O vindeiro mes de setembro Santiago converterase na capital do 5G, cunha xornada na que se darán a coñecer os 18 pilotos que se están a desenvolver en Galicia baseados nesta tecnoloxía. O encontro, organizado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e o Observatorio Nacional de 5G, afondará nas vantaxes que esta tecnoloxía para cuxo despregamento a Unión Europea esixe aos Estados membros realizar, previamente, casos de uso.
A celebración da xornada foi un dos temas que se abordaron na última comisión de seguimento do Nodo 5G, ao que están adheridos Vodafone, Telefónica, Orange e a Universidade de Vigo. Neste encontro, celebrado esta semana, representantes dos operadores xunto co director xerente de Retegal, Miguel Rodríguez, e a directora da Amtega, Mar Pereira, avanzaron na concreción dos pilotos baseados en tecnoloxía 5G, que se desenvolverán ata o 2020. En total os operadores comprométense a realizar 9 casos de uso cun investimento total de 2 millóns de euros.
A estas iniciativas hai que sumar outras 9 subvencionadas por Red.es e Telefónica para desenvolver tamén na Comunidade, e que suporán un investimento público privado de 11,5 millóns de euros en pilotos 5G. Galicia foi a única Comunidade que presentou candidaturas dos tres operadores a esta convocatoria sendo unha das dúas que finalmente conseguiron a subvención estatal.
Polo tanto, en Galicia desenvolveranse un total de 18 casos de uso e pilotos de 5G nas sete principais cidades galegas en ámbitos clave para Galicia como a sanidade, as emerxencias, o turismo ou a loita contra os incendios, entre outras. Estas iniciativas dan resposta aos requirimentos de Europa aos Estados membros de realizar “casos de uso”, é dicir escenarios nos que se probe e pilote esta tecnoloxía, como paso previo á súa extensión.
Cun investimento total de 2 millóns de euros, na comisión concretáronse os casos de uso que se desenvolverán dentro do Nodo 5G, con aplicacións desta tecnoloxía á sanidade, ás nas emerxencias, a extinción de incendios; ao coche conectado; ao control de acceso e vixilancia avanzada; ao campus 5G; ao turismo inmersivo e soporte remoto para atención á urxencia.
A Amtega puxo en marcha en xullo de 2018 o Plan Galicia 5G, complementario ás medidas europeas e estatais, cun dobre obxectivo: por unha banda, que Galicia sexa das primeiras rexións europeas en dispoñer de servizos 5G e, por outra, que o desenvolvemento e a innovación tecnolóxica en equipamento e software necesarios para desenvolver posibles casos de uso desta tecnoloxía localícese na Comunidade.
Unha das primeiras medidas do Plan foi a posta en marcha o pasado mes de novembro do Nodo de Cooperación 5G cun convenio asinado por Orange, Vodafone e Telefónica, no que se recolle o compromiso dos tres operadores. O Nodo conta cun orzamento mínimo de 2 millóns de euros ata o 2020 e a súa actividade desenvolverase baixo a coordinación do operador público Retegal.
Outra das medidas do Plan é a relacionada coa formación. Galicia contará a partir de setembro co primeiro Curso de Especialista Universitario en 5G, grazas á adhesión da Universidade de Vigo ao Nodo de Cooperación 5G, a través dun convenio asinado o pasado mes de febreiro entre a Amtega, a Universidade de Vigo e Retegal.
O programa formativo está orientado a ofrecer diferentes perfís profesionais do sector tecnolóxico, capacitación especializada e adaptada ás necesidades derivadas da futura extensión da tecnoloxía 5G.
O curso, que comezará en setembro, está estruturado en cinco módulos e un proxecto fin de curso. Máis de 200 horas lectivas, que cursadas na súa totalidade outorgarán o título de “Especialista en Tecnoloxías Celulares de Quinta Xeración (5G)” ás persoas cun título de grao ou unha enxeñaría no ámbito das TIC.
Hai un tempo falámosvos da aplicación Cóntoche, desenvolvida pola Fundación CNSE e que busca achegar a lectura a nenos con discapacidade auditiva a través da lingua de signos. Esta tecnoloxía recibiu o Premio Raíña Letizia na súa categoría de Tecnoloxías da Accesibilidade.
A aplicación permite aos nenos ler contos en lingua de signos e crear as súas propias historias, de maneira que lles axuda a achegarse á lectura superando a barreira que en moitas ocasións pode supoñer a súa discapacidade.
A idea de Cóntoche é que esta tecnoloxía se utilice polo conxunto da familia, de maneira que se fomente o hábito da lectura no fogar.
Este concepto e o desenvolvemento da app valéronlle á fundación a recepción deste premio, un dos máis importantes en materia de tecnoloxía accesible que se outorgan en España, nun evento celebrado no Corral de Comedias de Almagro, coincidindo co Festival Internacional de Teatro Clásico.
O Congreso Internacional Mundos Digitales, que se celebrará na Coruña do 11 ao 13 de xullo, presentouse onte en PALEXCO como a edición máis ambiciosa en canto a programación e ámbitos que cobre o evento, onde a realidade aumentada para broadcast e a realidade mixta como nova liña de creación de contidos súmanse aos xa habituais como son a animación ou os videoxogos. A cita é todo un referente no seu campo e nesta edición reunirá a máis de 1.500 asistentes, o que supón un aumento dun 30% respecto ao ano pasado.
Ao acto de presentación conducido polo director do congreso, Manuel Meijide, acudiu tamén a nova alcaldesa herculina, Inés Rey, quen salientou que o sector da animación é «parte do noso presente, pero ten que ser parte importante da Coruña do futuro».
No amplo programa deste ano, cabe destacar presentacións dos proxectos máis importantes do ano como Dumbo, Hellboy ou a flamante gañadora do Óscar á mellor película de animación deste ano, Spider-Man: Un Nuevo Universo.
A Sesión Especial de El Parque Mágico, a grande aposta para este ano de Paramount Pictures Animation, cun orzamento de 100 millóns de dólares, será unha mostra da magnífica saúde da animación nacional, da que un dos seus supervisores que participará nesta presentación saíu da numerosa canteira que a Universidade da Coruña ten nos estudos máis importantes do mundo.
Un ano máis, unha das actividades máis esperadas do congreso será a Feira de Emprego, que se consolidou como a segunda máis importante de Europa e que congrega a numerosas compañías ávidas de atopar novo talento para incorporar nas súas próximas producións. Pero sen dúbida, un dos puntos fortes desta edición será a chegada da realidade aumentada en tempo real para producións broadcast, que cambiará por completo a forma de consumir contidos audiovisuais incorporando personaxes virtuais e escenarios tridimensionales en programas televisivos nos que converxerá a imaxe real e virtual como unha única contorna, e todo iso en tempo real.
A realidade virtual ha vindo para quedar de forma definitiva a través dos novos dispositivos gráficos, pero Mundos Digitales vai un paso máis aló e contará os as últimas tecnoloxías e dispositivos (aínda non dispoñibles no noso país) de realidade mixta. Unha nova onda que se une á realidade virtual para conformar o que se coñece como o mercado inmersivo dos contidos. O Premio Especial que cada ano entrega o congreso a un profesional pola súa achega ao sector da animación, recae este ano en Gonzalo Rueda, director do estudo Ilion Animation Studios, responsables de producións como Planet 51, Mortadelo y Filemón ou El Parque Mágico.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) anunciou hoxe o lanzamento de varios retos para aplicar a tecnoloxía blockchain a iniciativas da administración dixital, o turismo e a trazabilidade alimentaria. Así o expuxeron esta mañá responsables da Amtega durante a xornada “Retos e oportunidades para Blockchain en ámbitos estratéxicos en Galicia", organizada en colaboración con Alastria.
Son un total de sete propostas coas que a Administración autonómica busca mellorar a transparencia e a automatización e cuestións relativas á identificación dixital, a procesos vinculados á carpeta cidadá, á interoperabilidade ou na acreditación das competencias dixitais. Tamén se lanzaron retos vinculados ao sector turístico, en concreto co Camiño de Santiago, para garantir a identidade e mellorar a fidelización dos visitantes; e outro específico para resolver as problemáticas asociadas á trazabilidade alimentaria.
O obxectivo desta convocatoria é identificar tanto as tecnoloxías, como as solucións organizativas e de xestión que dean resposta aos retos formulados, así como os custos asociados e as vantaxes respecto a outras plataformas tradicionais.
As empresas do sector interesadas teñen desde hoxe e ata o 30 de setembro para presentar as súas propostas iniciais. A partir desa data e ata finais de ano abrirase un período de reflexión ata definir a solución más axeitada a cada caso.
A directora da Amtega, Mar Pereira, que inaugurou o encontro xunto coa presidenta de Alastria, María Parga, destacou que o posicionamento de Galicia nas tecnoloxías disruptivas é un dos obxectivos da Estratexia Dixital 2030, que está en proceso de elaboración neste momento.
A directora da Amtega sinalou que esta folla de ruta para a vindeira década pivotará sobre o potencial transformador das tecnoloxías disruptivas, e por iso desde a Administración quérese reforzar as capacidades de Galicia nas novas redes de alta capacidade, na análise intelixente do dato, na intelixencia artificial, ou na ciberseguridade.
Esta xornada enmárcase nas actuacións previstas no convenio de colaboración asinado o pasado mes de marzo pola Amtega e Alastria, para aplicar a tecnoloxía blockchain a sectores estratéxicos. No encontro presentáronse exemplos da aplicación de blockchain no sector bancario como o de ABANCA e a Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Pescado e Marisco (Anfaco) propuxo liñas de actuación nas que o blockchain pode axudar ao sector.
Alastria é un consorcio multisectorial sen ánimo de lucro, conformado por preto de 300 entidades, entre empresas, administracións públicas e universidades, que ten como obxectivo fundamental favorecer a implantación, estandarización, protección e utilización do Blockchain en España acorde co regulamento europea.
O blockchain é unha tecnoloxía que permite gardar “bloques de información” conectados entre si en diferentes equipos, en lugar de condensar toda a información nun só lugar. Así, se se producise un fallo nunha plataforma de almacenamento, existen copias da información noutros lugares, o que o fai máis seguro que un sistema normal.
Ademais, a información está cifrada e non existe a posibilidade de eliminar ou modificar a xa existente, só engadir nova, o que favorece a transparencia. As principais vantaxes desta tecnoloxía son a eliminación de intermediarios, a ausencia de posicións dominantes e o aumento da contorna de seguridade nas operacións.
Hoxe o Diario Oficial de Galicia (DOG) publica a convocatoria para que os centros educativos poidan adherirse ao Programa “Digicraft no teu cole”, promovido pola Fundación Vodafone en colaboración coa Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). Segundo se recolle no DOG, os centros interesados poden realizar a súa solicitude desde mañá e ata o vindeiro 30 de setembro.
Ata 50 centros escolares poderán beneficiarse desta iniciativa dirixida a nenos e nenas de entre 6 e 12 anos. Galicia é a primeira Comunidade na que a Fundación Vodafone pon en marcha “Digicraft no teu cole”, que terá unha duración de dous anos e enmárcase no Plan de Promoción do Talento Dixital de Galicia ‘DigiTalent’ impulsado pola Amtega.
Os centros que se adhiran a Digicraft terán acceso a formación para que os profesores poidan impartir o programa nas aulas, así como aos materiais descargables para o desenvolvemento das actividades e dotación de tabletas e kits tecnolóxicos, que permitirán aos docentes e alumnado desenvolver as actividades establecidas.
O programa articúlase ao redor da metodoloxía DigiCraft, un sistema de aprendizaxe específico baseado no xogo e a experimentación, deseñada pola Universidade de Salamanca para a Fundación Vodafone España para axudar aos nenos e nenas a adaptarse a unha sociedade dixital en rápida evolución e para mostrarlles as posibilidades que o mundo dixital ofrece.
“DigiCraft no teu cole” enmarcase nas iniciativas do Plan de Promoción do Talento Dixital de Galicia 2020, DigiTalent, para impulsar as vocacións científico-tecnolóxicas e os novos perfís dixitais. O Plan, que se puxo en marcha este curso está a desenvolver 15 iniciativas en colaboración cos axentes do ecosistema dixital
Toda a información sobre as novas actividades e as que están en curso están dispoñibles no portal do Plan DigiTalent digitalent.xunta.gal.
SmartPEME, o programa de capacitación tecnolóxica para PEME, profesionais e autónomos da Deputación de Pontevedra, continúa a súa actividade este mes de xullo, con novas accións encamiñadas a facilitar a dixitalización e a competitividade. Para a comarca de Vigo, estamos a falar de 14 accións formativas a desenvolver nas oficinas de SmartPEME en Ponteareas, Vigo e O Porriño. A estas citas cómpre sumar as catro previstas para a oficina de Pontevedra (sede Deputación) e outras catro en Cambados, ás que cómpre engadir os cinco obradoiros de Lalín. En total, 27 obradoiros polo de agora. As inscricións pódense facer no número de teléfono 886 20 20 20, o correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou a páxina web www.smartpeme.depo.es.
Todas estas citas teñen o nexo común de facilitar “a adaptación das empresas e proxectos emprendedores da provincia ao novo escenario dixital no que desenvolver as súas actividades e aproveitar as ferramentas existentes co obxectivo de aumentar a súa competitividade”. No que atinxe ás actividades da contorna viguesa, a oficina SmartPEME de Vigo acollerá este mes de xullo os seguintes obradoiros: Ferramentas de Google para a Promoción de Negocios Locais, o xoves 11 de xullo, ás 19 horas. O martes 16, ás 17 horas, terá lugar Crea unha Páxina Profesional con Wordpress. O xoves 18 de xullo, ás 17 horas, impartirase Como Mellorar o Posicionamento Local da túa Empresa Turística. A última acción formativa deste mes será Woocommerce: a Solución que Buscabas para Vender por Internet, o martes 23, ás 18 horas. A oficina SmartPEME de Vigo, na sede da Deputación da cidade, atópase na rúa Oporto, núm. 3.
A oficina do Porriño acollerá os seguintes obradoiros: o martes 9, ás 19 horas, o curso O teu Contido Efémero: Stories en Facebook e Instagram. Logo, Pluggins de Wordpress para Mellorar a túa Web chegará o martes 16, ás 19 horas. O xoves 18, ás 19 horas, impartirase Emprego de Vídeo nas Redes Sociais: Youtube. A acción Como Mellorar o Posicionamento Local da túa Empresa Turística terá lugar o martes 23, ás 17 horas. E, por último, o martes 30, ás 19 horas, celebrarase Fotografía para Xoiería. A oficina SmartPEME do Porriño, no Multicentro do Concello, atópase na rúa Ribeira, s/n.
Por último, as quendas para o mes de xullo na oficina de Ponteareas comezan o xoves 11, ás 17 horas con Empresas de Actividades Turísticas e Plataformas de Comercialización en Liña. A seguinte acción será O teu Plan de Márketing Dixital Paso a Paso, o martes da semana seguinte, día 16, ás 19 horas. O curso Obtén Valor dos teus Datos con Google Data Studio chegará a Ponteareas o xoves 18, ás 18 horas. O martes 23 de xullo, ás 19 horas, impartirase Vende Produtos en Liña con Campañas de Google Shopping. E, para rematar, Crea unha Páxina Profesional con Wordpress terá lugar o martes 30, ás 18 horas. A oficina SmartPEME de Ponteareas, no Centro de Desenvolvemento Local, atópase en Lomba do Cruceiro, núm. 5.
No que se refire a Cambados, a primeira cita é este martes 9 de xullo, ás 17:00 horas, coa acción Motores de Reservas para Empresas Turísticas. O martes 16 levarase a cabo o obradoiro Fotografía Gastronómica co Teléfono Móbil, ás 19:00 horas. A terceira acción, Crea a túa Tenda en Liña con Prestashop impartirase o martes, 23 de xullo, ás 18:00 horas. E, por último, Xestiona o teu Negocio desde o Móbil impartirase o martes 30 de xullo, ás 19:00 horas. A oficina SmartPEME de Cambados atópase no Centro ExpoSalnés, no paseo da Calzada s/n.
O programa da sede da Deputación en Pontevedra comeza con Crea unha Páxina Profesional con Wordpress, que se desenvolve este 9 de xullo a partir das 18.00 horas. O seguinte será o martes 16, cando a partir das 19.00 horas terá lugar o obradoiro Plugins de WordPress para Mellorar a túa Web. O terceiro curso será Crea a túa Tenda en liña con Prestashop, que se celebra o martes 23 de xullo, ás 18.00 horas. Por último, o martes 30, ás 18.00 horas é a quenda do curso Ferramentas de Google para a Promoción de Negocios Locais.
A nova cita do mes na oficina SmartPEME de Lalín será este xoves 11 de xullo, ás 19.00 horas, en concreto o curso Mellora a túa Páxina Web e Posiciónaa en Buscadores. O martes 16, ás 17.00 horas, levarase a cabo o obradoiro Motores de Reservas para Empresas Turísticas. A seguinte cita será o xoves 18, cando a partir das 19.00 horas terá lugar Mide os teus Obxectivos en RRSS: Análise de Estatísticas. O martes 23, ás 19.00 horas, é a quenda de Google Calendar, Moito máis que unha Axenda. Por último, o mércores 31, ás 19.00h chegará o obradoiro O teu Contido Efémero: Stories en Facebook e Instagram. A oficina SmartPEME de Lalín, no Viveiro de Empresas situado no Polígono Lalín 2000, atópase na parcela E deste espazo.
SmartPEME é un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das PEME e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos eidos de actuación e acada novos grupos de interese coma os emprendedores, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos. O devandito obxectivo, nas oficinas do Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas, Vigo, A Estrada e Barro, abrangue as seguintes actividades: itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as PEME e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.
O Parlamento de Galicia deu onte o visto e prace á Lei da Administración Dixital de Galicia (LEDIXGA), o marco xurídico para consolidar unha administración integramente dixital e universalizar o seu uso e acceso a toda a cidadanía. Complétase así o trámite parlamentario, tras o período de exposición pública e tras ser aprobada na mesa de persoal da Xunta co voto unánime de todas as organizacións sindicais.
A lei adapta á realidade do sector público autonómico as obrigas das leis estatais 39 e 40/2015 e aséntase en tres principios; só unha vez, evitando reclamar datos que xa obran en poder da Administración; a proactividade, empregar a información que a Administración ten do cidadán para prestar servizos personalizados e adiantarse ás súas necesidades; e a automatización dos procesos para conseguir unha xestión máis eficiente.
Entre as principais novidades da Lei está a transformación das actuais oficinas de Rexistro en espazos de asesoramento e apoio, nos que prestará asistencia aos cidadáns na xestións online coa Administración, tanto na presentación de escritos e solicitudes como na tramitación da identificación dixital ou na formalización de apoderamentos de representación.
Nesta liña, a Lei tamén establece a posta en marcha da figura do funcionario habilitado, que posibilitará que unha persoa autorizada ou un funcionario poda realizar trámites telemáticos en nome doutra persoa.
A lei consolida a sede electrónica da Xunta como o punto de acceso único, sinxelo e accesible na rede a calquera recurso ou servizo da Administración. A lei dá especial relevancia a carpeta do cidadán, na que poden xestionar online toda a información referente aos seus trámites administrativos e consultar o estado dos mesmos con todas as garantías de seguridade. Baseándose nesta información a Administración poderá prestar servizos personalizados e proactivos, evitando reclamar a petición daquela documentación que xa consta na carpeta do cidadán.
En relación coa tramitación online, un dos primeiros desenvolvementos normativos desta Lei será a tramitación do Decreto de ampliación automática de prazos, que garantirá a ampliación do prazo daqueles procedementos que se vexan afectados por unha incidencia técnica durante a súa xestión.
A norma define, por primeira vez, a creación dun marco galego de competencias dixitais, tomando como referencia o marco común da Comisión Europea nesta materia, para que os cidadáns poidan acreditar os seus coñecementos dixitais e mellorar as súas competencias profesionais. Ademais, promoverase a inclusión dixital con actuacións de formación en función do nivel (alfabetización, capacitación e innovación dixital), na que a Rede de Aulas CeMIT constituirá un instrumento de apoio importante.
Así mesmo, a lei contempla a definición dun Plan de capacitación dixital do empregado público dirixido a todas as persoas que traballan nas administracións públicas galegas e que permitirá acadar o certificado galego de competencias dixitais.
Senta as bases para o desenvolvemento do posto de traballo dixital do empregado público, coa dotación de medios para a realización do desempeño no novo contexto dixital, acceso remoto ou teletraballo, mobilidade, que deberá permitir: o uso de escritorios e aplicacións corporativas en calquera dispositivo e lugar; o emprego de terminais ou dispositivos adaptados aos perfís dos empregados públicos; e posibilitar contornas de traballo colaborativas e a creación de redes de usuarios con actividades comúns.
A lei regula o Arquivo Electrónico Administrativo como o elemento que albergará todos os expedientes do sector público autonómico en tramitación e os finalizados e a plataforma de interoperabilidade pasaXe! como o nodo para o intercambio de datos e documentos entre administracións públicas.
Entre as novidades que incorpora a lei está a configuración dixital de procedementos administrativos e servizos para que teñan un funcionamento plenamente electrónico e ofrecer aos cidadáns uns servizos homoxéneos, personalizados e fáciles de utilizar. As directrices, de obrigado cumprimento, recóllense nas Guías para a habilitación electrónica de procedementos e servizos.
Establece que o Centro de Proceso de Datos (CPDI) e a rede corporativa da Xunta constitúen a infraestrutura dixital básica necesaria para dar soporte á administración dixital, que deberán asegurar a prestación de todos os servizos dixitais a nivel de posto de traballo.
A Lei establece que a Xunta disporá dun Plan de continuidade dos servizos dixitais, que determinará os requisitos de seguridade, calidade e continuidade, as accións preventivas, correctivas e reactivas e o establecemento de responsabilidades que permitan garantir a dispoñibilidade dos servizos dixitais.
Para facilitar o seguimento dos avances na dixitalización e o seu impacto tanto no funcionamento interno como na relación cos cidadáns a norma contempla a creación dun sistema de indicadores da administración dixital. A análise da información que proporcione o sistema, xa en marcha, permitirá introducir melloras na implantación dos servizos.
Ademais, aposta pola potenciación do Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización Tecnolóxica de Galicia como órgano asesor dixital para a extensión da modernización tecnolóxica da Comunidade Autónoma de Galicia.
Unha aplicación para mellorar os comedores sociais, outra para detectar e frear as noticias falsas e unha terceira para mellorar a evacuación de persoas en edificios ante situacións de emerxencia foron as gañadoras da sétima edición do HackForGood2019, o hackaton para desenvolver solucións tecnolóxicas para un mundo mellor que organiza a Rede de Cátedras de Telefónica .
Cáceres, Cidade Real, As Palmas de Gran Canaria, Madrid, Murcia, Salamanca, Sevilla, Valencia, Valladolid e Vigo foron as cidades elixidas para acoller aos máis de 600 estudantes e 16 universidades que participaron na edición 2019. Nesta ocasión repartíronse máis de 48.000 euros en premios nas súas tres modalidades: locais, nacionais e Big Day. Os tres gañadores absolutos nacionais foron os equipos YUMI de Madrid, VUI Makers de Valencia e Sevilla 4 de Sevilla.
O equipo YUMI de Madrid foi o gañador desta edición co primeiro premio pola súa aplicación para mellorar os comedores sociais que será de gran axuda tanto aos centos de voluntarios de toda España que desexan colaborar con Ong como a entidades que xestionan comedores sociais para os colectivos máis vulnerables da sociedade.
O segundo premio correspondeu ao equipo VUI Makers de Valencia por desenvolver unha aplicación para detectar e frear as "fake news" grazas a un controlador e unha App para filtrar noticias.
En canto ao terceiro premio, asignouse ao equipo Sevilla 4 grazas a unha aplicación que serve para mellorar a evacuación de persoas en edificios ante situacións de emerxencia. O máis novo é que o fai por medio de paneis LED dinámicos (varían a sinalización) e unha rede de sensores comunicados por wifi e outros sistemas auxiliares. Así pódese xestionar unha evacuación que garanta a seguridade das persoas moito mellor que cos sistemas de sinalización fixa.
Ademais, o Premio de Innovación Sustentable de Telefónica foi para o equipo BiCAReful de Vigo por desenvolver un "hack para emerxencias" orientado a resolver o problema de posibles esquecementos en vehículos de nenos ou mascotas. Esta aplicación permite medir a temperatura interior do vehículo e avisar ao propietario ou ao 112, se o primeiro non responde, para que actúen.
En canto ao premio Blockchain For Good, o Centro de Competencia de Blockchain propuxo varios retos aos hackers participantes sobre economía circular e tokenización; identidade soberana e trazabilidade. O gañador deste premio foi o equipo Atlas de Madrid coa creación dun sistema de identidade dixital baseada en blockchain e biometría para refuxiados internacionais.
Na entrega de premios, o responsable de Relacións con Universidades e Cátedras Telefónica, Alejandro Chinchilla, destacou que "España xa é o cuarto destino europeo para o talento tecnolóxico, consolidándose como o segundo país da UE en atracción de emprendedores internacionais para lanzar novas compañías. HackForGood supuxo o trampolín de saída para moitas start-ups nos seus sete anos de historia".
O Concello de Boqueixón entregou os diplomas dos cursos de informática para maiores a unha trintena de veciñas e veciños. No acto participou o alcalde, Manuel Fernández Munín, que presidiu a entrega de acreditacións. Esta acción formativa foi impulsada polo Departamento de Educación e Cultura do Concello de Boqueixón e contou, en palabras dos organizadores, “cunha excelente acollida por parte da trintena de participantes, que amosaron a súa vontade de seguir ampliando coñecementos nesta materia”.
As sesións desenvolvéronse nas instalacións da aula de usos múltiples do Concello de Boqueixón. O alumnado dividiuse en tres grupos, nos que se impartiron nocións básicas sobre informática. Entre os coñecementos adquiridos durante os 3 meses de clases (20 horas lectivas) atopáronse os seguintes contidos: compoñentes dun equipo informático, sistema operativo (escritorio, barra de tarefas, iconas e cartafoles), Internet, navegadores e buscadores, tratamento de datos (como almacenalos con seguridade), correo electrónico, uso das novas tecnoloxías no fogar (novas, a web do Concello, cita previa do SERGAS, compras online, etc).
O proxecto Millennials da Deputación de Pontevedra está a levar a formación tecnolóxica aos concellos da provincia, poñendo o foco nas novas xeracións e nas potencialidades de empregabilidade e formación das TIC. Millennials, que se enmarca no convenio de colaboración coa Escola de Organización Industrial (Programa Operativo de Garantía Xuvenil), achega accións formativas e asesoramento de balde para mozas e mozos de idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos.
Desenvólvese en Ponteareas (programación web con software libre), en Pontevedra (creación e xestión de tendas en liña, mercadotecnia dixital, fidelización), en Vigo (deseño e prototipado rápido mediante impresión 3D e mecanizado, creación de contidos dixitais, creación de aplicacións móbiles, organización e xestión da produción, xestión de empresas turísticas) e en Vilagarcía de Arousa (especialista en turismo activo e actividades no medio natural).
A Concellería de Mocidade de Ponteareas que dirixe Miguel Bouzó informa que xa esta aberto o prazo de inscrición para a acción formativa Programación web con software libre. Web development bootcamp. O curso, de 316 horas, realizarase no Centro de Desenvolvemento Local (CDL) na aula de informática entre o 17 de xullo e o 17 de outubro en horario de 9 a 14 horas. Miguel Bouzó explica que esta formación permitirá ás mozas e aos mozos mellorar a súa empregabilidade para acceder ao mercado laboral e recibir formación e asesoramento gratuíto.