A conselleira de Política Social, Fabiola García, anunciou hoxe que a Xunta de Galicia introducirá a teleasistencia avanzada, que mellora a atención aos maiores a través da xeolocalización e os servizos móbiles. Díxoo durante unha visita ao Centro de Coordinación da Cruz Vermella, desde o que se xestiona esta prestación pública que chega na actualidade a 5.800 persoas na nosa comunidade.
A teleasistencia avanzada non suporá coste adicional para as persoas beneficiarias do actual servizo, a modalidade básica. A Xunta destina 2,8 millóns de euros nos vindeiros tres anos a extensión deste novo sistema que, ademais da asistencia domiciliaria, incorpora como funcionalidades adicionais a teleasistencia móbil e a xeolocalización da persoa usuaria. Esta contía permitirá, ademais, que o número de persoas beneficiarias aumente un 20% ata acadar os 7000 usuarios.
Unha das novidades da teleasistencia avanzada é o dispositivo, que pasará a ser unha pulseira que o usuario poderá levar sempre consigo, incluso fóra da súa casa. Tamén disporá dun xeolocalizador, para saber con exactitude en todo momento onde está a persoa beneficiaria desta prestación; e dunha aplicación informática de seguimento, que poderán utilizar as familias para ter coñecemento real da localización da persoa maior previo consentimento desta. A modalidade avanzada tamén contempla a instalación de diferentes sensores no fogar, para o fume, gas ou a apertura de portas. Ademais, para facilitar a prestación a aquelas persoas que non teñen liña telefónica, dotaráselles dun terminal gratuíto para que poidan recibir o servizo.
Este innovador recurso compleméntase ademais con outros recurso de apoio persoal como son a xestión de citas médicas e recordatorio das pendentes e campañas de vacinación; unha páxina web de información para coidadores, unha liña telefónica gratuíta e un correo electrónico específico para atender consultas de familiares; e un servizo de prevención da soidade chamado sempre contigo que consiste na realización de chamadas programadas de acompañamento e un seguimento específico con apoio psico-social.
A conselleira destacou a importancia deste servizo para garantir que as persoas de máis idade poidan permanecer de xeito autónomo nos seus propios fogares o maior tempo posible, tal e como é o desexo maioritario destes. Ao respecto, indicou que soamente con premer un botón, estas persoas teñen cubertas ás necesidades de axuda ou urxencia que poidan producirse durante as 24 horas do día os 365 días do ano e alí onde vivan.
A mellora da teleasistencia forma parte do impulso que o Executivo autonómico está a dar nesta lexislatura a recursos que fan posible que as persoas poidan elixir libremente onde e como queren envellecer. A este compromiso responde o reforzo do Servizo de Axuda no Fogar, do que se benefician 24.000 maiores dependentes; a extensión do programa Xantar na Casa, que xa chega a 170 concellos e leva 40.000 menús ao mes ás casas dos seus usuarios; a posta en funcionamento dunha trintena de Casas do Maior, pequenos centros de día gratuítos no rural; ou o programa RedMay, que permite ás persoas maiores acceder tamén de balde a servizos de oftalmoloxía, podoloxía, prevención do alzhéimer e apoio persoal sen ter que desprazarse das súas parroquias.
As sociedades occidentais están inmersas nun proceso de intenso envellecemento. O número de persoas que necesitan axuda crece a ritmo constante, e seguirá facéndoo nos próximos anos, sendo necesaria a provisión de servizos que faciliten ás familias unha mellor atención aos seus maiores. A solución tecnolóxica máis estendida para situacións de emerxencia nestes casos é a teleasistencia activa. Con todo, non é do todo fiable ao depender para a súa activación dunha acción consciente por parte do afectado.
Para liquidar este problema o proxecto LARES "desenvolvido polo Grupo de Sistemas Intelixente da Universidade de Alcalá" propón, mediante sensores distribuídos polo fogar e robótica intelixente, un modelo de teleasistencia no que a persoa non ten que interactuar co sistema: é o propio sistema o que detecta as emerxencias e contacta cos servizos de asistencia.
LARES componse dunha rede de sensores conectados inalámbricamente e distribuídos polas habitacións do fogar. Estes sensores monitoran datos como a temperatura, humidade, luminosidade ou presenza de persoas en cada habitación e envían os datos a un robot autónomo. Este integra algoritmos capaces de aprender os patróns de comportamento da persoa usando a información recompilada polos sensores e, en caso de detectar anomalías, o robot pode desprazarse autónomamente ata a habitación na que se detectou a emerxencia grazas a técnicas de Intelixencia artificial. Neste punto, os servizos de asistencia poden controlar o robot e establecer unha conexión de vídeo e audio bidireccional a través de Internet, facilitando a avaliación da situación en tempo real.
Grazas a este funcionamento, o sistema LARES pode responder de forma máis efectiva e eficiente a emerxencias no fogar de persoas con necesidades especiais sen que teñan que realizar acción algunha. Ademais, poder observar en tempo real a situación permite que os servizos de asistencia mobilicen aos servizos de emerxencia en caso necesario, reducindo o tempo de resposta, a tensión dos familiares e coidadores e, como obxectivo principal, mellorando a independencia das persoas dependentes no seu fogar.
Este mércores 3 de xullo comeza en Santiago a máis importante cita argalleira da nosa terra e unha das máis relevantes a nivel europeo: a Maker Faire Galicia, quinta edición. A feira, que se estenderá durante cinco días (coas tres primeiras xornadas especificamente dirixidas ao público profesional e as dúas últimas abertas a todos os públicos), celebraranse no edificio CINC da Cidade da Cultura. Organizan VermisProject, o Concello de Santiago (Compostela Móvese) e a Fundación Cidade da Cultura.
Durante os tres días profesionais haberá charlas e mesas redondas onde se tratarán temas tan de actualidade como a robótica, a ciberseguridade, o Open Data, a enerxía, a mobilidade ou a Intelixencia Artificial. Serán, en total, tres temáticas por día. Participarán empresas como Iberdrola, Repsol, Cellnex ou Siemens; e empresas galegas de recoñecido prestixio como FINSA, Plexus, Televés, Kaleido ou Alén Space, que presentarán os seus proxectos.
Na xornada do venres desvelaranse os 3 mellores proxectos makers profesionais, que competirán por ese primeiro posto ante un xurado de expertos. Finalmente rematará cun xantar networking no que se fomentará o intercambio de opinións entre os asistentes e os relatores. As xornadas organízanse en colaboración con APD, a Xunta de Galicia, o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e o Círculo Financieiro de Galicia e se enmarcan dentro do Proxecto Capacita Directivos.
As xornadas abertas a todos os públicos celebraranse os días 6 e 7 de xullo. Durante toda a fin de semana no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia, de 10 da mañá a 8 da tarde, nenos, adultos e maiores poderán gozar de numerosas charlas e actividades para todos os gustos. Entre os relatores destaca a figura de Soledad Ayuso, unha avoa makerque imprime todo o que se imaxina en 3D, desmitificando a idade como un factor limitador para converternos en argalleiras e argalleiros de tecnoloxía. O programa compleméntase coas charlas autoorganizadas sobre tecnoloxía que xestionan desde Compostela Tech e na parte máis científica os rapaces e rapazas de UDC Big Bang falarán sobre o 150 aniversario da táboa periódica.
No tocante ás actividades e obradoiros que se desenvolverán durante a feira o abano temático é ben amplo: pilotaxe de drons, creación de microscopios caseiros, mistura de papiroflexia e electrónica, Arduino, programación… E outra das actividades con maior participación será a Hebocon, unha competición de robots absurdos que na pasada edición captou a atención de pequenos e maiores e na que este ano animamos a todos a participar e axudarnos a convertela na maior Hebocon de España.
Profesionais do ámbito educativo, sociosanitario e cultural, xunto con responsables de diferentes departamentos da Administración autonómica e da universidade, abordan hoxe en Santiago as liñas de actuación da futura Estratexia Dixital de Galicia 2030 (edeg2030) para aplicar a tecnoloxía aos retos en torno á educación, a saúde, o benestar e o ámbito cultural.
O segundo dos foros de debate da edeg2030 céntrase nas posibles aplicacións das tecnoloxías dixitais para implantar novos modelos educativos e formativos, para mellorar e protexer a saúde ao longo de todo o ciclo vital e para dinamizar o patrimonio e a produción cultural e turística.
É a segunda xornada de debate para a elaboración da edg2030 e foi inaugurada esta mañá pola directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, e o reitor da Universidade de Santiago, Antonio López, na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago.
Mar Pereira sinalou que no proceso de elaboración da edg2030, ademais da colaboración do sector tecnolóxico, terán un papel chave outros ámbitos como o humanístico e ético, o xurídico ou o económico. Neste sentido, Pereira, quixo recalcar que, a aplicación das tecnoloxías disruptivas ten un importante potencial para o desenvolvemento económico pero tamén implica enfrontarse a importantes dilemas éticos, que precisa dun enforque multidisciplinar.
Pola súa banda o reitor da Universidade de Santiago, Antonio López, abundou na necesidade do enfoque multidisciplinar da edg2030, sinalando que “detrás das novas tecnoloxías temos que ver as humanidades”. En canto aos retos inmediatos no ámbito da educación apuntou, entre outros, que é preciso “facer un esforzo para eliminar a fenda dixital nos estudos STEM e para incrementar o número de graduados nestes estudos” cunha alta demanda laboral.
Na xornada de hoxe participaron tamén o director Xeral de Educación, FP e Innovación Educativa, Manuel Corredoira; o Director do Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia, David Piñeiro; o director de Innovación da Axencia de Coñecemento en Saúde, Alfonso Ribas; o director Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, lldefonso de la Campa; o subdirector Xeral de Sistemas e Tecnoloxías da Información da Consellería de Sanidade, Benigno Rosón; o subdirector Xeral de Servizos Sociais e Xestión Económica, Carlos Santos; o director Xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo; o Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín Lorenzo e o director de Innovación e Negocio de Radio Televisión de Galicia, José Pereira.
Estes Foros de Debate, organizados pola Amtega en colaboración cos diferentes departamentos da Xunta e as tres universidades galegas, constitúen o primeiro dos fitos previstos na elaboración da Estratexia Dixital para a vindeira década.
En total, esta semana celebraranse catro sesións de traballo nos campus de Ourense, Santiago, Vigo e A Coruña, que congregarán aos axentes implicados en procesos de transformación dixital en distintos ámbitos de actuación, e de representantes das principais empresas da Comunidade, do hipersector TIC, das institucións públicas e da sociedade civil.
Trátase dos primeiros encontros previstos neste proceso participativo, no que se contará tamén coas achegas da cidadanía a través do portal da Amtega (https://amtega.xunta.gal/edg2030-participa), así como dun comité de expertos que trasladen a súas expectativas, visións e preocupacións en torno a retos definidos previamente coas diferentes consellerías. O obxectivo final é dispoñer dunha folla de ruta para abordar os retos derivados da transformación dixital.
Durante esta semana máis de 500 profesionais de diferentes ámbitos, repartidos en 12 grupos de traballo están a facer as súas achegas para definir as liñas de actuación da futura edg2030 en torno a catro áreas temáticas: Territorio Verde e Conectado, Vida Dixital, Economía Aberta e Especialización Tecnolóxica.
A edg2030 quere contribuír a un desenvolvemento sostible da Comunidade, tanto a nivel económico, como social e medioambiental. Esta nova folla de ruta para a vindeira década enmárcase na políticas europeas para incrementar o despregamento de tecnoloxías dixitais clave a gran escala e promover a súa adopción para que os beneficios da transformación dixital cheguen a todo o mundo.
Para a elaboración da Estratexia Galicia 2030 establécese a metodoloxía de elaboración derivada do Centro Común de Investigacións da UE, contando con paneis de profesionais non soamente tecnolóxicos, senón tamén do ámbito do dereito, a economía e as humanidades.
Estas achegas multidisciplinares serán de especial relevancia á hora de facer fronte ás cuestións éticas, xurídicas, e económicas derivadas dos novos modelos sociais e económicos vinculados á Intelixencia artificial, ao tratamento dos datos, ás adiccións, aos ciberdelitos ou o futuro do emprego... entre outras.
Ademais, constituirase unha comisión permanente de expertos que participen tanto nas funcións de vixilancia tecnolóxica como de análise do impacto das diferentes liñas de acción da transformación dixital en Galicia.
A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, e o director da Fundación Empresa Universidade Galega (FEUGA), Javier Pereiro, presentaron esta mañá o Catálogo de perfís profesionais de futuro elaborado por encarga do departamento educativo da Xunta de Galicia para adaptar a oferta universitaria ás ocupacións estratéxicas de cara a 2030. Segundo o estudo, contemplado xa no Plan de Excelencia do Sistema Universitario de Galicia, máis da metade destes perfís profesionais que demandarán os sectores estratéxicos galegos no medio prazo terán como base as competencias STEAM, isto é, competencias tecnolóxicas e científicas combinadas coas asociadas á arte e á creatividade e o deseño.
Carmen Pomar quixo destacar que o seu departamento leva xa tempo traballando nesta liña, tanto no ensino universitario coma no non universitario. De feito, o Mapa de Titulacións acordado entre a Xunta de Galicia e as universidades galegas xa ten en conta esta tendencia, de tal forma que o vindeiro curso se incorporarán ao sistema 4 novas titulacións moi relacionadas con estas competencias: o Grao en Ciencia e Enxeñaría de Datos no Campus da Coruña, o Grao en Creación Dixital, Animación e Videoxogos no Campus da Coruña, o Grao en Xestión Dixital de Información e Documentación no Campus de Ferrol, e o Grao en Robótica no Campus de Lugo.
Así mesmo a Consellería está a desenvolver a estratexia STEM máis ambiciosa de todo o Estado, enmarcada en Edudixital 2020, onde a robótica e a formación nas TIC están xa presentes nos centros educativos de primaria e secundaria de Galicia, “precisamente para espertar todas esas vocacións científico tecnolóxicas que precisaremos no futuro para dar cobertura aos sectores que máis emprego van xerar”. Non en balde, o Catálogo presentado hoxe sinala que unha característica común de todos os roles profesionais que están por vir é que necesitarán dispoñer de sólidas competencias dixitais.
Carmen Pomar fixo fincapé tamén na importancia que o Catálogo concede ás competencias persoais (soft skills) como un factor crítico nos roles profesionais do futuro, que se caracterizarán polo seu elevado grao de cualificación e especialización. “serán as competencias persoais (soft skills) as que funcionen como elemento diferencial e determinen a empregabilidade dos titulados universitarios, así como as competencias asociadas a valores”, destacou.
Neste sentido lembrou que o desenvolvemento destas aptitudes (traballo en equipo, pensamento crítico, intelixencia emocional ou responsabilidade medioambiental e social, entre outras) non se realiza só no ensino universitario, senón que é preciso nas idades máis temperás. “A través dos contratos-programas e de diferentes iniciativas estamos a traballar na xestión do talento entre os máis novos de cara ao seu futuro”, sinalou.
Por outra banda a conselleira destacou que o estudo conclúe que as competencias en inglés deixarán de ser unha cualidade a valorar do candidato, para converterse nun requisito sine qua non para a súa contratación.
A este respecto explicou que xa se está a avanzar no bo camiño, tanto nas idades máis temperás coa estratexia Edulingüe 2020, como a través da posta en marcha de grupos en inglés nos graos universitarios, unha medida establecida no Plan de Excelencia do Sistema Universitario de Galicia para implantar. De feito, no pasado curso xa se habilitaron 4 graos con grupos en inglés nas universidades galegas.
O Catálogo de perfís profesionais de futuro enmárcase no proxecto Galicia 2030: Perfís profesionais de futuro e novas titulacións e especialidades universitarias. O Catálogo é o resultado da primeira fase desta iniciativa, que se completará cunha análise exhaustiva do mapa actual de titulacións do Sistema Universitario Galego e o seu cotexo co Catálogo, unha análise internacional de universidades e titulacións de interese, a definición preliminar de novas titulacións e especialidades, así como con novas actividades participativas e de contraste con expertos do ámbito empresarial e académico que contribuirán a afinar a proposta definitiva de novas titulacións e especialidades universitarias no horizonte temporal 2030.
Para elaborar o Catálogo identificáronse as 19 principais macrotendencias tecnolóxicas, medioambientais e socioeconómicas que inflúen na actividade económica e no emprego e seleccionáronse os 22 sectores estratéxicos con maior capacidade de tracción da economía e o emprego na nosa Comunidade, que abranguen un volume de arredor do 75% do emprego e do 90% do PIB galego.
Tras isto, elaborouse unha ficha sectorial para cada un deles, na que se inclúe a futura tipoloxía de emprego, os roles profesionais máis demandados nos próximos anos e algunhas conclusións ou recomendacións achegadas polos expertos; e fíxose unha identificación preliminar de competencias e novos perfís profesionais de futuro, para configurar 30 roles profesionais. Toda a información recollida contrastouse con máis de 400 expertos en diferentes actividades colaborativas e sectoriais.
Trátase, polo tanto, dun estudo moi exhaustivo e pioneiro polo elevado número de expertos e entidades empresariais, sociais e institucionais que colaboraron, polo seu carácter sectorial, partindo dun coñecemento profundo do territorio e das súas posibilidades; así como por identificar as necesidades futuras en materia de formación e emprego transmitidas en primeira persoa polo tecido empresarial da nosa Comunidade. “A seriedade, a profundidade, a rigorosidade, o número de actividades, e as ferramentas utilizadas dan a este estudo un plus sobre os realizados ata o momento, o que o vai converter no referente a nivel nacional para orientar un mapa de titulacións universitarias na vindeira década”, sinalou a conselleira.
A conselleira explicou que este proxecto é froito da decisión da Xunta de Galicia de dar un paso adiante para anticiparse ao entorno cambiante no que vivimos, no que as empresas precisan cada vez profesionais máis cualificados e especializados. “A capacidade de anticipación a estas demandas é un aspecto crítico para todo sistema educativo que aspire a ser efectivo en termos de empregabilidade e retención do talento”, sinalou.
Carmen Pomar comprometeuse a seguir traballando, xa na segunda fase deste estudo, para construír xunto coas tres universidades galegas un novo Mapa de Titulacións que cumpra as características que se revelan como fundamentais neste estudo. Desta forma, o proxecto “permitirá á Universidade galega manterse á vangarda do coñecemento e seguir desempeñando o seu papel chave como motor de desenvolvemento do territorio e principal xerador de talento cualificado”, dixo.
Onte comezou a nova edición (a sétima) do Campus de Verán Xuvenciencia, que se celebra ata este 5 de xullo convertendo a cidade da Muralla na capital galega, estatal e europea do que se vén coñecendo como universo STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas). Na iniciativa, impulsada pola Universidade de Santiago (Campus de Lugo) e o Concello e a Deputación, participan 150 alumnos e alumnas preuniversitarios de España e Portugal. As actividades de Xuvenciencia (todo tipo de obradoiros e proxectos divulgativos) buscan estimular vocacións científicas entre o alumnado máis novo e dar a coñecer as importantes vantaxes de estudar no campus local.
Na inauguración concorreron a deputada de Cultura en funcións, Pilar García Porto; a vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo Moledo; a vicerreitora de Coordinación, Montserrat Valcárcel; a profesora da USC e coordinadora de XuvenCiencia, Mercedes Novo Rodríguez; a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; e a secretaria territorial da Delegación da Xunta en Lugo, Marta Barreiro Castro. Ao abeiro da edición 2019 de Xuvenciencia, unha das principais novidades é a actividade Aprendendo a construír vídeos contra o ciberbullying, coordinada por Mari Carmen Caldeiro Pedreira, na que se abordará como o uso indiscriminado dos teléfonos móbiles e da tecnoloxía por parte das novas xeracións deriva ás veces en acoso e violencia. Neste obradoiro, aprenderase a combater o ciberbullying “coas súas propias armas”, a través da construción de pequenos vídeos que permitan facer conscientes ás rapazas e aos rapaces de como se detecta e como se intervén sobre esta nova forma de acoso.
As distintas actividades incluídas no campus de verán XuvenCiencia desenvolveranse en quenda de mañá e tarde, en horario de 9.30 a 18.00 horas, nas facultades de Ciencias, Humanidades, Administración e Dirección de Empresas, Formación do Profesorado e Veterinaria, así como na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría e os dous centros adscritos: Escola Universitaria de Relacións Laborais e Escola Universitaria de Enfermaría. As visitas aos distintos laboratorios de investigación e servizos da USC en Lugo e a centros e empresas colaboradoras (Aula de Produtos Lácteos, Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia, Museo Provincial, Museo Universitario A Domus do Mitreo, AMSlab, Xenética Fontao, Hospital Universitario Lucus Augusti, Castro de Viladonga, Sotavento, Fundación TIC, LARSA, Norvento, FINSA, CETAL), e a realización de obradoiros relacionados coas titulacións científicas, técnicas e sociais do campus centran as actividades programadas polos organizadores do campus en quenda de mañá. Polas tardes, os/as alumnos/as inscritos/as no programa, repartidos en grupos pequenos, desenvolverán, baixo a tutela do profesorado universitario, distintos proxectos científicos ou técnicos a elixir entre 26 propostas.
A deputada de Cultura en funcións, Pilar García Porto, avanzou na súa intervención de onte que “é moi importante achegar aos rapaces este tipo de actividades que contribúen a coñecer a ciencia e a tecnoloxía como xeito de fomentar a curiosidade, e que fomenta o interese do alumnado pola actividade científica, que é un motor da sociedade e do seu desenvolvemento”.Segundo fixo saber, un profesor do Centro de Formación do SdeA (o CFA da Deputación de Lugo) impartirá o obradoiro Como elaborar vídeos para YouTube, e técnicos do Centro de Produción do Servizo (CPS), prestarán apoio ao alumando durante a edición dos vídeos sobre os seus proxectos científicos. Ademais, durante toda a semana, un equipo de profesionais gravará as actividades para a peza audiovisual que sirva de resumo da semana. Proxectarase no acto de clausura, o 5 de xullo.
O obradoiro de contidos para YouTube, que impartirá un profesor do SdeA nas instalacións do CFA, forma parte, por terceiro ano consecutivo, da programación de Xuvenciencia. Segundo lembra a Deputación, trátase dun taller que tivo moi boa aceptación nas anteriores convocatorias, e, de feito, foi o propio alumnado quen pediu que se volvese organizar. Ademais de ensinarlles como subir vídeos a esta plataforma, crearase unha canle propia para pendurar un audiovisual que os estudantes gravarán e editarán durante o obradoiro. Por outra banda, técnicos do SPA prestarán apoio técnico e asesoramento aos alumnos de Xuvenciencia na edición dos audiovisuais que elaborará cada grupo, cos que presentarán os seus proxectos e participarán no concurso de vídeos que convoca a USC. A achega da Deputación complementarase con reportaxes e un vídeo coa recompilación dos momentos mais salientables.
O Concello de Boiro e a aula local CeMIT (AMTEGA) queren que este verán sexa un verán enriquecedor e construtivo para a rapazada local con interese na robótica e na programación. Esta é fórmula que acompaña o Campamento Tecnolóxico que se celebra entre os días 1 e 23 de agosto no primeiro andar do Centro Social de Boiro: a fórmula de xuntar lecer e espírito creativo arredor das novas ferramentas. A actividade, que ten aberto prazo de inscrición (até o 11 de xullo), ten dous piares temáticos básicos: comezar a aprender a construír robots e, tamén, programar aplicacións e ferramentas. Scratch e as súas posibilidades centrarán parte do programa de actividades.
Scratch, para quen non o saiba, é unha ferramenta informática que permite aos usuarios programar historias interactivas, xogos e animacións, e compartilas en liña con outros membros da comunidade. Deseñada para nenos de idades entre os 8 e os 16 anos, axuda aos máis novos a aprender a pensar de xeito creativo, razoar sistematicamente, e traballar en colaboración coa comunidade.
O Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) celebrou o venres a súa XI Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia cunha cea de gala no Hotel Monumento San Francisco de Santiago de Compostela. Preto de 350 convidados asistiron ao gran evento do sector TIC en Galicia, entre representantes as empresas e profesionais do sector tecnolóxico, da administración pública, e do ámbito universitario, entre os que destacan a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira; o director do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), Juan Cividanes; o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; e o reitor da Universidade da Coruña (UDC), Julio E. Abalde; entre outros.
O evento tivo como mestre de cerimonias ao actor compostelán Luis Zahera, que amenizou a gala e presentou a entrega dos premios anuais do CPEIG. Contou coa actuación musical de mítica banda La Unión, grupo de pop e new wave español creado na década dos 80 e coñecida internacionalmente polo seu tema Lobo hombre en París, con máis de tres millóns de discos vendidos, recibindo en 2006 un dobre disco de diamante pola súa carreira discográfica.
Segundo lembra o colexio, a Noite é xa unha gala consolidada onde o CPEIG pretende “mostrar á sociedade o traballo desenvolto por enxeñeiros e enxeñeiras en informática dentro da sociedade da información e as iniciativas relacionadas co ámbito das TIC”. A celebración contou con todo tipo de actividades destinadas a garantir a diversión dos asistentes, como un sistema de realidade aumentada con Chroma Key, lentes de realidade aumentada, un espectáculo de maxia de cerca e diversos sorteos.
Como reflexión sobre o que aconteceu no último ano no sector TIC e marcar os eixos da súa evolución futura, o presidente do CPEIG, Fernando Suárez Lorenzo, explicou na súa intervención que “a tecnoloxía e as persoas compoñen a ecuación da Sociedade da Información, e a súa progresión dependerá de cuestións como vocación, actitude e talento”. Salientou que esta dixitalización ten “xa un impacto positivo”, achegando respostas a retos sociais e ambientais, mellorando radicalmente a calidade de vida das persoas, a produtividade dos negocios e o crecemento da economía. Alén das oportunidades desta revolución dixital, Fernando Suárez indicou que xorden tamén grandes desafíos, como a fenda dixital, o impacto nos empregos e na educación, o uso axeitados dos datos, a seguridade, a privacidade, ou a distribución da riqueza. O presidente manifestou que para dar resposta a estes retos “son precisos valores e doses de humanismo, xa que todo debe xirar ao redor dos dereitos e obrigas das persoas no mundo dixital”. E engadiu: “Ata agora, o ser humano adicou moito esforzo a aprender a linguaxe das máquinas e poder comunicarse con elas e agora chegou o momento de que sexan as máquinas as que aprendan a linguaxe dos humanos”. A estas oportunidades e desafíos dos avances tecnolóxicos súmanse os principios de xustiza, atribución de responsabilidade e asimetría, transparencia, ética, educación e diversidade. “Só guiándonos polos valores e a ética poderemos capturar todo o potencial da tecnoloxía para construír unha sociedade mellor, máis inclusiva e xusta”, dixo.
E para o futuro, Fernando Suárez compartiu cos asistentes tres desexos: que a tecnoloxía forme parte integral da sociedade para incrementar a calidade de vida da poboación; que Galicia e España invistan máis en I+D+i para converterse en líderes de Europa e ponte con Latinoamérica e África, ademais de investir en formación, atracción e retención do talento, actualización do sistema educativo centrándose nas STEM e fomento da creatividade e innovación; e que cada vez haxa máis nenos e nenas que queiran se enxeñeiros, investigadores, inventores ou innovadores en tecnoloxía. O presidente agradeceu o apoio incondicional do sector á Noite, profesionais e empresas que coa súa presenza axudan a facer máis visible a Enxeñaría en Informática, unha profesión que asegurou ten un “crecente impacto na vida das persoas, na creación de riqueza e no desenvolvemento económico do país”. Na súa opinión, “as enxeñeiras e enxeñeiros en Informática compartimos a profesión máis social que existe, porque estamos obrigados a entendernos con expertos de todos os ámbitos”.
Foron dez as distincións anuais que se entregaron o venres na XI Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, premios que corresponden a diversas categorías onde os colexiados e colexiadas recoñecen as iniciativas ou persoas destacadas no ámbito da Enxeñaría en Informática. Fernando Suárez sinalou que as persoas, empresas e institucións distinguidas están a consolidar a Sociedade da Información en Galicia, e subliñou que o colexio está especialmente orgulloso da calidade dos galardoados, “proba do excelente estado do noso sector TIC dentro e fóra das nosas fronteiras”. O director xeral de Mobile World Capital Barcelona –Carlos Grau–, a enxeñeira Mónica Fernández Bugallo, o director da Área de Solucións Tecnolóxicas Sectoriais da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) – Carlos Vázquez Mariño–, o enxeñeiro informático Óscar Blanco, o proxecto El Camino de los Satélites, o CEIP Ponte dos Brozos de Arteixo, o Club Financiero Atlántico da Coruña, Hijos de Rivera, a asociación Alastria, os Talleres e Axudas á Dixitalización promovidos polo Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, e as empresas Altia e Everis son as persoas, organismos ou entidades distinguidas nestes premios.
O CPEIG creou este ano unha nova categoría, o Premio Innovación Tecnolóxica no Ensino que recoñece o labor dun centro de ensino e o seu profesorado en prol da difusión da tecnoloxía entre o alumnado. Na súa primeira edición recaeu no CEIP Ponte dos Brozos de Arteixo, un dos sete centros seleccionados pola UNESCO para aparecer nunha publicación sobre as mellores prácticas de aprendizaxe móbil. A distinción e-Inclusión foi para El Camino de los Satélites, unha iniciativa da Fundación Tecnología Social (FUNTESO) destinada a mostrar como as tecnoloxías socialmente responsables poden facer accesible o Camiño de Santiago a todo o mundo. O galardón Iniciativa Emprendedora outorgouse ao Club Financiero Atlántico da Coruña polo seu soporte organizativo na Mobile Week Coruña, o evento internacional máis importante da historia de Galicia que se celebrou na Coruña do 21 ao 28 de novembro de 2018. O Premio Iniciativa Empresarial concedeuse nesta edición a dúas entidades: Hijos de Rivera, polo seu proceso de transformación dixital, e a asociación Alastria polo fomento da economía dixital a través do desenvolvemento de tecnoloxías descentralizadas/blockchain.
O Premio Ada Byron foi este ano para Mónica Fernández Bugallo (Ferrol, 1975), profesora de comunicación dixital e procesamento do sinal do Departamento de Enxeñaría Eléctrica e Informática da Universidade de Stony Brook en New York, ademais de directora do Programa Mulleres na Ciencia e a Enxeñaría (WISE–Women in Science & Engineering).
O CPEIG distinguiu co Premio Iniciativa da Administración ao programa de Talleres e Axudas á Dixitalización, promovido polo Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia. O Colexio profesional recoñece a Traxectoria Profesional de Carlos Vázquez Mariño, director da Área de Solucións Tecnolóxicas Sectoriais da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA). O Premio Especial CPEIG como distinción de agradecemento a empresas pola súa constancia no apoio á gala A Noite foi para as compañías Altia e Everis. O Premio Colexiado de Honra foi para o director xeral de Mobile World Capital Barcelona, Carlos Grau Lara, polo seu labor profesional no ámbito da tecnoloxías da información e as comunicacións. E finalmente, o Premio Proxecto Fin de Carreira/Mestrado recaeu no enxeñeiro en informática Óscar Blanco Novoa (A Coruña, 1992) polo seu proxecto Sistema domótico de eficiencia enerxética no fogar con interface de realidade aumentada como traballo fin de Mestrado na Universidade da Coruña.