A Consellería de Economía, Emprego e Industria apoiou, a través das tres primeiras convocatorias de 2019 das accións do programa ReAcciona TIC, a mellora competitiva de 48 compañías coa implantación de 51 servizos de asistencia, diagnóstico e soporte na implantación de solucións da Industria 4.0. En total, ao longo deste ano concedéronse axudas por 232.042 euros.
En 2019 activáronse en total catro convocatorias deste programa desenvolto polo Igape. A última vén de pechar o prazo de solicitudes o pasado día 20 de xuño e falta por coñecer a súa resolución.
Esta iniciativa, cofinanciada ao 80% con fondos Feder, oferta servizos que inclúen a diagnose das necesidades de cada empresa para a implantación das tecnoloxías dixitais, o acompañamento e apoio na posta en marcha de proxectos Industria 4.0 ou a exploración de novas oportunidades de negocio vinculadas a esta industria, así como a xeración de modelos e simulacións industriais para optimizar os procesos de produción.
A través dos programas ReAcciona TIC e ReAcciona, que ten entre os seus obxectivos prioritarios o de apoiar a profesionalización dos equipos directivos e de xestión de empresas, para ao seu crecemento e internacionalización, a Xunta reafirma o seu compromiso co desenvolvemento da capacidade competitiva das pemes galegas en ámbitos como o financeiro, a produción, o comercial, o da comunicación ou o do deseño estratéxico.
Das pemes beneficiarias nas tres convocatorias aprobadas no que vai de ano, o 74% acollerase ao servizo de diagnóstico e oportunidades para a aplicación de solucións Industria 4.0; un 16% recibirá acompañamento para desenvolver esas solucións e o 10% restante disporá de apoio para a xeración dun modelo industrial propio e a súa correspondente simulación.
A mellora do posicionamento nos mercados das empresas galegas mediante as TIC é un dos obxectivos da Axenda Industria 4.0, posta en marcha pola Xunta en 2015, e que se converteu na folla de ruta do Goberno galego para acadar un novo modelo industrial máis competitivo e cunha maior proxección exterior.
Os computadores portátiles integran compoñentes que non son nada útiles para persoas con discapacidade visual, como unha pantalla, mentres que se botan en falta ferramentas para que os dispositivos sexan máis accesibles. Con todo, unha vez máis a tecnoloxía ofrece unha boa solución (e barata).
O programador Mario Lang creou un dispositivo caseiro que transforma dunha forma moi sinxela unha liña braille nun computador portátil especialmente accesible para as persoas con discapacidade visual.
En concreto, Lang conectou unha Raspberry Pi Zero, que custa só 5 euros, a unha liña braille Handy Tech Active Star 40, convertendo este dispositivo nun portátil Linux sen monitor e que se pode cargar mediante USB.
Os dispositivos Raspberry Pi ofrecen opcións moi interesantes para aqueles con nocións de programación xa que teñen un prezo moi baixo e un tamaño moi pequeno, e pódense adaptar ás necesidades de calquera usuario.
A Vicerreitoría de Estudantes do Campus de Vigo vai organizar un obradoiro de programación para mulleres o vindeiro 13 de xullo, no Edificio Miralles. O curso, que é de balde, organízase en colaboración con Django Girls asociación sen ánimo de lucro que ten por obxecto loitar contra a desigualdade nas TIC e a fenda de xénero. O taller, aberto tamén a menores de idade e con comida incluída, transcorrerá ao longo de toda a xornada e nel as participantes terán a oportunidade de "adquirir as destrezas e competencias básicas en programación web para deseñar un blog e publicalo na Rede".
Impartido por profesionais do sector, o único requisito para participar é levar un ordenador portátil, amais de ter (recomendable) instalado Django, unha escolma de ferramentas de código aberto e gratuítas que axudan a deseñar sitios web de xeito sinxelo e rápido. A inscrición en Django Girls é gratuíta e o prazo de matrícula está aberto ata o vindeiro 5 de xullo. Segundo informan as organizadoras, aínda que este curso busca fomentar e promover a participación da muller na programación, trátase dun espazo inclusivo, polo que poderá anotarse calquera persoa, pero a preferencia de matrícula será para as mulleres. No caso das menores de 17 anos, os pais/titores legais deben enviar un correo electrónico (vigo@djangogirls.org) autorizando a súa inscrición e, se as nenas teñen menos de dez anos terán que asistir acompañadas dun dos seus pais ou titor/a legal.
Cisco convocou as "bolsas Dixitaliza" para que 400 mozos se formen de maneira gratuíta no sector TIC en catro especialidades tecnolóxicas moi demandadas como son redes, ciberseguridade, programación e Internet das Cousas (IoT).
O programa de bolsas diríxese a mozos e consta dun programa formativo que dura cinco meses, desde outubro do 2019 a marzo de 2020. Cúrsase de forma telemática polo que se pode compaxinar con outros estudos ou con traballo.
Os interesados en acceder a unha das 400 prazas dispoñibles deben superar unha proba técnica e completar un curso introductorio de oito semanas que se desenvolve entre outubro e novembro. Nos primeiros días de decembro, enfrontaranse a un proceso de selección que inclúe probas técnicas e de "soft skills" para determinar a adxudicación das bolsas.
Os requisitos para poder acceder a este proceso son estar a cursar o último ano de Formación Profesional ou de Grao Unversitario, ser recentemente graduado ou estar en situación de desemprego, ademais de ter certo nivel de inglés (a partir de B2).
O prazo para realizar este curso introductorio e solicitar a bolsa está aberto desde o pasado martes, 25 de xuño, e pecha o próximo 20 de setembro. Segundo informa Cisco, a formación realizarase a través de Proxecto Universidade Empresa (PUE), Aula Mentor (Ministerio de Educación) e a Universidade Miguel Hernández.
É a segunda convocatoria destas bolsas nas que colaboran outros socios empresariais e clientes de Cisco ofrecendo prácticas remuneradas, orientación laboral, coaching ou formación complementaria en "soft skills". Os alumnos tamén poderán adquirir competencias transversais como capacidade analítica, traballo en equipo e habilidades de autoconfianza e emprendemento.
Ademais, poderán participar en seminarios tecnolóxicos e webinars sobre temáticas como automatización e orquestración de redes, tecnoloxías inalámbricas e de colaboración, etc. e entrarán nunha bolsa de emprego con ofertas de Cisco e das súas partners.
Os 400 alumnos bolseiros o pasado ano tiveron acceso a máis de 100 oportunidades laborais remuneradas ofrecidas por socios e clientes de Cisco. O 66% deles contrataron polo menos a un estudante das Bolsas, despois de que seis de cada dez alumnos que o solicitaron fosen entrevistados. Igualmente, os 60 mellores alumnos foron premiados con certificacións de Cisco financiadas por Fundación Bankia e Cisco.
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) vén de dar a coñecer o nome da persoa galardoada este ano (sexta edición) co Premio de Comunicación Científica Contar A Ciencia – La Caixa. Trátase de Marta Otero Mayán, estudante de cuarto de Xornalismo na USC. A reportaxe coa que se proclamou vencedora, Unha app para coidar de quen coida, é un percorrido polo traballo social e de atención do Grupo de Investigación en Saúde Mental e Psicopatoloxía da USC, responsable dunha tecnoloxía que axuda a previr a depresión en coidadores de persoas dependentes.
En opinión de xurado, o artigo gañador fai gala dun salientable enfoque humano para abordar, ao detalle, o devandito traballo do grupo da USC. O xurado, composto por representantes da Real Academia Galega de Ciencias, Obra Social la Caixa, Colexio de Xornalistas de Galicia, CSIC, Consellería de Educación e GCiencia, tamén escolleu como finalistas ás reportaxes Scuba Cancers, de Andrea Varela e Miriam Álvarez, e Como gañar o que che quita o Parkinson, de Alba Tomé.
A gañadora do Premio Contar a Ciencia-la Caixa recibirá un premio en metálico de 500 euros e un smartphone IoxPhone P1, cortesía do fabricante galego Primux Tech, empresa colaboradora do concurso. A mesma compañía entregará cadanseu equipo de altofalantes portátiles Sk-21 aos dous finalistas. Do mesmo xeito, todos os estudantes que viron seleccionados os seus traballos para a súa publicación en GCiencia recibirán un diploma acreditativo da súa participación.
A VI edición do concurso foi convocada pola Real Academia Galega de Ciencias e patrocinada por Obra Social la Caixa. Contou coa colaboración da Secretaría Xeral de Universidades da Xunta de Galicia e a empresa Primux e foi organizada polo portal web GCiencia. Participaron dez traballos de estudantes de comunicación das facultades galegas. As reportaxes abordaron, en formato escrito e audiovisual, proxectos de investigación que se desenvolven en Galicia. Todas as finalistas recibirán o seu galardón nun acto que terá lugar o 8 de xullo no Pazo de San Roque de Santiago de Compostela. Ao acto asistirán representantes do mundo académico, social, empresarial e político de Galicia.
O equipo Bach1 CPR Alca de Ames (A Coruña) vén de proclamarse vencedor da sétima edición do D3Mobile Metrology World League, o campionato de escaneado 3D de precisión con tableta ou móbil convocado polo grupo de investigación CIGEO da USC (Campus de Lugo) con financiamento da Xunta, a Deputación e o Concello de Lugo e Universia do Banco de Santander. Polo que respecta ao equipo subcampión mundial, resultou ser un grupo de estudantes do Colexio Baden Powell de Atizapán de Zaragoza (México). A edición de 2019 deste certame mundial contou coa participación de 600 estudantes e 150 profesores de 110 centros educativos de 16 países de todo o mundo.
O equipo gañador (categoría Metrólogos) estivo formado polos escolares Lucía Camiña Freire, Diego Prados Neto e Álvaro Sevilla Pérez, coordinados polo profesor José María Villarino Fernández. Na segunda proba, os gañadores elaboraron un modelo 3D sobre a Estatua da Liberdade, mentres que na terceira conseguiron un erro medio inferior a 0,04 mm nas medicións realizadas nun modelo 3D de 350 mm de diagonal maior. As mexicanas Ingrid Montserrat Barcenas Hernandez e Vanessa Barcenas Hernandez, pola súa banda, escanearon en 3D o modelo anatómico dun cranio humano e conseguiron un erro medio inferior a 0,05 mm.
Na categoría Artistas 3D resultou gañador o modelo anatómico dun ollo escaneado en 3D, do equipo Outoforbit3D, da Unidade Educativa Mariscal Sucre de Guayaquil (Ecuador), formado polos alumnos Alina Isabel Briones Miranda e Isaid Medardo Cepeda Huacón coordinados pola profesora Andrea Alexandra Avila Guerra.
Outro dos premios do campionato fomenta as competencias dos alumnos na realización dunha campaña de difusión dos seus resultados, para conseguir que o público do campionato valore e vote o seu modelo 3D. O equipo da categoría de metrólogos máis apoiado polo público de todo o mundo foi da Borusan Asim Kocabiyik Vocational and Technical Anatolian High School de Istambul (Turquía), formado polos alumnos Ceren Mervenur Kocamaz e Beyzanur Canta, coordinados polo profesor Mustafa Toruntay.
A D3Mobile Metrology World League 2019 contribuíu de novo a sensibilizar a todos os participantes acerca do máis que relevante papel da muller na enxeñaría e a arquitectura, co premio outorgado pola Fundación Mulleres, un galardón ao que optaron aqueles equipos que seleccionaron para modelar en 3D un obxecto representativo dunha científica ou tecnóloga de éxito nos devanditos eidos de traballo e investigación. O premio foi para o IES da Pobra do Caramiñal formado polos alumnos Rita Seoane Piñeiro, Román Pego Cánibe e Marcos Fernández Ouviña, coordinados pola profesora Margarita Saborido Ojea, cun modelo 3D sobre Tabitha Babbitt, unha muller americana que inventou a primeira serra circular en 1813, ao darse conta de que se malgastaba a metade do movemento que cada un dos dous traballadores realizaba ao manexar un tronzador.
O gañador do premio ao mellor equipo de mozas e mozos metrólogas e metrólogos da nosa terra, outorgado pola Xunta de Galicia, foi parar, por segundo ano consecutivo, ao equipo do IES da Pobra do Caramiñal coordinado pola profesora Margarita Saborido Ojea e integrado polos alumnos Leticia Romeu Sanisidro, Lea Zhu Muñiz Briones e Pablo Ramallo Castro, que escanearon varias caracolas e obtiveron un erro medio inferior a 0,06 mm.
O equipo da provincia de Lugo mellor clasificado foi o grupo do IES Muralla Romana de Lugo composto polos estudantes Alejandro López Fontán, Carlos Rodríguez da Serra e Diego Veiga Loureiro e dirixido pola profesora Marta Goy López, que escanearon en 3D unha figura do coliseo romano. Os membros deste equipo recibirán o premio outorgado pola Deputación Provincial de Lugo.
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, o CPEIG, celebra este venres 28 de xuño a undécima edición da súa Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, a gran festa das novas tecnoloxías da nosa terra. A cita será novamente no Hotel Monumento San Francisco en Santiago de Compostela. A gala contará coa presenza do actor galego Luis Zahera, que oficiará de mestre de cerimonias. Entre os pratos fortes da celebración inclúense os Premios anuais do CPEIG, que veñen con dez categorías.
A listaxe de galardóns é a seguinte:
As actividades darán comezo ás 20.00 horas co cóctel de benvida, que dará paso á entrega dos devanditos premios convocados anualmente polo CPEIG, cos que se distinguen as mellores contribucións das empresas, entidades e profesionais da nosa terra ao impulso tecnolóxico galego, á igualdade e o noso progreso TIC. De seguido, comezarán a cea galega e (sobre as 23.30 horas) a actuación musical.
O evento ten o obxectivo de achegar un punto de encontro para todas e todos os colexiados, estendendo este espazo común de celebración do coñecemento e a innovación aos responsables das empresas TIC da nosa terra e das entidades públicas con competencia directa ou indirecta no dixital.
Este verán o rural galego estrea un novo espazo TIC para seguir facendo fronte común contra a fenda dixital (a fenda de infraestruturas, conectividade, oportunidades e formación que segue a separar a Galicia urbana da que non o é). Estamos a falar da biblioteca e a nova aula de informática de Frades, até o de agora no edificio multiusos do Concello, pero que se vén de acondicionar para facer avanzar a presenza das TIC entre a poboación deste municipio coruñés.
As actuacións levadas a cabo pola Consellería de Medio Rural (a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, AGADER), contaron cun orzamento de 40.000 euros. No remate das obras fixo acto de presenza o propio director da axencia, Miguel Pérez Dubois, quen comprobou o resultado final deste proxecto de mellora, que consistiu na rehabilitación integral do edificio, un remate que aproveitou o material e estruturas existentes pero que incorporou innovadores elementos de illamento axeitados para as actividades de estudo. O director xeral destacou o aproveitamento destas infraestruturas en beneficio dos veciños e subliñou que “este proxecto vai ofertar un novo servizo que permitirá un maior arraigamento dos veciños ao territorio, xa que se habilita unha biblioteca e unha aula informática e de emprego das novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación, as TIC”.
O traballo realizado en Frades forma parte dun proxecto de apoio ao desenvolvemento rural, que se centra no impulso a proxectos senlleiros. Nos dous últimos anos leváronse a cabo 30 iniciativas que contaron cunha achega de Medio Rural de máis dun millón de euros. Para este ano 2019, o orzamento presupostado ascende a máis de 900.000 euros. “Este tipo de proxectos”, matizou o director xeral, “permiten defender e promover os valores culturais do pobo galego, actuando no fomento e promoción da cultura e na protección, conservación e difusión do patrimonio cultural”. Exemplo disto foi o acondicionamento do local social de Poulo (Ordes), a rehabilitación dun “pendello” nun mercado tradicional (Agolada) ou a mellora do centro hípico do mercado de gando de Guimarei (A Estrada), entre outros.
O primeiro Curso de Especialista Universitario en 5G de Galicia abre hoxe o prazo de preinscrición. Este programa formativo, enmarcado no Plan Galicia 5G da Xunta, está orientado a ofrecer diferentes perfís profesionais do sector tecnolóxico capacitación especializada e adaptada ás necesidades derivadas da futura extensión da tecnoloxía 5G.
A posta en marcha deste Curso é froito dun acordo subscrito este ano entre a Axencia para Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), a Universidade de Vigo, e o operador público Retegal o pasado mes de febreiro.
Está aberto a titulados, estudantes e profesionais do sector tecnolóxico e será impartido por docentes da Universidade e por profesionais expertos do sector, tanto de operadores (Movistar, Orange, Vodafone), como fabricantes (Nokia Spain, Ericsson) e desenvolvedores de solucións verticais (PSA, RTVE, CTAG, SERGAS).
Conta cun máximo de 25 prazas en becas para estudantes, desempregados e persoas en activo. Comezará en setembro, con 200 horas lectivas, divididas en 6 módulos máis o proxecto fin de curso, permitindo obter o título de “Especialista en Tecnoloxías de Quinta Xeración (5G)”. Os 6 módulos impartiranse presencialmente os xoves e venres polas tardes na ETSE Telecomunicación durante os meses de setembro a decembro. Toda a información do curso e os diferentes prazos están dispoñible no seguinte enlace: https://bubela.uvigo.es.
O Plan Galicia 5G é unha ferramenta estratéxica da Xunta de Galicia para impulsar o ecosistema 5G galego e favorecer o despregamento das redes 5G en Galicia, situando a Galicia coma rexión de referencia no desenvolvemento das tecnoloxías 5G.
Coa sinatura do acordo para a posta en marcha deste curso o pasado mes de xaneiro, a Universidade de Vigo, formalizou a súa adhesión ao Nodo de Cooperación 5G, un punto de encontro entre desenvolvedores e demandantes de solucións desta tecnoloxía para actuar como concentrador dos retos derivados das demandas do mercado e as capacidades das empresas do ecosistema 5G de Galicia. En novembro formalizábase a adhesión ao nodo dos operadores Vodafone, Orange e Telefónica e están previstas novas adhesións nas vindeiras semanas.
A Comunidade foi a primeira do Estado en poñer en marcha un plan para situarse como territorio preferente na pilotaxe de solucións innovadoras baseadas en 5G e facilitar que o desenvolvemento e a innovación tecnolóxica en equipamento e software necesarios para desenvolver posibles casos de uso localícese na Comunidade.
Django Girls é unha asociación global sen ánimo de lucro, cuxo obxectivo é achegar a todas as mulleres ao mundo da programación. Tras pasar por numerosas cidades de todo o mundo, chega a Vigo o taller de programación en Django orientado á creación de páxinas web.
A finalidade da xornada é dotar das capacidades necesarias para realizar un blogue e publicalo na rede. Para iso contarase no obradoiro coa colaboración de profesionais do sector que farán de mentores durante toda a xornada.