Reddy, Amy Henning, Kim Swift, Aya Kyogoku ou Yoko Shiomura. Poderase visitar de balde até o vindeiro venres 28 de xuño.

06/06/201907:06
Cables RJ45 enchufados nun switch.
Santiago de Compostela

Máis de 1.800 empresas e autónomos teñen acceso a internet de ata 600 Mpbs grazas ao Plan de Banda Larga da Xunta

  • Investíronse 4,4 millóns de euros na mellora da conectividade en polígonos industriais e en axudas directas a empresas situadas fóra destas áreas
  • A Amtega vén de adxudicar máis de medio millón de euros para facilitar o acceso a redes ultrarrápidas a 51 empresas e autónomos de zonas illadas
  • Nos últimos catro anos incrementáronse en máis dun 72% as contratacións de servizos de máis de 30 Mbps entre as pemes e as grandes empresas galegas


A mellora da conectividade do tecido empresarial é unha das liñas de actuación do Plan de Banda Larga 2020, que está a desenvolver a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). En catro anos as medidas do Plan posibilitaron o acceso a redes de ata 600 Mbps a máis de 1.750 empresas de 81 polígonos industriais e outras máis de 80 situadas fora destas áreas.

A Amtega vén de adxudicar as axudas da última convocatoria para empresas illadas, da que se beneficiaron un total de 51 empresas de 33 concellos distintos. Cun importe total de 588.000 euros a Axencia autonómica subvenciona entre o 70 e o 100% dos gastos necesarios para que as empresas teñan acceso a redes de entre 30 e 600 Mbps.

Na primeira convocatoria investíronse preto de 400.000 euros cos que se mellorou o acceso a internet doutras 31 empresas. En total, a Amtega destinou preto de 1 millón de euros en axudas para empresas, fundamentalmente de zonas rurais, con especiais dificultades para acceder a conexións ultrarrápidas. Estas axudas están financiadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), xunto con fondos da Comunidade Autónoma de Galicia e da Administración xeral do Estado.

Máis de 130 polígonos con máis de 100 Mbps

A primeira medida do Plan foi a mellora da conectividade nos polígonos industriais. En colaboración co operador R facilitouse a cobertura de redes de 350 Mbps a 81 que albergan a máis de 1.750 empresas. Para conseguilo instaláronse un total de 55 centrais de cabeceira de fibra óptica que permiten, non só atender aos polígonos, senón tamén estender estes servizos de banda larga ultrarrápida ás poboacións próximas a estas centrais.

Estes 81 polígonos cubertos, sumados aos que xa dispoñían de cobertura ou foron cubertos polos operadores, fan un total de 131 polígonos con acceso a redes de máis de 100 Mbps, que concentran o 93% da superficie empresarial ocupada. 

Ademais, as empresas dos polígonos cubertos no Plan teñen acceso a servizos avanzados de R como os de industria 4.0 e servizos do chamado Internet das Cousas (IoT) relacionados coa eficiencia enerxética, control de intrusións nas edificacións, servidores virtuais e analítica de datos (Big Data), entre outros, integrándoos en centros de datos profesionais, coma se formasen parte da rede local da empresa. 

Estas actuacións contribúen a eliminar a barreira existente á hora de contratar servizos axeitados de alta velocidade por parte das empresas e autónomos situados en zonas illadas que non dispoñen desta cobertura. Nos últimos catro anos incrementáronse en máis dun 72% as contratacións de servizos de máis de 30 Mbps entre as pemes e as grandes empresas galegas.

04/06/201919:06
Cartel da iniciativa.
Pontevedra

Vigo, Ponteareas, O Porriño, Pontevedra e Cambados acollen máis de 30 obradoiros SmartPEME

SmartPEME, o programa de capacitación tecnolóxica para PEME, profesionais e autónomos da Deputación de Pontevedra, volve este mes de xuño con novas actividades dirixidas a facilitar a dixitalización e a competitividade. Para a comarca de Vigo, estamos a falar de 20 accións formativas a desenvolver nas oficinas de SmartPEME en Ponteareas, Vigo e O Porriño. A estas actividades cómpre sumar as sete previstas para a oficina de Pontevedra (sede Deputación) e a media ducia de Cambados, ás que se engadirán en breve as de Lalín, A Estrada e Barro. En total, 33 obradoiros polo de agora. As inscricións pódense facer no número de teléfono 886 20 20 20, o correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou a páxina web www.smartpeme.depo.es

Todas estas citas teñen o nexo común de facilitar “a adaptación das empresas e proxectos emprendedores da provincia ao novo escenario dixital no que desenvolver as súas actividades e aproveitar as ferramentas existentes co obxectivo de aumentar a súa competitividade”. No que atinxe ás actividades da contorna viguesa, a oficina SmartPEME de Vigo acollerá este os seguintes obradoiros: O teu plan de márketing dixital paso a paso, este martes ás 19 horas. O martes 11, ás 18 horas, celebrarase Crea a túa tenda en liña con Prestashop. O martes da seguinte semana, 18 de xuño, ás 19 horas, impartirase Como presentar a túa idea de forma efectiva en tan só 5 minutos. A seguinte será Motores de reservas para empresas turísticas, o xoves 20 ás 17 horas. A quenda de Deseña e crea as túas imaxes para preimpresión e medios dixitais será o martes 25 de xuño, ás 18 horas. E, xa por último, o xoves 27, ás 19 horas, Crea a túa presentación comercial en menos de 90 minutos será a acción que impartirá o persoal do programa. A oficina SmartPEME de Vigo, na Sede da Deputación da cidade, atópase na Rúa Oporto, nº 3.

A oficina do Porriño inicia os cursos tamén esta tarde, ás 17 horas, co curso Motores de reservas para empresas turísticas. Logo, Vende produtos en liña con campañas de Google Shopping chegará o xoves desta mesma semana ás 19 horas. O martes 11, ás 18 horas, impartirase Crea unha páxina profesional con WordPress. A acción Aprende a elixir as palabras clave para a túa estratexia SEO e SEM terá lugar o xoves 13 ás 19 horas. O martes 18 de xuño, tamén ás 19 horas, chega Fotografía de turismo: As liñas no espazo. O xoves desa mesma semana, outra vez ás 19 horas, impartirase o curso Mellora a túa presenza en liña promovendo as entradas do teu blog. E, por último, o martes 25, tamén ás 19 horas, terá lugar na sede do Porriño Copywriting aplicado a web e redes sociais. A oficina SmartPEME do Porriño, no Multicentro do concello, atópase na rúa Ribeira, s/n.

Por último, as quendas para o mes de xuño na oficina de Ponteareas comezan tamén hoxe, ás 19 horas con Copywriting aplicado a web e redes sociais. A seguinte acción será Todo o que precisas saber sobre G Suite, o xoves desa mesma semana ás 18 horas. O curso Fotografía de turismo: As liñas no espazo chegará a Ponteareas o martes 11 ás 19 horas. O xoves 13 de xuño, ás 17 horas, impartirase Marketing desde cero: conceptos e trucos. O martes da seguinte semana, 18 de xuño, tamén ás 17 horas, será a quenda de Como mellorar o posicionamento local da túa empresa turística. O curso Aprende a usar correctamente Facebook para empresas chegará o xoves 20 ás 19 horas. E, para rematar, Desenvolve a túa propia estratexia de email marketing terá lugar o martes 25, tamén ás 19 horas. A oficina SmartPEME de Ponteareas, no Centro de Desenvolvemento Local, atópase en Lomba do Cruceiro, nº 5.

O primeiro dos obradoiros de Cambados será O teu plan de marketing dixital paso a paso, que se desenvolverá hoxe martes a partir das 19 h. O martes 11 de xuño, á mesma hora, terá lugar Aprende a elixir as palabras clave para a túa estratexia SEO e SEM. O seguinte será o xoves desa mesma semana, cando tamén a partir das 19 horas terá lugar o curso Mellora a túa presenza en liña promovendo as entradas do teu blog. O cuarto curso seráObtén o valor dos teus datos con Google Data Studio, que terá lugar martes 18, ás 18 h. O martes 25, esta vez ás 17 horas, Cambados acollerá Empresas de actividades turísticas e plataformas de comercialización en liña. Por último, o xoves desa mesma semana, ás 18 horas, terá lugar o curso Deseña e crea as túas imaxes para preimpresión e medios dixitais.

O programa da sede da Deputación en Pontevedra comeza con Aprende a elixir as palabras clave para a túa estratexia SEO e SEM, que se desenvolverá hoxe martes a partir das 19 h. O seguinte será o xoves, cando a partir das
17 h terá lugar o obradoiro Como mellorar a reputación online do teu establecemento turístico. O terceiro curso será Como presentar a túa idea de forma efectiva en tan só 5 minutos, que terá lugar o xoves 13 de xuño ás 19 h. A seguinte semana, Pontevedra acolleráDesenvolve a túa propia estratexia de email marketing, o martes 18 de xuño tamén ás 19 h. O obradoiro Fotografía para xoiería, chega o xoves 20, outra vez ás 19 horas. Por último, o martes 25 de xuño ás 18 h terá lugar o curso Obtén o valor dos teus datos con Google Data Studio e o xoves 27, ás 19 h, Google Calendar, moito máis que unha axenda.

Datos sobre o Proxecto SmartPEME

SmartPEME é un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das PEME e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos eidos de actuación e acada novos grupos de interese coma os emprendedores, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos. O devandito obxectivo, nas oficinas do Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas, Vigo, A Estrada e Barro, abrangue as seguintes actividades: itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as PEME e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.

04/06/201910:06
Logo de Medicamento Accesible Plus.
Madrid

Presentan unha nova versión da aplicación Medicamento Accesible PLUS

  • Desenvolvida polo Consello Xeral de Colexios Oficiais de Farmacéuticos, a Fundación ONCE e a Fundación Vodafone España
 
A sede da Fundación ONCE en Madrid acolle o vindeiro martes, día 4 de xuño, ás 12 horas, a presentación da nova versión de Medicamento Accesible PLUS, a aplicación para dispositivos móbiles desenvolvida en 2014 polo Consello Xeral de Farmacéuticos, a Fundación ONCE e a Fundación Vodafone España.
 
A nova versión, máis completa e máis fácil de usar, recolle información accesible sobre medicamentos e facilita aos cidadáns a súa consulta mediante a captura do código de barras e dun modo totalmente accesible para garantir a comprensión independentemente do tipo de discapacidade do usuario. 
 
Entre as novidades destaca un sistema de alertas en función da medicación e o perfil de usuario, por exemplo, para usuarios con intolerancias alimentarias, mulleres embarazadas ou deportistas de competición.
 
A presentación contará coa participación de Jesús Celada, director de Políticas de Apoio á Discapacidade do Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar Social; Jesús Aguilar, presidente do Consello Xeral de Colexios Oficiais de Farmacéuticos; Mª Satur Torre, directora da Fundación Vodafone España, e José Luis Martínez Donoso, director xeral da Fundación ONCE. 
 
A continuación, terá lugar un taller demostrativo das funcionalidades da app no que se mostrará como se instala, a creación dun perfil, a localización dun medicamento, a súa carga na sección As miñas Medicinas, a consulta de información dun prospecto coas súas seccións e o aviso de alertas, entre outras.
07/06/2019De 10:30 a 12:00 h
1 mes 1 profesión dixital
Online

Crea e edita os teus propios vídeos a través de smartphones

Grazas ao teu móbil, editar os teus propios vídeos nunca foi tan sinxelo. Pero, gustaríache aprender a darlles un toque profesional para poder compartilos con familiares e amigos?

Apúntate a este curso e descubrirás o fácil e divertido que pode resultar transformar os teus vídeos caseiros en auténticas películas.

Contido:

  • Conceptos básicos sobre vídeo dixital.
  • Aplicacións para crear vídeos a partir de imaxes.
  • Como incluír música aos nosos vídeos.
  • Engadir texto aos teus vídeos.

Convértete no director das túas propias películas!

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS